jueves, noviembre 15, 2012

As dúas (ou tres) Españas


Confeso que seguín a folga do 14N só a través dos medios de comunicación. Esta vez dominoume a preguiza e non saín da casa nin para comprar o pan (o xornal xa nin se compra). Ou sexa, que cando menos fixen de consumidor folguista. Algo é algo.
A experiencia váleme para concluir que xa estamos outra vez instalados no que non sei se foi Ortega o que chamou as dúas Españas. Se cadra os padriños da expresión tamén foron Jaime Balmes, Mariano José de Larra, Ramiro de Maextu e ata o protugués Fidelino Figueiredo.
Por un lado, os que se empeñan en que vaiamos sempre detrás dos curas, ou con cirios ou co garrote, como dicía Agustín de Foxá. Os que queren devolvernos ao franquismo máis antisocial gobernándonos como se pastorea os borregos e facendo dos nosos países un inmenso campo de exterminio dos dereitos elementais no que traballemos para os ricos seguindo nós de pobres e eles cada vez máis ricos.
Son os que teñen alcaldes, coma o da Coruña, que prenden os farois do alumeado público para faceren que non baixe o consumo no día da folga. Os que empregan sobriñas, coma a alcaldesa de Madrid, pagándolles 5.000 euros netos ao mes ou os que non paran de cacarexar que os sindicatos son organizacións andidiluvianas que hai que extinguir como sexa.
Por outro lado, a España á que sempre lle acaban xeando o corazón, como dicía Antonio Machado. A dos perdedores. A dos oprimidos. A dos que botan das casas para que o buche dos banqueiros medre coma se fose a barriga dunha enorme carracha chea de sangue. Esa España que onte volveu a ser apaleada polas porras de varias policías que sempre están ao servizo do poder.
E, polo medio, unha noxenta santa compaña de arribistas, estómagos agradecidos e seareiros que constantemente meten gato por lebre con tal de compracer aos que nos queren estabrecer a nova orde que lles permita chupar o sangue da inmensa maioría da humanidade.

miércoles, noviembre 07, 2012

Antón Reixa, ghicho distinto

Cada vez me sinto máis atraído polos libros de memorias ou de conversas cos protagonistas do mundo que me toca vivir, e boto de menos que este tipo de manifestación literaria, sociolóxica ou política non se prodigue máis en Galicia. Entre onte e hoxe lin, case dun tirón, o Antón Reixa, ghicho distinto que acaba de publicar Xerais coa autoría de Manuel Xestoso e X. Cid Cabido.
En xeral gustoume o volume, aínda que penso que a un personaxe coma Antón Reixa había que tirarlle algo máis da corda e facerlle gallopar non só polas pradeiras que lle son máis propicias. Os entrevistadores fixéronlle, dende este punto de vista, o que se podía chamar un libro de memorias con sentido, dende logo, pero tamén consentido.
E, xa que estamos no que estamos, quérolle facer a Reixa unha puntualización. Ná páxina 53 atribúeme a min a filtración a La Voz de Galicia dunha disidencia ocurrida na Unión do Pobo Galego (UPG) “contra o ano 77”. Naquela altura, eu era correspondente do xornal El País –funno dende a súa fundación en 1976 ata o ano 1981– e, polo tanto, sería un contrasentido que andara daquela facendo “filtracións” a La Voz de Galicia, periódico co que nunca tiven ningunha relación laboral e no que non publiquei nin media ducia de artigos en toda a miña vida profesional, que foi longa e intensa.
Comencemos por reproducir o que contesta Reixa a unha pregunta que lle fan do modo seguinte:
–Ou sexa, que non chegaches a militar na UPG? Porque hai relatos contraditorios sobre esta cuestión.
–Non, non. Chega un momento en que me din que non e, a partir de aí, vanse precipitando os acontecementos. Contra o ano 77, dentro do que era a AN-PG, participo nun movemento no que coincido con Ferrín, que xa ía moi encamiñado a facer o que sería a UPG-Liña Proletaria, e máis con xente como Felipe Marzoa que era máis de perfil trotskista e que, por certo, é un filósofo extraordinario. Vímonos nunha conferencia onde eran todos ensinantes –o único estudante era eu– e acabamos asinando un manifesto que pedía democracia interna. A fin de contas, xa non estabamos na clandestinidade. Entón prodúcese unha filtración e ese documento sae na prensa, na primeira páxina da Voz de Galicia. E esa filtración –agora pódese contar– ten que ver con alguén moi próximo a nós, Pepe Caamaño.
Pepe Caamaño, un señor adorable, que xa non vive, era un psiquiatra de Santiago, un home moi marxista. Pero era tamén un tipo que vivía moi ben, era de familia rica. Eu creo recordar que, ademais, era moi amigo de Perfecto Conde. A Pepiño Caamaño suponlle unha grave crise nerviosa todo aquel asunto, dentro daquel ambiente bohemio de Santiago, e creo que lle acaba dando aquel papel a Perfecto Conde. Non sei os detalles pero aquilo fíltrase e sae na primeira páxina da Voz. Co cal, toda a cerna stalinista da UPG nos quere decapitar.
E véxome nunha reunión, nunha asemblea na Asociación Cultural de Vigo, que estaba na rúa López de Neira. Nós pediamos democracia interna, e tivémola. Someteuse a votación a nosa expulsión, todos levantaron a man. Inauguramos a democracia interna a conta de ir á rúa”.
Teño que dicirlle a Reixa que eu non sei que conto é este. Non lembro se La Voz de Galicia publicou na primeira páxina o mentado documento. Se cadra quen podería puntualizar este aspecto é Lois Álvarez Pousa, daquela delegado do xornal coruñés en Santiago e responsbábel da información política que se orixinaba na capital de Galicia. O que si sei é que eu non andaba de filtrador de noticias para a competencia. Tamén lembro e acabo de comprobalo na colección dixitalizada de El País (premer aquí) que, durante o ano que cita Reixa, o 1977, publiquei non unha senón varias noticias e comentarios sobre as loitas internas que tiñan lugar daquela na UPG, cando Elvira Souto era a súa secretaria xeral.
Só dúas páxinas máis para diante, Antón Reixa volve mexar fóra do penico. O polifacético vigués, a quen a vida acabou facendo del un teimoso admirador de Álvaro Cunqueiro –como é lóxico–, na páxina 57 do libro de Xestoso e Cid Cabido, peca outra vez de inexatitude. Transcribo:Pero daquela o máis rancio eran Cunqueiro e un tal Antonio de Lozola (sic), que aparecían sempre coa Festa da Camelia e aquelas cousas. Aínda debo ter por aí os artigos de “El envés”, que publicaba na última do Faro de Vigo. Para min era dun localismo absurdo. E recordo que, no ano 68, gañara o Premio Nadal con Un hombre que se parecía a Orestes: compráramo miña nai e a min parecíame un horror”.
Sobre os gustos que puidese ter Reixa daquela non entro. Ça va de soi, e como é lóxico pode considerar a ranciura que queira e sobre quen queira. Pero “un tal Antonio de Lozola” non era outro que Antonio de Odriozola, un vasco afincado en Pontevedra durante boa parte da súa vida e ata a súa morte, que foi un dos máis interesantes bibliógrafos, investigadores e eruditos da súa época, excelente persoa e extraordinario conversador co que tiven a sorte de pasar moitas horas de viños e palique. A min non me parecía nada rancio, pero isto tamén é particular. Cada un ten os seus gustos. Como tampouco mo pareceu nunca Cunqueiro, co que tamén tiven o privilexio de parolar o seu. Nin mo parece Reixa porque leve sombreiro (Odriozola sempre levaba paxarela e unha camelia na lapela).
O que quero sinalar é que me extraña que Reixa fale con tanta frivolidade de Odriozola, a quen nombra como Antonio de Lizola, que os seus entrevistadores non corrixisen o seu erro e que o libro saia do prelo sen que ninguén se decatase deste gazapo (ai, aqueles antigos correctores que había nas editoriais!).
Porén, Antón Reixa guicho distinto é un libro que paga a pena ler, e que se le con fruición. Interesantísimo, ademais, para os que queiran coñecer ou repasar como foron moitas das cousas que pasaron en Galicia.

lunes, noviembre 05, 2012

Os da "onda secesionista"


El País, xornal decididamente máis próximo ao nacionalismo español de toda a a vida ca o independentismo catalán, anunciaba o domingo pasado que “escritores, abogados, políticos, cineastas e economistas han suscrito un manifiesto a favor del federalismo frente a la ola secesionista alimentada desde CiU y el Gobierno catalán que preside Artur Mas”.
Para empezar, a linguaxe utilizada polo periódico para presentar este manifesto (...la ola secesionista...) lembra demasiado a impetuosidade centralista doutros tempos, franquismo incluído, ao falaren destes temas. Pero o importante é o que proclaman os primeiros 301 asinantes, entre os que non só hai escritores, avogados, políticos, etc., senón moitos xornalistas da prensa centralista, actores e actrices da “cella” e mesmo un “asturiano residente en Sevilla”, sen que falte un predominio case absoluto dos funcionarios de Estado. Ata asinou a escritora norteamericana Barbara Probst Salomon. Iso si, só hai dúas asinaturas procedentes da declarada dereita política, a do escritor Mario Vargas Llosa e a do diplomático José María Ridao. Repasei a lista dos asinantes intrigado por saber se aparecerían nela os nomes de varios escritores galegos (Manuel Rivas ou Alfredo Conde, por exemplo), pero só atopei a Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta, e a Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago.
E que manifestan todos estes “intelectuais e profesionais” que erguen a súa voz contra “a onda secesionista” de Cataluña? Fundamentalmente fan un chamamento “a favor de la izquierda y del federalismo para responder al creciente secesionismo estimulado por Convergencia i Uniò, desde el Gobierno de la Generalitat, así como por otras fuerzas políticas de afinidad nacionalista”, segundo interpreta El País (ver aquí a información).
O primeiro que salta á vista é que esta nova plataforma que se ergue contra a posibilidade de que o pobo catalán exerza o seu dereito de autodeterminación o único que pon enriba da mesa é a posición do PSOE sobre este problema, por moito quqe aparezan de compañeiros de viaxe Vargas Llosa ou Ridao.
Unha vez máis, o que se nota é que o socialismo centralizador español, o do PSOE, e o do Partido Popular viaxan no mesmo tren cando se trata de resolver os problemas  que presentan as nacionalidades históricas. A penas 24 horas máis tarde de que se dese a coñecer o manifesto dos 301, o ministro de Defensa español, Pedro Morenés, un gobernante que non se distingue precisamente por regalar entrevistas, deuse présa en sair no xornal El Mundo advertindo de que “las Fuerzas Armadas son conscientes de la gravedad del desafío independentista”. Xa estamos outra vez.
É curioso, pero o que parece entender doada e perfectamente o seleccionador de La Roja, Vicente del Bosque (“Están en su derecho, como catalanes, a defender su independencia. Es la libertad que tiene cada pueblo para defender su futuro”), non son quen de meter na cabeza os intelectuais orgánicos do PSOE nin os que os acompañan na súa teima anticatalanista. E non digamos nada dos que están empeñados en devolvernos a outra longa noite de pedra similar á do franquismo.
Será tan difícil comprender algo do que significa o dereito de autodeterminación, agora que ata a Wikipedia o explica bastante ben? Porque o dereito de libre determinación dos pobos é o que é, e non outra cousa: o dereito de decidir as súas formas de goberno, perseguir o desenvolvemento económico, social e cultural, e estruturarse libremente, sen inxerencias externas e de acordo co principio de igualdade. Esta libre determinación está recollida na Carta das Nacións Unidas, nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos e en varias resolucións da Asamblea Xeral da ONU. Por que os do PSOE e os do PP se empeñan en ler só a Contitución Española? Ou por que unha cabeza tan lúcida coma que ten José Carlos Bermejo só se pregunta se estamos falando de morrer por Cataluña ou de de forrarse con ela? Habería que empezar a sabelo.

viernes, noviembre 02, 2012

Ryanair dá a nota por enésima vez

Seguno publica hoxe La Voz de Galicia, a compañía aérea Ryanair volveu dar a nota nun recente vóo de Valencia a Santiago de Compostela. Unha pasaxeira que portaba, ademais da súa maleta de man, un libro e un pergamino, foi conminada a pagar 50 euros por exceso de equipaxe e, como non lle funcionou a tarxeta de crédito coa que se mostrou disposta a abonar o que lle pedían, foi expulsada do avión por dous gardas civís.
Un video gravado por outro pasaxeiro, que se pode ver na columna da dereita, recolle as rechamantes esceas deste suceso, que foi recriminado con voces de protesta por parte dun reducido grupo de pasaxeiros. Ryanair, compañía de baixo custo ultimamente moi denostada, parece realmente empeñada en que se fale dela aínda que sexa mal. Ninguén sabe nin desexa tratar pior aos seus clientes ca esta empresa de transporte aéreo.