jueves, noviembre 06, 2014

Policía local


Periódicamente saltan aos medios de comunicación algunhas noticias inquietantes relacionadas co proceder e co comportamento das chamadas policías locais. Aí está o caso do Concello de Poio (Pontevedra), non precisamente rexido polo PP senón polo BNG precisamente, no que deron moito que falar algunas multas de tráfico impostas por gardas municipais, por exemplo. Ou, anterior e repetidamente, algúns episodios máis inquietantes aínda protagonizados por gardas do mesmo corpo no Concello de Vigo, rexido polo PSOE.
Que está a pasar no interior dalgúns destes aparatos de policía que foron cada vez acadando maior protagonismo nos últimos anos? Para empezar, que se foron configurando e implantando cada vez máis lonxe do que probabelmente terían que ser estes corpos de sguridade local ao servizo  da cidadanía. Quizais algo alonxados da vella idea francesa de “gardiens de la paix”, os municipais do noso tempo foron constituíndose como corpos excesivamente autónomos de “xerifatos”, postos ás veces ao servizo de determinados intereses non sempre debidamente controlodos que puideron dar lugar, en casos circunstanciais, a comportamentos e resultados non totalmente desexabéis.
E logo está o terríbel impacto da crise económica que orixinou un inocultábel uso desta forza policial como axencia recaudatoria dificilmente comprensíbel para unha boa parte da cidadanía. Está ben que cada Concello poña algún ou a todos os seus gardas a multar polas infraccións de tránsito, pero como se explica que algún destes gardas municipais impoña unha multa de 200 euros –con resta de tres pontos no carnet de conducir– por non levar o cinto posto a un condutor que acaba de ver saír do aparcamento do supermercado X e que se dirixe ao supermercado Y, situado a escasos 50 metros de percorrido por unha rúa pola que a penas pasan 10 coches cada 5 minutos? E isto é algo que está pasando en varias vilas de Galicia.
Onde fica, por outra banda, aquel vello principio dos “gardas da paz” de facer respectar a orde pública, garantir a protección das persoas e dos bens, asegurar o rol da seguridade e da disuasión e axudar á protección da asistencia ás persoas? E non digo que todos e cada un destes principios non estean a cumprirse como norma xeral, senón que insisto en que unha policía de absoluta cercanía debería ser máis do “terroir” por dicilo en termos de viticultura.
Seguramente o que pasa é que a maioría dos alcaldes e dos poderes locais equivócanse nas súas políticas copiando, un detrás do outro, a idea dunha seguridade local estandarizada sobre ideas elementalísimas, unicamente baseadas no concepto represivo e recaudatorio e non no que debería ser exclusivo fin de servir á cidadanía que cada catro anos lles otorga ou lles retira o poder gobernar. A moitos destes alcaldes e concelleiros delegados de seguridade –cargos para os que os partidos políticos non acostuman designar case nunca os militantes que máis se distinguen no dereitohumanismo precisamente– haberá que empezar a lembrarlles as funestas orixes que tiveron as policías locais en España, para ver se fuxen delas como do demo.
Mediando o século XIX mandaba en España a parte máis moderada do liberalismo e eran cada vez máis os republicanos en Barcelona. Par combater esta situción, o Goberno decidiu botar man dunha guerra sucia que custou moitas vidas. En 1848, Manel Gibert organizou a Comisaría Especial de Vixianza de Barcelona, que tiña unha sección de rondas nocturnas dirixida polo comisario Ramón Serra i Monclús, unha patrulla integrada por 20 axentes que pronto foi ampliada a 30 polo marqués do Duero, todos directamente dependentes do goberno militar. Xa daquela tiñan unha asignación económica moi ben dotada, 126.000 reais, e só en dous anos, de 1848 a 1850, practicaron 1.500 detencións. As torturas e as palizas proliferaron dende o primeiro momento, e nos cárceres non cabían os presos políticos, que foron deportados a América en moitos casos.
Esta banda de policías-delincuentes tardou pouco en ser bautizada como a “Ronda de Tarrés”, en honra dun sanguinario axudante que tiña Serra i Monclús, o axente Jeroni Tarrés, un auténtico asasino reincidente, ladrón habitual, proxeneta e confidente da Policía, ao que se lle encargou reclutar un grupo de criminais dispostos a todo polos cartos.
Con total impunidade e carta branca das autoridades, Tarrés e o seu grupo patrullaban de noite as rúas de Barcelona mallando no lombo dos obreiros. Entre bastonazos e patadas, chegada a madrugada, detiñan a xente e reventaban os actos políticos dos rivais. En 1851 houbo eleccións xerais e, por peimeira vez os republicanos lograron deputados. Entre os seus principais partidarios estaba Francisco de Paula Cuello, un mozo xornalista de 27 anos, colaborador de Abdó Terrades, un distinguido federalista da época e director do xornal El Republicano. Na noite de San Xoán dese ano, Paula Cuello saiu con varios amigos celebrar a verbena e cruzáronse con homes armados con bastóns na esquina das rúas Sant Pere mes Alt e Basses de San Pere. Os descoñecidos pecháronllelo paso e insutáronos, pero os mozos disimularon como se non oísen nada ata que, pola insistencia dos provocadores, estalou unha pelexa. Apareceron máis descoñecidos armados con navallas e o resultado foron catro rapaces feridos. Un deles, con sete puñaladas por todo o corpo, era Francisco de Paula Cuello, que morreu pouco despois na súa casa da rúa Unió.
Segundo conta Conrad Roure, un xornalista acatalán do século XIX, o enterro desta vítima foi o máis multitudinario de todos os que tiveron lugar na Barcelona da época. A xente tardou pouco en identificar os agresores e saíu a protestar o día do enterro botando frores e cantando a Marsellesa. A comitiva fúnebre tardou dúas horas en chegar ao cemiterio, e aquel crime abriu o primeiro xuízo contra a “Ronda de Tarrés”. Pere el Carrinclé, Francesc el Noi e Sureda el Gravat foron condeados a penas de dous a catro meses, pero Jeroni Tarrés tardou pouco en ser procesado polo asasinato de Francesc Tubert, el Ros d’Espolla, e condeado a 14 anos de cárcere que foi cumprindo en estabrecimentos penitenciarios de Barcelona, Tarragona e Ceuta ata que, en 1859, lle permitiron alistarse e morrer en combate formando parte do corpo de voluntarios cataláns do xeneral Prim que loitou no norte de África durante a guerra de Marrocos. Pouco antes, en 1853, a “Ronda de Tarrés” fora sustituída por unha facción da policía aínda máis segreda.
Claro está que, dende estas remotas orixes dunha policía local española aos nosos días, choveu moito e felizmente hoxe nada é totalmente igual. O que non impide que, mentres que eu escribo estas liñas, a Garda Civil tivese que retirarlle as pistolas a dous gardas auxliares da Policía Local de La Albuera (Extremadura) por utilizalas en servizos de vixianza sen estaren legalmente autorizados.

domingo, noviembre 02, 2014

Hubert de Montille


“Morramos polas ideas. De acordo, pero de morte lenta”, cantaba George Brassens. E, a ser posíbel, conforme co que un mesmo é. Máis ou menos é o que lle acaba de pasar ao gran viñateiro e avogado francés Hubert de Montille, que faleceu o sábado 1 de novembro, aos 84 anos, cando estaba comendo con varios amigos e bebendo un execelente Pommard Les Rugiens 1999 da súa afamadísima producción.
De Montille empezou sendo un avogado que coñeceu o prestixio profesional levando con brillantez a defensa dalgúns casos célebres, tradición que lle viña da súa familia, pero a súa verdadeira vocación foi a de ser un bo adegueiro. Cumpriu con creces o seu propósito desenvolvendo en Nolvay, Borgoña, o pouco que quedaba da vella herdanza familiar ata convertela no que hoxe é o prestixiosísimo Domaine de Montille. E todo isto non foi sen dificultades, xa que de entrada os bancos negáronlle todo tipo de créditos para ir comprando os terreos cos que foi agrandando a súa propiedade. De Montille foi un dos grande defensores e creadores do concepto “terroir” para o cultivo e producción de viños de gran calidade. Era un dos grandes do viño francés, que equivale a dicir do mundo, e probablemente acaba de morrer como a el gustaría facelo: comendo cos seus e bebendo un dos seus mellores viños. Así (non) morre calquera.

viernes, octubre 10, 2014

Xa está ben


Vaia por diante que eu si que defendo, sen ningún lugar para a dúbida, a idea de que España debería ter a obrigación de favorecer e executar o dereito dos seus nacionais que desexen volver ao seu país cando se ven afectados por unha enfermidade tan terríbel como é a do virus Ébola. Mesmo me gustaría que ese dereito se extendese a todos os nacionais que desexen voltar, sen máis, cando carezan de medios propios para efectuaren pola súa conta ese regreso. Un Estado ou un Goberno que non leven ata ese extremo a protección da súa cidadanía non son dignos de utilizaren a palabra xustiza con pleno sentido.
Comprendo, polo tanto e ata certo ponto, as palabras que acaba de pronunciar a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz, no momento de facerse cargo da dirección do comité especial para a xestión do Ébola, a pesar de que a frase que utilizou dificilmente resiste unha mínima análise do uso preposicional: “España tiene una obligación para con sus nacionales, que tienen derecho a volver a su país”.
Pois claro que teñen ese dereito e seguro que o tiñan, dende logo, os dous relixiosos que foron transportados a Madrid mediante medidas espectaculares, máis propias da rodaxe dunha película de Hollywood que dunha eficaz operación sanitaria levada a cabo por un Estado que non tén a capital en Washington nin en Moscú. Pero onde quedou o dereito doutros connacionais a seren igualmente trasladados seguindo a vontade mostrada por eles? Por exemplo, o da monxa Paciencia que agora está axudando a tratar afectados pola infección.
Está claro que o goberno de Madrid de entrada só plantexou a execución dunha operación de propaganda que lles fixo protagonizar a dous relixiosos que entregaron as súas vidas loitando pola saúde dos condeados da terra africana. Ao executivo de Rajoy éralle doado levar a cabo unha acción así, que sen dúbida lle podía reportar réditos políticos entre a súa clientela conservadora. Lucía ben botar a casa pola ventá para traer a España dous santos varóns da relixiosidade nacional. Pero ademais que? Ademais, nada. Ou case nada. Improvisación, chafullada celtíbera e irresponsabilidade como cando foi o Prestige. E o resultado foi o que está sendo. Unha enfermeira –galega– ao borde da morte e ducias de posíbeis afectados agardando con dramática ansiedade o paso dos días.
E o malo é que, se non aprenderon do Prestige, nin do Metro de Valencia, nin do Yak-42, nin están aprendendo moito de Angrois, o máis seguro é que cando haxa outra desgraza, que oxalá non se chegue a ver, volveranse a cometer os mesmos erros. Só hai unha solucción. Que o poder cambie de mans. Xa está ben.

miércoles, octubre 08, 2014

Excalibur


Excalibur, o can da enfermeira de Madrid infectada polo virus Ébola, se cadra pasa á historia como a gran metáfora da alarmante decadencia da asistencia sanitaria pública española dende que goberna o conservador Mariano Rajoy. Pretender demostrar que se fan ben as cousas sacrificando manu militari un animal, sobre o que ninguén se preocupou sequera de averiguar se era un reservorio de virus infectante, máis que honrar o nome do can –pobre princesa do Lago que lle fundiron a espada!– parece evocar momentos, intencións e comportamentos que fixeron tristemente célebre unha parte da historia de Europa.
Non salientaron por estaren á altura das circunstancias nin a instancia xudicial que se prestou a dar urxente vía libre á supresión do animal, sen pararse a argumentar se outras alternativas se poderían ter aplicado; nin a Facultade de Veterinaria de Madrid, que seguramente non soubo aproveitar a ocasión que se lle podía dar de investigar a fondo un caso teoricamente tan interesante dende o ponto de vista da ciencia e da protección da vida animal, nin os servizos da orden pública que non tiraron do caso máis oportunidade ca de de repartir estopa en Alcorcón... E xa non digamos o escandaloso comportamento público da ministra do ramo e do seu xefe de Goberno. Análise aparte merecerán tamén algunha vez os comportamentos dalgúns representantes ou compoentes da tan cacarexada “mellor sanidade pública de Europa”. Unha das leccións que nos vai dar o dramático Ébola é a de obrigarnos a repasar que nos está pasando sanitariamente.

sábado, julio 12, 2014

De iletrados e bárbaros


Aínda vai resultar que os coroneis da Real Academia Galega son todos e cada un unha especie rara de sanfranciscos de Asís que nunca rompen unha folla nin pisan unha fror. Con tal de levaren os zapatos ben lustrados son quen de roubarlle o betún a todo quisque que se atreva a facerlles algunha crítica. E parece que, no tocante a todo isto, son todos iguais, sexan de dereitas, de esquerdas ou mediopensionistas. No fondo son como os médicos que había antes, corporativistas por riba de todo.
Non hai máis ca ler as declaracións que viñeron facendo os que abriron a boca pola polémica que ocasionou a designación de Xosé Filgueira Valverde para celebrar o Día das Letras Galegas do 2015. Hainos, coma X.L. Franco Grande, que ata se atreven a examinar de cultura xeral aos “que enchen diarios, blogs e demais medios coas súas protestas e desaprobacións sobre o autor elixido”, deixándonos a todos para setembro porque, segundo el, “nin leron a importantísima obra de Xosé Fernando Filgueira Valverde, nin saben que nunca, ao longo da súa longa vida, deixou de servir á causa de Galicia, nin que, en momentos aínda difíciles, defendeu con brillantez nas Cortes franquistas o estudo da lingua galega, nin que en actos oficiais, dos que hai representación gráfica, mentres outros erguían o brazo ao xeito fascista, el mantíñao baixado...”.
Deixando de lado ou para mellor ocasión a “representación gráfica” que pode haber sobre a colaboración co franquismo e cos seus símbolos atribuíbel a Filgueira Valverde, sorprende a actitude intelectualmente belicosa destes sumos sacerdotes da nosa cultura, repartindo bulas de sabedoría e diplomas de antibarbarie. Franco Grande ata revolve no subconscente da cultura galega dicindo que Filgueira "non fixo poemas a Franco nin ás forzas represivas, como certos supostos esquerdistas”, e que “xa quixeran os que tanto barullan ter no seu haber unha pequena parte da entrega ao país e á súa cultura que el tivo”. Está claro que Franco Grande non se refire a Álvaro Cunqueiro, que non foi un suposto esquerdista nin lle escribiu poemas a Franco senón a José Antonio Primo de Rivera, nin a Gonzalo Torrente Ballester ou a Eugenio Montes. Esta malicia do señor académico vigués sabemos todos por onde tenciona ir, e non representa precisamente un carro cargado de elegancia.
En fin, que maneira máis simple de arremeter contra os que critican a designación de Filgueira chamándolles iletrados e bárbaros. Iletrado non sei, pero bárbaro seguramente será algo quen fai un uso tan primario da súa ilustración. Xa estamos chamándolles estranxeiros aos que non pensan coma nós, e iso é o que fan os nacionais das patrias excluíntes.

miércoles, julio 09, 2014

Fernando Vázquez


Nunca fun –nin vou ser– afeccionado ao fútbol, a penas pisei un campo de primeira división máis de cinco veces en toda a miña vida e aínda sigo sendo dos que pensamos que o chamado deporte rei ten máis de negocio e de opio do pobo que de deporte, pero todo isto non me priva de interesarme moito algunha vez polos grandes acontecementos futbolísticos. Procurarei, por exemplo, non perder a final deste Mundial, para a que pronostico ás sete da tarde do martes 8 un match Arxentina-Alemania a uña de gato, como non perdín a sorprendente humillación que lles perpetraron os da Merkel aos brasileiros.
E como me intereso agora especialmente pola infamante destitución que lle acaba de perpetrar a nova directiva do Deportivo da Coruña ao adestrador que lle fixo recuperar a honra de pertenecer á primeira división, Fernando Vázquez. Nin que Tino Fernández e os seus mariachis fosen todos académicos da Galega. Para unha vez que tiñan un adestrador que lles devolveu a honra deportiva e que situou o Deportivo no camiño de comportarse como un auténtico equipo galego, van eles e botan do parnaso a Castelao para substituílo por Filgueira Valverde ou se cadra por calquera Victoriano García Martí que atopen á man.
De Fernando Vázquez acaba de escribir Manuel Bragado que “saíu de Vigo pola presión dos sectores máis conservadores do celtismo, tras un ascenso contundente e unha gran temporada en primeira que levou o equipo á competición europea”, e que agora “foi destituído como adestrador do Deportivo tras outro ascenso meteórico cun equipo improvisado”. Para o director de Edicións Xerais, o cesamento coruñés “amosa o caprichoso e inmaduro comportamento dos actuais dirixentes do Deportivo, a penas outro froito do elitismo coruñés máis cavernario”.
Dificilmente se pode expresar mellor o que lle acaba de pasar a Fernando Vázquez, adestador a quen seguramente os de Tino Fernández non lle perdonaban nin sequera que falase en galego e menos aínda que se atrevese a dicir de vez en cando o que pensaba non só deportivamentente senón tamén cívica e socialmente. Vázquez, que sabe máis inglés ca Tino Fernández, para iso é profesor da materia, exprésase en galego porque é galego e porque leva na cabeza e no corazón a idea e o sentimento do que podería e debería ser un fútbol galego. E iso é o que non lle perdoan os do elitismo cavernario da Coruña. Pior para eles. Fernando, con equipo para adestrar ou sen el, sempre será unha persoa digna e respectábel, e nunca formará parte do país dos ananos.

domingo, julio 06, 2014

Academia Galega e Filgueira, polémica servida

Filgueira Valverde "vendendo" as excelencias de Celulosas de Pontevedra.

A Academia Galega é definitivamente algo sen remedio. Dá igual que a presida un galeguista, un nacionalista, un comunista ou o gaiteiro de Soutelo de Montes, coa salvedade de que se cadra ao gaiteiro de Soutelo aínda lle daba por repinicar unha muiñeira ben repinicada. Nin García Sabell, nin Paco del Riego, nin Barreiro, nin Ferrín nin agora Alonso Montero foron quen de resucitar como era preciso unha institución que leva décadas empeñada en navegar fóra da realidade e dos tempos que lle tocou vivir.
Precisamente cando no terreo político a sociedade galega e a española en xeral parecen estaren tomando conciencia cada vez máis crítica do que nos está pasando, aló vai a Academia Galega e encara a celebración do 17 de maio dedicándolle o Días das Letras Galegas a un valor seguro da cultura e da literartura galegas, pero marcada e doadamente relacionábel cun pasado recente da España máis reaccionaria e ata fascista que representou o franquismo. A Louis-Ferdinand Céline, un dos escritores máis influíntes do século XX, o Goberno francés quíxolle dedicar unha homenaxe no ano 2011, pero tivo que ser cancelada pola presión de grupos sociais que denunciaron as súas opinións antisemitas. Xosé Filgueira Valverde, o elixido pola Academia Galega, non foi acaso o noso Petain que gobernou en nome de Franco a cidade de Pontenvedra, participou nas Cortes do ditador e promoveu a imprantación dunha fábrica de celulosa na ría de Pontevedra?
Dende hai varios anos son moitos os que veñen promovendo que a Academia Galega lle dedique o Día das Letras a Ricardo Carballo Calero, proposta que sistematicamente ven caendo en saco roto por causas que cada vez son menos os que as ignoran. Que magnífica ocasión perdeu este ano a institución presidida por Alonso Montero para non meterse no fregado de Filgueira e restituirlle a Carballo a honra que, anos tras ano, lle ven sendo escapulida.
Descoñezo a responsabilidade que lle pode corresponder a Xesús Alonso Montero nesta designación que está chamada a cuestionar, unha vez máis, o controvertido papel da Real Academia Galega, pero xa me está empezando a sorprender que nas primeiras declaracións para xustificar a escolla deste ano o intelectual marxista e o cidadán comunista que con todo mérito representa o presidente da Academia Galega insista tanto na separación dos valores cívicos e políticos dos culturais e literarios. Argumentos así non deixan de sorprender en tan teimudo seguidor de Antonio Gramsci e divulgador de Gyorgy Lukács.

viernes, junio 20, 2014

O pelado de Vilanova

Martina Miser/La Voz de Galicia
En Vilanova de Arousa (Pontevedra) goberna un peculiar militante do Partido Popular, Gonzalo Durán, un político de dereitas que exerce de republicán cando non está de servizo. Segundo el opina, hai xente de dereitas que pensa, coma el, que a República é o mellor modelo de estado para España, pero que se mostra respetuosa coa Monarquía.
Menos respetuoso parece mostrarse el propio coas persoas que non coinciden coas súas ideas políticas conservadoras. “El valedor de la república no puede ser el coleta de Podemos. El sistema republicano es un sistema cabal no radical”, perorou para as páxinas de La Voz de Galicia referíndose a Pablo Iglesias, líder de Podemos. Anda que se Iglesias é o “coletas”, o rexidor de Vilanova ben podería ser alcumado de “pelado”. De ideas, polo menos.

sábado, junio 14, 2014

O de Santiago, sen ser Gomorra, é de Roberto Saviano

Definitivamente a evolución política que experimenta o Concello de Santiago está pedindo a gritos que lle apareza pronto un mago do sainete. Pero xa non abondaría coa hipotética aparición dun Carlos Arniches ou algún irmán Álvarez Quintero que paseasen polas rúas de Compostela. Tería que ser un auténtico Armando Discépolo dos nosos días o que lle puxera mollo de “grotesco criollo” á “jamás vista ni oída aventura que con más poco peligro fue acabada” no non se sabe se máis heroico que leal pazo de Raxoi.
Se todo o sucedido nos últimos tempos –cun alcalde condenado pola Xustiza, outro máis implicado, nove concelleiros tamén condenados pola Xustiza e algúns máis imputados– xa constituía unha auténtica Babilonia que podía cantar Morodo, agora a solución que lle acaban de dar á crise municipal santiaguesa Alberto Núñez Feijóo e Agustín Hernández parece talmente unha volta de rosca practicada con desparafusador de Ikea. Foise para a súa casa unha concelleira condenada por prevaricación, pois sustituímola polo seu home que debe saber pola familia o que compre facer no Concello e xa el propio é sabedor de como se desenvolveron determinadas cousas que deron precisamente lugar a varias actuacións da Xustiza. Ou impórtase de Boiro a quen xa deixou a súa voz marcada –e rexistrada– en indagacións xudiciais. E, se non abonda con todo isto, recupérase algún tarro de Chanel número 5 sen reparar na data de caducidade.
E todo porque Agustín Hernández buscou “o equipo” que considerou “mái axeitado en defensa dos intereses de Santiago"? É o que vai ser novo goberno municipal un equipo “cohexionado” e elaborado “con total liberdade” deixando dentro a un Ánxel Currás que foi o que desencadeou a crise e que pode ser precisamente agora o concelleiro con máis poder de goberno pola sinxela razón de que o seu voto pode significar o alcance da maioría nos plenos?
Realmente parecería todo de sainete, pero de sainete arxentino, grotesco crioulo, se non fora porque se cadra o que está sucedendo é máis propio do ensaio ca de calquera outro xénero literario. A triloxía Conde Roa-Anxel Currás-Agustín Hernández quizais lle quedase algo ancha a Discépolo e habería que encargarlla a Roberto Saviano.

sábado, mayo 17, 2014

Legalizar a mariguana


Era hora de que algunha forza política galega se manifestase a favor de revisar en Europa o predominio da política prohibicionista en materia de drogas, e de legalizar a distribución controlada de mariguana, como se caba de facer en Uruguai ou como xa se fixo antes nos estados norteamericanos de Whashington e Colorado e en Holanda.
Tardaron demasiados anos, quizais, os partidos e forzas políticas de Galicia en decatárense de que varias décadas de prohibicionismo aplicado sobre a distribución e consumo dalgunhas drogas non contribuiu a resolver os problemas plantexados polo narcotráfico e o consumo incontrolado senón todo o contrario ás veces. Non está mal, polo tanto, e aínda que sexa co oportunismo dunha campaña electoral tan importante como son as Europeas, que o BNG acabe de dar o paso que se debeu andar en Galicia hai moitos anos: o de propoñer que Europa revise a súa política prohibicionista e se aposte xa de inmediato por unha nova política que valore alternativas coma distribución controlada de mariguana.

martes, mayo 13, 2014

O crime de León


Moito é de temer que o crime de León acabe servindo para botarlle gasolina á fogueira do antipoliticismo que se vén desenvolvendo non só en España senón en toda Europa. Sucede, ademais, en plena campaña electoral polas Europeas e aínda non se sabe se pode ter algunha influenza no comportamento ante as urnas o 25 de maio.
Dende logo, se un repasa o que está acontecendo nos foros electrónicos dos xornais e da Internet en xeral, pode rematar póndoselle a pel de galiña ante algúns comentarios que proliferan. Está claro que é tanto o que se tén abusado dos malos usos da política, da economía e sobre todo das finanzas que poden resultar pouco sorprendentes algunhas reaccións desaforadas que se manifestan ultimamente dende diversos sectores da cidadanía, pero cumpriría que non se perdan de vista as elementais regras de convivencia e de compromiso coa xustiza e a solidariedade que debe caracterizar a toda sociedade democrática.
O crime de León terá que ser estudiado algunha vez polas súas particularísimas peculiaridades. Realmente parece, a priori, un auténtico crime de familia política no que non faltan nin algunhas caracterísicas da pior Sicilia mafiosa, pero tamén representa, se cadra, a explosión dunha España negra e violenta que pode estar aparecendo como unha das consecuencias máis graves da crise. Nótanse síntomas desta perigosa infección social ata nas estradas do país, nas que cada vez é máis frecuente atoparse con energúmenos que están dispostos a romperlle a crisma a calquera condutor que lles chame a atención porque poñan en perigo as vidas dos demais ou na intemperancia que moitas veces é doado atopar nas vías urbanas e ata nas caenllas.
Os abusos do poder, a extensión da desigualdade, o galopante empioramento das condicións de vida da imensa maioría da cidadanía probabelmente están desenvolvendo unha sociedade cabreada, frustrada e desesperada que está empezando a decatarse de que cada vez lle queda menos que perder, e está disposta a tomar a xustiza pola súa propia man. Oxalá que non vaia a máis, e que cheguemos a tempo de saber recuperar os verdadeiros valores da vida que se perderon e o exercizo libre dos dereitos e deberes dunha democarcia xusta.

viernes, abril 25, 2014

40 anos do 25 de Abril

Os lectores deste blog que queiran saber algo da comemoración do 40 aniversario do 25 de Abril portugués, o mellor que poden facer e repasar a excelente información que dá hoxe o xornal liosboeta Público mediante a pluma de Anabela Mota Ribeiro. Premer aquí.

martes, abril 15, 2014

Gran desmemoria ou hai que sabelo todo?


Tardei case unha semana en rematar a lectura do libro de Pilar Urbano La gran desmemoria. Lo que Suárez olvidó y el Rey prefiere no recordar. Libro inquietante sen dúbida. Desacougante e enormemente ilustrativo dalgunhas cousas que puideron pasar naquel abracadabrante golpe de Estado que nos quixeron zurrar o 23 de febreiro de 1981.
Para empezar, concordo totalmente coa autora e discordo con Albert Camus en que non é certo que a verdade ten dúas caras e unha delas debe permanecer oculta. Podía engadir aquela perogrullada aprendida na miña xuventude de que a verdade o que é e revolucionaria ou que só os tolos contan a verdade, pero abóndame con isntalarme na satisfacción de que a verdade é un aceite da alma histórica que case sempre acaba por saír a frote. E, quizais, neste senso, o último libro de Pilar Urbano sexa un bo frotador lanzado sobre a controvertida e aínda descoñecida e mal difundida historia do famoso 23F.
Non son historiador e ignoro, polo tanto, e mesmo me permito desacatar ás veces as regras e metodoloxías da arte, ciencia, técnica ou que sexa o noble labor de repasar, investigar e divulgar o pasado, pero tampouco son totalmente parvo, no máis sentido latino-galego da palabra, e tiven, ademais, a sorte de coñecer e tratar a varios personaxes que aparecen como fontes do libro (Josep Melià, Carmen Echave, o xeneral Gabeiras, Pío Cabanillas, Otero Novas, David Pérez Puga...) E non se pense que estou xuxerindo nada. Só quero manifestar o enorme respeto profesional e moral que me produce o traballo da autora de La gran desmemoria, libro necesario entre os máis imprescindíbeis dos últimos tempos, dende logo. A alguén pode sorprenderlle que unha aproximación histórica así poda proceder dunha autora que teña a súa vida e as súas ideas incardinadas nun sistema intelectual e moral tan determinado como é o Opus Dei. A min no me sorprende nada. Sei dende hai moito tempo que Pilar Urbano non é unha chisgarabís que non saiba distinguir entre crenza relixiosa e actividade profesional, como parece colexir o ás veces sectario Felipe González. Por iso non son quen de entender a reacción airada que lle provocou o libro a Juan Luis Cebrián, ex director de El País e actual presidente da empresa que edita o xornal que algunha vez foi progresista, e quen, a penas horas despois de que se comezase a falar –moi limitadamente por certo– do libro, lanzou a súa retórica con esta frase inicial dun artigo que titulou Gato por liebre: “La muerte de Adolfo Suárez ha dado pábulo a toda clase de racciones en el circo de la política. Como era de esperar, muchos de quienes le apuñalaron en vida lloran ahora públicamente su marcha con lágrimas de plañideras”. Como se el propio non fose dos que que destacaron na caza e captura de Suárez, que disto sei eu algo.
Pilar Urbano
Cinco párrafos máis adiante, Cebrián despacha lindamente outra frase apocalíptica: “No me gustan las teorías de la conspiración y prefiero suponer que todo esto emana de la necedad de las gentes, de su falta de criterio o sus deseos de notoriedad, lo que no evita el daño que produce en un momento de graves dificultades para la convivencia de los españoles”. Léndolle este brillante análise da realidade parece que estamos volvendo a escoitar algún dos argumentos que se utilizaron para frear os primeiros pasos da transición e da recuperación democrática. Habería que preguntarlle, ademais, ao egrexo xornalista-académico cal é o seu concepto das “gentes” e se cadra mesmo pola súa propia “necedad”, que asoma neste artigo en cuestión.
Juan Luis Cebrián
Para Cebrián o libro de Urbano non é máis nada ca “una meritoria colección de anécdotas que lleva a defender tesis tan fantasiosas y creíbles como las revelaciones de los sabios de Sión”. É curioso comprobar como en moitas mentes que se teñen por preclaras  e despachan como infalíbeis segue mandando o criterio de que hai que correr un tupido velo sobre as cousas que poden inquietarnos dos lamentábeis e vergoñentos sucesos que conformaron o 23F. Non se decatan de que a verdade é un náufrago que se afoga con frotador e case sempre remata volvendo á tona.
A Cebrián, en suma, o libro de Pilar Urbano parécelle unha “fabulación interesada”. Poñámonos por un instante do seu lado e fagámoslle logo esta pregunta: Se todo é unha fabulación interesada, por que non fai algo para que o seu periódico abra un dabate que contribúa a depurar esta e todas as fábulas adiantando no escrarecemento dos desgrazadísimos feitos do que eles chaman intentona golpista e que se cadra foi un golpe de verdade ocultado á cidadanía?
En fin, que recomendo a lectura da gran desmemoria e do que o Rei prefire non lembrar. Hai que sabelo –e discutilo– todo.

miércoles, febrero 26, 2014

Os emilios

Raphaël Sorin

Raphaël Sorin, prestixioso editor de libros francés que traballou para as máis importantes editoras de París, no interesantísimo blog que publica a través do xornal Libération, titulado Lettres ouvertes, sostén que Gabriel Matzneff “vient d’inventer un mot, l’émile, pour définir la missive électronique” (acaba de inventar unha palabra, o emilio, para definir a misiva electrónica”).
Atribúelle tal invento no propio título do último libro de Matzneff, Les nouveaux émiles de Gab la Rafale. Confeso que quedei atónito ao ler este “descubrimento”. A denominación de “emilio” para definir unha mensaxe, unha carta ou unha comunicación electrónica xa hai tempo que empezou a ser vella polo menos en español e ata en galego. Quen non vén dicindo dende hai anos que lle puxo un “emilio” á súa noiva, á súa nai, ao seu xefe ou á Xunta de Galicia, por exemplo? Pero, polo visto, había que esperar a que un escritor francés lle petase elevar a palabra “emilio” á tapa dun dos seus libros para dala por inventada. Como son os franceses! E, se son escritores, máis aínda. Chauvinistes.

