Xa sei que se trata dunha imposición da Comisión Europea, que considera os eBoocks “servizos prestados por medios electrónicos”, pero Francia e Luxemburgo aínda siguen aplicando a estes produtos IVEs do 7 e do 3 por cento, respectivamente, a pesar de que están sendo ameazados con procedementos de sanción.
Realmente polo camiño de aplicar un IVE regular (21 por cento) aos libros electrónicos pode propiciarse que sexa o Estado o que cobre máis co propio autor pola comercialización das súas obras. Se na edición impresa os escritores veñen a cobrar entre un 8 e un 10 por cento do que paga o lector por cada libro, é certo que esta porcentaxe acostuma ser maior cando se trata de edición electrónica e pode mesmo chegar ata o 50 por cento, pero non todos os autores son Mario Vargas Llosa, Tom Wolfe ou Gay Talese para impor un bo contrato.
Na aplicación dun imposto tan directo e universal como é o IVE a tesoirada de Rajoy resulta alarmantemente inxusta en varios aspectos, e non é o menor deles o de que os herdeiros de Amancio Ortega, por exemplo, paguen o mesmo polo seu enterro, cando morra, que oxalá tarde moito, cos dun obreiro mileurista ou os dun desocupado. A fin de contas, enterrar os mortos é un deber para todos. Non é o mesmo que comprar un Mercedes, en vez dun utilitario; ou alimentarse con solombo de boi ou caviar, no canto de facelo con leite e cachelos limpos. Pero, claro, nin Mariano Rajoy, nin Cristóbal Montoro, nin Luís de Guindos, nin Marta Fernández Currás –por citar unha galega responsábel dos nosos acosos fiscais– almorzan, xantan e cean só patacas con cachelos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario