lunes, febrero 28, 2011

Suzanne Rotolo, a primeira musa de Bob Dylan

Seguramente o amigo Vicente Araguas xa o sabe: o 24 de febreiro, é dicir, hai catro días, faleceu en Nova York Suzannne Rotolo, a primeira musa de Bob Dylan, a belísima rapaza que introduciu o famoso cantautor nas ideas e na cultura pogresista da cidade dos rañaceos.
Suzanne era filla dunha xornalista italiana que traballaba para a edición americana do xornal comunista L’Unità e coñeceu a Bob Dylan cando este se trasladou do seu Duluth (Minessota) orixinal. Falándolle de Picaso e de Cezanne e léndolle a poesía maldita de Rimbaud, foino introducindo na contracultura de esquerdas de Nova York, de paso que se foron enamorando. Daquel encontro Dylan gardou esta lembranza: “Era (Suzanne) o máis erótico que que tiña visto. Coñecela foi entrar nos contos de de As mil e unha noites. Comenzamos a falar e a miña cabeza empezou a dar voltas”.
Os dous viviron xuntos nun pequeno apartamento da West 4th Street, pero en 1962 Suzanne acompañou a súa nai nunha longa viaxe a Italia, onde fora convidada pola Universidade de Perugia. Bob Dylan ficou daquela “só e desconsolado” e dedicoulle unha canción:  Tomorrow is a long time (mañá é demasiado lonxe).
Ao regresar Suzanne de Italia no 1963, os dous posaron xuntos para o fotógrafo da casa de discos do cantautor. Unha desas fotos  aparece na carátula do segundo album grabado por Dylan, The freewheelin, e tres anos despois xa se separaron: Bob Dylan caera nos brazos de Joan Baez.
Suzanne Rotolo seguiu sendo unha activista de esquerdas, ata o punto de viaxar a Cuba para defender o réxime de Fidel Castro, e, casada logo cun italiano, viviu sempre no Village de Nova York, onde gañaba a vida facendo ilustracións e exercendo de profesora. Tardou moito en falar da súa relación con Dylan, pero rematou facéndoo para o documental de Martin Scorsese No directions home e no libro de memorias que publicou, A Freewheelin time: A memoir in Greenwich Village in the sixties.

viernes, febrero 25, 2011

A "haima" de Gaddafi


Agora que Muammar al-Gaddafi está caendo na súa definitiva desgraza, que conleva á morte a milleiros de persoas, quizais é necesario lembrar a connivencia extrema que toda Europa e tamén os Estados Unidos dos últimos tempos viñeron mantendo co réxime do defitinitivamente triste e dramático réxime do coronel –xeneral no escalafón militar– libio.
Cando Gadaffi levou a cabo a súa última –esperemos que tamén sexa a derradeira– xira trunfal europea, no ano 2007, o daquela presidente do Goberno español, Xosé María Aznar, o rei de España e todo tipo de autoridades públicas e dirixentes empresariais españois perderon o cú por perseonárense na famosa “haima”, coa que sempre se facía acompañar o ditador libio cando visitaba países estranxeiros. En Madrid foi instalada nos xardíns do palacio de El Pardo (residencia dos xefes de Estado cando están de visita oficial en España) e, en Sevilla, a súa célebre tenda bereber ocupou sesenta metros cadrados da Hacienda La Boticaria de Alcalá de Guadaira. Polos dous sitios desflaron todo tipo de autoridades e representantes empresariais españois.
Pouco antes, en París, o antroido gadaffiano foi semellante. Neste caso a “haima” instalouse nos xardíns do hotel Marugny, residencia oficial dos invitados de Estado, e por ela desfilaron Sarkozy, presidente da República, e outras autoridades francesas. Segundo parece, Gaddafi facíase acompañar pola súa “haima” nun acto reflexo das súas orixes bereberes (pertenece á tribo dos gaddafa e el mesmo naceu na cidde desértica de Sirte), pero tamén como unha reacción instintiva de facer que pasen polo seu aro todos os que queren negociar algo con el. Nestas visitas, Gaddafi acsotumaba mobilizar, ademais da “haima”, cinco avións, nove autobuses para o persoal, 20 berlinas, un camelo e abondantes ovellas que eran sacrificadas nos propios hoteis nos que se aloxaba.
Porén, o caso maís significativo aínda ocorreu na Roma do cavaliere Berlusconi na visita de Gaddafi a Italia, na que o Goberno anfitrión permitiu que se instalase a “haima” ocupando unha superficie pública do parque Doria Pamphilj do famoso Gianicolo. Durante varios días, “para satisfacer os caprichos narcisistas dun ditador”, como acaba de sinalar o xornal La Repubblica nun dos seus editoriais.
Agás nos Estados Unidos, onde Gaddafi non puido chantar a súa tenda no sitio que lle petase, a famosa  e simbólica “haima” ocupou terreos públicos e privados como lle deu a gana ao ditador libio. Cando Gaddafi visitou a sede das Nacións Unidas en Nova York tamén quixo levantar a súa tenda, pero non lle deixaron. Mesmo tivo que desmontala logo de que o millonario Donald Trump lle deixara poñela nunha das súas fincas privadas.
En fin, que é de supoñer que a moitos gobernantes uropeos –e non só– estarán empezando a caerlles as caras de vergonza cando ven para que se empregan as armas que lle venderon a Gaddafi e os negocios que tanto se empeñaron en facer con el. Incluídos os galegos. Ou non se lembra ninguén das pasadas relacións da nosa industria conserveira, por exemplo, e doutras actividades co autor do Libro Verde?

