Monte Olivia |
Non sei por que, un día destes pola mañá, deume por pensar nun dos sete irmáns que tivo o meu pai –xa están todos mortos, o meu proxenitor tamén– e ao que nunca tiven ocasión de velo nin, polo tanto, de saber case nada del. Emigrou a Buenos Aires antes da guerra civil, e nunca máis volveu. Cada unha das dez ou doce veces que viaxei á capital arxentina, cando ía comer pasta ao Banchero da rúa Corrientes ou carne a La Estancia de Lavalle, sempre pensaba en que sería dese parente meu ou da súa descendencia. Unha desas veces, que fun con Alexandro Diéguez visitar o cemiterio de La Chacarita, pareime diante dun panteón de mármol escuro que só tiña unha lenda moi sinxela: Familia Conde. Non creo que fose aquel o destino final do meu parente arxentino.
Panteón en La Chacarita |
Chócame a min mesmo que eu saiba agora máis do barco que transportou o meu parente emigrante a Arxentina, que da súa propia vida. Un fenómeno que, por outra parte, sei que non é moi orixinal en Galicia. E todo isto venme in mente no crucial momento que estamos a vivir en España, pois os nosos mozos e mozas volven a emigrar. O número de persoas que residen no estranxeiro aumentou un 8,2 por cento só nun ano. Segundo o Instituto Nacional de Estadística, nos primeiros tres meses deste ano, emigraron 14.108 españois. Un 30,4 por cento máis ca no mesmo período do 2010. Cantas historias coma do meu tío volverán a repetirse?
2 comentarios:
Ola, hai unha páxina bastante interesante que é do Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos (cemla.com), e na que se poden consultar case todas as chegadas de inmigrantes a Buenos Aires. Facendo unha busca por nome, temos que Laureano Conde Martínez chegou a Buenos Aires o 09/01/1932 no barco citado. Era de Lugo, solteiro, labrador, católico, de Lugo, e tiña 33 anos no momento da chegada.
Saúdos
Grazas, Pablo, pola información.
Publicar un comentario