martes, julio 17, 2012

Quino cumpre 80 anos, con Mafalda aínda rebelde


Nado en Guaymallén (Mendoza, Arxentina) o 17 de xullo de 1932, o xenial humorista Quino, de fama internacional, acaba de cumprir 80 anos magnificamente ben levados grazas ao bo viño da súa terra de orixe. Non soubo que o seu nome de pía era Joaquín Salvador Lavado ata que empezou a ir á escola e ouviu como lle chamaban así, porque na súa casa era Quino. E como Quino pasou á historia.
A comenzos dos anos 50, empezou a súa excelente carreira de humorista gráfico nun Buenos Aires que fervía daquela nunha época dourada do comic e do humor gráfico. Publicou os seus primeiros traballos en Vea y Lea, Leoplán, TV Guía e Panorama, ata que Miguel Brascó –escritor, humorista, editor, xornalista e gran sibarita da vida arxentina– propuxo o nome de Quino para facer unha tira coa que promover os electrodomésticos Mansfield.
Nesa tira xerminou Mafalda, a súa creación máis famosa, que emocionou os lectores da miña xeneración. Publicouse nas revistas Primera Plana e 7 Días e no xornal El Mundo dende o 29 de setembro de 1964 ata o 25 de xunio de 1973. En España, no semanario TriunfoMafalda convertiuse na eterna rebelde que deu a volta ao mundo, xa que foi traducida a 15 idiomas, editada en 13 países e con ela realizáronse 104 curtametraxes de animación dirixidas polo cubano Juan Padrón. Foi así como Mafalda e os seus amigos Felipe, o galego Manolo, Susanita, Miguelito e Libertad se fixeron universais.
Logo do golpe de estado militar de 1976 en Arxentina, Quino marchou a Italia. En 1980, empezou a publicar no dominical do xornal bonarense Clarín, onde permaneceu ata o ano 2009, data na que decidiu alonxarse para “atopar algún modo de renovar o enfoque” das súas ideas” ou “polo menos novas formas” para súa liña gráfica. En todos estes anos publicáronse varios volumes recollendo as tiras de Mafalda, sobre todo en España.
Agora, ao cumprir 80 anos “como un arqueiro que non sabe por onde lle entrou a pelota”, segundo lle dixo a Roxana Badaloni, de Clarín, xa non debuxa porque a vista non llo permite. Padeceu varias operacións nos ollos por culpa dun glaucoma “perverso” e, se hai pouca luz, cústalle ver; e, se hai moita, “encandílase”. Disfruta da música, do cine e da gastronomía. Sobre todo, do viño de Mendoza, a onde regresou para o seu cumpreanos. E encántalle escoitar tangos.
Que viva moitos anos. Por certo, algúns antigos debuxos seus –como o reproducido máis enriba– están readquirindo actualidade en España.

No hay comentarios: