domingo, abril 29, 2012

Anxiotensina Rajoy


Estaremos sendo gobernados por un tolo? A partir de hoxe compre facérmonos esta pregunta porque o que acaba de dicir Mariano Rajoy é digno de ser analizado pola propia Psiquiatría. “Cada venres continuaremos as reformas –ven de proclamar o presidente do Goberno– O venres que vén, tamén. E serán reformas importantes. Non imos parar ata a fin da lexislatura”.
Se alguén se propuxer alarmar a toda unha poboación non podía facelo mellor do que o está facendo o noso aprendiz de bruxo ocupante da Moncloa. Quere, por acaso, subirnos a tensión ata límites do infarto? Todo o que está aforrando cos seus famosos recortes ha ter que gastalos a Seguridade Social en pagar antagonistas dos receptores da anxiotensina, que é a substancia que se une aos receptores dos vasos sangíneos provocando o seu estreitamento. É dicir, definitivamente o único que é Mariano Rajoy é unha forma ata agora decoñecida de anxiotensina. Cumpriría que empezasen a ocuparse dela os médicos.
Porque digo eu que un gobernante que se precie non debería andar dosificando, semana a semana, as trampas de cazador furtivo coas que nos está amargando a vida o líder do Partido Popular. Xa sabemos que a súa palabra non val un peso. Non hai máis que comparar o que prometeu cando era candidato a gobernarnos e o que está a facer agora. Pero outra cousa é que ande a xogar con nós como se el fose o gato e nós fósemos os ratos. Algún can ten que aparecer polo medio para parar este sadismo porque senón imos aviados.

sábado, abril 28, 2012

O home de Repsol en Arxentina mirou polo seu


Antonio Gomis

Curiosamente a prensa española non revelou a información publicada o xoves polo Financial Times sobre o comportamento do home de Repsol en Arxentina, Antonio Gomis Sáez, que se deu présa en vender 9.424 accións do grupo petroleiro cando se decatou de que o goberno arxentino estaba empezando a distanciarse da petroleira.
Segundo recolleu o xornal bonarense Clarín, Gomis vendeu ese lote de accións o 11 de novembro de 2011, once días despois de que o equipo directorio de YPF se reunira con Roberto Baratta, representante do Goberno arxentino, que se opuxo ao pago de dividendos que propoñía a petroleira. A venda realizouse no primeiro día en que a lei arxentina llo permitía, cando empezou o novo período fiscal o 11 de novembro.
A un prezo de 22,07 euros por acción, Gomis logrou en novembro pasado 207.987 euros, e só poucos meses despois as accións vendidas perderon máis dun terzo do seu valor, afectadas pola crise de YPF. Se Gomis levara a cabo a súa venda o xoves pasado, día no que as accións de Repsol cotizaron na Bolsa de Madrid a 14,46 euros, conseguiría só 136.271 euros, é dicir, 91.716 euros menos do que lle pagaron en novembro de 2011.
Antono Gomis era o home de confianza de Antonio Brufau, presidente de Repsol, en Arxentina. Ata comenzos do 2010 desempeñou en Buenos Aires o cargo de director xeral de Operacións de YPF, e, cando Repsol lle pasou este cargo ao Grupo Peterson, controlado pola familia arxentina Eskenazi, Antonio Gomis seguiu na capital do país que goberna Cristina Fernandez Kirchner como director adxunto, ao mesmo nivel que Matías Eskenazi. Cando chegou a recente expropiación da petroleira, foi un dos directivos que foron cesados e botados dos seus despachos sen conteplacións, ata o punto de que só lles deron 15 minutos para abandonalos e en poucas horas máis víronse privados dos seus teléfonos móbiles de empresa.
Dase a circunstancia de que Antonio Gomis Sáez foi director xeral de Enerxía nun dos gobernos que presidíu o conservador José María Aznar en España.

viernes, abril 27, 2012

Tempo de merda


Se tiver vergonza, Mariano Rajoy debería ir pensando en volver á tranquilidade burguesa da súa praza de rexistrador da propiedade. Polo camiño que vai pasará á historia como o Don Tancredo da política e da economía española dos últimos tempos. Non pasa un día sen que nos poña ao borde do ataque de nervos co seu constante incumprimento das promesas electorais. A (in)soprresa de hoxe é a subida do IVE para o ano 2013. Hai que ter cara dura e seguir facendo acenos de anxiño preñado pola Merkel (contranatura).
De seguirmos así, empezaremos a morrer todos de infarctus post democarticus antes de que nos mate a fame a que nos pode levar o seu capitalismo ultraconservador. En Francia ata Marine Le Pen lle está parando os pés a Nicolas Sarkossy. E aqui poderemos empezar a botar de menos a Blas Piñar e ata o mesmo xeneral Franco se o noso fumador de puros lle segue petando por darnos a tabarra. Definitivamente, hai que recoñecer que nunca tantos se equivocaron tanto en levar á Moncloa un aprendiz de bruxo como o neto do republicán galeguista Enrique Rajoy. Todo o que está a contecer debe ser algo así coma un mal soño vingador tecido pola pantasma de Zapatero.
Entre o Rei matando elefantes e Mariano afogando o estado do benestar, pouco máis se precisa para que todos empecemos a berrar Viva a República. Vaia tempo de merda.

jueves, abril 26, 2012

Estado policial


Con toda a razón, advírtenos Fermín Bouza no seu Voto con botas que “debemos evitar que a crise, ademais de arrasar o Estado de Minibestar que tiñamos, acabe tamén coa democracia e volva a traernos un estado policial”.
Pode parecer algo excesivo quizais, pero a min paréceme que xa andamos nesas. A recente implantación por parte da Generalitat de Catalunya dunha páxina web dos Mossos de Esquadra, na que se convida a cidadanía a practicar a delación, ou determinados xeitos e maneiras de estárense levando a cabo algúns controis securitarios nos arredores de Santiago, por exemplo, por non volver a fixármonos nas intencións retrógradas que andan a mostrar diversos ministros de Rajoy, son feitos que conflúen nunha determinada maneira de reinaugurar o estado policial.
Evidentemente, unha sociedade libre ten o dereito e a obrigación de prever e corrixir as derivas delituais, pero sempre dende a máis esixente prática democrática e o respecto ás persoas en todos os seus dereitos. Poñer na liña do horizonte un regreso ás prácticas superadas doutros tempos, aproveitando que imos de vacas fracas, só é propio de gobernanzas ultraconservadoras que derivan cara a novas formas de ditadura e demagoxia. Máis pronto que tarde, haberá que empezar a poñer na pizarra quen está a favor de volver á noite do pasado e de taparlle a boca e atarlle as mans á liberdade. Policía democrática e eficaz, si. Estado policial, nunca máis.

martes, abril 24, 2012

Pepe Manteiga


Xosé Manteiga, á esquerda, con Avelino Pousa Antelo (cuñado seu) e Ramón Martínez López, o día que presentaron a refundación do Partido Galeguista.

Xosé Manteiga Pedrares foi unha vez a Compostela, dende a súa aldea de San Vicente do Aro (A Baña) para vender un cabalo, e descubriu a cidade na que logo foi un auténtico Juan de Mairena par moitos estudiantes das décadas dos sesenta-setenta. Esta tarde, con orballo case rosaliano, enterrámolo no cemitero da parroquia de San Xoán de Barcala. Andrés Torres Queiruga oficiou por el con verbas sentidas e cheas de significado.  Pepe Manteiga non era dos bos e xenesorosos. Era simpemente dos melloriños. Había poucos coma el.
A súa familia quixo metelo cura. aqueles non eran tempos só dunha miseria. Pero el resistiuse e non entrou en San Martín Pinario nin sequera á forza com quería obrigalo un cura. Marchou a Madrid e estudiou Filosofía con José Luis López Aranguren, do que foi axundante de cátedra. Polos sesenta volveu a Santiago e foi catedrático de Fundamentos de Filosofía na USC e catedrático de Instituto despois, primeiro en Ferrol e logo en Compostela.
Na Universidade deixou unha fonda pegada como gran profesor e home de diálogo en tempos que eran de longa noite de pedra. Houbo poucos coma el (contaríanse cos dedos dunha man) que souperen conxugar a liberdade e o espírito crítico en aulas que eran mái ca nada reflexo da ditadura imperante. Manteiga foi un candil aceso na noite das tenebras do franquismo.
Máis tarde cofundou e ideoloxizou o Partido Galego Social Demócrata e colaborou na refundación do Partido Galeguista, ao que representou na redacción do Estatuto dos !6. Tamén foi concelleiro en Santiago, por Unidade Galega, nas primeiras eleccións democráticas.
Pero, por riba de todo, Pepe Manteiga foi un filósofo. Un incansábel escudriñador do pensamento de Aranguren, de José Ortega e de Xabier Zubiri. Algo me fai pensar que agora, cando se nos foi, levou con el un vello tomo de Sobre la esencia para repasalo na escuridade que o mollou ata dentro.
P.D.: Unha moi querida amiga vasca faime saber que tamén morreu Caruncho. Coñecino hai moitos anos cando era un excelente aprendiz de matemáticas, ciencia na que tardou moi pouco tempo en destacar como persoa moi intelixente e de bo corazón, circunstancias que non sempre andan xuntas. Este vaise e aquel vaise...

martes, abril 17, 2012

Arxentina 3, España 0

Demasiado patética a comparecencia que acaban de facer os ministros de Asuntos Exteriores e de Industria de España –e, por certo, quen era a terceira persoa con cara de chófer que aparecía ao seu lado?– para responder á fulminante nacionalización de IPF-Repsol que presentou hoxe a presidenta da República Arxentina, Cristina Kirchner.
Ata a escenificación do feito era sombría e case patibularia. Como poden comparacer dous ministros á vez para non diciren nada de nada? Que se van tomar medidas contundentes? Digo eu que habería que telas previsto e anuncialas cando se produce o que se produce. E, por riba, un deses ministros, o de Asuntos Exteriores, é precisamente o que anunciaba hai poucas horas que o desencontro hispano-arxentino parecía encarreirado.
O único que sabía o que quería facer e como facelo é o goberno de Cristina Kirchner, que sen afagos previos nin vacilacións arreuoulle o gran mazazo á petroleira que algún día foi española. Está claro que, en poucas semanas, porque a penas se pode falar de meses, o goberno de Mariano Rajoy padeceu un desgaste que case sempre tarda anos en consumarse. Non dá unha no cravo. Reformas laborais que alporizan o país, medidas fiscais e económicas que cada vez agravan máis a situación, mediocrización do ensino e da sanidade e, por se fose pouco, na Casa Real case todos se libraron aos maiores desenfreos como se estivésemos vivindo nunha auténtica república barataria. Por este camiño só nos vai quedar a saída de adiantar unhas novas eleccións xerais que podan servir para correxir o rumbo. Mal anda gobernada España para que todo nos estea saíndo como se fósemos... seguramente o que somos.

lunes, abril 16, 2012

Pepe Posada

O Instituto Mundial da Calidade “Monde Selection” decidiu premiar a Posada Marrón Glacé pola súa pasta de castaña elaborada no Xapón, seguindo o proceso inventado pola citada empresa ourensá con castañas galegas.
O premio será entregado en Atenas e conleva un recoñecemento da calidade e boa introducción dos produtos de Xosé Posada no País do Sol Nacente dende que o citado empresario, ex político e dirixente da Irmandade dos Vinhos Galegos visitou por primeira vez Tokio no xa lonxano ano de 1968.

sábado, abril 07, 2012

Cosa Nostra

Dificilmente se pode reflexionar mellor sobre a anunciada amnistía fiscal do goberno de Rajoy ca Juan José Millás no seu artigo Cosa nostra, publicado en El País o 6 de abril. “A colaboración entre as mafias e o Estado comenza a ser tan estreita –empeza dicindo o escritor– que non se sabe onde rematan aquelas e comenza este”.
“Aí temos –prosegue case ao final do artigo– 25.000 millóns, procedentes da trata de brancas ou do tráfico de armas, entrando no torrente sangíneo do corpo social con todas as bendicións dos ministerios de Economía e Facenda. Claro que como non precisamos aparentar que somos xente de orde, endurecemos ao mesmo tempo o código penal para os delitos menores, prohibimos o aborto e penalizamos a píldora do día despois. Coidabamos que só nos daba ordes o Terceiro Reich, pero a Cosa Nostra tamén apreta o seu”.

miércoles, abril 04, 2012

O repugnador repugnado

Vaia papelón o do alcalde de Santiago. Anda que dicir, sen que lle caian cachos da cara, que se enterou pola Prensa do que lle pasa coa Facenda e que non pode pronunciarse sobre o que non coñece, parece talmente a resposta de quen lle importan tres pitos a ética pública, en primeiro lugar, e a conciencia cidadá a continuación.
Que todo un señor alcalde –de Santiago de Compostela, nada menos– poda ter a desvergonza de tomarlle o pelo a opinión pública, aos seus gobernados, ao ben común e mesmo ao propio partido no que milita, o Partido Popular (PP), era o que nos faltaba para  botarlle gasolina ao lume no que arden o descrédito dos políticos, a insatisfacción dos administrados e a pouca conciencia social que aínda queda como se fosen pobres carballos das fragas do Eume.
Que a un licenciado en Dereito, que exerceu a Avogacía, como é o caso de Xerardo Conde Roa, que a partir de agora habería que engadirlle unha vogal e unha consoante máis ao seu segundo apelido, en vez de dimitir inmediatamente, todo o que se lle ocurra é  dicir que se sinte defraudado polo funcionamento da Xustiza e que o que se lle imputa pertenece a actividades realizadas antes de entrar na política nin é xusto, no primeiro caso, nin se axusta á verdade no segundo.
Conde Roa é dos que estarían na política dende antes de morrer Franco, se a idade llo permitise, e, en calquera caso, antes de que Facenda o levara ao Xulgado por suposta defraudación de 300.000 euros polo IVE que non pagou pola venda de 61 vivendas que levou a cabo a promotora Geslander Proyectos de Edificación, da que el é o único administrador e propietario, o suposto defraudador xa tiña mostrado o pouco que lle gusta pagar impostos cando só liquidou in extremis 7.000 euros que lle chegou a adeudar ao Concello de Santiago polo Imposto de Ben Inmobles (IBI), aínda sendo xa daquela membro da súa Corporación.
O alcalde de Santiago non é un simple moroso ao que se lle poda mandar un pallaso vestido de frac ou un toreiro de pacotilla. É, sobre todo, alguén que está rematando de emporcar o exercicio profesional da política. A Conde Roa, segundo dixo hai pouco, prodúcelle “enorme repugnancia” a personalidade e a obra de Leo Bassi. Seguramente ao cómico italiano e polo menos a min prodúcenos o mesmo sentimento e dános vergonza ter de alcalde en Santiago a quen se comporta coma el.

Ryanair de pé

Segundo se está publicando en Italia, a compañía aérea de vós baratos Ryanair confirma que xa recibiu a aprobación reguladora para operar 100 vós de proba en abril e maio, nos que cinco fileiras de asentos serán comrpimidas para permitir que 50 pasaxeiros viaxen de pé pagando tarifas de só dous euros cada un.
O que parecía unha broma do pintoresco director executivo da citada empresa, o irlandés Michael O’Leary, está, polo tanto, converténdose en realidade en varios vós que parten de Londres ou chegan á capital británica, segundo informou Stephen McNamara, representante da compañía. Ryanair está tratando de que lle autoricen esta práctica nos 300 avións que compoñen a súa flota. De feito, xa puxo a venda na súa páxina web este tipo de viaxes extremadamente baratos.
O proxecto futuro comprende a instalación de respaldos verticais eliminando 10 fileiras de asentos e dúas da toilette para gañar 15 fileiras que constituirán unha terceira clase de billetes que poderán transportar un total de 100 pasaxeiros que viaxarán de pé. Por agora só en vós que teñan unha duración máxima dunha hora. É de supoñer que o que non está garantida é a comodidade.
Cousas da vida actual, cada vez máis reducida ao  minimalismo capitalista.

martes, abril 03, 2012

Tempos de miseria

Paren as máquinas e non collan o teléfono, non vaia ser que sexa unha noticia. O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, acaba de decidir que non vai cobrar nin un euro máis do que cobraba Xosé Luis Zapatero, é dicir, 78.185,04 euros, segundo os Orzamentos Xerais do Estado para o 2012. Tendo en conta que Rajoy fuma Cohibas e Zapatero nin sequera fumaba, quere dicirse que o noso actual gobernante vai sacrificar moito máis a súa vida privada en servizo do interese común.
Medidas conxunturais e de demagoxia popular aparte, nada nos indica que andemos camiño de resolver os grandes problemas deste país. Zapatero xa baixara, no 2010, un 15 por cento as retibucións dos altos cargos, e nin por esas a crise deixou de medrar. Se tal cousa fose boa para a evolución do país, o menos que podía facer Rajoy agora sería rebaixar polo menos outro tanto os emolumentos do presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Divar, 130.000 euros; os dos vocais do mesmo Consello, 112.249 euros; os do fiscal xeral do Estado, Eduardo Torres-Dulce, 113.838 euros; os dos presidentes das salas do Tribunal Supremo ou o do presidente do Tribunal de Contas, 112.578 euros.
Din que, con todo isto, se van gastar 10 millóns menos ca no ano pasado. Benvido sexa o aforro se se vai empregar realmente en salvagardar os dereitos sociais e o benestar que tanto custou imprantar en España dende moito antes de que morrera Franco, pero moito me temo que imos costa abaixo no tocante a eses conceptos. Está por ver se ese desastroso e internacionalmente preocupante incendio que queimou o derradeiro bosco atlántico de Europa, o das Fragas do Eume, foi atendido como se debía, por poñer un recentísimo e moi galego exemplo. A amnistía fiscal acordada para o capital negro alarma mesmo ao 95 por cento dos inspectores da Facenda, que acaban de dar a coñecer un deacougante pero ben fundado informe sobre a materia, e aínda que a medida de punto final estea avalada por unha gobernante galega que procede dese corpo. Polo camiño que vamos, se cadra non tardamos moito en botar de menos a América ou a Europa da emigración.
Oxalá me equivoque, pero o que nos espera non é precisamente nin o século das luces nin a década do progreso. Que sorte temos os que nacemos no 43. E nin sequera nós, que tamén nos han aplicar a rebaixa e, senón, xa se verá.