sábado, mayo 30, 2009

Lingua, ciencia e papanatismo


Tiveron que ser científicoss galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra, un dos laboratorios científicos máis importantes do mundo, os que lle viñesen tapar a boca a un indocumentado tan estentóreo como é o voceiro da Confederación de Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados que responde ao nome de Xosé Ramón Hermida, por dicir que “Químicas e Físicas, con tantas nomenclaturas internacionais, non poden darse en galego”.
Coñezo a un deses investigadores, Marcos Mariño Beiras (o que aparece na fotografía), que foi alumno destacadísimo da Universidade de Santiago sen que esa condición lle valese para librarse da emigración. Profesou en universidades de Estados Unidos e hoxe é doutor en Física de Partículas e catedrático de Física Matemática na Universidade de Xenebra, a pesar da súa xuventude.
No manifesto público que acaban de facer estes científicos lémbranlle a Feijóo e, sobre todo, aos seus mariachis da desgaleguización, algo que o presidente da Xunta debería ler varias veces: “Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para iso é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, dende logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e, desde logo, se algunha lle discutiu no pasado tal condición, esa non foi o castelán”.
Quizais se lles poda dicir máis alto, pero no máis claro, o equivocados que están os que queren sacrificar o galego dicindo que só é lingua de exaltados, aldeanos e culturetas. O malo é que, mentres que os científicos galegos que están no exilio son os que poñen o acento onde hai que poñelo, os de aquí parecen estar nas catacumbas. Caladiños coma mortos. Universidades e investigación, incluídas. Ou quizais andan a mirar de onde lles cae a tallada. Se cadra é porque pensan que poden construír avións nas terras do esquecemento.

viernes, mayo 29, 2009

Desafiante Lorenzo

Acabo de ler as declaracións do seceretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no Encontro Dixital de La Voz de Galicia. Moi interesantes. Lorenzo contesta en galego aínda que a pregunta que lle fagan lle fose expresada en castelán. Todo o que di pode ser gustosamente aceptado tanto polos partidarios do PSOE como do BNG e, sen lugar a dúbidas, polas moreas de independentes que nos sentimos amantes e defensores da cultura e do idioma que nos son máis propios. Neste sentido, o futuro consenso estaría asegurado por máis da metade dos galegos.
Definitivamente, se o xulgamos polo que di neste encontro, Anxo Lorenzo sería un bo secretario xeral de Política Lingüística dun goberno como o que presidiu Emilio Pérez Touriño. Tan bo ou moito mellor aínda do que o foi Marisol López, pero algo me fai pensar que pillou o tren nunha estación equivocada. E nunha dirección tamén errada. As súas palabras de hoxe contradín abertamente, e case desafían, as medidas anunciadas e xa comenzadas a tomar polo presidente da Xunta e polo conselleiro de Educación. De seguir esta esquizofrenia, alguén ha ter que demitir ou ser cesado nun futuro próximo, e é de supoñer que o que dimita no vaia ser o presidente da Xunta.

A prepotencia arrogante de Xesús Lence

Aleccionadoras as declaracións que publica hoxe El País do empresario lucense Xesús Lence, patrón de Leite Río. Ademais da prepotencia arrogante que reflexan as súas palabras, total irrespecto á lexislación vixente. Quen foi inhabilitado por unha condena xudicial para exercer o cargo de administrador, por un delito cometido contra o medio ambiente, di que sigue pilotando a empresa “exactamente igual” ca antes. “Pasei de administrador a apoderado. Están os meus fillos como administradores”, cacarexa este empresario modélico.
Todo oque di Lence non ten desperdicio. Insiste en ameazar aos gandeiros mandándolles o aviso de que, se non son educadiños e sumisos cos seus “inspectores” (será esta unha nova categoría laboral recoñecida pola Administración pública?), xa poden ir buscando outro comprador ou facendo papas co leite todos os días. “Se non hai garantía de liberdade –advirte este campión do liberalismo leiteiro– non recollemos. Temos 30 millóns de litros en stock na fábrica. Aínda que pasemos un mes sen recoller, sóbranos leite”.
Na súa opinión, os sindicatos do sector non teñen idea do que pasa co leite. “Para saber se o sector lácteo está ben ou mal, a clave é ver o que di a banca.O que din as centrais non vai á misa”. A súa inquina diríxese especialmente ao Sindicato Labrego Galego: “Ante este conflito non teñen máis ca chamarme e pedirme desculpas. A min, ao inspector, ao xefe de campo… Se non estamos recollendo leite é porque nos dixeron que von volvésemos por alí. O Sindicato Labrego non sabe o que di nin a onde vai. Os seus representantes están denunciados. Isto é unha desorde”.
Segundo Lence, tampouco saben a onde van a maior parte dos gandeiros galegos. “De trece mil gandeiros –di o empresario que non está denuniado senón condenado por delito contra o medio ambiente– saben producir catro mil. Se o gandeiro non sabe producir a uns custos determinados, terá que deixalo. É o mercado”.
Inhabilitado para administrar a súa empresa estará, pero para darlle á lingua parece que a Xesús Lence aínda lle queda músculo.

jueves, mayo 28, 2009

Por que Izquierdo e non Maneiro?

Por que Feijóo escolleu a Alfonso Sánchez Izquierdo e non a Arturo Maneiro, por exemplo, para dirixir a que seguramente volve a ser a Telegaita? O elixido, ligado ao xornal La Región ata o ano 2008, é un profesional máis ou menos independente que sempre se distinguiu polo seu caracterizado afán de levarse ben con todos. Entre os que o coñecen de preto, non falta mesmo quen lle reprocha ser excesivamente “templagaitas” e inimigo total de calquera polémica aguda.
Seguramente di a verdade Feijóo cando asegura que con Sánchez Izquierdo quixo lograr polo menos un mínimo consenso antes de cesar a Benigno Sánchez. Sabía ben que o candidato que escolleu mantiña unha boa relación persoal de toda a vida co actual máximo dirixente dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, e quizais pensou que con el era posíbel cumprir a promesa de consensuar o nomeamento de tan alto cargo antes mesmo de que algunha vez se leve a cabo por fin a reforma legal da xestión da televisión e da radio públicas. O tiro, porén, saiulle pola culata e a CRTVG segue a ser o que foi sempre dende o seu nacemento: un complexo grupo de medios públicos ao servizo de quen está no poder.
Sánchez Izquierdo, como no seu día Benigno Sánchez, chega ao complexo de San Marcos como o seu máximo dirixente con carácter transitorio. Se Feijóo non imcumpre como icumpriu Touriño a promesa de de levar ao Parlamento unha nova lei que regule a xestión da radio e da televisión públicas, o seu mandato pode durar meses ou anos, pero está sometido ao que no seu día determine esa prometida regulamentación legal.
No canto de Arturo Maneiro, que puido ser outro candidato firme para suceder a Benigno Sánchez, trátase dun perfil aínda ben diferente. Maneiro é un coñecido mebro do Opus Dei, pero tamén un dos xornalistas galegos máis competentes e independentes do actual panorama. Dende os seus xa lonxanos tempos dun El Ideal Gallego, que marcou daquela un antes e un despois da prensa galega, sempre estivo na brecha do xornalismo desadormecedor. Amante de cultivar a opinión, a polémica e o debate, nunca esconde o que pensa nin aforra a crítica cando é necesaria nin sequera cando ten que dirixila contra os que os demais podemos pensar que son os seus. Persoalmente, coido que podía ser un bo director xeral da televisión de Feijóo e ata me atrevo a sospeitar que, se non foi el o elixido, se cadra é debido a que se buscou a alguén menos afeccionado a cantar as corenta cando fai falta. Confeso que lle teño aprezo persoal e profesional e que considero unha pena que Arturo Maneiro non sexa un dos chamados a gobernar a comunicación pública da nova xeira galega.