lunes, febrero 24, 2014

Jordi Évole e a trangallavisión


Confeso de entrada a miña admiración polo traballo profesional que veu desempeñando ata agora Jordi Évole, auténtico “animal” televisivo que soubo conquistar en pouco tempo un privilexiado posto no mundo da comunicación actual. Manifesto tamén que vin con moito interese ese remedo de Operación Lúa, con algo de Orson Wells, que emitiu onte A Sexta co título de Operación Palace.
Non quero presumir, pero fun dos que nos decatamos axiña de por onde ían os tiros e escoitei e lin con atención as advertencias finais de que todo se trataba de pura ficción. Aínda así, a min quedoume un extraño sabor de boca que non sei explicar moi ben. Sorprendeume que un dos adalides do realismo xornalístico español dos nosos días, como é Évole, e toda unha morea de políticos e ata un cineasta e un historiador, se prestasen a montar a trangallada que emitiu A Sexta o día no que se cumpría o 33 aniversario do golpe militar que quixeron levar a cabo Miláns del Bosch, Antonio Tejero e Alfonso Armada.
Por se había aínda algunha dúbida de que as televisións actuais son todas tributarias do puro espectáculo, Jordi Évole, A Sexta e Operación Palace despexáronas todas na noite do 23 de abril. Non acaba de parecerme mal que se fagan este tipo de brincadeiras televisivas sobre calquera acontecemento da nosa historia recente, pero non acerto a despexar ben a incógnita de cales poden ser as súas consecuencias ou os seus efectos colaterais máis significativos. Por exemplo, comprometeu Jordi Évole a súa fiabilidade e a do propio xornalismo facendo de saltimbanqui que vai da escada do xornalismo ao trampolín da ficción chistosa? Que papel xogaron os coñecidos políticos que se prestaron á montaxe de Operación Palace?
Quizais é precisamente o papel dos políticos o que máis me desacougou. Sorprendéronme moito as descoñecidas virtudes interpretativas de todos eles contando e repetindo a mentira da ficción como se fose a cousa máis seria. Aínda vai ser verdade iso de que a política é teatro e máis nada nos tempos que corren. Pola contra, será só realismo puro o que respiran os destinatarios e consumidores desa política? En caso afirmativo, non me extrañaría que nas próximas eleccións lles pregunten se o que poñen nos seus programas é verdade ou é ficción. E o mesmo lles podía dicir aos xornalistas que participaron na “trangallavisión” de Jordi Évole.
Non é por nada ou se cadra é porque eu vou pola vella, pero a min os xornalistas gústanme facendo xornalismo, os políticos política e a ficción que a faga quen ten que facela: os ficcionistas. Así como no seu tempo non me gustou que os xornalistas se convertisen en axentes de publicidade agora tampouco me fai feliz ver como queren emular a Orson Wells. Son un antigo, definitivamente.

lunes, febrero 03, 2014

Que ben fala Mariano


O país de países navega co vento dándolle na popa. Descende o paro, corren os cartos en forma de créditos, baixan os impostos, os mozos e as mozas voltan da emigración... Pero, ademais, temos un presidente de Goberno que fala como se fose un deus da palabra ou un príncipe da autoridade: “Y si además tú, cuando digo tú digo él, pero le digo tú, eres parte destacada en la causa de ese calvario, o te callas o reconoces el mérito de la gente”, dixo en Valladolid e ficou tan pancho nun arranque dialéctico tan digno de pasar á historia como o da famosa “indeminización en diferido” da conspícua Cospedal.

sábado, febrero 01, 2014

Cidadán Pedo J.


Un amábel lector de Croques, Rafael García, pregúntame se é posíbel que a Pedro J. Ramírez o indemincen con 20 millóns de euros, e vou ver se sei responderlle. Posíbel si que é. O que non é, é xusto. E o que tamén é, é un escándalo de moito nabo de Lugo. Do que vai trascendendo, o que a partir de mañá será ex director de El Mundo e a súa empresa asinaron hai tempo un contrato no que se blindou a saída involuntaria do xornalista estrela cunha cobertura indemnizatoria que pode ser de 20 millóns de euros, que deixa a un coa boca aberta se se traduce á antiga moeda española: 3.327.720.000 pesetas. Indudabelmente, isto non ten nada que ver coas indemnizacións –cada vez máis limitadas– que poden percibir a inmensa maioría dos traballadores cando as súas empresas os depiden, e permítenos preguntarnos se o beneficiario de tamaña indemnización estaba moralmente capacitado para denunciar as inxustísimas millonadas que cobraron os antigos dirixentes de Caixa Galicia e Caixavigo, por exemplo.
O que nos leva a algo que moita xente aínda se sigue negando a ver: a corrupción e a malversación de fondos nas empresas do capitalismo reinante. Fálase todos os días –e con razón moitas veces– da corrupción política, pero cóntasenos pouco –máis ben case nada– de como malversan fondos e medios en xeral a maioría das empresas que cortan o bacalao. E non nos debería abondar con que se nos diga que esas empresas son privadas e fan o que máis lle peta aos seus consellos de administración. Non señor, a economía, coma minería ou coma calquera fonte de recursos, non é un ilimitado saco sen fondo. Todo é susceptíbel de ser gastado –ou pior aínda, mal gastado– e, polo tanto, esgotado. Como se esgota o peixe no mar ou secan os pozos de petróleo. Cada vez que se fai mal uso de calquera recurso estase a violentar o desexábel equilibrio de que debería gozar a humanidade, e, xustamente debido a esa violencia universal, cada vez medran máis a desigualdade e a inxustiza social.
En consecuencia, non deixa de ser chocante que Pedo J. Ramírez fundase e dirixise tantos anos un xornal madrileño que se ten feito notar por unha relativa independencia que lle fixo destacar pola denuncia de determinados temas importantes. Está moi ben –e é de celebrar– que El Mundo pillase algunha dianteira na denuncia da corrupción dos partidos políticos e dos sindicatos, ou na exposición pública de ilegalidades urbanísticas e economicas, pero cómpre non esquecer que o propio Pedro J. Ramírez rematou saíndo nos papeis por mor dunha pisicina irregulamernte construída na súa casa de veraneo en Mallorca ou que agora pode rematar cobrando unha indemnización multimillonaria que lle tería que pagar unha empresa que el vai deixar en perdas moi significativas.
En fin, que non todo é ouro no relumbrón de Pedro J. Ramírez. El mesmo, como case todos o personaxes que denunciou no seu xornal, presenta luces e sombras. É un gran xornalista, non hai dúbida, pero tamén é un gran cidadán? Voilà la question.

viernes, enero 31, 2014

Pedro J. Ramírez


Non sei case nada a que se dedican as facultades de Xornalismo, pero se algún dos seus responsábeis actuais me preguntara acerca de algo urxente que houbese que facer nelas, non dubidaría en responderlle que se estudiase a fondo o fenómeno Pedro J. Ramírez, ese todopoderoso xornalista que acaba de ser derrotado polo seu propio exército.
Con Pedro J. pódese estar de acordo, en desacordo ou as dúas cousas á vez, pero o que non encaixa co personaxe é calquera forma de neutralidade. O a piques de converterse en ex director de El Mundo é máis de dereitas ca José María Aznar e Mariano Rajoy xuntos, pero aos de esquerdas pode gustarnos máis algunhas veces ca un pack formado por Felipe González, Cayo Lara e Xosé Manuel Beiras. Pedro J. é o que se di un cabrón con pintas, pero é imposíbel interpretar ben a sociedade española dos últimos cuarenta anos sen a súa concurrencia intensísima no xornalismo contemporáneo.
Por todo isto cáusame certa desazón, algunha tristeza e moita carraxe comprobar, unha vez máis, que os omnipresentes e omnipotentes garfios da dereita económica e política que se apoderou do mundo remate sempre afogando os seus propios fillos cando pensa que se desvían do camiño a seguir. Con Pedro J. non puideron nin Felipe González, nis os GAL nin a ETA, pero rematou descabalgándoo un político de tan irrisoria importancia coma Mariano Rajoy. O caso é triste e dá moito que pensar.

martes, enero 28, 2014

We shall overcome, Pete Seeger

Pete Seeger con Bruce Springteen.

Para os da miña xeneración –e non só– hoxe é un día triste. E non é porque morrera Blas Piñar senón porque quen nos acaba de deixar orfos é Pete Seeger. A lenda universal do folk americano e da canción protesta que tanto inspiraron as xuventudes dos que nacemos hai máis de cinco décadas.
O pai espiritual de varias xeneracións de artistas coma Bob Dylan, Joan Baez ou Bruce Springsteen morreu onte en Nova York cando xa tiña 94 anos. Foi un pioneiro da loita polos dereitos humáns e contra a guerra do Vietnam. As súas cancións, tomadas como bandeira polas loitas obreiras de todo o mundo, tamén inspiraron a traxectoria artística de cantantes de varias culturas: dende Claude Freançois en Francia, a Víctor Jara en Chile, Graeeme Allwrigt, Marlene Dietrich, etc. Seeger popularizou o himno do movemento pola defensa dos dereitos cívicos en Estados Unidos, We Shall Overcome, unha canción que chegou a ter unha enorme importancia tamén na revolta estudiantil que caracterizou a Universidade de Santiago no ano 1968.
Co seu grupo The Weavers ou soamente acompañado po unha guitarra de doce cordas ou polo seu famoso banllo, Pete Seeger sempre seduciu enormemente a un público principalmente de esquerdas que hoxe chora pola súa morte. Na década dos 60 foi o gran mentor de Bob Dylan, de Joan Baez, de Peter, Paul and Mary e ata da incipiente Nova Canción Galega, principalmente de Voces Ceibes. Bruce Springteen, no ano 2006, dedicoulle un magnífico disco: We Shall Overcome: the Pete Seeger Sessions. O mesmo Bruce que, hai catro anos, presentou a Seeger no Madison Square Garden de Nova York dicindo del que era a “lenda viva da música e da consciencia de América, un testemuño do poder da canción e da cultura para darlle pulo á historia”.
Como home de esquerdas que foi toda a súa vida, Pete Seeger foi unha das vítimas da caza de bruxas organizada polo Maccartismo, debido ao compromiso do cantautor co Partido Comunista Americano, do que foi membro durante os anos 40 e 50. Sempre andou tamén á cabeza das loitas polos dereitos dos negros e pola defensa do medio ambiente. Morreunos un dos máis grandes. We shall overcome, Pete Seeger!