jueves, octubre 07, 2010

Ouriños verdes

Hai urxencias que a próstata non perdoa, vístase un de verde ou de colorado. O da foto pillárono nas patacas, ou sexa, vertendo augas coma calquera humano e sen importarlle a ordenación legal vixente, que ata prevé multas para estes casos. Por que será que a fisioloxía iguala tanto aos de Laíño cos de Lestrove e aos de Troia cos de Heracles? Só lle faltou alguén que lle cantase: Ouriños veñen, ouriños veñen, ouriños veñen e van...

Anda que ti

Non hai como ter prensa libre (unha ilusión) para ver a realidade reflexada nos xornais. Os trapos sucios dos medios de comunicación rara vez saían antes á luz do sol. Xa se sabe, os cans non comen carne de can. Pero agora algo é distinto. Hoxe La Voz de Galicia informa de que houbo un novo peche dos traballadores de A Nosa Terra, esta vez na sede de Xornal de Galicia, que tamén é propiedade de Xacinto Rey, e Xornal de Galicia conta que os empregados de La Voz de Galicia denuncian o intento do diario de recortar salarios e dereitos. Empeza a ser como cando eramos cativos: ti es parvo, pois anda que ti.

martes, octubre 05, 2010

Inmunda escoria en Madrid

Como sei que me len a diario en Madrid, permítome lembrarlles aos meus amigos da caipial que Ricardo Gurriarán presenta este xoves, 7 de outubro, o seu libro Inmunda escoria, ás sete e media da tarde, en Blanquerna Centre Cultural, que está en Alcalá, 44.
Xuntamente co autor, falarán Xosé María Calviño, Ezequiel Méndez e Fermín Bouza.

lunes, octubre 04, 2010

Un tal Gómez

Seguín onte con moito interese as eleccións internas que levaron a Tomás Gómez a desempeñar un rol importantísimo para a futura socialdemocracia española e que, sen dúbida, conducen a Zapatero á derradeira fase da súa agonía política. Sen que me fose nada persoal na lide, alegreime enormemente polo resultado favorábel que logrou o ex alcade de Parla (Madrid), polo que significa de política apegada aos feitos reais, á militancia política básica e e ás maneiras sinxelas e directas de abordar a realidade, moi lonxe da política de pasarela e entreguismo cara a que viraron Zapatero e os seus magníficos e magníficas nos últimos tempos.
Non hai máis ca ver como viste, como fala e como se comporta en xeral Tomás Gómez para decatarse de que empezaron a rematar no PSOE o nefasto look Vogue e a filosofía da rúa Serrano que estivo probablemente a piques de devolver o partido de Pablo Iglesias a outros cen anos de vacacións. A min paréceme, neste sentido, que Gómez é a gran esperanza da socialdemocracia española, o líder que pode mandar a Zapatero aos cuarteis de inverno nos que debe rematar a súa incomprensíbel e perniciosa deriva neoliberal e a insultante falta de escrúpulos e de coherencia que mostrou dende que o mundo entrou en crise.
Non sei se Gómez logrará desprazar á dereitista Esperanza Aguirre da presidencia do goberno autónomo madrileño, pero sería bo que o fixese. Entre outras cousas, para que puidese ser o sucesor que Zapatero non precisa, pero si necesita e moito a sociedade española. Zapatero empezou sendo un Gómez calquera e rematou parecéndose a Sarkossy e a Berlusconi. A min Tomás Gómez lémbrame máis a Tierno Galván, a Mitterand ou mesmo a Olof Palme. Que teña unha boa viaxe de ida, e que Zapatero saiba facer como debe a súa de volta (a ningures seguramente). E que leve con el a Xosé Blanco e a Alfredo Pérez Rubalcaba.