jueves, septiembre 06, 2012

Óscar Fernández Refoxo, patriarca da bonhomía


Colleume tomando polbo á moda da Ilha Terceira nos Açores. Eran as nove da noite (11 en Galicia) do 25 de agosto cando Cristina me chamou para dicirme que morreu Óscar Fernandez Refoxo, avogado e bo amigo da Compostela inmorrente dos picheleiros. Foi coma un “mau tempo no canal”, que diría o gran escritor terceirense Vitorino Nemésio, o que me apretou o corazón.
Óscar era moito máis ca un excelente avogado e un bo militante nacionalista galego. O presidente da Asociación Cultural O Galo de Santiago era, sobre todo, un patriarca da bonhomía e da concordia. Un vello mariñeiro de terra adentro que remaba sempre a favor do vento que tiraba cara á liberdade e a confraternidade. O seu despacho de avogados sempre estivo aberto a todas as persoas, con recursos ou sen eles, que precisaron de asistencia legal nos anos da longa noite de pedra e nos da democracia sempre aterecida na que aínda andamos.
Refoxo e máis eu tiñámonos prometido facer xuntos unha peregrinaxe á festa andaluza do Rocío, á que tantas veces el acudiu con puntualidade case anual. Xa non podemos facela. Óscar, por vontade propia e da súa familia, fóisenos sen despedirnos. Sen afagos nen pompas fúnebres. El que o merecía tanto como o primeiro. Ata sempre, Óscar. Seguirei tomando sempre un viño contigo no María Castaña.

No hay comentarios: