viernes, octubre 10, 2014

Xa está ben


Vaia por diante que eu si que defendo, sen ningún lugar para a dúbida, a idea de que España debería ter a obrigación de favorecer e executar o dereito dos seus nacionais que desexen volver ao seu país cando se ven afectados por unha enfermidade tan terríbel como é a do virus Ébola. Mesmo me gustaría que ese dereito se extendese a todos os nacionais que desexen voltar, sen máis, cando carezan de medios propios para efectuaren pola súa conta ese regreso. Un Estado ou un Goberno que non leven ata ese extremo a protección da súa cidadanía non son dignos de utilizaren a palabra xustiza con pleno sentido.
Comprendo, polo tanto e ata certo ponto, as palabras que acaba de pronunciar a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz, no momento de facerse cargo da dirección do comité especial para a xestión do Ébola, a pesar de que a frase que utilizou dificilmente resiste unha mínima análise do uso preposicional: “España tiene una obligación para con sus nacionales, que tienen derecho a volver a su país”.
Pois claro que teñen ese dereito e seguro que o tiñan, dende logo, os dous relixiosos que foron transportados a Madrid mediante medidas espectaculares, máis propias da rodaxe dunha película de Hollywood que dunha eficaz operación sanitaria levada a cabo por un Estado que non tén a capital en Washington nin en Moscú. Pero onde quedou o dereito doutros connacionais a seren igualmente trasladados seguindo a vontade mostrada por eles? Por exemplo, o da monxa Paciencia que agora está axudando a tratar afectados pola infección.
Está claro que o goberno de Madrid de entrada só plantexou a execución dunha operación de propaganda que lles fixo protagonizar a dous relixiosos que entregaron as súas vidas loitando pola saúde dos condeados da terra africana. Ao executivo de Rajoy éralle doado levar a cabo unha acción así, que sen dúbida lle podía reportar réditos políticos entre a súa clientela conservadora. Lucía ben botar a casa pola ventá para traer a España dous santos varóns da relixiosidade nacional. Pero ademais que? Ademais, nada. Ou case nada. Improvisación, chafullada celtíbera e irresponsabilidade como cando foi o Prestige. E o resultado foi o que está sendo. Unha enfermeira –galega– ao borde da morte e ducias de posíbeis afectados agardando con dramática ansiedade o paso dos días.
E o malo é que, se non aprenderon do Prestige, nin do Metro de Valencia, nin do Yak-42, nin están aprendendo moito de Angrois, o máis seguro é que cando haxa outra desgraza, que oxalá non se chegue a ver, volveranse a cometer os mesmos erros. Só hai unha solucción. Que o poder cambie de mans. Xa está ben.

miércoles, octubre 08, 2014

Excalibur


Excalibur, o can da enfermeira de Madrid infectada polo virus Ébola, se cadra pasa á historia como a gran metáfora da alarmante decadencia da asistencia sanitaria pública española dende que goberna o conservador Mariano Rajoy. Pretender demostrar que se fan ben as cousas sacrificando manu militari un animal, sobre o que ninguén se preocupou sequera de averiguar se era un reservorio de virus infectante, máis que honrar o nome do can –pobre princesa do Lago que lle fundiron a espada!– parece evocar momentos, intencións e comportamentos que fixeron tristemente célebre unha parte da historia de Europa.
Non salientaron por estaren á altura das circunstancias nin a instancia xudicial que se prestou a dar urxente vía libre á supresión do animal, sen pararse a argumentar se outras alternativas se poderían ter aplicado; nin a Facultade de Veterinaria de Madrid, que seguramente non soubo aproveitar a ocasión que se lle podía dar de investigar a fondo un caso teoricamente tan interesante dende o ponto de vista da ciencia e da protección da vida animal, nin os servizos da orden pública que non tiraron do caso máis oportunidade ca de de repartir estopa en Alcorcón... E xa non digamos o escandaloso comportamento público da ministra do ramo e do seu xefe de Goberno. Análise aparte merecerán tamén algunha vez os comportamentos dalgúns representantes ou compoentes da tan cacarexada “mellor sanidade pública de Europa”. Unha das leccións que nos vai dar o dramático Ébola é a de obrigarnos a repasar que nos está pasando sanitariamente.