Información nesgada de El Correo Gallego |
El Correo Gallego publica hoxe unha chocante información, que destaca pola súa parcialidade, na que volve a saír da cova a serpe de verán do preocupante proxecto de instalar en Trasmiras (Ourense) unha base de Unmanned Aircraft (avións non tripulados que son utilizados con fins militares e de espionaxe). Con gran titular a catro columnas e dúas páxinas enteiras de texto e fotografía, o xornal da rúa do Preguntoiro proclama que “España só ten que investir 1,5 millóns ao ano en activar a base de Trasmiras e crearía 800 postos de traballo”.
Engade que “Estados Unidos e a OTAN consideran que é un lugar idóneo pra ubicar a planta de avións non tripulados, a única que foi deseñada seguindo os pregos técnicos do construtor dos aparatos”, e que “Defensa, por recortes económicos, renunciou a ser un socio preferente no proxecto AGS (Allied Ground Suveillance)”. Tamén indica o xornal citado que “Northorp Grumman (a empresa armamentística estadounidense interesada neste proxecto) cedería gratis ao Exército do Aire tres avións espías Global Hawk”.
Xa estamos outra vez como cando nos quixeron impor unha central nuclear en Xove ou unha planta de celulosa á beira da cidade das Burgas. Lémbrase alguén do que foi aquilo? Porque o de novo cacareado proxecto de avións sen tripulación en Trasmiras é calquera cousa menos algo “inocente”. Para empezar, responde a un enorme “business” da industria militar norteamericana na que gobernos e organismos internacionais de Europa e de outros lugares están mostrándose incapaces e impotentes de facerlle fronte ás enormes presións dos fabricantes destes avións. Nos próximos dez anos, os gastos anuais en sistemas de aviación sen piloto medrarán de 6,6 a 11,4 billóns de dólares e está prevista unha expasión do negocio tamén ao ámbito civil. Só no tocante ás tipoloxías do Global Hawk, o MQ-9 Reaper e o MQ-1 Predator, o Pentágono quere pasar dos actuais 340 destes aparatos a 650 no ano 2021. Cada un deles custa entre 50 e 340 millóns de dólares.
Pero o máis preocupante non é que a Galicia cheguen os flecos deste inmenso negocio da armas. O realmente grave é que os que defenden a instalación dunha base de avións espías en Trasmiras (a 49 quiómetros por estrada de Ourense, a 144 de Vigo e a 149 de Santiago) esconden ou ignoran que o funcionamento dos actuais Unmanned Aircraft está gravemente por debaixo do resto da aviación no tocante á seguridade. Aló os de Trasmiras se lles parece que lles vai caer o maná con este proxecto, pero unha viaxe a Sicilia para indagaren o que pensan os habitantes de Sigonella ou de Niscemi seguramente lles serviría para non durmiren moi tranquilos unha tempada. Sei do que falo porque eu fixen esa viaxe.
Global Hawk en Sigonella (Sicilia) |
Coñecedores do tema de diversos países coinciden en que os vehículos aéreos telecomandados representan un risco insostíbel para o tráfico civil e para as persoas residentes na veciñanza da escalas utilizadas para as manobras de despegue e aterrizaxe dos avións sen piloto. Nos Estados Unidos a taxa de incidentes destes aparatos é notabelmente superior á que respresentan as aviacións xeral e comercial, segundo constata a propia Federal Aviation Administration. O 15 de xullo de 2010, durante unha audiencia na Comisión para a Seguridade Pública Interna do Congreso, o presidente do citado organismo expresou unha forte perplexidade sobre unha “rápida e plena integración” do sistema sen piloto no tráfico aéreo xeral, auspiciada polo Pentágono e polo presidente Obama, con estas palabras: “Moitos dos datos que están á nosa disposición chégannos só da Customs and Border Potection (CPB), que patrulla os nosos límites, e revélannos que os ratios de incidentes dos Estados Unidos son moi grandes. Do ano fiscal 2006 ata o 13 de xullo e 2010, por exemplo, a CPB referíu uha taxa incidental grave do 52,7 por cada 100.000 horas de vó, ou sexa, arredor de sete veces máis alta ca da aviación xeral e 353 veces máis elevada ca da aviación comercial. E non se debe deixar de lado que o número de horas denunciado, 5.688, é moi baixo respecto ao que decote se vén considerando na aviación para fixar os datos sobre a seguridade e os incidentes”.
