domingo, julio 22, 2012

A clandestinidade do BCE


No Gabinete de Rajoy tiña que haber polo menos un ministro co que se puidese concordar en algo algunha vez, e é o de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, cando di que “o Banco Cntral Europeo é un banco clandestino que non está facendo nada para parar o incendio da débeda pública”. Por se houbese dúbidas, o presidente desta entidade avisou ao primeiro ministro español de que non se moverá un dedo para salvar a España. “O BCE non está para resolver os problemas financeiros dos Estados”, manifestou Mario Draghi.
E para que estará, logo, unha institución que ten un capital de 10.600 millóns de euros que lle foron aportados por todos os contribuíntes europeos? O 20 por cento deles, por Alemania; un 70 por cento polos 17 países que se apegaron ao euro, e 10 países máis que aportaron a porcentaxe que faltaba. Empezaron con 5.800 millóns de euros e, a finais do ano pasado, decidiron aumentar ese capital ata chegar a 10.600 millón cando remate o 2012.
O que pasa é que, efectivamente, o BCE non está para salvar a ninguén senón para facer negocio. Préstalles cartos aos bancos, non aos Estados. De maio a decembro do 2010, por exemplo, 72.000 millóns de euros a un conxunto de bancos a un interese do un por cento, e eses bancos prestáronllos a España, Grecia, Portugal e Irlanda ao seis e ao sete por cento. Marx chamarialle a isto tirar boas plusvalías. Os bancos gañaron entre tres e catro mil millóns de euros con esas operacións. Ou sexa, negocio á custa dos pobres.
Deste xeito sucede algo realmente escandaloso como é que os propios Estados sosteñen un BCE, controlado sobre todo por Alemania, que lles facilita cartos aos países ricos entre o –1 e o tres por cento mentres que lles cobra o seis e o sete por cento aos que non teñen esa sorte: España, Grecia, Portugal, Irlanda... Sempre a desigualdade para todo.
Teñen razón os que din que o sistema financeiro transformou o mundo nun casino mundial que nos levou a ruína. Os gandes ricos, cada vez máis ricos e o resto a pagar a crise subíndonos os impostos, baixando os salarios, recortando os custos dos servizos básicos e, dentro de pouco –xa se verá– rebaixando as pensións.
O BCE non é, como di García-Margallo, un banco clandestino, que disto ten pouco. O que é é un banco coma todos os demais, especulativo e causante das desgrazas de Europa. Ata cando imos seguir así?

No hay comentarios: