miércoles, enero 30, 2008

Cazadores de blasfemias


Bonito espectáculo o que deu un grupo de cazadores enfrentándose o outro día cos que sosteñen que matar por matar o raposo, ou calquera outro animal, pode constituír unha auténtica salvaxada. Que se trataba dunha salvaxada estaba claro, pero agora tamén hai que pensar que é unha paiasada. Eso si, con resultados dramáticos para os pobres animais que son vítimas de auténticos paiasos comos os que aparecen no video que se pode ver pulsando aquí.
Que catro ou cinco homes feitos e dereitos, seguramente honorábeis pais de familia en horas libres, se cadra ata persoeiriños de calquera atividade profesional, política ou empresarial, se manifesten tal e como se lles pode ver na aludida filmación podería ser simplemente unha badocada se non fora que as atitudes mostradas por estes enamorados do rifle calquera día poden rematar en traxedia. Son tan extremadamente ridículos que nin John Wayne querería estar á súa beira.
En menos de minuto e medio, un deles cágase en Deus dez veces e outro faino dúas veces na Virxe Santísima. Habería que ver se non son dos que levan en andas os santos da súa parroquia o día da festa. E ata pode que se acerquen a comulgar cando as súas fillas fan a primeira comunión. Pero o que son realmente é unha panda de badocos con licencia de armas que algunha autoridade debería preocuparse de revisárllelas. A licencia e as armas. Está ben da cabeza quen se manifesta como se ve no video que o fan eles? Poden persoas así andar apretando o gatillo polos nosos montes?
Aparte de expresárense como auténticos salvaxes, estes cazadores de blasfemias emitiron polo menos dúas ameazas graves contra un dos ecoloxistas que estaba dirixíndose a eles pacíficamente. "Sácoche os dentes dun culatazo" e "Vaiche chover nos fuciños" foron dúas das frases "académicas" que lles berraron aos mozos de Matar por Matar, non.
Eu non sería nunca capaz de ser cazador, pero teño amigos que cazan e que son excelentes persoas. Non fan coma estes bárbaros do video, dende logo, e cónstame que se avergonzan de aparecer no listado de licencias de armas con eles.
En fin, se isto é vivir como galegos, eu desapúntome.

sábado, enero 26, 2008

Que beban pro nobis


Hoxe reencontreime cos meus irmandiños dos Vinhos Galegos. Tivemos unha cata de viños no pazo de San Cibrán, en Vedra, seguida dunha comida no Mesón Roberto do mesmo lugar. Na capela do pazo lembramos os irmáns que foron agardar por nós na galaxia do infinito: Cunqueiro, Manuel María, Castroviejo, etc. Probamos os albariños que deron en producir ultimamente na zona. Non están mal, pero quédanlles moito camiño por percorrer aínda. No Roberto tocoume un camareiro que se empeñou en tirarme a comida no plato en vez de ofrecela, e non digo servila, pero o escenario era prodixioso. Igualiño que comer nunha carpa colocada no medio do paraíso.
Prometín volver a frecuentar estes encontros gastroenolóxicos. Aínda que ás veces me parezan algo demodés e con algún punto de machismo, resúltanme simpáticos. Xentes que na rúa case non nos coñecemos nin sequera nos saudamos (xuíces, fiscais, adegueiros, empresarios, avogados, profesores, médicos, case de todo, menos obreiros) compartimos estas horas facéndonos a ilusión de que a igualdade existe. Logo ímonos cada un para as súas casas, os seu traballos, as súas miserias e a súas alegrías, pensando que acabamos de comulgar. Nemesio Barxa, un dos alma mater desta case masonería dos viños galegos lembrábame hoxe que a Manuel María, o noso Roi Xordo, gustaballe a Irmadade dos Vinhos Galegos porque se trataba dunha "carallada moi ben organizada" e Pepe Posada, bo sucesor do vate da Terra Cha, ilustrabanos dicindo que "a vida non consiste só en traxedia". Estou totalmente de acordo con eles. Por iso prometo volver a cumprir os meus compromisos de irmandiño.

viernes, enero 25, 2008

O galego dos políticos


Algunhas publicacións electrónicas, que se caracterizan por xiraren na contorna política do BNG, coincidiron estes días en colgar nas súas páxinas referencias comentadas a un video que está circulando por YouTube con factura moi caricaturesca do mal que fala o galego o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Este video, titulado Touriño en touriñés, presenta algúns efectos divertidos como cando se escoita a Touriño pronunciar en Buenos Aires unha frase tan chocante como "vos prometo que non vos follarei", que menos mal que a substitúe inmediatamente por "vos prometo que non vos fallarei" porque, se non, ben podería ser perseguido o presidente por algunha forma de acoso sexual ou algo máis grave aínda.
Está moi ben que que se lle dea corda a este tipo de crítica sobre o comportamento dos políticos e persoeiros públicos en xeral, que non sobresaen precisamente polo bo uso que fan do galego que tanto din defender, pero Touriño non é o único que merece ser colocado nesa picota por moito que sexa un dos que pior falan a nosa lingua en público. Videos como o que lle fixeron a el pódenselles facer a Anxo Quintana, a Alberto Núñez Feixóo e á inmensa maioría dos nosos very importants persons. A TVG debería programar toda unha serie: Touriño en touriñés, Quintana en quintanés, Feixóo en feixoante, Fraga en fragante (delicto), etc. Con ela, comer seguiriamos comendo igual ou igual menos, pero rir aínda habiamos rirnos.

jueves, enero 24, 2008

Sargadelos é de todos

O acontecido onte na xunta de accionistas do Instituto Galego da Información debería ser obxecto dunha fonda reflexión por parte dos da banda de Laíño e a dos de Lestrove. Levan razón os que sosteñen que Sargadelos, O Castro, o IGI e todo canto puxeron a andar hai medio século Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane non se limita a ser un conxunto de empresas. Se o Barcelona é moito máis ca un club, o emporio ceramístico é moitisimo máis ca un conglomerado industrial e comercial que se limite a facer caixa como se fose un supermercado de Gadis.
Eu ben sei que as leis mercantilistas vixentes pódenlles dar azos a algúns accionistas, lexitimamente preocupados pola rendabilidade e plusvalías do seu capital, para tentar se cadra pegar algun tipo de pelotazo máis digno do ladrillo que da industria cultural, pero non deberían esquecer tales persoas que están a xogar coa sensíbel pólvora da identidade e da cultura galegas. Dalgunha maneira e aínda que só sexa espiritualmente, de Sargadelos somos accionistas todos os galegos dende que un feixe de retardatarios da nosa estirpe asasinaron a Ibáñez na Devesa de Ribadeo.
Que non se enganen, pois, e que teñan en conta que van sentir sobre a súa caluga o alento esixente da opinión galega e que a mirada pública ha repasar todos e cada un dos pasos que se están a dar dende unha e outra banda. Xa o dixo o presidente da Xunta: “Non se pode permitir que se derrame Sargadelos”.
Eu nin quero nin debo entrar na análise pormenorizada dos comportamentos dos tirios ou dos troianos. Entre outras cousas, porque teño amigos dos bos nos dous bandos, que tal parece xa que sexan os partidarios dunha ou doutra tendencia, pero si me atrevo a lembralles a todos que non é unha fábrica de longaínzas o que están tentado repartiren. Nin moito menos o grupo de empresas da construcción que deixou tirado ese empresario lambón de Tomiño que optou pola fuxida. Se calquera deles non sabe estar á altura das circunstancias, como poden pensar que os vai tratar a historia? Aló eles se non lles importa isto.
Coido que chegou o momento no que deben facer a reflexión definitiva e o esforzo máximo por artellaren un acordo que faculte a actualización e a sostenibilidade do grupo de empresas máis referente de Galicia, que dá de comer a máis de 250 traballadores, sen someter a persoa e sobre todo a figura histórica de Isaac Díaz Pardo a ningún tipo de humillación nin de desprezo. Ben ao contrario, debería ser para todos eles un enorme valor engadido respectar, valorar e conservar a andaina deste home coma de un dos galegos que máis e mellor soubo e quixo traballar pola súa terra.
Cónstame que, entre os disidentes, hai polo menos un dos que teñen alta capacidade decisoria que non pensa de xeito moi distinto ao que estou expresando eu aquí. Se cadra é el quen pode abrir o camiño cara ese acordo definitivo ao que me referín ao principio. O que non pode ser non pode ser e, ademais, é imposíbel, como dicía o toureiro sentencioso, pero o que non pode ser é que se prolongue esa agonía pola que está pasando Sargadelos.
Deberían ter todos moi en conta que o conflito xa non lles afecta só a eles. Por primeira vez na recente historia galega, vemos as firmas de Manuel Fraga Iribarne, Xerardo Férnández Albor e Fernando González Laxe, é dicir, as dos tres ex presidentes máis importantes da Xunta de Galicia, xuntas no afán de encarreirar unha crise que ameaza auténtica tronada. O clamor da protesta podería extenderse ata o punto de afectar seriamente a propia marca ceramística. A que están esperando os seus responsábeis para evitar algo que pode conlevar o risco dunha debacle?
Non é menos verdade que Isaac Díaz Pardo debe escoitar menos os seus propios cantos de serea e os que lle berran parte dos seus seguidores, entre os que probablemente hainos que interpretan partituras que foron escritas seguindo intereses particulares e acomodos que poden ter máis que ver coa debilidade humana que co que debería ser fortaleza do ben público. Á súa idade dificilmente se lle pode pedir a Isaac que faga un alarde de autocrítica, pero a historia tampouco lle vai perdoar que se empecine en imposibilitar unha saída acordada para un conflito no que el é tan responsábel como algún dos outros. O enorme aprezo persoal que lle teño volverase de titanio cando vexa que é capaz de volver a liderar con xenerosidade e, sobre todo, creativamente o grupo empresarial polo que tén que morrer de orgullo.

Requiem por unha lingua

Leo en El País, citando The Anchorage Daily News, que finou Marie Smith Jones, a última nativa que falaba eyak, un dos idiomas dos catro grupos lingüísticos que se orixinaron na península de Alaska e nas illas Aleutianas, onde viven 66.390 nativos e dos que xa son só 14.800 os que aínda se expresan neses idiomas.
Di Michael Krauss, experto en linguas indíxenas da Universidade de Alaska, que hai 10.000 anos, cando os poboadores da terra só eran dez millóns de persoas, estaban en uso máis de 20.000 idiomas. A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura estima que, na actualidade, cada día morren 3.000 persoas falantes dalgunha lingua que está en perigo de extinción. Tres mil idiomas sofren este perigo de extinguirse.
Arrepía observar estes datos. Quen será a Marie Smith Jones de Galicia cando lle toque extinguirse a nosa lingua? Canto tempo tardará en suceder ese pasamento? Puta globalización.

miércoles, enero 23, 2008

O PP quere fichar os blogueiros

Fíxense nesta cara. Correspóndelle á concelleira do Partido Popular (PP) do Grove (Pontevedra) Diana Otero. Pode ser a próxima estrela mediática da política de dereitas. Acaba de anunciar "unha proposta de regulación normativa na que se obrigue aos editores de blogs a constituír un rexistro co seu DNI, mediante o que se fagan responsables dos seus contidos e facilitar que estes delictos non queden impunes e que aqueles que se dediquen a insultar e a coaccionar nos blogs poidan ser denunciados polas vítimas".
Talmente como se acabara de ler a lei de prensa que firmou Fraga en 1969. Iso si, con máis atrevemento aínda e, dende logo, notoria ignorancia da situación real da blogolandia. Non sabe esta moza que tal rexistro xa existe e figura en poder dos correspondentes proveedores de internet, que teñen a obriga de facilitar os datos que lles pidan as autoridades xudiciais? Ela saber debe sabelo porque, se non foi ela persoalmente, alguén do seu partido xa ten recorrido varias veces aos xulgados para denunciar blogueiros. Ou é que o que lle gustan son os famosos rexistros (de cara á parede) que tanto lle encantaban a Fraga cando era ministro de Información de Franco?
Resulta preocupante tanto afán de controlalo todo. Di "que se obrigue aos editores de blogs a constituír un rexistro co seu DNI". A ver, quen ha constituír ese rexistro? Os editores de blogs? Supoño que quererá dicir que o compoña a autoridade competente, se o tempo non o impide. Fala de "delictos que fican impunes" e de que "aqueles que se dediquen a insultar e a coaccionar poidan ser denunciados polas vítimas". Esta concelleira mostra pouca fe no ordenamento xurídico vixente e tén unha fraca idea da blogolandia, na que só ve delincuentes e vítimas maiormente, polo que se desprende da súa opinión. Lendo o que propón, fico tan apampado como parecía estar ela cando lle fixeron a foto, dito sexa con respecto e como definición, que non é o mesmo que insulto.
En fin, hai xente para todo. Por que será que no PP abondan os afeccionados a compoñer listas de todo o que se move e a ver inimigos a bater debaixo das pedras? Queren que andemos outra vez co carnet entre os dentes. E, se cadra, borrarnos das listas. Como borrou Fraga unha vez o corresponsal de Le Monde José Antonio Novais. No que toca a estas cousas Deus, se anda por aí, debería collernos confesados. A formar, coño, que imos rexistralos!

Isaac Díaz Pardo


Intencionadamente e por razóns que veñen pouco ao caso, mantéñome á marxe da evolución que vai seguindo o caso de Isaac Díaz Pardo. Hoxe fago unha excepción e súmome a todo o que expresa Antón Losada no artigo digno de Escarpit que publica en Galicia Hoxe.
López, coma sempre, acertado, dedícalle ao tema o debuxo-editorial que reproduzo.

martes, enero 22, 2008

Marabilloso –e rápido– López



Bo é López para que o reten. Un comunicante anónimo suxeríunos que "debería ilustrar o post no que é protagonista". Inmediata-
mente díxenllo a López, e López agarrou o lápiz e to make an all-out attack, voici la vignette! Viñetas, máis ben, porque López fixo dúas e mandoume tamén un recordatorio da celebración da Coca en Ribadeo. Non pense mal, polo tanto, ese outro comunicante que parecía ter o nariz enfariñado. Como as imaxes aínda seguen valendo palabras, non é preciso explicarlle máis.
Aquí teñen, pois, en post propio, que ben o merecen, as improvisacións humorísticas que fixo López sobre os seus propios personaxes. E grazas a Marcos Valcárcel por sumarse a esta celebración.

Marabilloso López

López pode que estea en combate, pero non está perdido. Non é dos que se perden facilmente. Respóndolle así a un amábel comunicante que tivo a ben interesarse de novo polo humorista debuxante que tanto dignifica esta páxina e do que está totalmente ogullloso o que lles escribe. O que pasa é que López agora anda aínda máis ocupado do que andaba antes. E, como foron moitos os que me preguntaron quen é López, coido que chegou o momento de despexar a incógnita. Non son eu mesmo, dende logo, como chegou a pensar Marcos Valcárcel. Xa me gustaría a min debuxar e inxeniar historias comas que fai López.
O que é López é da miña terra. Xúntanos iso e varias cousas máis. O sermos xornalistas os dous, por exemplo. Ou o pensar que o mundo, sen estar de todo mal, podería ser moito mellor se todos fixeramos algo máis por arranxalo. López é máis novo ca min, pero xa leva unha chea de anos traballando na delegación galega da Axencia Efe, que está en Santiago. Foi director desa delegación, cargo no que sucedeu a Carlos González Reigosa, e agora segue sendo un dos xornalistas que máis contribúen ao desenvolvemento da cultura galega e do seu idioma. Como bo practicante de Aikiro, arte marcial da que é un auténtico experto e que ensina no Ximnasio San Clemente, López é un pacifista capaz de verlle a cara boa ao mesmisimo Bush ou a Rajoy chapodando a Gallardón.
Dende o comenzo deste ano, López tamén publica no xornal compostelán Galicia Hoxe, único diario que se edita integramente en galego, e a súa arte gráfica e humorística tamén estará proximamente noutras publicacións. Ou sexa, que López é Xan López Rico, natural de Ribadeo, casado con Belén, pai de Mariña e de Area, e amigo meu. Voilà, poden velo na foto mirando como pasan as mozas pola Porta Faxeira dende unha mesa do café Azul. E non será Alexandro Diéguez o que se ve nesa foto facendo de xaponés na rúa do Franco?

viernes, enero 18, 2008

Somos talmente potencia que podemos estoupar


Durante o pasado Nadal comentáronme na Coruña que Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, estaba frecuentando significativamente o escritorio do grupo publicitario BAP Conde. “Será para agradecerlles o anuncio patriótico que lle fixo a Gadis”, foi todo o que se me ocurríu comentar. Pensaba eu que o romance vivido ultimamente entre os do Bloque e Roberto Tojeiro, que ata tivo esceas de sofá a bordo do primeiro gaseiro que desembarcou en Reganosa, podería explicar eses tête-à-tête entre o ex alcalde de Allariz e Miguel Conde.
Pero estaba errado. O que estaban cocendo o publicitario de moda e o político nacionalista era unha campaña que foi elaborada moi a xeito dos discípulos de Castelao. Partindo da base de que Galicia é unha potencia, idea que parece directamente plaxiada dun programa da TVG que presentaba Carlos Blanco e que pasou sen pena nen gloria, os de BAP Conde deseñaron e realizaron unha campaña de publicidade que está na liña da propaganda nacionalista pura e dura.
Véxase, se non, a armadura literaria da mensaxe: “Se a forza da nosa paixón cambia o mundo, cal será a POTENCIA dos nosos actos? A historia comenza cando ti queiras. A nosa forza interior fainos POTENCIA. A nosa industria é POTENCIA. A nosa materia prima, a nosa cultura, a nosa xente, a nosa costa é POTENCIA. Somos unha POTENCIA en POTENCIA. Ser POTENCIA é facer historia. O século XXI é noso. Galicia, somos POTENCIA”.
A realización “cinematográfica” do anuncio corresponde a esa descuberta que parece ter feito Miguel Conde do braveheartismo e que semella estar disposto a explotala ata o infinito. Algunha metáfora explosiva da repetida potencia galega, expresada en imaxes, ben puidera facer o efecto de lembrar Hiroshima e Nagasaki. Porén, o que máis me chamou a atención desta curtametraxe é a utilización final da palabra GALICIA no canto de GALIZA, que ata agora veu sendo sempre a expresión preferida polo Bloque. Foi un despiste ou é que as cousas de Quintana non paran de mudar? Por outra parte, no estudio de BAP Conde deberían empregar algún corrector de estilo competente ata o punto de acoplar ben suxeto, verbo e predicado. Evitarían construir frases coma esta: "A nosa materia prima, a nosa cultura, a nosa xente, a nosa costa é potencia”.
Polo que xa sei, nas dirixencias do PSdeG-PSOE e do PP, así como entre os fontaneiros socialistas de San Caetano, están moi intrigados e queren saber canto vai custar ao erario público esta campaña –patrocinada por Vicepresidencia e Consellería de Imnovación e Industria– e que uso van facer dela os gobernantes do Bloque durante as semanas que preceden a consulta electoral que vai ter lugar o 9 de marzo. O asunto aínda ha dar que falar. Estou seguro.
Para ver o anuncio prémase aquí.

A historia no seu sitio

Coñezo a Luís Gonçales Blasco, alias Foz, dende que os dous eramos mozos. Foi un dos máis interesantes e ardidos revolucionarios galegos da miña xeneración, condición pola que tivo que exiliarse en Francia durante varios anos para regresar logo e converterse en libreiro primeiro e profesor de instituo máis tarde. Vive, coma min, no val da Maía e gozo da súa conversa amistosa e sabedora dúas ou tres veces por ano. Sei que leva tempo enfrascado no labor de escribir unha historia das relacións exteriores da UPG, tema do que é bo coñecedor, e que segue tendo as súas antenas constantemente dirixidas aos avatares desta organización política nacionalista que el axudou a fundar.
A Foz pódenselle discutir algunhas cousas. Eu, por exemplo, non acerto a entender o seu achegamento lingüístico a un lusismo que lle fixo trocar o seu apelido introducindo nel a variante dun ç sureño, sendo como é el un rapaz do norte, pero o que ninguén lle pode negar é a condición de ser un home absolutamente fiel ao seu pensamento e leal cos amigos. Atreveríame a dicir mesmo que coñezo pouca xente tan boa coma el.
Vén a conto esta leria porque acabo de lerlle o artigo que lle publica hoxe Vieiros co título de O meu rol na fundaçom da UPG. Critícalle a Xusto Beramendi, autor do volume 32 da Gran Historia de Galicia, que está publicando La Voz de Galicia, o aparente desleixo co que describe a fundación da UPG nunha comida que tivo lugar no merendeiro da Rocha (Santiago) o 25 de xullo de 1964. Arrastrando un erro que xa cometeu a Gran Encilopedia Gallega no seu tomo 29, atribuíbel a Francisco Rodríguez, segundo Foz, Beramendi descoñece a presenza de Gonçales Blasco no xantar da Rocha e dá como participantes nela a Antón Moreda, que nunca pertenceu á UPG (Foz dixit), e a Manuel María, que tardaría anos en se integrar na mesma (ibidem).
Blasco, xeneroso que acostuma ser, non culpa a Beramendi pola comisión deste erro. Apunta quizais máis alto dirixindo o tiro cara a Paco Rodríguez, ao que atribúe a autoría do artigo que publicou a Gran Enciclopedia Gallega e do que parece beber agora o autor do volume 32 da Gran Historia de Galicia.
Este episodio pode ter a importancia que se lle queira dar. A min paréceme de xustiza elemental darlle audiencia a un dos protagonistas daquel xantar da Rocha do que se derivaron algunhas consecuencias para a evolución política de Galicia. E suxíreme, de paso, algunha preocupación pola "historicidade" oficial que, se cadra, pode dar algunha vez en "historicidio". Se estamos escribindo o que nos pasou con erros semellantes cando aínda viven varios protagonistas, que non son nin consultados, que historia poderemos facer cando se trate de falar da Raíña Lupa? A resposta que dá Gonçales Blasco en Vieiros debería constituír, a partir de agora, un documento público que non deben ignorar os historiadores. Sexan académicos ou de silveira, estean ben pagos ou traballaren por amor á arte.

miércoles, enero 16, 2008

Dereita cotrosa

Quen me coñece sabe ben que eu nunca podería ser de dereitas. Aínda así, lamento vivir nun país, estado, nación ou que sexa no que pertencer á dereita parece ser algo propio de anciens regimes, unha certa intolerancia, cotrosidade intelectual e ata algunha forma de sevicia persoalista. Refírome ao incomprensíbel tratamento que lle deu o líder da actual dereita española, Mariano Rajoy, ás prestensións do alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón, de presentarse ás póximas eleccións parlamentares.
Coido que non é bo, nin sequera para os de esquerdas, que teñamos unha dereita agarrotada no casticismo político casposo e nostálxico da españolidade menos evoluída e no pensamento neoconservador abracadabrante. Que Rajoy se mostre coas mans atadas por líderes coma Zaplana, Acebes ou Esperanza Aguirre vén sendo case como se en Francia Sarkosy se deixase inspirar polo clan familiar de Le Pen. Algunha vez pensei que o neto dun dos pais do estatuto galego de 1936 podía dar un bo reformador desa dereita española que non remata nunca de saír do franquismo e que nos condena a todos a case sentirmos vergonza dalgunhas cousas que pasan en España e xa hai moito tempo que non teñen lugar en Francia ou Alemania, poño por casos. Definitivamente, percátome de que o futuro político do rexistrador pontevedrés é case seguro que non teña unha das súas paradas na Moncloa.
Con liderados como os de Rajoy, Zapatero vai seguir sendo non só o mellor líder do centroesquerda senón tamén o representante óptimo dos intereses da dereita civilizada. De seguirlle as cousas como llas están poñendo, non sería raro que en marzo reocupe a Moncloa con maioría absoluta, dende logo.

Porto exterior, gasto interior

Bonita novela a que se está escribindo coa realización do porto exterior d’A Coruña. Se xa foron singulares e rechamantes as circunstancias nas que se concebíu e se puxo a andar este faraónico antollo do emperador Paco Vázquez, que duplicou o gasto público correspondente ao porto exterior de Ferrol sen suplementar nen sequera complementar os seus futuros servizos, o que agora nos está descubrindo o xornal La Opinión sobre a marcha das obras e a xestión deste proxecto empezaría a parecerse moito a un beaudeville insoportábel se non fose porque aínda pode ser algo moito pior.
Agora resulta que, segundo conta el, o enxeneiro contratado para dirixir as obras que se están facendo en punta Langosteira, Enrique García Ferro, só cobra 130.000 euros ao ano, que seguen sendo moitos máis que os que cobra o presidente da Xunta. O resto, ata 230.000, son para pagar o coche e o escritorio deste enxeñeiro. Un coche e un escritorio que non saen nada baratos.

sábado, enero 12, 2008

Esoutros terrorismos

Definitivamente resulta insoportábel calquera forma de pasividade diante deses outros terrorismos que cada vez se manifestan máis na sociedade actual. Un deles é o do comportamento dun número nada desprezábel de persoas cando conducen un automóbil por rúas, estradas, autoestratas ou camiños. O dramático suceso que acaba de rexistrarse en Vigo co resultado de dúas persoas inocentes mortas debería ser unha das gotas que colman o vaso.
Que dous descerebrados e unha descerebrada, que acompañaba a un deles, por moi cheos de alcol que puideran ir, decidisen converter as rúas viguesas en circuíto de fórmula 1 e facérense pasar eles por un Fernando Alonso de pacotilla tiña que acabar levándonos á desgraza que se producíu. Eses bordes, a bordo dun BMW e dun Audi, seguramente son de boa familia. De non pasarlles o que lles acaba de pasar, ata poderían rematar dirixindo algunha empresa herdada dos pais. E, aínda así, verémolo. De momento, dedicábanse ao que sabían facer pior: carreiras de coches ás doce da noite pola rúa Genaro de la Fuente de Vigo. Se o que fixeron non é un asasinato como os que comete Eta, xa me dirán en que consiste.

viernes, enero 11, 2008

Enxeñeiro marajá


Iso de que en Galicia son baixos os salarios “adepende”. Enrique García Ferro, un enxeñeiro dos que non se sabe que inventasen a pólvora, cobra 230.000 euros anuais por dirixir as obras do porto exterior da Coruña que se está construíndo na punta Langosteira, segundo publica hoxe La Opinión. Case tres veces máis do que cobra o presidente da Xunta e moito máis aínda do salario que percibe cada un dos seus conselleiros. Debe ser un enxeñeiro moi bo, pero se vostede teclea o seu nome en Google só lle aparecen referencias súas relacionadas con este soldo de marajá. Se cadra é que aínda non fixo nunca unha ponte de Rande.
O concelleiro coruñés Xosé Nogueira, un dos representantes do Concello da Coruña no consello de administración da Autoridade Portuaria, que é a que contratou a García Ferro, recoñece que non é este “un salario medio da cidade”, pero considera que “se cadra é un soldo normal para un enxeñeiro de camiños que dirixe unha obra da complexidade e peligrosidade do porto exterior”. Nogueira é un lince da metáfora como demostrou dicindo que “o diñeiro que cobra Romario é moito para unha persoa normal, pero é o normal para un xogador de fútbol”. Estes socialistas de Paco Vázquez son a repanocha. Pablo Iglesias poñeríase colorado se os escoitase.
Recomendación: Fágame caso o lector, e bótelle unha ollada ao artigo que publica hoxe Ferrín en Faro de Vigo sobre a desfeita do Berbés.

