martes, marzo 24, 2009

Corrina, Corrina (Bob Dylan dixit)

“Calquera cargo que poda ter no futuro será (estará) en relación con Vigo”. Núñez Feijóo foi lapidario referíndose hoxe ao futuro político de Corina Porro. A que podía representar máis directamente o espírito de Galicia Bilingüe, no xa moi próximo primeiro goberno do renovador do PP galego, non se sentará en ningunha das cadeiras de deseño de San Cateano, por mor da perentoria necesidade de seguir ocupando praza no Senado.
É máis que probábel que a Feijóo o Senado lle quitou un peso de enriba. Foi el o que colocou a ex alcaldesa de Vigo no segundo posto da lista por Pontevedra e, de non ser polo compromiso senatorial, seguramente agora tería que estar gardándolle algún asento no Consello da Xunta. Mesmo se dá por suposto que a aspirante a volver a gobernar a cidade de Vigo quería ocuparse da carteira de Educación. Imaxina o lector o que podería dar de si unha Corina Porro dirixindo a educación galega? Carlos Callón e todos os que se encargan de defender a galeguización do ensino e da cultura galegos non ían dar abasto cantándolle aquela canción de Bob Dylan que lle prometía amores eternos a unha tal Corrina.

lunes, marzo 23, 2009

A dez minutos de Santiago, o Guantánamo dos cabalos








A menos de vinte quilómetros de Santiago, onde teñen as súas sedes centrais as consellerías de Medio Ambiente e de Medio Rural da Xunta de Galicia, calquera que visite os montes de Oleirón, nos lindeiros dos concellos de Brión e Rois (A Coruña), vai ficar abraiado como fiquei eu nas primeiras horas da tarde de hoxe. Case non é preciso explicar por que. O motivo aparece reflexado nas fotografías. Dunha ducia de cabalos localizados na chaira que corona este monte, espectacular mirador sobre o val de Amaía, a metade deles están practicamente inmovilizados polos cepos de pau que algún desalmado instalou nas súas patas dianteiras.
Subín a esta serra, que pecha polo oeste o horizonte de Bertamiráns e Bastavales, seguindo a pista que me deu o meu amigo Xoán Guitián, auténtico anxo da garda da natureza galega. Ao chegar á aldea de Macedos, a catro quilómetros de Bertamiráns, pola estrada de Noia, torcín á esquerda e alcancei o cumio do monte por unha estrada chea de curvas, alquitranada, que vai ata unha casa forestal e onde tamén hai unha antena de radio.
Na vertente leste do monte hai lugares tan singulares coma ermida de Santa Cecía, una pequena capela románica en ruínas, na que aínda se poden ver canzorros e pedras con algunha inscripción, segundo me conta Guitián, que me di que é unha ermida contemporánea do arcebispo Xelmírez. Moi preto dalí, está o chamado Coto dos Mozos, unha cavidade entre enormes rochas graníticas que serviu de refuxio a partidas carlistas durante a guerra da Independencia e a fuxidos do franquismo.
Nas campas que coroan os montes de Oleirón é onde se atopan os cabalos encepados. Dá arrepío velos coas patas dianteiras trabadas por cepos de madeira de algarrobo que convirten as súa sobrevivencia nun auténtico tormento. Estes montes arderon totalmente durante os desastrosos incendios do ano 2006. Imaxine o lector o que puido pasar con estes animais en tales circunstancias, ou o que lles pode pasar agora cando sexan atacados polos lobos.
Por si todo isto fose pouco, a zona atópase completamente estragada por un circuíto de obra que parece construído para que eses “amantes” da natureza que se desprazan polo medio do monte en quads ou motos de montaña, convirtan nun inferno o que podía ser un magnífico parque natural a carón de Compostela. Como non lles abonda con ese “Jarama”, eles mesmos improvisaron outro estragando unha campa magnífica coas rodaduras dos seus vehículos.
Entre unha cousa e outra, o lugar é agora mesmo todo un exemplo do que non deberían permitir as autoridades, sexan municipais, provinciais ou autonómicas. Que fai o Seprona que non intervén ante este incomprensíbel maltrato aos animais? Onde está Medio Ambiente aínda que Pachi Vázquez estea só en funcións? Vaise ir Suárez Canal, ata agora conselleiro de Medio Rural, sen sequera saber o que pasa no monte Oleirón?

viernes, marzo 20, 2009

Xirimbao

Leo en El Correo Gallego de hoxe que volveron pechar a ponte do Xirimbao, un lugar do que oín falar dende cativo, aínda que nacín lonxe da Estrada, pola circunstancia de que ese era o lugar preferido por Franco, xunto coa miña terra de Miranda, para pescar troitas e salmóns durante a Semana Santa. Segundo explica o xornal compostelán, a Consellería de Medio Ambiente adoptou a medida de pechalo por razóns de seguridade, debido a que a ponte –de uso exclusivamente peonil– estaba sendo utilizada para pasar con motos e bicicletas.
Xa sabemos o desastre que significa que auténtica xentalla, con máis serraduras que materia gris na cabeza, descubra o pseudodeporte de facer o parvo subidos a montain-bikes, quads, motos que parecen especialmente fabricadas para arrasar coa natureza, etc. Eles son os novos Atilas e os seus trebellos Othares que por onde pisan non volve medrar a herba. Para min, non hai sensación máis noxenta ca de cruzarse con eles, no medio dun paseo bucólico, como se fosen repugnantes e ameazantes tabáns que o invaden todo. Do seu respecto á natureza e á legalidade vixente dá boa proba o que, polo visto, está a pasar con eles na ponte do Xirimbao.
Pero de aí a consentir que sexan os que determinen se tal fermoso paso sobre o Ulla debe estar aberto ou pechado só hai o treito da ignominia. Pechar a ponte do Xirimbao é como se pechase a A9 ou calquera estrada do país porque a min me petase conducir por elas a 200 por hora. Terá que haber algunha maneira de controlar os descerebrados que atravesan en moto esa pasaxe peonil, sen necesidade de prohibirlle ao cidadán normal a contemplación dun dos lugares máis fermosos de Galicia usando unha obra pública que, por certo, tamén estivo pechada durante cinco anos por mor das interminábeis obras de rehabilitación das que foi obxecto. Din os de Medio Ambiente que teñen a intención de abrir a ponte para o primeiro de maio, cando se inicie a temporada de pesca. Sen máis comentarios co de que, por este camiño, teremos que facernos todos pescadores para gozar da cada vez máis escasa natureza primixenia que nos vai quedando.
Estes tamén son, sen dúbida, os comportamentos públicos que comprometeron o cambio político de Galicia, incluído o feito de que os alcades da bisbarra se enteren polo xornal de que o Xirimbao foi pechado. Mentres que non haxa outra mentalidade gobernante sobre o que é o espazo natural galego e o que representa o seu uso, non haberá cambio político. O único que cambia son as siglas, pero a gobernanza case sempre é a mesma. E así nos vai.

miércoles, marzo 18, 2009

Marcelino pan y vino

Un tal Marcelino Fernández Mallo, licenciado en Ciencias Económicas por unha Universidade a distancia, Master in Business Administration (MBA) por unha escola de negocios de Lausana e mesmo autor dun libro de relatos (Cabilia) e dunha novela (A Trenza), publica en Vieiros un sorprendente artículo titulado O Gramma do noroeste peninsular, no que anuncia que “se pasa” a Xornal, importantísimo aviso que eu interpreto que dirixe os seus pasos, mellor dito a súa mirada, ao chamado Xornal de Galicia que puxo a andar hai pouco o empresario que paseou en iate ao agora defenestrado Anxo Quintana.
Non indica dende que sitio dá esta zancada tan particular de cambear de xornal de referencia, pero non hai que ser moi listo para decatarse de que a cabeceira da que deserta é a de La Voz de Galicia, periódico agora máis denostado que nunca polos nacionalistas galegos que se serven del para agochar a súa acumulativa incapacidade de practicar a autocrítica. Fai ben este paisano en cambiar de biblia. Faltaría máis. Tamén para iso está a liberdade.
O que resulta absolutamente aberrante é a explicación que subministra: “Hai en Cuba un periódico que así se coñece por asignarlle algún substantivo do idioma castelán. O Granma, monllo de páxinas pobres, é o principal órgano propagandístico do partido comunista cubano. Tampouco non pretende ser outra cousa. O Granma non informa, adourina. O Granma non analiza a realidade, manipúlaa. O Granma non publica noticias; emite consignas. O Granma non presenta sucesos; xulga e condena. O Granma non reflite ópticas distintas; transmite a única perspectiva verdadeira. O Granma non contrasta a verdade; artella e deturpa ó seu antollo os acontecementos. Para o Granma non hai protagonistas senón heroes e listas negras. O Granma non emprega xornalistas; utiliza gregarios. O Granma non precisa lectores, tan só individuos dispostos a ser leccionados. O Granma non é o xornal dun país; é o periódico dun réxime”.
Coido que este Marcelino pan y vino ata se mostra pouco rigoroso analizando o célebre xornal de Fidel Castro, pero o que é parodiando o periódico de máis difusión de Galicia resulta francamente patético. Se estes son os couces que lle van seguir dando algúns dos nacionalistas fracasados o 1 de marzo á publicación de referencia de Santiago Rey, xa pode ir abrindo o editor de Arteixo todas as botellas de Dom Perignom que lle pete. Ata eu podo rematar brindando con el, pero a min que me abra unha de Chablis Grand Cru “Bougros” 1999 de Louis Latour, s’il vous plaît.
O debate da “debacle” debería darse a máis altura. Noroestizando Granmas, como fai don Marcelino, fágao con pan e viño ou con botelo do Courel, non ha chegar moi lonxe. De momento xa parou no Xornal, precisamente un modelo antigranmático. Polo da gramática se cadra.

Menos alta gama na Xunta

Paga a pena ler o artigo que publica hoxe Xavier Alcalá en La Voz de Galicia, no que se explica que en Bruxelas os directores xerais non teñen coche nin chofer asignados, senón que hai un servizo colectivo e ás veces os condutores non saben a quen transportan.
Xa que Alberto Núñez Feijóo nos prometeu a todos gobernar costándonos menos cartos, quizais debería non só ler o artigo senón estudiar rapidamente a posibilidade de implantar un sistema parecido na Xunta, institución na que hai 192 coches de alta gama e 80 chóferes destinados a transportar altos cargos cun custo diario de case 6.000 euros só en gasolina, seguros e reparacións.

martes, marzo 17, 2009

Os soños da efedrina

Colleume o trancazo “primaveral” e deitoume varios días na cama, onde resistín a base de efedrina e moita paciencia. Boteille a culpa ao medicamento porque o caso é que non parei de soñar que Camps pagaba do seu peto os traxes que vestía, Garzón o colexio da súa filla en Nueva York, a UGT non gastaba o diñeiro dos afliados e sobre todo dos contribuíntes en merendolas de moitos garfos e conferencias para dúas ducias de persoas, que Quintana dimitía por fin e volvía a poñer inxeccións (de optimismo), Touriño recoñecía que lle estivo ben por meterse no Audi, que os da Coruña xa non lles importaba que se utilice o artigo en galego, que Gloria Lago e Carlos Callón foron vistos tomando empanada de millo con viño da Rioxa no Muíño de Caldas, que o próximo scretario xeral dos socialistas galegos acudiu ao Conecllo d’O Carballiño a pedir que lle fagan unha liquidación pola licenza de obra que estea máis acorde coa rehabilitación que está a facer na súa casa de campo… Que sei eu cantas cousas soñei estes días que estiven na cama.
Hoxe erguinme. Volvín ler os xornais e dectaeime que a puta efedrina só me fixo acertar no da dimisión de Quintana. E, a medias, porque o de volver ás inxeccións aínda non é verdade. Quéixase un de sano. Pois, de enfermo, a realidade aínda é menos real. Xa o dixo Goya.

viernes, marzo 13, 2009

Dialéctica de alcalde de barrio

Non é un espectáculo moi edificante o que están dando o presidente en funcións da Xunta e os que mostran demasiadas presas por desaloxalo de San Cateano e de Monte Pío. O primeiro por ofrecer agora datos que, se os tivese aportado antes do 1 de marzo, ata se pode pensar que poedrían influir algo no resultado que finalmente serviu para botar do poder o bipartito socialista-nacionalista. E os segundos porque se están comportando realmente como seareiros empeñados en ocupar as bancadas canto antes e por riba do que sexa.
Tanta presa se cadra é por subirse a cada un dos 32 coches de luxo da marca Audi que, segundo acaba de informar Touriño, forman parte do parque móvil da Xunta. Entre eles tres A8 blindados, dous que deixou Fraga e un que comprou Touriño. E un Wolkswagen Touareg. Para que querería a Xunta un Touareg, que é un todo terreo de superluxo? Non sería aquel Toureg negro no que circulaba Fraga cando deixou de ser presidente?
O dos coches dos políticos e gobernantes galegos vai camiño de converterse nun clásico. Por un lado, os do parque móvil da Xunta, que pagamos todos os contribuíntes, e, por outro, os que lles regala ou presta Citröen a Núñez Feijóo e ao Partido Popular. Realmente resulta chocante que o político que baseou parte da súa campaña en denunciar o suposto despilfarro de Touriño, non teña a ben explicar como debemos entender os de a pé as súas componendas coa marca francesa afincada en Vigo.
Núñez Feijóo debeulle coller gusto aos bifes de Buenos Aires, regados con viño de Mendoza, porque xa volve a estar na capital arxentina a pesar de que prometera non regresar alí antes de lograr para os emigrantes a tarxeta de asistencia sanitaria galega. Na foto aparece con dúas galego-porteñas. Mañá estará en Buenos Aires e pasado en Montevideo celebrando “la Victoria” ("cautivo y desarmado el Ejército rojo...).
Mentres tanto, aquí, o seu segundo, Alfonso Rueda, que xa parece ter asumido o papel do Alfonso Guerra do PP –salvando as distancias–, volve a arremeter contra Touriño calificando de “pataleta de niño pequeño” a actitude do presidente en funcións. Este Rueda, dende logo, non parece que vaia a destaparse como o gran dialéctico dos próximos catro anos. De momento o seu nivel é de alcalde de barrio.

jueves, marzo 12, 2009

Pedro Arias pode ser o gran na íngua de Feijóo

Xa se decatarían os emigrantes de que facéndolle perder un deputado por Ourense ao PP revalori-
zaron enorme-
mente o voto do desnudista Pedro Arias, que a quen pode deixar agora en pelota picada é a Alberto Núñez Feijóo cando lle pete? Con 38 deputados no PP, o ex comunista que agora defende o despido libre ten a chave na man. Fáltanos saber que portas ha querer abrir. Ou pechar.
Retirado practicamente da campaña electoral dende que pronunciou aquelas desafortunadas palabras que lle atribuían “subnormalidade” a un ministro de Zapatero, se cadra non pasa moito tempo antes de que Arias volva a ocupar espazos na comunicación galega. De momento recibirá a investidura de deputado no Parlamento Galego e, a partir de aí, haberá que osbervar os seus movementos. Un político que está moito máis preto de Rosa Díez que de Baltar, por poñer un exemplo, pode rematar sendo como un gran na íngua de Feijóo. E, senón, o tempo. A non ser que a reducción do número de consellerías non conte para Pedro Arias.

Falar de máis

Segundo di o futuro presidente da Xunta, “algún membro do goberno en funcións” xa lle pediu a súa opinión sobre asuntos pendientes. Interpreta Núñez Feijóo tal circunstancia como unha proba máis de que deberían ser acelerados os trámites para levar a cabo o traspaso de poderes. O que non di o líder do PP é de quen se trata ese “membro do goberno en funcións” e, como os socialistas xa adiantaron que das súas fileiras non saiu tal petición, cómpre deducir que foi algún naconalista o que se dirixiu a Feijóo, que aparece na foto (Á. Ballesteros, La Voz de Galicia) en aberto sorriso co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
Este exultante Feijóo é que non para. Nin a perda de un deputado por Ourense, a favor dos socialistas e por mor da emigración, lle pon freo a esa desacougada carreira que emprendeu cara a meta da Xunta. Feijóo pilloulle gusto, como lles pasa a á mairoría dos políticos, a iso de aparecer nos medios de comunicación todos os días aínda que non teñan nada novo que contar. Quizais por iso contou o de que lle pediu consello algún gobernante en funcións. Xa estamos coas insinuacións, coas verdades ou coas mentiras a medias. Polo camiño que vai, Núñez Feijóo está empezando a correr o risco de falar demasiado barato. Querse dicir, ao prezo de errar antes de tempo.

miércoles, marzo 11, 2009

Publicidade estúpida

Acabo de recibir de Movistar a seguinte SMS: “Movistar publi: FELICITA A TU PADRE y disfruta de 100 MMS GRATIS!! Ahora si envias 1 MMS el resto serán GARTIS hasta el 31/03 Apuntante en el 4405 (23,2 cént Iva incl)”. Así, tal cual, acentuación incluída.
Suponse que este tipo de publicidade pode ser case persoalizada. No meu caso dáse a circunstancia de que meu pai morreu en 1980. Como podería felicitalo mediante MMS? Hai publicitarios que poden ser perfectamente estúpidos.

Pasaríanse ao PRI algúns cargos socialistas?

Leo hoxe no Progreso que “altos cargos da Xunta, clero e concellos figuran con multas sobreseídas” no proceso xudicial que está aberto en Lugo por anulación ilegal de multas supostamente cometida na Xefatura Provincial de Tráfico da que é a miña provincia. Como se sabe, o caso xa lle custou o cesamento ao responsábel dese organismo provincial e a dimisión ao subdelegado do Goberno, Xulio González e Xesús Otero, respectivamente.
Este caso quizais pasou demasiado desparecibido por unha opinión pública que que tivo que enfocar a súa atención cara a un proceso electoral altamente polémico e conflitivo que rematou dando o resultado que deu. Quizais compriría, porén, retomar a súa atención. É abondo chocante que tan altos cargos provinciais andivesen metidos nas trécolas que lles presume a xuíza Elena San José, e igual de chocante polo menos que esta vez non sexa a troupe de Cacharro a que forma parte da trama senón xente do PSOE e mesmo do BNG. E todo iso: curas, alcaldes, gardas civís… Lugo xa parece Tijuana. Pasarianse ao PRI algúns cargos socialistas?

martes, marzo 10, 2009

Touriño pon no seu sitio a Feijóo


No día de onte o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, mandoulle ao presidente electo que vai sucedelo, Alberto Núñez Feijóo, a carta que se pode ler premendo sobre a ilustración de aquí ao lado. Dificilmente se lle pode contestar mellor a quen parece estar demasiado apurado en sentarse en San Caetano. Esta vez si que Touriño soubo por no seu sitio a Feijóo. O sol de Canarias reforzou as neuronas do presidente saínte e de momento exercente.

lunes, marzo 09, 2009

Quintana perdeu o minuto máxico

Se a Europa Press lle intentan volver a colar unha noticia falsa dicíndolles que Anxo Quintana marchou de vacacións con Touriño a Canarias, que non fagan caso. O xornal coruñés La Opinión localizono o domingo no palco presidencial do estadio de Riazor, a onde foi convidado por Augusto César Lendoiro a ver o encontro Dépor-Racing de Santander (5-3). Non está mal o titular da noticia: “Anxo Quintana se pierde el minuto mágico”. O minuto, a hora e os catro anos que veñen.

Acougue, Feijóo, acougue.

Esa regra non escrita de que a un gobernante que chega ao poder hai que darlle cen días de indulxencia para ver como se comporta, seguramente haberá que revisala no caso do futuro presidente da Xunta. O feito de que el mismo se poña a “gobernar” dende os medios de comunicación, antes mesmo de tomar posesión do cargo, convida a que se prescinda da cortesía aludida e se comence xa a criticar todas e cada unha das medidas que vaia tomando coa mesma independencia e ata desconsideración coas que Núñez Feijóo segue criticando aos que agora van estar na oposición.

Parece como se o candidato trunfador do PP non abandonase aínda a estratexia da campaña electoral e seguise pensando que ao inimigo nin auga. A carta que lle mandou a Touriño preséntao máis como un apisonador implacábel que coma un vencedor xeneroso que respecta rigurosamente a presunción de inocencia, e as extensísimas entrevistas que publicaron con el o domingo pasado os dous xornais que máis lle axudaron a gañar as eleccións, La Voz de Galicia e ABC, non contribuíron demasiado a elevar o nivel do xénero xornalístico nin a prudencia do entrevistado. Quero dicir que Alberto Núñez Feijóo debería dar por pechada xa a campaña política partidaria e porse a gobernar, pero non tanto dende as páxinas dos periódicos como dende a sensatez e os pasos medidos da intelixencia responsábel. Polo camiño que parece que xa escolleu, o novo presidente da Xunta pode caer precisamente nos mesmos erros nos que a miúdo foron tropezando os seus predecesores, que lles gustaban tanto a cámara dun fotógrafo e a alcachofa dun plumilla que ata pagaron con cartos públicos o que tamén compraba Fraga co mesmo diñeiro.
Con tanta entrevista e tanta cartiña e tanto contar que vai por patas para riba o que fixeron os gobernantes que perderon as eleccións, que consigue Feijóo? De momento, verter gasolina na fogueira do líder de Galicia Monolingüe, Carlos Callón, o da Mesa, que xa convocou manifestación para o 17 de maio. Núñez Feijóo está demasiado ansioso, quizais algo indixestado por unha vitoria que non agardaba. A súa xuventude pode xustificar algo a impaciencia que parece estar embargando nel, pero debería empezar a tomar algo de tila que lle permitise controlar máis a súa elocuencia. Acougue algo, señor Feijóo, acougue. Non vaia ser que se atope de repente con que só sabe gobernar para menos da metade dos galegos.
Sería bo que, proximamente, do novo presidente da Xunta empezásemos a ver máis realidades que palabras. Menos discursos e máis praxis. O cupo das promesas –incumpridas na súa maior parte, por certo– xa o esgotou o tándem Touriño-Quintana pedaleando un contra o outro. A el tócalle agora gobernar. E debería facelo coa única intelixencia que eu lle recoñezo mostrada a Margaret Thatcher cando un militar lle foi protestar por non sei que cousa. “Señor coronel –díxolle– se non lle gusta a miña política, non me vote nas próximas eleccións”. Gobernar só dende os periódicos e pensando en gañar as seguintes eleccións é unha maneira de pilotar que xa leva causados demasiados accidentes.

sábado, marzo 07, 2009

Touriño escolleu a hamaca



A Touriño fixéronlle a cama, pero el escolleu a hamaca. O que nos faltaba agora é a imaxe do aínda presidente da Xunta, na primeira páxina do Faro de Vigo de hoxe, torrándose ao sol en Tenerife. Non digo que non teña dereito a descansar despois do enorme estrés que lle debeu causar a debacle do 1 de marzo, pero hai descansos que poden matar definitivamente a figura política de quen quixo ser o sucesor de Fraga.

Mentres que Xosé Blanco a Pachi Vázquez prepararon o seu enterro político, Touriño non atopou nada mellor que facer que converterse nun guiri máis que toma o sol coma un lagarto nun hotel de cinco estrelas, acompañado pola súa muller, Esther Cid, profesora de ensino público que parece que non atopou dificultades que lle impediran disfrutar de vacacións no medio do curso.
Por este motivo, esta semana non houbo Consello da Xunta, orgamismo do que parece que se apoderou unha case total parálise que empeza a sorprender aos Laíño e aos de Lestrove. Se Touriño se propuxese servirlles unha baza máis aos que están mostrando certo regusto en cazar bruxas disparando contra a súa cabeza, non podía atopar mellor munición que a de mostrarse untando a pel do seu corpo con crema protectora solar como se fose un reformado nórdico. Definitivamente, a este político falloulle a campaña electoral e estalle a ir igual de mal o inicio do seu retiro.
Vaia panorama: son as 12 e media do sábado, Quintana segue sen dimitir, e Touriño anda facéndose o sueco nas Canarias. Que país!

viernes, marzo 06, 2009

Pepiño Blanco e a caza de bruxas contra Touriño

Hai un político galego, baixiño coma Franco, agudo coma un allo e chosco coma min, que non para de intrigarme. Cando miro para el nas fotos e nos telexornais teño que rascarme tras da orella para percatarme de que non estou en Palermo porque a súa maneira de levar o traxe ou de apoiar as mans no atril corresponderíanse sen dúbida coas do deputado Ignazio Caputo da novela La Rizzagliata de Andrea Camilleri se o escritor siciliano se parase nas minucias de traxear os seus personaxes.
Estou a referirme a José Blanco, Pepiño Blanco, que como non foi quen de ser alcalde do seu pobo, Palas de Rei, non parará ata que sexa ministro primeiro e logo presidente da Xunta de Galicia. Se houbese que retratar a ambición política desbocada e disposta a calquera cousa con tal de saír coa súa, o retratista debería estar fixándose no comportamento deste galego que sempre está subindo pola escaleira a respecto da caída en desgraza de Emilio Pérez Touriño, que seguramente está pensando a estas alturas que con amigos coma Pepiño nin puñetera falta lle fan os inimigos.
Aínda case non se rematara de contar os votos do 1 de marzo cando o vicesecretario xeral do PSOE xa estaba indicándolle a porta traseira ao presidente da Xunta do seu partido, deixando entender que nin acertou negándose a adiantar as eleccións como lle pediu el nin soubo dar pé con bola no difícil matrimonio que mantivo co BNG de Anxo Quintana. Agora resulta que a campaña presidencialista de Touriño foi pésima. Pero non a deseñou precisamente a xente Blanco? Touriño go home, é agora o grito de guerra de Pepiño, e Pachi Vázquez ao poder. No se está esquecendo alguén de que, se Touriño foi dispendioso en coches e despachos, o ex alcalde do Carballiño foi demasiado tacaño en licenzas de obra para reconstruír a súa residencia rural? En plan de chiste xa hai quen di que Vázquez foi tan bo conselleiro de Medio Ambiente que lle inspirou á súa muller a maneira de gasear os cans da canceira da que é respónsábel no Carballiño como gaseaba Hitler os xudeus en Mauthausen (ver video pulsando aquí).
E que dicir de Ricardo Varela, de Méndez Romeu, de Mar Barcón, etc.? Non foron eles tamén responsábeis do mal funcionamento do goberno presidido por Touriño e da campaña que espantou os votos? Touriño dimitiu, nun xesto que o honra como político e como persoa. Os demais aproveitaron a debilidade do anxo caído para empoleirárense no poder partidario. Non é isto o mesmo que están a facer Quintana e a súa troupe no BNG? A única diferencia é que no PSdeG-PSOE aínda non hai un Beiras. Mentres tanto, confórmanse con abrir unha caza de bruxas contra Touriño.

miércoles, marzo 04, 2009

Beiras resucita


Quizais sen darse conta e, dende logo, sen querer, Xosé Manuel Beiras acaba de por enriba da mesa un tema sobre o que tempo era de que se reflexione sobre el: hai que revisar ese mito pervertido de que só dos “tinajeros”, como din os hispanos de Miami, nace o futuro. É absurdo que se siga perdendo un minuto máis en cultivar a dialéctica de juniors e seniors. Nin abonda con ter menos de trinta anos para estar “sobradamente preparado” nin nos sobra aos que hai moito que fixemos a mili o alento dos que han sobrevivirnos.

Con todo o ter 72 anos, Beiras acaba de demostrar que é capaz de respirar máis osíxeno xuvenil que Anxo Quintana, Carlos Aymerich, Ana Pontón, Francisco Jorquera, e non digamos Paco Rodríguez, xuntos, só demostrando que el si entendeu a mensaxe do electorado galego do 1 de marzo. Se miramos o que dixo esta mañá en Santiago (ver información en Vieiros, por agora a mellor referencia á roda de prensa dos Irmandiños), rapidamente comprenderemos que o Señorito da Reboraina está máis lúcido que nunca. Tardou tres días en facer o que quizais debeu levar a cabo ao día seguinte mesmo das eleccións, pero aí está outra vez o que lle meteu o bisturí ao atraso económico de Galicia. E ninguén ha poder acusalo agora de revanchismo, so pena de pasar por un auténtico miserábel político. O que as fai tén que pagalas, é o único que lles veu dicir Beiras aos culpables da debacle nacionalista. Tempo era.
Tempo era, si, porque se Xosé Manuel Beiras deu hoxe unha boa puñada enriba da mesa, algúns pensabamos que tamén el estaba sendo culpábel de parte do que viña ocorrendo para que o BNG chegase indigno lugar no que está hoxe. Calou demasiado Xosé Manuel, deixou facer de máis cando podía aínda tentar reconducir a deriva da forza política que el, máis ca ninguén, logrou que fose operativa en Galicia e ata foi algo cómplice de que un líder de plástico coma Quintana, pupilo seu nalgún tempo, tivera a chance que non soubo converter en grandeza.
Non é o Ave Fénix, pero si a brasa que pode volver a acender o lume dun nacionalismo galego liberador e consecuente: non é dende as bañeiras dos iates dos novos ricos nin dende a incompetencia como se defende eficazmente esta terra, senón dende a conciencia inalienábel do que somos e do que queremos ser. Benvido, Beiras! A conciencia crítica cabalga de novo.

O lado feminino de Feijóo é un Citröen

Está a mostrar Alberto Núñez Feijóo o seu lado feminino na escolla de coche oficial para cando sexa presidente da Xunta? O Citröen C6 polo que se pronunciou foi elixido “berlina do ano 2006” pola revista de mulleres máis lida de Polonia, Twoj Styl. Daquela, un xurado formado por actrices e presentadoras de televisión salientou “o estilo, a nobreza e a pureza” da liña deste coche de alta gama que se fabrica en Rennes (Francia), e non en Vigo, ademais do seu confort.
Feijóo fixo do coche oficial do presidente da Xunta unha bandeira da súa diatriba electoral disparando contra o seu predecesor por ser demasiado dispendioso comprando un Audi A8 que custou 480.000 euros, máis caro co propio coche no que se move o presidente de Estados Unidos. Antes e despois de resultar gañador da cita electoral do 1 de marzo, anunciou que vai vender o coche herdado de Touriño e substituilo por un Citröen C6, igual co coche oficial no que andivo Anxo Quintana mentres foi vicepresidente da Xunta.
O que non dixo Feijóo na campaña é que el xa montaba nun coche desa mesma marca e modelo antes de regresar a San Caetano. Citröen España puxo gratuitamente á libre diposición do Partido Popular de Galicia un C6, ao que parece que o sucesor de Touriño lle colleu gusto pois non para de repetir que lle parece o máis axeitado para cando sexa presidente. Menos mal que o líder do PPdeG xa tén traballo porque, senón, a multinacional automovilística francesa seguramente ía contratalo de inmediato como comercial. Ninguén lle fixo tanta propaganda gratis coma el. Mellor dito, tan gratis non foi, porque Citröen regauloulle ao PP un coche e, xa se sabe, os galegos acostumamos ser agradecidos.

Intelectuais e política

Alguén debería analizar dunha vez o papel que están a cumprir os chamados intelectuais na Galicia actual. Os de verdade e os de pacotilla, que todos contan. Quizais é iste o momento para levar a cabo esa análise porque nunca foi tan visíbel o desparexo entre o que predicaron os da nómina da intelectualidade orgánica do cogoberno que acaba de fracasar e as tendencias políticas e, polo tanto, culturais, do electorado do primeiro de marzo.

Por dicilo en bruto, o PP de Alberto Núñez Feijóo borrou o bipartito do mapa contra o vento e a marea da opinión expresada e publicada polo batallón literario da Galicia-Galiza destes últimos catro anos. Dende vacas sagradas coma Manuel Rivas ou Suso de Toro a oficiantes coma Antón Losada ou Antón Baamonde, pasando por sacristáns de todas as Coimbras coma Xosé Luís Barreiro, sen esquecer, dende logo, a caterva de opinadores de profesión que foi medrando a carón do lume atizado polo bipartito, hai que ver a cantidade de pregoeiros que se sumaron ás minervais de Touriño e de Quintana, segundo cada caso e ás veces tocando a arpa nos pazos de ámbolos dous.
No decurso deste fenómeno ocorreu algo curioso. Ninguén abriu a boca para dicir que non todo era éxito o que estaba cosechando o goberno de progreso. Tanto a Touriño como a Quintana, e ás súas repectivas familias políticas, o único que lles fixeron os chamados intelectuais foi rírllelas grazas e apoiar case incondicionalmente a salvación de Galicia que estaban levando a cabo. Tamaña atrofia intelectual puido ocorrer por dúas razóns. Porque metáforas coma dos mojitos da Habana, oficinas de enganche comas do audiovisual ou a TVG, pesebres coma os do subvencionismos nas súas diferentes formas lles anubraron os ollos. Ou porque realmente estamos asistindo a unha auténtica deserción da crítica en calquera das súas máis elementais formas de expresión. Pola sobrevivenza da especie, inclínome a pensar que puido deberse máis á primeira que á segunda razón.
Habería, sen dúbida, que engadir outra causa máis do deserto. A inexistencia dunha prensa verdadeiramente independente que acollese e fomentase o espírito crítico que, porén, algo se manifestou ata a caída de Fraga, moi concretamente co gallo do desastre do Prestige e o conseguinte movemento social desenvolvido por Nunca Máis, por exemplo. Onde se meteron aquelas voces? Por que non todas puideron ser absorbidas polos encantos bipartidarios, aínda que hai que recoñecer que moitas pasaron a cobrar da nómina ou polo menos das pontellas do sistema. Fenómenos coma o de Antón Reixa, intelectual-empresario do audiovisual, que non parou de cantar o ben que o ían facendo sobre todo os conselleiros do BNG, teñen moito máis que ver co que representaba a nómina de columnistas da antiga Prensa del Movimiento que coas pezas de opinión de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus, dende logo.
Nos tempos que corren, aquí en en calquera sitio, desligar a función intelectual dos avatares político-administrativos é, cando menos, imposíbel. Máis que na Idade Media quizais, hoxe en día os bardos dependen case coma calquera funcionario máis dos humores dos gobernantes que da súa propia capacidade produtora, pero aínda así resulta chocante que nestes catro anos nin sequera Alonso Montero, sempiterno aspirante a ser o Sartre galego, erguese a súa voz para sinalarlles aos do bigoberno que polo menos andaban errados nalgunhas cousas. Só agora, a camiño andado, aparecen críticas comas de Xosé Luis Barreiro, que máis parecen tiros de graza que aspirina ofrecida ao doente. E, falando de graza, non deixa de tela que sexa o autor dun libro acrítico e oportunista con Quintana, compañeiro seu de viaxe nalgunhas singraduras, o que agora lle escriba o epitafio. Son cousas que tampouco se entenden facilmente.
En fin, que parece que non é precisamente con intelectuais como se gañan as eleccións en Galicia. A ver se agora se pasan todos á dereita de Sarkossy-Feijóo e a esquerda volve a ilusionarnos dentro de vinte anos. Largo nolo fían aos que xa estamos condeados a bailar co Quintana de turno nunha viaxe a Portugal que remata en Oia.

martes, marzo 03, 2009

Gómez chámalle 'tonto útil' a Touriño

O director dun xornal mesa de almofía permítese hoxe o luxo de axustar contas co presidente da Xunta caído en desgraza política. “Emilio, yo ya te hablaba cordialmente cuando no eras nada, sigo haciéndolo ahora que estás en la gloria y lo seguiré haciendo cuando no seas nadie. Otros, que ahora te dan instrucciones, ni siquiera te recibían cuando no eras nadie, y seguramente volverán a hacer lo mismo cuando no seas nada”, di que lle dixo a Pérez Touriño na “penúltima” conversación que tivo con él en presenza de Manuel Ameijeiras e Javier Losada (dúas veces “nada” e unha “nadie” en 51 palabras).
Destapa José Luis Gómez no seu artigo algunhas cousas da relación do seu periódico co candidato socialista que, publicadas antes do resultado das eleccións, poderían constituir unha valente peza de xornalismo de denuncia e que, traídas agora a conto, poden verse reducidas a un pouco digno arranxamento de contas que non di moito a favor do autor do catálogo de ofensas nin do xornal que publica a diatriba.
Gómez reprende a Touriño por non concederlle entrevistas e por ordenar, segundo el, ás consellerías socialistas que “vetasen” a Xornal de Galicia, e lémbralle que algunha vez acodiu a el para pedirlle “apoio mediático” (ai, as ceas no vello Vilas, se falasen as paredes dese restaurante!). Non sei por que me dá por pensar que o Juan Luis Cebrián de Jacinto Rey anda algo nervoso despois do 1 de marzo, porque ata lle chamou “tonto útil” a Touriño por deixarse “utilizar por un medio de dereitas en contra dos seus propios intereses e os do seu socio de goberno”. Refírese a La Voz de Galicia, que precisamente foi dirixido por el algunha vez?

O Olimpo de Quintana

Nin dinámica propia nin farrapo de gaitas. Anxo Quintana e a actual dirección do BNG están a equivocarse de punta a punta. A estas horas o candidato fracasado tiña que estar non só recollendo os seus obxectos persoais no despacho da Vicepresidencia da Xunta senón tamén na ”vocería” da organización nacionalista, diga o que diga o oráculo de Antón Losada, que quizais tamén debería ir pensando en dimitir por segunda vez.
A imaxe que están dando de burócratas aferrados aos seus carguiños pode danar irreversíbelmente o futuro dunha organización política que, estando ou non de acordo con todos ou con algúns dos seus postulados, non hai ningunha dúbida de que resulta absolutamente imprescindíbel para un desenvolvemento razoábel do corpo político galego.
Con todos os erros cometidos ultimamente por Touriño, que foron moitos, o candidato socialista tivo a grandeza humana e política de practicar a autocrítica cunha dimisión que honra a súa figura e libera o seu partido. Pola contra, aferrándose Quintana ao que se aferra só pode dar a impresión de que no Bloque non é a realidade o que importa senón a diktak que desa realidade podan dar os popes, sen importarlles moito o que teñan a ben indicar os electores.
Seguirán botándolle a culpa a La Voz de Galicia, publicación á que tanto contribuíron eles a que por fin se convertese nun bo xornal, e, se preciso fose, colgarán dalgún carballo varias ducias de votantes, pero o que parece que non están dispostos a facer, unha vez máis, os dirixentes do BNG é autocrítica. Eles están no Olimpo. Son deuses inalcanzábeis polo desalento. Vaia coña marinera.

lunes, marzo 02, 2009

A próxima "primeira dama" galega será filipina

A próxima “pri-
meira dama” galega é filipina de nace-
mento. Carmen Gámir, Chinny para os íntimos, é a noiva de Alberto Núñez Feijóo dende hai oito anos, correspondente en Madrid do xornal ourensán La Región e do vigués Atlántico, e non tardará en converterse na esposa do inmendiato presidente da Xunta resultante das eleccións do domingo pasado.


Segundo publicou La Región o pasado 22 de febreiro, Chinnny conseguiu pasar desapercibida ata hai dous meses, data na que tamén deixou de ser xornalista en activo do citado xornal e do vigués Atlántico para manterse á marxe das peripecias políticas derivadas da campaña electoral. Carmen Gámir coñeceu a Feijóo no ano 2000 co gallo dunha entrevista que lle foi facer cando era presidente de Correos. Dende entón mantén co político galego unha relación de parella que, segundo algunha fonte cercana ao PP, podería convertirse en matrimonio proximamente. De momento, xa vive con el en Vigo.
A supostamente futura “primeira dama” de Galicia naceu en Filipinas e vivia en Madrid dende hai moitos anos, onde se ocupaba sobre todo de informar da vida política do Congreso e do Senado para as publicacións do Grupo La Región. Hai poucos días acompañou a Feijóo durante un mitin electoral, pero a súa habitual discreción fixo que pasase inadvertida para os fotógrafos. De feito, a súa cara aínda non é coñecida polos medios de comunicación. Seguramente non tardará en converterse en presa codiciada polos paparazzi. Segundo lle dixo a La Región, o seu noivo é “moi divertido, con moito sentido do humor”. Chinny pronunciou exactamente esta frase: “Rise moitas veces, e eu tamén, cando aparece nas informacións que está solteiro e non tén parella. Para min era mellor así, permitíame seguir o meu traballo, pero agora é máis difícil”.
Á parella de Miguel Boyer chamábanlle a China e é flipina. Á de Feijóo, Chinny. Paralelismos? Ningún de momento. Carmen Gámir é unha muller moi discreta que peitea melena e algunha mecha. Quen dicía que o próximo presidente galego era un solteiro de ouro?

Touriño dimitu. E Quintana?

Aínda que non foi máis rápido ca Billy the Kid e agardou a que Xosé Blanco lle mostrara o camiño da porta, Emilio Pérez Touriño acabou decidíndose por un xesto que contradí a soberbia que o tiña embargado nos últimos tempos: presentou a dimisión como responsábel do PSdeG-PSOE. Realmente non lle quedaba outra saída se quería recuperar unha dignidadde política que quizais algún día volva a ser a que meritoriamente foi callando nel dende os tempos xuvenís da súa militancia comunista.
Falta agora por saber que vai facer Quintana. Parece que a rapidez coa que puxo onte o seu cargo a disposición do BNG está virando agora cara a unha actitude de reflexión máis lenta que lle permita seguir no poleiro algún tempo máis. Seguramente se equivoca. Quen cosecha un fracaso tan estrepitoso como o que el lle fixo padecer ao Bloque debería ter a humildade de seguir o camiño de Touriño: deixar sitio para que veña outro que intente facelo mellor. O quintanismo, con todo o que tiña de falenciosa maneira de empoleirarse no poder, morreu o 1 de marzo.

Botáronos

Touriño e Quintana esbararon na casca de Feijóo e esnafrá-
ronse xuntos. Mal fin o destes dous líderes galegos que rematan a súa breve andaina gobernativa afundindo as súas respectivas formacións políticas no pouco heorico acto de rendirlle Galicia outra vez á dereita. O de sermos a Baviera ou a Sicilia de España xa parece unha praga sen remedio, pero que ninguén lle bote a culpa aos electores porque está no estrepitosisimo fracaso do bipartito coa pésima política que practicaron as hostes dos dous líderes que acaban de ser botados do poder.
Realmente é difícil atopar un caso como o do inexistente tándem Touriño-Quintana competindo un contra o outro en cometer erros de manual básico. O primeiro coa súa empecinada vocación emperadora que o levou a illarse totalmente da realidade do país entregándose a una prática palaceana do poder que rematou botándoo fóra do luxoso despacho que deixou que lle proxectaran. Parece estrano, pero nunca entendeu Touriño que o menos que precisaba a Galicia da crise global e do postfraguismo era un Charles de Gaulle de palleiro. Non sei como non foi capaz de percatarse de que case todos os que botamos o Dinosauiro nas eleccións do 2005 o que queriamos era alguén que non perdese o tempo nin os recursos públicos en andrómenas e que soubese encarrilar o país cara a modernidade política e a administración eficaz que tanto precisaba e segue a precisar. En vez diso, Touriño actuou como se se pasase ao inimigo cada vez que o inimigo lle ensinaba as gadoupas (inaplicación da lei de protección da costa, posicionamento sobre o idioma galego, etc.).
Por riba diso, en vez de plantarlle cara á inmisericorde campaña de que foi obxecto por parte do seu verdadeiro contrincante Núñez Feijóo, agarrando polos cornos un boi que rematou corneándoo, Touriño deixouse levar só por esa soberbia principesca que ultimamente invadiu a súa personalidade e limitouse a darse por ofendido como se todo fose obxecto dun intercambio de insultos no patio dun colexio. Persoalmente botei moito de menos que o candidato socialista non soubese desmontar a eficaz propaganda que lle botou enriba o PP con todos eses episodios lamentábeis do Audi blindado máis caro co de Obama, mesas de deseño, cadeiras, casa con licenza de obra de 80 euros do conselleiro de Medio ambiente, etc. Non abondaba con dicir que esa campaña só era lixo. Había que demostralo.
Pola parte de Quintana o caso é moi semellante, aínda que con algo máis de sensatez autocrítica. Polo menos o do Bloque dixo xa na noite da hecatombe que poñía o seu cargo á disposición da organización política. Que tampouco é tanto, porque eu pensaba que eses cargos sempre estaban sometidos a esa disposición. Quizais Quintana o que debeu presentar é a súa dimisión. Touriño nin iso fixo. Volveuse a limitar a dicir que fará (el?) as “correccións” que fagan falta.
A Quintana tamén lle xogou unha mala pasada o seu fascinio pola erótica do poder. Esa foto na bañeira do iate dun rico que acabou favorecido coa tarta da industria eólica foi un golpe directo no fígado. E tamén respondeu coma Touriño, recorrendo aol fácil argumento de que o contrario só facía guerra sucia. Sucia sería, pero serviulle para empolierarse no sorpasso. Andivo algo máis fino coa incomprensíbel metedura de pata dos vellos en Oia. Polo menos pediu perdón, pero tampouco pasou dese xesto. Tiña que acompañalo coa toma inmediata de medidas correctoras de exemplarización que non tomou. Nisto foi moito máis pillo Feijóo cando dinamitou a carreira política de Luis Carrera.
O caso foi que todos estes erros cometidos por socialistas e nacionalistas serviron para frustrar definitivamente a ilusión de cambio que naceu no ano 2005 e que acaba de ser chapodada polos que non souberon gobernar Galicia nin Galiza nos últimos catro anos. Un goberniño bicefálico que non foi quen de meterlle o dente á Cidade da Cultura nin de manter esa ilusión progresista vese desaloxado do poder por un electorado que diexou claramente a mensaxe de que non quere máis coñas senón un goberno forte, de maioría, que afronte a crise. Non me gusta o que pasou nas urnas, pero teño claro que pasou por algo: polo fracaso de dúas forzas políticas que pensaron que gobernar era facer o mesmo que facía Fraga. Nin máis nin menos. Algúns tarderemos en comprender por que nos someteron a esta desilusión.