domingo, enero 31, 2010

Trampas no debate da xubilación

No número correspondente a xullo-agosto de 2009 da revista El Viejo Topo, Vicenç Navarro, catedrático de Políticas Públicas da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, publicou un interesantísimo artigo demostrando os graves erros cometidos polos economistas e polos medios de información e persuasión liberais no seu diagnóstico sobre o suposto colapso das pensións públicas. O seu contido readquire agora plena vixencia cando o presidente Zapatero decidiu formar coro con esas voces agoreiras, caendo nas súas trampas e sabendo onde se mete. Recoméndolle a Andrés, amábel contertulio no post anterior, que lle bote unha ollada a este razonamento.

O profesor catalán comenza repasando “a avalancha liberal que ten como obxectivo alarmar a poboación facéndolle crer que as pensións non son viábeis”, e mete nese saco a Comisión Europea, o Banco de España, o BBVA e o Partido Popular Europeo (do que forma parte o PP), por teren publicado informes e documentos que chaman a rebato sobre a necesidade de reducir as pensións porque o sistema da Seguridade Social non é sostíbel. Di Navarro que “todos estes documentos teñen erros graves que invalidan as súas conclusións, transformando tales documentos en manifestos políticos en vez de informes científicos”.
O primeiro é o de asumir que a esperanza de vida mide os anos que vive unha persoa. “O que ocorreu en España (e en Europa) –sostén o catedrático– é que a mortalidade infantil foi baixando dun xeito moi marcado, co que a esperanza de vida foi subindo, pasando de 76 a 80 anos. Pero iso non quere dicir, como se asume habitualmente, que o cidadán español medio viva catro anos máis que hai vintecinco anos” (o artigo completo pódese ler aquí). Foi descendendo a mortalidade de cada grupo etario, pero os anos de vida media dun español non son agora catro máis que en 1980. “Calcular as pensións baseándose nesa lectura errada dos datos penaliza a poboación pois asume que a xente vive máis anos dos que realmente vive”, conclúe Vicenç Navarro.
Outro erro é o dos promedios, que non son sensíbeis ás diferenzas entre as clases sociais. “As diferenzas por clase social son enormes –sostén o autor– . Así, a diferenza nos anos de vida existente entre unha persoa pertencente á decila (tramo) de renda máis baixa do país (os máis pobres) e a decila superior (os máis ricos) en España é nada menos que dez anos (leu ben, dez anos). En EEUU son quince e no promedio dos países da UE.15 son sete. É profundamente inxusto pedirlle ao primeiro que continúe traballando dous (e algúns piden cinco) anos máis para pagar as pensións do segundo que lle sobrevivirá dez anos… Retrasar a idade de xubilación sen máis, é unha medida que perxudica as clases populares para beneficiar as clases de maiores rendas que viven máis anos”.
Está logo o erro do argumento alarmista: o de que o crecemento da porcentaxe do PIB gastada en pensións é excesivo. Navarro opina que este é un dos erros metodolóxicos máis importantes cometidos no informe da Comisión Europea. Ese argumento indica que a porcentaxe do PIB en pensións subirá do 8,4 por cento no 2007 ao 15,1 por cento no 2060, e que ese crecemento non poderá ser absorbido pola sociedade. Haberá, segundo os que argumentan deste xeito, que intervir xa agora mesmo disminuíndo os beneficios dos pensionistas.
Nada máis falso, segundo Vicenç Navarro. Este argumento ignora o impacto do crecemento da produtividade sobre o PIB do ano 2060. Supoñamos –razona o autor– que o crecemento anual da produtividade é do 1,5 por cento, admitido como razonábel mesmo polo Banco de España. O valor do PIB español será 2,23 veces máis co que houbo en 2007. Quere dicirse que, se consideramos o valor do PIB do 2007 como 100, o do ano 2060 será 223. Porén, o número de recursos para os pensionistas do ano 2007 foi de 100 menos 8,4 (8,4 é a cantidade gastada ese ano en pensionistas), é dicir, 91,6. No 2060, os recursos dedicados aos pensionistas serán o 15,1 por cento de 223, ou sexa, 33 e para eles será 223 menos 33, é dicir 192, unha cantidade que é máis do duplo da que houbo no 2007, 91,6. Debido ao crecemento da produtividade, no 2060 haberá máis recursos para os pensionistas dos que hai hoxe, aínda a pesar de que a porcentaxe do PIB dedicado a eles sexa superior. “Os que alarman innecesariamente a poboación –di Navarroesquencen un feito moi elemental. Hai cincuenta anos, España dedicaba ás pensións só un 3 por cento do PIB. Hoxe é un 8 por cento, máis do doble… A sociedade tén moitos máis fondos para os pensionistas dos que había daquela, aínda que sexa agora moito maior a porcentaxe do PIB en pensións. Por certo, xa hai cincuenta anos, cando España gastaba un 3 por cento do PIB en pensións, había voces liberais que dicían que en cincuenta anos doblaríase ou triplicaríase esa porcetaxe arruinando o país”.
Vicenç Navarro revólvese contra os que se equivocan constantemente nas súas proxeccións demográficas. “Calquera demógrafo que teña algo de rigor –explica– sabe as enormes dificultades en calcular cambios demográficos por períodos tan longos como cincuenta anos. Un bo exemplo é que os bancos e as caixas publican cada dez anos informes anunciando o colapso das pensións en dez anos. La Caixa (en 1998), o BBVA (en 2005), o Banco de Santander (en 1995, 1999, 2002 e 2009) e unha longa lista, predixeron o colapso (utilizando un termo menos contundente) das pensións en dez ou como máximo vinte anos máis tarde”. Na defensa das súas proxeccións utilizan os mesmos argumentos e os mesmos datos. Unha delas é a evolución da pirámide demográfica, indicando que a porcentaxe de vellos está medrando moi rapidamente e a dos xoves está revendo moi substancialmente , “ignorando –apunta o autor comentado– que nos países que financian as pensións mediante cotizacións sociais, como é o caso español, o punto clave non é o número de xoves e adultos por cada vello, senón o número de cotizantes e a cantidade de cada cotización por beneficiario. E tanto un como o outro están subindo, o primeiro a causa da participación da muller no mercado do traballo (se España tivese a taxa de participación da muller que tén Suecia, habería tres millóns máis de cotizantes á seguridade social), e o segundo como consecuencia do aumento da produtividade e dos salarios”.
Todo isto non quere dicir, e non é o que di Vicenç Navarro, que non haxa que introducir cambios. O catedrático da Pompeu Fabra exprésase moi claramente: “Contrariamente ao que se di constantemente, as pensións, incluíndo as contributivas, son demasiado baixas, debido a que os salarios son demasiado baixos”. Habería que ir á flexibilización da idade de xubilación pemitindo que as persoas que desexasen xubilarse máis tarde (na maioría profesionais) puideran facelo. A xubilación debería ser un dereito e non unha obrigación.
E debería prohibire, cmo se prohibe en varios países, utilizar a prexubilación por parte do mundo empresarial para cambiar os cadros de persoal, penalizando o sistema da seguridade social e os prexubilados, que reciben unha pensión menor. Esas prexubilacións representan en España un recorte de ingresos equivalente ao 6 por cento do PIB.
Vicenç Navarro tamén advirte que “o Estado debería aumentar a súa aportación ás pensións tal como fan outros países (como Dinamarca), nos que as aportacións procedentes dos impostos xerais son moito máis intensas ca en España. Non hai nada sagrado na Biblia económica que diga que as pensións teñen que pagarse a base de cotizacións sociais”. España xa fixo iso coa Sanidade, que estivo financiada pola Seguridade Social, e pode aplicalo a outras áreas.
Zapatero anda moi rufo proclamando que non lle dá medo meterse no debate sobre a reforma da xubilación. Pois veremos como sae del. Chamuscado, seguramente.

sábado, enero 30, 2010

Condenados da terra

Diante do espectáculo delirante dun capitalismo salvaxe que destrúe postos de traballo, aproveita a crise para concentrar riqueza, defrauda todo o que pode –e máis aínda–, demoniza a clase traballadora e trata de elevar aos altares o liberalismo vixesimonónico da Escola de Chicago, Xosé Luís Rodríguez Zapatero decidiu cambiar de pista. O líder socialista, que algunha vez representou a esperanza dos condenados da terra que aínda ficamos vivos sobre a pel da Iberia, decidiu pechar a súa vida política deixándolle feito o traballo sucio que lle ha aproveitar á dereita cando, dentro de dous anos, lle toque sucedelo na Moncloa. Puido ser Largo Caballero, pero escolleu ser Indalecio Prieto. Que me devolva o voto que algunha vez lle prestei.
Empezou pechando os ollos sobre a crise, contribuíndo a que se abrise máis o abismo económico, e rematou dándolle ao tema o mesmo tratamento que lle daría Bush se aínda seguise no poder. Económica e socialmente, Zapatero pasouse á sagrada relixión do neoconservadurismo. É un neocón. Non fixo absolutamente nada por reordenar o sistema facendo que aportasen máis á solucción da crise os que máis teñen. Resulta escandaloso obervar o comportamento perverso e obsceno da clase dirixinte bancaria, financeira, empresarial e política en materia de salarios e prebendas, por exemplo, con incremetos salariais nos staffs que van ata o 60 por cento. Nun país no que hai xente que traballa oito horas ao día por 400 euros ao mes, tamén hai dirixentes de empresas que gañan millón e medio de euros cada ano, políticos que van de vacacións sen pagar a praza que ocupan nin o wisky que beben nos avións e señoritos de caldo á merenda que están no paro porque lles peta.
Non é só que Zapatero xirase á dereita, como lle lembrou onte Ignacio Escolar en Público, xornal nada sospeitoso de ser inimigo do socialismo, é que o presidente español virouse neocón. Que traballen os de sempre dous anos máis (co que aínda haberá menos postos para os mozos). Que se fodan os que van ficar sen pensión, e que cobren menos os que aínda lles quede o dereito a cobrala. Medidas así han seren sempre absolutamente obscenas cando son tomadas por políticos que aseguraron para eles as mellores pensións polo simple feito de fichar dous anos nalgunha cámara de representación.
Xa non vale dicir que todo está xustificado pola crise económica. O que hai é unha crise moito máis fonda aínda, que é a crise moral e o desleixo político dos que algunha vez foron construtores de futuro. Pasoulle a Felipe González e agora pásalle a Zapatero.

viernes, enero 29, 2010

España segue indo ben

Os xubilados volvemos a cobrar menos este ano (xa nos pasou no 2009) e o goberno de Zapatero anda artellando medidas para prolongar a vida laboral ata os 67 anos. Corbacho, ministro de Traballo, ameaza: “Se non facemos nada, en 20 anos periga o sistema de pensións”. O paro segue medrando e pode superar o 20 por cento. O pior ano da crise, o 2009, rematou con 1.118.600 parados máis, colocando a cifra total en 4.326.500 persoas sen traballo. Todo un panorama.
Mentres tanto, nin gobernos nin sindicatos se ocupan do que está a pasar realmente no proceloso mundo do capitalismo actual. Anne Michel publicou, hai poucos días, en Le Monde unha preocupante análise das sociedades que están evadíndose aos paraísos fiscais. Comenzando pola famosísima Google, riquísima multinacional que está alixeirando a carga dos seus impostos instalándose en Irlanda, un pais de “fiscalidade dulce” ou case inexistente. Google pode exercer unha actividade comercial importante en países como Francia ou España, por exemplo, logrando neles grandes beneficios, pero pagar o esencial dos seus impostos en Irlanda.
A crise fnanceira salientou o problema do nivel de imposición das grandes empresas mundiais que se dedican por completo ao que elas chaman optimización fiscal, a calcular o codiciado “prezo de transferencia”. O tema é tan preocupante que o G20 xa se ocupou del no ano 2009 na pespectiva de loitar contra os paraísos fiscais, sen pasar ata agora das meras ideas.
Os prezos de transferencia son os que corresponden aos cambios de bens (produtos, patentes, etc.) ou de servizos (prestacións informáticas, etc.) entre unha casa matriz e as súas filiais no estranxeiro. Cando eses prezos son iguais aos do mercado, ou sexa, aos que facturaría por eles a competencia, as multinacionais estarían dentro da legalidade. Se son falseados, colocaríanse fóra da lei. Que ocorre? Pois que as multinacionais que están presentes en moitos países sívense dos prezos de transferencia para localizar as súas ganancias nos paises de baixa fiscalidade. Pola contra, onde declaran as súas perdas é nos estados con altas taxas de imposición sobre sociedades.
Como di a xornalista de Le Monde, “os prezos de transferencia son daquela unha maneira sutil de defraudar o fisco”. Máis sutil que disimular diñeiro nunha sociedade pantalla nun centro offshore. O fraude é máis doado cando as empresas cambian bens incorpóreos (patentes médicas, programas informáticos, coñecementos especializados, etc.) para os que non hai ningún prezo de mercado.
Le Monde puxo como exemplo de caso práctico o dun grupo francés de licores que exporta as botellas a unha das súas filiais nas Bahamas a tres euros, un prezo moi baixo en relación aos custos de producción. Daquela realiza un magro beneficio, pero a súa filial bahamesa leva a cabo un bo negocio vendéndolle esas botellas a Estados Unidos por 18 euros cada unha, seis veces máis do que pagou por elas. A casa matriz infravalora as súas ganancias no país onde tería que pagar máis impostos por elas, e a filial case non paga nada no paraíso fiscal onde se atopa protexida. Para o gupo licoreiro francés a vantaxe fiscal é enorme, pero Francia vese privada dun imposto que lle correspondía.
Dada a gran opacidade que esconde os prezos practicados polas empresas, resulta imposíbel calcular o fraude relacionado co uso ilícito dos prezos de transferencia. Aínda así, Pascal Saint-Amans, experto da Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE), respondeulle a Le Monde que “o 60 por cento do comercio mundial faise intra-grupo e o risco de evasión, é dicir, de fraude, é logo potencialmente elevado”. Tamén opina este experto que “o abuso dos prezos de transferencia é un tema de alto risco, poden servir de palanca para deslocalizr a materia taxábel”.
Eva Joly, eurodeputada francesa ecoloxista, antiga xuíza do famoso caso Elf, compara este fenómeno coa corrupción que houbo no comercio mundial nos primeiros anos noventa. “É a criminalidade –di– dos dez anos que veñen. Unha criminalidade extraordinariamente complexa a detectar e a perseguir”. Daniel Lebègue, presidente da ONG Transparency International en Francia, sostén que “hai que acentuar a loita contra a utilización dos prezos de transferencia, e parece chocante que, en Francia, a taxa de impostos efectiva soportada polas grandes empresas sobre os seus beneficios sexa do 10 por cento, cando a das pequenas e medianas empresas acada o 30 por cento”.
Diante deste panorama, o goberno de Zapatero e non digamos a oposición de Rajoy, parecen máis interesados en arrear novamente sobre as costas dos traballadores e dos xubilados. Debe ser que España segue indo ben, como dicía Aznar. E os partidos de esquerdas dirán algo en castelán, galego, catalán, euskera ou spanglish?

jueves, enero 28, 2010

Onde está a liberdade está a patria

Haxa iPad e menos foguetes. A min tampouco me gustan a maior parte das cousas que escribe Roberto Blanco Valdés, conspícuo representante do xacobinismo provinciano español, pero non se me vai ocorrer nunca ir ás portas da súa casa prenderlle lume a un foguete. Co doado que resulta deixar de ler a un autor cando o que escribe non nos gusta, resulta que hai túzaros por aí que fan de parvos útéis de calquera cousa.
Teñan coidado eses aprendices de bruxo. Non vaia ser que o que arda na fogueira sexa a súa propia alma, a alma que non teñen, quero dicir. E no tocante á vítima, que saiba que somos moitos os que dariamos a vida por que os que non pensan coma nós podan expresárense libremente (desculpen que faga mal a paráfrase). Entre outras cousas, porque “onde está a liberdade está a patria” (Benjamin Franklin dixit).

Blanco nuclear

Sempre me resultou dificil comprender como un político pode fracasar rotundamente no seu propósito de ser alcalde do seu pobo e triunfar logo estrepitosamente como ministro en Madrid. Tal é o caso de Xosé Blanco, actual ministro de Fomento e gran caïd do PSOE. Pois acabo de comprendelo de repente lendo o que dixo sobre cemiterios nucleares.
Sostén Blanco que apoiaría a candidatura do seu concello se se presentase para acoller unha instalación de tal natureza, e tardou a penas minutos o que lle gañou as eleccións municipais, o alcalde do PP Fernando Pensado, en replicarlle que se esquenza da arroutada. “Se non tés máis ideas, xa as buscaremos, que seguro que as atopamos”, díxolle.
Falouse algunha vez de que Blanco podía ser un bo candidato a presidente de Galicia. Con ideas coma esta pode ir empezando a esquencerse.

Corredoiras

Di Beiras que “a esquerda se atopa nun laberinto análogo ás corredoiras deste país que, unha vez que se asfaltaron as pistas, quedaron a monte" e trátase, segundo el, de “rozar eses camiños e volver a transitar por eles”.
Dubido algo que sexan moi acertadas calquera das dúas metáforas. A das corredoiras e a do verbo rozar. Con tanto asfalto e tanto monte, xa pouco debe quedar das vellas corredoiras e, ademais, a xente xa se afixo a transitar en coche polas pistas asfaltadas que tanto rédito político lle teñen dado a Cacharro, no seu tempo, e aínda lle seguen dando a Baltar.
Por moito que o diga Beiras, agora non abonda con rozar o monte en busca dos vellos camiños que non valerían hoxe a penas para máis nada que non fose andaren os cazadores tras das lebres porque perdices xa non quedan. De non seren adaptados, eses camiños serían hoxe veas mortas dun sistema circulatorio embolicado de máis e cheo de atrancos. Nin sequera as calzadas romanas aguantaron o paso do tempo, e menos aínda poderían resistilo as nosas caenllas.
Está ben que Beiras nos propoña conservar, aprezar e ata mimar o que foi a nosa enxeñería vehicular campesiña. Non pode haber nada máis nobre que o recoñecemento ancestral e a conservación da memoria, pero en materia política non abonda con rozar as vellas pedanías. Hai que ir máis lonxe se se quere peneirar as telarañas da re publica. Abrir camiños novos que ben poden seren construídos a partir da rehabilitación dos vellos ou sobre bimbios totalmente cultivados no noso tempo. Este é o debate do futuro da esquerda galega e non o de desafíar fouciños rozando contra toxos e xestas que naceron onde non debían.
Resúltame chocante dicilo, pero coido que aporta máis ao futuro da esquerda galega Steve Jobs, presentando onte a súa iPad, que Xosé Manuel Beiras convocándonos a rozar as desaparecidas corredoiras para volver a andar por elas. Só me queda unha dúbida. Teremos que volver a poñer tamén as zocas de bidueira e os escarpíns de lá gorda ou poderemos andar enriba da lama cos actuais e comodísimos MBT?

miércoles, enero 27, 2010

Chegou o iPad


Xa está. Apple deu a luz. O novo fillo chámase iPad e, como lles adiantaba eu onte, é cuspidiño á pizarra coa que aprendín a escribir na escola de Santalla. A descen-
dencia promete.
Steve Jobs, coma sempre con xersé negro e vaqueiros. Extrema-
damente delgado, pero animoso como lle é propio. El Mundo, en España, e Le Monde, en Francia, por exemplo, fixeron unha moi boa cobertura a través de Twitter. Non tan boa a de El País, que se despistou tanto coma un polvo nun garaxe.
O novo aparato, que sen dúbida vai ser obxecto de desexo, leva unha pantalla de 9,7 pulgadas con tecnoloxía IPS multitouch, procesador propio de 1 GHz con 16, 32 ou 64 GB de capacidade. O seu espesor é de 1,27 centímteros e pesa só 680 gramos. Leva WiFi e Bluetooch, e 3G se se paga un sobreprezo. Un dato destaccábel é que a súa batería aguantará dez horas traballando e un mes en reposo. Todo un récord, se se cumpre o anunciado.
Non funcionará con Mc OS, senón que Apple desenvolveu, expresamente para este aparato, un sistema denominado A4. Mister Tamobourini Man foi a canción de Bob Dylan co que Apple lanzou este acontecemento, que foi seguido en directo no mundo enteiro.
No canto dos libros o iPad chega dotado coa aplicación denominada iBooks e directamente relacionado coa tenda Ibook Store. Apple xa estabreceu acordos cos cinco maiores editores do mundo e ábrelles a porta, dende hoxe, a todos os editores que queiran incorporarse. Non está mal para empezar.
Ah, esquencía os prezos. O modelo máis barato (16 GB), 499 dólares (350 euros); 599 (420 euros)o de 32 GB e 699 dólares (490 euros) o de 64 GB. Se se quere compralo con 3G, haberá que pagar 130 dólares (91 euros) máis.

Outro incomprendido

Definitivamente, Xerardo Díaz Ferrán é un xenio. O patrón da patronal española preconiza que se suba a idade de xubilación aos 70 anos. O seguinte paso vai ser que se elimine a xubilación, e que cada quen vaia traballando como poda ata que o leven para o camposanto. Iso xa se experimentou no pasado e deu o resultado que deu.
É curioso observar como imos andando para atrás en materia de dereitos sociais e igualdade. E tamén é rechamante ter que escoitar cousas coma esta, pronunciadas por un dos empresarios españois que destruíu máis postos de traballo, e que agora non se lle ocorre mellor explicación ca de dicir que lle tocou “un número malo da lotería”. Diaz Ferrán debe ser outro incomprendido. Igual que Varela Flour.

martes, enero 26, 2010

iPad en paz

Xa só faltan horas. Mañá é o día. Apple parirá un dos seus fillos máis queridos. O iPad, iTablet ou como concho se chame o invento finalmente. Ofrecéronse miles de dólares por facilitar algunha foto que puidese adiantar como ía ser a criatura, e a min pasóuseme avisar de que tiña eu unha. A da pizarra coa que aprendín a escribir na miña escola de Santalla. Dentro de nada, verase que son as dúas cousas máis parecidas.

lunes, enero 25, 2010

Varela Flour

Cando un vai comprar ostras en Cancale (Bretaña) e pide unha ducia delas sempre lle dan trece, ou sexa, doce máis unha. Entre nós, as ducias parece que son de once, a xulgar polo número de escritores galegos que ostentaron os seus premios nacionais para pediren a dimisión do conselleiro de Cultura, ese peripatético señor que se chama Roberto Varela Flour.
Claro que tampouco se precisa ser premio nacional de nada para chegar á conclusión que acadaron os nosos escritores premiados. Para ter un conselleiro de Cultura que lle “falta á consideración” ( Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Condedixint) á materia principal do ramo polo que lle pagamos os contribuíntes, se cadra pagaba máis a pena que Núñez Feijoo mandase disolver o departamento gobernamental que conduce o diplomático de carreira que no dá unha de política diplomática. Aforraríanse moitos cartos que podían empregarse en montar unha granxa de sereas no castro de Baroña ou ou un criadoiro de donicelas no dolmen de Axeitos.
Resulta que, para el, a cultura galega é limitadora, ensimesmada, acomplexada e non sei cantas cousas máis –todas autoodiantes– e non se sabe ben que fai un xestor así dirixindo un cortello de embebidos. Debe ser da escola dese egrexio patrón do empresariado español, que nin se lle ocurriría subirse nunca a ningún dos avións da súa fracasada empresa de aviación (Air Comet). A súa “diplomática” defensa da cultura que lle paga un salario que non é preciamente mileurista resulta tan chocante como se a André Malraux, un dos mellores ministros de Cultura que houbo en Europa, lle chistase dicir no seu tempo que Notre-Dame-de-Tronöen está ben, pero resulta algo pequecha de máis. Ou, se cadra, mellor aínda: como se a Amancio Ortega lle petase salientar que a roupa de Inditex non está mal, pero resulta algo apretada. Supoño que se poñería a cambiala ou vendería a empresa para que alguén fabricase mellor as prendas.
Varela, non, Varela ponse a dicir parvadas sobre a cultura galega, pero segue comendo dela. Non dimite nin cambia de política senón que, pola contra, mesmo se pon algunha vez a invadirlle as competencias ao conselleiro de Educación vertendo sobre a fogueira do idioma galego algunha latiña de gasolina, como se o tal incendio non tivese xa abondas laparadas. Agora si que é cando e Galicia é onde hai que dicirlle que non se pode soportar tanta desidia. Co ben que podía pasalo este cónsul das impertinencias lendo a Tom Wolfe sentado nun banco de Central Parck ou axundando a recoser o Picasso que estragou esa mulleriña que acaba de esvarar no Met, en vez de estar sentindo o limitadiños e ensimesmados que son Xelmírez, Castelao, Rosalía, Curros, Pondal, Celso Emilio, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Paco del Riego, a igrexa de Santa Comba de Bande ou as pallozas de Piornedo (e xa non digamos os fornos da Pontenova).

I'm Galicia to trilingualism

Wueling, unha compañía aérea presidida por un ex ministro de José María Aznar, xa practica o spanglish que acabará derivándose da política lingúistica proposta por Núñez Feijóo.

domingo, enero 24, 2010

Ferrín

Ferrín seguramente non é o San Xurxo que nos vai degolar o dragón dos nosos males, pero canto me alegro de que sexa a el a quen lle toque presidir o destino da Academia Galega durante os próximos catro anos. Entre outras cousas, porque é esencialmente un dos nosos, radicalmente abocado a defender os intereses da terra e das xentes galegas. Pódese estar de acordo ou non políticamente con Xosé Luís, e eu non comulgo con todo o que el sacramenta, pero é evidente que representa o máis intrinsicamente propio da galeguidade.
Salvadas a diferenzas, que son moitas, é como se Jean Paul Sartre, que soubo e quixo renunciar ao premio Nobel, aceptase presidir a Académie Française, por moito que se opuxese á súa candidatura calquera Raymond Aron ou mesmo algún Max Gallo. Alén dos méritos literarios, lingüísticos e académicos que personifica o novo presidente da Galega, conta evidentemente o feito de que chegue a onde chega un auténtico fillo do pobo galego, alguén que non leva nas costas intereses espúreos de ningunha clase senón simplemente a condición de loitador insobornábel polo que é e representa a nosa cultura. Xa sei que algúns lectores non me van entender, pero Ferrín é agora mesmo o noso Castelao, o noso santo fundador que nos pode orientar, dende a institución que lle toca presidir, cara a unha inmediata sacudida das pulgas que nos pican. Ferrín, un simple proletario da cultura galega, elevado ao altar da igrexa de Breogán. Que maravilla! E, para que, me entendan os que me queiran entender, diría o mesmo se, en vez del, o novo presidente fose Alonso Montero, que xa sei que era imposíbel. Os tempos non serán chegados, porque os tempos non chegan nunca, pero acabamos de dar dous pasos adiante, aínda que haxa un atrás, no porvir dunha Galicia inmorrente.

viernes, enero 22, 2010

Nariz e salario superlativos

Miren ben para este narigudo personaxe (Érase un hombre a una nariz pegado, / érase una nariz superlativa, / érase una nariz sayón y escriba…”). É francés, chamase Henri Proglio e é o novo patrón de Electricité de France (EDF), empresa francesa que aínda segue sendo maioritariamente de propiedade pública. Quixo gañar un salario anual de dous millóns de euros e o so seu caso é pedra de escándalo en Francia. Só a intervención de Sarkozy rebaixou esa cantidade ata 1,6 millóns de euros. Aínda así…
EDF foi fundada o 8 de abril de 1946 como resultado da nacionalización das empresas de producción, transporte e distribución de electricidade levada a cabo polo daquela ministro de Producción Industrial, o comunista Marcel Paul, cando formaba parte do goberno provisional da República Francesa. Ata 2004, en que se transformou nunha sociedade anónima, foi unha empresa completamente pública. En 2005, o goberno privatizou o 30 por cento do seu capital e, dous anos despois, outro 2,5 por cento. Aínda sí, o estado francés segue sendo propietario da maioría moi ampla do capital de EDF.
Henri Poglio foi nomeado recentemente presidente-director xeral de EDF. Viña de presidir o importante grupo Veolia Environnement, un tinglado empresarial dedicado os negocios de suministro e tratamento de augas, limpezas, enerxía e transportes, que ten presencia en España a través da empresaria Esther Koplowitz.
Veolia tivo a súa orixe no ano 1853, cando se fundou Compagnie Générale des Eaux e máis tarde a Compagnie Générale Française de Tramways. En 1998 converteuse no grupo Vivendi e, no 2003, pasou a chamarse co actual nome. Está presente en 72 países e ten cifras de negocio altamente millonarias.
Henri Proglio gañaba en Veolia dous millóns de euros e esa foi a cifra que pediu para pasar a ser o patrón de EDF. Logo de varios rifirrafes entre algúns membros do goberno francés, conseguiu que EDF lle asignase 1,6 millóns e Veolia lle abonase outros 460.000 euros por seguir pertenecendo ao seu consello de administración. En total, 2,05 millóns de euros cada ano. Non gañan tanto nin os controladores aéreos españois.
O caso está dando moito que falar en toda Francia e non só entre os traballadores mileuristas. O propio presidente da Confederación Xeral de Pequenas e Medianas Empresas, Jean-François Roubaud, manifestouse dicindo que lle parecía “indecente” e “de outro mundo” a retribución concedida a Proglio. “As dimensións do salario parécenme completamente irrealistas”, dixo. As presións, mesmo chegadas dende o presidente da república, Nicolas Sarkosy, remataron obrigando a Proglio a renunciar aos 450.000 euros que lle ofrecía Eolia. Aínda así, quédanlle 1,6 millóns que lle paga EDF.
E logo dise que o recibo da luz é caro. Como non vai selo con dispendios coma este.

jueves, enero 21, 2010

Marcos Ana

El País informa hoxe moi cumpridamente da homenaxe que lle foi rendida en Madrid ao histórico militante comunista Marcos Ana cando cumpre “90 nos idade e 67 de vida”, referida esta expresión aos 23 anos que tivo que pasar nos cárceres franquistas. Entrou na cadea aos 19 anos e saiu dela cando xa tiña 41.
Sempre sentín especial atracción por este personaxe da resistencia antifranquista. Lembro especialmente aqueles anos do oprobio nos que, nas noites de inverno, miña nai e máis eu escoitabamos en Xinzo falar del pola Pirenaica (Radio España Independiente) cando Marcos Ana estaba preso no penal de Burgos. Algunha vez lían poemas seus. Eran composicións de circunstancia, moi na mística comunista da época, que máis tarde lle escoitei comentar moitas veces ao gran profesor Xesús Alonso Montero.
Décadas máis tarde el e máis eu coñecémenos e tratámonos en Madrid a través dunha amiga común cubana. Unha rapaza belísima que nos facía suspirar aos dous. Marcos Ana xa era unha persoa maior, pero gardaba toda a frescura e a fortaleza dos que sufriron e loitaron pola trascendencia das ideas liberadoras. Perdino logo de vista e recupero hoxe a súa memoria viva grazas a Aute, a Saramago, Pedro Almodvóvar, Armando López Salinas e o resto das duascentas persoas que homenaxearon a súa figura no Círculo de Bellas Artes madrileño.

miércoles, enero 20, 2010

Está no Senegal o sitio dos haitiáns?

O drama haitián está dando moito que falar. Abdoulaye Wade, presidente de do Senegal, en declaracións á emisora francesa France Info, ofreceu unha rexión do seu país para que podan regresar a África os descendentes de escravos que agora compoñen a poboación maioritaria de Haití. “O problema é saber como se vai soportar todos estes gastos”, engadiu facendo referencia á responsabilidade histórica dos países europeos na deportación de africans, reducidos á escravitude, aos países americanos.
Wade sostén que a repetición das calamidades que caen sobre Haití faillle propoñer unha solución radical coma de crear en Africa “un espazo, a determinar cos haitianos, para crear nel as condicións do seu retorno”. Na súa opinión, esta volta dos habitantes do país azoutado polo grave terromoto poderíase facer “dunha soa vez” ou en varias voltas se afectase a varios países. Segundo o presidente senegalés, é moi importante “darlles esta oportunidade” aos haitiáns porque “eles non escolleron ir a esta illa e non sería primeira vez que antigos escravos ou descendentes seus son levados de novo a África. É o caso de Liberia, onde tiveron que integrarse coa poboación local para formar hoxe a nación liberiana”.
Abdoulaye Wade vai aínda máis lonxe no seu argumentario cando di que “o noso deber é o de recoñecerlles o dereito a volver á terra dos seus antepasados”. Mamadou Bamba Ndiaye, voceiro do goberno que preside Wade, xa explicou que, se os que volven “non son máis ca unhas cantas persoas, darémoslles un teito e un cacho de terra” e, se regresan en masa, “darémoslles unha rexión”.
Senegal ten, aproximadamente, a mesma poboación que Haití, arredor de 14 millóns de habitantes, e está sometida unha parecida situación de pobreza e corrupción. Polo tanto, o que falta por saber é se Abdoulaye Wade é simplemente un soñador ou está emitindo unha nova visión dos problemas africanos e do mundo.

martes, enero 19, 2010

Bases ilegais

Pode dicilo máis alto, pero non máis claro. A Real Academia Galega (RAG) nunca se pronunciara, ata agora, sobre un asunto de interese xeral, coa contundencia e e o compromiso social cos que acaba de facer pública a súa análise das bases para o decreto do plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia (consultar versión completa aquí).
Segundo o dictame académico, “as Bases que se analizan poderían producir un retroceso no proceso de normalización da lingua galega, que infrinxe a lexislación vixente e maila xurisprudencia emitida polos altos Tribunais e que tampouco se sustenta na mellor organzación do proceso pedagóxico senón, unicamente, en promesas electorais que son de dubidosa legalidade e que, por esta razón, non parecen validables polas urnas”.
Que a RAG decidise dar no seu informe prioridade a criterios xurídicos e non tanto a argumentos sociolingüísticos ou meramente culturais, tendo en conta que no seu colo abondan máis os sociolingüistas e os protagonistas da cultura en xeral que os expertos xurídicos, poderá chocarlles a algúns observadores, pero é evidente que alguén tiña que empezar a dicir o que está dicir agora a institución máis senlleira do idioma galego, precisamente no momento en que todo parece indicar que a RAG vai colocar na súa cabeza a un representante máximo do progresismo cultural galego como é o escritor e político Xosé Luís Méndez Ferrín.

lunes, enero 18, 2010

Atracción fatal

Quen dixo que no BNG domina o pensamento único? No tocante á fusión das caixas de aforro, polo menos, non todos ven as cousas igual. A Guillermo Vázquez, actual voceiro dos nacionalistas, saíronlle respondóns Xosé Manuel Beiras e o propio Anxo Quintana.
O primeiro, segundo publica Faro de Vigo, considera que é un erro fusionar as dúas caixas de aforro galegas, e alerta nada menos que sobre o papel de “tonto útil do PP” que pode estar desempeñando a organización política nacionalista. Quintana, presidente dun Instituto Galego de Estudios Europeos e Autonómicos (IGEA) que foi remozado á súa medida, fixo seu un estudio elaborado polo profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo Francisco Xavier Marínez Cobas para advertir que “dende un punto de vista financeiro, un SIP entre caixas de diferentes territorios é a única opción que previsiblemente eleva a solvencia da caixa e permite o mantemento de emprego, crédito e obra social en Galicia, pero sen dúbida suscita a dúbida sobre o mantemento da galeguidade da caixa resultante”. O informe do IGEA tenta despexar esta redundante dúbida dicindo que “existen mecanismos xurídicos e económicos que aseguran a galeguidade dun SIP a longo prazo”, e sinala que “o natural e desexable sería que as caixas galegas propuxeran como aliadas a outras caixas e comunidades autónomas que persigan a mesma finalidade e nas que o tamaño destas caixas sexa menor ou similar ao das galegas, evitando a asociación con entidades que teñan obxectivos diferentes aos propostos”.
Xa está leado outra vez o asunto das caixas. E a lea agora non ven só do PSdeG-PSOE. Como vai rematar a famosa fusión? Politicamente, como o rosario da aurora. De momento, Quintana vai de compañeiro de viaxe de Caixanova, case da man con Abel Caballero. É curiosa a atracción fatal de Vigo.

sábado, enero 16, 2010

Osama bin Laden Llamazares

Que hai polo mundo adiante servizos policiais que son unha chapuza total non é ningunha novidade, pero que a institución policial máis importante de Estados Unidos e, xa que logo, do mundo, o FBI, se comporte coma un deles xa non se sabe se é para morrer de risa ou para botarse a chorar. Un gardaba, dende cativo, aquela imaxe de seriedade que nos traía a iconografía dos anos cincuenta acerca do FBI ou da Policía Montada do Canadá como algo que podía ser inmensamente superior á nosa Garda Civil ou aos “villeus” que circulaban daquela polas nosas rúas e caenllas, e nin pensaba en que podía pasar con eles algo parecido ao que lle acaba de acontecer a Gaspar Llamazares co Federal Bureau of Investigation.
Hai que ver en que mans andamos, acostumaba dicir o parvo do meu pobo. Que o FBI se fixase nunha personalidade pública española, de esquerdas, para máis inri, para facer o retrato robot do terrorista máis buscado internacionalmente, Osama bin Laden, pode ter innúmeras interpretacións e ningunha boa. A máis inocente podía ser a de que a poderosa organización policial que foi dirixida durante 48 anos seguidos polo contravertido J. Edgar Hoover, sempre preocupado por meter na cadea algún comunista, supostamente homosexual oculto, ademais, cometese agora unha chapuza “PhotoShópica” digna dun rapaz pouco aplicado en Informática.
Xa “cantou” abondo o desconcerto informativo que protagonizaron os servizos secretos norteamericanos co por agora derradeiro intento de atentado dirixido por un terrorista contra un avión, e agora este caso chocalleiro pódenos facer pensar que na alta seguridade internacional hai máis vontade de desenvolver a industria armamentística e instrumental que en aplicar medidas de verdadeira intelixencia. Refírome a que, para eles, todo se resolve con escáneres capaces de espir a Angelina Jolie. Hai que ser chapuzas para facer o que fixeron coa figura de Llamazares. Debe ter algún amigo no FBI porque senón é difícil entender que lle montasen unha campaña de propaganda tan inmensamente internacional.

jueves, enero 14, 2010

Feijóo non sabe inglés

Con tanto inglé que tú sabía,
Bito Manué,
con tanto inglé, no sabe ahora
desí ye.

La mericana te buca
y tú le tiene que huí:
tu inglé era de etrái guan,
de etrái guan y guan tu tri.

Bito Manué, tú no sabe inglé,
tú no sabe inglé,
tú no sabe inglé.

No te enamore ma nunca
Bito Manué.
si no sabe inglé,
sino sabe inglé.

martes, enero 12, 2010

Franco aínda galopa en Ferrol


Franco sempre foi de ida e volta, como se está a ver en Ferrol. Unha calurosa noite do 4 de xullo de 2002, a estatua ecuestre que tiña na praza de España foi trasladada polo Concello, daquela presidido polo nacionalista Xaime Bello, a unha zona museística da base militar naval do Arsenal. Os nacionalistas e os socialistas que daquela gobernaban a cidade non se atreveron a retirar definitivamente unha estatua que agora volve a incordiar por mor de que o Ministerio de Defensa mandou devolverlla ao Concello para dar cumprimento á Lei de Memoria Histórica.
No ano 2002, o caso orixinou unha sonada polémica, especialmente alimentada por un comentarista de televisión local, ben coñecido polas súas ideas ultraconservadoras, que aproveitou o tema para montar unha furibunda campaña contra o nacionalismo moderado que representaba Xaime Bello. O goberno municipal que presidía cometeu o erro de non enfrontar a eliminación da estatua de Franco con carácter definitivo, e ata recorreu a trasladala ao Arsenal a altas horas da noite e a xustifcar o seu desprazamento como consecuencia das obras de remodelación que se levaron a cabo na praza onde estaba ubicada.
Agora, coa decisión do Ministerio de Defensa, o Concello de Ferrol volve ter a pataca quente enriba da mesa. Como propietario que aínda é da estatua, debe facerse cargo dela e decidir sobre o seu futuro. Por moito que disimule o actual alcalde de Ferrol, o socialista Vicente Irisarri, dicindo que aínda non lle consta a notificación do novo estado do problema, o dictador volve estar entre as preocupacións do goberno municipal da súa cidade natal. E agora que? Refundirana dunha vez para crear outra que lembre as vítimas da ditadura, como piden dende Esquerda Unida?

lunes, enero 11, 2010

O aprendiz de bruxo

Hai na Xunta un político de novo cuño que parece talmente tirado da Der Zauberlehrling de Goethe e de L’Apprenti sorcier de Paul Dukas. Ninguén mostra tanto interese en enfeitizar unha vasoira para que lle axude a levar a auga ao seu muíño. Chámase Anxo Lorenzo, exerce de secretario xeral Política Lingüística e é o noso particularísimo aprendiz de bruxo.
De crítico dos que non promovían o desenvolvemento do idioma galego pasou, nun tristrás, a representar o papel de intelectual orgánico da melopea antigalega que puxo a andar a chegada de Núñez Feijóo ao Goberno. Aprendeu tan rápido e mudou con tanta premura o seu discurso que xa non o supera ninguén manexando o vocabulario e a ideoloxía dominante da Xunta. De manterse calado, case mudo, durante a primeira etapa da súa nova vida política, pasou a despentearse ultimamente como o Sánchez Dragó do liberalismo lingüístico que se quere implantar nas escolas. Fala de “maioría silenciosa”, “extremistas”, “organzacións secotoriais” e “folgas preventivas” case co mesmo desprezo de Fraga cando era ministro de Franco e se manifestaba acerca dos comunistas, en xeral, ou de Tina la Asturiana, o estudiante Ruano ou Julián Grimau, en particular. Lorenzo é dos que non dubidan en separar o trigo da palla, e decatase rapidamente de que os que non están con el están contra el. Case como no franquismo. Anxo Lorezo, l’apprenti sorcier. Con letra de Gloria Goethe Lago e música de Dukas Feijóo.

viernes, enero 08, 2010

Caen as neves

Caen unhas folerpiñas de neve e Lugo e Santiago convértense nun caos circulatorio, sete conselleiros da Xunta non poden chegar a tempo ao traballo e xente do PSOE e do BNG teñen que suspender rodas de prensa. Que pasaría se nos tocase vivir en Noruega, en Suecia, ou nas mesmas Alemania e Inglaterra? Seguramente eramos capaces de non saír das nosas casas durante medio ano.
Entrar ou saír hoxe de Santiago, ata o mediodía, era unha aventura. Coches sen cadeas conducidos por persoas que saben tanto de manexar pola neve como de resolver teoremas difíciles, ausencia total de medios e materiais de prevención e de resolución de problemas circulatorios… Somos un país moderno e desenvolvido. Sabemos como construír cidades da cultura ou como cambiar Audi por Citröen, pero engudellámonos cando nos cae unha nevarada de nada.
Regresando a Instrumento escoitaba os camioneiros protestar pola falta de maquinaria quitaneves cando eran entrevistados polos xornalistas da Radio Galega. Choverá, nevará, volverán irse a pique barcos cargados de petróleo, pero sempre saberemos mellor organizar festas que enfrontar intemperies.

