domingo, marzo 31, 2013

Feijóo resultou ser máis mareante ca Quintana




El País
No escándalo das fotos do presidente da Xunta co narcotraficante, contrabandista de tabaco e lavador de diñeiro Marcial Dorado non sei que será máis noxento, se a propia revelación desta amizade perigosa de Alberto Núñez Feijóo ou a actitude chulesca e sobre todo badoca do político que cheira a cadaverina política dende que El País destapou hoxe as súas andainas de inspiración da pior Sicilia.
Que o dirixente político que lle montou a que lle montou ao daquela líder do BNG Anxo Quintana por unhas fotos que lle foron tomadas a bordo do iate dun coñecido empresario galego, en plena campaña electoral do ano 2009, remate pringado na galería que hoxe publica o xornal madrileño, ata podería ser cómico senón fose porque a materia do asunto é demasiado grave, mírese por onde se mire. A min, de cativo, dicianme que Deus castiga sen pao e sen pedra, expresión que aínda hoxe non comprendo moi ben e sigo preguntándome por que Deus ten que andar a paos ou a pedradas, pero o descubrimento da parella Feijóo-Dorado parece realmente o cumprimento dunha sentencia bíblica. O nacionalista de Allariz debe andar agora por Brasil ou por onde se atope co bandullo a piques de escacharlle pola risa.
El País
Disgresións aparte, a situación na que acaba de entrar Núñez Feijóo é das mais graves que se teñen dado ultimamente na política de todo o Estado.Ten razón o BNG en pedir o seu cese, que debería efectuarse inmediatamente despois de dar detallada explicación no Parlamento. E non vale dicir eu non sabía nada porque, se as ditosas fotos foron tomadas no ano 1995, daquela xa había pouca xente en Galicia que non soubese quen era e o que representaba Marcial Dorado. Eu mesmo lle dediquei un capítulo enteiro do meu libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína, publicado por Ediciones B de Barceloa no ano 1991 e, antes aínda, varias reportaxes na revista Interviú.
El País
Mal se lle acaban de poñer as cousas, polo tanto, ao inquilino do Monte Pío (grazas, Carlos, pola aclaración), residencia que haberá que ir pensando en cambiarlle de nome se Feijóo se empeña en non abandonala. Daquela podían chamarlle Monte do Calvario ou do Feijóo Dourado para poder entendérmonos mellor. E ata podían gravar en granito de Porriño un escudo no que figurase, sobre campo de gules, un barco de recreo e unha ramiña de Erythroxylum coca, en quechúa kuka.

lunes, marzo 18, 2013

O Papa deulle un bico á presidenta arxentina


Interesante o encontro que mantiveron hoxe en Roma o Papa Francisco e a presidenta da República Arxentina Cristina Fernández. Logo de case tres anos de continuas desavenencias matidas entre o ata hai pouco cardeal de Buenos Aires e a xefa do Estado arxentino, fundamentalmente debido á implantación dunha lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a modulación desta importantísima entrevista marca un novo camiño entre estas dúas autoridades.
O Papa e a presidenta almorzaron xuntos no Vaticano intercambiaron regalos (o Papa entregoulle rosas brancas en representación de Santa Teresita, á que é moi devoto, e a presidenta levoulle un conxunto de mate elaborado pola artesanía do seu país) e ata se bicaron, un feito que oficial e protocolariamente pode ser a primeira vez que se produce entre un Papa e unha muller. Como se ve, o Papa Francisco segue sorprendéndonos cunha nova maneira de comportarse que cada vez está resultando máis significativa.
Cristina Fernández non deixou pasar a ocasión de falar co novo Papa dun “tema sentido” e solicitoulle a súa “adhesión para lograr o diálogo na cuestión Malvinas”. Esta vez pode que lle empecen a medrar as ronchas na cara ao goberno británico.
Definitivamente, hai que prestarlle atención ao que pode saír do primeiro Papa arxentino.

jueves, marzo 14, 2013

EL País escorregou outra vez


O xornal El País volveu a ter outra escorregada. Esta vez foi un lapsus calami, esvarón do cálamo ou erro mecánico que se comete ao escribir. Querendo explicar que, de agora en diante, na súa web “desde cualquier punto del continente americano encontrarán una información difrenciada y específicamente destinada a la cobertura de los acontecimientos de esta región" (sic), durante varias horas mantiveron colgado este titular: “Una venta abierta a América”.
Algun suspicaz ben sei que aínda foi quen de pensar que se trataba dunha nova apertura do capital de Prisa cara os fondos de inversión americanos, pero non. Era só unha escorregada. O que querían dicir era “Una ventana abierta a América”, e por iso fixeron cambiar “venta” por “ventana” cando se decataron do erro. Rectificar é de sabios.

O novo Papa colaborou coa ditadura militar arxentina

Jorge Bergoglio tomando mate
A Igrexa Católica ten un novo Papa que non vai pasar desapercibido. O cardeal arxentino Jorge Bergoglio, agora Papa Francisco I, é calquera cousa menos unha persoa descoñecida ou aplaudida por todos. Para empezar, tén ás súas costas un suposto pasado de colaboracionismo co réxime militar da Ditadura arxentina, no seu día denunciado publicamente polos sacerdotes Orlando Yorio e Francisco Jalics, que foron deixados polo daquela provincial da Compañía de Jesús e agora xefe supremo do catolicismo aos pés dos cabalos dos ditadores militares que os secuestraron e torturaron durante cinco meses. Pior sorte correron aínda daquela outros catro catequistas que nunca máis apareceron, entre os que estaban Mónica Candelaria Mignone, filla do fundador do Centro de Estudios Legales y Sociales (CELS), Emilio Mignone, e María Marta Vázquez Ocampo, filla da presidenta de Madres da Plaza de Mayo, Martha Ocampo de Vázquez. Estes feitos foron especialmente difundidos polo prestixioso escritor e xornalista arxentino Horacio Berbitsky, que publicou varias reportaxes en Página/12 e dous libros sobre o asunto.
O agora novo Papa sempre negou ter responsabilidades nestes casos, e así o fixo ver cando foi declarar diante do Tribunal Oral 5 de Buenos Aires, dicindo que soubo deles logo de terminada a ditadura, pero o Tribunal Oral 6, que xulgou o plan sistemático de apropiación de fillos de detidos-desaparecidos, recibiu documentos que indican que Bergoglio, xa no ano 1979, estaba ao tanto do que pasaba e polo menos interviu nun caso de petición ao daquela superior dos Xesuítas, Pedro Arrupe.
En calquera caso, a persoalidade que hai na vida de Francisco I é a dun auténtico estratega católico que sempre viu con mellores ollos a oposición política do seu país, Arxentina, ca os gobernos de Entesto Kirchner primeiro e de Cristina Fernández despois, respecto aos que sempre se sentiu ofendido, especialmente cando foi aprobada unha lei que autorizou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
Fillo dun emigrante italiano, piamontés, que foi ferroviario en Buenos Aires, Bergoglio fíxose primeiro técnico químico, antes de entrar no Seminario cando xa tiña 21 anos e de ordenarse sacerdote aos 33 anos. Esta tardía vocación non lle impediu emprender inmediatamente unha meteórica ascensión na escala de mandos da Igrexa Católica. Só catro anos despois de ser cura, xa era o xefe da Compañía de Jesús na Arxentina, e foi nese tempo cando puido ter incorrido nalgunha debilidade respecto á ditadura militar que oprimiu o seu país.
Polo demais, é un home ao que se lle atribúen dotes de administrador moi ordenado que lle poden servir para depurar as finanzas dun Vaticano que se perdeu demasiado en leas que nada teñen que ver coa tan proclamada espitualidade. Ten sona de austero (en Buenos Aires non tiña coche oficial e desprazábase no Metro ou en autobuses públicos), de saber manexar ben o poder e de estar ao lado dos pobres. Como bo “porteño” é un excelente manexador da dialéctica e dos recursos comunicativos, aínda que nada amigo de falar cos xornalistas.
O máis seguro, según todos os indicios, é que resulte un Papa continuista. Como acaba de escribir Verbitsky en Página/12, “será un ersatz, esa palabra alemana a la que ninguna traducción hace honor, un sucedáneo de menor calidad, como el agua con harina que las madres indigentes usan para engañar el habre a sus hijos”. O que non se sabe aínda, como tamén apunta Verbitsky, é se foi “elixido para tapar a podredume que reduciu á impotencia a Joseph Ratzinger. As loitas internas da curia romana seguen unha lóxica que os feitos máis escuros poden atribuirse ao espírito santo, xa sexan os manexos financieros polos que o Banco do Vaticano foi excluido do clearing internacional porque non cumple coas regras para controlar o lavado do diñeiro, ou as prácticas pedófilas en case todos os países do mundo, que Ratzinger encubriu dende o Santo Oficio e polas que pediu perdón como pontífice”.

sábado, marzo 02, 2013

Unha muller dirixirá Le Monde

Natalie Nougayrède

Por primeira vez na súa historia, o prestixioso xornal francés Le Monde vai ter como máxima responsábel da súa Redacción unha muller, Natalie Nougayrède. Os accionistas principais da empresa editora, Pierre Bergé, Xavier Niel e Matthieu Pigasse, escollérona a ela entre os catro candidatos a suceder a Erik Izraelewicz, repentinamente falecido o 27 de novembro do 2012, e o 1 de marzo esta escolla foi ratificada pola Sociedade de Redactores de Le Monde co 79,98 por cento dos votos. Aínda que o seu nomeamento definitivo ten que facerse efectivo o 6 de  marzo por parte do Consello de Vixianza do xornal, pode darse por seguro que esta muller vai dirixir o xornalismo de Le Monde durante os próximos seis anos.
En primeiro lugar, cómpre salientar a chegada por primeira vez dunha muller á cabeceira do xornal francés de referencia. Houbo que agardar case 70 anos e ver pasar oito directores anteriores para que pasase isto. Le Monde foi fundado por Hubert Beuve-Méry, a petición do xeneral De Gaulle, no ano 1944, coincidindo coa liberación de Francia da ocupación nazi. Aquel periódico que naceu aparecendo cunha soa folla, chegou a ser en pouco tempo un dos máis influíntes do mundo, e aínda o é hoxe. Concretamente, a súa influenza chegou a ser extraordinaria na España do franquismo e da transición democrática. Os que levamos moitos anos no oficio do xornalismo nunca esquenceremos, por exemplo, a figura dun dos mellores e máis veteranos corresponsais que tivo en España, José Antonio Novais, falecido o 25 de marzo de 1993 en El Puerto de Santa María (Cádiz).
Novais era fillo dun xornalista que foi xefe de prensa do presidente republicano Manuel Azaña e máis tarde xefe de Prensa e Radio da Segunda República. Foi, de lonxe, o correspondente estranxeiro que mellor coñeceu España e que mellor informou dela. Nos tempos difíciles do franquismo os xornalistas que non podiamos publicar algunhas cousas nos medios para os que traballabamos nesa longa noite de pedra, sempre recorriamos a estrataxema de mandarlle esa información a Novais. El publicábaa en Le Monde, e ao día seguinte nós faciamos un refrito que empezaba sempre coa mesma entrada: “Según publicó ayer Le Monde...”. Grazas a isto, saíron á luz en España moitas informacións que directamente non llas podiamos colar á censura oficial. Por todo isto e por outras moitas razóns, Le Monde convertiuse no xornal europeo que máis influía en España, e ben o sabía, por exemplo, Manuel Fraga Iribarne cando era ministro de Información de Franco, que lle chegou a retirar algunha vez a Novais a licenza de exercer a súa profesión.
Por outra parte, Novais publicou varios libros (un sobre o asasinato do comunista Julián Grimau e outro sobre o do xeneral portugués Humberto Delgado) que foron fundamentais naqueles tempos. Tamén foi correspondente do xornal braileño O Estado de Sao Paulo, do portugués Diario de Noticias, da Radio Belga e de Radio Luxemburgo. Neste aspecto, Novais foi fundamental no mundo nformativo español de varias décadas, algo que tamén lle pasou ao alemán Walter Haubrich que empezou sendo lector de alemán na Universidade de Santiago, na década de 1960, e rematou sendo un dos mellores correspondentes que tivo o xornal Frankfurter Algemeine Zeitung en tódolos tempos.
A nova de que agora dirixa este importante xornal francés unha muller é moito máis ca unha anécdota profesional. Tamén é a primeira vez que un xornalista de base deste periódico chega á súa dirección. Natalie Nougayrède, de formación anglófila, empezou traballando noutro xornal francés que tamén é de referencia, Libération, e exerceu igualmente a profesión en RF1 e na BBC. Está en Le Monde dende 1996. Foi correspondente en Ucrania, en Rusia e noutros países. Antes de ser elexida para dirixir Le Monde, anunciou que levaría a Vincent Giret, director delegado da Redacción de Libération e antigo director da Redacción de France 1, como segundo responsábel do seu equipo. Falta por ver agora se logra quitarlle esa importante peza á competencia, tema que non vai resultar nada banal para o actual establishment da Prensa francesa.