viernes, octubre 30, 2009

Que é o que o demostra todo?

Sigo pensando que a xuíza de Lugo que mandou prender o alcalde e tres concelleiros de Castro de Rei (Lugo) puido ser máis recatada no seu procedemento e evitar que o caso se convertise en certo modo nalgunha secuencia de Miami vice, pero tampouco me gusta a maneira que está tendo de enfrontar o caso o rexedor do citado concello chairego.
Despois de durmir dúas noites nos calabozos dunha comisaria e pasar por varios interrogatorios, incluído o xudicial, seguir dicindo que aínda non sabe cales son os cargos que se lle imputan é algo así como se eu digo que non sei porque me chamo como me chamo. Que non prentenda confundirnos Díaz Valiño. Felizmente xa non estamos nos tempos do franquismo, nos que un podía permanecer o tempo que fose preso sen saber ben por que. Hoxe hai procedementos e mecanismos de enxuizamento máis ou menos democráticos que non compadecen tamaña ignorancia. En todo caso, se a el non se lle aplicaron, debería facer algo máis que dicir que non sabe por que o prenderon. Ampararíao a lexislación vixente.
Tampouco é de recibo que nos diga que “el hecho de que todos los detenidos hayan quedado en libertad sin fianza lo demuestra todo”. Non, mire, o único que demostra por agora é que a xuíza encargada do caso, pensando seguramente en que a vostede, polo cargo que ocupa e pola relevancia social e política que representa, non se lle vai ocorrer escaparse a Brasil ou a Cuba polo feito de que recaian sobre a súa persoa determinadas sospeitas susceptíbeis de ser obxecto de aplicación da xustiza, optou pola innecesidade de aplicarlle unha fianza que puidese afianzar os seus actos.
O que di o alcalde de Castro de Rei é tan insignificante como o que se dixo o primeiro día acerca de que a concelleira Ana Canto saía en liberdade con cargos, sen fianza e só coa obrigación de presentarse á xustiza cando sexa chamada por ela. Nese caso estamos todos, imputados ou non. Temos todos a obrigación de responder aos requerimentos que nos faga a autoridade xudicial.
Eu non quero apuntar que o alcalde de Castro de Rei teña que mostrar probas máis contundentes acerca da presunción de inocencia que lle corresponde por dereito, pero convencceríame mellor se non se limitase a expoñer argumentos requentados na explicación pública que fai do que lle pasa. Tampouco digo que teña que dimitir do cargo que lle deron as urnas, mentres que non se dilucida o procedemento xudicial que pesa sobre a súa persoa, pero non vaia ser que tome a derrota doada de aferrarse única e exclusivamente ao socorrido gancho de que eu só fixen o que fixen en defensa dos intereses do pobo. Esas argucias son as que utilizan todos, sexan alcaldes de Marbella, de Santa Coloma de Gramanet ou altos cargos da Comunitat Valencià. Do alcalde de Castro de Rei, por ser socialista e galego, e ademais chairego, cumpríanos agardar maior coherencia. E, sobre todo, maior capacidade de convicción.

jueves, octubre 29, 2009

Aclárase o de Castro de Rei?

O alcalde Castro de Rei debeu ficar cansado das dúas noites que pasou nos calabozos da Policía en Lugo. Segundo contan as crónicas, hoxe non acudíu ao Concello que rexenta e tivo que ser a secretaria muncipal a que lle trasladase ao seu domicilio os asuntos máis urxentes a resolver. Compréndese. Os apuros polos que acaba de pasar estresan a a calquera.
Sorprende algo, porén, esta actitude. Díaz Valiño, de momento presunto delincuente para a xuíza que mandou prendelo, aínda non proclamou el mesmo a súa inocencia. Limitouse a dicir que todo ficou aclarado, pero non explicou o que nin como. Pecharse na súa casa pode resultar comprensíbel dende o punto de vista estritamente persoal, pero non tanto dende a función pública que desempeña. Anunciou unha roda de prensa para dentro de varios días. ¿Precisa tanto tempo para decidir o que nos vai contar fóra dos trámites xudiciais? Se non pode ir á Casa do Concello, ¿por qué non delegou as funcións da alcaldía? ¿Por que a secretaria municipal trasladou o seu lugar de traballo á casa do alcalde? Non vaia ser que alguén poda pensar que en Castro de Rei as cousas de palacio non só vaian despacio senón ao tócame Roque.
O alcalde investigado por presunta corrupción debería andar con máis cuidado. E, dende logo, proclamar ben claramemte a súa inocencia se el mesmo acredita nela. Calquera outra alternativa rematará pasándolle custos á súa imaxe pública e persoal.

miércoles, octubre 28, 2009

Xustiza e iconografía

Sen entrar en disquisicións de procedemento xudicial, que non me competen, quero mostrar a preocupación que me producen determinadas “redadas” que levan a cabo algúns representantes da Xustiza sen preocupárense moito polas consecuencias que conlevan, ás veces, as súas “mediáticas” actuacións. E non estou a referirme só ao caso paradigmático do noso gran xuiz estrela, Baltasar Garzón.
Hai casos como o da xuíza exercente en Lugo Estela San José que poden estar empezando a chamar poderosamente a atención. Que se acuda un día pola mañá a unha vila onde cada veciño é máis coñecido polos demais que Xesucristo, con toda unha parafernalia de coches e medios policiais, para deter a un alcalde e a tres concelleiros dos que se sospeita que prevaricaron e/ou cometeron algún delito de corrupción, ata podería representar unha das bondades exemplarizantes da aplicación de xustiza se quen artella e aplica esas medidas estivese moi seguro de que ten o rato na gaiola e que das súas actuacións se vai derivar a fundada previsión de que pode haber unha sentenza condenatoria. De seren así os feitos, todos aplaudiriamos que se actuase contundentemente contra os delincuentes supostos ou confirmados, e máis aínda cando os perseguidos son precisamente persoas que, polos cargos públicos que lles otorgou e dos que os responsabilizou a democracia, estarían obrigados a dar exemplo.
Porén, a min quédame moitas veces a dúbida de se toda esta contundencia serve para algo que non sexa alimentar o circo e encher as páxinas de sucesos cando corre o risco de ser aplicada sen a máxima escrupulosidade protectora do dereito á intimidade dos que están, ou deberían estaren, asistidos polo dereito á presunción de inocencia.
¿De que lle vai servir á concelleira Ana Canto ser posta en liberdade con cargos, pero sen fianza, só poucas horas despois de ocupar un calabozo da Comisaría de Lugo se a súa foto, entre dous axentes que a conducían presa, xa deu a volta a Galicia polo menos? Nacín e crieime nunha pequena entidade de poboación, e sei o efecto que teñen esas iconografías. ¿Pasaralles algo parecido ao resto dos detidos entonte e que aínda están pendentes de declarar diante da zuíza que os mandou prender?
Xa sei que desta “iconografía” non teñen a culpa a xuíza nin os policías actuantes. Os xornalistas sempre sabemos cheirar a noticia e non precisamos que nola “chive” ninguén. E líbreme Deus, ademais, de pronunciarme en contra da total liberdade de información cando estes casos se producen. Canta máis luz e máis taquígrafos haxa, mellor. Pero volvo ao principio: preocúpame o dano persoal e público que se poda causar aos que teñen que pasar pola aplicación da xustiza no caso de que, podendo seren inocentes, vexan as súas vidas sometidas a xuízos paralelos ou a condeas adiantadas.
A xustiza nin é cega nin debe selo. Todo o contrario, canto máis abertos manteña os seus ollos sobre todo o que pasa, mellor será o servizo que preste á sociedade á que pertenece. Pero tampouco fai falta que camiñe sempre debaixo dos focos nin caia na tentación de pensar que está rodando un capítulo do CSI. Debe ser moi difícil ser xuíz eficiente e comprometido sen pecar algunha vez de mediatizado, pero farían ben os representantes da Xustiza en pensar nestas cousas de vez en cando.

martes, octubre 27, 2009

¿Quen manda no PPdeG?

¿Quen manda no PPdeG? ¿O Departamento de Comunicación que onte difundiu un comunicado dicindo que o PP pedía explicacións a Ricardo Varela e a Manuel Vázquez “por colocar na executiva do PSOE de Lugo a un alcalde sospeitoso de prevaricación e tráfico de influencias” ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tamén é presidende do partido de Rajoy en Galicia, cando di hoxe que hai que esperar a ver que di a Xustiza e que "non hai que facer prexuízos nin xuízos paralelos”?
A impresentábel declaración difundida a penas horas despois de que se coñecese a actuación do xulgado e da Policía no concello lugués de Castro de Rei, chegou aos medios de comunicación sen máis identificación ca do Departamento de Comunicación do PPdeG. ¿Quen redactou esa nota? ¿Quen avalou o seu estrafalario contido? ¿Por que o PPdeG se atreveu a pasar polos forros dos seus calzóns a presunción de inocencia que tanto reclama cando lle convén? ¿Tratouse, quizais, dunha acción incontrolada que agora ten que recoser o presidente da Xunta mostrándose respectuoso coa ordenación xurídica vixente? Sería bo sabelo. Dime un paxariño que Feijóo está que trina por culpa deste asunto.

lunes, octubre 26, 2009

Cinismo político

Francamente estamos chegando a un nivel de cinismo político na práctica diaria dos grandes partidos que pode rematar dando noxo. Case aínda non chegara a Lugo a Policía, levando preso o alcalde de Castro de Rei, cando xa estaban no PPdeG emitindo e difundindo un comunicado pedíndolles a Ricardo Varela e a Manuel Vázquez, secretario de organización e secretario xeral do PSdeG-PSOE, explicacións “por colocar na executiva do PSOE de Lugo a un alcalde sospeitoso de prevaricación e tráfico de influencias”.
Se no PP sabían que Xoán Xosé Díaz Valiño estaba cometendo o delito de prevaricación ¿por que non o denunciaron? E, se como parece, só sabían del o que agora sabemos todos, é dicir, a súa detención, xunto a outros tres membros da Corporación que preside por presunta comisión de prevaricación e tráfico de influencias, ¿non lles cadraría mellor que respectasen, alomenos por unhas horas, a presunción de inocencia?
Sorprende tanta rapidez pedindo axuste de contas por parte dun partido político que anda para atrás, como o cangrexo, cando se trata de pronunciarse e de actuar no canto do que lle pasa na súa propia interna. Aí está o caso Gürtel e todo o seu escandaloso desenvolvemento no que lles toca a Mariano Rajoy, a Núñez Feijóo e á maioría dos dirixentes conservadores.
Dise que a curiosidade remata perdendo a vida de moitos gatos. A incontinencia verbal e a imprudencia moral pode por en perigo a credibilidade dun PP que, tirando dun fío que aínda non está desanobelado, mostra a arrogancia impertinente de manifestar que “o líder do PSOE de Lugo está demostrando que tipo de políticos ten no se equipo ao nomear responsable de política municipal a unha persoa hoxe detida pola policía” , tirando do caso a conclusión de que “Varela está dando probas de que tipo de prácticas políticas teñen cabida no seu equipo” e considerando que “está claro que quere rodearse de persoas cunha moralidade de xestión pública á mesma altura da que el demostrou cando (era) conselleiro de Traballo na Xunta”.
Se non fose porque o comunicado do PP chega aos medios debidamente autentificado, compriría dubidar da súa procedencia. A primeira vista, podería parecer un libelo emitido por calquera organización extremista das que xa, felizmente, case non existen. A linguaxe e a descarada inmoralidade do seu contido fan que este panfleto mereza ingresar para sempre no panteón da incoherencia política.

Premer sobre na ilustración para ler o comunicado enteiro.

A poalla do Courel

“Manuel Bouza Caro aguarda enorme bajo la poalla”. É a primeira frase da reportaxe de Silvia R. Pontevedra que publica hoxe El País sobre o médico tránsfuga que desbancou o alcalde socialista de Folgoso do Courel. Non busquen a última palabra no Diccionario de la Lengua Española da RAE, que alí non va atopala. Empecen polo de Franco Grande e rematen de consultala no Xerais da Lingua os que, coma min, lles sorprenda o uso deste termo en castelán.
Hai quen di que unha novela só é boa se na primeira frase o seu autor é quen de enganchar o lector. Moitas veces ponse de exemplo a García Márquez, que empezou a súa celebrada Cien años de soledad con estas palabras: “Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo”.
¿Terán algo que ver a poalla de Silvia R. Pontevedra e o hielo do Nobel colombiano? Poalla, palabra galega, significa “chuvia moi fina; babuña, babuxa, barbaña, barrufa, barruzo, froallo, lapiñeira, orballo, patiñeira, patumeira, poallada, zarzallo, poeira pouco intensa” (GDXL). En portugués (poalha) quere dicir polvareda lixeira. O hielo de García Márquez, como diría un lusitano, significa mesmamente o que significa: o xelo. Polo menos, os dous termos algo teñen que ver co H2O.
Comparanzas aparte, a frase da xornalista de El País representa unha esperanza para o tan desprotexido idioma galego, un fenómeno que case sempre ocorre á inversa. Decote é o castelán o que coloniza o galego. Silvia R. Pontevedra pegoulle unha fumigada ao castelán pola que eu me alegro. Oxalá que cunda o exemplo.
Ah, que xa me esquencía. Polo que eu quería chamar a atención é polo que se conta na citada reportaxe acerca de como se coce a política en moitos ámbitos da sociedade galega. Paga a pena que lean o informe de Silvia R. Pontevedra. Polo seu contido, tamén parece acontecido en Aracataca.

