martes, julio 03, 2012

Apoteose futbolística


Empezo confesando que nunca fun futboleiro. En toda a miña xa longa vida, se cadra nun pisei un campo de fútbol máis de dez veces. Encontros de primeira só vin un histórico Atletic de Bilbao-Compostela, cando aquel inefábel Xosé María Caneda andaba atopándose sempre “entre la espalda y la pared” ou comendo “patacas minutas”, e outra vez que xugou o Deportivo da Coruña co Atlético de Madrid en Cáceres e me convidou Jesús Gil a ver o partido dende o palco, en compañía de Lendoiro. Lembro que aquela vez marcou o Depor o primeiro e único gol –coido que foi Fran– e eu saltei do asento para aplaudir. Gil tiroume da chaqueta e díxome: “Senta, a ver por quen viñéche ti aquí”.
Nen sequera pasei de cativo de darlle algúns couces a unha pelota de trapo ou a unha cabeza de nabo ou remolacha cando ía á escola de Santalla. Na miña xuventude tocoume aguantar o programa de fútbol e touradas co que o ditador Franco entretiña os seus súbditos, e non me custou traballo afiliarme á teoría de que o fútbol e as touradas eran formas de administrarlle opio ao pobo.
Porén, tratei de comprender sempre e respectar aos amadores deste deporte. Sobre todo aos que o practican ou gozan del dende a simple afección. Lin con gran satisfacción as inesquecíbeis crónicas que escribía o meu amigo Cuco Cerecedo, as magníficas filosofías de Vázquez Montalbán ou a literatura futbolística de Alfonso Eiré, o meu amigo Pucheiro.
Pola contra, sigo tendo moita precaución a respecto do que é o fútbol como gran espectáculo que se convertiu nun dos grandes negocios máis opacos, contraditorios e especuladores que funcionan no actual capitalismo neoliberal. Resúltame absolutamente rechazábel a existencia de grandes cracks que cobran millonadas e evaden insolidiariamente todos os impostos que poden, ou que dan pé a aberrantes comportamentos sociais que son calquera cousa menos un modelo a seguir. Todo isto non me impide admirar enormemente a Messi, non tanto pero moito a Ronaldo ou empezar a estar atento á traxectoria do italiano Balotelli.
Esta reflexión vén a conto de que o xornal La Voz de Galicia tenme algo confuso estes días. Xa non sei se é unha edición feita na Coruña dos centralistas As e Marca ou teño que seguir léndoo como o mellor periódico xeneralista de Galicia. Nos últimos dous días dedicoulle un total de 34 das súas mellores páxinas, portadas e un caderno de poucas follas incluídos, ao despampanante triunfo da selección española. Non digo que se cadra non sexa para tanto, pero a min chócame.
Como me choca a semántica despregada por este xornal e por case todos os demais. Sobre todo, os que coxean do pé dereito. Titulares como “Somos lenda”, "Apoteose”, “Unha España inmortal”, etc. Volvería Colón a descubrir América? Algún Fleming de Badajoz inventou outra penicilina? Unha Madame Curie de Coirós de Arriba está manipulando outra vez a pechblenda? Se non fose porque hoxe La Voz de Galicia tamén publica unha entrevista con Paul Krugman –cousa de agradecer, dende logo– empezaría a buscarlles respostas a estas preguntas.

No hay comentarios: