viernes, diciembre 13, 2013

A trangallada de AGE


Non me gusta nada a trangallada política que está desenvolvéndose dentro de AGE, que non é un ácido graso esencial senón un conxunto de forzas politicas agrupadas co nome de Alternativa Galega de Esquerdas. No seu día este movemento encabezado polo nacionalista Xosé Manuel Beiras e pola comunista Iolanda Díaz representou para milleiros de persoas –entre as que me conto– unha engaiolante alternativa política que chegou a cosechar un importante éxito nas últimas eleccións autonómicas.
Todo foi máis ou menos ben ata que xurdíu a demisión do xa ex deputado nacionalista David Fernández Calviño, que elixiu dedicar a súa vida á investigación científica en Dinamarca, e apareceu a belixerante actitude da candidata que lle tocaba por orde de lista substituílo no Parlamento, a comunista ourensá Carmen Iglesias, pintoresco personaxe que se negou a ceder o posto para que se cumprise o acordo interno da coalición de non cambiar a relación de forza entre Esquerda Unida e Anova.
Digo pintoresco personaxe, referíndome a Carmen Iglesias, porque o argumento máis intelixente que lle teño escoitado para defender a súa postura é o de que ela segue a ser a vermella (ela dí “roja” e “roxa”) que foi sempre. Pero como é posíbel que aínda impere tanta mediocridade no corporativismo político galego?
A mágoa de todo isto é que nin AGE, nin Esquerda Unida, nin Anova, nin Beiras, nin Iolanda Díaz son xa o que eran antes deste lamentábel e bochornoso conflito de intereses políticos e persoais. Carmen Iglesias terá o seu minuto de gloria que lle fará pasar á historia coma muller que non entendeu nada do que pasa ao seu redor, ou que só quixo entender o que máis lle interesaba a ela. Iolanda Díaz, coma o cabo furriel ao que non lle fixo caso o soldado de portas. E Beiras coma un aspirante a Nobel da Paz que non será quen de pasar a aduanas de Oslo ou Estocolmo. Vai aviada a política galega de esquerdas por este camiño. No BNG e, sobre todo, na UPG deben andar escachándose de risa. E non digamos, especialmente, no PP.

martes, diciembre 10, 2013

A última de NCG


A última trasnada que se lles ocurríu aos responsábeis do singular derroteiro seguido polas caixas de aforro galegas é a de tentar sacar cartos do que sexa, mediante a resurrección de contas mortas dende hai máis de vinte anos. Lindorff, unha empresa de xestión de cobros e administración de carteiras NPL (non performing loans) anda chamando por teléfono a antigos clientes das vellas caixas de aforro galegas reclamándolles o pago de elevadas cantidades de diñeiro, segundo eles xeneradas “por gastos de mantemento e comisións”.
Por exemplo, sei dun destes casos no que unha empregada de Lindorff lle recramou 2.876 euros a un antigo cliente da Caixa de Aforros de Galicia por gastos de mantemento e comisións, segundo ela xenerados dende o ano 1987. O cliente en cuestión nunca foi informado –e pasaron 27 anos– da suposta “vivencia” desa conta, nin do carácter e contía que poderían ter eses gastos de mantemento e comisións que agora lle reclamou Lindorff.
Haberá que engadir agora, aos escandalosos casos das preferentes, os das resucitadas contas mortas de NCG? Non hai como ser morcego para chupar ben o sangue.

lunes, diciembre 02, 2013

Islandia

Reykiavik
Hai noticias que sería mellor que non se produciran nunca, pero xa que logo teñen que darse hai que comentalas. Por primeira vez na súa historia, a Policía de Islandia acaba de matar unha persoa pegándolle un tiro. A vítima é un home de 60 anos que, estando fóra de sí mesmo, disparou cun fusil de caza contra varios policías dende o apartamento no que vivía en Reykiavik.
Nun país coma Islandia, que só ten 322.000 habitantes e que rexistra unha das criminalidades máis baixas do mundo, este feito causou unha enorme impresión social e o propio director nacional da Policía, Haraldur Johannessen, deuse presa en comparecer nunha rolda de prensa na que dixo que “a Policía lamenta este incidente e presenta as súas condolencias á familia” da vítima.
A que parecía imposíbel que houbese aínda algunha Policía que non matase a ninguén? Pois habíaa, e era a de Islandia. Unha Policía que só portaba armas en raras ocasións e que agora, desgrazadamente, perdeu a prezada inocencia que a caracterizaba. Se cadra é porque o mundo avanza unha barbaridade (derivado de barbarie e sinónimo de brutalidade).

sábado, noviembre 30, 2013

A fogueira das vanidades de Santiago

TomWolfe

Fun a Santiago –vivo a dez quilómetros– para comprar un par de pantalóns como Deus manda na tenda de Riande, esquina da rúa do Vilar coa praza do Toural, é dicir, pantalóns co tiro suficiente para que que non te sintas sempre aforcado polas túas partes íntimas. E aproveitei para comprar, xusto enfronte, na antiga libraría Carballal, que hoxe non sei como se chama, a última novela do meu admirado Tom Wolfe, Bloody Miami.
Os pantalóns compreinos porque os necesito de verdade. Estou ata os mesmos cataplines de utilizar estas prendas coas mesmas medidas de cando tiña vinte e tantos anos e precisaba atopar algo que me servira non só para tapar as cada vez menos púdicas partes íntimas senón e sobre todo para sentirme –e sentarme– a gusto e tomar un café nunha terraza sen que me aprete os collóns o último deseñador de moda.
E, de repente, atopeime cun vello amigo que me levou tomar un excelente Albariño ao novo Marcelo da rúa das Hortas. Que magnífica experiencia! Déronnos, ademais  dun viño de colección, unha tapa feita con merluza de Celeiro que había que chupar os dedos. Teño que volver por alí para preguntar como se chama o invento e volver a pedilo.
Como tiña presa, porque ía celebrar o primeiro ano dunha miña neta que non comparte comigo o ADN, non parei moito no Marcelo e camiñei ata o Carme de Abaixo pensando en que podería facer un Tom Wolfe de Santiago con esta marabillosa cidade que é a do Apóstolo-Prisciliano. Non creo que Wolfe se emocionase moito coa historia da nai presuntamente asasina Rosario Porto, e menos aínda coa do suposto donninjién Basterra, pero alguén tería que escribir algunha vez a Fogueira das vanidades de Santiago de Compostela. Iso si, please, que o a que a escriba non sexa o literariamente analfabeto xuíz Vázquez Taín. El ten abondo con seguir facendo esa mediatizada –e mediocre– instrucción do caso.

jueves, noviembre 28, 2013

José Luis Alvite

Levo varios días pensando no que lle vou dicir a José Luis Alvite cando me atope con el nalgún restaurante de Santiago. O mellor artigulisa vivo que temos anunciou que padece non un senón dous cancros: un de pulmón e outro de colon. O gran Alvite é tan duro de pelar que un só deses malfadados bichos nunca podería con el, e a dous halles custar traballo dar cabo da súa incombustíbel humanidade.
Segundo lle dí hoxe a Carlos Herrera, en artigo publicado en La Razón, Alvite encaixou este contratempo sen pestanexar, non porque sexa un valente senón porque sempre soubo que o seu devalar pola vida “sería unha viaxe na que inesperadamente ao tren se lle acabarían por atrás o fume e por diante as vías”.
Estou seguro de que esta é a primeira vez na que o gran creador de excelentes metáforas se equivoca. Ao tren de Alvite tenlle que quedar aínda moita vía por diante e moito fume que botar atrás. Iso é o que lle desexamos os centos e miles de persoas que admiramos e lle queremos ben a José Luis Alvite. Os que lle debemos tanto por ternos alegrado e ilustrado a vida cos seus artigos incomparábeis, coa súa bonhomía e co seu infinito cariño. É la vita, Alvite! Non nos falles. Chegar por ferrocarril a unha cidade sen tren non é un estúpido soño.

domingo, noviembre 24, 2013

Economía de chupasangue

Hoxe quero empezar declarándome un perfecto ignorante en Economía, característica que por certo non me distingue moito dunha boa parte dos que actualmente pasan por expertos nesta materia, a xulgar polos desacertos que están cometendo polo menos en España. E digo isto para comentar a continuación as “sapientísimas” declaracións que acaba de facer o para min descoñecido profesor Leopoldo Abadía, enxeñerio industrial e profesor do IESE, acerca do que debe facer a xuventude do noso tempo.
Abadía, autor dun libro que se titula La economía en 365 preguntas (e por que non en preguntas de ano bisiesto, co que se podería engadir a preguntiña final de que tal senta perder o tempo lendo un libro coma este?), os mozos e as mozas teñen que buscarse o futuro porque, se creen que serán os políticos os que lles arranxen os problemas, “poden agardar sentados”. Ata aquí, todo na liña actual de desprestixiar a política como sexa, o tal Abadía non ofrece nada novo. Se cadra o novedoso –e non tanto tampouco– chega a continuación, cando “descubre” que agora “Washington ou Shangai son barrios que están a dez horas”. Supoño que serán de avión, e non nos di canto custa o billete nin se pregunta o profesor sapientísimo se aos nosos xoves lles peta irse tan lonxe para sobrevivir. Leopoldo Abadía quizais debería empezar dando exemplo das súas ideas emigrando el a Washington ou a Sangahi. Ou a Laponia, como tamén propuxo hai pouco outro clarividente cerebro do neoliberalismo español.
Hai que ter cara dura e algo de perversión intelectual para lembranos que “emigrar era o que facían os españois no século pasado cando ían a Alemania coa maleta, o que agora é ir a outro barrio que está a dez horas. Será o que fagan os xoves dentro de 20 anos”. Por desgraza, moitos xa o teñen que facer agora. Este don Pedro Abadía –bo nome para mala unha novela de intriga–, polo camiño que nos quere levar, tamén podería lembranos que aínda non hai tanto tempo que había escravos que traballaban só por unha mala comida.
O malo é que hai moitos Pedros Abadía. Todos os que nos están devolvendo ao pasado de miserias, explotación, subdesenvolvemento e reacción. Para aforrar, concepto que tanto lles gusta a eles, todos os libros que escriban estes autores deberían titularse Economía para oprimidos ou, mellor aínda, Economía de chupasangue.

martes, noviembre 19, 2013

A intransparencia do caso Sestayo


Non parece que se vaia esclarecer pronto nin debidamente o caso da deputada do PSdeG-PSOE Beatriz Sestayo. Nin ela está demostrando a vocación de transparencia que debería acompañar a calquera representante público da democracia, nin o seu denunciante parece ter seguido o procedemento máis axeitado no caso de que os feitos que denunciou podan seren constitutivos de suposto delicto, nin sequera a Presidencia do Parlamento parece ter estado á altura das circunstancias.
Para empezar, o vixiante privado que denunciou á deputada socialista tardou unha semana en formular a denuncia que ergueu este escándalo político, dado a coñecer precisamente no momento en que un concelleiro do PP da Illa de Arousa era condenado por contrabando de tabaco. Só o azar e a necesidade poderían quizais indicarnos algo sobre esta curiosa coincidencia.
Tampouco resulta doadamente comprensible o feito de que, só despois de máis de medio ano, os responsábeis do Parlamento adoptasen medidas coercitivas para desaloxar o coche da deputada Sestayo que estaba ocupando indebidamente unha praza do aparcadoiro oficial da institución da rúa do Hórreo de Santiago. En vista de como agora se vai sabendo que pasou con este caso, habería que preguntarse se non houbo ou aínda hai outros casos parecidos e mesmo semellantes que non tiveron nunca a repercusión do coche de Beatriz Sestayo.
De seren certos os feitos que denunciou o vixiante do Hórreo, a deputada socialista debería ir pensando nunha inmediata asunción de consecuencias, entre as que non estaría de máis a súa renuncia ao cargo parlamentar que representa. De seren incertos ou mesmo falsos, tería que tomar as medidas pertinentes contra o presunto calumniador que a meteu neste fregado. En calquera das dúas circunstancias, Beatriz Sestayo débenos a todos unha explicación pública e competente do que pasou co seu xa famoso coche e do acontecido na porta do aparcadoiro do Parlamento co vixiante que a denunciou. Ademais, está moi ben que a Presidencia do Parlamento mostre a súa vontade de entergarlle ao xuíz as imaxes que foron gravadas do incidente –en realidade esta boa vontade está de maís dende o punto e hora de que a Presidencia do Parlamento está por lei obrigada a presentar esas imaxes cando a autoridade xudicial llo solicite–, pero tamén sería plauxíbel que o propio Parlamento levase a cabo a correspondente investigación do caso e dera conta pública do seu resultado.
Mentres que todo isto non suceda, o suposto uso indebido dunha praza de aparcadoiro, por parte dunha deputada, e o comportamento propio ou impropio dun vixiante do Parlamento, seguirán no limbo dun rifirrafe que ata pode ter cheiros de guerrilla política. Debería primar sobre todo a transparencia, e que cada persoa e cada cousa ficasen no seu sitio.

miércoles, noviembre 13, 2013

Dende Soria ao Prestige, a AGE e a ese ministro de apelido teutón

Seis días viaxando pola provincia de Soria servíronme para apañar unha gripada que me mallou o corpo para toda unha semana. Se cadra foi o frío glaciar da Laguna Negra e nin os torresmos de Vinuesa nin os “riberitas” de San Esteban de Gormaz nin as xemas de Almazán me serviron para reducir a gravidade deste primeiro costipado invernal. Claro que pior co gripe soriano case é a febre que lle está medrando estes días á actualidade galega. Vaia semana a segunda deste mes de novembro.
Para empezar, a sentenza do Prestige. Será posíbel tanta discrepancia coa realidade? Realmente onde viviron e en que traballaron durante estes últimos dez anos os representantes da Xustiza que produciron tamaño descalabro? A Xustiza hai que respectala e acatala cando lle chega o seu momento, pero non temos por que comulgar con todas as rodas que pon en circulación, e a sentenza que acaba de emitirse na Coruña non ter por que ser a que marque o definitivo peche xudicial do asunto.
Logo está a xa demasiado enleada substitución do deputado de AGE que se foi investigar non sei ben que a Copenhague. Por certo, recoméndolle que con parte dos cartos que lle liquide o Parlamento de Galicia vaia darse unha panzada no Noma e que aproveite a ocasión para contarlle o seu caso a René Redzepi, que foi ata hai pouco o mellor cociñeiro do mundo. O famoso chef danés se cadra é quen de entendelo (o caso da substitución). Eu xa renuncio a conseguilo.
E, ademais, está o glorioso espectáculo circense-político-deseducativo que segue dando ese ministro de apelido teutón que temos en España e que se empeña en arruinar definitivamente non só a educación senón a cultura en xeral, co beneplácito e a satisfación case pantagruélica de Mariano Rajoy.
Pensando ben as cousas, case me gustaría máis seguir papando frío por terras numantinas. Polo menos alí tería o conforto do Ribera del Duero, do cabrito asado e das xemas de Almazán, e ata san Pedro de Osma me podería botar se cadra unha bendición dende o seu preciosísimo sartego na catedral de Burgo de Osma. E, senón, lería a Machado, a Gerardo Diego e a Bécquer –e mesmo a García Nieto e a Erza Pound– mentres subía e baixaba de San Saturio ou paseaba por Medinaceli.

viernes, octubre 25, 2013

As amizades perigosas de Rajoy

Había poucas dúbidas acerca da categoría moral e cidadá do empresario norteamericano que nos quere impor o goberno de Mariano Rajoy para explotar na provincia de Madrid un singular casino proxectado co nome de Eurovegas. Abondaba coa pretendida imposición dunha lexislación especial en materia laboral e de saúde pública para poder facérmonos unha idea moi certeira de que clase de personaxe é o norteamericano Sheldon Adelson, pero a metedura de pata que acaba de cometer este malandro durante unha conferencia súa na universidade de Yeshiva (Nova YorK) deixouno definitivamente retratado.
Observen o que dixo referíndose a Irán: “E sobre que imos negociar? Eu diría, escoita, ves ese deserto que hai aí. Vouche mostrar algo. Logo colles o teléfono, chamas a calquera sitio de Nebraska e dis, OK, adiante. E tiras unha bomba atómica no medio do deserto, onde non fai dano a ninguén, quizais a un par de cobras, escorpións ou que haxa alí. Logo dis, ves? a próxima no centro de Teherán. Falamos de negocios. Queres ser borrado do mapa? Sigue adiante co teu programa nuclear. Queres ser pacífico? Retírao todo e garantirémosche que podes ter plantas nucleares para enerxía e electricidade”.
Estas son as amizades perigosas de Rajoy. Nin o máis peculiar mafioso siciliano sería quen de pronunciar unha ameaza tan característica do perigoso espírito belicoso que leva dentro de si Sheldon Adelson. Que anden con cuidado Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre. Calquera día dilles o seu amigo americano que ou se axeonllan diante del e sobre as brasas ou pide que boten a bomba atómica nos arredores de Alcorcón. Cela volve a ter razón: Madrid é unha aldeuchoa manchega, entre Navalcarnero e Kansas City, poboada de subsecretarios.

jueves, octubre 17, 2013

A fantasía de Emilio Botín


Non hai como ser banqueiro para que a un lle sorría o mundo. Aí está o caso de Emilio Botín, presidente do Banco de Santander, que hoxe mesmo dixo que estamos a vivir “un momento fantástico para España, porque chega diñeiro de todas partes”. Que lle conten esta milonga aos máis de 6.200.000 parados que hai no Estado e, sobre todo, aos máis de tres millóns de españois que viven en pobreza severa.
Considera Botín que a confianza en España aumentou de “forma inimaxinábel” nos últimos seis meses e que son moitos os que agora queren investir aquí. O banqueiro de referencia do capitalismo español opina que este cambio de rumbo da econmía española débese ás reformas laborais e financeiras levadas a cabo polo goberno de Mariano Rajoy. Faltaría máis.
O malo é que a realidade empéñase en contradicir sempre as trobas destes apóstolos do neoliberalismo que hai pouco aplaudían a política económica de Zapatero e agora degoiran pola de Rajoy. No derradeiro trimestre do 2007 había en España 370.000 parados de longa duración (máis de 12 meses). Agora case hai tres millóns máis. Un de cada dous parados é de longa duración. Máis de tres millóns de españois viven na pobreza severa (dispoñen de menos de 307 euros ao mes). Máis do doble dos que había en 2007.
O 6,4 por cento da poboación do Estado está composta por pobres absolutos. O 20 por cento desa poboación concentra cada vez máis riqueza. No 2013 hai 1.625 ultramillonarios españois, un 6,9 por cento máis ca no ano 2012, e o número de ricahóns aumentou un 13 por cento entre a primeira metade do 2012 e a do 2013. Neste intre hai 402.000 españois moi ricos, segundo Credit Suisse. Mentres tanto, 12 milóns de españois están vivindo por debaixo do umbral da pobreza. Un dato alarmante: o 27,2 por cento dos menores de 16 anos viven nesa pobreza, que pasou de atinxir o 19,7 por cento dos fogares no 2007 ao 21,12 por cento no 2013. E iso que a consideración de estar por debaixo do umbral da pobreza pasou de 15.900 euros cada ano (unha familia con dous adultos e dous menores) a 14.700 no 2012. Como se agora a vida non fose máis cara aínda.
Podiamos seguir expondo máis datos procedentes de fontes nada sospeitosas como algunhas institucións bancarias, Cáritas, Eurostat, etc. Se cadra, un máis: as persoas atendidas por Cáritas en España foron 307.251 no ano 2007. No 2012, 1.300.914. O 423,4 por cento máis. Que sigan Botín e o resto dos trobadores neoliberais cantando o himno de que España vai ben. E ofendendo a intelixencia da maioría.

jueves, octubre 10, 2013

Blanco Amor, a aventura de vivir nun pobo


Xa sei que ninguén me vai crer que aínda sigo enleado na organización da miña biblioteca. Dende hai máis de vinte anos levo empeñado en facer eu mesmo de bibliotecario de silveira co propósito de meter todos os libros que fun xuntando ao longo da vida nun programa informático que me permita telos facilmente localizabeis e controlados. En realidade, todo isto non foi máis ca un bo propósito que nunca empecei a realizar ata hai dous ou tres meses, pero agora xa estou a piques de rematalo e moito me alegro de telo emprendido. Por fin vou sabendo os libros que teño e mesmo os que xa non teño por diversas razóns que non veñen ao caso.
Por exemplo, acabo de atopar un volume titulado La peligrosa aventura de vivir en un pueblo, que foi publicado en 1990 mediante unha subvención da Deputación de Ourense. Colleita os artigos publicados por Eduardo Blanco Amor en la Hoja del Lunes e en La Región de Ourense durante os anos 1967, 1968, 1969, 1970 e 1971, grazas ao traballo levado a cabo polas irmás Belén e Maribel Outeiriño, que anunciaron daquela a súa intención de acometer “unha nova edición cos artigos do escritor ourensán nos mesmos diarios ata a súa morte, ocurrida en 1979”.
Di Maribel Outeiriño, no prólogo deste libro, que Blanco Amor decidiu afincarse en Ourense o día no que pensou mercar un piso na capital das Burgas, logo de andar errante case tres anos antes de tentar a perigosa aventura de vivir nun pobo. Daquela aínda circulaba algunha xenerosidade pola Galicia cultural e o autor de Xente ao lonxe puido adquirir a que pasou a ser a súa vivenda cos cartos que lle regalaron un grupo de pintores galegos, logo de facer con este fin unha exposición colectiva en Vigo.
Lamentabelmente as irmás Outeiriño aínda non cumpriron a súa promesa de 1989 de recompilaren o resto dos artigos de Blanco Amor publicados en La Región entre 1967 e 1979. Sei que Maribel e o escritor galego Lois González Tosar están sendo animados polo presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, a emprenderen conxuntamente unha futura edición deses artigos. Estaría ben que eles, ou quen fose, levase a cabo pronto esa recolleita que nos serviría, entre outras cousas, para coñecer mellor a quen foi un dos nosos mellores escritores e homes do pensamento galego. E, de paso, se cadra debería alguén afondar algo na vida que levou Blanco Amor dende que regresou de Arxentina. Eu sei de promesas que se lle fixeron en Vigo e que non foron cumpridas causándolle ao escritor desacougos e frustracións que non contribuiron a facerlle a vida doada durante os primeiros anos do seu afincamento definitivo en Galicia, por exemplo.

viernes, septiembre 27, 2013

Odiar o delito e compadecer o delincuente


Se Bécquer (grazas, corrector) vivise e estivese ao tanto do crime da nena de Santiago, revisaría a súa sonada frase referida á soidade na que rematan os mortos no cemiterio, para engadirlle algo sobre a soidade que tamén embarga aos que supostamente remataron a vida de Asunca Porto.
De teren ata unha voceira de luxo, María Teresa Navaza, que fraco favor lles fixo a eles e menos aínda a ela mesma, e senllos avogados que os defendesen –sen contar unha morea de veciños e coñecidos que tamén poñían a mao no lume por eles–, abondou con que o xuíz estrela Vázquez Taín ordenase o seu ingreso en prisión para que se desencadease un auténtico apartamento dos agora implicados no crime que antes eran figuras senlleiras e ata egrexias da vida compostelá. A nai da nena formaba parte da dirección do Ateneo e dalguna organización empresarial, entre outras cousas.
Está ben que a sociedade se aparte da delincuencia e chore con sinceridade pola morte dramática dunha mociña que prometía ir camiño de converterse nunha pesoa intelixente e preparadísima, pero non deberiamos equencer tanto o que dixo a nosa Concepción Arenal no tocante a odiar o delito e compadecer o deliencuante. Non me parecen nin heroicos nin moi de recibo os comportamentos dos dous avogados que empezaron defendendo a Rosario Porto e a Alfonso Basterra e que tiraron a toalla namais empezaren a verlle as orellas ao lobo, e mesmo sen que os ata agora seus defendidos tivesen opción de subsituílos. Tampouco lle vou felicitar esta vez un premio á miña amiga Teresa Navaza, que non sei por que se equivocou tanto representando un papel que a levou ata o límite do esperpento.
Celebro, dende logo, a efectividade e a eficacia da Garda Civil e do xuíz instrutor do caso, se é que finalmente se acaban demostrando as súas hipóteses, pero non me alegro nada do delirante espectáculo que deu algunha xente de Santiago, acundindo expreso á rúa para mostrar máis que nada os seus instintos primarios, nin da feira manipuladora que ofreceron boa parte dos medios de comunicación, sen dúbida coa colaboración interesada dalgúns investigadores do caso, ofrecendo versións infundadas e imaxes máis propias dunha teleserie de terceira ca dunha información responsábel. O crime de Santiago serviu para demostrarnos que cada vez hai máis televisión venezolana e menos –en realidade, ningunha– BBC.

miércoles, septiembre 25, 2013

Delincuencia interclasista


Antes de facerme maiano (non estou seguro de que se diga así o xentilicio da Maía) fun lugués durante 16 anos, outros 16 fun madrigalego, dous anos francés da Lorena e vivín 14 anos en Santiago. Coido que ata cheguei a sentirme picheleiro auténtico e a considerar que a actual capital de Galicia era o sitio no que me gustaría pasar os derradeiros anos da miña vida. Cheguei a ter, xa que logo, o que seguramente é un bo coñecemento do que son a vida e as xentes dunha Compostela que foi a miña cidade en tres etapas do meu paso por este mundo, dúas delas marcadas polo franquismo e por parte da súa longa noite de pedra.
Poucas veces observei, porén, algo semellante ao que parece estar acontecendo nos últimos tempos na cidade do Apóstolo e da burocracia política. En menos de dous anos estamos vendo como ao xuíz novelista Vázquez Taín lles están caendo de punta casos que lle poden seguir inspirando a súa carreira literaria e enriquecendo experimentalmente a súa profesión forense. De confirmárense as hipóteses de traballo que hoxe manexan as forzas de orde pública que investigan a morte da mociña de Santiago Asunta Basterra, seguramente estamos a piques de que o caso do roubo do Códice Calixtino, diñeiro e outros obxectos da catedral compostelá pase a moi segundo plano da historia recente da criminoloxía local.
Eu lembro que, hai só tres décadas, por exemplo, en Santiago a penas se falaba máis ca das gamberradas dun célebre Alejo que atemorizaba as mentes política e relixiosamente correctas do Ensanche. O tal Alexo, a quen eu coñecín bastante ben, no fondo non era máis ca un raposo domado que, de vez en cando, asaltaba o galiñeiro chupándolle a xema aos hovos, pero sen matar nin sequera mancar moito as pitas do curral. Agora é moi diferente. Quen roubou na catedral foi un propio “home de igrexa e sacristía”, e toda unha avogada de moitísima sona remata engaiolada como suposta implicada na morte da súa propia filla.
Será que os tempos avanzan unha barbaridade. Agora xa non son só os pobres de solemnidade ou os desarraigados de sempre os que engrosan a estatística da delincuencia. Aí están os Bárcenas, os Urdangarín, os Souza e tantos outros que pertenecen ás mellores camadas da boa sociedade actual. Santiago non podía ser menos en darlle que facer aos xuíces. A nosa delincuencia tamén é interclasista.

martes, julio 30, 2013

Os libros de Díaz Pardo


Atarefado como ando case exclusivamente na recatalogación da miña biblioteca, vou de sorpresa en sorpresa. Resulta enormemente interesante somerxerse varias veces na vida no proceloso mar dos libros que un vai acumulando ao longo dos anos. Atópanse dedicatorias de autores que un non sabía que as tiña, notas que fan revivir un pasado esquencido, cartas de amor e desamor perdidas entre as follas dos volumes, vellos manuscritos e artigos mecanografiados, etc. A min ata me apareceu un carnet da Sala de Bingo do Círculo Mercantil e Industrial de Santiago do ano 1979. Debe se o único deste tipo que me fixeron en toda a vida porque, en xeral, nunca pertencín a clubes, casinos nin sociacións deportivas ou polo estilo. E, por certo, niso do Bingo tampouco fun nunca afortunado.
Maís interesante aínda é ir vendo como evolucionou a actividade editorial en Galicia e o uso do idioma galego por parte dos autores, por exemplo. Hainos que ata cambiaron as grafías dos seus nomes e/ou apelidos varias veces. De momento, o que máis me chama a atención é a enorme importancia que tiveron as Ediciós do Castro de Isaac Díaz Pardo, unha editorial que algún día os especialistas da cultura galega deberían estudar a fondo para situala en todo o esplendor que merece esta editora. Isaac publicou centos de libros e, sobre todo, deu ao prelo o que había que dar sen limitarse aos corsés culturalistas e saudosos que caracterizaron a outros editores galegos. A case todos, en xeral.
No enorme fondo de Ediciós do Castro, sobre todo nas décadas de 1970 e 1980, está a Galicia real, a dos problemas, as solucións e a análise crítica. Literatura, poesía, ensaio... hai de todo no seu catálogo. Está ata o poeta Ho-Chi-Ming, traducido por Neira Vilas. Hai estudios sobre o anarquismo, o comunismo, o marxismo, o liberalismo, o capitalismo. Sobre case todo. E sobresae a edición de publicacións periódicas sobre Cerámica, Aqrueoloxía, Xeoloxía, Mineraloxía, Edafoloxía, Tecnoloxía, Medio Ambiente, Historia, Economía, Arquitetura, etc. Vendo o moito que se publicou na hoxe case desaparecida Ediciós do Castro parece como se os da miña xeneración nos tocase vivir nun país desenvolvido, moderno e actualizado. Xa sei que só é un espellismo, pero a culpa non é de Isaac Díaz Pardo.

viernes, julio 26, 2013

Os de Angrois


Estase a falar ben e moito dos veciños de Angrois, unha aldea próxima á capital de Galicia, que mostraron a excelencia humana botándose inmediatamente a salvar vidas e atender feridos no dramático accidente que vén de suceder en Santiago. Curiosamente, enfrascado como ando en reorganizar e catalogar a miña biblioteca, atópome co Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez González, no seu tempo membro da Real Academia Galega, que tamén fala dos veciños de Angrois, pero da seguinte maneira:
“ANGROIS. Nombre una aldea próxima a la ciudad de Santiago, que ha dado lugar a la formación de varias frases y locuciones muy gallegas, funadas en un supuesto pueblo imaginario de habitantes rudos. // ¿Coidas que son de Angrois?, ¿crees que soy tonto y me engañas? // Non veño de Angrois, y también non vimos de Angrois, dícenlo aquellos que no quieren pasar plaza de cándidos, de ionecentes o de poco avisados. // Parece que vés de Angrois, se dice al que da señales de estar abobado o de tener corto entendimiento. // ¿Seica somos de Angrois ou que?, suele objetarlo el que cree que lo tomo por inexperto o por torpe”.
Por desgraza, tivo que suceder algo tan terribel como o que pasou o día 24 de xullo para que os de Angrois pasen á máis recente historia como excelentes persoas, cidadáns xenerosos e solidarios e exemplo de bonhomía. O paso dos tempos adoita presentar estes paradoxos.

