sábado, julio 12, 2014

De iletrados e bárbaros


Aínda vai resultar que os coroneis da Real Academia Galega son todos e cada un unha especie rara de sanfranciscos de Asís que nunca rompen unha folla nin pisan unha fror. Con tal de levaren os zapatos ben lustrados son quen de roubarlle o betún a todo quisque que se atreva a facerlles algunha crítica. E parece que, no tocante a todo isto, son todos iguais, sexan de dereitas, de esquerdas ou mediopensionistas. No fondo son como os médicos que había antes, corporativistas por riba de todo.
Non hai máis ca ler as declaracións que viñeron facendo os que abriron a boca pola polémica que ocasionou a designación de Xosé Filgueira Valverde para celebrar o Día das Letras Galegas do 2015. Hainos, coma X.L. Franco Grande, que ata se atreven a examinar de cultura xeral aos “que enchen diarios, blogs e demais medios coas súas protestas e desaprobacións sobre o autor elixido”, deixándonos a todos para setembro porque, segundo el, “nin leron a importantísima obra de Xosé Fernando Filgueira Valverde, nin saben que nunca, ao longo da súa longa vida, deixou de servir á causa de Galicia, nin que, en momentos aínda difíciles, defendeu con brillantez nas Cortes franquistas o estudo da lingua galega, nin que en actos oficiais, dos que hai representación gráfica, mentres outros erguían o brazo ao xeito fascista, el mantíñao baixado...”.
Deixando de lado ou para mellor ocasión a “representación gráfica” que pode haber sobre a colaboración co franquismo e cos seus símbolos atribuíbel a Filgueira Valverde, sorprende a actitude intelectualmente belicosa destes sumos sacerdotes da nosa cultura, repartindo bulas de sabedoría e diplomas de antibarbarie. Franco Grande ata revolve no subconscente da cultura galega dicindo que Filgueira "non fixo poemas a Franco nin ás forzas represivas, como certos supostos esquerdistas”, e que “xa quixeran os que tanto barullan ter no seu haber unha pequena parte da entrega ao país e á súa cultura que el tivo”. Está claro que Franco Grande non se refire a Álvaro Cunqueiro, que non foi un suposto esquerdista nin lle escribiu poemas a Franco senón a José Antonio Primo de Rivera, nin a Gonzalo Torrente Ballester ou a Eugenio Montes. Esta malicia do señor académico vigués sabemos todos por onde tenciona ir, e non representa precisamente un carro cargado de elegancia.
En fin, que maneira máis simple de arremeter contra os que critican a designación de Filgueira chamándolles iletrados e bárbaros. Iletrado non sei, pero bárbaro seguramente será algo quen fai un uso tan primario da súa ilustración. Xa estamos chamándolles estranxeiros aos que non pensan coma nós, e iso é o que fan os nacionais das patrias excluíntes.

