lunes, septiembre 27, 2010

Unha felación case nula

Un lapsus teno calquera. Mesmo se se é ex ministra de Xustiza e eurodeputada francesa, pero o que acaba de cometer Rachida Dati, falando en Canal+ de Francia, é dos que erguen o sorriso ata as orellas. Tratando de expresar as súas ideas sobre unha hipotética "rendabilidade financeira excesiva" das empresas, referiuse a "cando se pide un 20 ou un 25 por cento cunha felación case nula".
Parece ser que quixo dicir "cunha inflación case nula". ¿En que estaría pensando? Non sería en José María Aznar, co que foi relacionada sentimentalmente algunha vez, ata o punto de dicirse que podía ser o pai do seu fillo. O caso é que a faelatio de Rachida Dati está dando moito que falar, e non só en París.
Premer aquí para ver o video.

Todos á folga

A piques de iniciar unha das miñas desexadas outonías na Bretaña francesa, pedín vez nun concesionario de coches en Santiago para que me revisen o sistema de calefacción do meu automóvil. Isto sucedeu a semana pasada, e déronme cita para o mércores 29 de setembro. Hoxe pola mañá chamáronme para mudarme a quenda. “Non imos poder atendelo o mércores porque é día de folga”, dixéronme a modo de xustificación.
Non faltaba máis. Alegreime enormemente. É un bo síntoma. Algo está a moverse nesta España que empezaron a podrecer Zapatero e o capitalismo salvaxe. Nunca coma agora foi tan necesario que vaiamos ás barricadas e aos parapetos contra unha reforma laboral e social perpetrada contra aos traballadores por unha socialdemocracia que goberna só para os ricos e para os explotadores. Ou sexa, para os de sempre. E coma sempre.

sábado, septiembre 25, 2010

O descambiado dos ricos

Xa o dí ata o xornal máis da corda de Zapatero, Público, que hoxe titula a súa primeira a cinco columnas con esta frase: “El Gobierno pide calderilla a las rentas altas”. A nova tributación será do 44 por cento para os que cobren máis de 120.000 euros e do 45 por cento para os salarios que pasen de 175.000 euros. Os que gañan 150.000 só pagarán arredor de 25 euros máis ao mes. Como di o dircetor do citado xornal, Xesús Maraña, “los ricos temblarán (de risa)”.

miércoles, septiembre 22, 2010

Socialistas de Milton Friedman

Os socialdemócratas españois andan alporizadamente defendendo a reforma laboral imposta por Zapatero dicindo, entre outras trapalladas indignas de recibo, que hai que navegar seguindo o vento do sistema. Algúns, coma o egrexio escritor Perozo, intelectual orgánico onde os haxa, ata chega a confesar que quen goberna non son os gobernantes propiamente ditos senón os poderes fácticos, a banca, as multinacionais, a globalización, etc. Coido que son maneiras de botar a pelota fóra do campo de xogo. Quen firma no BOE non son os presidentes do Santander ou do Bilbao senón o presidente do Goberno, os seus ministros e as súas monequiñas (Frankfurter Allgemeine Zeitung dixit).
Debería caerlles a cara de vergonza á maior parte destes turiferarios se lesen hoxe Le Monde, xonal no que se informa de que Martine Aubry, alcaldesa de Lille e primeira secretaria do Partido Socialista Francés, sostén que a xubilación dos franceses aos 60 anos aínda non está morta. Respecto á nova manifestación contra a reforma que está tratando de impoñer Sarkossy, a de atrasar a xubilación ata os 62 anos, que vai ter lugar o 23 de outubro, Martine Aubry manifestou que chama “a todos para mañá, podemos facer que recúen o presidente da República e o goberno e atopar o camiño dunha República sa, xusta e que prepare o porvir”. Nada que ver coas mensaxes dos autochamados socialistas españois, absolutamente alienados polo seu entreguismo incondicional aos intereses do capital e da globalización dereitizante. Nunca puido soñar Milton Friedman que os herdeiros españois da Segunda Internacional ían rematar sendo os mellores intérpretes das súas ideas.
O liberal conservador Sarkossy confórmase con retrasar a idade de xubilación dende os 60 anos actuais en Francia aos 62. O socialdemócrata Zapatero quere ampliala ata os 67 en España. Empeza un a non entender o que está a pasar. ¿Será o mundo ao revés?

lunes, septiembre 20, 2010

O haiga de Méndez

Ducias e ducias dos traballadores da entidade bancaria resultande da fusión de Caixa Galicia e Caixanova perderán dentro de poco os sus postos de traballo. Tamén o perdeu o ata agora director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, que decidiu xubilarse o 11 desde mes, data na que cumpriu 65 anos. Non son, porén, os dous casos fariña do mesmo fardel.
En realidade, a Méndez non o mandaron para casa como van mandar os que lles van sobrar no cadro de personal da nova caixa de aforros galega. Agora preside a Fundación Caixa Galicia-Claudio Sanmartín, con dereito –entre outras cousas– a ser transportado por un chófer no luxosísimo Audi A8W12-4, que se ve na fotografía, e con vista gorda para aparcar nas zonas prohibidas, como cando viaxa a Santiago e aparca diantre do edificio de Correos (ver a mesma foto).
O tal bólido é o automóvil máis luxoso, grande e potente da famosa marca alemana. Unha berlina de representación propia de xefes de Estado. Doce cilindros con 450 cabalos (6.299 c.c.) de potencia que lle permiten correr a 250 quilómetros por hora sen ningunha dificultade. Iso si, a costa de consumir máis de 15 litros de gasolina cada 100 quilómetros. Se algún dos traballadores que van botar da nova Caixa quere comprar un igual, xa non lle quedan anos para xuntar o prezo mínimo de 130.000 euros que hai que pagar por este coche.
Aínda en época de crise, hai xubilados e xubilados. Parados e parados. Despedidos e despedidos. É o capitalismo da nosa época.

sábado, septiembre 18, 2010

Non lle pidais diñeiro a un banqueiro

Retirouse (só a medias) o director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e, namais facelo, o primeiro que fixo foi comprar varios billetes de lotería e pronunciar unha frase cargada de sentido: “Non lle pidais diñeiro a un banqueiro”. Parece unha suxestiva metáfora dos tempos que corren.

viernes, septiembre 17, 2010

A política dos Pinochos

Xa non é só no campo da política social e económica internas senón tamén na súa política exterior e, moi particularmente nas relacións europeas. O presidente do goberno español, Xosé Luis Rodríguez Zapatero, parece cada vez máis un líder en declive que camiña cara o esquecemento total dos principios que inicialmente inspiraron a súa ideoloxía a e a súa forma de gobernar. O apoio practicamente incondicional que onte lle prestou en Bruxelas ao presidente francés, Nicolas Sarkossy, pola expulsión de xitanos rumanos, roza preocupantemente a desvergonza dun gobernante socialista.
Zapatero adoptou unha postura totalmente contraria á que sosteñen os socialistas franceses, que coinciden máis ou menos co que dixo da política de Sarkossy a vicepresidenta da Comisión Europea e presidenta da Comisión de Xustiza, a luxemburguesa Vivianne Reding, sobre a expulsión de xitanos manifestándose preocupada persoalmente “polas circunstancias que dan a impresión de que hai persoas que son expulsadas dun Estado membro xusto porque pertenecen a unha minoría étnica”,  e pensando que “Europa non sería nunca máis testemuña deste de tipo situación despois da Segunda Guerra Mundial”.
A dependencia de Zapatero respecto a Sarkossy, a quen lle debe favores non só na política antiterrorista relacionada con Eta, senón tamén no que se refire á súa pertenencia ao G20, por exemplo, é sobradamente coñecida, pero non abonda para comprender o aplauso que lle acaba de dedicar o presidente español a un dos comportamentos institucionais europeos máis preocupantes en suposta xenofobia gobernamental. O líder socialista español colocouse, neste campo, máis preto de Berlusconi e de Sarkossy que de calquera figura do socialismo europeo. Se Xosé María Aznar tivo a súa foto dos Azores, Zapatero xa ten a súa escena de sofá coa dereita europea. Sarkossy busca coa súa polémica política xenófoba roubarlle votos á extrema dereita de Le Pen. ¿Que é o que pensa Zapatero que vai gañar acercándose a ela?
Parece ser que entre o presidente francés e o español hai actualmente unha empatía particular. Se cadra é porque os dous son especialistas en contar a cara das cousas que máis lles conveñen. Un exemplo: Sarkosy dixo o xoves pasado en Bruxelas que falara longamente con Angela Merkel e que a chanceleira alemana lle indicara “a súa vontade de proceder nas próximas semanas á evacuación de campos”. Só poucas horas máis tarde, Berlín deuse presa en difundir unha declaración desmentindo categoricamente ao presidente francés con estas palabras: “A chanceleira Merkel non falou, nin a raíz do Consello Europeo nin en entrevistas á marxe do Consello, co presidente francés Sarkossy de pretendidos campos de xitanos en Alemania, e, en ningún caso, da súa evacuación”.
¿A quen lle está medrando a prominencia da cara, coma Pinocho, en París e en Madrid?

lunes, septiembre 13, 2010

Gratis e non amore

Unha festa familiar alonxoume de Santiago o sábado pasado. Perdín, polo tanto, o directo do concerto de Carlos Núñez-Paddy Moloney-The Chieftains. Á miña volta, o domingo pola noite, vin e escoitei o diferido que emitiu a TVG e quedei admiradísimo. Aquilo era a música, a arte, Galicia e o mundo. Tanto me asombrou que estiven a piques de escribir aquí, aquela mesma noite, que por fin había algo da Xunta de Galicia que podía aplaudir ata romperme os dedos. Isto é o que ten que facer un goberno galego que se preze: organizar un concerto tan bo coma este, ofrecelo gratis e difundilo debidamente pola televisión pública.
Menos mal que non caín na tentación. Quizais foi un sexto sentido o que me fixo reaccionar inconscientemente como se todo o que vira e oíra fose demasiado bonito para ser certo. Efectivamente e segundo leo hoxe en La Voz de Galicia, os da Xunta, os do Xacobeo ou os que fosen cagárona coma case sempre, ata o extremo de estaren a piques de fare un casino de campionato. ¿Por que será que nunca podemos facer nada rematadamente ben?
Di Nacho Mirás nas páxinas do citado xornal que “en el concierto que Carlos Núñez, la Sinfónica de Galicia y The Chiftains protagonizaron la noche del sábado en el Obradoiro –un espacio que pertenece a la Humanidad– sobraba el generoso acotado VIP al que sólo se podía acceder por invitación”,  e que habería que reformar “el sistema de castas en las convocatorias que se presentan como gratuítas”. Debeu ser moi gorda a cousa para que un periódico que exerce habitualmente de botafumeiro do goberno de turno –sempre que non estea encabezado por Zapatero– arremeta como arremete contra o abuso de poder dos que organizaron un concerto que se presentou como gratis e para o público.

miércoles, septiembre 08, 2010

¿Ten a princesa Leticia un pasado escuro?


“De boca en boca, chismes, noticias de farándula. Destapan oscuro pasado de la princesa Letizia”. Así titula a prestixiosa revista colombiana Semana o breve que publica sobre a aparición en España do libro de Isidre Cunill Una republicana en la corte de Juan Carlos I, publicado pola editorial Chronica que dirixe un Rafael Martín Villa que non ten nada que ver co famoso alto cargo de Franco e ex ministro de Adolfo Suárez.
“Problemas con la ley por drogas y un aborto son partes de los secretos más oscuros de Letizia Ortiz, que ahora salen a la luz pública gracias a este libro”, segue dicindo o semanario de Bogotá, que sostén que este libro “podería sacudir a la Casa Real española, por los reveladores relatos sobre la libertina juventud de la princesa”.
Semana engade que “aunque toda Europa está a la espera de que la publicación salga a la venta, se teme que ésta podría ser vetada, como sucedió con el libro de Alonso Guerrero, primer esposo de la futura reina de España”. En principio, de vetada nada. tal como acabo de comprobar, este libro pódese comprar actualmente na web da FNAC por 20 euros máis 6,46 euros de gastos de envío. Outra cousa pode ser que na Casa Real non lles guste nada a aparición deste volume ou que aínda non se decataran de que vai o asunto.
De entrada e á espera de poder lelo pronto, hai varias cousas que me fan pensar que o ruxido do río non debe er porque leve moita auga. Isidre Cunill é un controvertido escritor catalán que é máis coñecido porver o seu nome nos editos xudicias e nas resolucións administrativas que por escribir El Quijote. No 2007, o Xulgado do Social número 23 de Barcelona declarouno insolvente total sobre unha reclamación de cantidade por importe de 10.588,89 euros que lle fixeron Antonio Ribalta Sistero e o Gabinete Xurídico de CC.OO. Un ano despois, en xulio de 2008, a subdelegada do Goberno en Barcelona, Montserrat García Llovera, resolveu negativamente a expedición da licenza de armas de tipo E que solicitara Isidre Cunill. ¿Para que querería unha licenza de armas un escritor de libros escandalosos?
A editorial que lle publica o libro sobre a Princesa de España, Chronica, era ata agora unha perfecta descoñecida aínda que xa tiña publicado outras obras tamén controvertidas, como El nuevo orden mundial, do ultradereitista Manuel Galiana.
En fin, que seguramente non estamos máis que diante dunha serpe de outono, xa que as de verán xa volveron ás súas covachas. Iso si, dará algo que falar seguramente. Segundo o semanario colombiano citado, “el libro que se lanza esta semana, retrata a una Letizia republicana y atea, que probablemente no habría sido nunca bautizada, hecho que podría explicar por qué su primer matriomonio fue sólo una boda civil”. O autor tamén sostén que a Princesa lévase a matar co seu sogro, o Rei de España, e que exerce unha enorme influenza sobre o seu home.

martes, septiembre 07, 2010

Chiscadela de Feijóo

¿Comerán o turrón todos os conselleiros da Xunta de Galicia sen seren antes descabalgados por Feijóo dos postos que ocupan actualmente? Hai quen di que non, polo menos no que se refire a dous casos. E, se ao turrón aínda poden chegar, o máis seguro é que dificilmente acaden a noite de Reis ou o San Xiao.
O presidente da Xunta, definitivamente centrado no seu papel de gobernante galego e alonxado, como dixo Rajoy, das quinielas dun posíbel e futuro goberno de dereitas que se poda estabrecer no Estado, estaría valorando moi seriamente as posibilidades de incorporar as suxestións que lle están a facer dende dentro do seu propio partido para recuperar canto antes o “galeguismo” que perdeu o PP coa desaparición de Manuel Fraga do poder.
O primeiro golpe de timón levaría por diante a dous conselleiros e a práctica totalidade dos seus equipos. O de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. O presidente estaría estudiando a conveniencia de refundir ambas consellerías nun só departamento para o que xa estaría buscando un “merlo branco” que o encabezase. Entraría no posíbel que algunhas competencias recollidas actualmente pola Consellería de Cultura pasasen a formar parte doutros departamentos da Xunta. Podían ser, por exemplo, as de xestión do Patrimonio.
Con estas medidas, Feijóo trataría de aplicar os seus coñecidos principios de austeridade administrativa en tempos de crise e chiscaríalle o ollo aos que, mesmo dende o interior do seu partido, estanlle reclamando unha volta estratéxica ou polo menos táctica ao galeguismo.
Verase de aquí a seis meses.

lunes, septiembre 06, 2010

O derradeiro mohicano

Polo visto, agora veñen intelectuais coma Manuel Rivas, Suso de Toro, Ramón Chao, Ignacio Ramonet e algúns máis salvar os medios de comunicación en galego. Quizais aínda non se decataron do que podían ter feito antes de agora o que nunca fixeron por eses medios e que seguramente xa é tarde para que o fagan. ¿Cantas veces apoiaron, por exemplo, desinteresada e xenerosamente, o desenvolvemento deses medios sen veren neles unha ferramenta máis do cultivo dos seus intereses? É unha pregunta, non é un pronunzamento.
 Na nómina dos defensores do idioma e da cultura galegos empeza a ser hora de dicir que hai moito trigo, pero tamén a palla correspondente a cada cosecha. É unha desgraza que morran medios coma histórica A Nosa Terra ou coma o moderno Vieiros, por non citar outros defuntos, pero se cadra poderiámonos preguntar que fixeron polo sostenemento deses mass media algúns dos que agora se están sumando ao dies irae –que non ao resquiast in pace– da súa morte. Somos un país pequeno e coñecémonos todos de sobra. E unha das sobras que nos sobran é a dos que se apuntan sempre ao dejà vu e non están endexamais no préavi.
Sorpréndense coa mesma razón coa que me sorprendo eu de que o goberno dun parvenu –desculpen que me dea hoxe polo afrancensamento– coma Feijóo lle pete por mexar pola cultura galega e nos pida, ademais, que pensemos que está chovendo, pero quizais tiñan que ter aberto os paraugas antes de agora. Non hai pior molladura ca que nos que nos pilla desprevenidos nin pior resfriado co que nos agarra sen aspirinas nin chimenea na que agochármonos. ¿E que leña aportaron eles para quentar ese lume? Disimulen, pero é un debate que na miña opinión está por facerse.
A culpa de que morran os medios de comunicación auténticamente galegos –A nosa Terra é o derradeiro mohicano– non é só de Feijóo, nin do goberno galego nin do PP. É miña. É vosa. É de todos. Incluídos os que agora asinan ese descargo de conciencia, comprendidos o empresario de éxito Xacinto Rey, os xestores da empresa, os lectores e os anunciantes, é dicir, esa clase media empresarial galega que aínda non se decataou de que é unha sardiña que a penas comenzou a trabar no rabo. Só cando nos decatemos en serio de que isto é así poderemos empezar a pensar en que podemos ter medios de comunicación propiamente nosos. Mentres tanto, o mellor do mellor (miel sobre hojuelas) para Santiago Rey. ¿Que queren que lles diga máis?

jueves, septiembre 02, 2010

A Nosa Terra

Corren malos tempos para os xornalismo galego. Hai poucas semanas caeu Vieiros, pechou Chuza ao mesmo tempo e agora tocoulle a A Nosa Terra abandonar os quioscos. Parece unha maldición que xa nos ven dos tempos de Chan e de Teima.
O caso de A Nosa Terra é, sen dúbida, o máis significativo. Que unha publicación histórica cargada de resonancias teña que pechar a súa edición en papel por desleixo dos gobernantes e abandono dos lectores e dos anunciantes debería merecer unha reflexión a fondo que incluíse a responsabilidade do empresario do ladrillo, Xacinto Rey, que tivo nas súas mans os últimos pasos da publicación nacionalista.
Esta reflexión debería tamén pasar polas cabezas dos dirixentes políticos galeguistas (PSdeG e BNG) que sempre viven máis pendientes das páxinas de La Voz de Galicia que do que poda acontecer fóra do xornal de Santiago Rey.
A min, que me sentín moi a gusto formando parte da Redacción de A Nosa Terra durante os derradeiros cinco anos da miña vida profesional activa, magóame profundamente ver o que está a pasar coa Prensa galega. Vaian para Alfonso Eiré, Manuel Veiga, Xan Carballa e todos os meus antigos compañeiros de oficio a miña solidariedade e o meu cariño.

miércoles, septiembre 01, 2010

Bomob, de gacela a tartaruga

Oito traballadores da empresa de mobiliario Bomob del Atlántico, S.A., de A Coruña (sede na praza de Ourense), demandárona por suposto despido improcedente e esixen que a súa patronal lles abone os catro meses atrasados que lles debe. Outros 40 empregados da mesma firma xa foran despedidos unilateralmente hai máis dun ano e aínda non cobraron as liquidacións que lles corresponden. Bomob está actualmente en concurso de acreedores.
Porén, aínda non hai moito que a empresa aparecía incluída no Proxecto Gacela do Directorio de Empresas de Galicia (ARDAN), que publica o Consorcio Zona Franca de Vigo, na que aparecía coa máxima de que “non hai que dar máis do mesmo” e como unha empresa “especializada en creación, distribución e venda de móbeis de deseño de gama media alta”, dirixida por Andrés Mesías Barcia (na fotografía), enxeñeiro técnico asociado con Xosé Prada Muradás, director xerente de Tranvías de A Coruña. Mesías exerceu tamén a dirección creativa da empresa. Creada en 1997, Pomob deseñou e instalou durante os últimos anos os móbeis das tendas da firma textil Caramelo, na actualidade tamén en quebra.
Os traballadores afectados fixeron saber a Croques a súa disconformidade coa información que pubricou, case escondida e –segundo eles– deturpada, La Voz de Galicia sobre o seu caso. Segundo indican, “a empresa pasou tamén por un ERE temporal que apoiaron os empregados, pero que serviu de pouco. Actualmente a situación é insostíbel pola falta de traballo e de acordo”.