miércoles, mayo 27, 2009

Ramón Piñeiro, anticomunista sectario

Débolle ao Foro de Arroutada o que finalmente non me pasase desapercibida a interesantísima entrevista que lle fixo Xosé Ramón Pena a Xosé Luís Méndez Ferrín, publicada por Faro de Vigo. O gran escritor nacionalista é, ata agora, o único que se desmarca da orquestada campaña pro Ramón Piñeiro que está a levarse a cabo mesmo por parte do aparato cultural do actual goberno conservador de Galicia.
O autor de Regreso a Tagen Ata comenza clarexando que non é un escritor satírico e que non é certo que o seu personaxe Ulm Roam sexa para nada un trasunto do autor do Siñificado metafísico da saudade. “Non hai nada diso –di Ferrín–. Ulm Roam é unha figura que actúa dentro dun movemento de liberación nacional: trátase de alguén que, nun momento determinado, decide abandonar o combate e aceptar unha solución pactada co dominador. Este personaxe existiu realmente en diferentes movementos de liberación nacional; por exemplo en Irlanda temos a Michael Collins. Unha lectura “irlandesa” da obra podería considerar que Ulm Roam é Collins. Pero tampouco sería verdade; en realidade, Ulm Roam é un personaxe de ficción, iso é todo”.
Para Médez Ferrín “o de Ramón Piñeiro é un anticomunismo propio da Guerra Fría. El temía moito que o seu círculo se contaminase da influencia do Partido Comunista; de aí que marcase unhas barreiras moi drásticas. Mesmo, en privado, chegou a acusar de comunistas a Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo, ou a mirar con moi malos ollos a miña amizade con Luís Soto e cos exiliados de México”.
Ao entrevistado parécelle un chiste a suposta pertenencia de Piñeiro á CIA, pero dá por certo que “o del foi un claro espazo de difusuón de propagada inspirada pola CIA”, e aporta un dato concreto: “A CIA, ao ver como medraban as CC-OO, promoveu a creación de sindicatos que virían frear tal proceso; ese sindicato chamábase ASO (Asociación Sindical Obrera). A propaganda de ASO, espectacularmente ben deseñada e impresa en Perpignan, foi difundida desde o despacho de Ramón Piñeiro. Cando se creou o PSG, o primeiro periódico do partido, titulado “Adiante”, apareceu impreso nese mesmo enderezo, en Perpignan. Repito que non creo que Piñeiro fose axente da CIA, pero si que estaba abertamente nesa órbita, diso non cabe dúbida ningunha. Polo demais, é natural, dado que el era atlantista e estaba de acordo cos proxectos políticos dos Estados Unidos”.
Ferrín di que Piñeiro acabou entrando no PSOE “para ser escoitado, para ser oído decide entrar en contacto co PSOE porque doutro xeito tiña que permancer na casa, sen máis”, e considera as súas ideas fracasadas por completo: “Todo o pensamento filossófico de Piñeiro, a filosofía da saudade… iso é unha antigalla que produce hilaridade. A súa concepción da literatura galega é reduccionista, moi pobre. A condena do nacionalismo non tivo ningún éxito porque non hai ningún partido galeguista non nacionalista. Que queda de Piñeiro? Queda o que fixo pola lingua, pola cultura. Pero iso teno que compartir, entre outros, con D. Paco del Riego que foi o verdadeiro motor da editorial Galaxia”.
Ferrín móstrase sorprendido de que haxa xente que antes estivo enfrontada con Piñeiro e que agora defende a súa figura: “O máximo defensor que hai hoxe da figura de Ramón Piñeiro é o presidente Núñez Feijóo. Tamén o Opus Dei, ou teólogos como Torres Queiruga, aprezan moito a súa figura, o que xa ten o seu aquel tendo en conta que Piñeiro era ateo. É curioso que un escritor comunista como Xesús Alonso Montero tamén reivindique ao máis grande anticomunista que houbo no galeguismo… non sei como o explicará”.
Por non recoñecerlle, Ferrín nin sequera lle recoñece a Piñeiro a súa sonada sobriedade socrática: “A sobriedade e todas esas virtudes serán magníficas. Non obstante, Ramón Piñeiro daba todo por Galicia, pero nunca tivo unha relación laboral con nada. Desde 1943, foi un liberado: primeiro, do Partido Galeguista, e, máis tarde, polo grupo Galaxia. Eu non critico tal cousa, pero esa é a verdade. Non dubido da súa ética, pero non é superior á de calquera outro resistente antifranquista. Canto á humildade… Piñeiro era alguén dominado pola paixón de mando, por posuír as conciencias dos demais. Penso que foron moitas as persoas que se deberon sentir enganadas por el e que o foron abandonando. Cando entrou como deputado no PSOE, os seus ompañeiros que figuraron como “galeguistas históricos” non eran tales; porque se Alfredo Conde ou Carlos Casares se consideran “galeguistas históricos”, eu debo ser “galeguista paleolítico” ou algo así”.
Outra perla maís. Cando o entrevistador lle pregunta se con Piñeiro non estamos diante dun sectario, Ferrín responde: “Totalmente. Para sectarios el, que actuaba como un gurú, e máis o seu grupo. Quen lle dá auatoridade a Ramón Piñeiro? Estamos diante de alguén que se cre escolleito para dirixir as conciencias e que pensa que o país non estaba preparado para recibir a gran mensaxe. Os seus xuízos, é duro dicilo, eran apodícticos; parecía que che estaba suxerindo algo cando, en realidade, só quería impoñer e impoñer. Non obstante, teño que dicir que a min non me perturbou nada a súa persoa”.
Xosé Luís Méndez Ferrín, académico da RAG, votou en contra de que se lle dedicase a Piñeiro o Días das Letras deste ano. Aínda así, acudíu á celebración que tivo lugar en Láncara o 17 de maio e non estivo presente na manifestación desenvolvida ese día en Santiago a favor da lingua galega.