sábado, octubre 24, 2009

Piratas e emperadores

Con máis gracia que rigor, asegura hoxe Xosé Luís Barreiro en La Voz de Galicia que andamos de Anás a Caifás e de Herodes a Pilatos no delicado asunto da piratería que padecen o barcos que navegan ou faenan por determinados mares, tal é o caso do Alakrana, que antes de que se consiga a liberación dos seus tripulantes xa deu orixe a unha peregrina polémica sobre se os pescadores españois deben ir ou non protexidos por militares ou persoal de seguranza privada que manexen armas de guerra.
Parece que, finalmente, os barcos que pescan fronte ás costas de Somalia van levar axentes de seguridade privada que embarcarán con armas de guerra para repeler ataques piratas, logo de que o Goberno aprobe os cambios pertinentes da lei de seguranza privada que permitan o uso de armas militares por parte deses axentes privados. Tratarase, esencialmente, de metralletas de tipo medio e rifles de asalto de ata 20 milímetros, armas que ata agora estaban catalogadas como de uso exclusivamente militar.
Fontes deste sector pesqueiro seguen insistindo, porén, na conveniencia de que os barcos de pesca españois que traballan expostos á piratería acudan aos caladeiros protexidos con infantes de Mariña a bordo, como xa está facendo Francia, pero esta petición non está sendo ben acollida polo Goberno nin polos propios militares españois, que reiteran a súa imposibilidade legal.
Algo me fai pensar que estamos entrando nunha dinámica perigosa que non se sabe a onde pode dar. É evidente que os armadores e pescadores españois, entre eles moitos galegos, teñen razóns de sobra para estaren preocupados e poden resultar comprensíbes as súas esixencias, a pesar de que moitas veces aparezan expresadas por eles con altas doses de personalismos dificilmente integrabeis nunha contemplación razonábel do problema. Hai que verse no seu corpo para interpretar minimamente ben a súa aparente intención de devolver dente po dente nun Talión do que non se sabe quen pode levar a dianteira.
Evidentemente, ninguén pode asegurar que levar armas de guerra a bordo dos barcos de pesca, coa intención de usalas, vai resolver o problema. Pola contra, ata poderá agravalo producindo unha preocupante escalada armamentística non conflito. A priori, xa resulta abondo difícil de entender que, nos tempos que vivimos, as actividades produtivas e/ou comerciais teñan qu ir acompañadas de accións bélicas determinadas. Non parece propio so século XXI, nin de recibo que os custos desas operacións pseudomilitares se carguen na conta do contribuínte. Son un gran comellón de atún, peixe que me gusta extraordinariamente, pero estou disposto a cambiar parte dos meus gustos culinarios se para conservalos teño que ver como se mata xente.
O meu admirado Antonio Caballero, columnista do semanario colombiano Semana e un dos mellores xornalistas que deu Latinoamérica, escribía hai poucos meses que “agora resulta que os inimigos da civilización e da globalización son os piratas, os pobres piratas somalís do océano índico”. Neste momento persíguenos flotas de Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, España e Alemania. E eles secuestran petroleiros, buques mercantes e pesqueiros de Noruega e de Grecia, de Holanda, de Malasia, de Gran Bretaña e da illa de Saint-Vicent. “Curiosamente –apunta Caballero por unha coincidencia poética, buques con bandeiras de países que noutros tempos foron piratas eles mesmos”. En Saint-Vicent e en Tortuga facíanse fortes os “Irmáns da Costa” dos tempos dos filibusteros do Caribe, que eran ingleses e holandeses, e de Malasia chegaba o temido Sandokán, e de Noruega os feroces piratas vikingos. Non houbo piratas italianos, agás os que capturaron nada menos que a Xulio César e o corsario negro que inventou Emilio Salgari, pero o único barco italiano capturado ata agora polos somalís chámase Boucaneer, ou sexa, bucaneiro. Tal como opina Antonio Caballero, “nesta historia hai algo de xustiza poética”.
Ou de xustiza a secas, como tamén apunta o escritor colombiano, entendendo a xustiza non como o imperio da lei senón como o equilibrio das inxustizas. Os que agora secuestran os nosos barcos son pobres e son piratas porque foron reducidos á miseria e non lles quedou máis que o recurso da piratería como resultado de que as modernas flotas pesqueiras dos países ricos devastaron a pesca das súas augas territoriais. Eran pescadores artesanais, incapaces de competir coas redes de arrastre e os sónares dos ricos competidores. E quedaron sen peixe. Pola contra, o que lles sobraban eran as armas que lles deixaron as grandes potencias no decurso das varias guerras civís que fomentaron en Somalia e no resto de África. "¿De onde saen se non –pregunta Caballeroos Kalashnikov e os M-16 e os fusís Galil e as ametralladoras e os lanzagranadas que esgrimen os piratas somalís?". Eles non os producen. Recíbenos dos mesmos que agora piratean e polos que foron pirateados os seus bancos de pesca. “Do mesmo xeito –volvo a citar a Caballero, como acaban de recoñecer sucesivamente en México a secretaria de Estado Hillary Clinton e o propio presidente Barack Obama, as armas dos narcos mexicanos son compradas nas tendas de Estados Unidos. A globalización traba no seu proio rabo porque é redonda, como sabiamos dende antes de que se empezara a popularizar a palabra”.
Como dí Caballero, todo se repite. Agora Obama, que é o dono do mundo, ordea que se persiga os piratas ata bombardear as súas "bases", que son portos pesqueiros de cando aínda había pesca, e non só tanqueiros de petróleo na costa somalí. Deste xeito ordenou George Bush bombardear as bases de Al Kaeda e dos talibáns para vingar os atentados das torres Xemelgas, e desencadeou as guerras paralelas de Irak e Afganistán. Xulio César, cando foi liberado logo de pagarlles o rescate aos piratas que o tiveron secuestrado, púxose a armar unha flota para perseguilos e rematou aforcándoos. E de aí seguiu para as súas guerras de España e das Galias, despois iniciou a guerra civil contra Pompeio, e xa non parou.
Conta San Agustín, segundo me entero por Antonio Caballero, que cando Alejandro Magno lle preguntou a un pirata capturado por que facía dano, o pirata respondeulle:
–Polo mesmo ca ti. O que pasa é que, como eu só teño un barquiño, chámanme pirata e a ti, que tes unha flota de guerra, chámanche emperador.
Polo que se ve, nin os do PP nin os do Bloque len a San Agustín.

viernes, octubre 23, 2009

Chalaneo

Que a política do poder hai xa tempo que ven sendo un chalaneo era cousa ben sabida, pero cada vez se vai facendo máis patente, como se está vendo na corda de mocións de censura que estes días se desenvolven en distintos concellos galegos. Botón de mostra, o que acaba de contar o agora ex alcalde de Láncara (Lugo), o socialista Darío Piñeiro, que foi convidado por Alberto Núñez Feijóo a formar parte da candidatura do PP nas próximas eleccións municipais.
O presidente da Xunta aproveitou a súa presencia en Láncara, co gallo de celebrárense alí os actos do Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio, para tentar ao daquela alcalde do concello anfitrión, defenestrado agora por unha moción de censura. “Foi ao remate da comida cando se dirixiu a min –acaba de contarlle a La Voz de Galiciae dixome que, se non quería a moción de censura, que aguantase ata as próximas eleccións e que tiña que ir na lista do PP”. Piñeiro tamén engadiu que el non lle dixo que si nin que non. “Simplemente sorrín e díxenlle que faltaba moito tempo e que xa falariamos”, respondeu, o que non deixa tamén de ser outra forma do chalaneo que está tan de moda, por moito que agora explique que “os concelleiros socialistas e o do BNG fomos os únicos que non vendemos o voto dos cidadáns e mantivemos sempre a mesma liña”.
Costa comprender que un presidente da Xunta que prometeu rexenerar a política e a vida pública galega empece a aparecer repetidamente metido nestes fregados, que tamén pasan por facerse o despistado nun caso Gürtel que cada vez lle peta máis na porta. Se unha alcaldía coma de Láncara, que pouca máis importancia pode ter ca de recibir a Fidel Castro se o vello comunista volvese á terra dos seus ancestros, desperta tanto interese, ¿qué non estará disposto a facer Feijóo polas poltronas das grandes cidades galegas que non goberna o seu partido? A política do poder amosa tanta podredume como o alto mundo das finanzas ou do fútbol. Nela case todo é cuestión de talonario.

jueves, octubre 22, 2009

Anisia Miranda

Éncheme de tristeza recibir a nova de que faleceu Anisia Miranda. A ela e ao seu home, Xosé Neira Vilas, débolles algunhas das grandes conversas da miña vida. Anisia era unha muller enteira, coherente co seu pensamento, que che podía gustar de todo ou non o que dicía, pero que sabía sempre o que contaba. Cubana de nacemento, arxentina de circusntancia e galega de vocación, Anisia tivo moito que ver co desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil da Cuba revolucionaria e foi sempre a sombra benevolente do gran escritor galego Neira Vilas.
Como na canción do Che, aprendemos a querela dende o sol da súa bravura e coa voz prestada de Carlos Puebla despedímola dicíndolle ¡hasta siempre, compañera!

Feijóo, español universal


O que pretende ser o presidente da Xunta máis aforrador, Alberto Núñez Feijóo, vai camiño de ser tamén o máis viaxeiro. Mentres que media Galicia se preparaba para manifestarse en Santiago a prol do seu idioma, marchou a Londres para loubar a BBC nun predicamento no que se esquenceu de lembrar a importancia que tivo Paco del Riego nas emisións en galego desa cadea. E agora terá que estar o 6 de novembro en Miami para recibir o premio de Universal Spaniard (Español Universal) que lle entregará a Cámara de Comercio España-Estados Unidos, xunto a Pedro J. Ramírez, director de El Mundo; David Bisbal, coñecido tonadillero, e a empresa construtora IBT Group LLC.
Polo camiño que vai, pode rematar emulando a aquela Ánxela Bugallo que tan criticada foi por levar a Cuba os seus amigos para que se encheran de mojitos. Entre tanta viaxe a ningures e tanta subasta de Audis, ¿cómo lle vai quedar tempo a Feijóo de promover o galego? Se acaso, o inglés ou o spanglish.

Na foto, en Londres, co historiador británico Paul Preston e co galego Ramón Villares. ¿Cal sería o chiste?

martes, octubre 20, 2009

Xornalismo apupado

Non coñezo de nada ao xornalista da TVG que se supón que foi apupado por un reducido número de manifestantes do domingo pasado en Compostela. Nin sequera sei como se chama. Tampouco vin a información que ofreceu dos acontecementos, aos que xa dixen onte que non puiden asistir. Aforrarei, polo tanto, calquera comentario que poda significar pronunciamentos xulgatorios sobre a materia.
Sentado isto, tamén quero deixar ben claro que a min non me extrañaría moito que o xornalista da TVG, non por ser da TVG senón polo mero feito de ser xornalista, puidese ter sido vítima dunha icnomprensión política que xa empeza a ser demasiado frecuente entre determinados persoeiros da vida pública galega. Quen, coma min, viviviu e exerceu a profesión durante o derradeiro franquismo, a transición, a democracia e os momentos actuais sabe de sobra que os xornalistas pasamos de sermos aqueles paladíns do porvir que tanto nos mimaban os que querían ser algo na política como os que xa eran moito nela, a unha especie de mortos de fame que nos vendemos polas catro lentellas e unha cervexa que estea disposto a pagarnos calquera. Nin a primeira versión foi nunca certa nin a segunda se compadece agora para nada coa realidade. Os xornalistas nunca fomos facedores daquel “Parlamento de papel” que se nos atribuiu noutrora nin somos agora a chaqueta roída de ningún legoeiro dos anos corenta.
Persisten, porén, algunhas tendencias moi proclives a pecharnos nos estreitos cortellos das súas sectarias visións do mundo e, sobre todo, das cousas. Eu aínda lembro cando, hai moitos anos, o agora defunto Diego Bernal atopoume un día pola rúa de Franco e empeñouse en que fose con el escoitar a conferencia que daba un pope do nacionalismo galego no salón de actos do Colexio Fonseca. A min contáranme varias veces que o conferenciante sempre me dedicaba algún minutos das súas intervencións públicas para denigrar o “españolismo” que me supoñía por escribir no semanario Cambio 16. Eu non tomaba en serio aquelas trécolas nin lles atribuía a menor importancia, pero Bernal empeñouse aquel día en que fose canda el. “Servirache para comprobalo”, díxome el.
E acompañeino. O conferenciante falou e falou durante hora e media, pero o meu nome non saía por ningún lado, de maneira que lle dixen a Bernal: “Amigo, eu voume que é a hora dos viños”. Diego respondeume que agardase algo máis. E non deu tempo nin a que rematásemos este diálogo cando o conferenciante, moi catilinario, pronunciou a sentenza: “E non quero rematar sen salientar que hai xornalistas por aí, que escriben en Cambio 16, por exemplo, ao servizo do colonialismo español”. Loxicamente, eu fiquei abraiado por dúas razóns: por confirmar que era certo o que me viñan contando de que alguén perdera o seu tempo falando de min nos actos públicos e por descubrir que era un axente do colonialismo español.
Conto esta anécdota porque empezo a pensar que ao xornalista da TVG, se fose certo que alguén quixo correlo a gorrazos na praza da Quintana, quizais lle pasou algo parecido. Non o sei aínda, pero algo debe significar o feito de que saise a defendelo o Colexio Galego de Xornalistas, ao que non pertenezo e dígoo para que ninguén pense mal. Que a TVG lle berrasen en directo que pensaban que estaba manipulando, constituía todo o dereito dos que estaban na Quintana. A liberdade de opinión non se gañou só para o exercicio da profesión xornalística. Se alguén apupou e ata tentou constriñir a liberdade de traballo do xornalista da TVG, estivese dicindo o que fose, simplemente meteu a pata e retratouse como que seguramente é: un sectario incapaz de comprender que vive nunha sociedade libre.

lunes, octubre 19, 2009

Francisco Caamaño

Obrigacións de tipo familiar, que non veñen ao caso, imposibili-
taron a miña asistencia a manifes-
tación pola lingua que tivo lugar onte en Santiago. Non podo, logo, dar testemuña directa do que ocorreu nela nin opinar con coñecemento de causa, pero de paso que me sumo publicamente aos seus postulados aproveito para celebrar que despertara do seu sono o fogar de Breogán do PSOE.
Cando onte pola noite vin as imaxes e escoitei as palabras de Francisco Camaño, ministro de Xustiza, radicalmente pronunciadas a favor do idioma galego, empezou a quedarme clara unha idea: o PSOE xa pode ter un líder para o futuro de Galicia. A actitude de total compromiso co galego que mostrou onte o actual ministro de Xustiza non pode pasar desapercibida. Por fin, no PSdeG-PSOE as caras da película son moi distintas ás de Paco Vázquez e outros que, loxicamente, onte non pisaron as rúas de Compostela.
Non teño nada en contra do actual liderazgo de Pachi Vázquez, que tamén deu o callo esta vez polo idioma, pero alguén debería empezar a dicirlles que o nivel de excelencia, na loita pola aportación socialista á salvación de Galicia, xa non o marcan eles. No PSOE naceu unha estrela, e chámase Francisco Caamaño.

jueves, octubre 15, 2009

O efecto Gürtel

Como se fose unha nova versión do efecto bolboreta, polas moquetas do poder concentrado na Xunta anda a circular o que se podería chamar efecto Gürtel: as consecuencias colaterais dos escándalos de corrupción que están enchendo as páxinas dos xornais e os arquivos dos xulgados. De momento, trátase só de “consecuencias colaterais” e non aínda de “danos colaterais”.
Cando se publicou neste blog a adxudicación da web do Xacobeo, o semanario A Nosa Terra reproduciu a nova afondando nela e obrigando ao conselleiro de Cultura a manifestarse dicindo que foron os popios técnicos do Xacobeo os que levaron a cabo as actualizacións da web que aínda non estaban contratadas. A Nosa Terra completou as relacións da empresa Plexus coa antiga Consellería de Cultura dirixida por Pérez Varela. E de Plexus e de outras empresas relacionadas tamén falou o deputado nacionalista Aymerich naquela comparecencia parlamentaria na que Pérez Varela estivo a piques de porse a chorar.
O caso é que, polo que me contan, en San Caetano están empezando a mirar con lupa as adxudicacións, os vencellamentos das empresas adxudicatarias e os concursos por se poidese aparecer, por exemplo, algo que cheirase ao caso Gürtel.
O ex presidente Manuel Fraga hoxe parece render algunha conta en declaracións que publica La Voz de Galicia, pero refírense a tempos pasados. Algún comentario aparecido neste blog falaba de que Núñez Feijóo pode ter a tentación de ollar para outro lado, como disque facía Fraga coas evolucións de Cuíña ou Pérez Varela, pero os responsábeis da Xunta saben que han ter moito coidado en como se fan as cousas neste momento. O efecto Gürtel non é unha entelequia.

martes, octubre 13, 2009

A monxa Forcades e o gripe A

Teresa Forcades, unha monxa beneditina do convento de San Benet en Monserrat (Cataluña), vai camiño de converterse na adalide da antivacinación contra o gripe A. Nun video que está acadando unha extraordinaria difusión a través de internet, reflexiona sobre a historia desta doenza e as as consecuencias da declaración de pandemia, de paso que fai un chamamento para que se respecten os dereitos dos afectados en todas as súas consecuencias. A monxa Forcades, que ademais é doctora en Medicina pola Universidade de Barcelona, especializada na New York University, chega a poñer os pelos de punta con todo o que di no video que se pode ver e escoitar premendo aquí ou sobre a imaxe da esquerda.

viernes, octubre 09, 2009

O Gurkel gurka

Alberto Núñez Feijóo está desvelándose como un político correoso e teimudo que non se sabe ben a onde pode chegar. Acaba de dicir que lle gustaría saber se hai algún contrato entre as empresas implicadas no caso Gurkel e o goberno bipartito que o precedeu na Xunta. A expresión de tal desexo, na boca de calquera comentarista, non pasaría de ser un recurso máis da polémica, pero que o presidente da Xunta ande especulando sobre materia tan peliaguda non deixa de ser importante.
A ver, a estas alturas, Feijóo ten que saber se houbo ou non eses contratos. En que consistiron e quen os firmou. A máxima autoridade política do goberno galego non debería andar no arre e só destas cousas. Ou hai algo ou non hai nada, e non vale botar pelotas fóra do campo para entreter o graderío. Ou para disimular a lama que pisa o equipo no que xoga.
Aínda así, a súa argucia ten a algo de importancia. Agora tamén me pregunto eu se algunha desas empresas, a construtora Hispánica, por exemplo, non andou en tratos con gobernos municipais e deputacións gobernadas coaligadamente polo PSdeG-PSOE e o BNG. Non vaia ser que o Gurkel ese remate sendo un gurka coa daga posta no pescozo de máis xente que a do PP.

sábado, octubre 03, 2009

Tataio Castroviejo e Alberto Míguez

Lendo a Fermín Bouza, no seu Voto con Botas, entérome de que me morreu un amigo. Santiago Castroviejo, Tataio, fillo do egrexio Xosé María Castroviejo que tanto participou con Álvaro Cunqueiro en percorrer os montes e chemineas de Galicia, faleceu en Madrid, lugar onde dirixíu durante moito tempo o Xardín Botánico. Foi un dos pioneiros da Bioloxía entendida como ciencia fundamental para desevolver o mundo dende postulados respectuosos co medio ambiente e a natureza. Un día, hai moitos anos, empezou a facerse famoso porque se interpuxo entre a escopeta cazadora de Fraga Iribarne para salvarlle a vida a unha pita brava dos Ancares. Outro, xa máis tarde, regaloulle a meu pai unha cadela, Zara, que lle axudou a sobrelevar a leucemia que rematou roubándolle a vida. Tataio pertenecía á mellor xente que tiven a sorte de coñecer.
Por outra lectura, neste caso as páxinas de A Nosa Terra, recibo tamén a mala nova de que acabo de perder outro amigo. Alberto Míguez, xornalista de longa traxectoria e acrisolada experiencia, tamén acaba de falecer na capital de España. Foi unha das pontas de lanza do diario Madrid, que aínda sendo de Antonio Fontán, home do Opus Dei, representou a publicación máis progresista e liberal do último franquismo, aquel que prohibíu Fraga cando era ministro de Información e Turismo do dictador, mandando mesmo derrubar o edificio no que se facía.
Míguez foi logo peza clave na aparición e primeiro desenvolvemento do diario EL País, no que foi xefe de información internacional. Escribiu un libro fundamental para a comprensión da recente historia galega, El pensamiento político de Castelao, publicado en Ruedo Ibérico, París, que lle custou ser enxuizado e condenado polo tristemente célebre Tribunal de Orden Público de Franco, e rematou a súa vida descreído e algo entregado á corrente neoconservadora das publicacións españolas nas que escribíu os últimos anos da sua vida. A min sempre me quedará por Alberto o enorme aprezo que merece unha persoa boa e xenerosa como era el, e sinto mágoa por non telo acompañado algo máis na última década.

viernes, octubre 02, 2009

Tudo bem... para Lula

O soño de Madrid caeu nun dos buratos que abriu Alberto Ruíz Gallardón na capital de España. Lula comeulle as papas a Zapatero. Río de Janeiro meteunos 66 goles contra 32. E non precisamente porque a nosa candidatura xogase o seu mellor partido.
Visto o resultado, hai que analizar algunhas cousas que pasaron. Na miña opinión, a primeira é que non se pode andar polo mundo pedindo esmola. Eu levei as mans á cabeza cando lle escoitei a Samaranch pedirlles aos seus queridos “amigos” do COI que lle fixesen, antes de morrer, o gran favor da súa vida: regalarlle unha Olimpiada a Madrid. Tamén me pareceu extemporáneo o argumento utilizado polo Rei cando utilizou o argumento de que na súa Casa Real hai cinco olímpicos. O raro sería que houbese cinco premios Nobel de Medicina ou de Física, por exemplo.
O que non se pode é andar polo mundo con estas argalladas de andar pola casa. Todo isto pode valer para resolver unhas eleccións de casino de provincias, pero ata pode ser catastrófico cando se quere inducir a vontade dun Comité Olímpico Internacional que xa tivo que suspender a un dos seus membros, o surcoreano Un Yong Kim, por pertender que lle enchera o cazo a multinacional Samsung entregándolle 500.000 dólares para a súa campaña persoal pola que pretendeu presidir o COI.
Cando nin sequera a presencia en Copenhague do presidente da maior potencia do mundo, Barack Obama, acompañado pola súa muller, non valeu para inclinar o vaso cara a súa cidade, ¿podía esperarse que a imploración mendicante de Samaranch ou a actitude aínda ben presumida do monarca español ían facer milagres? O resultado final das votacións di que non.
Gañou Brasil en boa lide, aínda que non me alegro, como é lóxico, polo que significa que perdese España. O país de Lula xa pinta algo máis no mundo actual, seguindo a corrente ascendente que está levando en moitos sentidos.

jueves, octubre 01, 2009

A Xunta adxudica contratos abertos sen abrir as ofertas en presenza dos licitadores

Xesús Pérez Varela cabalga de novo. A unha das empresas coas que está relacionado, Plexus, S.L., a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, dependente da Xunta de Galicia, acaba de adxudicarlle o desenvolvemento e mantemento da súa web por un importe de 138.020 euros, mediante un acto administrativo ao que non foron convocadas as once empresas admitidas ao procedemento aberto de contratación do total das dazoito que se presentaron.
O 11 de agosto de 2009, Ignacio Santos Cidrás, director xerente do Xacobeo 2010, convocou oficialmente esta licitación, mediante tramitación ordinaria e procedemento aberto, marcando o prezo de adxudicación en 238.960 euros, IVE incluído, e un límite de presentación de ofertas no 8 de setembro. Este mesmo día, asinou unha resolución nomeando presidenta da Mesa de Contratación a Camino Trigueiro, directora de Recursos Humanos e Supervisión da Contratación, e vocais da mesma a Cloria Sallent Roig, en calidade de experta en comunicación; Ana Piñeiro Fuentes, responsábel do departamento de contabilidade, e a Xosé Patiño López. Como scretaria da Mesa designou a Esmeralda Pazo Esparís, responsábel do departamento xurídico.
O martes 29 de setembro reuniuse a Mesa para abrir as ofertas económicas presentadas, sen presenza das empresas licitadoras, que non foron convocadas como marca a normativa vixente e como prometía a propia conovocatoria do concurso no seu apartado 9d: “Comunicaráselle aos licitadores vía Fax, e-mail ou teléfono”. Non deixaron pasar nin 24 horas e no día seguinte, 30 de setembro, procederon a adxudicarlle a contratación a Plexus, S.L., empresa moi coñecida por xirar na órbita de Pérez Varela.
Sen máis comentarios de momento que o de reparar que a recente modificación experimentada pola web do Xacobeo 2010 presenta características similares ás que se estabrecían no prego decondicións da convocatoria. ¿Sería feita xa pola empresa que agora foi beneficiada coa adxudicación ortórgándolle 91,82 puntos sobre un máximo de 100?