Un recente informe da maior sociedade norteamericana de análise do mercado económico e financeiro, a Bloomberg, revelou que os Global Hawk, Predator e Reaper sufriron 129 incidentes con danos causados por máis de 500.000 dólares ou coa destrucción do avión durante a súa misión, dende que os avións espías están operativos na US Air Force. “Estes tres tipos de avións (precisamente os que queren traer a Trasmiras) son os de maior taxa de incidentes de toda a área militar –indicou Bloomberg–. No seu conxunto acumularon 9,31 incidentes cada 100.000 horas de vó, tres veces máis ca os avións con piloto”. O Global Hawk, concretamente, ten unha taxa incidental do 15,16 por cada 100.000 horas de vó.
Lugi Caravita, maior da Aeronáutica italiana e autor dun bo estudio sobre este tipo de avións, publicado polo Centro Militare di Studi Stategici, sostén que “efectivamente a acumulación de incidentes dos sistemas aéreos sen piloto non é alentadora”. Segundo di, “a falta dunha capacidade madura de sense and avoid respecto ao resto do tráfico pode chegar a ser aínda máis crítica se vai asociada á vulnerabilidade ou á perda do data link entre segmento de terra e segmento de vó. En máis dunha ocasión un Predator foi perdido a cusa de interrupción de data link”.
Na propia US Air Force, o documento The US Force Remotely Piloted and Unmaned Aerial Vhicle - Strategy Vision, recoñece que “os vehículos sen piloto son sensíbeis ás condicións ambientais extremas e vulnerábeis á ameaza representada polas armas cinéticas e non cinéticas”. Pola súa parte, Eurocontrol, organismo para a seguridade do tráfico aéreo que representa a 38 estados europeos, sostén que “dado que os Global Hawk non teñen certas capacidades, como o sense and avoid, é necesario que os despegues e os aterramentos teñan lugar en espazos aéreos segregados dos niveis normalmente utilizados polos convencionais avións con piloto, mentres que as misións de cruceiro deberán ser efectuadas a unha altitude non ocupada por eles”.
En concreto, unha limitación dos avións sen piloto é a de non poderen variar a súa traxectoria de vó en sentido vertical como recurso para evitar unha colisión. Renzo Dentesano, que foi piloto da Aeronática italiana e da compañía Alitalia durante 40 anos, opina que "os Global Hawk e os Predator non están en condicións de asegurar a incolumidade do tráfico aéreo civil, non poden variar a súa traxectoria de vó en sentido vertical, subindo ou baixando de cota, como requiriría rapidamente unha situación para evitar unha colisión, e a soa variación da dirección do movemento, permanecendo na mesma altitude, podería non bastar para evitar un desatre que comprometa o tráfico civil”.
Megaantenas en Niscemi (Sicilia) |
En realidade, non é só a teoría a que pon en cuestión un porxecto como o de Trasmiras. Na práctica, os indidentes ocurridos con avións sen piloto están medrando en número e gravedade. No ceo de Afganistán, chocaron un avión sen piloto e un Airbus 320 no ano 2004 e máis recentemente, en agosto de 2011, fixérono un ARQ-7 Shadow e un transporte militar C130 estadonidense. Os Predator e os Reaper teñen certa predisposición a perderen o control e precipitárense perigosamente no chan ou no mar. En marzo de 1999, un Global Hawk da US Air Force resultou destruído en California, a 12.500 metros de altura, logo de recibir un sinal falso de “misión rematada” da base aérea de Nellis. O 11 de xuño deste ano, un Global Hawk modificado, da base aérea de Patusent River (Estados Unidos), caeu no rio Nantikoke, preto da illa de Bloodsworth.
Son datos que hai que ter en conta. Como hai que pensar que unha base coma que se planea para Trasmiras pasa a ser obxectivo militar e de espionaxe en caso de conflitos armados que puideran suceder. Se aos ourensáns lles gusta a espionaxe e a guerra fan ben en apuntarse a unha base de avións sen piloto preto das súas casas. Senón, cumpririalles irse espelindo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario