jueves, diciembre 20, 2007

Se este é o mundo que eu fixen...


Cóntanme dun ex político vigués, recentemente reconvertido en manager empresarial, que anda presumindo de que na súa empresa “agora a idade media dos traballadoras anda polos trinta anos”. Iso, a dos traballadores porque o que é a del parece andar pola Idade Media con maiúsculas.
Debe ser da escola de Xulio Fernández Gayoso, tamén de Vigo, que antes de traspasar a dirección xeral que desempeñou de 1965 a 2006 atouno todo ben atado para ocupar a presidencia de Caixanova. Escribíu Castelao que os vellos non deben namorarse, pero esquenceu dicir que tampouco teñen que xubilarse cando pertenecen ao privilexiado limbo dos PDG (président directeur général), que é como din os franceses.
As xubilacións, mesmo anticipadas e con cargo compartido polos contribuíntes, só se aplican aos do común. De que lles val un mozo de corda que coxea, un administrativo que tose demasiado ou unha dependenta –coido que agora lles chaman comerciais– que, en vez de “canalillo”, o que ten no peito é unha estepa rusa? “Fóra, bérranlle, queremos carne nova!”.
Así andamos. A Beiras, que era o noso Camus, o noso Sartre e o noso Olof Palme con pingas de Tierno Galván, mandouno para a Reboraina un enfermeiro ourensán que se empeñou en ser o Adolfo Suárez do BNG. Isaac Díaz Pardo di que llas están facendo gordas os seus Brutos particulares. Se Deus non fose tamén un xubilado e dera unha volta por este país, volvería a ler a Curros e repetiría a petición de que o levase o demo.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Precise, Don Perfeuto, precise: A.T.S., e non enfermeiro.
Por certo, non será vostede un apaixoado da "titulitis"?. E non mo tome a mal

Anónimo dijo...

Nin llo tomo a mal nin son apaixoado de nada que non sexa o que me desperte paixón, que non é precisamente a titulitis. Sobre ATS ou enfermeiro, etc. Mire, eu voulle pola vella, Magister, mestre, maestro, teacher, maître, para min, sonlle palabras de moita enxundia e tradizón que non vexo representadas nas perífrases tecnicístico-administrativas que foron implantando sucesivos e cada vez piores planos de reformas laborais e administrativas. Podo pasar por substutuír o de "criadas", polo que tiña a palabra de clasismo case medieval, pero tampouco conformo con que fose substituída por esa rechamante denominación de asistenta non sei que do fogar.
Que quere que lle diga? Enfermeiro(a) é unha palabra moi concreta que define o oficio que se ocupa das enfermidades, cousa que tamén é o médico, por certo. Asistente técnico sanitario non deixa de ser unha estúpida redundancia. Asistente? Pois claro. Só faltaría que non asistira, Técnico? Pois tamén. Imaxina vostede a alguén asistindo doentes sen ni sequera saber poñer unha inxección por moi subcutánea que sexa? Sanitario? En tratándose de sanar, que outro adxectivo podería corresponderlle?
En resume, que enfermeiro(a), palabra excelente que eu aprendín de cativo, segue parecéndome manificamente utilizábel e por iso a reivindco. Se alguén se sente humillado por non recibir a rimbombancia de chamarlle ATS, alá el. Ou ela.

Anónimo dijo...

Don Perfeuto xa lle dixen que non mo tomara a mal. Despois da súa resposta non teñoa nada máis que engadir. Seguindo cos "por certo", dicíallo porque eu sonlle da Ziralla e, cando o Comandante Quin traballaba no Sergas o uso era o de enfermeiro.
Saúdos.