martes, diciembre 30, 2008

Quedamos?

Miradas no Gaiás

Por moito que aparezan novos xonais, a prensa de Galicia segue a ser bastante parecida á que foi sempre, se este adverbio o tomamos para situármonos nos últimos setenta anos. Aparecerán novas cabeceiras para tirar do carro político para aquí ou para aló, pero o que non acaba habendo nunca é esa prensa dos faits divers que acostuma existir por aí adiante. Non hai, por exemplo, un Hola galego e dirán algúns que nin falta que fai, ou pensarán outros que non o hai porque ter temos muíños de vento, pero non temos princesas nin gañáns de fotuna.
Se houbese tal prensa, cantos paparazzis terían acodido onte ao monte Gaiás buscando a foto de Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, a carón de Xosé Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía? Pois sucede que, ou eles procuraron non porse nunca un ao lado do outro, ou non houbo tal afluencia de cazadores de instantáneas chocantes. Total, que no houbo a foto do ano, que vería sendo a foto do final da lexislatura. Todo o que conseguiron os da Nikon, que agora xa se pasaron case en masa a Canon, foi esta mirada lonxícua que aparece nunha das fotos distribuídas polos servizos de prensa do goberno galego. Como non lle metamos photoshop e eliminemos a Touriño e a ese señor que viste abrigo parecido aos que usaba Maddoff, a imaxe non nos dá para evitar mil palabras.

lunes, diciembre 29, 2008

Non soubo irse Ánxela Bugallo?

Dnde hai xa algún tempo, ficaban poucas dúbidas acerca do futuro político da conselleira de Cultura, a nacionalista Ánxela Bugallo. Sabíase de sobra que a súa cabeza non é que fose posta a prezo, era que xa estaba descatalogada no drugstore do poder que xestiona Anxo Quintana. Quen empezou sendo musa dunha postmodernidade que nunca tivo moitos seguidores no BNG rematou apartada do consello de administración dunha organización política que xa é unha confederación de empresas máis ca outra cousa.
E agora si que remataron as derradeiras dúbidas. Encárgouse de despexar a incógnita final o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, nunhas enciclopédicas declaracións súas que publica hoxe Xornal de Galicia. O entrevistador, Xabier R. Blanco, faille a pregunta con descaro: “Sorprendeulle o ascenso meteórico e a caída estrepitosa de Ánxela Bugallo?”. E responde o conselleiro que non é casualidade que sexa da UPG: "En política cada vez me sorprende menos calquer cousa. Ás veces un non se sabe ir. A min gustaríame marchar con normalidade. É moi triste que xente, despois de anos na organización, marche enfadada ou decepcionada. Antes de que non conten contigo o mellor é marchar”.
Coñece alguén unha maneira máis cruel de mallar no anxo caído, neste caso “ánxela caída”? De entrada, se o di alguén tan importante do aparato do poder do BNG como é Fernando Blanco e o que di el aparece publicado no “diario Arriba del Movimiento”, entrevistado por un adxunto ao director, eu, se fose Ánxela Bugallo, empezaría a recoller as miñas cousas do despacho. É de supoñer que esta desconsiderada forma de referirse a quen aínda é unha compañeira de gabinete gobernamental estará precedida dalguna maneira menos descortés de avisar á perxuidcada por parte de quen exerce de vicepresidente bis da Xunta de Galicia, é dicir, Anxo Quintana. Seguramente lle faría pouca graza a Ánxela Bugallo ler hoxe no Xornal esta destempranza de Blanco se, por riba, nin sequera fose avisada antes de que non se vai contar con ela.
Ánxela Bugallo non foi a mellor titular da Consellería de Cultura, e iso que llo puxeron doado varios dos seus predecesores, particularmente Xesús Pérez Varela. No exercicio do seu cargo alentou episodios dignos da maior polémica (a “merendiña” de Cuba, determinados comportamentos encol da Cidade da Cultura, etc.), pero tampouco era para que a tirasen aos pés dos cabalos da UPG os que pensaron algunha vez que lles podía facer senón de André Malraux polo menos de Melina Mercouri. E Quintana foi un dos que pensou que podía ser o seu Degaulle.
Pero a política eche así. Hoxe vales para un roto, pero mañá non sirves para un descosido. A min, que nunca podo evitar que me caian mellor os perdedores cos gañadores, agora é cando empeza caerme ben Ánxela Bugallo. Aposto algo a que imos ser os que nunca bebemos os seus “mojitos” os que máis nos lembremos dela e a que moitos dos túzaros que parecían ser os seus amigos de sempre han buscar agora enchente noutros banquetes.

Noxo deu Bush, Israel inspira desprezo


Estremece ver a foto dun preso palestino que está sendo librado dos escombros da cadea na que se atopaba despois de ser bombardeada pola high-tech militar de Israel. Aparece hoxe na primeira páxina de El País. Poden cacarexar canto queiran os defensores dunha actitude falcónica que arrasou máis de douscentas vidas humanas en 48 horas e fixo centenares de feridos. Algúns destes defensores ata buscaron acubillo no foro deste blog, e eu deixeilles dicir o que quixeron en nome dunha liberdade de expresión que considero inescusábel, aínda a pesar de que polo menos un deles permitiuse o luxo mediocre de insultarme.
Resulta evidente que non é de recibo o comportamento que tivo Hamas nas últimas semanas, atacando case que con tirachinas a un coloso do armamentismo como é Israel, pero inmensamente menos xustificábel é a reacción do goberno que representa a un dos pobos que foi máis oprimidos nos últimos cen anos e que agora parece empeñarse en emular aos seus antigos opresores. Insistirei, logo, dicindo que se noxenta resultou a intervención de Bush en Irán, a de Israel na franxa de Gaza, ademais de noxenta, é desprezábel porque responde a interses de oportunismo político absolutamente coxuntarais. Como noxento empeza a ser o modo que ten o primeiro mundo de mirar para o outro lado cando lle convén.

sábado, diciembre 27, 2008

Noxento Israel


Dificilmente pode un imaxinar un ataque de demencia agresiva como o que acaba de desencadear Israel sobre a franxa palestina de Gaza en plena celebración de Nadal e Aninovo. Na primeira mostra de valentía militarista causaraon xa 155 mortos e máis de 200 feridos, e as autoridades de Tel Aviv anuncian que “esta operación será proseguida, extendida e intensificada tanto como faga falta”.
Esta falconada asasina de Israel debería ser inmediatamente respondida contundentemente polo mundo civilizado, pero é de temer que as filigranas da corrección política internacional afogarán, unha vez máis, en sangue, suor e bágoas as esperanzas de paz. Tomará nota o próximo presidente de Estados Unidos do que acaba de acontecer?
Dá noxo ter que rematar o ano con esta nova mostra da barbarie civilizada do primeiro mundo.

viernes, diciembre 26, 2008

Eólicas: gañaron todos, menos "La Voz de Galicia" e "Xornal de Galicia"

De sorprendente golpe de man poderíase calificar a case salomónica decisión que rematou tomando a parte nacionalista do bipartito para repartir o maior lote de megawatios que saíron ata agora a concurso público de adxudicación de parques eólicos. Sorprendente, para empezar, porque non é o empresario Xacinto Rei o maior beneficiario desta tanda, en contra do que parecía previsíbel se se observaban determinados síntomas manifestados nas últimas semanas, especialmente a aparición de Xornal de Galicia en plena precampaña electoral e o seu comportamento informativo e de opinión.
Dende que apareceu este periódico, o 9 de decembro, as súas páxinas de opinión, pero moito máis aínda o seu tratamento informativo da actualidade política galega, non cesaron de manifestarse como un órgano de propaganda dos departamentos da Xunta que controla o BNG e, moi especialmente, da política da Vicepresidencia de Igualdade e do seu titular, o líder desta formación política, Anxo Quintana. Case día a día, a publicación financiada por Xacinto Rei e dirixida por Xosé Luís Gómez veuse comportando máis coma un diario de campaña que coma un medio novo que quixese manter mínimos niveis de independencia. A pesar da súa corta andadura, resultaría prolixo relacionar aquí os abondantes titulares que apareceron nas súas páxinas raiando extremadamente a confusión entre información e propaganda, e non só de carácter político senón tamén de tipo empresarial e financeiro nalgún caso.
Fica fóra de dúbida que este iniciático comportamento do novo xornal galego foi motivado puntualmente pola coincidencia de que o seu propietario, Xacinto Rei, era un dos meirandes aspirantes á obtención de megawatios eólicos. A través de Interavan, empresa na que coparticipa con Manuel Jove e Epifanio Campo, solicitaba 638 mgawatios repartidos en 19 parques, e propoñía facerse cargo do anunciado traslado da fábrica de pasta de papel de Pontevedra, propiedade de Ence, a cambio desta concesión. Pola súa propia conta, querse dicir en solitario, o dono do Grupo San José tamén optaba a través de Enerxías Renovables de Galicia, e foi precisamente por esta vía como logrou que lle concederan 142 megawatios. Quedou, porén, sen tallada eólica na sociedade que conformou con Manuel Jove e Epifanio Campo. Adeus, polo tanto, a un posíbel adianto do traslado de Ence. A “cheirona” seguirá de momento en Pontevedra, algo polo que xa manifestou o seu desgusto o alcalde nacionalista Lores.
Haberá que analizar moitos datos que xa se coñecen e outros, quizais os máis importantes, que aínda non trascenderon. De entrada, o equipo de Quintana parece que soubo atarse os machos nas últimas horas e facer un reparto que pode resultar bastante blindado ás críticas doadas. Non se produciu a enorme cacicada que pronosticaron algúns, pero é evidente que o BNG rematou barrendo para a casa sen que se note moito que a escoba estea marcada. Non sei porque me dá o corpo que mañá nin La Voz de Galicia nin Xornal de Galicia van poder publicar os itulares que máis lles gustaría colocar en letras grandes.

martes, diciembre 23, 2008

William Petersen (CSI) canta en euskera

Para moitas persoas, entre as que me conto, CSI é unha das poucas series que se poden ver nas mediocres televisións actuais e William Petersen representa, para nós, un intérprete de culto. Seguramente agora aínda nos vai caer mellor, polo menos é o que pasa a min. William mandoulle ao xefe do goberno vasco un simpático video no que lembra o tempo que pasou en Euskadi nos anos 1974 e 1975. Quen queira velo pode facelo premendo aquí.

Petersen empeza falando en euskera e di: "Lehendakari, señoras e señores, boas noites. Euskadi é moi frío, pero os vascos teñen o corazón quente".
A continuación, en inglés, pronuncia a seguinte parrafada: "Quería mandarlles, a todos vostedes, no País Vasco, unha mensaxe e un saúdo. Pasei algún tempo precioso aló, en 1974 e 1975. Estudiando, coñecendo a xente, subindo aos montes Arantzazu. A miña filla naceu aló: Maite Nerea. Naceu en 1975 en Mondragón. O País Vasco ocupa un lugar especial no meu corazón. Espero volver pronto a visitalo de novo. Estiven alí hai once anos e cambiara moito. Cando estiven en 1975, non se permitía o euskera na sinaléctica nin en ningún outro sitio. Cando volvín hai once anos, todo estaba en euskera. Foi un cambio sorprendente. Pareceume esperanzador para a xente de Euskadi o ter recuperado a lingua. Estou moi contento co progreso e alegreime pola paz que había. Teño ganas de volver pronto. Había unha canción que aprendín cando estiven aló, unha canción que resume o que sinto polo País Vasco”.
A canción á que se refire é unha peza tradiconal titulada Goiko Mendian, e Willliam Pertersen cántaa con moito xeito, como se ve no video. A letra dio seguinte en euskera:

No cumio do monte hai neve

e no río, xelo.
Estou libre de ti
e teño feliz o corazón.
Cando empece o verán,
ao sol,
cando a neve se derrita

tu tamén sentirás
a cosecha do arrepentimento.

O viño e nós falamos galego


Quizais sexamos poucos e ata algo mal avidos os que escribimos, lemos e comentamos este blog que se empeña en dar e recibir golpes na cabeza coa intención de facérmonos pensar entre todos. Pero, iso si, querémonos abondo como esperar xuntos a que escampen os tempos da mediocridade.
E, mentres agardamos, nós tamén celebramos o Nadal e, sobre todo, o Aninovo. Facémolo brindando con viño galego etiquetado en galego. Saúde, Pepiño! E celebramos tamén que a Secretaría Xeral de Normalización Lingüística, a Consellería de Medio Rural e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promoveran un anuncio tan bonito como o que Croques escolle para felicitar estas festas aos da banda de Laíño e aos da banda de Lestrove. Ou sexa, a todos.

lunes, diciembre 22, 2008

A carabina de Ambrosio

Definitivamente, o da concesión de parques eólicos vai rematar como o rosario da aurora. Ou mellor aínda, coma carabina de Ambrosio, aquela escopeta que utilizaba un bandoleiro sevillano cargándoa con semente de cánabo en vez de pólvora. E, xa postos á metáfora, coma carabina aquela que inventou un militar nortamericano chamado Ambrosio Burmside e que deixou rapidamente de fabricarse pola súa marcada propensión a engastallarse.
Empezaron dicindo os de Industria que se lles estragara a informática, algo que non llelo creu nin o que asa a manteiga. Recoñeceron logo que había que aprazar o conto porque non daba tempo a facer as cousas como se precisaba. E remataron vendo como lles pegaron a espantada os representantes das consellerías do PSdeG-PSOE dicindo mesmo que pode haber inseguranza xurídica na maneira de levar a cabo o concurso.
Núñez Feijóo, mentres tanto, non para de repetir que hai que adiar a concesión eólica ata despois das eleccións para que sexa o novo goberno que xurda das urnas o que se encargue de resolver este importantísimo procedemento que ten coa alma fóra do corpo a toda a oligarquía galega e parte da de fóra.
Nunca estiveron no tellado de Galicia pelotas como as que agora poden acabar marcando goles multimillonarios. A expectación, entre os xogadores deste partido de fútbol, é extraordinaria, dende logo, e a propia opinión pública empeza a preguntarse que pode estar pasando para que o bipartito se atreva como nuca a marcar diferenzas cando a penas faltan dous meses e medio para as eleccións do 1 de marzo. E digo a opinión pública porque o que é a publicada xa se pronunciou segundo lle convén a quen a publica.
A resposta a todo isto agora si que está no vento e non cando Bob Dylan e Joan Baez empezaron a cantar Blowing in the wind. O que pasa é que parece que ven de travesío, e non se escoita case nada do que habería que escoitar. Saberémolo que está a pasar algunha vez? Se cadra si, se cadra non. Mentres tanto, a min ninguén me quita a fe de que o vento, a riqueza e a ventura non son cousa segura. E a ver se o vento ventiño, vento venteiro, hoxe é rosmón e mañá falangueiro.

domingo, diciembre 21, 2008

Á Xunta deulle o Alzhéimer

Que Xornal de Galicia é un periódico que naceu para facer de Anxo Quintana o rapaz da película estaba fóra de dúbida dende o primeiro instante que chegou aos quioscos a publicación que financia Xacinto Rei, o aspirante a protexido de Eolo. Pero tanto, tanto que resulta tantísimo? A edición do domingo pasado xa é de traca: "O sector público será o gran bebeficiario do plan eólico", titular a cinco columnas en primeira. "Hasta ahora, el único líder que siempre aceptó debatir fue el nacionalista Anxo Quintana", editorial na terceira. "O BNG fala claro", outro editorial. "Quintana pon en valor o concurso eólico, ao servizo de toda Galicia", titular a cinco da páxina 7. "A eólica converte á Xunta en potencia enerxética", dobre páxina (7-9). "Quintana pide a PP e PSdeG que clarexen se cren nación a Galicia", páxina 15. Que será o que non fixo Quintana nas últimas 24 horas?
Porén, o máis chamativo resultoume o pé de foto que lle poñen á segunda foto que acompaña a noticia quintanista que vai na páxina 7: "Anxo Quintana, nun centro de Alzhéimer". E saben o que hai na foto? Emilio Pérez Touriño presidindo un consello da Xunta, con Quintana á súa dereita, Méndez Romeu á esquerda e o resto dos conselleiros polos lados da mesa. Será que, de súpeto, os da Xunta perderon a memoria? Sabíase que se esquenceron dalgunhas cousas que prometeron na campaña electoral de hai catro anos, pero tanto como para coidar que San Caetrano é un centro de Alzhéimer?
A min estes descoidos lémbrame o que pasou unva vez en Lugo. Celebrábase unha gran feira de gando na praza onde agora se ergue a estación de autobuses e Francisco Franco, o Caudillo daquela longa noite de pedra, visitou a exposición de gando selecto na que había un bo exemplar dalgunha raza vacuna traída de Canadá ou de por aí. Os fotógrafos de prensa fixeron o seu traballo, pero ao día seguinte no xornal local, El Progreso, cóntase que ocorreu algo que puido armar as de San Cristo. Nunha páxina par aparecía unha foto na que se vía un excelente boi de posta que tiña uns collóns moito máis grandes ca todo o que se poda contar dos do cabalo de Santiago. O pé de foto poñía: "Su excelenecia el Jefe del Estado visitando la Feria".
Na páxina impar seguinte viña unha foto que recollía unha imaxe de Franco visitando a Feira, acompañado polas autoridades provinciais e locais. O pé de foto dicía: "Magnífico ejemplar de semental de raza Holstein que foi exposto onte na feira". Imaxine o lector a marimorena que se puido armar.
Algo parecido ao que lle pasou daquela ao linotipista do Progreso de Lugo debe ser o que lle aconteceu ao becario dagora de Xornal de Galicia. Ai, que risa, María Luísa, San Caetano convertido nun centro de Alzhéimer! Aínda vai ser verdade que hai política de igualdade.

viernes, diciembre 19, 2008

Chapuza

Entre a dramática puntería dese policía grego que rematou a vida dun pobre mozo ateniense e a pésima destreza en disparar que mostraron media ducia de policías nacionais da Coruña, un tende a pensar que algo funciona rematadamente mal ás veces entre os corpos de seguridade.
O suceso de Atenas nunca será abondo comentado, pero o a morte que lle fixeron sufrir a un becerro que se escapou do matadoiro coruñés acabará pasando á historia da incompetencia celtibérica. O que escribiría Luis Caradel se seguise vivo.
O lector non me cree? Pois vexa o video que recolle o que conto premendo aquí.

jueves, diciembre 18, 2008

Estamos en campaña

Os xulgados galegos teñen o tempo de reposta máis elvado de España. O bipartiro négase a incrementar o persoal dos helicópteros de salvamento marítimo. Touriño anuncia que a Xunta investirá 98,5 millóns de euros para reforzar a dinamización da obra pública nas provincias de Lugo e Pontevedra. O presidente da Xunta asegura que elixiu o 1 de marzo para a celebración das eleccións por ser a data máis convinte dende o punto de vista do interese xeral co fin de mellorar a a crise –como se pode mellorar unha crise facéndoa máis crítica aínda ou como?–, singularizar o proceso e cumprir coa palabra dada. Touriño destaca que os concellos galegos recibirán máis de 490 millóns do fondo de investimento local do goberno estatal. Touriño destaca que Galicia alcanza por primeira vez nesta lexislatura unha renda media per capita de 20.000 euros e que se pasou dende unha converxencia con Europa do 83,9 % ao 90,2 actual.
Todas as frases anteriores foron pruducidas hoxe entre os departamentos de propaganda política da Xunta e do Partido Popular. Á vista de tamaña exaxeración da realidade vixente, pode dubidar alguén de que estamos inmersos nunha evidente campaña electoral?

miércoles, diciembre 17, 2008

Esta si que é muiñada

Unha semaniña enterira para resolver o peliagudo problema da concesión administrativa de parques eólicos. Unha semaniña enteira, esa si que é muiñada. Moito se debe estar cocendo neste pote para que o maître, Fernando Blanco, conselleiro de Industria da Xunta, nacionalista do BNG, tarde tanto en servir o menú.
Algún día saberase –e contarase– o difícil que resultou este parto dos montes de Galicia. Con comensais tan importantes sentados á mesa –toda a oligarquía galega actual e parte da de fóra– non é de extrañar que de momento a política de luz e taquígrafos prometida non pase dun banquete con tantos cortes de luz como os que xa estamos afeitos a recibir de Fenosa.

viernes, diciembre 12, 2008

Rosa Puente





Ao furor reivindi-
cador das casas-
santu-
ario da cultura galega, co que acaba de irromper no mercado o inci-
piente xornal finan-
ciado por un novo rico do ladrillo, digo eu que tamén se podería engadir algo que servise para salva-
gardar outro templo do galeguismo. Refírome á casa bonaren-
se do que foi, no seu tempo, o maior mecenas e promotor do galeguismo: Manuel Puente. Está no número 3760 da avenida Rivadavia de Buenos Aires, e nela sobrevive como pode a súa filla, Rosa Puente, autén-
tico tesouro ela mesma da mellor memoria galega.


Hai poucos días estiven nesa casa pola que pasaron e na que durmiron, en varios casos, persoas tan egrexias da nosa cultura coma Castelao, Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Manuel Colmeiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Ramón de Valenzuela e moitos outros. Falei durante unha tarde enteira con Rosa Puente, alí moi preto de onde anarquista alemán Kurt Wilckens vingou as fazañas asasinas cometidas polo tenente coronel Varela cando foi someter a rebeldía popular que despertou na Patagonia outro anarquista, o galego Antonio Soto.
Rosa Puente é unha muller encantadora coa que un aprende en dúas horas máis historia real de Galicia da que se pode asimilar en vinte cursos da Universidade. É unha señora exquisitamente educada, agarimosa, culta e espilida pola que o paso dos anos só deixou as pegadas inescusábeis da bioloxía. Abríume o seu corazón e as súas lembranzas dende cando era unha nena privilexiada que se se subía aos colos do seu pai, de Castelao, de Blanco Amor, etc. ou dende cando, xa mociña, no ano 1945, vestiu orgullosa un traxe de galega deseñado por Castelao para desfilar, acompañada pola actriz Lita Soriano, na celebración do Día dos Mártires Galegos.
Naquela casa de Rivadavia 3760 traballou e pintou durante moitas horas Castelao. O pai de Rosa, Manuel Puente, foi precisamente o que prestou a vivenda do séptimo piso do número 2605 da avenida Belgrano, na que viviu o rianxeiro en Buenos Aires ata que morreu, nunha habitación do Centro Galego, o 7 de xaneiro de 1950. Alí desenvolvéronse importantes e numerosas sesións do Consello de Galiza e tiveron lugar tamén abondantes reunións de varias organizacións republicanas españolas do exilio, que ata tiveron a súa sede nesa casa durante algún tempo. O xeneral republicano Martínez Monge, por exemplo, foi un dos que atoparon acougo na casa de Puente da avenida Rivadavia.
Aquel templo do galeguismo, no que se teceu a publicación da inconclusa Historia de Galicia que dirixíu Otero Pedrayo, que foi publicada grazas aos auspicios de Manuel Puente, é hoxe unha sombra en perigo de extinción. Rosa Puente foi sometida polos milicos das sucesivas ditaduras arxentinas a expolios e mesmo vexacións de todo tipo, e a duras penas puido conservar só algo da herencia que lle deixou o seu pai. Agora vive coa angustia diaria de non saber que vai pasar co patrimonio cultural e político que aínda garda como un tesouro nas pinturas, libros, documentos e fotografías que herdou e que foi recolectando ela.
Rosa está vivindo como pode e non como quere. Non está aínda na miseria económica, pero as súa alma padece a miseria do abandono e da incomprensión. A filla do home que máis socorreu a cultura galega do exilio case se está vendo obrigada a pedir a esmola de quen lle poda botar unha man. A súa economía persoal a penas lle dá para pagar os impostos do único que lle queda, o templo da cultura galega que hai no número 3760 da avenida Rivadavia. Por non ter, xa non ten sequera a subvención que lle pagaba a Xunta de Galicia cando era gobernada por Fraga. Quitáronlla os que gobernan agora a Consellería de Cultura.
A Rosa Puente gustarialle morrer sabendo que a Fundación Manuel Puente, que creou para manter viva a memoria do seu pai e a de todos os galeguistas que se relacionaron con el, se concretase en algo real que servise para transcender unha época sen a que é imposíbel comprender toda a nosa historia recente. A casa da avenida Ribadavia podía ser un apropiado centro de estudios dunha época da Galicia emigrante e do exilio. Non se sabe que vai pasar alí nin que vai ser dos debuxos de Castelao que hai colgados nas paredes ou dos documentos e testemuños gráficos que enchen as gabetas.
Está moi ben que se reclame a casa de Castelao en Rianxo, pero hai outras polo mundo adiante que a febre nacioanalizadora de Ánxela Bugallo e de Xornal de Galicia tamén deberían atender.

jueves, diciembre 11, 2008

As chocheiras de Fraga

Que don Manuel Fraga Iribarne chochea algo máis da conta xa hai tempo que se estaba vendo, e que padece un evidente desdobramento de personalidade tipo Doctor Jekill-Mister Hyde encargouse de demostralo ben Ánxel Vence no seu excelente libro sobre o ex líder de Alianza Popular, digo Partido Popular.
O que non sei é por que temos que aguantar as súas parvadas (un arxentino diría cagadas) ata que morra. Non son eu dos que despotrican contra o pensamento e as actividades das persoas idosas, nefasto costume que prodigan determinados descerebrados do postmodernismo, pero, home, a este supervivente do franquismo alguén da súa corda debería meterlle o freo de vez en cando. Fraco favor lles fai a Mariano Rajoy, a Núñez Feijóo e aos restantes dirixentes da dereita española coa súa funesta maneira de entrar sempre nas cacharrerías como se fose un elefante.
Cando aínda tiñamos moi verdes unhas recentes declaracións súas dicindo que non lle constaba que Franco se comportara nunca coma un criminal e o Che Guevara, pola contra, lle resultaba evidente que si, a desdobradísima personalidade do escarnecedor de Tina la Asturiana, o estudiante Romero, o comunista Julián Grimau, os obreiros de Vitoria e tantas e tantos outros, veunos agora dicir don Iribarne que aos nacionalistas “habería que colgalos dalgún sitio”. Este home segue sendo tan macho como cando proclamaba que a rúa era del, e nin de vello para de pensar no par colgante da parte masculina da especie humana.
Pois que se vaia preparando Beiras que, polo que se ve, non lle serviu de nada comer comer dúas veces con el no Vilas. Ou o mesmo Quintana, que foi un dos que facultou que don Manuel teña dereito a xubilación de luxo, coche blindado, chófer, secretaria e gardaespaldas, pois Fraga deixouno abondo claro: “Por definición o nacionalismo é o contrario da defensa de España” (Poden seguir durmindo tranquilos os españoleiros: o lión de Vilalba non se refire ao nacionalismo español. Ben ao contrario, segue aprezando neste último "a potencia máis romántica de Europa en patriotismo").

miércoles, diciembre 10, 2008

O que Xornal de Galicia non publica sobre a casa de Castelao en Rianxo


Na edición inau-
gural de Xornal de Galicia, do 9 de xaneiro, a publicación do constructor Xacinto Rei abríu a cinco columnas cun falso scoop titulado “Rianxo loita pola casa de Castelao co seu dono”. En realidade isto xa se publicou antes no semanario A Nosa Terra e noutros lugares, pero Xosé Luís Gómez debeu pensar que había que saír á rúa con algo que lle dera marca de distinción galeguista e, se cadraba, tamén nacionalista. Quizais non se percatou de que o que abriu de paso foi unha caixa de Pandora da que poden saír moitos sapos. O que non publicou
Xornal de Galicia, nin vai publicar seguramente nunca, son algúns antecedentes que caracterizan o caso da casa de Castelao en Rianxo.

Son varios os persoeiros do galeguismo actual, Avelino Pousa Antelo o primeiro deles, que agora se revoltan contra o actual propietario deste inmóbel rianxeiro, Xavier Baltar Tojo, ao que non dubidan en acusalo de “especular coa memoria de Castelao” e de “traizoar á súa familia”. Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, chegou mesmo a dicir, nas páxinas de Xornal de Galicia, que Baltar “levou todo o que había de Castelao da casa pola noite”, no que parece un intento evidente de sementar dúbidas sobre o herdeiro testamentario da herencia dos irmáns Castelao.
Neste tema habería que empezar por contar as cousas como sucederon e non como a algúns persoeiros do galeguismo oficial lles gustaría que pasasen. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886 e finou en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950, pouco antes de cumprir os 64 anos. De toda a súa extensa obra artística, ensaística e literaria nin unha soa peza foi inscripta no Rexistro da Propiedade Intelectual que rexía por mor da Lei de Propiedade Intelectual daquela vixente dende o ano 1879. Nin sequera a parte que correspondía ao período anterior á súa marcha forzosa ao exilio, despois da guerra civil española. Faleceu sen deixar testamento nin ascendentes nin descendentes, pois os seus pais morrreron antes ca el e o seu único fillo, Alfonso, tamén finou en 1928 cando só tiña 14 anos.
Daquela vivían as súas dúas irmás, Xosefina e Teresa, e tamén a que pasou a ser a súa viúva, Virxinia Pereira Renda. Xosefina e Teresa, que moraron ata as súas mortes na casa do número 7 da Rúa de Abaixo de Rianxo, dedicaron o resto das súas vidas a velar a figura do seu irmán mantendo viva unha casa que era un auténtico museo familiar da memoria do autor de Sempre en Galiza. Téñoas visitado moitas veces ao longo da década dos setenta e sei do que falo. Nunha das fotografías que publico hoxe aparezo a carón de Teresa, nunha instantánea que lle saíu desenfocada a Maribel Outeiriño, que acababa daquela de estrear unha Nikon F2 que aínda non sabía manexar e coa que rematou sendo case uha experta.
Polos anos cincuenta empezáronse a publicar pola Editorial Galaxia algunhas das obras menos comprometidas de Castelao. En 1969 faleceu en Madrid Virxinia Pereira sen que antes se puxese en orde a cuestión herditaria da familia nin os dereitos de autor polos libros, cadros e debuxos de Castelao, que empezaron a pasar a museos e a mans de particulares sen criterios legalmente estrabrecidos antes.
As irmás Josefina e Teresa Castelao, que non viviron nunca precisamente na abondancia, empezaron a percatarse de que os seus dereitos materiais e morais non estaban sendo considerados e que mesmo lles estaban sendo claramente refugados por algúns intereses que empezaron a calcetarse encol da figura do seu irmán. Foi cando tomaron a decisión de por as cousas en orde, e recorreron a un avogado que formaba parte dunha familia tradicionalmente amiga e moi relacionada coa súa: Xavier Baltar Tojo. Os Baltar xa axudaran antes moitas veces aos membros da familia Castelao, particularmente á súa figura máis notábel, Alfonso R. Castelao.
Xavier Baltar, coa axuda dos seus parentes, tamén avogados, Ernesto Baltar Santaló e Ernesto Baltar Feixóo, iniciou un longo proceso reivindicador dos dereitos das irmás Castelao que tivo principio en Buenos Aires, lugar de falecemento de Alfonso Daniel, e que rematou en 1972 no Xulgado número1 de Primeira Instancia de Pontevedra, cidade na que tivo o seu último domicilio en Galicia o escritor e artista de Rianxo. Este xulgado ditou un auto de declaración de herdeiros no que, logo de proclamar a extinción do usufruto viúval, “se declaran únicas y universales herederas abintestato de D. Alfonso Rodríguez Castelao, en todos sus bienes, derechos y acciones, a sus hermanas de doble vínculo, doña Josefina y doña Teresa Rodríguez Castelao”. Ficou así definitivamente recoñecido o dereito total a favor das irmás de Castelao e que a viúva somentes gozara do usufruto da súa cuota correspondente, polo que non lle fora posíbel levar a cabo actos de disposición.
Pero, estabrecidos por fin o dereitos de Josefina e de Teresa Castelao, atopáronse cun novo problema: a protección rexistral da propiedade intelectual do seu irmán. Daquela o prazo para facer constar rexistralmente esta propiedade estaba fixado nun ano que se contaba a partir da data de publicación das obras e, se non había tal rexistro, a propiedade intelectual pasaba a ser de dominio público. Era o caso de toda a obra de Castelao, que no fora rexistrada nunca e xa pasara, polo tanto, a dominio público, de acordo coa Lei da Propiedade Intelectual de 10 de xaneiro de 1879. O principal dereito que lles atribuira un xulgado de Pontevedra, o das obras do seu irmán, xa non era delas legalmente.
Porén, o avogado Xavier Baltar non desmaiou, senón que moveu Roma con Santiago para continuar a loita polos dereitos das herdeiras de Castelao, que tamén despregaron os seus esforzos para verse recoñecidas. Unha delas, Josefina, viaxou a Pontevedra para visitar a casa dunha importante familia local, que non foi precisamente a de Xosé Filgueira Valverde, importante figura do galeguismo que exercera de alcalde franquista pouco tempo antes, dirixía o Museo de Pontevedra e mantiña estreita relación coa Editorial Galaxia que lle negaba os dereitos á familia de Castelao.
Por mediación dun membro desa familia notábel, Josefina mantivo unha entrevista cun funcionario estatal destinado en Pontevedra, ao que lle explicou o que lles estaba pasando a ela e á súa irmá. Aqueles movementos serviron para que o ministro de Información franquista da época, Alfredo Sánchez Bella, tristemente célebre por facer que se dinamitara o edificio do xornal Madrid, se ocupase personalmente do asunto pondo en marcha unha revisión da lei vixente de propiedade intelectual que lle permitiu abrir por un ano o rexistro de obras para que todos os autores que non tivesen acreditada a propiedade dos seus libros puidesen levala a cabo.
Foi así como unha Orde do 5 de febreiro de 1973 (BOE do 20 de febreiro) estabreceu unha amnistía dando de prazo ata 1973 para inscribírense no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual “aquellas obras que por no haber sido inscritas en los plazos ordinarios hubiesen caído en el dominio público”.
Aínda había outro atranco que salvar. Moitos dos libros e das obras pictóricas de Castelao, editados en distintas épocas e países e que foron sometidos a persecución e diversas incautacións, non se sabía nin onde estaban e houbo que levar a cabo un laborioso proceso de busca para atopalas, pero pouco a pouco foron aparecendo e pasaron a constar no Rexistro correspondente. Algunhas delas mesmo estaban nas mans de persoas que podían pasar apretos se se lles esixise probar por que estaban no seu poder.
Aínda así, a Editorial Galaxia seguiu negándolles os seus dereitos ás irmas de Castelao. Corría o ano 1974 e a editorial que maior volume de edición viña realizando en Galicia, aferrándose á interpretación que facía da Lei de Propiedade Intelectual de 10 de xaneiro de 1879, sostiña sen ningún rubor que as reclamantes “non tiñan ningún dereito”. Baseábanse nun erro que se cometeu cando esa Lei foi publicada dicindo que “la propiedad intelectual corresponde a los autores durante su vida y se transmite a sus herederos testamentarios o legatarios por el término de ochenta años”.
Mentres tanto, morreu Josefina e ficou soa Teresa para seguir loitando. E o caso era que Teresa non era “testamentaria” nin “legataria”. Era unha herdeira “ab intestato”, proclamada así por unha declaración xudicial de herdeiros mediante o procedemento que se segue cando, por falta de testamento, a lei chama os herdeiros lexítimos para suceder na orde e cuantía que lles corresponda.
Deste xeito, Teresa Castelao ficou de novo a mercé da boa ou mala vontade que lle puidese mostrar a Editorial Galaxia, que seguiu negándolle o que pedía. Pero o seu avogado, Xavier Baltar, non se deu por vencido ata que logrou demostrar que había un erro na Lei que había que correxir. Onde dicía “legatarios” debía dicir “lexítimos”. Tratábase dun erro de longuísima vida, pois a lei levaba en vigor case un século co citado erro comprendido en todas as súas edicións públicas e privadas.
Mediante un documentadísimo alegato que Xavier Baltar rematou publicando no Boletín de Anabad, ano XXIX, número 1, co título de “Castelao y la Ley de la Propiedad Intelectual de 1879: Un curioso incidente legal”, o avogado de Teresa Castelao acabou facendo que a Editorial Galaxia accedese a recoñecer os dereitos de autor de Alfonso R. Castelao que herdara a súa irmá.
Con todos estes antecedentes, sorprenderase alguén de que Teresa Castelao non quixese deixar a súa herencia a ningún dos galeguistas que agora tanto remexen para “expropiar” o herdeiro que ela quixo deixar como lexítimo?
Podería abondarse máis aínda neste peliagudo tema relacionado con Castelao. Investigou alguén, por exemplo, se é verdade ou non que na familia da súa muller puido quedar un feixe de cartas, supostamente escritas en castelán a Virxinia Pereira, que logo fosen escamoteadas por persoas interesadas en que non se desmostrase este afecto idiomático “estranxeirizante” da personalidade máis emblemática do nacionalismo galego? Son preguntas que seguramente non van aparecer respondidas no Xornal de Galicia.

martes, diciembre 09, 2008

Galicia, con voz e xornal

Hoxe comprei Xornal de Galicia e acabei lendo La Voz de Galicia. O primeiro está moi ben para que os do BNG se ilusionen pensando que xa teñen un xornal, e o o periódico do “derradeiro xornalista e editor independente que queda en España” parece que empezou a percatarse de que non hai bo xornalismo sen malas noticias. A súa primeira páxina parece unha demostración: “El 80 % de los gallegos que pidieron la ayuda de cuidador no han recibido un euro de las promesas de Quintana”, “Dos heridos en la protesta de los vecinos contra las obras del perímetro de seguridad en la base de la Brilat en Pontevedra”, “Galicia lidera las compraventas especulativas de potencia eólica”.
O xornal de Rey-Gómez, pola contra, parece nacer nunha arcadia feliz. A primeira do seu primeiro número abre cun titular, a cinco columnas, que di que “Rianxo loita pola casa de Castelao co seu dono”. Como todas as súas exclusivas acaben sendo coma esta, eu xa sei que xornal non fai falta ler para enterarse do que pasa por aí adiante. Tamén chama a atención que a primeira entrevista cun político gobernamental, nun xornal que se adiviña precisamente moi progobernamental, non sexa co presidente da Xunta senón co vicepresidente Quintana, e que ao seu carón no sexa Touriño o que aparece na foto senón o vicesecratario xeral do PSOE, Xosé Blanco. A Núñez Feijóo mandárono para o fondo da páxina, sen foto e dicindo que aposta por Palmou como referente do sector galeguista.
Tanto nun xornal como no outro, expándese a tendencia do xornalismo galego a titular con suxeto, verbo, predicado e unha oración subordinada polo menos. Como sigan así, han rematar conseguindo que os lectores non teñamos que pasar dos titulares, algo que nalgún caso seguramente acabaremos agradecéndollelo. No Xornal de Galicia os columnistas de referencia parece que van ser Antón Reixa e Javier González-Méndez. Castealo e Vicente Risco, coma quen di. Ou sexa, que volve a Xeneración Nós.
Do que non falan, nin un nin o outro, é do alarmante mal servizo que nos está prestando Fenosa. No Val da Mahía, catro preocupantes cortes de luz nas últimas 72 horas. O último acaba de ocorrer mentres escribo estas liñas. Volverá agora a dicir o alcalde de Ames que isto é normal por estarmos no inverno? Que vergonza que un político así presida os alcaldes de Galicia! E non sigo porque o meu SAI pódeme deixar sen enerxía dun momento a outro.

domingo, diciembre 07, 2008

Prensa independente

Está anunciada para o martes, 9 de decembro, a saída dun novo periódico galego, Xornal de Galicia, co que xa serán once as cabeceiras que se publiquen cada día na nosa terra. Un xornal por cada 232.000 habitantes é un ratio que, tomado polos pelos, podería indicar a existencia dunha prensa abondante, pero que non chega para soster que esteamos a vivir, porén, nunha sociedade dotada con medios de comunicación plurais e representativos de todas as diferentes expresións do mundo galego. Ben ao contrario, o que existe é un minifundismo xornalístico que se empeña en sachar só na leira do capitalismo conservador e non son practicamente ningunha as diferenzas que se poden atopar entre as empresas editoras desa ducia de xornais que se autotitulan galegos ou de Galicia.
Diga o que diga Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia, que acaba de desmelenarse autodefiníndose como “o derradeiro xornalista e editor independente que queda en España”, nin o seu nin calquera dos outros xornais que actualmente se publican ou están a piques de aparecer en Galicia están cerca de merecer a sagrada condición de prensa independente como demostran, todos e cada un, case a diario aplicando tratamentos informativos que se mostran claramente dependentes dos máis descarados intereses políticos e empresariais que ultimamente son, como os propios medios de comunicación, cambiantes e caprichosos.
Neste sentido, Galicia non é aínda Cataluña nin Madrid, nin inmensamente menos París, Roma, Washington, Nova York ou nin sequera Buenos Aires ou Bogotá, capitais de Latinoamérica nas que si se pode atopar nos quioscos algo que se aproxima á pluralidade informativa. Pensar o contrario é simplemente non saber o que se coce no mundo ou, pior aínda, negarse cerrilmente a entendelo.
E conste que eu case podo estar conforme con algunhas das bravatas que acaba de lanzar o editor de La Voz de Galicia. Efectivamente, a Santiago Rey cómprelle autoatribuirse o título de “unico” en España, pero non tanto nin como el se vanagloria. Dende logo, é o único empresario de prensa ao que non se lle coñecen actividades principais que non estean relacionadas coa edición. E isto, para min, é un mérito. Non sei se por ser da vella escola, son dos que boto de menos editores dedicados exclusivamente ao seu, a facer e distruibuir publicacións, e non a servirse dos seus conglomerados para facérense ricos influíndo na política e extendendo tentáculos cara a todas as actividades especulativas que poden, ladrillo e industria armamentística incluídos. Neste aspecto, eu sigo tendo como modelo a Katharine Graham, aquela inesquecíbel editora do Wahsington Post.
Admiro tamén a valentía que mostra ás veces Santiago Rey, como cando di agora que algunhas inicitavas empresariais que están a piques de sair ao mercado se cadra non son máis ca intentos de arrapañar as “subvencións monstruosas e relacionadas coa industria eólica”*, que algúns gobernantes seguramente están tan dispostos a conceder agora como antes o estivo Fraga precisamente con La Voz de Galicia e cos demais xornais galegos. Por que se sorprende tanto, logo, Santiago Rey? A min, coma el, tamén me sorprende que saian á luz “proxectos deste tipo cando todo o mundo está rozando a ruina, cae a publicidade e as vendas non van mellor”, pero aínda me sorprende máis que o editor de La Voz de Galicia tardase tanto tempo en adquirir conciencia destes asuntos.
De calquera xeito, alégrome de coincidir por fin con algo do que Santiago Rey expresa tan radicalmente. Eu tamén lamento “a inexistecia da cidadanía, que hoxe en día traga con todo, mesmo co espectáculo bochornoso da clase política”. E tamén lembro os tempos nos que aos xornalistas se nos tildaba de “incultos e canallas”, cando “hoxe eses adxectivos habería que aplicalos a moitos banqueiros, políticos e presidentes de clubes de fútbol”. En algo tiñamos que rematar póndonos de acordo Santiago Rey e máis eu. Pero non se confunda, don Santiago, que a nosa coincidencia seguramente é so pasaxeira.

*Segundo titula La Voz de Galicia, "San José utiliza parques eólicos que dice va a recibir de la Xunta para rnegociar su deuda con la banca"

viernes, diciembre 05, 2008

Revolucionando a conciencia

Esta é a segunda crónica que nos manda Iván Prado dende o Festiclown de Caracas.

Traballar con Leo Bassi é unha das experiencias máis intensas da miña vida artística; o caudal de ideas e o estourido de creatividade é interminable.
Chegamos á antiga praza de touros de Caracas, hoxe rebautizada como Plaza Nuevo Circo, unha ficha máis do taboleiro politico entre a revolución bolivariana e as forzas opositoras. A día de hoxe a batalla está entre os conservadores que queren que os touros regresen mentres que as forzas vivas do país esixen que sexa a sede da futura imprescindible escola nacional de circo. Noutra orde de cousas, as condicións escénicas para o “chou” de Leo non son as máis idóneas, así que “Maquinaria Leo” comeza a despregar un mundo de posibilidades que van desde entrar cun coche das favelas no coso taurino, lumes de artificio, béisbol con explosivos e un sin fin de posibilidades que sería cansado escribir nesta segunda crónica.
Enseguida convertimos a dificultade de facer un espectáculo intimista, dentro da gala de inauguración do festival internacional de circo, nunha praza onde o público está realmente lonxe do escenario. Ademais, este escenario vólvese nun laboratorio de ideas artísticas. Iniciamos os debates sen saber moi ben cal era o programa da gala pero, aínda así, Leo atopou como engarzar a súa nuclear presenza artística dentro dun programa que inclúe aéreos pallasos musicais, máscaras chinas e accións de lume.
Un banqueiro derrotado pola crise económica preséntase ante o público dando un discurso en contra do circo para acabar entregado a unha bacanal de accións circenses baixo unha música catártica e efectos lumínicos. Esta é a idea sobre a que estamos traballando horas antes de que comece a gala, sabedores de que como van os ritmos e o perigo da chuvia e é posible que teñamos que improvisar outras accións a ultima hora. Con Leo isto non é un gran problema. A súa capacidade para adaptarse a calquera situación é xa histórica.
Paralelamente ao traballo preparatorio do noso labor dentro do festival, asistimos ao foro de circo venezolano que está en marcha e onde Leo vai facer unha breve intervención para achegar a súa visión e mantermos contactos con xente de compañías e escolas de circo de Perú, Chile, Venezuela, e incluso Cuba. Con estes últimos imos intentar participar do seu traballo polas misións culturais socialistas. Quinientos artistas cubanos que levan circo, ópera, danza e teatro polas comunidades e rexións venezolanas dentro dun intercambio solidario entre os dous países, Venezuela achega barriles de petróleo e Cuba artistas de circo e pallasos, entre outros.
Nos próximos días agardamos atopármonos con xente do teatro social, e o movemento neo rural de Venezuela para ampliar a noso coñecemento da revolución en marcha, e posiblemente consigamos asistir a unha experiencia de circo social nunha das barriadas de Caracas onde un brasileiro co que contactamos está traballando para darlle unha opción, a través das artes circenses, á rapazada que pasa o día nas rúas.
Viñemos actuar dentro do festival, pero sobre todo a contactar cun proceso social que está a remover os alicerces de todo o continente americano, un lugar no mundo onde os soños de Bolívar se mezclan co petróleo, a figura de Chaves e a poesía revolucionaria latinoamericana e, no medio deste terremoto político, o circo vennos sementar a idea dun mundo utópico onde ata as leis da gravidade son cuestionadas.
Como reza o lema do Ministerio de Cultura venezuelano, revolucionando a conciencia.

Voces Ceibes






As voces de Galicia volveron a ceibárense na aula magna da Facultade de Medicina de Santiago. Corenta nos despois despois daquel festival inaugural de Voces Ceibes, que rematou cos corpos dos asistentes mallados pola Policía franquista, Benedito, Miro Casabella, Vicente Araguas, Xavier del Valle, Bibiano, Chuspe, Alfredo Conde e varios centos máis de nostálxicos do 68 celebramos aquel histórico acontecemento que precipitou o movemento máis comprometido da canción galega.
Xavier del Valle volveu a cantar en público. E fíxoo con tal forza e sensibilidade que nos deu que pensar a moitos na mágoa que foi que este intérprete non seguira no seu día unha traxectoria máis centrada na canción galega. Miro Casabella, que dicir de Casabella? Pois que segue a ser o único de todos que aínda canta como se fose Leo Ferré. Vicente Araguas, sempre na súa militancia poética e algo descreída. Bibiano, un rockeiro dos que nunca morren. Ata o académico Guillermo Rojo ou o profesoral Manuel Pombo parecían onte dous flósofos existencialistas dun Saint Germain des Prés xerminado en Compostela. E que estupenda resultou a declaración que enviou Xerardo Moscoso dende México. Por fin, alguén falou en republicano, que ata parece que agora todos somos monárquicos e vivimos no mellor dos mundos.
Faltaron á cita o rector, o presidente da Xunta e Vicente Araguas, presidente de Asturias, pero o último mandou ler un comunicado cheo de agarimo e conciencia política. En fin, que revivimos aqueles tempos nos quixemos botar abaixo a dentadura e remataton enterrándonos con case todos os molares.

jueves, diciembre 04, 2008

Escáchase a Capela Sixtina de Barcelò


Juan Gasparini, un arxentino antiguo corresponsábel dos fondos económicos do movemento guerrillero desenvolvido no seu país co nome de Montoneros, máis tarde protexido en Xenebra polo profesor universitario suizo, relator especial da ONU para o Dereito á Alimentación e ex deputado socialista Jean Ziegler, nunco estivo a piques de ser tan famoso como agora. Segundo acaba de publicar no xornal electrónico Tribune des Droits Humaines, que se publica en francés e inglés, a cúpula pintada polo artista español Miquel Barcelò para remodelar a sala do Consello de Dereitos do Home no pazo das Nacións Unidas xenebrino está caendo a cachos. Se isto se confirmase, Barcelò non vai camiño de converterse no Michele Angelo dos nosos tempos nin a súa obra vai poder compararse en nada coa Capela Sixtina do Vaticano.
Fontes da institución internacional afectada están tratando de desmentir a información de Gasparini, que insiste porén en que el mesmo puido colarse no referido lugar de Nacións Unidas e comprobar que un metro cadrado, polo menos, das pinturas da sala desprendéronse da bóveda na que a obra de Barcelò tentou dominar unha superficie de 1.500 metros cadrados pintando un onxunto que parece un pratiño voante que é, ao mesmo tempo, “mariño, rupestre e galáctico”, segundo o artista.
Gasparini tamén indica que Nacións Unidas tentou ocultar os acontecementos tapando as portas e prohibindo a entrada na sala e aproveita para lembrar que a obra realizada por Barcelò custou 20 millóns de euros que foron sufragados polo Goberno de España e por varias empresas españolas. O primeiro aportou 8 millóns e as empresas, o resto, ou sexa, 16 millóns. O autor da información tamén sostén que o goberno español utilizou 500.000 euros que pertencían ao fondo de axuda ao desenvolvemento dos países pobres para levar a cabo esta inversión. Aínda que Gasparini non sinala as empresas españolas que aportaron os 16 millóns, é sabido que foron Repsol, Telefónica e o Banco de Santander, principalmente.
Gasparini tamén sostén que, ademais destes custos, habería que sumar o aluguer da casa onde morou Miquel Barcelò todo o tempo que pasou en Xenebra mentres que pintou a bóveda. Trátase dunha casa situada na urbanización de Cologny, na que vive unha boa parte das grandes fortunas xenebrinas, onde os alugueres cómpre calculalos arredor de 15.000 francos suizos (10.000 euros) por mes, sen contar o que custou o cociñeiro francés que foi especialmete contratado para atender o artista.
Unha fonte do Servizo Técnico de Nacións Unidas, segundo o xornal electrónico no que publica Gasparini, apuntou a posibilidade de que o accidente sufrido na bóveda se deba ao calor acumulado na parte alta da sala e aos tipos de pintura utilizados. Porén, o xefe da obra levada a cabo, Daniel Starrenberger, refutou esa opinión durante unha visita de prensa organizada polos servizos informativos de Nacións Unidas na tarde do mércores pasado. Sábese que Barcelò precisou 35 toneladas desas pinturas.
A iniciativa de levar a cabo esta obra, que xa viña sendo acompañada pola polémica, xurdiu no 2005, a raíz dunha visita dos Reis de España ao pazo das Nacións Unidas, “para a alianza das civilizacións”, recollendo unha proposta de España e de Turquía feita no 2004. A idea foi logo retomada pola ONU “para reforzar o diálogo intercultural e superar a incomprensión, especialmente entre o mundo occidental e o islámico”. A nova sala foi rebautizada co nome dos Dereitos do Home e da Alianza das Civilizacións, unha idea que sempre é moi acariñada polo presidente español, Rodríguez Zapatero.
Falta agora por saber se este contratempo vai dificultar ou non a segunda inauguración oficial da sala (a primeira tivo lgar o pasado 12 de novembro coa asistencia do Rei de España e de Zapatero). Está anunciado un acto oficial de conmemoración do 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos e prevista a presencia do secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon.

miércoles, diciembre 03, 2008

Leo Bassi e Iván Prado en Venezuela

O clown-man galego Iván Prado atopouse co xenial italiano Leo Bassi no aeroporto de Barajas. Van camiño de Caracas, onde participarán os dous no Festiclown deste ano. Iván contánolo nesta crónica urxente.

Atopámonos na zona de embarque de Barajas e Leo chega acompañado da súa filla Liza. El pletórico, ela moi emocionada e eu nun estado de calma chicha. Semella que aínda non asumín que vou participar nunha aventura senlleira, das que a min me alimentan, o primeiro contacto do clown-bufón máis importante do noso tempo coa revolución bolivariana.
Apertas, bicos, as primeiras risas e unha breve explicación do noso itinerario. Participaremos no festival internacional de circo de Caracas, no que Bassi fará de presentador na gala oficial, impartirá un curso e actuará nunha das prazas emblemáticas da cidade. Polo de pronto, Liza e mais eu axudaremos na produción e no apartado técnico e segundo parece Leo ten previsto algunha aparición miña en escena.
Compartir escenario con el sempre é algo emocionante, xa sexa como presentador (coma cando fixemos a xira por Galicia contra o Prestige) ou como compañeiro de performance dentro da semana de filosofía de Pontevedra. Pero se ademais podes actuar, daquela, sen lugar a dúbidas a cousa gaña moito.
A miña historia con Leo vén de vello. De feito, o Festiclown débelle moito a este artista total, comprometido e irreverente. Lembro cando o coñecín no hall do teatro principal de Pontevedra, na primeria edición do festival hai case 10 anos. Sen coñecelo de nada saíume da alma darlle unha aperta en plan camaradas baixo a súa mirada de abraio. Entre esa aperta e este avión que nos leva a Venezuela houbo ceas, debates, viaxes en furgoneta ideando un show sobre Fraga, roldas de prensa e moitas horas nos camerinos de distintos teatros, e agora que o lembro, incluso un curso agridoce onde puiden recibir as ensinanzas deste mestre da comedia. Pero o que sempre me sorprendeu del foi a súa humanidade, brillante no intelectual e valente no contacto co mundo.
Non sei como é a cidade nin como será o festival, pero do que estou seguro é que imos vivir momentos históricos: o encontro da forza creativa de Leo coa beleza dunha revolución en marcha.

Teresa Táboas, outra noiva na Xunta

Mándame un lector esta mensaxe: “Unha consulta, non máis. Emilio, o fillo de Santiago Rey Fernández Latorre, é noivo, ou medio noivo, da Conselleira Táboas? Seica sí, ou polo menos, andan en pleno caramelo por Pontevedra. E tamén resulta que o Emilio ten certa querencia por investir cartos en empresas próximas ao BNG, concretamente en construción e seguridade."
Non é preciso dicir que Santiago Rey Fernández-Latorre é o presidente do grupo de empresas que edita La Voz de Galicia e que Emilio Rey Berguer é un dos seus fillos, precisamente o que comandou, co seu irmán Satiago, as empresas familiares na etapa que provocou a volta do seu pai á cabeza do Grupo Voz. Foi aquel un período empresarial moi convulso no que as ansias de expansión dos dous fillos de Santiago Rey levaron á compra doutros xornais en León e Madrid (Diario de León e Diario 16) e a un acelerado crecemento da cadea de emisoras de Radio Voz. Nese momento contemplaron tamén a compra dun importante xornal portugués que non chegaron a concretar.
Aquela etapa, porén, estivo a piques de rematar como o rosario da aurora, con algunhas noticias de cor rosa incluídas, referidas a noviazgos, separacións matrimoniais e novos matrimonios, e rematou coa reincorporación do patrón Santiago Rey ao pleno poder do grupo empresarial coruñés, que pasou a practicar unha política de negocios moito máis conservadora. A ruptura entre pai e fillos chegou a ser case total e implicou o cesamento de Xosé Luis Gómez como director de La Voz de Galicia. Curiosamente este último aparece agora como director dun novo xornal galego que algo ten que ver tamén co BNG.
En realidade as relacións de Emilio Rey Berguer coa formación nacionalista que cogoberna co PSdeG-PSOE son algo anteriores á súa suposta relación sentimental con Teresa Táboas, conselleira de Vivenda. No tempo en que el e o seu irmán controlaron La Voz de Galicia, Emilio mantivo boa relación co que daquela era o líder do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras. Porén, esa relación non seguiu medrando dende que Beiras caeu en desgraza no BNG.
O caso fi que Santiago Rey Berguer, como vicepresidente, e Emilio Rey Berguer, como conselleiro delegado, conduciron no seu tempo o Grupo La Voz de Galicia a unha delicada situación económica que o seu pai, Santiago Rey Fernández-Latorre, quixo atallar botándoos fóra da empresa. Con eles foise, ademais de Xosé Luis Gómez, o daquela director xeral de La Voz de Galicia, Xoaquín Evia, un executivo que proviña da Policía Nacional e que logo continuou facendo negocios cos dous irmáns Rey. De aí, probabelmente, que agora anden en empresas de seguridade como di o meu comunicante.

domingo, noviembre 30, 2008

Bragado e Arume dos Piñeiros contan a homenaxe a Valcárcel







Manuel Bragado
, en Faro de Vigo, e Arume dos Piñeiros, no seu Arumes, ofrecen hoxe dúas boas crónicas da homenaxe que lle foi ofrecida onte en Ourense a Marcos Valcácel.

sábado, noviembre 29, 2008

Marcos Valcárcel


Esta tarde, en Ourense, Marcos Valcárcel recibirá a homenaxe que tanto merece por moitas e variadas razóns. Presentará o seu libro Historia de Ourense e reunírase a cear con amigos e admiradores que chegarán de toda Galicia e mesmo de fóra. Coido que eu non vou asistir físicamente. O tempo e as témporas téñenme amorriñado e non ando con forzas de sobra para meterme na boca dun inverno que caeu enriba de min como un témpano despois de vivir as últimas semanas no verán adiantado de Arxentina.
Asistirei, dende logo, de corazón e de espíritu. Aínda que só fose por ser o motor da esplendorosa ventá aberta que é o seu blog As uvas na solaina, Marcos Valcárcel é merecedor da miña solidariedade e da miña admiración nun día como o que hoxe está a vivir. Sen contar, ademais, os outros méritos de nacionalista competete, historiador e docente que adornan a personalidade do homenaxeado.
Marcos está a vivir, por outra parte, un dos momentos difíciles da súa vida por ter que enfrontar unha grave enfermidade semellante á que padece o científico británico Stephen Hawking. Amigos comúns cóntanme que a súa vontade de superación é case infinita e, gazas a ela e os avances médicos que están a producirse precisamente nestes momentos, Marcos Valcárcel seguirá sendo a figura senlleira do galeguismo crítico e progresista que representa.
Tiven máis dunha vez algunhas diferenzas ideolóxicas e interpretativas coa alma mater das Uvas na solaina, pero nunca pechei os ollos para ver e admirar cordialmente o incansábel labor de quen, coma Valcárcel, traballa arreo e intelixentemente pola súa terra, as súas xentes, a súa cultura e o seu mediomabiente. Marcos, por dicilo cunha palabra pasada de moda, é un home comprometido, un auténtico engagé se houbera que seguir a terminoloxía sartriana, e por iso eu admíroo máis aínda. Por tratarse de alguén que non mira para o o lado senon dunha persoa que sabe e quere ser do seu tempo e do seu país.
Por todo isto e por moito máis, como dixo Bragado no seu Brétemas, hoxe todos estamos con Marcos Valcárcel.