martes, mayo 26, 2009

A fogueira das vaidades

Nunca un goberno galego defraudou tanto en tan pouco tempo como o de Alberto Núñez Feijóo. En mes e medio, foi quen de regresar a gobernaza galega ás ideas “fundamentalistas e fanáticas dun pasado preconstitucional”, como ben lle botou en cara Manuel Rivas nunha entrevista en RNE. Co anuncio de “novos decretos e novas regulacións que nos devolvan ao franquismo”, como apuntou igual de ben Fermín Bouza, quen engadiu que “estes señoritos reaccionarios, tan alonxados do xenio creador e revolucionario da burguesía histórica dedícanse a esta clase de gamberradas que xa tiñamos esquecidas dende o citado xeneral e paisano noso (Franco).
Co superdelegado de Ourense empapelado nos tribunais de Xustiza por presuntos delitos pouco dignos dun representante público, co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a piques de selo, co de Presidencia tamén posto na picota e co caso Gürtel petándolle á porta, só faltaría que Feijóo pensase que lle abondou con afastar da súa beira a Luís Carrera para converterse no campión da loita contra calquera forma de corrupción.
Nunca un gobernante galego (nin Rosón, nin Fernández Albor, nin Laxe, nin Fraga nin calquera dos demais, Xosé Quiroga incluído) se empeñou en botar na terra tanta semente separadora coma o actual inquilino de Monte Pío. E o caso é que Feijóo enganounos a todos porque non parecía que fose ser así. Antes de agora, a min nunca se me ocurría pensar que o político que tanto fala dun “galeguismo cordial”, que parece ter máis que ver co cuore da revista Hola que coa interpretación da saudade de Piñeiro, fose quen de gastar máis enerxías en arredar o galego que en axudar aos labregos e gandeiros a superar a crise ou a mellorar a sanidade. Refén dunha Gloria Lago chea de autoodio e do reaccionarismo solapado que quedaba en Galicia, o presidente da Xunta parece entregado á tarefa de devolvernos ao pasado por moito que trate de agachar a súa estratexia e a súa táctica nun galeguismo que lle é totalmente alleo e ao que non lle está prestando máis atención ca de servirse del para empurrar o cabalo de Troia do seu españolismo máis reaccionario. Núñez Feijóo, que tanto se esforza en por a raia o nacionalismo, é el mesmo un nacionalista. Un nacionalista español que bebe máis na insulsa pseudofilosofía de Jiménez Losantos e de Pedro J. Ramírez que nas ideas do máis moderado dos galeguistas.
Que fan, logo, ao seu carón aqueles que agora denuncian a existencia de prantadores de salgueiros? O que fixeron xa con Fraga. Levar maletas, escribir discursos e inchar o fole dunha gaita desafinada que só toca aturuxos involucionistas. Uns porque teñen o aparador cheo de fantasmas, outros por vendettas badocas e case todos por ver o que cae na cesta. O espectáculo non fixo áinda máis que comenzar, e hase ver a onde chegan as brasas da fogueira das vaidades.

lunes, mayo 25, 2009

Xesús Lence e o dereito de pernada

Volven algúns empresa-
rios galegos aos malos modos, ás ameazas e á pretensión de exerceren o dereito de pernada. Xesús Lence, adminis-
trador único de Leche Río, manifestoulle a Efe que “se isto non cesa, mañá non saímos recoller e quedará todo o leite no campo”, referíndose ao que el considera unha postura inaxeitada do Sindicato Labrego Galego.
Pouco antes, este empresario xa fixera saber que non volvería a recollerlle o leite a un labrego de Ribadeo se antes non lle pedía perdón por algo que Lence consideraba unha ofensa. Non estaremos volvendo aos comportamentos medievais que rexían as relacións entre señores feudais e vasalos?
Xesús Lence, que algunha vez coqueteou cos nacionalistas do BNG mentres que tiveron ao seu cargo a Consellería de Medio Rural, volveu a mostrarse tal como é en canto a dereita –sen dúbida os seus– recuperou a Xunta. Xa non ten porque andar con desemulos. Se os labregos non fan o que a el lle interesa, lock out ao canto. Que coman eles o leite que producen as súas vacas. Que el xa o traerá de Francia ou de onde faga falta.
Algo está a cambiar en Galicia. O malo é que é para irmos a pior.

sábado, mayo 23, 2009

Esquizofrenia


A política educativa, cultural e lingüística do novo goberno galego comenza a instalarse nunha preocu-
pante forma de esquizo-
frenia que non conduce máis ca confusión e á icertidume. Por un lado, o presidente de Xunta e os seus conselleiros de Presidencia e Educación non deixan pasar un día sen facer acenos aos partidarios de arredar cada vez máis o idioma galego da realidade oficial. Por outro, o conselleiro de Cultura e o impactante secretario xeral de Política Lingüística parecen estaren dispostos a levar ata o límite o posibilismo que seguramente inspirou as súas chegadas aos cargos respectivos.
Este comportamento supostamente esquizoide viviuse onte, por exemplo. Mentres que Roberto Varela e Anxo Lorenzo asistiron oficialmente á homenaxe que lle rendeu o Pen Club de Galicia a Marcos Valcárcel, Rueda e Feijóo volveron a darlle unha puntilla ao galego anunciando a obrigación de ser empregado nas oposicións a determinados postos da función pública. Varela e Lorenzo ata asistiron impasibeis á retranca republicana e antifascista que Xesús Alonso Montero tivo a ben utilizar na súa laudatio a Marcos Valcárcel, para o que volveu a reclamar o título de cronista da República Galega das Letras que suxeriu o profesor de Peruggia Pietro Molteni.
O conselleiro de Cultura aproveitou o acto para comprometerse a levar a cabo a celebración do Ano da Lectura no 2010 e a desenvolver durante o seu mandato a desexada Lei do Libro. Menos expresivo manifestouse o secretario xeral de Política Lingüística, que non dixo nada rseñábel, e que hoxe aparece en El País nunha entrevista na que critica a súa predecesora no cargo, Marisol González, coa que colaborou durante o mandato do bipartito.
Outro que tamén parece estar disposto a arranxar contas co goberno anterior é o propio presidente do Pen Club de Galicia, Lois González Tosar, o célebre Che, que non aforrou fraseoloxía para referirse, sen citalo polo nome, ao anterior director xeral de Promoción Cultural e Promoción da Cultura, Luis Bará, referíndose a el como “ese home de Pontevedra” para recriminarlle que non fose quen de recibilo nunca durante os catro anos que estivo no poleiro. Ás veces a vida cultural galega non é tan aburrida como poda parecer.

Foto tomada de As Uvas na Solaina.

viernes, mayo 22, 2009

Real Academia Parada

Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega dende o ano 2001 e a piques de rematar o seu mandato (quédanlle seis meses), é coma Saulo. Caeu do cabalo en canto a luz cegadora de Feijóo lle saiu ao paso nalgunha pradeira de Láncara. Non se sabe se foi o espírito de concordia de Piñeiro ou a capacidade dialéctica do presidente da Xunta, pero o caso é que a rancia institución que preside pasou, en poucas horas, de criticar con dureza a política lingüística que ven anunciando o novo goberno galego sobre o idioma galego a converterse no maior aliado desa mesma política.
En declaracións súas que publica hoxe El País, Barreiro contesta así á pregunta de se a decisión da Xunta de tardar un ano en cambiar o decreto constitúe un armisticio ou só é un alto o fogo: “Adecisión da Xunta está sometida a estudo, parece ser que aínda non teñen tomada unha decisión, malia que algúns membros do Goberno estanse manifestando con excesivo entusiasmo. Pero non é conveniente manifestarse. O que temos que facer todos neste momento é pararnos e meditar, meditar, consensuar. Como presidente da Academia, e despois das conversas que tiven co presidente da Xunta, o lóxico é non manifestarse e agardar. Se chegado o momento, entendemos que a decisión adoptada non é a correcta, entón evidentemente tomaremos medidas, protestas ou o que sexa. Pero agora non é o momento”.
“Pararnos e meditar”, di o presidente da Galega. Só se o primeiro verbo se tomase no sentido que lle dan no español de Latinoamérica (pararse=erguerse, porse de pé) sería capaz eu de gabar a manifestación de Xosé Ramón Barreiro, pero moito me temo que non vai por aí a súa expresión, senón polo máis acomodaticio significado de non facer nada. Estar a velas vir. Deixar que corran as cousas e pase o tempo, e logo xa se verá. Acaso non é esta a característica que máis singularizou sempre a Academia Galega e, endemais, a case todas as Academias que no mundo existen? Dende este punto de vista, Barreiro non fai máis ca cumprir o seu papel de adormecedor dos problemas lingüísticos, estupefaciente da lingua.
O malo é que a ao galego, polo camiño que vai e máis aínda pola estrada que queren conducilo, non lle quedan moitos Alfonso X O Sabio por diante nin cantigas de escarnio e maldizer que lle fagan volver a nacer. Ben ao contrario, o que ten por diante agora mesmo o noso idioma é actitudes e comportamentos políticos que pretenden volver a reducilo á servidume de idioma B á que foi sometido durante moitos séculos. Se a Academia Galega non ve isto e quere volver a ser cómplice do desprezo ao único idioma que lle dá razón de ser, como xa fixo no franquismo, ha ser a responsabilidade que a historia acabará demandándolle.
Abonda con ler os xornais a diario, os de hoxe mesmo, que traen novas declaracións de Feijóo, para non entender ben o optimismo pasivo de Barreiro. Recibiu el do presidente da Xunta claves que aínda non se fixeron públicas? De existiren, debería contalas. El di na entrevista de El País que fala moito co portavoz do PP Carlos Negreira, gran galeguista, por certo, “aínda que non deste tema”, acláranos. Non é por nada, pero as declaracións do presidente da Real Academia Galega, lonxe de desbrozar algo o tema, o que fan é enchelo aínda de máis confusión.

jueves, mayo 21, 2009

Alberto I, o Separador

De Alberto Núñez Feijóo tiña a idea de que se trataba dun político aberto, dialogante, comprensivo e tolerante. Parecíame unha persoa que herdara a sencillez campesina do seu interior galego multiadministrativo antes de adquirir a finezza e os lustres que lle puido dar a Universidade e a súa brillante carreira na Administración. Agardaba del, polo tanto, que fose un presidente da Xunta sumador, integrador e non integrista, alguén capaz de presidir pacificamente a todos os galegos.
Con pouco máis dun mes de experiencia gobernativa, os feitos xa se empeñaron en demostrar que a miña aprezación do personaxe estaba errada. Feijóo non é o San Francisco de Asís que parecía. É todo o contrario. Abondou con que se subise ao Citröen C6 co que substituiu o Audi de Touriño para que se mostrasen na súa personalidade ignotas inclinacións autoritarias e, sobre todo, antigaleguistas –por moito que se empeñe en abeirase á sombra de Ramón Piñeiro– que causan preocupación. Contra do que fixo Manuel Fraga, Feijóo inclínase cada vez máis por convertirse no degolador do galo do galego para que non cante mil primaveras máis como desexaba Álvaro Cunqueiro. Se isto xa de por si é moi grave, aínda o é máis pola razón de que contribúe a remover a brecha que abriu o franquismo entre galegos do galego e galegos do español. Non sabe ben no terreo movedizo no que se meteu o presidente da Xunta desenterrando fantasmas do pasado que ata Fraga tiña superados. Volver agora ás andadas revisionistas toponímicas (oh, o L da Coruña!) e á segregación e o desprezo idiomáticos é incirrarnos a moitos a pornos a carón de Carlos Callón e da súa troupe.
E que dicir da volta ao enfrentamento local Pontevedra-Vigo que tanta graza lle fixo a Don Jorgito el Inglés cando nos visitou vendendo biblias? Se George Borrow, redivivo, regresase hoxe a Galicia, sen dúbida escribiría algo sobre Alberto Núñez Feijóo e as súas tendenzas separadoras.
Como escribiría sobre el, seguramente, Carlos Castilla del Pino se volvese facer a mili en Ferrol. Ao egrexio psiquiatra, que acaba de falecer, sen dúbida lle chamaría a atención a obsesión feixoana de mazar na figura de Emilio Pérez Touriño e dos nacionalistas que o precederon. Só así se explica que aínda agora siga facendo excursións fotográficas pola caza e captura dos inmobles luxosos do bipartito.
Feijóo fala do consenso como se para el este concepto fose unha relixión, pero fai con el o que fan moitos católicos: cren nas leis divinas, pero só as cumpren cando lles convén. O caso do nomeamento do director xeral da TVG é abondo representativo. E non só pola súa parte senón tamén pola do PSdG-PSOE. Quen minte máis descaramente neste asunto? Feijóo ou Pachi Vázquez? Hase saber, porque a algún dos dous –mesmo se cadra a entrambos– o nariz ha acabar medrándolles moito máis ca o de Pinocho.

miércoles, mayo 20, 2009

Arume dos Piñeiros

Non sei quen será Arume dos Piñeiros e case prefiro seguir descoñe-
cendo a identidade concreta da persoa que agocha este seudónimo na arañeira. E non o digo porque pense que me poda defraudar o coñecemento desa persoa, que se mostra dignamente representante da especie humana, boísimo experto en cultura italiana, gorentoso amador da gastronomía do país de Dante e intelixente esculcador de realidades e subrrealidades varias.
Nun post que acaba de deixarme na entrada anterior repróbame con razón que non falase abondo das trippe (tripas) toscanesas e romanas, que para el –e para min– son un manxar delicioso. Un manxar que el coñece moito mellor ca min, polo que se ve, pois eu non as probei en Siena e el comeunas con queixo parmigiano e con fabas. Arume compáraas máis cos callos madrileños (sen garbanzos) que cos galegos. Nisto quizais non podamos concordar de todo, pero o seu apunte sobre o tema resulta do máis suxeridor.
A Arume emepecei a lelo cando era un dos habituais contertulios de Marcos Valcárcel nas Uvas na Solaina, e agora sigoo no seu propio blog, Arume dos Piñeiros, que leva o significativo subtítulo de Caxigalines nela reguera’l campizu. Un lugar recomendábel para quen busque a crítica intelixente, a expresión fina dos feitos e un toque de cosmopolitismo fiorentino. Grazas e noraboa, Arume.

A velas vir

Volvín da Toscana sen poder probar o Brunello de Montalcino nin a bistecca fiorentina. Dúas boas desculpas para volver por Florencia un día calquera. Para o que xa definitivamente non atopo ad libi é para a miña volta a esta terra de desgrazas continuadas. Quen puidese ser rico para exiliarse en San Gimignano, a pesar de Silvio Berlusconi, da Camorra, da Ndranguetta, da Cosa Nostra e do entolecido tánsito romano. Aínda que só fose por volver a comer unha pasta fresca al Cinghiale preto da catedral de Orvietto xa pagaría a pena volver pola Umbría e pola Toscana.
Digo isto porque hai que ver o coñazo que se está poñendo Feijóo, dende que é presidente da Xunta, coa trécola esa de empeñarse en que nos agarremos todos polos pelos por mor do noso idioma. Onde a penas había máis ca unha polémica de barrio, acesa por unha descendente dun fabricante do metílico que matou algunha persoa e deixou cegas a outras máis, o novo presidente de Galicia parece empeñarse en dividirnos en partidarios do uso e promoción do idioma galego e siareiros teimosos que non sei de onde sacan que o idioma castelán está sendo mandado ás catacumbas en Galicia.
Feijóo dá un día unha de cal e, ao día seguinte, paletadas de area. Súbenselle ás barbas os da Academia Galega, e lévaos de romaría á terra de Ramón Piñeiro para que se calmen. O caso curioso é que consegue amainalos nomeando a un secretario xeral de Política Lingüística que, polo camiño que vai, rematará pasando á historia por temperar gaitas sen fole. Anxo Lorenzo será todo o sociolingüista preclaro que se queira dicir del, pero moito me temo que algo de razón leva Carlos Callón cando saúda na súa chegada á Xunta o advenimento dun lobo con pel de cordeiro que, se non remata sendo o verdugo do galego que lle gustaría a Gloria Lago, tampouco ha ser nin sequera a Marisol González que puxo Touriño a defender un dos idiomas que máis perigosamente viven en Europa.
Están logo as medidas protectoras da industria do automóvil (francés no caso de Feijóo) que lle van permitir aos ricos comprar Mercedes máis baratos e ata todoterreos para que sigan enchéndonos de CO2 e espantando a fauna do Courel e dos Ancares. Os labregos e gandeiros, mentres tanto, seguen a velas vir co prezo do leite sen darlles máis que para pagar o pienso das vacas. Os parados son cada vez máis. A Cidade da Cultura continúa chupando do bote, e Agustín Hernández non abre a boca para dicir algo sobre o medio ambiente ou a protección da costa. Hernández e Feijóo –podía ser o nome dunha construtora– tamén podían dar un volta xuntos pola Toscana para aprenderen a facer un país rico sen destruir a natureza nin abandoar o patrimonio. Polo menos un dos gobernantes aos que sucederon, Anxo Quintana, case fixo un San Gimignano no seu pobo natal. Cal vai ser icona que deixe Feijóo? Recémoslle ao San Pedro Fiz para que non sexa unha piscifactoría en Rede Natura, un Torremolinos en Corrubedo ou un empurrón máis ao galego cara a súa propia morte.

sábado, mayo 16, 2009

O idioma

Sigo pola Toscana. Concreta-
mente estou a escribir dende Florencia, pero case non pasa un día enteiro sen que lles bote unha ollada aos xornais galegos a través de Internet. Xa vexo que os da Academia Galega, en cabezados por Barreiro, andan apagando o lume que lle encenderan a Feijóo por mor da derogación do decreto do idioma galego. Parece que viron no novo e inesperado secretario xeral de Política Linguística nomeado polo presidente da Xunta, Anxo Lorenzo, unha porta aberta ao posibilismo.
Tamén leo que non ven tan claras as cousas o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, para o que que non é un problema de persoas senón de principios e de programas políticos. Mentres tanto o sucesor de Marisol González, á que sen dúbida acabaremos botando de menos, parece mais dotado para botar pelotas fóra do campo que para asumir compromisos concretos. Nas escasas declaracións que leva concedido ata agora, a Vieiros e a El Correo Gallego, véselle máis o plumeiro polo que non di que polo que manifesta. Este rapaz parece discípulo de Ramón Piñeiro: frota unha man coa outra e di que por un lado xa se ve e por outro xa se verá.
Polo que leo, non recibiu de Feijóo ningunha carta que gardar na manga e parece estar moi disposto a levar a cabo a derrogación do decreto que tan pouco lle gusta a Galicia Bilingüe. Iso, si coa vista posta en substituílo por algo que mellore o desbotado e que sexa aprobado por consenso. Oxalá que non se quede a súa atitude en mera declaración de intencións. De Lorenzo dise que é políticamente próximo ao socialismo galego, pero el xa se apresurou a proclamar a súa independencia e a dicir que colaborou co PP en tempos pasados.
Neste panorama, a manifestación convocado para o 17 de mayo a favor do ensino do galego, lonxe de perder vixencia quizais acadou aínda máis importancia. Eu, dende logo, se estivese en Galicia –que non vou estar–, iría a ela.

lunes, mayo 11, 2009

Toscana

Un trancazo deses que lle fan a un preguntarse se andivo por México recentemente, atoume á cama durante catro días. En canto fun quen de erguerme, viaxei á Toscana. Por iso se produciu a miña ausencia inexplicada ata agora deste blog. Descúlpenme os que me botasen de menos.
O venres pasado durmín en Orvieto, magífica cidade na que só unha boa hipertrofia de próstata ou o canto case gregoriano que aquí saben facer os merlos, é quen de despertalo a un ás catro da mañá. Que catedral, señores, que rúas e que covas medievais hai nista cidade que está a medio camiño entre Roma e Florencia! Na noite da miña chegada andaban por aló os cubanos de Compai Segundo buscando onde cear despois do concerto que acababan de dar.
No día seguinte, visitei de novo a catedral, que aquí lle chaman o “lirio dorado” das catedrais. O Papa Urbano IV ordenou a súa construcción en 1290 por mor do chamado miragre de Bolsena, localidade próxima á Orvieto, onde un cura de Bohemia dubidou da transustanciación e nese momento a hostia comenzou a zumegar sangue que caeu sobre o pano que cubría o altar. O pano foille entregado a Urbano IV en Orvieto, que decrarou a festividade do Corpus Christi. A cidade é, polo tanto, o lugar de nacencia da festa que tanto celebran os de Ponteareas.
De Orvieto, a Florencia, saíndonos da autoestrada para entrar logo de percorrer unha boa parte do Chianti montañoso. Carballos, faias, sobreiras e arboleda mesta por todos os lados. Oliveiras e cepas de viño, cipreses, e paisaxe escrupulosamente conservada e respectada por unha oredanación do medio rural que fai da Toscana un paraíso. Como en Galicia, pero ao rovés.
O domingo fun homenaxear a Cunqueiro visitando os frescos pintados por Piero della Françesca que se conservan na igrexa de San Francisco de Orvieto. Impresiona esta obra do artista que tanto admiraba o escritor de Mondoñedo. Na catedral de Orvieto cantaba na Misa unha moza que parecía un anxo. Despois de xantar, fomos ver o pobo natal de Piero, Sansepolcro, e visitamos o museo para ver máis obras do excelso pintor. Só por ver obras comas del xa paga a pena viaxar á Toscana.
Ese mesmo día tamén fomos a Cortona, cidade ben peculiar que non chega a 30.000 habitantes. Comenzou sendo un pequeño aentamento etrusco e nela viviu e traballou Fra Angélico e naceron os artistas Luca Signorelli e Pietro da Cortona. Nesta cidade acadaou a santidade unha muller chamada Margherita despois dunha mala vida pasada, cun fillo de solteira incluído, e aventuras fracasadas con dous mzos da localidade. Subimos a pé polas encostadísimas rúas de Cortona para visitar o seu santuario e, dende esta experiencia, xa podo atuar a miña amiga eslacadora Chus Lago. Se non fose polos zapatos MBT, baixaba dalí enriba sen pés.
Por fin, hoxe luns, comenzamos a visitar Florencia. Andivemos pola beira do Arno, onde nos saudou unha nutria que tomaba o sol, arrodeamos a Domus e comenzamos a admirar o David de Michelle Angelo. Eu atrevinme a comer as famosa tripas fiorentinas. Estaban boas, pero os nosos callos supérannas. O que non fixen aínda foi comer a máis proteica bistecca fiorentina (xa contarei como se fai) nin probar o Brunello de Montalcino, o meu viño preferido dos moitos e bós que hai na Toscana. A ver se consigo facelo antes de volver a Galicia.

viernes, mayo 01, 2009

Un presidente escravo dos profetas da discordia

Non rematou nin sequera de nomear todos os compoñentes do seu goberno e xa parece Alberto Núñez Feijóo un presidente gravemente tocado. O artigo que lle dedica hoxe en El País Manuel Rivas é dos que a calquera lle sacarían as cores da cara e lle darían ganas de recollerse na casa e non saír á rúa para nada durante esta fin de semana polo menos. E a a información que publica o mesmo xornal sobre os comportamentos cada vez máis escandalosos do seu conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deberialle abondar para ir pensando xa en substituílo de inmediato.
Ou sexa, aínda non empezou a gobernar e xa está gravemente tocado o presidente do PP. A penas en quince días dilapidou case totalmente a esperanza que algún día se puido poñer nel de que podía ser o gobernante que modernizase e dignificase a dereita galega. Lonxe de facelo, deixouse abducir polo pior que sempre tivo esa dereita. Definitivamente, Núñez Feijóo botou a perder a enorme oportunidade de ser o Adolfo Suárez que acabara co Movimiento galego e que pasara á historia coma o político reformador que se cadra nos facía falta. Deixouse enlear polos profetas da discordia e vai camiño de rematar escravo das súas propias contradicións. Demasiados fracasos para Galicia en só dous meses.