miércoles, octubre 31, 2012

Anticatalanismo galego

Este panfleto distribuiuse en Castela
no ano 1932
Quen dixo que os galegos non sabiamos dar a nota? Para descifrar a cuestión aí está o comportamento dunha empresa do país que non atopou mellor cousa que facer que dirixirse por fax a unha empresa de confección e distribución de uniformes de traballo de Cataluña para anular un pedido que lle fixera destas prendas, por importe de 1.000 euros, dicindo que tomaban esta medida pola “actitude dos gobernantes cataláns”.A empresa afectada, Confecciones Joti, S.L., instalada en Vilanova d’Escornalbou (Tarragona), recibiu por fax a comunicación de que lle cancelaban o pedido, alegando motivos políticos polos que non a empresa galega non volverá a facer encargos a compañias catalanas.Xa estamos como no ano 32 do século pasado, no que elementos da extrema dereita española distribuían por Madrid panfletos como o que aparece reproducido aquí ao lado. O que non sei é por que tiña que ser un pequeno empresario galego, a xulgar pola escasa importancia económica do pedido, o que tivese que abrir o show anticatalán. De momento a empresa catalana afectada está sendo discreta e non dá a coñecer a identidade da empresa galega que está contra a soberanía do pobo catalán. Algún día aínda se ha saber quen é.

lunes, octubre 29, 2012

Contra os poderosos

                               Foto: Gabrel Tizón/El País

Primitivo Carbajo, que parece cada vez máis recuperado por El País, publica hoxe unha excelente entrevista con Iolanda Díaz na que a coordinadora de Esquerda Unida e deputada electa de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) dá todas a puntadas con fío.
Por exemplo, pregúntalle o entrevistador se nota a sombra de Beiras, e responde ela: “Beiras é Beiras, un dos grandes deste país. Para min é unha honra ir con el, pero o gran éxito da campaña estivo na suma de forzas. Se Beiras tivese pactado por exemplo con Compromiso, como estivo a piques, seguro que o resultado non sería este. O que validou a xente  foi o discurso rupturista, de esquerda, contra a troika, contra os mercados, contra os poderosos. O éxito produciuse porque a xente viuse reflexada nese discurso”.
Quizais se pode dicir con máis ou con menos palabras, con máis timbre ou con menos resonancia, pero é dificil expresar mellor e con tanta claridade o que levou non só ás urnas senón tamén a votar pola AGE o domingo 21 de outubro. Esa foi a clave do éxito rotundo da alternativa que propuxo a Xosé Manuel Beiras como candidato á presidencia da Xunta de Galicia.
Non abondaba coa preclara contundencia nacionalista de Beiras nin coa súa atractiva aureola de senior eternamente enragé. Tampouco coa simple rebeldía sistemática de Esquerda Unida. Era precisa a confluencia irmandada desas dúas –e de máis– forzas para que en Galicia resucitase a esperanza de que se pode facer algo politicamente dirixido a rescatarnos a todos do capitalismo neoliberal. O berro que tanto repetiu na campaña e segue pronunciando agora Iolanada Díaz, o de Imos a por eles, estará construído se cadra nun mal galego, pero soa a música celestial nos oídos dos que xa están cansos de padeceren os abusos dos que ocupan a parte máis alta do poleiro.
Realmente case é un luxo ter agora dous líderes que se complementan e se entenden tanto coma Xosé Manuel Beiras e Iolanda Díaz. Nacionalismo e internacionalismo collidos da man. Xa era hora. Só falta que se segan coñecendo e amando máis cada día, como a punta a propia Iolanda.

miércoles, octubre 24, 2012

A vellez é só restricción para o que non a merece

Dun xeito algo raro ou quizais non tanto, o gran éxito electoral da candidatura encabezada por Xosé Manuel Beiras está servindo para que algúns comentaristas e mesmo algún aspirante a líder de opinión poñan en solfa a idade do candidato da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Case sempre con máis galbana que agudeza intelectual e procedentes moitas veces do apoloxismo da dereita, estes pseudo escrutadores da realidade coinciden sempre en alarmarse polo feito de que Beiras xa cumprise os 76 anos e que, cando remate a lexislatura que vai comenzar, xa pasará dos 80.  Que curioso, ningún deles mostrou preocupación nunca por que Caixanova estivese dirixida –desatrosamente mal dirixida, por certo– polo “nono” Xulio Fernández Gayoso.
Pero non é este o caso agora. Non fai falta volver a ler o De senectute de Ciceron ou os versos de T.S. Elliot (“Non quero oír falar/ da sabedoría dos vellos, / senón máis ben da súa loucura, / o seu medo ao temor e ao extravío, / o seu medo á posesión, / a pertencer a outro, a outros, ou a Deus.) para decatarse de que “os necios bótanlle a culpa dos seus vicios á vellez”, como lle di Catón a Escipion Emiliano e a Lelio. Ou como lle dixo Stvenson ao seu médico cando lle indicaba que debía vivir menos desordenadamente para preservar a saúde: “Doctor, sempre se morre novo”.
Xa era tempo de que en Galicia ocurrise algo verdadeiramente novedoso e acaba de pasar. Unha morea moi importante dos votantes desta terra comprendeu claramente que non se é máis novo por contar menos anos no carnet de identidade. Nin máis vello por ter nacido no ano da guerra do 36. Hai outras cousas que nos fan máis o que somos, vellos ou novos. Ademais, os que se escandalizan pola senectude de Beiras e se preocupan por que non vai vivir moitos anos para ocuparse de Galicia, o que mostran é unha supina ignorancia de que, como dixo Norberto Bobbio –outro xenial senior que morreu traballando aos 95 anos–, o limiar da vellez retrasouse case en dúas décadas nos últimos anos. “Os que escribiron sobre a vellez, empezando por Cicerón, rondaban os sesenta –sinala Bobbio no capítulo inicial da súa propia De senectute–. Hoxe sesaxenario só é vello en sentido burocrático, por chegar a idade na que xeralmente tén dereito a unha pensión. Ao octoxenario, agás excepcións, considerábaselle un vello decrépito do que non pagaba a pena ocuparse. Hoxe, porén, a vellez, non burocrática senón fisiolóxica, comenza cando un se aproxima aos oitenta”.
Curiosamente, os que tratan de afearlle a Beiras a súa idade son moitos dos que, por outra banda, non dubidan en apoiar o adiamento da idade de xubilación laboral baseándose en que subiu moito a esperanza de vida. En que quedamos? Foron moitos os anos que se perderon en falsos enfrentamentos entre seniors e juniors, cando todos deberían loitaren xuntos por unha sociedade mellor. Onda nós nunca fixo mella un proverbio africano que di que “todo vello que morre é unha biblioteca que se vai”. Á política de medio pelo que se veu facendo nas últimas décadas resultáballe máis doado quentarlle os oídos á mocidade con falsos cantos de serea, mentres que ía mandano milleiros e millóns de mozos e mozas ao paro ou á emigración.
Ao caso de Beiras podiámoslle aplicar perfectamente as palabras que escribiu Elías Canetti no seu Eloxio da vellez: “A vellez é só restricción para o que non a merece. Un merécea non retirándose do mundo, ou facéndoo na soidade para aspirar a unha forma máis estrita e esixente de logro. Isto presupón unha nova vida para cantos fracasaron, pero tamén para os que dan a sensación de que non fracasarán. Quero chamalo a cara de Jano da vellez: unha vólvese cara o vencido, a outra cara aqueles que aínda non foron derrotados, ou que se cadra nunca o serán”.
Ou como escribiu Cicerón: “As grandes cousas non se fan coas forzas físicas nin coa velocidade ou a axilidade corporal, senón con autoridade, consello e prudencia... virtudes que non lle faltan senón que enriquecen a vellez”.

lunes, octubre 22, 2012

Non hai nada que celebrar


Non hai nada que celebrar. Galicia segue a ser o que era, quizais o que foi sempre dende hai séculos: un país masoquista que lle gusta que lle zorreguen no lombo sistematicamente. Só así se comprende que, ao suplicio social, cultural e político que nos está impondo o goberno da dereita máis incivilizada de Europa, a maioría dos galegos responda, unha e outra vez, cun me va, me va de maravilla.
Dá igual que precaricen a sanidade, estraguen o ensino, boten abaixo o benestar, desprecen o idioma e a cultura que nos son máis propios, ofendan a soberanía ou boten a perder a economía. Castelao segue vixente: mexan por nós e dicimos que é chuvia o que está caendo.
E que non me veñan coa leria de que o PP perdeu 150.000 votos ou que Beiras tivo un éxito de campionato. Un éxito de campionato zorregado nas costas do BNG e do PSOE. E para que serve? Para que o celebre La Voz de Galicia de momento. E para que pensemos que o Ave Fenix sempre renace das súas propias cinzas. Vaia consolo! Se non fose porque xa non estamos na idade e porque a emigración xa non é voluntaria, senón que volve a ser algo imposto pola necesidade, era para coller a maleta e prantarse en Buenos Aires, en París, en Caracas ou no medio da Amazonia. A min ata me podían valer Bilbao ou Barcelona.

martes, octubre 16, 2012

Beiras e Milton Friedman

Diciamos, cando eu era mozo, que a política económica preconizada por Milton Friedman, pai do liberalismo salvaxe que nos golpea nos nosos días, mataba máis ca guerra de Vietnam, e era esencialmente verdade. Non só lle custou a vida a Salvador Allende en Chile senón que conduciu á fame e á desasistencia social –á morte, en defintiiva– a millóns de persoas en todo o mundo.
Comprendo que Alberto Núñez Feijóo se desguste polas manifestacións de Xosé Manuel Beiras cando dixo en Lugo que a política do popular pode matar máis ca calquera grupo terrorista español. A ninguén lle gusta que lle poñan a cara colorada, pero entendo menos aos que se escandalizan pola palabras do nacionalista e falan de insultos intolerábeis. Unha cousa son os insultos é outra a descripción das cousas. É dicir, o chamar as cousas polo seu nome
Polo camiño que imos, cara o empobrecemento radical das clases baixas galegas e españolas, a desprotección social e o abandono de dereitos fundamentais, a política económica que se está levando a cabo no país en na maior parte de Europa pode acabar facendo moitas máis vítimas, mesmo mortais, que calquera dos chamados grupos terrorristas que operaron e aínda operan no noso ámbito mundial. Outra cousa é que non se queira ver a realidade tal como é. E xa se sabe que non hai pior cego que o que non quere ver.

VER ENTREVISTA CON BEIRAS EN VOZTV AQUÍ

lunes, octubre 15, 2012

Botar do mar os idiotas


No “colorín” de El País da pasada fin de semana publicou Manolo Rivas un artigo de verdadeira antoloxía, lembrando a dramática experiencia que viviu Galicia arredor da catástrofe do Prestige. Aos que aínda non o leron recoméndolles premer aquí para consultalo. Paga moito a pena. Só por este artigo Rivas xa merecería o aprezo de gran ecritor que lle temos.
O autor rehabilita, entre outras cousas, a frase pronunciada por un práctico inglés cando houbo no Canal da Mancha un accidente parecido, aínda que fose de dimensións moito menores: “O noso maior problema é botar do mar os idotas”. Podía ser un eslogan para as eleccións do domingo que vén. Botar –e non votar– do mar e da terra os idiotas que causaron aquela gran traxedia que asolou as costas galegas no inverno do 2002.
Porque resulta francamente insoportábel pensar que os que causaron aquel enorme desastre están hoxe gobernando España e pretenden seguir gobernando Galicia. Mariano Rajoy era daquela viicepresidente primeiro e ministro da Presidencia, e foi o que pronunciou aquela célebre frase de que o que botaba o barco eran “hilillos” de nada. O actual director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, era delegado xeral do Goberno en Galicia e non dicía daquela máis que parvadas. E que era o Núñez Feijóo que nos quere seguir gobernando a base de mentiras? Pois presidente da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos. O que presidía a Xunta daquela, Manuel Fraga, e o conselleiro de Ordenación do Territorio, Xosé Cuíña, andaban de caza por Castela o día que se foi a pique o Prestige. Xosé María Aznar, presidente da España máis “cañí” que aínda segue couceando agora, despachaba o asunto dicindo que todo era culpa dos cans que andaban ladrando polas esquinas. Máis que traxedia parecería unha traxicomedia, se non fose polo moito que lle custou a Galicia o desastre do barco que capitaneaba o itaqueño Mangouras e mandaron ao fondo do mar os que non souberon gobernar a crise.

sábado, octubre 13, 2012

De Barcelona a Xinzo, con Basilio Losada

Basilio Losada

Andei por Barcelona dous días e pasei cinco na aldea onde nacín, algo que me permitiu desconectar a miña vida da actualidade máis consuetudinaria e tamén deste blog. A Barcelona fun ver a Basilio Losada, ese gran embaixador que tivo a cultura galega non só en Cataluña senón por Europa e América adiante.
Basilio é un galego especial que xa cumpriu 82 anos. Xubilouse de catedrático da Universidade de Barcelona hai doce anos, pero aínda segue dándolles algunha clase aos alumnos que lle mandan das universidades de California e de Ilinois e para os que sempre foi un profesor moi aprezado. Pasei con el un día enteiro, e foi unha marabilla escoitalo. Fomos comer a La Flauta, un restaurante moi xeitoso da rúa Aribau, moi preto da librería de vello na que el comprou hai moitos anos un exemplar de Os velhos marinheiros, de Jorge Amado, que lle fixo enamorarse do Brasil e da súa cultura. Actualmente é un dos mellores coñecedores das literaturas de Portugal e do Brasil, pero tamén dos libros que se publican en toda Europa. É todo un pracer escoitarlle contar cousas de Amado, de Saramago, de Rubén Foseca, de Blaise Cendrars, de Jacques de Bruynes, de Ramón Piñeiro, de Ánxel Fole, de Carlos Casares e de tantos outros. El e máis eu temos algúns amigos dispersos por Europa (Silvia Guerini, Jean-François Botrel...) que nos aproximan aínda máis nunha vella amizade que, no meu caso, comenzou con Losada cando o asturiano Silverio Cañada, xa falecido, nos xuntou no ano 1972 para que lle fixésemos a Gran Encilopedia Gallega. Publicarei unha longa entrevista con Basilio Losada no próximo número da revista Galegos.
Silvia Guerini, cando pertenecía ao staff directivo da editorial Mondadori, foi quen convenceu a Basilio para que escribise, en quince días, a única novela que publicou o galego. A Facenda do Estado puxéralle unha multa moi grande por non declarar determinados ingresos económicos que percibiu en Bélxica por dar cursos nas universidades de Amberes e de Gante, e, como el non podía pagala, os da editora italiana dixéronlle que se facían cargo do seu importe se lles entregaba esa novela en dúas semanas. E entregóullela. O resultado foi La Peregrina, unha excelente novela, por certo. É unha pena que Basilio Losada –tradutor de 150 libros procedentes de oito linguas diferentes– non lle dedicase máis atención á creación literaria. La Peregrina escribiuna cando xa tiña 70 anos.
A ocasión foime propicia tamén para pasear por Barcelona, cidade que cada vez me gusta máis e ata penso que a miña vida tería sido completamente distinta se, en vez de vivir en Madrid todos os anos que vivín, que foron moitos, me tocase pasalos na capital catalana. Neste momento, ademais, Barcelona ofrece un interese moi especial polas circunstancias que está marcando o acontecer de Cataluña, aínda que a Basilio atopeino bastante desencantado en relación ao nacionalismo actual de Catalunya.
E chegar de Barcelona e pasar catro ou cinco días en Xinzo, aldea que tiña cando eu era neno máis de 50 habitantes e na que hoxe só viven permanentemente menos de dez, tamén foi outra experiencia interesante. Durante os días que pasei en Xinzo pareceume vivir fóra da realidade e, dende logo, moi lonxe dese mundanal ruído que están a producir as eleccións do día 21. Case nin me enterei das mentiras de Feijóo, o cal xa foi unha vantaxe boa.