Os banqueiros de Sandro Botticelli |
Con todo o que nos está caendo enriba debido á crise, e co moi de moda que se puxo falar do Códice Calixtino, quizais non está de máis lembrar o que se di no Libro I do célebre tesouro sobre os banqueiros, causantes sen dúbida de moitos dos males que agora nos acosan. Transcribo literalmente da traducción ao galego que fixo Xosé López Díaz para Edicións A Nosa Terra:
"E que direi dos falsos banqueiros, vulgarmente chamados “cambistas”? Se doce moedas de peregrino valen dazaseis do banqueiro e aquel quere conseguilas, o banqueiro non lle dará por elas máis ca trece ou catorce por suxestión do mal pousadeiro do peregrino. Se valen vinte, daralle dezaseis ou menos se pode. Se doce moedas do cambista valen dezaseis do peregrino, non llas dará a non ser por vinte. Se valen trece, recibirá dezaseis do peregrino. Se un marco de prata pura vale trinta soldos, o cambista non lle dará por el máis ca vinte. O inxusto cambista ten distintas pesas, grandes e pequenas. Compra a prata pola de máis peso e maior tamaño e véndea pola máis lixeira e máis pequena. Loa o seu ouro, a súa prata e as súas alfaias e despreza as dos demais. Vende caro, compra barato. Se pode, engana aos demais, pero gárdase ben a si mesmo. Pesa por si mesmo na balanza que chaman “trebuqueto” as moedas, unha por unha, e vende máis cara aos demais a máis pesada ou fúndea no forno con outra prata. As moedas grandes párteas e esmágaas vergoñosamente. Ai, unha e mil veces, de quen fai estas trampas! Que máis fai este malvado? Un anel, un cáliz, un candelabro ou outra peza de bronce, se está prateada exteriormente, se pode, véndellos a un inexperto por prata de lei. Igualmente, se a peza está dourada, véndea fraudulentamente por ouro macizo. Os seus marcos de prata ou os talentos de ouro, se pode, véndeos caros por prata ou ouro contrastados, aínda que non o estean; en cambio compra baratos os doutro, aínda que estean contrastados. Se un marco ou un talento dun peregrino valen catro moedas menos do peso legal, cómpraos por doce menos. Pero se o ouro ou a prata do mesmo banqueiro son dun anel, dun vaso, dun candelabro, dun freo ou de calquera outra peza, véndeos como ouro de lei, aínda que non o sexan, e vende a peza máis cara. E se o peregrino intenta venderlle a mesma peza, non lla compra a non ser por ouro ou prata non contrastados. De maneira parecida, as pedras non preciosas moi semellantes ás preciosas, que chaman “contrafeitas”, véndellelas aos inexpertos como preciosas. Fai estas e outras cousas semellantes, pero virá sobre el o lazo infernal sen que se decate e sorprenderao a trampa que oculta e caerá no propio lazo. Tede, pois en conta, cambistas tramposos, o que de vós di o Salmista: Mentireiros son os fillos dos homes postos na balanza; engánanse todos xuntos na súa mesma vaidade (Sal. 61, 10). Estades enganados nas vosas trampas, pois as vosas obras lévanvos ao inferno. Coa mesma medida con que medides seredes medidos. Peso sobre peso, marco sobre marco, libra sobre libra están na vosa mesa. Escoitade, pois, o que vos di certo sabio: Pesas trastocadas, medidas cambiadas, ambas as dúas aborréceas o Señor (Prov. 20, 10). As vosas mesas desbaratounas un día o Señor no templo, segundo está escrito no Evanxeo: As mesas dos cambistas e os postos dos que vendían pombas desbaratounos o Señor (Mt. 21, 12)”.
Está claro que o Codex Calixtinus que roubou o electricista está cheo de sabias sentencias que aínda se poden aplicar 800 anos despois de seren escritas. Que sensación lles causará a súa lectura, por exemplo, aos que foron vítimas das “preferentes” de Bankia ou das caixas de aforro galegas?
1 comentario:
Varios banqueiros, un egrexio membro dunha casa real e varios conspicuos emresarios roubaron moitísimo maís ca o electricista da catedral e non están presos. Xustiza? Que Xustiza é a que hai? A que só e quen de meter no trullo aos de sempre.
Publicar un comentario