miércoles, julio 09, 2014

Fernando Vázquez


Nunca fun –nin vou ser– afeccionado ao fútbol, a penas pisei un campo de primeira división máis de cinco veces en toda a miña vida e aínda sigo sendo dos que pensamos que o chamado deporte rei ten máis de negocio e de opio do pobo que de deporte, pero todo isto non me priva de interesarme moito algunha vez polos grandes acontecementos futbolísticos. Procurarei, por exemplo, non perder a final deste Mundial, para a que pronostico ás sete da tarde do martes 8 un match Arxentina-Alemania a uña de gato, como non perdín a sorprendente humillación que lles perpetraron os da Merkel aos brasileiros.
E como me intereso agora especialmente pola infamante destitución que lle acaba de perpetrar a nova directiva do Deportivo da Coruña ao adestrador que lle fixo recuperar a honra de pertenecer á primeira división, Fernando Vázquez. Nin que Tino Fernández e os seus mariachis fosen todos académicos da Galega. Para unha vez que tiñan un adestrador que lles devolveu a honra deportiva e que situou o Deportivo no camiño de comportarse como un auténtico equipo galego, van eles e botan do parnaso a Castelao para substituílo por Filgueira Valverde ou se cadra por calquera Victoriano García Martí que atopen á man.
De Fernando Vázquez acaba de escribir Manuel Bragado que “saíu de Vigo pola presión dos sectores máis conservadores do celtismo, tras un ascenso contundente e unha gran temporada en primeira que levou o equipo á competición europea”, e que agora “foi destituído como adestrador do Deportivo tras outro ascenso meteórico cun equipo improvisado”. Para o director de Edicións Xerais, o cesamento coruñés “amosa o caprichoso e inmaduro comportamento dos actuais dirixentes do Deportivo, a penas outro froito do elitismo coruñés máis cavernario”.
Dificilmente se pode expresar mellor o que lle acaba de pasar a Fernando Vázquez, adestador a quen seguramente os de Tino Fernández non lle perdonaban nin sequera que falase en galego e menos aínda que se atrevese a dicir de vez en cando o que pensaba non só deportivamentente senón tamén cívica e socialmente. Vázquez, que sabe máis inglés ca Tino Fernández, para iso é profesor da materia, exprésase en galego porque é galego e porque leva na cabeza e no corazón a idea e o sentimento do que podería e debería ser un fútbol galego. E iso é o que non lle perdoan os do elitismo cavernario da Coruña. Pior para eles. Fernando, con equipo para adestrar ou sen el, sempre será unha persoa digna e respectábel, e nunca formará parte do país dos ananos.

domingo, julio 06, 2014

Academia Galega e Filgueira, polémica servida

Filgueira Valverde "vendendo" as excelencias de Celulosas de Pontevedra.

A Academia Galega é definitivamente algo sen remedio. Dá igual que a presida un galeguista, un nacionalista, un comunista ou o gaiteiro de Soutelo de Montes, coa salvedade de que se cadra ao gaiteiro de Soutelo aínda lle daba por repinicar unha muiñeira ben repinicada. Nin García Sabell, nin Paco del Riego, nin Barreiro, nin Ferrín nin agora Alonso Montero foron quen de resucitar como era preciso unha institución que leva décadas empeñada en navegar fóra da realidade e dos tempos que lle tocou vivir.
Precisamente cando no terreo político a sociedade galega e a española en xeral parecen estaren tomando conciencia cada vez máis crítica do que nos está pasando, aló vai a Academia Galega e encara a celebración do 17 de maio dedicándolle o Días das Letras Galegas a un valor seguro da cultura e da literartura galegas, pero marcada e doadamente relacionábel cun pasado recente da España máis reaccionaria e ata fascista que representou o franquismo. A Louis-Ferdinand Céline, un dos escritores máis influíntes do século XX, o Goberno francés quíxolle dedicar unha homenaxe no ano 2011, pero tivo que ser cancelada pola presión de grupos sociais que denunciaron as súas opinións antisemitas. Xosé Filgueira Valverde, o elixido pola Academia Galega, non foi acaso o noso Petain que gobernou en nome de Franco a cidade de Pontenvedra, participou nas Cortes do ditador e promoveu a imprantación dunha fábrica de celulosa na ría de Pontevedra?
Dende hai varios anos son moitos os que veñen promovendo que a Academia Galega lle dedique o Día das Letras a Ricardo Carballo Calero, proposta que sistematicamente ven caendo en saco roto por causas que cada vez son menos os que as ignoran. Que magnífica ocasión perdeu este ano a institución presidida por Alonso Montero para non meterse no fregado de Filgueira e restituirlle a Carballo a honra que, anos tras ano, lle ven sendo escapulida.
Descoñezo a responsabilidade que lle pode corresponder a Xesús Alonso Montero nesta designación que está chamada a cuestionar, unha vez máis, o controvertido papel da Real Academia Galega, pero xa me está empezando a sorprender que nas primeiras declaracións para xustificar a escolla deste ano o intelectual marxista e o cidadán comunista que con todo mérito representa o presidente da Academia Galega insista tanto na separación dos valores cívicos e políticos dos culturais e literarios. Argumentos así non deixan de sorprender en tan teimudo seguidor de Antonio Gramsci e divulgador de Gyorgy Lukács.