jueves, enero 07, 2010

O laicismo francés e as cruces de Xoán Paulo II

Francia segue a ser aínda unha República laica. O Tribunal Administrativo de Rennes (Bretaña) acaba de declarar ilegal a subvención de 4.500 euros que lle foi atribuída ao concello de Ploërmel para dedicarlle ao Papa Xoán Paulo II a estatua que foi inaugurada o 10 de decembro de 2006. Terá, polo tanto, que devolverlle esa cantidade ao Consello Xeral de Morbihan.
Dous afiliados da Federación do Libre Pensamento, que viven en Vannes, André Le Béhérec e Pierrick Le Gennec, pediron que se anulase esa dotación económica cando foi aprobada polo Consello Xeral de Morbihan o 20 de outubro de 2006. Baseáronse nunha lei de 1905 que estipula a separación entre as iglesias e o Estado francés e que precisa que “está prohibido fixar ou colocar algún signo ou emblema relixioso sobre monumentos públicos ou en calquera outro emprazamento público, agás nos edificios dedicados ao culto”.
O xuíz considerou que “a liberdade de conciencia” e “a neutralidade do servizo público no tocante aos cultos” non foron respectadas no caso da estatua erixida en Poërmel na memoria do anterior Papa. Segundo a súa sentencia, o feito de que fose erguida nunha praza pública presenta un “carácter ostentatorio”, debido que a cruz coa que está coroada só é o símbolo da relixión cristiana.
O presidente do Consello que otorgou a subvención, Joseph Kerguéris, xa anunciou que o departamento de Morbihan non vai recorrer a decisión xudicial, pero aproveitou para calificar a demanda que deu orixe a esta medida como “o combate reaccionario dunha banda de laicistas axitados e sectarios”, segundo publicou o xornal de Brest Le Telegranme.
A escultura en cuestión é obra do artista ruso Zurab Tsereteli e foi construída e inaugurada cando era alcalde de Ploërmel Paul Anselin, que declarou con retranca que “agora só falta conseguir do tribunal a orde de demolición”. Pierrick Le Guennec, representando a Federación do Libre Pensamento, xa lle colleu a palabra, e anunciou que van pedir que a estatua sexa retirada do seu emprazamento público.
E agora a pregunta do millón: podería haber en Galicia algún xuíz que dictase unha medida coma esta? Ou, para empezar polo principio, temos nós unha lexislación que puidese permitir unha decisión coma que tomou o Trubunal Administrativo de Rennes? Claro que, agora que me lembro, nós non somos unha República.

martes, enero 05, 2010

Unha cea en tres idiomas

Nin zapatos de tacón de Beatriz Mato, nin gravatas e porta puros de Mariano Rajoy, nin escultura de Agustín Hernández, nin cadros de Samuel Juárez, nin colgante de Pilar Farjas, nin bolígrafos de Pilar Rojo e de Rosa Quintana, nin rabo de gaitas. Aquí o que vale é cear a soas co presidente da Xunta no castelo do Príncipe Pío. E é un home e non unha muller, o que vai pagar 1.300 euros por ese ágape.
Se cadra non é insignificante este detalle. Por se alguén pensaba que o noso presidente erguía paixóns entre a población feminina, o resultado da poxa levada a cabo en Ebay non parece indicalo. O que máis interese demostrou en cear con el é un representante do sexo masculino. Será por amor, simple curiosidade, interese persoal? Pensará que lle vai poder contar ao presidente da Xunta algunha das súas coitas? Tentará convencelo de que faga algo dunha determinada maneira? Cearán os dous sòzinhos á luz dunha vela? Onde estará esa noite Carmen Gámir? Falarán en galego, en castelán ou en inglés? Propóñolles galego para o primeiro plato, castelán no segundo e inglés na sobremesa, e que vaia Anxo Lorenzo cronometrar a sesión.
Pobre Mariano, levar gravata e fumar puros toda unha vida para isto, cando o que mola é cear co rapaz dos Peares! O que tamén fica claro é que non é precisamente a arte o que impresiona nos corredores do PP: dous cadros pintados polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, por 100 euros. Compréndese no caso dos zapatos de tacón-punta-tacón de Beatriz Mato, que a fin de contas xa serían usados, pero no bolígrafo co que a presidenta do Parlamento asinou a designación de Feijóo como presidente da Xunta ou na escultura do amo das escavadoras, ben pouca sensibilidade demostraron os poxantes.

A fregona e a maleta de rodas

Moi interesante o artigo que publica Juan Carlos Rodríguez Ibarra en El País. Titúlase Fregonas y maletas de ruedas, e pon no seu sitio os interesados “artistiñas” que se empeñan en que a Sociedad General de Autores de España (SGAE) sexa unha segunda Inquisición (neste caso económica).
“Resulta chirriante –escribe o ex presidente da Junta de Extremadura– escoitar a algúns creadores musicais e cinematográficos españois cando falan, ata a náusea, das súas creacións e da súa propiedade intelectual, danada, segundo eles e a SGAE, pola piratería informática”.
Como se ve, tampouco no PSOE pensan todos os políticos igual. Rodrígez Ibarra plantexa, entre outras, esta pregunta: “Acaso cando alguen compón unha balada, pola que reclama a propiedade intelectual, non está creando algo sobre creacións anteriores ou contemporáneas a el?”. Rechamante a reflexión que fai Rodríguez Ibarra sobre a fregona e a maleta de rodas relacionadas co afán recaudador dos chamados creadores españoles.

lunes, enero 04, 2010

Baltar non é Yves Rocher, pero quere parecérselle




Plutarco se cadra non as consideraría vidas paralelas, pero algo teñan as dúas en común. Refírome a saga ourensá-galega dos Baltar e a bretoa-francesa dos Rocher. Xosé Luís Baltar leva varias décadas empulincado no poleiro do poder provincial e o recentemente falecido Yves Rocher, fundador do poderoso grupo fabricante e distribuidor de cosméticos, foi alcalde do concello bretón onde naceu, La Chantilly, de 1962 ao 2008, ou sexa, durante 46 anos. Coma Baltar desempeñou, ademais, outros cargos políticos.
Xosé Luis Baltar foi alcalde de Nogueira de Ramuín dende 1976 a 1995, sempre con maioría absoluta como o famoso industrial francés. En 1990 foi elixido presidente da Deputación de Orense, cargo que aínda desempeña despois de recuncar nas eleccións de 1991, 1995, 1999, 2003 e 2007. Agora anda empeñado en que o seu sucesor sexa o seu fillo Xosé Manuel Baltar, actual vicepresidente do Parlamento Galego.
Yves Rocher deixou a alcaldía de La Gacilly para que o sucedese un dos seus fillos, Jacques Rocher, e, xa antes de morrer, deixou asegurada a súa sucesión na presidencia do Grupo Rocher para un dos seus netos, Bris Rocher, a quen lle morreu o pai en 1995.
Hai, porén, unha gran diferenza entre as dúas sagas. Baltar non desenvolveu, a partir de cero, un gran grupo industrial e económico como o que foi fundado por Yves Rocher en 1959, extendido hoxe por cinco continentes e 80 países, con 30 millóns de clientes, 300 millóns de produtos elaborados cada ano nas súas propias fábricas, 1.600 centros de beleza, 15.000 traballadores integrados no seu cadro de persoal e máis de 220.000 empregos indirectos.