viernes, julio 05, 2013

Os ricos non choran, evaden impostos

Foto Xosé Castro (La Voz de Galicia)
Amancio Ortega, o home mais rico de España e o cuarto máis rico do mundo, cunha fortuna valorada en 40.000 millóns de euros, non é precisamente o que máis se distingue por pagar relixiosamente os seus impostos. Unha sentenza do Tribunal Supremo acaba de obrigalo a pagar 33 millóns de euros máis do que pagou polo que lle correspondía polos anos que pasaron do 2001 ao 2003 (ver El País). Emilia Pérez, a súa muller, e a súa filla Marta Ortega tamén deberán pagar 336.942 e 897.720 euros, respectivamente, e o daquela videpresidente de Inditex, Xosé María Castellanos, terá que abonar 365.000 euros máis en impostos.
Entre os catro, trataron de non pagar case 37 millóns de euros do que lles correspondía de impostos polos tres anos investigados pola Facenda Pública, despois de que Amancio Ortega e Castellanos  configurasen “un artificioso entramado patrimonial coa finalidade de beneficiarse dunha exención que por definición non resulta aplicábel”, segundo acaba de sentenciar a sala do contecioso-administrativo do Tribunal Supremo. Amancio Ortega, a súa muller, a súa filla e o daquela home de confianza Xosé María Castellanos, actualmente á fronte de NCG, baixo a direccón deste último, armaron unha arañeira financeira coa intención de aforrar case 37 millóns de euros no que lles correspondía pagar de impostos despois de teren logrado cuantosísimos beneficios coa venda de accións de Inditex cando este grupo empezou a cotizar na Bolsa. Só no caso de Amancio Ortega, estes beneficios foron de 1.300 millóns de euros, e o armadillo de sociedades empregadas para intentar non pagar impostos comprendeu varias Sicav ou Simcav e empresas familiares como Ponte Gadea, Licidia, Inversiones Menlle, Alazán, Keblar, etc.
Para que se diga que os nosos millonarios son xenerosos.

miércoles, julio 03, 2013

Ao servizo do imperialismo


Estará o primeiro mundo gobernado por unha panda de incompetentes que nos levaron a crise que estamos a padecer? Será Europa unha trela composta por cónsules do imperialismo para atarnos ben atados ao poder dos USA? O tratamento a que foi sometido o presidente de Bolivia, Evo Morales, cando volvía de Moscú logo de asistir a unha reunión de paises podutores de gas natural, pon os pelos de punta. E, coma sempre, foi o goberno de Mariano Rajoy o que máis sobranceou as súas ínfulas de lacaio dos Estados Unidos.
Baseándose no rumor infundado de que o avión presidencial boliviano podía transportar clandestinamente a Edward Snowden, o ex empregado da NSA que anda destapando as malas artes dos servizos segredos norteamericanos, varios países europeos (España, Portugal, Francia e Italia) mostraron o seu servilismo ao imperialismo negándolle permiso a volar sobre os seus espazos aéreos ou a aterrar nos seus aeroportos. O avión de Evo Morales tivo así que parar no aeroporto de Viena e permanecer nel durante case un día, dando orixe a un dos episodios máis vergonzosos que se deron na diplomacia europea das últimas décadas.
E quen foi o máis adiantado representante desta provocación exercida contra o goberno de Bolivia? Nada menos que o embaixador de España en Austria, Alberto Carnero, que cumprindo ordes do ministro español de Exteriores, José Manuel García-Margallo, se presentou no aeroporto de Viena, a horas intempestivas da madrugada, pedíndolle a Evo Morales que lle deixase subir a bordo do avión para tomar un café dentro. Sen dúbida o diplomata español tamén quería facer el mesmo de espía. O presidente de Bolivia díxolle que non, que el non era un criminal.
A primeira consecuencia xa é que, en varios países de Latinoamérica (Bolivia, Arxentina, Ecuador, Venezuela...) volven a mirar cara a Europa, e particularmente cara a España, como se fose un territorio do que hai que desconfiar. Evo Morales, sen que lle falte a razón, considerou que el e o seu avión presidencial foron secuestrados.
Polo demais, resulta curioso comprobar como un goberno coma o de España, que deixou campar as súas anchas o vós segredos da CIA cando transportaban presos clandestinos tomados en Irak ou en Afganistán, se mostre agora tan puntilloso co avión presidencia dun país que non só debería ser amigo senón tamén considerado como antigo fillo da “Madre Patria”. Debe ser por aquilo de que, como é sabido, o infanticidio sempre foi unha práctica que, máis ca unha excepción, constitúe unha regla. E en política, cando se trata de servir ao amo, máis aínda.

jueves, junio 27, 2013

O Sorriso de Daniel


O Sorriso de Daniel é unha asociación fundada en Santiago, o 6 de marzo de 2010, co ánimo de promover o románico galego, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval galego, difundíndoo dentro e fóra de Galicia e fomentando o seu estudo e coñecemento e a transmisión do seu valor ás xeneracións futuras.
Dende a súa aparición destacouse levando a cabo traballos de limpeza e recuperación de puntos do patrimonio galego que estaban totalmente abandonados ou incomprensibelmente desatendidos polos organismos públicos que deberían velar por eles. Neste aspecto, O Sorriso de Daniel é unha meritoria brigada verde que acode onde non chegan outras mans protectoras do noso patrimonio. Igrexas, vellos mosteiros, etc. xa se beneficiaron da súa voluntariosa entrega pública.
O pasado 15 de xuño andaron por terras de Caldelas. Limparon a maleza que cubría boa parte da antiga igrexa e camposanto de San Paio Abelenda, un lugar que eu visitei e fotografiei aló polo ano 1972, cando comenzabamos a facer a Gran Enciclopedia Gallega. Pasaron 31 anos e, polo que vexo, as cousas alí foron cada vez a pior. Moito temos que agradecer que haxa xente coma do Sorriso de Daniel que lle dá sentido a unha parte da súa vida traballando polo ben público.

miércoles, junio 19, 2013

O decano Platas Tasende preocúpase por Xosé Luis Méndez


Informou Europa Press de que o decano do Colexio de Avogados da Coruña e presidente do Consello Galego de Avogacía, Antonio Platas Tasende, dirixiuse por carta ao vocepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedirlle que se protexa a comparencia de Xosé Luis Méndez, ex director xeral da da desparecida Caixa Galicia, no Parlamento pola “posíbel presenza de grupos de presión”.
Hai cousas que se pasan de rosca e esta é unha delas.  A conto de que demanda o remitente da carta esta protección? Como avogado defensor de Méndez? Como representante dos letrados coruñeses e galegos? Debería precisalo en tanto e canto utlizou o membrete oficial do Colexio de Avogados da Coruña e redactou a carta facendo mención á súa condición de presidente do Consello Galego da Avogacía. Se é como avogado defensor do multimillonario ex banqueiro non estaría de máis que non mesturase  tanto a dignísima función de defender ou a asesorar a alguén coa igualmente digna representación dunha corporación profesional. Se actúa como tal representante e non como defensor nin asesor particular, quizais debería ir pensando en mostrar igual preocupación en dirixirse ás autoridades para preocuparse pola seguridade de todos e de cada un dos cidadáns que podan ter que pasar por circunstancas parecidas ás do cidadán Méndez, que a estas alturas debería ser nin máis nin menos que un cidadán calquera. Iso si, coa diferenza de que un calquera non meteu no peto a millonada que levou Xosé Luis Méndez.
Alén disto, hai algo de extravagante no comportamento do avogado e representante institucional Platas Tasende. Pensa se cadra o ilustre letrado que quen manda na Xunta, no Parlamento Galego ou na Delegación do Goberno, por exemplo, non se ocupan de prestar a debida seguranza a calquera cidadán que a precise, e hai que pedírllela para que sea efectiva? Se eu fose o vicepresidente Rueda, lería de reollo a carta que lle mandou Tasende.
Seguramente o que nos di todo este asunto é, unha vez máis, que hai cidadáns de primeira, de segunda e de terceira; e logo estamos a inmensa maioría: aqueles polos que non se vai preocupar endexammais ningún Platas Tasende. Unha lección máis da historia que estamos facendo (padecendo).

martes, junio 18, 2013

Faits divers en Pontevedra

Foto tomada de La Voz de Galicia

De vez en cando aparecen nos xornais noticias desas que os franceses chaman faits divers que tiran poderosamente á reflexión. Hoxe, por exemplo, en La Voz de Galicia, o caso dun rapaz que se tirou ao río Lérez en Pontevedra para salvar unha cadeliña de tres meses que probablemente foi botada ao río por algún desalmado.
Eran as tres da mañá cando Daniel Ferrer e Tamara López, que estaban dando un paseo pola ponte dos Tirantes, oíron os queixidos do animal. Chamaron á Policía Local –os feitos ocurrían moi preto da Xefatura– pero dixéronlles que non podían facer nada. Daquela o rapaz, tirouse á auga e, poucos minutos despois, saíu dela ca cadeliña nos brazos. El e a súa moza tapárona cunha chaqueta e, empapados, fóronse con ela para a súa casa para continuar salvándolle a vida. Esta vez o heroi foi David Ferrer, e non a Policía Local de Pontevedra. Todo hai que dicilo.

martes, junio 04, 2013

Bancos que cobran ata por axudarlles


A calquera –polo menos aos que somos clientes do BBVA– lle pode pasar o que me acaba de suceder a min. Hoxe recibín, na miña conta de correo electrónico de Gmail, unha mensaxe con este texto: "Debido a cambios en nuestra política interna, a partir del 06.04.2013 para seguir usando su tarjeta en linea usted esta obligado a descargar y completar el formulario seguro”. Tal cual, sen acentos e con esta linguaxe de sospeitosa concisión. Nin que dicir hai que non se me ocurriu para nada descargar nin abrir o arquivo adxunto que chegou coa mensaxe, un BBVA.zip
Pensei que lles podía ser de utilidade aos do Banco saber destas incidencias, e chamei ao número 902 22 44 66 (Línea BBVA). Atendeume unha muller moi atenta, iso si. Pero cando lle ofrecín reenviarlle a mensaxe recibida a algún email que me indicase, por se lles fose de utilidade analizala por parte dos seus servizos de seguridade, díxome que tiña que chamar a outro número de teléfono, que tamén era un 902. Ou sexa, dos que hai que pagar un sobrepezo por utilizalos. E por aí non pasei. Está ben que eu me esforce en comunicarlle a un Banco que hai alguén que supostamente está usurpando a súa identidade para enganar e seguramente estafar á súa clientela, pero que teña que pagar dúas veces chamando a un 902 para prestar esta axuda xa é pasarse de rosca. Debe ser que os Bancos ata cobran por axudarlles a mellorar a súa seguridade informática.

lunes, junio 03, 2013

A propósito de René Burri e Xosé Suárez


Este Croque vai dedicado a Fernando Acuña Castroviejo.

O Museo do Elíseo de Lausana acaba de recibir un excepcional novo fondo procedente do fotógrafo suizo René Burri, no que figura, por exemplo, o célebre retrato do Che Guevara fumando un voluminoso habano.
Concretamente esta foto é unha das máis coñecidas no mundo enteiro. René Burri, que acaba de cumprir 80 anos, traballou para a axencia Magnum dende o ano 1959 cubrindo os acontecementos máis importantes de América Latina, Próximo Oriente, Berlín Este, Paquistán, Vietnan do Norte ou China. Algúns dos seus clichés, como os do Che, Le Corbusier ou Picasso, xa son auténticas iconas do acontecer internacional da nosa época.
Vendo estas cousas, un pode preguntarse que se ten feito en Galicia neste campo. Por exemplo, onde anda a inmensa e importantísima obra fotográfica que deixou o alaricano Xosé Suárez? Hai máis de 30 anos tiven o privilexio de coñecer da súa man parte do que gardaba nunha casa de Allariz e, dende aquela, sempre tiven claro que a súa obra era unha das máis importantes do mundo. O célebre retrato de Miguel de Unamuno, magníficos traballos seus feitos nos Andes ou en Xapón revelaban a Xosé Suárez como un auténtico mestre da fotografía internacional. Quizais me equivoco, pero non sei de que haxa en ningún lado un museo que conserve e expoña a espléndida producción deste galego que viviu moitos anos na Axentina, onde foi unha prezadísma figura do xornal La Nación. Xa sei que en épocas de vacas fracas coma de agora, se cadra é pedirlle peras a un eucalipto propoñer que se recupere a figura e, sobre todo, a obra de Xosé Suárez, pero eu atrévome a solicitar que alguén se ocupe deste asunto. Se cadra o meu amigo Xosé Manuel Baltar, actual presidente da Deputación de Ourense, se por acaso le estas lineas, podía facer algo por este tema. Non somos suizos, pero tampouco debiamos reducirnos a sermos sempre a república barataria do occidente de Europa.

lunes, mayo 20, 2013

Miguel Ángel Rodríguez, moralista


Miguel Ángel Rodríguez, que foi no seu día secretario de Estado de Comunicación do goberno presidido por José María Aznar, á saída do xuízo a que foi sometido por provocar un accidente en Madrid, conducindo cunha alta alcoholemia, manifestou o seguinte: “Tengo que pedir perdón a la sociedad española y además haré todo lo posible, a partir de ahora, para concienciar a la gente de que eso no se puede hacer bajo ningún concepto”.
Está moi ben que este Paulo da dereita recalcitrante española caese do cabalo, pero a min case me abondaría con que a luz que recobrou estrelándose contra tres coches nunha rúa do barrio madrileño de Retiro lle servise para decatarse de que el non debería volver a facer nunca máis o que fixo, “eso que no se puede hacer bajo ningún concepto”, segundo pensa agora.
Non sei por que me dá a min o corpo que aínda imos velo na Televisión ou nas campañas oficiais explicándonos como hai que conducir, e a verdade é que eu case preferiría que esas leccións de moral circulatoria nolas dese algún condutor máis exemplar. De entrada, a directora xeral de Tráfico, María Seguí, xa o convidou a colaborar dicindo que teñen traballo en abundanza para compartir con xente coma el. Só faltaría que un accidente, que non causou desgraza porque Deus non o quixo, remate servindo para que Rodríguez faga caixa agora de programa en programa televisivo, por exemplo.

lunes, mayo 13, 2013

O BNG contra Alonso Montero


Pilar García Negro
Está claro que unha boa parte dos que pintan algo no BNG –agora e antes– sempre mostraron unha animadversión difícil de comprender contra Xesús Alonso Montero. Unha boa proba foi a incontinencia verbal que lle aplicou o outro día Xavier Vence, e hoxe foi Pilar García Negro a que botou veleno pola voca contra o actual presidente da Academia Galega. En xeral, todos os apparátchikis do nacionalismo do Bloque non poden nin oír falar del. Dame a impresión de que, nunha hipotética situación de poder que eles ostentaran, ao primeiro que mandarían ao paredón sería o autor do Informe dramático da lingua galega.
E isto por que? Sábese e non se sabe. De entrada, contou a rivalidade que houbo algunha vez entre Alonso Montero e Francisco Rodríguez, dous expertos en Rosalia de Castro, comunistas ámbolos dous. Pero un metido no nacionalismo ata as cachas e o outro militante do internacionalismo. Tamén xugou o seu papel a competencia que sempre tiveron, sobre todo hai anos, o Partido Comunista e a Unión do Pobo Galego. Os da “U” nunca tragaron a Alonso Montero. Sempre foi para eles un inimigo político e cultural a bater. A súa particular besta parda.
Ata agora, todo isto non trouxo máis consecuencias cas de manter unha estéril loita persoal que non favoreceu a ninguén, pero o caso puido cambiar moito coa chegada de Alonso Montero á presidencia da Academia. Os do Bloque, moitos dos seus dirixentes e miltantes, parece que están dispostos a levar contra el unha guerra coma que levou a dereita contra Xosé Luis Méndez Ferrín para botalo da rúa Tabernas. A campaña xa está en marcha, dende logo, e, por certo, sen aforrar insultos persoais nin catilinarias de taberna.
Que é o que dixo ou fixo gravemente Alonso Montero para merecer esta reacción tan virulenta do BNG? Abondou con que opinara, en Voz Televisión, que esta forza política quérelle tan ao idioma galego que é coma esas madres que, de tanto quererlles aos seus fillos, abáfanos apretando neles? Acaso isto non ocurre moitas veces, efectivamente, coa política sociolingüística do Bloque? E por que non lle responden a Alonso Montero sen insultalo como se fose o seu pior inimigo? Nin a Feijóo nin a Rajoy nin a ninguén máis lle dedican insultos tan groseiros.
O caso é que esta nova liorta entre galeguistas e nacionalistas non é boa para ninguén, senón que lle fai un fraco favor á cultura e ao idioma galegos. Se cadra Alonso Montero ben puido evitar unha actitude que os do Bloque tomaron coma unha provocación insportábel, pero nin Xavier Vence debeu entrar ao trapo da maneira que entrou nin Pilar García Negro debería tomar quenda coma a colleu. No fondo de todo isto, estase a dar a perniciosa impresión de que vivimos arredor dunha intelligentsia que non lle importa máis nada ca súa propia supervivencia, o seu marcado egocentrismo e o seu particular maniqueísmo. Os graves problemas do país están moi lonxe de todo isto. E válianos Breogán se os do Bloque se empeñan en resolvelos por este camiño. Son irmáns e non se entenden. Coma sempre.

sábado, mayo 11, 2013

O mafioso español Fernández Paz, asasinado en Sicilia

Juan Ramón Fernández Paz

O español Juan Ramón Fernández Paz, de 57 anos, e o portugués Fernando Pimentel, de 36, foron asasinados hai pouco pola mafia siciliana preto de Palermo. Os seus corpos, con máis de trinta disparos recibidos sobre os seus corpos, foron encontrados nun basureiro incontrolado de Casteldaccia, e xa foron detidos dous participantes no crime, os irmáns Pietro e Salvatore Scaduto, fillos dun vello coñecido da mafia siciliana, Bartolomeo Scaduto, que foi asasinado no ano 1989. Salvatore Scaduto fora noivo dunha irmá do arrepentido Francesco Marino Mannoia, que tamén foi asasinada, xunto coa súa nai e unha tía, no ano 1989, cando o seu irmán empezou a colaborar coa Policía italiana. Fernández Paz –alcumado Joe Bravo– era, segundo a Policía canadiana, “un gángster perfecto”.
Fernández Paz, preso en Canadá
Os corpos de Juan Ramón Fernández Paz e de Fernando Pimentel foron atopados o 21 de abril logo dun chivatazo anónimo que recibiron os Carabinieri. O mafioso español chegara a Sicilia en xunio do 2012, despois de ser expulsado de Canadá, donde acabara de cumprir unha condena de dez anos por extorsión, tráfico de drogas e posesión ilegal de armas. O portugués Fernado Pimentel reuniuse con el en Palermo dúas semanas antes da súa morte. Os dous andaban relacionados coa banda mafiosa de Bagheria, unha pequena cidade moi póxima á capital siciliana.
Fernández Paz, mentres viviu en Canadá, traballou para o xefe da mafia de Montreal, Vito Rizzuto, natural da localidade siciliana de Cattolica Eraclea. Naceu en España, pero os seus pais levárono a Canadá cando tiña cinco anos e alí tardou pouco en converterse nun personaxe importante da mafia de Quebec e Ontario. O feito de non ser siciliano nin sequera italiano, non lle impediu ser aceptado como membro de honra da poderosa Mafia. Na súa xuventude foi un atleta afeccionado, experto en artes marciais. Cando tiña 22 anos foi acusado de matar a súa noiva, unha bailarina exótica, e condenado a 12 anos de cadea. Ao saír do cárcere dedicouse a vender coches e tivo un bar de zumes en Montreal. Foi varias veces condenado e deportado, pero sempre volvía a Canadá. Foi relacionado cos asasinatos dos tamén mafiosos Panepinto e “Big Gus” Alevizos. Un informe penitenciario elaborado sobre Fernández Paz atribuille “tendencias psicópatas”, “egocentrismo”, “narcisismo”, ”grandiosidade” e “insensibilidade”.
Fernández Paz, xa en Sicilia
Era un home guapo, que iba sempre ben vestido, de complexión forte, que atraía enormemente as mulleres, entre elas algunha garda dos cárceres. Boa parte do seu poder procedía da súa relación co cappo canadiano Vito Rizzuto, aliado da familia Bonnano de Nova York. Cando Rizzuto foi levado ao cárcere, os seus inimigos mafiosos matáronlle o pai e o seu fillo. Este último foi enterrado nun ataúde de ouro e levado en procesión pola Montreal Little Italy.
Vito Rizzuto
Pero derradeiramente a Fernández Paz atribuíaselle tamén certa relación con outro mafioso importante en Canadá, Raynald Desjardin, e suponse que foi mandado matar polos seguidores de Rizzuto porque non mantivo clara a súa posición nunha cruenta guerra entre bandas que custou máis de 50 vítimas mortais en tres anos. Os de Rizzuto pensaron que Fernández se estaba pasando ao inimigo e tendéronlle unha trampa que, segundo parece, consistiu en que os irmáns Scaduto dixéronlle que acudise ao lugar onde o mataron para ver unha prantación de marihuana. Namais baixárense do coche el e o seu home de confianza, o portugués Fernando Pimentel, recibíronos con máis de trinta tiros de pistola. Fernández Paz non se separaba nunca dun reloxio Rolex de ouro que lle regalara Vito Rizzuto e esa vez levábao posto. Despois de matalo, roubáronlle esta xoia e un dos irmáns Scaduto tentou vendela pouco despois en Palermo por 3.000 euros.
O caso motivou unha gran redada que levou ao cárcere a máis de 30 mafiosos relacionados coa banda mafiosa de Bagheria, preto de Palermo.

viernes, mayo 10, 2013

Xavier Vence non é Meendiño


Xavier Vence é todo un catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago que parece inclinado a sumarse ao corifeo vociferante no que se convertiu a política galega dos últimos tempos. Chegou a ser o mandamáis do BNG cando xa quedaban poucos para merecer –ou para aceptar– ese cargo e agora anda buscando, polo que parece, un lugar no que luza o sol da polémica rachada e maleducada.
A Vence non lle gustou o que dixo recentemente Xesús Alonso Montero, ao ser entrevistado en Voz Televisión por Fernanda Tabarés, acerca de que “se hai unha formación política comprometida co idioma esa é o BNG, pero son como esas nais que queren tanto aos nenos pequenos e aprétanos tanto que os abafan”. Era moi libre de gustarlle ou non esta análise, e o que debeu facer é rebatela con argumentos e non con insultos. Falando no Foro Cívico da Coruña, o líder do BNG chamoulle “bocazas” e “botarate petulante” a Alonso Montero, que mesmo podía ser seu pai. Nisto non se diferencia en nada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non se recatou en ofender a Beiras, que tamém podía ser seu pai.
O novo practicante do “maldizer” galego –nada a ver coas Cantigas de Meendiño nin de Airas Nunes– referiuse ao presidente da Academia Galega con esta frase: “Alonso Montero evidenciou un complexo clasista en relación ao galego, con conceitos de home rancio e anticuado. É un auténtico bocazas, un botarate petulante que destila certa misoxinia ao facer eses simis”.
Isto é o que se chama botar a lingua a pacer. Un señor catedrático da alma mater compostelana, que aspira a gobernar Galicia, arremete contra o presidente da Academia chamándolle “bocazas” e “botarate”. Nen sequera utilizou o idioma galego para insultalo, no que debería dicir bardallas, barafustán, baralleiro ou barallocas, en vez de “botarate”; ou linguateiro, deslinguado, lercho, lerchán, lingoreteiro, falabarato ou badueiro, en vez de “bocazas”. Non. O destinguido –non confundir con distinguido ou sobranceiro– Xavier Vence apuntouse á linguaxe insultante coa que hoxendía certos políticos parecen sentirse a gusto. A min o único que me inspira Xavier Vence con esta verborrea son unhas inmensas ganas de mandalo á merda. Para falarlle dende o seu propio nivel de educación.

sábado, mayo 04, 2013

A morte dun indixente en Santiago reclama transparencia

Esta vez non teñen directamente a culpa nin Rajoy, nin Feijóo, nin Ana Mato nin Ana Pastor, nin Romay Beccaría, nin calquera dos de que –un tras doutro– foron deteriorando a asistencia pública española. Desta vez o culpábel é soamente un médico desaprensivo que preferiu aforrarle unhas cadelas á Seguridade Social a determinar o ingreso no hospital dun indixente que rematou morrendo debaixo dunha dársena da estación de autobuses de Santiago (ver La Voz de Galicia).
Desta volta a ambulancia medicalizada chegou a tempo, pero o médico que foi a bordo nin sequera lle puxo a man no corpo ao agora falecido. Límitouse a preguntar que tomara, e dixo que o tapasen ben e que lle deixasen durmir, segundo afirman os amigos do falecido. E, máis que durmir, o que lle pasou é que morreu coma un can. Chamábase Andrés Canet Requena, era valenciano de nacemento e tiña 42 anos. Tamén era toxicómano e alcohólico. Un ninguén para o médico que presuntamente o desatendeu.
O caso debería ser investigado como é debido e, se houbo neglixencias ou outras responsabilidades máis graves, aplicada a correspondente penitencia. A Seguridades Social está chea de bos sanitarios, excelentes persoas e cidadáns exemplares. Por isto, entre outras razóns, a morte do indixente da estación de Santiago reclama transparencia e responsabilidade.

sábado, abril 27, 2013

A Europa de dereitas

En Europa hai forzas políticas que parecen estaren concebidas para perpetuárense no poder. En xeneral son as de dereitas. O que acaba de suceder esta tarde en Italia, 90 días despois das eleccións, é un exemplo ben claro deste axioma. Nin o bunga-bunga, nin a corrupción, nin sequera os coquetos coa mafia lle fixeron perder a Silvio Berlusconi e á súa coalición Il Popolo della Libertà (PdL) seguir mandando no país.
Enrico Letta co presidente Napolitano
Enrico Letta, ata agora vicesecretario xeral do Partido Demócrata (PD) e primeiro ministro encargado polo presidente Napolitano de formar goberno, acaba de dar a coñecer un gabinete no que figura Angelino Alfano, ex vicepresidente do Consello de Ministros e ex ministro de Xustiza con Berlusconi, e secretario xeral do PdL, como ministro de Interior, circunstancia que non deixa de ser polo menos soprendente nun goberno que preside un representante da centrro-esquerda italiana. Alfano, ademais de ser vicepresidente do Goberno, vai volver a mandar nas forzas de Seguridade encargadas de perseguir os altos niveis de crime organizado (Mafia, Cosa Nostra, Ndrangheta...) que nunca acaban de seren descabezados en Italia. Berlusconi ten algún amigo e antigo dirixente do seu partido na cadea por colusión coa Mafia precisamente (Marcello Dell’Ultri, Vittorio Mangano, etc.) e é de supoñer que agora mesmo estará dando saltos de contento por este nomeamento.
Xa non é que Italia ande flirteando co impasse político, como argumentou Le Monde nun recente editorial; o que acontece é que segue camiñando perigosamente pola degradación política que lle subministra abondante combustíbel ao carburador populista de Beppe Grillo, que seguramente vai recibir con este novo goberno formado por políticos e técnicos da vella escola o impulso que lle faltaba para que o seu Movimento 5 Stelle sega dicíndolle Vaffanculo aos encargados de gobernar Italia na difícil situación pola que atravesa.
E, se viaxamos ao norte de Europa, as cousas non andan moito mellor. Islandia (véxase El País de hoxe) pode devolverlles o poder ás fozas políticas que a colapasaron economicamente hai cinco anos. Daquela, a movilización cidadá erguida contra os abusos da banca deu paso a unha coalición de centro-esquerda liderada pola Alianza Socialdemócrata e polo Movemento de Esquerda-Verdes que puxo á fronte do Goberno por primeira vez a unha muller, Johanna Sigurdardottir, que soubo reformar o sistema financeiro, disminuir o paro e resituar a Islandia no crecemento económico. Aos islandeses non lles debe parecer abondo pois, segundo as enquisas, están a piques de facer que regresen ao poder os que hai pouco máis dun quinquenio afogaron o país: o conservador Partido da Independencia (PI) e o centrodereitista Partido Progresista (PP). Precisamente é hoxe cando as urnas desvelarán se se leva a cabo esta reviravolta política en Islandia.

miércoles, abril 24, 2013

O Far-West de Feijóo

De toda a lamentábel algarabía que hoxe se apoderou do Parlamento Galego, no que se luciu definitivamente Núñez Feijóo como galafate da política que actualmente padece Galicia, quédome con esta frase pronunciada pola viceportavoz de AGE, Iolanda Díaz: “As súas formas –díxolle ao presidente da Xunta– son as deses amigos que vostede compartía con Marcial Dorado, como Manuel Cruz, o guerrilleiro de cristo rei que machacou a dúas camaradas miñas”.
Polo visto, Manuel Cruz non só era un dos testaferros do narcotraficante da Illa de Arousa. Tamén foi un dos guerrilleiros de cristo rei que repartiron labazadas por Ferrol. O círculo de amizades perigosas de Feijóo cada vez se vai parecendo máis aos antigos baixos fondos de Marsella. Na miña opinión, todo isto é tan grave que debería ser investigado e tratado seriamente o antes posíbel. Non podemos seguir tendo de máxima autoridade galega a alguén que coleccionou os seus amigos na extrema dereita e no narcotráfico. A Feijóo hai que paralo. Non pode seguir ostentando o seu matonismo farwestiano na tribuna do Parlamento. E Iolanda Díaz debe contar todo o que sabe de Manuel Cruz.

sábado, abril 20, 2013

Pedro Petouto na Academia

Quero ofrecerlle publicamente os meus parabéns e os meus desexos de éxito ao profesor Xesús Alonso Montero, que acaba de ser elixido novo presidente da Real Academia Galega. Os que temos a sorte de sermos ex alumnos seus do Instituto de Lugo sabemos ben da súa valía moral, intelectual e profesional, e estamos seguros de que o presidente número doce da institución que empezou a presidir Manuel Murguía ha depararnos a todos a sabedoría e o bo facer que o caracterizan e a paz que xa reclamou Manuel Rivas.
Seguramente que a súa andaina non vai ser doada nin un camiño cheo de rosas. O propio resultado electoral –saiu elixido en segunda volta por 12 votos contra 10, logo dunha primeira elección na que houbo empate entre el e Manuel González– parece indicar que agarda polo seu labor unha etapa que pode ser difícil, pero Alonso Montero non é precisamente dos que non agarran o boi polos cornos nin dos que non saben estaren á altura dos retos. Teno demostrado de sobra ao longo da súa xa dilatada e intensa vida.
É curioso o que acaba de acontecer coa Real Academia Galega. Dun presidente de tanta valía e significado como foi Xosé Luis Méndez Ferrín, a outra gran figura da cultura galega, Xesús Alonso Montero. Por muito que eles mesmos fixeron, ás veces, para atopárense en trincheiras case inimigas, os dous representan o melloriño que habita o cada vez máis dezmado espazo da cultura galega.