miércoles, febrero 23, 2011

Holocausto en Libia

O conflito de Libia é definitiva e extremosamente alarmante. Segundo está difundido a televisión árabe Al Arabiya, só na capital, Trípoli, o número de mortos xa supera a cifra de 10.000 vítimas e o total de feridos aproxímase a 50.000. Polo país adiante están empezando a proliferar a fosas comúns.
De seren certas estas noticias, o que pasa é que estamos asistindo impávidos ao maior holocausto dos últimos tempos. Todo está a resultar inconcevíbel. Incluído que o ditador Gadafi acabe de ordenar ao seu Exécito sabotear os oleodutos. E Europa que fai? De momento, o ministro de Asuntos Exteriores de Italia, Franco Frattini, dicir que hai que "evitar a deriva fundamentalista". E a verdadeira deriva, a dos crimes que está cometendo o réxime de Gadafi, que?

Impresionante este video sobre as fosas comúns nas que están enterrando as vítimas da represión, que se pode ver premendo aquí.

viernes, febrero 04, 2011

Galicia –e xustiza– profunda

Un dos poucos lectores que me van quedando escribiume dicindo que o que publiquei sobre o crime de Sober “parece que o firma Belén Esteban”. Lamento non poder contradicilio pola sinxela razón de que eu case non sei quen é Belén Esteban. Non sigo nin de cerca nin de lonxe o que tal esperpéntico personaxe da mediocridade mediática española representa nin quero sabelo. Un, a certas alturas da súa vida, ten o privilexio de escoller a auga bendita coa que quere confirmarse.
Tamén me pregunta dito comunicante que entendo eu por Galicia profunda. E que vou entender? Pois talmente o que é. Os homes e as mulleres, as cousas, as paisaxes e as circunstancias que foron deixadas pola man de tódolos deuses aquí e acolá. En Galicia, en Castela, en Arizona, na Alsacia, na Bretaña, en Baviera, en Catania e no Chan de Amoeiro.
Eempezaba a ter claro que o caso do Chucán era un síntoma máis do que nos pasa –diga Xosé Luís Barreiro o que lle pete dicir nos seus artigos maxestosos de La Voz de Galicia–, pero aínda me faltaba por saber que pasaron tres anos de instrucción xudicial deste caso que vai camiño da fama sen que ninguén lle fixese un informe psiquiátrico a Xosé Carnero, agora xa definitivamente carne de retelladores mentais. Tivo que intervir un xornalista botado para diante –o que lle fixo a entrevista que obriga a revisar o seu caso– para que andemos replantexándonos o que andamos replantexándonos. A Barreiro pódelle parecer un caso máis de libro, pero a min polo menos o que me parece é un alarmante síntoma da mala administración de xustiza. Se cadra non ten importancia. Se cadra hai tantos...
Sexa como for, a min chócanme as palabras do fiscal que se ocupou do caso, Javier Rey. Analicen a seguinte frase pronunciada por el: “Non teceu nin catro respostas seguidas; non serve para aclarar nada, pero está na normalidade de coeficiente intelectual porque razona perfectamente”. En que coeficiente intelectual andaremos os que acertamos a dar catro respostas seguidas que serven para aclarar algo? Que non mo responda o fiscal, que mo diga a administración da xustiza en pleno exercizo das súas funcións públicas. Non vaia ser que, ademais dunha Galicia profunda, tamén haxa unha xusitiza tan fonda que non haxa deus que a entenda.

miércoles, febrero 02, 2011

O crime de Sober


Dia hoxe La Voz de Galicia que “o caso do crime de Sober pode dar un xiro logo das declaracións autoinculpatorias do único procesado, Xosé Carnero Fernández O Chucán, a un xornalista de La Voz”.  Sen dúbida debería ser sí. O que máis chama a atención é o espectáculo delirante ao que están sometendo estes feitos á xustiza pública.
Nunha sorprendente entrevista publicada o día anterior con este cidadán, o xornal da Coruña difundiu unhas declaracións reveladoras de como anda a saúde dunha certa Galicia profunda e como poden funcionar ás veces algunhas formas de administración de xusitiza. De seren certos algúns dos asertos que manifesta o tal Chucán –algo en principio abondo difícil de crer– estariamos polo menos diante dun caso chocante desenvolvido nos trinunais de xustiza.
Despois de ser absolto nun xuízo con xurado popular, Xosé Carrero (velo na foto de La Voz) afirma, na entrevista publicada por La Voz, ser o autor do que sen dúbida sería o asasinato da prostituta María del Pilar María do Pilar Palacios. “Tróuxena á casa e despois mateina”, di el mesmo engadindo arrepiantes datos de como levou a cabo a dramática faena. O que máis pon os pelos de punta é que que el di que non se autoinculpou antes porque ninguén lle preguntou durante o xuízo se matou ou non a vítima. En principio, hai que dubidar absolutamente deste aserto. Ou é que alguén pode imaxinar que nin o presidente do tribunal nin a fiscalía nin a acusación particular puidesen rematar a vista sen facer unha pregunta tan elementalmente procedemental coma esta? De ser certo o que di o outra vez sospeitoso de tan arrepiante crime, estariamos diante dun elemental e grave caso de desidia administrativa que poría escandalosamente en solfa o desenvolvemento do xuízo que rematou pondo en liberdade o procesado.
Lonxe do morbo e da evidente miseria humana que rezuma o caso, resulta absolutamente imprescindible que a autoridade xudicial competente interveña e recoloque os feitos onde lles corresponda estaren para que todo isto non remate nun excelente mal exemplo de escandalosa incuria.