miércoles, diciembre 30, 2009

Tres eran tres

Xa está! O goberno de Núñez Feijóo destapou a súa posición non a respecto dun só idioma senón de tres: galego, castelán e inglés. Tres eran tres las hijas de Elena, eran tres pero ninguna era buena. Agora falta saber como van responder a oposición e a opinión pública. O que vai dicir a opinión publicada é doado prevela.
Nunca houbo un goberno que se preocupase tanto pola opinión dos pais dos alumnos, que agora van ter que decidir por tercios en que idioma han ser escolarizados os seus fillos. A dereita galega acaba de introducir no ensino unha especie de asamblearismo paternal correxido que non ten nada de libertario e moito de preocupante desconcerto que, de ser definitvamente posto en marcha, pode acabar convertendo as aulas galegas nalgunha torre de babel con percorrido incógnito.
Partindo da realidade lingüística da que se arrinca, dedicar a partes iguais os medios orzamentarios e docentes a ensinar en galego, castelán e inglés pode parecerse máis á chegada dos romanos co seu latín que a unha solución acorde co que aínda somos e non sei se seremos dentro de medio século se a arremetida gobernamental contra o galego, botada a andar polo político dos Peares, remata impoñéndose. Alea iacta est.

Xuíces que constrúen ilegalmente

Unha piscina de 12 metros, un campo de fútbol, dúas casetas prefabricadas e chantadas sobre solo de formigón e equipadas con aseos, mesa de ping-pong, mesa de comedor, neveira e televisión (ver El País). E todo isto construído ilegalmente no concello coruñés de Paderne nada menos que polo xuíz decano de A Coruña, Antonio Fraga Mandián, e polo seu irmán Xavier, titular do Xulgado do Social número 4 da cidade da torre patrimonio da humanidade.
Segundo determinou a Axencia de Protección da Lagalidade Urbanística da Xunta de Galicia, mediante un expediente que foi resolvido o 18 de decembro, deben ser demolidas todas as infraestrturas construídas nesa finca, que é propiedade da nai dos dous xuíces que mandaron facer as obras, María Isabel Mandián Maceiras, sen permiso urbanístico da Xunta e sen licencia municipal.
A superficie afectada está no lugar de Tarreos, sometida á clasificación de chan non urbanizábel, debido a que se trata dunha finca rústica de especial protección das augas e declarada, ademais, como “sistema xeral de espacio libre de titularidade pública”. Por non respectar, a construcción non residencial dos Mandián nin respectou a obrigación de dispor de 5.000 metros cadrados de superficie, xa que a finca són ten 1.799. Trátase, polo tanto, de obras non legalizábeis que comprenderon a instalación dunha piscina, un pozo de auga artesán, unha fosa séptica e tres casetas prebaricadas de madeira e formigón. Os responsábeis da obra xa foran expedientados antes por levar a cabo traballos sen autorización e por desviaren o cauce do regato das Fragas.
En Sicilia as obras ilegais acométenas, sobre todo, os emerxentes da mafia. Aquí, polo que se ve, ademais dos emerxentes de calquera clase, tamén as fan algúns xuíces. Non parece precisamente un bo exemplo. Que farán estes dous representantes da Xustiza española cando lles toque resolver casos de ilegalidade urbanística? Botarán man da súa “xurisprudencia” familiar?

martes, diciembre 29, 2009

Tontos úteis ou discípulos de Friedman?

Eu son dos que pensamos que a nosa vida non vai cambiar nada porque se casen ou sigan vivindo arrexuntados Xosé Luís Méndez e Xulio Fernández Gayoso, é dicir, Caixagalicia e Caixanova. Tanto me dá que me dá igual, escriba o que escriba Antón Reixa, empresario audiovisual forzado polas circunstancias. Digan o que digan os mártires fundadores de Galicia, que agora tamén andan no PP e que parecen, entre todos, os sete santos fundadores de Irlanda, esta terra vai seguir sendo esta terra con fusión ou sen ela e mesmo con fisión ou sen fisión.
Porén, non entendo cara onde están a circular os actuais apóstolos do PSdeG-PSOE. Que Ricardo Varela saia agora falando de “tontos úteis” ou que Leiceaga, ese santo fundador de Irlanda, algo así como un Saint-Corentin de Compostela, nos veña falando ultimamente do perigo da intervención do “estado” galego, ou sexa a Xunta, no único no que aínda quedaba algo de público na actividade bancaria da nosa terra, paréceme polo menos cinismo político recalcitrante. Para unha vez que a nosa dereita de sempre, que é dereita pero é a nosa (xa saben aquilo de Flanklin D. Roosenvelt sobre o dictador Taccho Somoza), parecía apostar por algo público, ben puideron seren polo menos máis discretos. Ou volveu o PSOE a inciar outros cen anos de vacacións?
O de que Varela lle chame fatos e, ademais, úteis aos seus contrincantes políticos podía pasar como simple ocorrencia de taberna política, pero que o seu partido se empeñe en estigmatizar o intervencionismo público como Franco tentaba colgar dun pao os comunistas antóxaseme que xa é máis grave. Sobre todo, tratándose dunha tendencia política que se inclina pola intervención cando lle convén. Ou é que se volveron os socialistas galegos un fato de discípulos Milton Friedman?

jueves, diciembre 24, 2009

Outro ano en arrandeo


“Outro ano en arrandeo, e detrás nosa,
os nosos pasos de onte xa sin voz.
E os nosos xeitos, xa con non sei que
de doce señardá de cousas orfas”.

Sírvanme estes versos de Aquilino Iglesia Alvariño para dirixirme a todas as persoas que coñecín, coñezo ou poda coñecer no futuro en días de tanta tradición como os que estamos a vivir. Especialmente, aos “croquianos”, pero tamén a todos os demais, sexan tirios ou troianos. E de maneira especial, tamén, a eses dous xornalistas da Cadena Ser, Daniel Anido e Rodolfo Irago, que un xuíz desxuiciado quere mandar á cadea por teren contado a verdade.
Para o xuíz, Ricardo Rodríguez Fernández, só lle desexo que os Reis Magos lle traian unha boa tonelada de tizóns. Por ver se lle alumean o espírito, que boa falta lle fai.

A Aircomet(ida) de Díaz Ferrán


Viaxei unha vez nun avión da compañía agora arruinada Air Comet, da que é propietario o presidente da Confederación Española de Empresarios (CEOE), Xerardo Díaz Ferrán. Foi unha viaxe a Buenos Aires, no mes de novembro do 2008. Tanto no percorrido de ida como no de volta, chamaba a atención o mal estado dos avións. Agás dos mecanismos de navegación, que eles como é lóxico funcionaron, senón non estaría eu contando isto, nos aparatos de Air Comet pouco era o que cumpría a función para a que fora instalado. Empezaban o voo cobrando por ver a película e remataban tendo que devolver os cartos porque o sistema de a bordo non era quen de facer chegar a imaxe ás pantallas dos pasaxeiros, entre outras cousas porque moitas delas estaban escachadas co evidente perigo de que alguén se cortase se inadvertidamente pasaba a man polas estelas que seguían enganchadas nos resplados dos asientos ou se, por un accidente, se vise proxectado contra elas. Dende logo, eu teño motivos para comprender a frase que acaba de pronunciar o propio Díaz Ferrán: "Yo no hubiese elegido Air Comet para volar a ningún sitio" (Ver La Voz de Galicia). Manda carallo na Habana a propaganda que fan de si mesmos algúns empresarios que logo lle pasan as súas deudas ao Estado!
Daquela, a prensa de Buenos Aires falaba diariamente da crise pola que atravesaba outra compañía aérea, Aerolíneas Argentinas, que tamén era propiedade do dono de Air Comet. O goberno arxentino estaba a piques de embargarlla a Diaz Ferrán por importe de un único dólar, debido a que non fixo fronte aos compromisos adquiridos cando a comprou, e, de feito, o embargo rematou levándose a cabo. Díaz Ferrán recibira unha axuda pública por importe de 955 millóns de euros que non destinou á compra de avións, ampliación de capital e pago de deuda aos que se comprometera para lograr esa axuda, segundo logo salientou o Tribunal de Cuentas do Estado no ano 2006.
Cajamadrid, entidade da que era conselleiro o dono de Air Comet, concedeulle un crédito de 26,5 millóns de euros que nunca pagou e, por riba de irrespectar as incompatibilidades que lle podería marcar o seu cargo na entidade de aforro, Díaz Ferrán presentou como garantía dese crédito accións da súa empresa Viaxes Marsáns que xa foran pignoradas anteriormente por Banesto, algo que logo lle fixo laiarse ao presidente de Cajamadrid, Miguel Blesa, de que Díaz Ferrán se burlou deles con este comportamento.
Mentres tanto, Díaz Ferrán puxo á venda outra empresa da súa propiedade, Trapsa, concesionaria do transporte público madrileño, só mes e medio despois de que Esperanza Aguirre lle prorrogase por 15 meses as concesións mediante unha medida que revalorizou inmediatamente os seus activos.
Porén, o que quizais resulta máis chamativo deste alto representante da patronal española é a súa pertinaz morosidade demostrada coa Seguridade Social, á que lle adeuda dende 1996 –unha data na que non había crise económica– o pagamento de cuotas que sobrepasan agora os 16 millóns de euros. Air Comet, nacida das cinzas do grupo Oasis, a finais de 1997, acumula perdas que sobrepasan os 100 millóns de euros, das que máis de sete millóns corresponden a deudas contraídas cos seus traballadores. Outra empresa do seu grupo, Newco, tamén lle debe catro millóns de euros á Seguridade Social.
O cuiroso do caso é que Díaz Ferrán, na súa condición de representante da patronal española, sempre foi un acérrimo defensor de que o Estado debería rebaixar as cuotas da Seguridade Social. “Pero se ti non as pagas”, viuse obrigado a dicirlle alguén nunha desas constantes diatribas súas.
Mercurio, a aseguradora coa que traballaba a compañía aérea, tiña pendiente de recibir garantías por valor de 18 millóns de euros que lle permitisen pagar as indemnizacións comprometidas pola empresa de Diáz Ferrán e do seu socio Gonzalo Pascual, que tamén é vicepresidente da CEOE.
A última é que un xuíz de Londres mandou embargar o aluguer dos avións que utilizaba Air Comet porque Díaz Ferrán e Pascual tampouco lle pagaban a quen llos alugaba, co resultado xa coñecido de que o Ministerio de Fomento tivo que facerse cargo dos transportes aéreos comprometidos a egora incumpridos polo presidente da CEOE. Arnold Leonora, o inversor holandés que parecía estar disposto a comprar a compañía, botouse atrás ao coñecer o embargo.
Como ben dixo o ministro de Fomento, ao ter que facerse cargo da situación, “unha vez máis o sector público, tantas veces denostado, está tendo que facerlle fronte a un problema xenerado pola cuestión privada” (ver El País). E, a todo isto, nin Díaz Ferrán dimite nin a CEOE o manda a cazar cocerellos. Con empresarios así, non era preciso que chegase a crise. Maiormente, era inevitábel.

sábado, diciembre 19, 2009

O Museo Hiperactivo de Pérez Varela

O outro día diciamos que está a producirse o retorno de Pérez Varela aos corredores do poder político e pregunta-
babamonos onde rematarán sendo acollidos os seus servizos. Un lector con moita retranca lémbranos agora que poden ir destinados a rematar o deseño e a por en marcha definitiva o “Museo Hiperactivo” que anunciou cando era conselleiro de Cultura e andaba construíndo as pirámides de Cheops, Chefrén e Micerinos, xunto coa Gran Esfinxe, no monte Gaiás.
Que non o creen? Pois preman aquí e escoitarán o que dixo daquela.

martes, diciembre 15, 2009

Onde iremos parar se se acaba Valderrama

Xornal de Galicia, o periódico quintanista do empresario Xacinto Rei, só pode presumir ata agora de publicar un scoop, a polémica derivada da casa de Castelao en Rianxo, e parece estar disposto a elevar ese tema á enémisma potencia. Comenzou a súa andaina, hai un ano, dándolle comba ao bipartito que presidía Touriño para que a Xunta declarase ese inmoble como ben de interese cultural e agora, por fin, está a darlles cancha aos que non pensan como pensaba Ánxela Bugallo ou como seguen pensando Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo, e Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao.
As últimas aportacións son candansúa entrevista co historiador Xosé Antonio Durán e con Xosé Ramón Baltar, irmán de Xavier Baltar, actual propietario da casa en cuestión despois de herdala por vontade testamentariamente expresada pola derradeira propietaria da familia Castelao, Teresa Castelao, irmá do autor de Sempre en Galiza.
Dame a impresión de que Durán acaba de destapar a caixa dos tronos que tamén contribuiu a desaferrolar Xoán Ramón Baltar. “Se Daniel chega a levantar a cabeza, a bronca sería para escoitar”, díxolle Durán a Xabier R. Blanco nunha manifestación na que probabelmente o único que se pode discutir é o verbo que utilizaría Castelao para erguer a cabeza. Todo o demais, é dicir, o esencial, parece fóra de dúbidas.
Resulta curiosa esta polémica. Por un lado, a actitude protagónica dun personaxe tan curioso coma Pousa Antelo, ao que algúns xa lle chaman “o viúvo de Castelao”, que agora parece ter estado en todas a batallas habidas e por haber contra o franquismo, sen ter participado en ningunha, ou Alfonso Paz Andrade, fillo do único galeguista que Castelao apartou do se lado, e, por outro, Xavier Baltar e a súa familia, que eles si que parecen saber do que falan cando falan de Castelao (e polo medio un alcalde socialista que seguramente intenta pillar tallada do que, antes de ser alcalde de Rianxo, lle resultaba indiferente).
Debe ser porque estamos no que estamos, e non en Bretaña nin na Toscana nin sequera na provincia arxentina de Salta, onde polo menos se poñen de acordo para seguir preguntándose onde iremos parar se se acaba Valderrama.

O retorno de Pérez Varela

“Yo adivino el parpadeo / de las luces que a lo lejos / van marcando mi retorno”. Non son Carlos Gardel nin Andrés Calamaro nin Buika os que cantan este tango pisando o bosco de pedra de Compostela. É Xesús Pérez Varela cando cruza decote a praza do Obradoiro camiño dalgún despacho da Xunta no que está a producirse a súa rentrée levado da man por Núñez Feijóo.
“Y aunque no quise el regreso, / siempre se vuelve al primer amor… bajo el burlon mirar de las estrellas /que con indiferencia hoy me ven volver”. De seren así as cousas, o ex conselleiro de Cultura de Fraga Iribarne debe andar coa “alma aferrada a un dulce recuerdo” e, seguramente, téndolle medo ao encontro que volve a enfrontarse coa vida. “Pero el viajero que huye / tarde o temprano detiene su andar / Y aunque el olvido que todo destruye / haya matado mi vieja ilusión /guardo escondido una esperanza humilde / que es toda la fortuna de mi corazón”.
O que falta por saber é a onde está volvendo Pérez Varela. Será outra vez ao Xacobeo para contratar a Carmiña Burana? Porque xa hai quen di que ten mesa no pazo de Raxoi.

lunes, diciembre 14, 2009

Il Quarto Stato de Aminetu Haidar


Non sei quen lle regalaría a Aminetu Haidar a peza de Sargadelos que aparece na foto de France Presse que publicou onte El País. Fose quen fose, acertou porque hai na loitadora saharauí unha certa luz do famoso cadro que pintou o italiano Giuseppe Pelliza da Volpedo para ensalzar o proletariado que empezaba a xurdir en plena revolución industrial de finais do século XIX, partindo do éxodo do campesiñado ás cidades.
Il Quarto Stato, título da obra pictórica citada, inspiroulle a Bernardo Bertolucci a famosa secuencia da súa película Novecento que deu a volta ao mundo e que rematou sendo, convertida en foto fixa, unha das iconas do inconformismo internacional da miña xeneración. Para facer aquela gran película, en realidade, Bertolucci utilizou un guión moi simple. En 1900, nunha finca do norte de Italia, nacen no mesmo día o fillo dun terratenente e o dun xornaleiro. A película vai seguindo as súas vidas e as das súas familias, especialmente no que se relaciona coas súas actitudes fronte ao fascimso. O burgués colabora pasivamente con ese movemento político e o traballador convértese nun partisano que loita contra o fascismo.
Cando Sargadelos aínda era unha potente empresa cultural galega, que dirixía Isaac Díaz Pardo, dos fornos de Cervo saíu a figura que agora acompaña a Aminetu Haidar na folga de fame na que hoxe cumpre 29 días. Precisamente no día en que o ministro español de exteriores, Miguel Ángel Moratinos, viaxa a Washington para reunirse con Hillary Clinton e pedrille que incremente a presión sobre Marrocos con vistas a resolver o problema que planteza Haidar coa sua folga de fame.

sábado, diciembre 05, 2009

O Pelourinho de Feijóo

Contan crónicas de ultramar que Núñez Feijóo andou deixándose engaiolar pola beleza do Pelouriño, o vello casco histórico de Sao Salvador da Bahía. Na súa recentísima visita á cidade na que viviu, escribiu e morreu Jorge Amado, o presidente da Xunta manifestou a súa intención de alugar alí unha vivenda na que pasar algunhas tempadas da súa vida, lonxe da política.
Falta por saber se esta intención do político dos Peares é para ser acometida mentres teña ao seu cargo gobernar Galicia ou para cando deixe de ser o inquilino de Monte Pío. En calquera caso, hai que recoñecerlle que non ten mal gusto nin se limita a viaxar oficialmente sen decatarse dos lugares polos que vai pasando. Neste aspecto, quizais é o primeiro presidente da Xunta que non vai só de visitante senón que tamén acode de viaxeiro. Se mo permitise, agora que debe andar por Buenos Aires, aconsellaríalle que non volva sen probar a pizza de Banchero, no 1300 da avenida Corrientes ou en Suárez 396 con Brow de La Boca, que non só de carne ten que vivir un na capital arxentina. Se, ademais, logo de beber un bo viño de Medoza coa pizza, pode facer un pouco o pasmón polas librerías que hai por ali abertas ata as tantas da madrugada, o máis probabel é que tamén queira alugar un piso na cidade de Borges.
Claro que así fai quen pode e non quen quere. Eu, que lles son moi viaxado, sempre tiven tamén eses arroutos de quedarme a vivir algún tempo onde me gustaba o sitio. A última vez pasoume en Bretaña, antes nas illas Lipari e en Sicilia ou na illa grega de Itaca, pero tamén en aldeas perdidas dos Andes, por San Cristóbal de las Casas e por Xalapa (México), en Salta (Arxentina), no val do Maipo ou en Valparaíso (Chile), na Habana, en Nova Iork… En moitos sitios.
Pero eu teño unha vantaxe con respecto a Feijóo. A de que, como non me toque o gordo, nunca poderei alugar por moito tempo unha casa nos sitios que me gustan. E menos aínda, comprala. Para cumprir caprichos hai que ser presidente da Xunta, dirixir unha caixa de aforros ou un banco, ou vender camisetas en todo o mundo. Se cadra agora xa non abonda con ser construtor.

jueves, diciembre 03, 2009

Galego porque si

Parece que se volve a plantexar a verdadeira realidade lingüística de Galicia en termos de pura estatística. Falamos agora máis o galego que hai vinte, trinta ou corenta anos? Menos? Igual? Falámolo –es escribímolo– mellor, igual ou pior?, habería que preguntar e responder tamén.
Polo visto, hai respostas para case todo. Aí están Alonso Montero, Mauro Fernández, Henrique Monteagudo e moitos máis especialistas dicindo cada un o que lles dicta a súa sabedoría, que non é sempre a mesma nin se manifesta do mesmo xeito. Repetíase antes que a Santa Madre Igrexa acostuma ter os seus mestres, e quizais habería que coidar agora que, felizmente, o idioma galego ten os seus sumos sacerdotes tamén.
Cuestión distinta é a de saber quen leva máis a razón. Evidentemente, publícanse moitísimos libros en galego, case nada nos xornais; temos unha televisión e unha radio públicas que se expresan, mellor ou pior, no noso idioma; a maior parte dos políticos falan no Parlamento un idioma que esquencen na cafetería de en frente, cando non o apedran xa antes de saíren do Parlamento ou da Xunta; moitos profesores –non todos nin moito menos– esfórzanse porque as mil primaveras de Cunqueiro sexan polo menos medio cento; mesmo hai algún xornalista que tenta seguir a pegadas de Castelao… O galego non vive nun mundo oficial feliz, pero vai tirando como pode.
Pero que pasa na rúa? Din as enquisas que máis da metade dos votantes do PP –non digamos xa os do Bloque– maniféstanse falantes do galego. Pero logo vai un á voda da filla dun deses militantes ou ao enterro da súa ávoa, e ali só hai un idioma oficial, que é o castelán. Párao a un a Garda Civil por exceso de velocidade ou polo que sexa, e o do tricornio nunca ten a ocorrencia de multalo en galego. Vai un ao notario, ao médico, ao seu banco, ao Corte Inglés, chama por teléfono a Fenosa ou a Telefónica e menos mal se lles responden en castelán de Castela porque o máis frecuente é que lle falen en “porteño”, e preocúpese vostede de conxugar o verbo coller con cuidado. Case todo menos en galego.
Xa non digamos se vai de compras ao quiosco. Como non se conforme con ler a Nosa Terra ou unha mínima parte das follas do Xornal, non atopará nada que se pareza verdadeiramente a un periódico galego. Equivale todo isto a un panorama positivo? Pois se cadra si. Ou se cadra non. Ou quizais o problema do galego é que cada vez máis é unha cuestión de galeguistas, de filólogos e de expertos nunha materia que debería ser de todos e que, cada vez se vai reducindo máis aos obradoiros e laboratorios dos que cobran por ocuparse da lingua. Non estará pasando que aquilo que dicía Celso Emilio Ferreiro sobre lingua proletaria do meu pobo,/ eu fáloa porque si, porque me gosta,/ porque me peta e quero e dame a gaña xa estea empezando a ser un verso tan vello comas cantigas de escarnio e maldiçer?

miércoles, diciembre 02, 2009

Estalles ben

Sigo sostendo que a manoseada fusión das caixas de aforro é algo que só ten verdadeira importancia para os que agarran a tixola polo mango e o mango tamén, como dicía Moncho Alpuente nas súa famosa Catañuela 70. Aínda así, estou empezando a decatarme de que por fin hai un presidente na Xunta que, polo menos neste caso, errado ou sen ferrar, xa me entenden, está metendo as mans no lume.
Non me estraña, polo tanto, que agora mesmo o seu mellor aliado estea sendo o BNG e non o esvaradizo PSOE que, por non saber, non se sabe se anda por Vigo, A Coruña ou Coirós de Enriba nesta materia. Feijóo ten un plan e parece estar disposto a acometelo por riba do que pensen Méndez na Coruña e Gayoso en Vigo ou Xosé Blanco (e mesmo Rajoy) en Madrid. Por primeira vez, parece haber un executivo galego disposto a romper ou que lle rompan a cara nun tema que considera de importancia vital para o futuro de Galicia.
O que dá mágoa é ver que o que non se está tratando é de reformular o papel das caixas dentro dunha economía galega cada vez máis dependente e fráxil no mundo no que vivimos. É unha asignatura que non souberon ou non quixeron aprobar os do bipartito, e que agora lles toca secundar nunha realidade política protagonizada pola dereita. Se eu fose Touriño ou Quintana, agora estariame caendo a cara de vergonza e o que non me atrevería é a saír á palestra dicindo como hai que facer o que eles non fixeron. Estalles ben.

O caso de Diego

Estremece ler o que publica hoxe El Mundo sobre o caso de Diego Pastrana, o albanel que foi acusado falsamente en Tenerife de ter violado e golpeado a filla da súa compañeira. Dá medo pensar en como poden funcionar ás veces determinados poderes da sociedade actual (Policía, Xustiza, Sanidade, etc.) con absoluto desprezo da presunción de inocencia e ignorancia total dos dereitos individuais. E tamén asusta terribelmente comprobar como están funcionando algúns medios de comunicación respecto a estes temas.
Segundo denuncia Plácido Alonso Peña, avogado de Diego Pastrana, axentes da Guardia Civil de Playa de las Américas levaron a cabo “un macabro exercizo de tortura piscolóxica” co seu cliente. Logo de telo a pan e auga durante cinco días nun calabozo de catro metros cadrados, obrigárono a ver as fotos da autopsia da nena falecida por causas que non teñen nada que ver coa súa actuación, segundo demostrou a autopsia. Mentres que o forzaban a mirar gritáronlle: “Olla, olla, cabrón! ¡Olla o que fixeche coa nena”. ¡Vas papar 40 anos por cabrón!”.
E o malo de todo, como dí a avogado: Que pasaría se a nena non morrese? Que pasaría se só existise aquel informe de Urxencias demoledor? Onde estaría Diego daquela? E, sobre todo, con que ollos mirariamos para el?

domingo, noviembre 29, 2009

Apple detesta o tabaco

Son macqueiro dende que teño uso de razón informática. Mesmo dos que miramos por riba do ombreiro aos que seguen utilizando as trapalladas inventadas por Bill Gates, por moito que ultimamente se dedique a copiar dos Mac. Polo tanto, admiro enormemente a Steve Jopbs e a Steve Wozniak, pero teño que dicir que a famosa Apple acaba de sorprenderme inusitadamente.
Dous usuarios de Mac norteamericáns descubriron hai poucos días que o mundo Mac tamén pode procurar sorpresas desagradábeis. Os seus ordenadores respectivos fallaron estando en período de garantía e leváronos ao correspondente servizo post-venda da compañía, que se negou a tomar ao seu cargo a reparación ou substitución dos mesmos argumentando que había “razóns sanitarias”.
Apple explicoulles que os seus orrdenadores estaban “contaminados” por fume de cigarros e, pretendendo ampararse na lista de substancias perigosas que recolle a Occupational Safety and Heath Adiministration, indicoulles que non pode expor os seus técnicos aos “riscos do tabaqeuismo pasivo sobre a saúde”.
Xa o saben os que estean a piques de mercar un Mac. Ou paran de fumar ou perderán a garantía da súa preciosa máquina cando cheire a tabaco.

viernes, noviembre 27, 2009

Caixafusionismo

O que sei de finanzas cabe no ollo dunha agulla e o que vou aprendendo sobre financeiros chéirame case sempre a chamusco. Que queren que lles diga, a min a figura dos banqueiros aínda me segue parecendo que onde mellor aparece representada é naquel célebre debuxo de Castelao no que un vello con levita aparece muxindo ata o límite o remollo dunha vaca que pode ser Galicia (non atopei ese debuxo, e substituíno polo que fala dos querían ver sempre así a nosa terra).
Se cadra é por iso polo que acostumo navegar abondo ao pairo do que está a acontecer coa promovida fusión, casamento, arrimo ou cópula das dúas caixas de aforros que aínda quedan en Galicia. Seguramente son un tipo moi raro, pero sigo sen decatarme de canto me vai cambiar a vida porque amos da faltriqueira coma Xosé Luís Méndez ou Gayoso rematen durmindo na mesma cama. Nin sequera sinto moita curiosidade por saber algo sobre o pedigree que pode saír desa camada.
Outra cousa sería que me dixeran que estivese en xogo o sistema financeiro que poden representar esas caixas que agora parecen estar en celo. Se se tratase de aproveitar a ocasión para irmos pondo en marcha un sistema de finaciamento diferente do universalmente especulativo dos bancos clásicos, a miña indiferencia trocaríase en emocionada esperanza, pero coido que non estamos viaxando por ese camiño.
A pregunta sería se os políticos actuais, dende o BNG ao PP e pasando polo PSOE, teñen na cabeza algo que poda sustentar a existencia das caixas de aforro como algo alternativo ao que xa veñen ofrecendo os bancos privados. Con caixas de aforros dirixidas por executivos, conselleiros e demais plana maior de pagados mellor que os presidentes de goberno e inmensamente mellor cos que están investigando unha posíbel vacina contra a Sida, nun país no que a renta per capita é a que é, a min pode parecerme indiferente que o me cobre por domiciliar o pago da luz se poda chamar Botín, Francisco González, Méndez ou Gayoso. Ou Mario Conde, se non o obligasen a converterse en eremita nunha aldea da montaña ourensá.
E insisto en que non diría o que estou dicindo se vise que a polémica desenvolvida arredor das caixas fose o que non é. Mentres tanto, que me permitan polo menos seguir pensando que non me abonda con que os que muxen a vaca falen galego. Mesmo preferiría que fosen mudos ou que falasen esperanto con tal de que deisexasen algo de leite e unha pouca de manteiga para os que temos que conformarnos con tomar sempre produtos desnatados.
Ou sexa, que fagan o que queiran. Que se caixafusionen, caixagalicien, caixanovicien ou, mellor aínda, que se canguendiolen. Total, o que non van facer nunca é preguntarnos como nos gustariá a nós que nos encaixaran. Quizais porque lles dá medo pensar en que podiamos responder que a única caixa que nos parece inevitábel é a de táboas de piñeiro. E nin sequera esa dende que o lume se aproveita industrialmente para incinerarnos.

jueves, noviembre 26, 2009

A dignidade de Cataluña



A práctica totalidade dos xornais que se editan en Cataluña, e unha parte moi significativa das emisoras de radio, publican hoxe un editorial titulado La dignidad de Catalunya no que se pide ao Tribunal Constitucional que respecte o novo Estatut por ser froito dun dobre pacto político estabrecido entre o Parlament de Catralunya e as Cortes Xerais do Estado, que foi sancionado polos electores. Publican esta importantísima declaración de principios unha ducia de xornais: La Vanguardia, El Periódico de Catalunya, Avui, El Punt, Segre, Diari de Tarragona, La Mañana, Diari de Girona, Regió 7, El Nou 9, Diari de Sabadell e Diari de Terrasa. Adheríronse ao seu contido as emisoras RAC1, Catalunya Ràdio e COM Ràdio.
Mediante esta iniciativa, que pode calificarse de inédita na historia da prensa catalana e española, segundo salienta hoxe La Vanguardia, os medios de comunicación que sustentan o editorial expoñen a inquietude de amplos sectores da sociedade fronte á posibilidade dunha sentencia do Tribunal Constitucional de carácter fortemente restritivo. “A expetación é alta e a inquietude non é escasa ante a evidencia de que o Tribunal Constitucional fose apuxado polos acontecementos a actuar como unha cuarta cámara, confrontada co Parlament de Catalunya, coas Cortes Xerais e coa vontade cidadá libremente expresada nas urnas”, proclama o editorial conxunto que aparece na prensa catalá de hoxe.
En termos moi críticos, pero respectuosos, o manifesto lembra que só seis dos doce membros do Constitucional se atopan fóra de percance ou de prórroga do seu mandato (catro deles agotárono e están á espera de seren substituídos, un foi recusado e otro faleceu). En termos moi contundentes, o editorial ditamina que “hai quen volve soñar con cirurxías de ferro que cernan de raíz a complexidade española”.
Para os responsábeis dos doce xornais que publican o editorial pola dignidade de Cataluña, “hai motivos serios para a preocupación, xa que podería estar madurando unha manobra para transformar a sentencia sobre o Estatut nun verdadeiro cerramento institucional”. Para rematar, lanzan dous avisos moi claros: “Que ninguén erre o diagnóstico, non estamos diante dunha sociedade débil, postrada e disposta a asistir impasíbel ao menoscabo da súa dignidade” ; “Se fose necesario, a solidariedade catalá volverá articular a lexítima resposta dunha sociedade responsábel”.
Confeso que observo con envexa, admiración e enorme respecto a actitude valente, responsábel e progresista dos medios de comunicación cataláns que acaban de dar unha histórica mostra da súa propia dignidade defendendo a dignidade do seu país. Por desgraza, en Galicia as cousas non transcorren do mesmo xeito.

sábado, noviembre 21, 2009

O CCG, no seu sitio

Tardou demasiado en poñer as cousas enriba da mesa, pero o Consello da Cultura Galega rematou mostrando que pode servir de algo para resolver o conflito lingüístico no que nos meteu o goberno de Núñez Feijóo. Por fin, na sesión plenaria que tivo lugar o 17 de novembro, a institución que preside Ramón Villares acordou dirixirse ao Parlamento de Galicia propoñéndolle que “promova a constitución dunha Comisión Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar (e se así o require, co asesoramento do propio Consello da Cultura Galega), elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística, proposta que deberá elaborarse nos próximos meses e ter como horizonte de aplicación a presente lexislatura”.
Habería que saber por que unha posición tan determinante coma de agora foi precedida por varios meses de ambigüidade que puideron facer pensar algunha vez en que esta importante institución pública galega non estaba mostrándose á altura do graves acosos que ven padecendo a promoción do idioma máis galego, que non é outro que o propio galego.
As augas, porén, parece que volveron ao curso dunha auténtica defensa do galego coa proposta que deu a coñecer o Consello e que se pode consulta integramente na súa páxina web. Partindo base de que “o debate sobre as linguas en Galicia foise intensificando nos últimos anos e acabou derivando nunha controversia política e social envolveita nunha excesiva virulencia, e polo memos, ao noso entender, seriamente perxudicial para os intereses xerais do país”, e que “o que resulta negativo e ata pernicioso para o clima social, e particularmente para o idioma galego, é que os ditos debates dexeneren en polémicas irracionais, nas cales se chegan a poñer en cuestión as bases sobre as que se sustenta a nosa identidade e cohesión social, e incluso a propia lexitimidade das políticas de promoción do galego”, o CCG non dubida en denunciar que “en concreto, a asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país”.
Sostén o CCG que “o discurso da acusación e da sospeita constante contra o galego debe ser substituído por unha atmósfera de debate sereno e informado e pola procura de acordos que permitan restablecer unhas bases sólidas desde as que encarar un desafío e un proceso históricos, como é o da recuperación do galego”. E, para que non haxa dúbidas, o informe apunta nunha dirección cando di que “en particular, á Xunta de Galicia corresponde exercer o liderado dese proceso de recuperación e dignificación do idioma galego, como está inequivocamente plasmado nas nosas leis”.
Esta vez o Consello non foi ambiguo. Manifestacións como as de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego”, que “os responsables políticos en xeral e o goberno galego en particular deben impulsar un discurso público en que o idioma galego deixe de formularse en termos de problema e pase a comprenderse en termos de recurso dun activo social”, ou que “o funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e de uso do galego” desbotan calquera dúbida: o Consello da Cultura Galego está onde ten que estar, na defensa do idioma e da cultura que xustifican a súa existencia con cargo aos orzamentos de Galicia.
A bola está agora no campo do Parlamento e no terreo da Xunta. Veremos como xogan este partido, que vai ser definitivo.

viernes, noviembre 20, 2009

Alakranadas

O máis importante de todo o que había arredor do secuestro do Alakrana, a vida e a saúde dos mariñeiros apresados, resolveuse felizmente. Están todos en terra e camiño das súas casas. Presentan bo aspecto –algún mesmo parece máis un play-boy das Rías Baixas ca un mariñeiro de verdade– e todos contentos.
A ver se así volve todo pronto á normalidade. Incluídas as propias vítimas do secuestro e as súas familias, que non están dando precisamente mostras excesivas de viviren o que lles pasa con normalidade. Empezaron dicindo que o Goberno quería que os mariñeiros regresaran mortos e remataron ameazándoo con demandalo se permitía que se tomasen imaxes das vítimas e dos familiares. Precisamente eles, que non pararon de chamar aos medios de comunicación, cando lles conviña, para que fixesen “toda a bulla posíbel”.
Se cadra non se percataron aínda estes pesacdores de primeiro mundo que no barco tamén ían outros menos afortunados por perteneceren a países e sociedades onde non hai gobernos que manden fragatas nin paguen rescates e ata pode que miren para o lado cando traballan codo a codo con eses mariñeiros pagados pior ca eles polo mero feito de pertenceren a outras circunstancias.
Polo ben de todos, quizais debe pasar xa esta “alakranada”, e a ver se volvemos a fixarnos outra vez na nosa propia piratería doméstica, que tamén a temos.

jueves, noviembre 19, 2009

De aforrar, nada de nada

Unha cousa foi facer demagoxia cos Audi de Touriño (que aínda eran máis de Fraga e, polo tanto, do propio Feijóo) e outra ben distinta é demostrar que se está por apretar o cinto en época de vacas fracas. A operación dos coches blindados, lonxe de representar aforros substanciais para a economía pública, significou novos gastos innecesarios. O novo presidente fixo que se comprasen outros coches, agora dunha marca francesa en vez de alemá, e os vellos apodrecen nas garaxes da Xunta ou foron vendidos por catro perras chicas.
Paralelamente, por terceira vez en mes e medio, o grupo parlamentario do PP bloqueou a tramitación dunha iniciativa lexislativa popular, promovida pola CIG e avalada por máis de 19.000 firmas, para que se suprimise o plus de complemento salarial que lles foi aprobado aos altos cargos da Xunta, no ano 2007, para premiar os funcionarios que durante un mínimo de dous anos desempeñen postos electos ou de confianza na Administración.
Foi esta unha tan desgrazada como rechamante herencia que deixou o goberno de Touriño da man do seu conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, e que agora queren correxir, sobre todo, os nacionalistas pero tamén algún socialista. Unha medida que resultou no seu día arrogantemente impopular e que agora, co agravamento da crise económica e social, case parece un insulto público lanzado pola Administración galega aos contribuíntes. En todo isto e non mediante a demagoxia dos Audis, é onde Feijóo demostra que de aforrar cartos que son de todos, nada de nada.

PD: Queren ver como lambe cús un ex ministro socialista despois de beber unha botella enteira de grappa e comer un enorme plato de spaghettis bolognese moi cargados de cebola? Lean o artigo que publica hoxe César Antonio Molina, en La Voz de Galicia, sobre o inefábel Paco Vázquez.

martes, noviembre 17, 2009

Racismo lingüístico

Á cada vez máis encertada polémica polo idioma só lle faltaba algo como que un desaprensivo xuíz de Alcorcón (Madrid) se puxese a facer de sociolingüista dicindo que a lingua de Alfonso X O Sabio e de Castelao –e agora miña e dos que me están lendo, ou sexa, nosa– “non é útil”. Que un xuíz se poña a dicir trapalladas é grave en calquera caso, pero que esas trapalladas versen sobre materia de educación infantil ou xuvenil e sobre a utilidade dos idiomas pode resultar, ademais, grotesco.
Segundo acaba de facer público o deputado nacionalista Bieito Lobeira, portavoz parlamentario do BNG, un auto da citada autoridade xudicial mesetaria “négalle” a unha muller divorciada que se traslade a Vigo, coas súas dúas fillas, que estiveron escolarizadas nun colexio privado de Alcorcón, porque agora irán a centros públicos nos que se imparten asignaturas en galego. O xuíz sociolingüista non se para en barras e sostén que, fóra de Galicia, o galego “non se apreza que teña ningunha outra utilidade práctica”.
Bieito Lobeira calificou este caso de “racismo lingüístico” que “non se pode admitir” e anunciou que o BNG proponse levalo ás institucións internacionais. Para que se siga dicindo que a Xustiza é cega. Neste caso, o que fai é ir ás apalpadas.

lunes, noviembre 16, 2009

Vidas paralelas


Anicet Lavodrama, un “nacho” de Ferrol segundo informa hoxe El País, de cor negra, ex xogador de baloncesto, está disposto a entrar en política para que a cidade departa-
mental deixe de “pensar só nas subvencións e reinventar a base económica da cidade cun porto exterior que debe ser entrada e saída de comercio”. En principio non está mal o que di: “Somos un destino idóneo para o turismo rural, gastronómico e cultural, pero precisamos embelecer a cidade. En Bilbao, por exemplo, o Nervión baixaba todo negro nunha paisaxe industrial, agora esa contorna está embelecida e o Guggenheim dalle carácter. Aquí non temos nin un hotel que dea á ría (algo que non é totalmente certo, porque Ferrol ten o Parador, que dá magníficamente á ría e que el coñece ben porque foi o seu primeiro fogar en Galicia) e a cidade medra de costas á súa maior riqueza, non está ben asfaltada e ten poucas zonas verdes e demasiado cemento. Onde en Bilbao está o Guggenheim, nós temos a Reganosa”.
Lavodarama (foto de arriba) naceu en Bangui (República Centroafricana) e tiña 22 anos cando chegou a Ferrol, procedente de Houston (Estados Unidos), fichado polo OAR, o equipo local de baloncesto que presidía o político ferrolán Xoán Fernández. O seu pai foi gobernador, ministro e embaixador do ditador Bokassa, que foi xulgado por asasinato, canibalismo e apropiación indebida de fondos estatais. Afincouse en Ferrol probabelmente para sempre, e traballa para unha compañía de representación de deportistas buscando baloncestistas de talento en España, Francia, Sudamérica e África.
A 1.500 quilómetros de distancia, nunha terra que algo ten que ver con Galicia, a Bretaña francesa, outro africano negro, Kofi Yamgnane (foto de abaixo), está percorrendo un camiño inverso. Empezou sendo o primeiro alcalde negro e procedente da emigración que houbo en Francia, ao ser elixido rexedor de Saint-Coulitz, un pequeno concello do centro da Bretaña, en 1989. Gobernando o socialismo en Francia, foi secretario de Estado encargado da integración de 1991 a 1993. Agora é candidato á presidencia da República de Togo, de onde é orixinario, para as eleccións que van ter lugar no 2010.
Se cadra o "nacho” de Ferrol tamén remata sendo alcalde e algunha vez volve a África para ser presidente. Sería desexábel que non nos saia da escola antropofáxica de Bokassa e que se pareza máis a Kofi Yamgnane.

sábado, noviembre 14, 2009

Empezamos ben

Sábado, 14 de novembro, tres e media da tarde. Acabo de ver o Telexornal de TVE1, dando conta de que xa embarcaron gardas de seguranza privada nos barcos españois que se dirixen ao Índico, dende as Seychelles, para pescar nos procelosos mares da piratería de Somalia. Segundo a información oral que acompañou as imaxes, trátase de equipos debidamente entrenados para levar a cabo o seu cometido.
Por desgraza, un dos planos que cmpoñían esas imaxes presentou a un deses “expertos” dirixindo á cámara un estrepitoso “corte de mangas”. Xa se sabe, iso que a Real Academia Española define como “ademán de significado obsceno y despectivo que se hace con la mano, extendiendo el dedo corazón entre el índice y el anular doblados”.
Empezamos ben. Ou sexa, dando unha mostra da boa educación e respecto que nos caracteriza. Agora só falta saber como rematamos.

jueves, noviembre 12, 2009

Caer na manzanilla


Tres mulleres moi diferentes, de Málaga, Madrid e Sao Paulo, acaban de acender todos os focos que mostran o moito que aínda ten que avanzar o mundo. Mónica Cabello, taxista malagueña, foi denunciada dúas veces por un mesmo policía local por conducir o seu vehículo con “vestimenta inapropiada” durante o traballo. Zoubida Barik Edidi, avogada de orixe marroquino, nacionalizada española, foi expulsada polo xuíz Xavier Gómez Bermúdez dun xuízo que se celebraba na Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional por levar un pano na cabeza. Geyse Arruda, estudiante de Turismo na Universidade Bandeirante de Sao Paulo, foi expulsada e mesmo maltratada por asistir á clase vestida con minisaia.
Para min o caso máis chocante é o da taxista malagueña (na foto de enriba). Que a estas alturas aínda haxa un Concello no que se gastan os cartos dos contribuíntes en perseguir a maneira de vestir dunha traballadora do transporte público, por non levar mangas, sóame a Celtiberia Shoow, con permiso do falecido Luis Carandell. Segundo parece, nesa cidade andaluza unha ordenanza regulamenta que “se debe prestar o servizo aseado e correctamente vestidos e calzados” levando unha “prenda superior con mangas, curtas ou longas, e como prenda inferior pantalón longo ou saia”. Mónica conducía o seu taxi cun vestido sen mangas como acostuman facer o seu traballo a maioría das mulleres cando o tempo non as obriga a ir máis abrigadas. No seu caso dase, ademais, a circunstancia de que foi o mesmo garda da porra o que a denunciou dúas veces. Quizais habería que preguntarlle aos psicólgos ou aos psiquiatras se podían dicir algo ao respecto.
No tocante á avogada expulsada dunha sala xudicial madrileña, tamén me resulta chocante que sexa un deses xuíces “mediáticos” que tanto abundan agora na excepcional Audiencia Nacional, Xavier Gómez Bermúdez, o que lle impediu exercer a súa profesión por levar un pano na cabeza. Non vou ser eu quen defenda, por exemplo, o dereito das mulleres a iren coa cara tapada polo feito de seren practicantes dunha relixión, pero chegar a tanto como chegou o xuíz Bermúdez co pano da marroquina paréceme abondo esaxerado. Se iste xuíz tan decidido refrescase algo a súa propia memoria persoal, seguramente atopaba unha aboa, por non dicir unha nai, que levaron o mesmo pano que agora se empeña en poñer a avogada reprimida. Pásanos moitas veces iso de sermos máis modernos ca propia modernidade.
E no da rapaza brasileira (foto de abaixo) xa non sei que pensar. Cando me estaba parecendo que Lula encarrilaba o Brasil cara o desenvolmento e a liberdade, un rector universitario, acompañado por outras autoridades académicas e unha panda de estudiantes, gardas de seguridade e empregados non docentes –se cadra había que dicir indecentes– empeñáronse en insultar o país de Jorge Amado e de Vinicius de Morais emprendendo unha etúpida loita contra unha rapaza que quería ensinar as pernas. Precisamente no país onde máis pernas andan á vista da xente. Que clase de integrismo universitario será iste? Pois agora que vexan o resultado, a moza minisaieira xa foi tentada pola revista norteamericana Play Boy para saír espida na portada. Do rector que a expulsou, e que xa tivo que readmitila, aínda non se sabe se o convidaron a saír nalgún reality-show. A revista Science coido que, de momento, pasa del. Xa o dicía o Marqués de Santillana: “El que arma mançanilla assaz veçes cae en ella”.

viernes, noviembre 06, 2009

A simpleza do Alakrana

Tiñamos poucos problemas e tivo que vir o Alakrana picarnos a todos nas cachas. Porque iso é o que acontece con todo o que se relaciona co barco apresado polos piratas de Somalia. Por un lado, o principal, os mariñeiros directamente afectados, privados de liberdade e, segundo as últimas novas difundidas polos seus familiares, sobrevivindo en condicións que poden rematar sendo infrahumanas. Por outro, todos nós, que loxicamente temos que estar preocupados por como se vai resolver unha situación tan apremiante como difícil de afrontar.
O malo é que o caso está a piques de presentar o desafío máis serio que se lle ten presentado ultimamente ao estado de dereito español. Sen entrar moito en se o xuíz Garzón nos meteu outra vez nunha das leas das que xa parece que é especialista, o que resulta verídico é que se conseguiu que os dous piratas detidos e traídos a España rematasen tendo moito máis do valor do seu peso en ouro na bolsa do regateo internacional.
Teño repetido en todas as ocasións que se me deron de expoñer a miña opinión sobre este asunto en tribunas públicas que o primeiro e principal é resolver a situacion dos secuestrados devolvéndolles a liberdade e reitegrándoos sans e salvos ás súas familias. A continuación, é absolutamente imprescindíbel que administracións públicas, armadores, pescadores e sociedade en xeral plantexen seriamente a sostenibilidade dunha actividade pesqueira extrativa que se ven desenvolvendo, de forma invasiva e altamente perigosa, dende hai anos. Non vou entrar agora na semántica da palabra pirata nin na extensión socioeconómica do fenómeno da piratería, pero os piratas do mar non están só en Somalia, lugar do mundo que quizais non fai máis nada co que facían hai menos de dous séculos estados e potencias que agora se queixan da súa piratería.
O malo de todo, na miña opinión, é que o secuestro do Alakrana está dando orixe a unha reacción popular extremadamente apaixoada, xustificábel no caso dos directamente afectados, que non dubida en atribuirlle ao goberno de Zapatero todo o peso do drama que están vivindo os secuestrados. Xa se empeza a non distinguir entre o trigo e a palla e vale case calquera cousa que se diga. Por exemplo, onte escoitei a un familiar das vítimas dicir que o Goberno parece que está desexando que alguén volva en caixa de piñeiro, expresión –insisto– xustificábel dende a paixón, pero non dende a relativa serenidade coa que hai que afrontar unha situación tan difícil coma que desencadeou o secuestro do Alakrana, asunto que non se vai resolver antes nin mellor porque a opinión pública derive polas corredoiras da simpleza. En fin, que oxalá se resolva pronto todo e podamos seguir ocupándonos doutra simpleza, a de chegar a fin de mes doce veces ao ano.

miércoles, noviembre 04, 2009

Inmersión social con pulgas pagadas polo Estado

Parece ser que o caso xudicial da presunta corrupción política que se abriu en Lugo xa serviu polo menos para que algunhas persoas, que non sabían de todo en que mundo vivían, empezasen a percatarse de que debaixo das alfombras hai moito lixo. Lara Méndez, vicepresidenta da Deputación, con ese ar de princesa republicana que fai que ás veces se poda confundila cunha actriz secundaria da factoría de Antón Reixa, ou Xoán Xosé Díaz Valiño, alcalde de Castro de Rei –nada que ver con Camilo Díaz Valiño, que aínda hai clases– que ten máis cara de modesto empregado de banca que de político corrupto, con outros tres cargos elixidos democraticamente, agora todos investigados pola xuíza garzoniana Estela San José, tiveron ocasión de probar as “suites” dunha comisaría de Policía e de escoitaren dicir a algún representante da autoridade que a ver se van pensar que isto é un hotel de cinco estrelas.
Non o sei, pero supoño que lles dirían iso porque os que nos tocou pernoctar algunha vez en cama pagada polo Estado sabemos ben que tal frase é das que máis se poden oír nas comisarías que teñen calabozos. A min isto lémbrame os tempos pasados en que calquera ninjién con bigote fascista acostumaba advertirche por calquera motivo que ti non sabías con quen estabas falando. Nas comisarías, e coido que nos cárceres tamén sucederá, sempre hai alguén que che espeta: “A ver se vas pensar que estás no Palace”. É unha advertencia que non faría falta facerlle nin ao privado de liberdade con menor coeficiente intelectual, entre outras razóns porque nos calabozos das comisarías está ben á vista que non hai cuartos de cinco estrelas, pero case sempre se lle fai, non sei por que, quizais para que se percate rapidamente de que non é máis ca unha cucaracha comas que vai ter que esmagar na súa cela.
Según lin nalgún xornal, unha destas presas preventivas, a concelleira Ana Canto, saiu da súa indesexada –e indesexábel– experiencia co corpo convertido nun colador polas innúmeras picaduras de pulgas ou de chinches que, pola falta de luz, nin sequera puido catar se eran unhas ou outras o exército de parásitos que merendaron co seu sangue. Case todos eles se queixaron de que lles quitaron, entre outras cousas, os reloxios e que iso motivou a súa perda de conciencia do paso do tempo coa correspondente angustia. Tampouco lles gustou que os paseasen á luz do día e das cámaras coas muñecas esposadas. En fin, que o Estado lles pagou un cursiño de inmersión no proceloso mundo do enxuizamento criminal español. Espero que, se algún deles chega algunha vez a ministro de Interior ou de Xustiza, entre as súas precupacións, leven a de humanizar algo ese mundo, que boa falta lle fai.
E aínda tiveron sorte, porque todos coinciden en sinalar que foron excelentemente tratados polos seus gardas, de onde se deduce que as comisarías non son hoteis de cinco estrelas, pero están atendidas por funcionarios de librea. Mágoa que o último e recentísimo informe de Amnistía Internacional poña en entredito tanta bonanza. Sobre todo, no que se refire á actuación dalgúns policías autonómicos e locais, que parece que agora son os máis túzaros no tratamento dos detidos.

martes, noviembre 03, 2009

A columna dórica de César Casal

César Casal, xornalista con columna dórica en La Voz de Galicia a quen eu moitas veces, pero non sempre, non teño reparo en admirar, cóntanos hoxe que “somos máis falsos ca unha camiseta do Madrid de cor blaugrana” por diferenciar, segundo di el, entre o trato que se lle dá a un presunto delincuente común e a un personaxe público cando son detidos e presentados en público coas esposas nas muñecas.
Témome que o xornalista coruñés caeu esta vez na demagoxia que trata de esclarecer. "A los chorizos –dice– se les puede esposar y a los políticos, que ellos y sólo ellos decidieron ser personajes públicos con publicidad y propaganda en vallas gigantes en las elecciones, hay que ocultarlos y meterlos por la puerta de atrás del juzgado”. A ninguén dos que defendemos a exquisita prevención de que se salvagarden os dereitos relacionados coa presunción de inocencia se nos ocorre defender tamaña falacia. Ben pola contra, polo que nos pronunciamos é por unha rigorosa aplicación dos procedementos estabrecidos pola actual Lei de Enxuizamento Criminal que manda aplicar a prisión provisional de maneira que resulte a que “menos prexudique ao detido ou preso na súa persoa, reputación e patrimonio”. E isto, sen distinción posíbel pola natureza do presunto delito cometido. Para a xustiza non debe haber delincuentes comúns ou políticos, só delincuentes. Non estamos nos tempos de Franco.
Casal tamén trampea a realidade cando expón o seu criterio de que os políticos, e só eles, decidiron seren personaxes públicos. Moitos deles –é o caso dos de Lugo– chegaron a esa condición despois de seren elixidos mediante procedementos democráticos. En política non abonda con querer ser personaxe público, hai que revalidar esa vontade nas urnas. Diría máis, personaxe público quizais é máis aínda César Casal que Díaz Valiño ou Lara Méndez, polo menos para min. Da existencia do primeiro eu sei dende hai moitos anos. Da do alcalde de Castro de Rei só empecei a saber cando apareceu no xornal onde escribe o articulista no medio de dous uniformados, e da concelleira de Cervo a penas coñecía máis nada que algún dos artigos que veu publicando en A Nosa Terra. César Casal nunca se presentou nin gañou, polo tanto, unhas eleccións. Os outros, para seren personaxes públicos tiveron que facelo.
Quizais o que pasa é que do artigo que publica hoxe o xornalista comentado pinga algo dese zume antipolítico, que non apolítico, que tanto contribuíron a extender polo mundo europeo políticos tan caracterizados coma Berlusconi u Sarkozy, gobernantes desideoloxizados e pragmáticos que acostuman pensar que o mundo só é unha grande impresa ou un enorme chantier. E o mundo, mal que lles pese a Casal, a Sarkozy u a Berlusconi, é algo moito máis complexo. Felizmente.

lunes, noviembre 02, 2009

Lugo aínda non é Medellín.

Na Deputación de Lugo mandou durante moito tempo Francisco Cacharro Pardo. En varias ocasións tivo que pasar polos xulgados como sospeitoso de non respectar a lexislación vixente. Nunca foi conducido coas esposas colocadas nos seos pulsos nin saiu desa guisa retratado en La Voz de Galicia. Quizais foi porque tivo a sorte de que lle tocou un xuíz que se preocupaba tanto por perseguir a delincuencia como por garantir os dereitos dos que había que presumirlles a inocencia.
Un modesto alcalde e tres concelleiros da Terra Cha, a semana pasada, non tiveron tanta sorte e, sobre todo ao primeiro, tocoulles ter que representar involuntariamente un episodio de Miami vice ou do CSI que lles garantiu espazos nas primeiras planas e nos telexornais. Unha xuíza, Estela San José, abriu dilexencias contra eles por presunta comisión de delitos relacionados coa corrupción administrativa, prevaricación e tráfico de influencias. Agora, hoxe mesmo, esas dilixencias dirixíronse tamén contra a vicepresidenta da Deputación luguesa, Lara Méndez, e dous técnicos que traballan ás súas ordes no Instituto Lucense de Dsenvolvemento Económico e Social (Inludes). Polo menos de momento, están tedo máis sorte cos anteriores e aínda non saíron as súas fotos patibularias nos medios de comunicación.
Paralelamente, en Cataluña, o superxuíz Baltasar Garzón dirixiu unha redada que aínda tivo maior resonancia mediática. Ex altos cargos da Generalitat que gobernou Jordi Pujol e un ex socialista de sona foron tamén fotografiados, e difundidas ampliamente as fotografías, cando eran conducidos esposados á Audiencia Nacional. O caso xa motivou un contundente editorial do xornal EL Mundo, publicado o sábado pasado, manifestando que non era necesario esposalos e menos exhibilos.
O editorialista, con moita razón, citou o artigo 520 da Lei de Enxuizamento Criminal por sinalar que “a detención e prisión provisional deberán practicarse na forma que menos perxudique ao detido ou preso na súa persoa, reputación e patrimonio”, e pronunciouse dicindo que “este mandato legal non se está cumprindo nos casos que afectan a dirixentes políticos e empresarios que son detidos e levados á Xustiza coas cámaras de televisión de testigos”.
Falta por saber agora que van dar de si investigacións policiais e xudiciais levadas a cabo de forma tan pouco escrupulosa coa presunción de inocencia. Está moi lonxe da miña intención botar fume sobre a presunta corrupción política que empeza a ser axifisiante, pero segue preoupándome seriamente que se podan aplicar métodos irrespectuosos coa lexislación vixente, sobre todo cando poden violentar a presunción de inocencia. Non vaia ser que, dentro dun ano ou de máis tempo aínda, cando todos estes casos se solventen nos correspondentes tribunais, todo quede en pólvora mollada. Mellor sería esperar a que houbse unha condena para sacalos esposados diante das cámaras: hai países da nosa contorna occidental nos que éste comportamento é o normal.
Por outra parte, estamos empezando a correr o risco de pensar que pasamos por unha sociedade que persegue a corrupción polo feito de que saia no telexornal algún alcalde de caenlla de vez en cando. Fálase moito da corrupción urbanística como se esta lacra só puidese existir polo mero feito de que hai políticos que teñen a manga ancha. Evidentemente, hai corruptos na política. ¿E os corruptores onde están? Fundamentalmente, no mundo da empresa e das finanazas. Hai moitos anos, un presidente de Colombia, Virxlio Barco, tivo folgos para dicirlles ás autoridades de Estados Unidos que o negocio do narcotráfico remataría de repente se o país da primeira potencia do mundo deixase de comprar e de traficar cocaína. Non é que sexa o mesmo, pero a corrupción política española tamén precisa plantexamentos máis serios cos das simples redadas, e os xuíces farán mal abstraéndose desta realidade. De momento consolémonos, Lugo aínda non é Medellín.

viernes, octubre 30, 2009

Que é o que o demostra todo?

Sigo pensando que a xuíza de Lugo que mandou prender o alcalde e tres concelleiros de Castro de Rei (Lugo) puido ser máis recatada no seu procedemento e evitar que o caso se convertise en certo modo nalgunha secuencia de Miami vice, pero tampouco me gusta a maneira que está tendo de enfrontar o caso o rexedor do citado concello chairego.
Despois de durmir dúas noites nos calabozos dunha comisaria e pasar por varios interrogatorios, incluído o xudicial, seguir dicindo que aínda non sabe cales son os cargos que se lle imputan é algo así como se eu digo que non sei porque me chamo como me chamo. Que non prentenda confundirnos Díaz Valiño. Felizmente xa non estamos nos tempos do franquismo, nos que un podía permanecer o tempo que fose preso sen saber ben por que. Hoxe hai procedementos e mecanismos de enxuizamento máis ou menos democráticos que non compadecen tamaña ignorancia. En todo caso, se a el non se lle aplicaron, debería facer algo máis que dicir que non sabe por que o prenderon. Ampararíao a lexislación vixente.
Tampouco é de recibo que nos diga que “el hecho de que todos los detenidos hayan quedado en libertad sin fianza lo demuestra todo”. Non, mire, o único que demostra por agora é que a xuíza encargada do caso, pensando seguramente en que a vostede, polo cargo que ocupa e pola relevancia social e política que representa, non se lle vai ocorrer escaparse a Brasil ou a Cuba polo feito de que recaian sobre a súa persoa determinadas sospeitas susceptíbeis de ser obxecto de aplicación da xustiza, optou pola innecesidade de aplicarlle unha fianza que puidese afianzar os seus actos.
O que di o alcalde de Castro de Rei é tan insignificante como o que se dixo o primeiro día acerca de que a concelleira Ana Canto saía en liberdade con cargos, sen fianza e só coa obrigación de presentarse á xustiza cando sexa chamada por ela. Nese caso estamos todos, imputados ou non. Temos todos a obrigación de responder aos requerimentos que nos faga a autoridade xudicial.
Eu non quero apuntar que o alcalde de Castro de Rei teña que mostrar probas máis contundentes acerca da presunción de inocencia que lle corresponde por dereito, pero convencceríame mellor se non se limitase a expoñer argumentos requentados na explicación pública que fai do que lle pasa. Tampouco digo que teña que dimitir do cargo que lle deron as urnas, mentres que non se dilucida o procedemento xudicial que pesa sobre a súa persoa, pero non vaia ser que tome a derrota doada de aferrarse única e exclusivamente ao socorrido gancho de que eu só fixen o que fixen en defensa dos intereses do pobo. Esas argucias son as que utilizan todos, sexan alcaldes de Marbella, de Santa Coloma de Gramanet ou altos cargos da Comunitat Valencià. Do alcalde de Castro de Rei, por ser socialista e galego, e ademais chairego, cumpríanos agardar maior coherencia. E, sobre todo, maior capacidade de convicción.

jueves, octubre 29, 2009

Aclárase o de Castro de Rei?

O alcalde Castro de Rei debeu ficar cansado das dúas noites que pasou nos calabozos da Policía en Lugo. Segundo contan as crónicas, hoxe non acudíu ao Concello que rexenta e tivo que ser a secretaria muncipal a que lle trasladase ao seu domicilio os asuntos máis urxentes a resolver. Compréndese. Os apuros polos que acaba de pasar estresan a a calquera.
Sorprende algo, porén, esta actitude. Díaz Valiño, de momento presunto delincuente para a xuíza que mandou prendelo, aínda non proclamou el mesmo a súa inocencia. Limitouse a dicir que todo ficou aclarado, pero non explicou o que nin como. Pecharse na súa casa pode resultar comprensíbel dende o punto de vista estritamente persoal, pero non tanto dende a función pública que desempeña. Anunciou unha roda de prensa para dentro de varios días. ¿Precisa tanto tempo para decidir o que nos vai contar fóra dos trámites xudiciais? Se non pode ir á Casa do Concello, ¿por qué non delegou as funcións da alcaldía? ¿Por que a secretaria municipal trasladou o seu lugar de traballo á casa do alcalde? Non vaia ser que alguén poda pensar que en Castro de Rei as cousas de palacio non só vaian despacio senón ao tócame Roque.
O alcalde investigado por presunta corrupción debería andar con máis cuidado. E, dende logo, proclamar ben claramemte a súa inocencia se el mesmo acredita nela. Calquera outra alternativa rematará pasándolle custos á súa imaxe pública e persoal.

miércoles, octubre 28, 2009

Xustiza e iconografía

Sen entrar en disquisicións de procedemento xudicial, que non me competen, quero mostrar a preocupación que me producen determinadas “redadas” que levan a cabo algúns representantes da Xustiza sen preocupárense moito polas consecuencias que conlevan, ás veces, as súas “mediáticas” actuacións. E non estou a referirme só ao caso paradigmático do noso gran xuiz estrela, Baltasar Garzón.
Hai casos como o da xuíza exercente en Lugo Estela San José que poden estar empezando a chamar poderosamente a atención. Que se acuda un día pola mañá a unha vila onde cada veciño é máis coñecido polos demais que Xesucristo, con toda unha parafernalia de coches e medios policiais, para deter a un alcalde e a tres concelleiros dos que se sospeita que prevaricaron e/ou cometeron algún delito de corrupción, ata podería representar unha das bondades exemplarizantes da aplicación de xustiza se quen artella e aplica esas medidas estivese moi seguro de que ten o rato na gaiola e que das súas actuacións se vai derivar a fundada previsión de que pode haber unha sentenza condenatoria. De seren así os feitos, todos aplaudiriamos que se actuase contundentemente contra os delincuentes supostos ou confirmados, e máis aínda cando os perseguidos son precisamente persoas que, polos cargos públicos que lles otorgou e dos que os responsabilizou a democracia, estarían obrigados a dar exemplo.
Porén, a min quédame moitas veces a dúbida de se toda esta contundencia serve para algo que non sexa alimentar o circo e encher as páxinas de sucesos cando corre o risco de ser aplicada sen a máxima escrupulosidade protectora do dereito á intimidade dos que están, ou deberían estaren, asistidos polo dereito á presunción de inocencia.
¿De que lle vai servir á concelleira Ana Canto ser posta en liberdade con cargos, pero sen fianza, só poucas horas despois de ocupar un calabozo da Comisaría de Lugo se a súa foto, entre dous axentes que a conducían presa, xa deu a volta a Galicia polo menos? Nacín e crieime nunha pequena entidade de poboación, e sei o efecto que teñen esas iconografías. ¿Pasaralles algo parecido ao resto dos detidos entonte e que aínda están pendentes de declarar diante da zuíza que os mandou prender?
Xa sei que desta “iconografía” non teñen a culpa a xuíza nin os policías actuantes. Os xornalistas sempre sabemos cheirar a noticia e non precisamos que nola “chive” ninguén. E líbreme Deus, ademais, de pronunciarme en contra da total liberdade de información cando estes casos se producen. Canta máis luz e máis taquígrafos haxa, mellor. Pero volvo ao principio: preocúpame o dano persoal e público que se poda causar aos que teñen que pasar pola aplicación da xustiza no caso de que, podendo seren inocentes, vexan as súas vidas sometidas a xuízos paralelos ou a condeas adiantadas.
A xustiza nin é cega nin debe selo. Todo o contrario, canto máis abertos manteña os seus ollos sobre todo o que pasa, mellor será o servizo que preste á sociedade á que pertenece. Pero tampouco fai falta que camiñe sempre debaixo dos focos nin caia na tentación de pensar que está rodando un capítulo do CSI. Debe ser moi difícil ser xuíz eficiente e comprometido sen pecar algunha vez de mediatizado, pero farían ben os representantes da Xustiza en pensar nestas cousas de vez en cando.