miércoles, septiembre 12, 2012

Precisamos de Castelao


Non ten por que ser un tema central da próxima campaña electoral, pero algunha vez os dirixentes políticos galegos –particularmente os da esquerda– terán que plantexar o noso futuro europeo dende termos realistas e comprometidos. Xa non abonda con mantermos un pragmatismo de ida e volta que se empeñe en persistir na idea contumaz de que fóra de Europa e do euro do capital non hai vida.
Xente coma Beiras, coma Iolanda Díaz e coma todos os líderes que vaian aparecendo neste novo acordar de Galicia, terán que abordar o problema dende posicións radicalmente diferentes. En Francia, Daniel Cohn-Bendit –aquel emblemático líder de cando as praias estaban debaixo das laxes, hoxe reconvertido ao pragmatismo máis de usar e tirar– di que hai que “continuar e avanzar, na grande bricolaxe de compromiso, de crises, textos e circunstancias e na imperfección dos medios cos que se conta a respecto da finalidade do proxecto”, segundo lembra hoxe Nicolas Demorand en Libération.
Pola contra, para Jean-Luc Mélenchon –o rostro enragé da esquerda francesa– todo vai cada vez pior: déficit democrático na Unión Europea, política económica moi alonxada da realidade social, abandonos de soberanías que se deixan nas mans de poderes que non son elixidos, etc.
Cómprenos salientar que, se todo isto é visto así dende a Francia de François Hollande, a realidade que se pode observar dende España –e xa non digamos dende o Portugal actual– é moito máis dramática e preocupante. Como tamén escribe hoxe Demorand, “a vida e unha parte do destino dos estados-membros están inexorabelmente xunguidas á Unión, e este estado de feito esgaza tanto á esquerda francesa como as dereitas europeas”, argumento que se pode extender ás esquerdas e ás dereitas españolas. E non digamos ás galegas.
Os galegos, ademais, debemos estar ao axeso do que anda a pasar en Cataluña, país no que seguramente xa nada volverá a ser igual ca antes por moito que cacarexen determinados elementos do nacionalismo español que aínda fondean no franquismo. Estamos diante de varios desafíos que xan non abonda con seren debatidos dende o seguidismo acomodaticio de Xosé Luís Barreiro ou dende o “chambonismo” dogmático de Francisco Rodríguez. Ou se abre unha nova maneira de ollar o que nos está pasando ou ficaremos como estamos para irmos cada vez a pior. Precisamos máis ca nunca dun Castelao, e se cadra Beiras pode selo. E, pola parte de Esquerda Unida, deberían canto antes tirar do seu sono a mentes tan preclaras coomo a de Xesús Alonso Montero, por exemplo. Oxalá que este camiño sexa andado pronto.

No hay comentarios: