viernes, diciembre 14, 2012

Nin tan alta vida espero


Xa sei que debería escribir algo máis do que escribo neste blog. Ou se cadra non. E xa sei que debería explicarme algo máis. Ou se cadra tampouco. E ata penso que se cadra debería recoñecer definitivamente que non teño nada novo que contar nin nada que dicir que poda resultar do máis mínimo interese xeral. O sexa, que se cadra debería porlle o peche a este portal. Ou se cadra nin sequera iso. Simplemente deixalo morrer de inanición.
Pero resístome a coidar que as cousas son tan sinxelas como parecen. O que si debo admitir sen delación é que me atopo carente de calquera xeito de imaxinación para atopar vieiros novos. No meu caso non é a crise dos corenta nin a dos cincuenta. É algo moito máis grave. A crise dos sesenta e moitos. Que pode facer un vello coma min no roteiro final da súa vida? Limitarse a cobrar a pensión, gravemente ameazada polo desastroso goberno de Rajoy? Apuntarse ás viaxes do Inserso? Celebrar que a vida segue malia todo? Acumular pesticidas para vingarse como fai a María Jambu de Petros Márkaris?
Esta última alternativa teño claro que no vou adoptala nunca. Só serviría para contribuir ao desenvolvemento dunha das industrias máis nocivas do noso tempo. A dos glifosfatos e velenos parecidos. E poi cosa? De momento dedicarme algo á vida contemplativa. A Filón de Alejandría, pero sobre todo a Santa Teresa e a San Juan de la Cruz.
Prometo que vai ser por pouco tempo. Non anda o mundo para vivir eternamente sen vivir nun mesmo nin para esperar altas vidas morrendo porque un non morre.

miércoles, diciembre 05, 2012

Greenpeace e Inditex

Acontecementos familiares –esta vez felices– e un deses ataques que nos acostuma regalar cada ano a mutante serie dos virus do gripe aos que ara que (ja non) tinc vint anys, mantivéronme alonxado destas páxinas demasiado tempo (perdoa Juan, recuperaremos o tempo perdido coa xunda de Proust), e, cando por fin acordo deste sono que durou máis dunha semana, atópome cunha carta que Sara del Río, responsábel da Campaña de Tóxicos de Greenpeace, dirixiu aos colaboradores da benemérita organización ecoloxista tentando convencernos de que a multinacional Inditex é unha empresa “revolucionaria” (sic) que acepta o reto de “descontaminar” toda a súa cadea de subministro e todos os seus produtos.
En xullo de 2011, Greenpeace puxo en marcha unha gran campaña internacional pola que deu a coñecer o vencellamento da industria textil coa contaminación da auga en China, mediante monifenoles, aminas carcinóxenas e ftatos. Un programa denominado Detox Fhsion Sow ao que non tardaron case nada en adherirse marcas como Nike, Adidas, Puma, H&M, C&A, Li-Ning e Mark & Spencer, por exemplo.
Moi recentemente, Greenpeace movilizou ata 300.000 firmas para pedirlle a Inditex que fixese o mesmo, e o poderoso grupo de Amancio Ortega, cuarto home máis rico do mundo, respondeu só unha semana despois adheríndose a un acordo polo que se compromete “a eliminar  o uso e vertido de todas as substancias químicas perigosas en toda a súa cadea de submimnistro  e de todos os seus produtos antes do 2020, e a ofrecer información sobre os vertidos de todos os seus proveedores, empezando con 100 deles no 2013”. Segundo Sara del Río, de Greenpeace España, “desta forma tan contundente respondeu Inditex á demanda de máis e 300.000 persoas que se uniron a unha petición mundial á empresa a través de Greenpeace”.
En principio, non está mal o resultado para empezar. Pero a que ven tanto triunfalismo en presentar a resposta de Inditex por parte de Greenpeace? Di a organización ecoloxista que se trata dunha resposta moi rápida. Onde está a rapidez? En que se compromete a actuar de aquí ao ano 2020, é dicir ata dentro de oito anos? En que só 100 dos milleiros de proveedores que ten a multinacional sexan informados en materia de vertidos o ano que ven? Á empresa de Amancio Ortega puxéronlle doado –e moi barato– levar a cabo unha moi rentábel operación de márketing.
E da outra contaminación, a ocupación menores de idade como traballadores explotados sen horario e con salarios de miseria en moitos obradoiros que fabrican na India, por exemplo, para Inditex? Non ten nada que dicir Greenpeace sobre isto? Se cadra os ecoloxistas non ven a Televisión Francesa? Sobre este particular haberá que volver un destes días.