sábado, junio 30, 2007

Ideas e corazón, á esquerda. Carteira, á dereita



"Eu teño o corazón e as ideas á esquerda". Palabras –parole, parole– de Xosé López Orozco, alcalde de Lugo pronunciadas ao remate dunha sesión plenaria do Concello que preside na que el e os restantes membros do grupo socialista votaron cos representantes do PP o reparto das adicacións exclusivas dos membros da Corporación. Orozco terá as ideas e o corazón á esquerda, pero a carteira lévaa no lado dereito da chaqueta. No seu caso pódese dicir que de amiguiños máis ben pouco cos do Bloque, pero a vaquiña polo que vale.
Realmente o panorama da política municipal empeza a ser abracadrabante. Produce sorpresa, confusión ou pasmo. E non só a municipal. As altas esferas (Touriño, Quintana, Varela, Jorquera...) lograron con dificultade parir os montes co resultado dunha criatura chamada Acordo e apelidada Marco que, namais porse a andar, embarranca en lamas e xunqueiras que se non lle tronzaron a súa efímera vida xa lle romperon as pernas polo menos en Lugo e Pontevedra. Podiamos esperar case todos que os atrancos foran moi difíciles na Coruña e tamén en Lugo. Despois do longuísimo reinado absolutista de Paco I o Vaticanista, non resultaba difícil imaxinar que entrara polo noroeste un fresco xeral que dominara polo menos ata Betanzos. Mesmo se podía calcular que Orozco ía resistirse a desmontar o consulado que estabreceu en Lugo nos últimos anos. Pero quen podía pensar que Xavier Losada fose o primeiro socialista en acatar o acordo marco, que o cónsul lugués chegase ata a declaración da república das murallas ou que o pontevedrés Lores non fora quen de sacar a bailar a Tereixa Pedrosa? Polo menos a miña imaxinación non chegaba a tanto.
Eu tampouco imaxinaba a Rafael Mouzo creándolle ao Bloque en Corcubión o problema que lle creou. Nin a componenda que lles montou aos nacionalistas en Muros un recén chegado que tal como encabezou a lista de Quintana puido porse á fronte da de Núñez Feixóo sen que se lle descarrilara a silla de rodas. Contra o que quizais compría agardar, a vida municipal galega aínda ha dar moito que falar durante os catro anos que acaban de comenzar.

miércoles, junio 27, 2007

Courel de canteiras e non de tesos cumes


Ultimamente menudean as frases lapidarias. Xoán Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña, referíndose á recente luz verde que encendeu a Xunta de Galicia para que sega explotándose unha canteira de pizarra no Courel, pronunciou a seguinte: "Isto que autorizou o Consello da Xunta supón mil Prestiges máis para Galicia".
Gustábame máis a das mil primaveras de Cunqueiro, pero se cadra aínda ha ter razón o profesor coruñés, que advertíu claramente que "xa non lle podemos botar a culpa a Fraga" polo feito de que "unha empresa ruinosa, xa que só aproveita o un por cento do que extrae, teña o apoio tácito dos gobernos para poder violar todas as leis". Refírese o profesor citado á empresa de orixe ourensán Cupire Padesa que, dende unha modesta orixe no concello de Casaio, converteuse en catro décadas nun importante grupo que opera no mercado da pizarra de varios países e que sempre tivo boas agarradeiras nos sucesivos gobernos de todas as administracións, dende o franquismo até agora.
Vidal Romaní deixou caer que "os galegos somos os máis primos, producimos a cuarta parte de toda a lousa do mundo e non sacamos ningún beneficio a cambio, só a ruína do noso patrimonio natural", pero non foi o único que ergueu a voz de alarma. Adela Figueroa, presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e Daniel López Vispo, vicepresidente da mesma, acompañárono na súa preocupación, como antes xa o fixera tamén Verdegaia, outra organización ecoloxista galega. Figueroa até denunciou a "preguiza" dos políticos que se desculpan coa conservación dos 73 postos de traballo que ten a mina "en troques de achegaren ideas alternativas para o desenvolvemento da bisbarra". López Vispo estivo a piques de desculpar os actuais gobernantes galegos. "O Consello da Xunta foi vítima dunha chantaxe continua de feitos consumados", dixo, o que non lle impedíu engadir que a decisión da Xunta "non é coherente coa actitude que está a ter na defensa do litoral" e mesmo podería constituír "unha ofensa a todos os cidadáns que cumpren coa legalidade urbanística".
Se cadra o que pasa é que xa chegou o momento das contradiccións. Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Empezouse moi ben con aquilo de trasladar a fábrica de celuolosas de Pontevedra ou co de botar Pesacanova do cabo Vilán, pero logo foi aparecendo a crúa realidade de Reganosa en Ferrol ou a non menos preocupante invasión mineira do Courel. E o malo é que agora non se lle pode botar a culpa a Fraga, como dixo Vidal Romaní. Pobre Uxío Novoneira! Que diría se vise o que están facendo cos seus tesos cumes?
Por un lado, a Xunta promovendo a destrucción dunha paisaxe irrepetíbel que debería saber preservar. Por outro, o Goberno central alertando, a través do Ministerio de Medio Ambiente, de que a canteira legalizada invade e contamina o río Redomas, provoca gran impacto ambiental e até está agrietado unha estrada. E, no medio, a realidade espida. Unha canteira que foi paralizada en 1995, no 2001 e no 2002, por sucesivas denuncias do Seprona, sen que a empresa cumprise nunca o que determinaron instancias tan altas como Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e que agora recibe as bendicións dos que gobernan esta terra. Quizais chegou o tempo das contradiccións. O mundo, dixo Santayana, é unha eterna caricatura de si mesmo, e en cada instante mófase e contradí do que pretende ser.

martes, junio 26, 2007

Amor Deus


Manuel Amor Deus finou onte na cidade na que naceu o 16 de febreiro de 1941. En Ferrol. O Ferrol que foi obrigado a pasar a súa longa noite de pedra chamándose "del Caudillo", que tivo que padecer a máis terríbel reconversión naval e que aínda agora non acaba de recuperar o pulso normal da súa historia. Manolo criouse no barrio de Esteiro, case á porta do que daquela era a Empresa Nacional Bazán, hoxe Navantya, e, como el mesmo dicía, pasou polo destino que agardaba á maioría dos nenos da súa época, ingresar como aprendiz na Bazán. "Era un orgullo pertencer a esta empresa –deixou dito el– e eu non o tiña doado, pois non era fillo de traballador da factoría e non podía acudir á Escola Obreira. Aínda así, cando cumprín catorce anos, prsenteime a unhas oposicións de ingreso e fun admitido de aprendiz. Aí empezou a miña formación persoal, profesional e política".
Amor Deus lembraba aqueles primeiros anos da súa traxectoria marcados por graves carencias. "Por un lado gastábanse milleiros e milleiros de pesetas en formación relixiosa. Con exercicios espirituais case todos os anos nos que nos dicían que case todo era pecado, que tiñamos que portarnos ben, que as mullesre eran o universo do demo, etc. Estaban moi precocupados pola saúde das nosas almas e nada pola dos nosos corpos. Intentaban formarnos nos valores do fascismo e na mentira, ocultándonos e deformando a nosa historia máis recente. A guerra civil, a traizón de Franco ao goberno da República e ao seu exército, pero no tocante a medidas de seguridade e hixiene laboral, nada de nada. E así nos foron envelenando".
"Dende o primeiro momento, xa na aprendizaxe –contaba Amor Deus–, algúns compañeiros tiveron contacto co amianto sen coñecer as graves consecuencias que podían padecer. Ninguén, nin a empresa, nin os mandos, nin os técnicos, nos deron nunca unha explicación sobre o amianto ou a abestose. E eles sabíano. Sabían que nos estaban envelenando, pero non fixeron nada para impedilo. Non tomaron nin unha soa medida para evitar a contaminación. Nin a empresa nin as autoridades. Viñan barcos de Norteamérica repletos de amianto para seren reparados na Bazán e non nos avisaban dos riscos, cando en Estados Unidos os asbestos e o amianto xa acadaran unha dimensión de escándalo público. Falo do amianto e non podo esquecer a tantos e tantos compañeiros que ficaron no camiño e que tampouco nos informaron das cuasas das súas mortes. Amigos meus, compañeiros que entraron comigo na Bazán e que deixaron as súas familias sen protección. Compañeiros que traballaron dende os 14 anos e que, cando podían desfrutar da súa ben merecida xubilación, morreron pola neglixencia da empresa e das autoridades laborais e sanitarias".
Manolo Amor sempre dicía que, cando se refería a isto, estaba falando de "vidas humanas, de doenzas crueis e de familias rotas, cheas de sufrimento". "Estamos falando da morte", exclamaba. E sabía ben o que dicía. Dende setembro de 2004 estaba séndolle tratado con quimioterapia, radioterapia e fármacos o tumor que lle causou o amianto durante os anos que foi traballador de Bazán. Pasouno mal. Chegou un momento no que o seu corpo xa non resistía tanto fármaco e tanto tratamento como a doenza lle impoñía. Vivíu moito tempo conectado a unha botella de osíxeno con padecementos que lle fixeron preguntar que delicto cometeron os traballadores para seren condenados a non respirar. "Acuso –chegou a dicir– os que decidiron roubar anos de vida á clase obreira, os que nos roubaron algo tan fundamental coma respiración".
A Manolo Amor non logrou matalo o franquismo, como matou os seus compañeiros Amador Rei e Daniel Niebla. Matouno o amianto do industrialismo insentato e criminal do que aínda non nos demos librado de todo. Descanse en paz o fundador e primeiro secretario xeral de Comisión Obreiras de Galicia. Parece que aínda foi onte cando Cristina Almeida me explicaba no pub madrileño de Santa Bárbara a enorme importancia de Amor Deus e os seus compañeiros de loita antifranquista, e aquilo ocorría no inverno de 1969. Tomarei un viño á túa saúde nalgunha taberna do Franco de Santiago, Manolo. No 42, paréceche? Moitas veces temos falado alí do humano, sobre todo, pero tamén do divino á nosa maneira. Repoduzo na túa memoria aquel magnífico retrato fotográfico que che fixo un día Fernando Bellas. Pareces talmente o que que eres, o pai de Comisións Obreiras.

sábado, junio 23, 2007

Ferrol a secas



Confeso que admiro a Iolanda Díaz, a política ferrolá de Esquerda Unida que foi quen de aproveitar os erros locais do Bloque para dobrar a súa representación municipal pasándoa de dous a catro concelleiros que non foron máis de milagre. Ela e os seus compañeiros de grupo municipal non ocultaron, no acto de toma de posesión, as simpatías republicanas que defenden contra o vento do monarquismo ciscunstancial que nos sacude e a marea insoportábel de corrección política que nos invade. Que se enovolveran nunha bandeira da República para fotografarse no medio da solemnidade municipal e espesa que acostuma caracterizar as tomas de posesión nos concellos pétame a min na cara coma un refacho no medio dunha raiola de sol.
E tamén me gustou moito ouvirlle dicir a Iolanda que, dende a súas responsabilidades na Área de Cultura do Concello de Ferrol, que lle toca gobernar, vaise ocupar de retirar os símbolos da ditadura franquista que aínda gozan de ostensíbel presenza en instalacións públicas muncipais. Unha delas, nada menos que un escudo preconstitucional perfectamente visíbel na vidreira que hai na entrada principal da Casa do Concello. E a segunda, outro escudo de similares características na bibioteca central da praza de España.
Cando gobernou Ferrol o nacionalista Xaime Bello, home honrado e cabal que non tivo a sorte de dar no cravo en política, a cidade na que naceron Pablo Iglesias, Francisco Franco e tantos outros próceres de todas as tendencias, incluído un traficante de escravos que tén estatua na praza principal do impresionante barrio da Madalena, estremeceuse ao retirar o Concello a estatuta de Franco que había na praza de España. Os gobernantes que había daquela, nacionalistas e socialistas, non tiveron a coraxe política de agarrar a vaca polos cornos. En vez de dicir claramente que querían botar fóra un monumento ao dictador que ocupaba un dos lugares máis visíbeis da cidade, tentaron acubillar a súa acción poñéndoa abeiro da remodelación urbanística iniciada daquela no lugar e que aínda hoxe non está rematada nin se sabe cando nin como rematará.
Aquilo custoulles ao Bloque e ao PSdG-PSOE moreas de críticas e mesmo unha serie de ataques surrealistas que foron emitidos dende unha emisora local de televisión por un carpetovetónico personaxe que pensaba que era o Johnny Carson local e non chegaba nin aos calcaños de José María Carrascal (lémbrase alguén deste último?). A bronca que se armou daquela seina eu ben. Era xefe de Prensa do Concello e vivía na rúa María. Finalmente, a retirada da estatuta de Franco ata a fixeron pola noite e ninguén se atreveu a propoñer que fora fundida para aproveitar o bronce e facer gadaños cos que cavar as leiras da utopía, por exemplo. Limitáronse a trasladala ao Arsenal, onde aínda segue a ser visitada por nostálxicos e curiosos.
Menos fixeron aínda no concello do lado, en Narón, onde un alcalde que vai camiño de durar tanto coma Franco, Xoán Gato, nunca pensou en retirar a estatuta totalmente kitsch do ditador que había nunha rotonda e tiveron que ser os rapaces de Nós os que a botaron abaixo. Por certo, esta xente de Nós será o que sexa, pero o labor de hixiene política que levaron a cabo nesta dirección é impagábel para calquera demócrata de corazón limpo.
Como vai ser impagábel que Iolanda Díaz cumpra a súa promesa e deixe Ferrol libre da simboloxía do franquismo. Que sexa a cidade que non é de Franco nin de Pablo Iglesias nin de niguén. Ferrol a secas. Saúde, amiga.

viernes, junio 22, 2007

Ideas grandiosas


Galicia? Galiza? E por que non Falicia, que vén de falo? En vez de burocracia, partitocracia e aristocracia, que é do que agora hai moito, pois falocracia e a vivir, que son dous días. Pero non teremos maiores problemas os que non chegamos ao día 15 de cada mes sen termos dificultades para que nos carguen na conta bancaria os recibos domiciliados? Serán galicianos, galizanos ou falicianos –o de fálicos é outra cousa– a maior parte dos case 50.000 doentes do Sergas que agardan en lista de espera ser chamados para que lles fagan unha operación? Que xentilicio merecerán as fochas da estrada que xunta a porta da miña casa coa vila de Bertamiráns? Que serán os paisanos de O Cubelo e A Armada, no concello de Oroso, a tiro de pedra da catedral de Santiago, que teñen unha luz eléctrica coa que se prenden o motor do pozo apágaselles o televisor. E o parque industrial de Merelle, en Ordes, recentemente visitado polo conselleiro de Innovación e Industria, no que tampouco hai suministro eléctrico abondo nin acceso a Internet, estará en Galicia, en Galiza ou en Falicia?
O que sen dúbida está nos tres sitios, porque debe ser algo así como o misterio da Trindade, é a grandeza de miras dos nosos gobernantes. A Manuel Fraga Iribarne vendéronlle a moto de que había petróleo na desembocadura do Miño e el comprouna tan campante. O malo é que a mula era renga e non valeu nin para ir con ela á feira de Monterroso. Iso si, o contribuínte pagou por ela unha boa porrada de pesetas daquela época.
Agora a Touriño quérenlle vender un satélite de comunicacións de órbita tan baixa que pode rematar esmochando o pico Sacro nunha saída do sol no solsticio de verán do próximo Ano Santo. Honorato López Isla, vicepresidente de Fenosa, con Xosé Luís Méndez, de Caixagalicia, o ladrilleiro Manuel Jove e algún máis, todos en nome da chamada Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, visitaron o presidente da Xunta para que autorizase unha análise de viabilidade da posta en marcha dun satélite de comunicacións propio. Evidentemente, Touriño deu luz verde e ata verde esmeralda á proposta en canto lle ouvíu dicir a López Isla que “as ideas teñen que ser grandiosas”.
Grandiosas non sei, pero polémicas tardaron pouco en selo. Dende a propia Consellaría de Innovación e Industria da Xunta (esta vez de Galiza) adiantáronse a poñer en solfa idea tan gradiosa, e un experto en satélites da Universidade de Vigo, Enriquez Sánchez, consultado pola edición galega de El País, foi lapidario opinando sobre este asunto: “A idea é mala, é cara, é inviábel e non tén sentido; ocúrrenseme 40.000 formas de solucionar o problema da banda ancha en Galicia e ningunha é lanzar un satélite de órbita baixa”.
Como ben informa hoxe Manuel V. Sola en El País, os satélites de órbita baixa serven para obter información mediante cámaras ou radares. A mairoría deles son usados polos exércitos para facer barridos de observación, e ninguén utiliza estes aparellos para difundir Internet, telefonía ou televisión debido a que se precisaría por en marcha un bo número deles para cubrir unha zona coma de Galicia. O que lle propuxeron a Touriño custaría entre 100 e 300 millóns de euros dependendo de se trata dun sinxelo satlélite de órbita baixa ou dun satélite de órbita xeoestacionaria. Habería mesmo un problema de permisos de órbita e lanzamento para este proxectado satélite que non podería ser construído en Galicia senón que só unha das catro multinacionais deste negocio (Matra, Alcatel, Astrium ou Space System) podería facelo.
Se ben é verdade que algo hai que facer para que os máis de 300.000 galegos que aínda non teñen a posibilidade de acceder a Internet, por viviren lonxe das liñas telefónicas e das fibras ópticas, non é menos certo que a idea que lle queren colocar a Touriño non deixa de ser algo como os pozos de petróleo que ía descubrir Fraga fronte á costa sur galega. Os expertos din que, en vez destas pailocadas, o que hai que facer é extender os accesos sen cable mediante a tecnoloxía Wifi e as antenas de telefonía móvil. Por dicilo pronto, que xa temos a serpe do verán do 2007. Satélite galego en órbita. Viva Falicia ceibe e socialista!

miércoles, junio 20, 2007

Sucesos


Leo en La Voz de Galicia que un septuaxenario de Ourense foi detido por unha plantación de marihuana. O paisano, de 76 anos, tiña 67 plantas de cannabis nunha finca da súa propiedade no concello de Rairiz da Veiga. Ou 76 plantas, segundo se di noutro lado da noticia. Neste caso, unha por cada ano de vida.
O home di que el non sabía nada de tal cultivo clandestino, pero a Garda Civil vaino denunciar pola suposta comisión dun delito contra a saúde pública. Xa me gustaría a min chegar á súa idade con tamaños folgos. Cultivaría o velliño a maría para consumo propio? Para agasallar aos netos quizais? Ou non será todo unha desas serpes de verán que se lle cruzan no camiño con demasiada frecuencia ás forzas de seguridade? Hase saber. Como se ha saber tamén se o rapaz de Queirugas –ou é de Burgos?– quixo engrosar a nómina de personaxes de A sangre fría. En fin, que non cesa a páxina de sucesos.

lunes, junio 18, 2007

Ribadeo






A última fin de semana andiven moi brevemente por Ribadeo. Fun ver a miña irmá e o meu cuñado e comer, de paso, a magnífica carne asada que fai Ramona (vaia favor que lle fixeron na miña casa de Xinzo, a Casa do Noble, que é como se chama, poñéndolle este nome a única irmá que teño). Os amigos que aínda me quedan por ali, Sexis sobre todo, oxalá me desculpen por non tomar un café con eles. Pasei toda a mañá a pasear polo casco vello, visitando a illa Pancha e aproveitando a baixamar para gozar do inmenso templo que nos ofrece a natureza na praia das Catedrais. A Sexis (Segismundo García) prométolle que non ha pasar moito tempo sen que vaia velo para charlar longa e amigabelmente nalgún dese espléndidos restaurantes que hai na bisbarra.
O Ribadeo antigo volveu a estarrecerme. Agora que se foi un alcalde socialista, Balbino Pérez Vacas, e chegou outro nacionalista, Fernando Suárez Barcia, quizais é o momento de preguntarlles aos dous, extendendo a pregunta aos que os precederon no cargo, Eduardo Gutiérrez incluído, por que foron todos máis alcaldes do ladrillo que urbanizadores do que había. Dá pena baixar cara a ría por ese San Francisco de vía estreita que é a vila do marqués de Sargadelos observando como auténticas xoias da arquitetura tradicional e popular están caendo a cachos sen que ninguén faga case nada por salvar algo que nunca vai ser patrimonio da humanidade, pero que foi e segue sendo acervo importantísimo da Mariña luguesa.
Eu ben sei que non abonda coa política municipal para salvagardar un casco antigo como o de Ribadeo –hai outras e importantes competencias administrativas que tiñan que desenvolver e aplicar programas rehabilitadores de recuperación urbanística de todo o que leva ameazando ruína dende hai moitos anos no Ribadeo antigo–, pero aí está o exemplo de Allariz. Probabelmente Anxo Quintana chegou a ser vicepresidente da Xunta por ter sido antes o magnífico alcalde que puxo a andar acertadamente a rehablitación da súa vila ourensá. Velaquí, pois, dous casos ben diferentes de cómo ten transcorrido a política local na Galiza actual, e oxalá que o novo alcalde de Ribadeo saiba, queira e poda ser o marqués de Sargadelos redivivo. E oxalá tamén que ninguén logre tiralo do cabalo antes de chegar á Devesa, como tiraron a Antonio Raimundo Ibáñez.
Na praia das Catedrais facía un tempo extraordinario. Un sol morno de xuño, temperado aínda máis por algunha pequena nube que pasaba apurada, alunaraba o interior das covas que foi cavando o mar ao longo de milleiros de anos. Nunha delas, auténtica capela sixtina da natureza galega, arrepíaba contemplar as Altamiras que pode acabar creando a combinación do tempo con distintos elementos naturais. Non hai mellor museo de arte moderna co que se pode admirar nos teitos e nas paredes das distintas covas da praia das Catedrais.
Tamén é verdade que este lugar vai camiño de recibir máis visitas co Moma de Nova Iork. Sen ser aínda temporada do verán nin facer un tempo propio de grandes escapadas, á unha da tarde do domingo 17 de xuño, varios centos de persoas percorrían As Catedrais coma quen deambula polo parque do Retiro madrileño. Escoitábase falar alemán, francés, de case todo, e no aparcadoiro recén construído había autobuses chegados de Pontevedra. Eu teño as miñas dúbidas de se é moi acertado aplicar estas políticas de “urbanizar” paraxes tan delicadas como pode ser esta contorna do Catábrico. Por un lado está moi ben que se facilite o acceso de todo o mundo ás espléndidas riquezas naturais que ten Galiza –e a praia das Catedrais é unha das máis importantes–, pero que pode estar pasando con todo este aluvión de xente que flúe sen parar sobre elas? O domingo eu vin como os pobres paxaros que habitan estes sitios fuxían espavorocidos das covas cando os visitantes disparaban flahses contra as rochas. Decateime porque eu mesmo fixen un uso moi rápido deste sistema de iluminación para facer fotos polo que entono un mea culpa.
De volta a Santiago, conteille algo de todo isto ao meu amigo Xan López Rico, que anda o probriño convalecente dunha intervención cirúrxica que lle fixeron nun xeonllo, e botoume a bronca. “Ti tes parte da culpa por publicar aquela foto de Calvo Sotelo en bañador”. En efecto, eu retratei ao que daquela era presidente do goberno, veraneante de toda vida en Ribadeo, visitando a praia das Catedrais vestido cun “Bermudas” en compañía da súa muller, Pilar Ibáñez. Publiqueina en Interviú e As Catedrais empezaron a deixar de seren a praia discreta e recatada á que ían facer desnudismo os progres de Ribadeo para convertérense no lugar de atracción turística que agora son. Se chego a sabelo, non colaboro con esta debacle que se fixo recentemente implacábel coa nefasta política de “pasealizar” o mar enchendo as súas beiras de aparcadoiros de coches e de Fitipaldis de ocasión.
Precisamente en relación con todo isto, observei algo que estivo a piques de espertar o sauvage que levo dentro. Unha mociña quinceleira, que visitaba o lugar en grupo, costume agora moi estendido entre a especie humana turística, fixouse en que polas rochas arriba arremuiñábanse milleiros de mexillóns de pequeno tamaño. Nin curta nin preguizosa, agarrou unha pedra puída polos cantos e comenzou a machucar con ela varias ducias destes lamelibranquios mariños. Antes de que me dera tempo a acercarme para dicirlle que tal se lle petaba a ela cun pao na cabeza, oínlle comentar coas amigas: “Que asco!”. Iso digo eu, que asco ver xente moza comportarse desta maneira coa natureza. Se cadra, unha das consecuencias da “urbanización “ marítima é a proliferación de xentalla deste cariz en lugares nos que a súa presenza pode resultar indesexábel. Non me vou sorprender se un día calquera me din que houbo que poñer vixiantes na praia das Catedrais. Pero vixiantes como os que hai nos museos.

martes, junio 12, 2007

Gobernación dos concellos, haberá que vela




Daría mágoa observar que certas actitudes como as que poden ter os alcaldes en funcións de Lugo ou da Coruña rematasen ensombrecendo o acordo asinado onte en Santiago por Emilio Pérez Touriño, en representación do PSdeG-PSOE, e Anxo Quintana, polo BNG. De entrada, non atinou López Orozco citando ao cabeza da lista do BNG, Anxo Laxe, no despacho oficial da Alcaldía para comenzar a negociación local. Os políticos aínda que sexan tamén gobernantes deberían ser máis exquisitos á hora de usaren infraestructuras e medios públicos cando exercen funcións estrictamente partidarias. Se cadra debeu facer como fixeron Touriño e Quintana, que se xuntaron no hotel compostelá dos franciscanos para asinar o acordo, aínda que tamén neste caso houbo algún uso –discreto, eso si- de medios públicos.
E digo que sería unha mágoa estragar o acordo porque, despois de todo, non está nada mal. Non é mala idea basear os gobernos que podan derivarse "na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas as dúas forzas na acción de goberno, así como na concepción do goberno como órgano unitario". PSOE e BNG souberon finalmente sortear o perigo de buscar protagonismos propios, que poideran ser razonábeis en si mesmos, mediante bicefalias municipais que dificilmente íamos entender moitos dos contribuíntes.
Pódese dicir que gañou a lóxica acordando que "o reparto de tarefas e responsabilidades nos distintos ámbitos institucionais estarán en relación coa representatividade acadada por cada unha das forzas políticas acordantes", e non está de máis que as direccións nacionais do BNG e do PSdeG-PSOE ficaran constituídas "en garantes destes acordos no ámbito de Galicia". O que non foron estas forzas é aínda quen de atopar un acordo para o goberno das deputacións, pero expresaron a súa vontade de "asegurar a gobernabilidade comprometéndose a iniciar negociacións con este obxectivo".
O primeiro dos principios e criterios programáticos é de caixón. Só faltaría que non se comprometeran a "impulsar na acción municipal gobernos cimentados na proximidade aos cidadáns e aos seus problemas, gobernos fortes para ofrecer un maior benestar". Cuestión que se repite no punto 7 cando se volve estabrecer o compromiso de que "os concellos sexan institucións xestionadas de xeito democrático e transparente e abertas á participación cidadá". Ou nas tres derradeiras liñas do acordo que marcan o principio de que "na acción de goberno primará a axilidade, eficiciencia e eficacia para así acadar un nivel óptimo de prstacion de servizos e de mellora de calidade de vidas dos cidadáns". Home, o valor na mili de antes supoñíase e coa muller do César xa se sabe o que debía pasar. ¿Ou é que alguén pode imaxinar que nacionalistas e socialistas puideren facer algo antidemocrático e menos aínda plasmar unha intención de tal calibre no punto básico dun programa? O que si me parece máis proteico é que, no punto 2, estabrezan que "impulsarán unha nova organización administrativa do territorio galego baseada en comarcas e áreas metropilatana". É unha maneira sibilina e vergonzante de admitir que queren ir xubilando as deputacións. ¿Ou non?
Se houbera que nominar algún suposto pai de criaturas, sen dúbida o carballinés Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel da Xunta e membro da comisión negociadora socialista, se cadra sairía gañando porque a verdade é que agora ve como os concellos quedaron "comprometidos co desenvolvemento rural e co equilibrio territorial e medioambiental, concellos que aposten por un modelo de crecemento sustentábel, respectuoso co medio ambiente e coas persoas" (punto 3), cuestión que se reforza no punto 4 coa intención de pular "políticas de ordenación territorial e planificación urbanística inseridas nunha concepción galega global e destinadas ao desenvolvemento sustentábel, equilibrio territorial, urbanismo racional e debida protección do ambiente, da paisaxe e do litoral".
A man do Bloque é visíbel tamén, algo rebaixada, eso si, en algo tan importante como comprometerse a que "os concellos vencellados a este acordo adaptarán os seus planos xerais á lexislación facendo unha reserva de solo para vivenda de promoción pública do mínimo do 30 por cento nos concellos de menos de 20.000 habitantes e do 40 por cento nos restantes, adaptando as súas políticas ao previsto na Lei en desenvolvemento".
Eis outra obviedade que, aínda sendo tal, no seu caso é importante. Dise no punto 8 que "os gobernos municipais vencellados a este acordo cumprirán e farán cumprir a lexislación en materia lingüística empregando a nosa lingua de forma sistemática en todas as súas comunicacións orais e escritas e promovendo o seu uso normal nos servizos e dependencias da administración local. Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a seren atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración". Ademais de que os gobernos democráticos o que deberían facer non é prometer cumprir a lexislación vixente senón cumprila, para seren talmente democráticos, isto ven ser algo como o de rematar coas listas de espera da sanidade pública. Algo que sempre se promete e que non só non se cumpre nunca, senón que cada vez aumenta máis o número de doentes mal atendidos. Por outra parte ¿este punto é de obrigado cumprimento na Coruña? ¿Ou mesmo en Vigo con Abel Caballero de alcalde? Haberá que velo.

lunes, junio 11, 2007

Estaba cantado



Estaba cantado. Ás accións reivindicativas desenvolvidas ultimamente polos ferroláns tiñan que responder as reaccións do que eu chamaba o outro día a intelligentsia reganosista. Abondou con que Enagas tocara o pito de que quere facer un gaseoducto dende Mugardos a Zamora e que algún directivo da planta de Tojeiro tocase a rebato dicindo que as posibilidades de perigo só fermentan na mente dos desocupados para que políticos do novo réxime, políticos do ancien regime fracasados e algún que outro –máis ben poucos– compañeiros de viaxe con pluma en ristre resucitasen da noite para a mañá a vella trécola da estratexia industrial e a inevitabilidade do mal menor.
De toda esta reacción desencadeada a partir do éxito da manifestación do 3 de maio, sen dúbida a parte mellor argumentada foi a que desenvolveu o deputado nacionalista Carlos Aymerich nun artigo publicado no semanario A Nosa Terra que foi rapidamente rebotado a outras publicacións que se moven no ámbito do BNG. Aínda a pesar do indudábel tufo sectario que rezuma o seu artigo en case todos os parágrafos, Aymerich presenta o seu criterio razonado e dialecticamente claro. É a súa opinión, respectábel como todas, e, polo tanto, unha máis a ter en conta.
Habería que plantexarlle, porén, algunhas cuestións. Di, e dío ben, que "o BNG foi a única forza política que formulou alegacións contra a localización da planta regasificadora no interior da ría de Ferrol. Nin o PSOE nin IU formularon alegación ningunha nin utilizaron, como si fixo o nacionalismo galego, a súa representación institucional para se opor, cando o había que facer, á tal localización. Mágoa que Enagas rexeitara ese emprazamento. As razóns, nunca explicadas, haberá que llas preguntar ao xenro do xeneral Gabeiras, na altura conselleiro delegado da empresa gasista".
Deixando aparte o feito de que o conselleiro delegado de Enagas que cita ten nome e apelidos e non sei a que ven referrise a el como xenro do xeneral que se opuxo a que Reganosa se instalase no medio da ría de Ferrol, o deputado do Bloque debería explicar por que a direxenza actual da súa forza política desbotou, da noite para a mañá, as alegacións anteriormente presentadas e pasou a defender case obsesivamente o funcionamento de Reganosa na ubicación que máis lle interesou ao empresario Tojeiro. Non estaría demais tampouco que Aymerich, profesor universitario a fin de todo e home de dialéctica solvente, explicara algo maís que entende por "lexítimas preccupacións polo ambiente e a seguranza" e cales son as "motivacións, políticas e económicas, menos confesábeis". Como di el no artigo, non vaia ser que moitos, sen sabelo, andemos entre "os mesmos que secundaron que o naval marchase para Andalucía amparados nunha farisaica defensa do sector público" e podamos "conseguir agora que a enerxía marche para Asturies so a capa dunha falsa preocupación ambiental". ¿Non será que entre as liñas do seu artigo o que hai é unha falsa preocupación industrial?
Menos respecto intelectual e moral ofrécenme as arremetidas do conselleiro de Industria, o tamén nacionalista Fernando Blanco, cando teimudamente repite o argumento de que Reganosa é unha industria "estratéxica", palabra que xa cansa abondo oíla na boca dun nacionalista de esquerdas que se volveu yuppie por arte de maxia. Home, dicir que "os informes que posuímos non falan de ningún impacto da regasificadora" (entrevista en El Correo Gallego) pode que ata sexa verdade se temos en conta que nunca se fixo a auténtica e legal declaración de impacto ambiental que había que facer para poñer a planta en Mugardos. Engadir, ademais, que afectan máis á ría "as augas que se verten sen depurar por parte dos concellos da zona ou as obras no porto exterior" non é maís ca unha perogrullada e algo do que son corresponsábeis varios concellos gobernados pola súa forza política e a Xunta da que el forma parte. Parece querer dicir que, como a ría de Ferrol xa está abondo chea de merda, un pouco maís que se cague nela que máis dá.
E, como non hai dous sen tres, sumouse hoxe ao carro da intelligentsia reganosista Xosé Luis Barreiro cun artigo en La Voz de Galicia que non ten desperdicio. "La ubicación de Reganosa –di o ex vicepresidente bis da Xunta de Galicia– pudo ser, diez años atrás, todo lo discutible que se quiera. Pero ya no lo es. Su funcionamiento, ahora indispensable, depende de la buena gestión del puerto de Ferrol, y todo lo que sea poner en duda la seriedad de una instalación tan importante o discutir a destiempo lo que no se discutió a tiempo, es llenar de nubarrones el futuro de Ferrol". Parece unha sentencia sacada dun editorial do diario Arriba da época do desarrolismo franquista. Nin a Laureano López Rodó ou a calquera outro dos López opusdeístas daquela época lles sairía tan de corrido o argumentario. Barreiro, sen dúbida, é un gran articulista, pero non sempre está á altura de si mesmo.

viernes, junio 08, 2007

Reganosa ve como lle furan os pés


Despois da exitosa manifestación que houbo en Ferrol o día 3 para protestar contra a instalación da planta regasificadora de Reganosa no medio e medio da ría, os poderes fácticos tardaron pouco en volver a enseñar os dentes. Primeiro saíu Enagás dicindo que sería convinte estabrecer un gaseoducto entre Mugardos e Ponferrada. Para que digan que Enagás está contra Reganosa. ¿Por que aínda hai quen se empeña en esquencer que os cans non comen carne de can?
E, acto seguido, apareceu o presidente de Fenosa, Pedro López Jiménez, opinando que grazas a Reganosa Galiza terá gas. Podía dicir grazas a Enagas, a Caixagalicia, a Sonatrach, a Caixavigo, ao Banco Pastor ou a quen sexa. Tras deles, subiron á palestra dous "xenios" de Reganosa que aportaron algúns datos relevantes para a evolución científica do momento. Un deles, Manuel Alonso, director técnico da planta, seguramente para non ficar curto nin pregizoso, pronunciou a frase da semana. "Hemos llevado la seguridad hasta sus últimas consecuencias", dixo. E seguramente ten razón. Ata a consecuencia, por exemplo, de empregar buques gaseiros que foron botados en 1980 e que teñen, polo tanto, 27 anos e deberían estar fóra de servizo para considerárense seguros. Tal foi o caso do metaneiro arxeliano Mourad Didouche, que entrou no peirao de Reganosa o 30 de maio. Da súa quinta tamén era o Prestige e xa se sabe o que pasou.
Segundo esta lumbreira da seguridade marítima e ambiental, a probabilidade de que haxa un accidente que afecte á poboación limítrofe está marcada por un rango de un entre un millón. Algo é algo. Os de Reganosa van evoluíndo. Hai pouco aínda dicían que non existía nin o máis mínimo risco.
Pola súa parte, a responsábel do laboratorio de Reganosa, María Rey, foi igual de atrevida. Segundo ela, a auga que utilizará a planta será devolta á ría aínda "máis fría" do que entrou polo que se mellorarán as condicións biolóxicas da contorna. Vaia ho, mira por onde a regasificadora de Reganosa o que vai ser é o frigidaire da ría de Ferrol. Que se preparen Bastida e os demais mariscadores que aínda han ter que poñer traxes de neopreno para apañar as ameixas.
Todo isto podía ser divertido senon fora simplemente patético. Os agit-prop de Reganosa xogaron ata agora con demasiada vantaxe e deben seguir coidando que todos somos parvos. Durante anos tiveron do seu lado a inmensa maioría dos medios de comunicación que mesmo xogaron sucio para presentar só a cara amábel dun proxecto que case ninguén quería que se instalase onde se instalou. Para maior paseo trunfal, lograron poñer do seu lado a práctica totalidade do poder político –Partido Popular especialmente, pero tamén BNG e PSOE– coa falacia inadmisíbel de que, por tratarse dunha instalación industrial estratéxica, había que tragala como fora. Vaia estrategas que temos. Segundo isto, haberá que seguir tragando tamén a Celulosa de Pontevedra, os arxentinos terán que tragar as celulosas de Uruguai e ata se cadra nós temos que tragar a guerra de Irack por ser estratéxica para Estados Unidos.
Pero pasou o que tiña que pasar. Como dícia Cela, o que resiste gaña. E os de Ferrol resistiron, como case sempre souberon facer, ata que á barreira do silenzo non lle quedou máis remedio que rachar. E comenzou a rachar por todas as costuras. O BNG pagou cara a súa traizón política á resistencia contra Reganosa baixando de seis a dous concelleiros o 27M, e a Esquerda Unida de Iolanda Díaz aproveitou para subir de dous a catro pola conta de Reganosa, polo menos en gran parte.
Polo tanto non é de extrañar, despois do éxito da manifestación do 3 de maio, da rendabilidade mediática que lle brindou á protesta a detención do patrón maior Bernardo Bastida e das iniciativas constantes que está levando a cabo o Comité Cidadán de Emerxencia, que a intelligentsia reganosista se apreste a afrontar unha das máis duras batallas da guerra que xa empezan a saber que poden non gañala. E que ata a poden perder. De entrada empezaron a perdela nos mass media. Xa é só o grupo El Correo Gallego o que cacarexa descaradamente os seus argumentos, principalmente a través de columnas editoriais de estilo atrabiliario que un xa había tempo que non lía en ningún sitio da prensa europea.
En fin, que a Goliat Reganosa saíulle un David que empeza a furarlle os pés. Que non son de barro, dende logo.

jueves, junio 07, 2007

Un caso de ignominia


Hai que empezar dicindo que non hai que rirse. O conto é máis ben triste. Ocorrreu o 5 de maio en Galicia Hoxe. Ese día, na páxina 6 deste xornal compostelán, onde aparecen habitualmente os artigos de Opinión, encabezaba a sección ocupando media páxina a cinco columnas un artigo titulado Historia dunha estafa. Firmaba, con foto incluída, Benedicto García, o mesmo que o lector está pensando, ou sexa, o cantautor de Voces Ceibes.
O texto comenzaba falando dun "país periférico e un tanto atrasado" de "servilismo e descofianza que caracterizaban as súas xentes" e dun "bo artista que deseguida se deu conta de que o que lle interesaba era o poder e a influenza", e do que tamén se dicía que "en pouco tempo, e asociándose con dous socios capitalistas, logrou implantar un par de empresas que fabricaban artigos cun gran valor engadido".
O articulista retrataba o empresario dicindo que "naquelas empresas non había máis criterio co seu. El era o que facía e desfacía, e pobre daquel que se opuxese ós seus proxectos. A súa ira era lendaria e ninguén ousaba contradicilo. Boa proba do carácter ditatorial e mesiánico daquel home era que, a pesar de ter familia, ninguén vivía con el. Con todo a súa imaxe pública era a dun home xeneroso e demócrata, só interesado, como a el lle gustaba pregoar, por recuperar a memoria histórica do país".
Máis adiante, o autor do artigo pretendía lembrar algo ocorrido "alá polo ano 1977" cando o home obxecto das súas diatribas "fixo un chamamento á cidadanía para fundar unha nova empresa, de nome grandilocuente, que editase un xornal para facer xurdir e acrecentar no noso pobo uns scriterios de unidade interna e de alento solidario capaces de transformar atinada e conscientemente a realidade do país". Ao chegar a este punto, deberon ser poucos os lectores que non se percataron de quen estaba falando o articulista con palabras que apuntaban tamén á existencia dunha "estafa ideolóxica e ética e quizais tamén económica" sobre a que se preguntaba quen se atrevería a denuncialo. Estou case seguro de que fomos case todos os que lemos o libelo do que estou falando os que levamos as mans á cabeza. ¿Toleara Benedicto García para enfouzarse meténdose directamente nunha das guerras empresariais máis emporcalladas que se están dando en Galiza?
Felizmente, non toleara. Ao día seguinte, 6 de maio, Galicia Hoxe abría a súa páxina 5, na que ese día aparecían os artigos de Opinión, tamén a cinco columnas, con este titular: Benedicto García non é o autor de "Historia dunha estafa", artigo publicado onte. Un texto firmado po A Redacción e composto por 272 palabras que ocupaban 1.676 caracteres con espazos, dicía a partir da súa quinta liña o seguinte: "Galicia Hoxe quere deixar absolutamente claro que Benedicto García non é o autor do devandito artigo, que chegou a esta Redacción sen sinatura e que, por outra parte, nunca se debeu publicar. É sabido que as páxinas de opinión de GH son abertas e plurais, porque a integración e a pluralidade son dúas das noas marcas de identidade, e que se elaboran desde o máis escrupuloso respecto ós nosos colaboradores. Tamén é notorio que nunca serviron nin servirán de soporte a escritos anónimos de ningunha clase".
¿Que pasou logo? Segundo A Redacción de Galicia Hoxe, todo "obedece simplemente a un desgraciado erro que lamentamos profundamente. Non houbo ningunha intencionalidade". Algo sobre o que non me cabe dúbida, dende logo. Non ían ser tan perversos os de Galicia Hoxe como para obedecer a intencionalidades ocultas. Digo eu. O que non vexo tan claro é con que intencionalidade despexaron, nese mesmo texto de desculpa, a incógnita do empresario que xa fora despexada polos lectores. Coa desculpa de desculparse, foron e publicaron o nome de Isaac Díaz Pardo. O que non aclararon, nin moito menos, é que foi o que pasou para que houbera tamaño "desgraciado erro". A min dame o corpo que este episodio constitúe un caso típico de guerra sucia. Mesmo de guerra de exterminio. E non digo que esta guerra estea feita polo xornal que publicou o libelo. Polo ben da hixiene moral de Galiza debería ser aclarado totalmente este capítulo da ignominia.

miércoles, junio 06, 2007

A muralla de Navia





Na veciña –e aínda irmá– Asturias tamén prolifera o cáncro urbanístico do ladrillo. Navia, fronteira expansiva da penetración do galego no país da sidra, é unha mostra moi grave. No medio da vila, rúa Mariano Luíña arriba, consérvanse preto de quince metros da muralla medieval mampostada en pedra pizarrosa que constitúe a construcción máis antiga da cidade.
A muralla de Navia xa ten os seus primeiros antecedentes na Carta Fundacional que otorgou o rei Alfonso X O Sabio, o das nosas Cantigas de Santa María, concedéndolle á vila asturiana o privilexio de facer unha feira todos os xoves –algo que aínda se conserva hoxe– e dándolle permiso para erguer un cinto amurallado que iría dende o que hoxe son as rúas das Armas e de San Francisco e que tardou tres séculos en ser construído. Os restos que aínda se conservan na rúa Mariano Luíña proceden de finais do século XVI, de cando se completou a muralla naviega como infraestructura defensiva contra os ataques corsarios e medida de protección contra a subida das augas polo efecto das mareas. Preto do lugar onde fican os restos da antiga muralla atopábase tamén unha porta de grandes dimensións, que foi derrubada a mediados do XIX e que era tal a súa importancia que forma parte do escudo de Navia.
Durante os últimos 24 anos, a vila de Campoamor foi gobernada por un alcalde do PP, Manuel Bedia, que acaba de perder as eleccións por 61 votos fronte ao candidato do PSOE, Rafael García Palacios, que vai gobernar co apoio do único concelleiro que logrou Izquierda Unida-Verdes. Bedia protagonizou unha polémica revisión do Plano Xeral de Urbanismo e avivou rotundas críticas á súa xestión que lle acabaron pasando factura nas últimas eleccións municipais.
Unha destas polémicas actuacións súas foi permitir que se estea constuíndo un edificio de nova planta que apoia parte da súa estrutura sobre o pouco que queda da muralla de Navia e que mesmo “come” un pedazo dela como se fora un monstro que traga un ser vivo. Para que se diga que as burradas urbanísticas son patrimonio de Marbella, de Sanxenxo, de Foz ou de Barreiros. En Asturias tamén cocen “les fabes” con auga podrida.
O caso é tan rechamante que poucos son os visitantes deste lugar histórico de Navia que non fican abraiados polo que poden observar. Algúns pregúntanse se, aparte da irresponsábel actuación do Concellu de Navia, non puido facer algo para parar este desastre o goberno autonómico do Principado de Asturies.

Este post foi comentado no xornal electrónico asturiano Navia Digital, no que tivo ampla repercusión no seu foro.

martes, junio 05, 2007

Volver a empezar


Que pena, que desesperación, dá saber que a partir das 00:00 horas do 6 de xuño alguén pode ser asasinado polos vándalos de Eta. Volvemos a estar na barbarie de case sempre. Adiós á esperanza branca de Zapatero. A fe do carboeiro. A ilusión prestada. Foise todo ao carallo. Resulta insoportábel vivir pensando que, en horas, en minutos, algún inocente pode perder a vida porque, entre todos, non fomos quen de entendérmonos para rematar o pior pesadelo que nos quedaba do franquismo.
Eu era dos que daba por feito que Zapatero ía pasar á historia como o presidente dun goberno de España que fose capaz de igualarnos con irlandeses e ingleses. Daba por seguro que Eta podía rematar a súa longa marcha de violencia e de sangue contaxiándose do espírito pacificador do Ira. Equivoqueime. Nin ZP tivo o valor nin a paciencia de Londres nin Eta a xenerosidade nin a convinción pacificadora de Dublin, e outra vez volvemos a estar nos pés dos cabalos de Atila do PP. Dende logo que non llo perdono a Eta, en primeiro lugar, pero tampouco a ZP. E menos aínda desculpo a gasolina que verteron os falcóns de Aznar na fogueira na que agora volvemos a arder todos. Que merda de país. Dá demasiado asco vivir sesenta anos nunha dicatadura, primeiro, e nunha democracia que non sabe tapar as bocas das metralletas, despois.
Cada un soña o que desexa, e eu soñei coa paz aínda que soubera que é moi difícil coller un gato negro nunha habitación escura. Sobre todo, cando non hai gato. Din que unha ilusión cúrase con outra. Haberá que ilusionarse coa idea de que todo pode volver a empezar.

domingo, junio 03, 2007

Cinco mil persoas contra Reganosa









Máis de 5.000 persoas manifestáronse hoxe en Ferrol para protestar pola ubicacón da planta de gas de Reganosa no interior da ría e para esixir a inmediata liberdade do patrón maior da Confraría de Pescadores, Bernardo Bastida, preso dende o mércores pasado por opoñerse á entrada do gaseiro arxelino Mourad Didouche que finalmente descargou no peirao de Reganosa 110.000 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL).
Entre os manifestantes atopáronse Iolanda Díaz, a fulgurante estrela política de Esquerda Unida que acaba de lograr un rotundo éxito electoral nas recentes eleccións municipais, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, o escritor Agustín Fernández Paz, o editor Manuel Bragado, etc. Aínda que orgánicamente o BNG non se adheríu á protesta, o cabeza de lista das municipais, Xoán Xosé Pita, o ata agora concelleiro nacionalista Xaquín Ros e Cristina Amor, que forma parte da executiva nacional do BNG, estiveron na manifestación. Pita mesmo lucíu unha camiseta coa figura de Bastida estampada. Dos que non faltou ningún foi dos "beiristas" ferroláns, entre os que destacaban os ex concelleiros Xosé Lastra Muruais, María Luisa Sabio e Mari Carme Parada. O deputado nacionalista Francisco Rodríguez mandou unha adhesión que foi lida na praza de Armas en medio de fortes pitadas de protesta. O escritor Manuel Rivas tamén mandou un comunicado de adhesión.
Dende había moito tempo, Ferrol non vivía unha manifestación tan concorrida. Os organizadores falan de máis de 10.000 persoas, cálculo sen dúbida moi sobranceado, pero de 5.000 non baixou o número de participantes.
Tanto o contido das numersoas pancartas como os berros dos manifestantes presentaron ampla variedade. Os que máis se fixeron notar foron: A Ría é nosa, non é de Reganosa. Máis legalidade e menos policía. Non estamos todos, falta Bastida. No cárcere de Teixeiro debería estar Tojeiro. Ameixeiras dimisión, por fascista e represor. Etc.
Carmelo Teixeiro, do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría, a militante do BNG Monserrat Garel e a presidenta de Adega, Adela Figueroa, foron os encargados de dirixir a palabra aos manifestantes cando se concentraron na praza de Armas, onde está a Casa do Concello de Ferrol.

viernes, junio 01, 2007

España vai ben... mallada



Dúas secuencias diferentes de imaxes, grabadas recentemente en Barcelona e Ferrol, conducen á mesma cova. O burato escuro e fondo da violencia que ás veces practican as institucións que, aínda sendo democráticas, esconden no seu colo as piores mostras do poder exercido como dominio, imperio ou facultade de executar o que sexa.
No primeiro caso, o de Barcelona, dúas “mossas de esquadra” –de escuadrón, habería que dicir–, mesmo tres en determinado momento, énchenlle a cara a hostias e mállanlle o corpo a unha rapaza que tivo a mala sorte de caer nas súas mans cando foi detida e levada á Comisaría Central dos Mossos d’Esquadra (http://www.elpais.com/videos/espana/Agresion/Les/Corts/elpvid/20070530elpepunac_12/Ves/).
Neste caso, unha cámara oculta, instalada polos “servizos internos” da policía autonómica de Cataluña, grabou en video unha dramática mostra de como podería ser o mundo se chega a ser gobernado por algunhas mulleres vestidas de uniforme con porra na man e pistola ao cinto. Aínda que a vítima sexa, como neste caso, outra muller que, ademais, está esposada.
Lamentabelmente, o que se ve no video da comisaria do barrio de Les Corts de Barcelona non é algo tan raro como poidera parecer e fora desexábel. Unha parte demasiado importante das persoas que foron obrigadas a “pernoctar” nos calabozos das comisarías de toda España saben de cómo se conservan entre os uniformados, sexan homes ou mulleres, determinados vicios e represivos excesos que foron propios das dictaduras. Non o digo eu, que tamén. É o que di Amnistía Internacional, por exemplo. E agora vese no video de Barcelona. Aquilo que parecía un mal soño da policía franquista reprodúcese con demasiada frecuencia –Roquetas, etc– nalgunhas formas de comportamento policial da democracia. E o malo é que ocorre xa en todos os niveis (estatal, autonómico e local) e gobernando tirios ou troianos.
No outro caso, o de Ferrol, sen ámimo de estabrecer comparanzas co de Barcelona, que non as ten, fíxome nunha forografía tomada por Rafael Estévez que aparece hoxe en La Voz de Galicia (www.lavozdegalicia.es/se_maritima/index.htm). Nela vese como cinco policías nacionais, mangallóns e atléticos, mallan á vez coas súas porras no corpo dun barbudo de barriga cerveceira acorralado contra unha columna metálica. A certa distancia, os ollos despavoridos doutras persoas observan o que pasa con incredulidade. Cinco porras contra unha barriga inzada de triglicéridos. Así malla calquera. A fotografía foi tomada durante unha das protestas que se están levando a cabo en Ferrol contra a entrada de gaseiros na planta industrial de Reganosa.
En fin, España irá ben, pero ás veces o que vai é ben mallada.