jueves, enero 10, 2008

Juan Lado cagón

Entérome lendo Vieiros de que o veciño de Aguiño Xoán Lado Palmier, internacio-
nalmente coñecido como maltratador de animais, cabalga de novo. O dono do bar O Furón, onde teño comido varias veces un bo polvo que non penso repetir, denunciou a banda musical madrileña Lyvon polo delito de inxurias supostamente cometido difundindo a súa canción Juan Lado cagón, que foi composta para protestar pola morte a paus que lle deu este valente cidadán a unha cadela da súa propiedade que se chamaba Ronnie e era de raza pastor alemán.
Lado cometeu esta falcatruada en xullo do 2004, pero a súa fazaña non transcendeu ata que o veterinario local Federico Real fixo público un video que lle grabou mentres apaleaba a cadela. Non foi esa a única vez que se poduciron malos tratos aos animais da casa de Lado, segundo informou no seu día Real, e a Xunta de Galicia chegou a multar con 6.000 euros o autor da paliza que lle custou a vida a Ronnie por terlle matado uns pitos ao seu amo.
No seu día, esta noticia deu a volta ao mundo e dividíu a población local entre partidarios de Lado, a inmensa maioría dos veciños de Aguiño, e recriminadores da súa conduta que só puideron manifestar o que pensaban co apoio dos forasteriros que acodiron á vila para protestar contra aquela intolerábel mostra de salvaxismo de que foi vítima unha inocente cadela. As imaxes do acontecido daquela, que se poden ver pinchando aquí, falan por si soas.
A banda Lyvon compuxo a canción Juan Lado cagón (pinchar aquí para escoitala) coa seguinte letra:

El perro de Juan Lado ya no puede ni andar,
pues Juan Lado le apaliza de manera brutal,
por comerse a sus pavos un castigo le va a dar,
y a estacazos se ha liado con el pobre animal.
El perro de juan lado ya no quiere comer,
las palizas que le arrea no le dejan ni ver,
los huesos hechos polvo se le quedan cada vez,
que juan lado engancha el palo y se lia con él.
Y es que Juan Lado es un cagón,
por arrearla con su pastor,
se ceba bien con quien no puede contra él,
y luego dice que maltrato esto no es,
y un gran amante de animales dice ser,
y lo que grazna es mentira y nos produce tanta ira que decimos:
Juan Lado cagón
Y vemos a Juan Lado por su pueblo, en su hogar,
sus amigos vitorean su manera de actuar,
en el pueblo todo el mundo se permite el juzgar,
y es que no es ninguna excusa una pelea vecinal.
Y en el resto de este mundo cuando vemos esta acción,
el estomago revuelto y los nervios de ping pong,
se nos pone mala ostia y nos arde el corazón
cuando vemos a ese perro dando gritos de dolor.

miércoles, enero 09, 2008

A honra de deus e a facundia de Bono


Anda o país de países, é dicir, España, envorcado outra vez nas pantasmas do pasado. Por moitas voltas que se lle queira dar, o sucedido en Euskadi cos dous etarras lesionados durante unha intervención da Garda Civil parece máis un episodio lamentábel que unha mera circunstancia derivada da necesaria e imprescindíbel loita contra o terrorismo, e as respostas dos altos responsábeis desta loita –ministro de Interior incluído– empezan a parecerse demasiado ás que fornecían os seus antecesores, Juan José Rosón incluído tamén.
E logo sempre chega Bono, ese Paco Vázquez mesetario aprendiz de bruxo, que parece manexar un particularísmo diccionario de citas coas que acostuma xostregar a interpretación da realidade vixente. A súa última xaculatoria foi dicir que lle gustaría dicirlles aos gardas civís que participan na loita antiterrorista que “non haxa baixas”, pero “se ten que habelas, que non sexan dos nosos”. A un dalle a impresión de que esta película xa lla botaron varias veces dende aquel lonxano día en que mataron a Melitón Manzanas. De fazañas bélicas estamos fartos os que nos sentamos no patio de butacas –os do galiñeiro, máis aínda– e gustarianos moito ver que poñen menos a John Wayne que a Cindy Crawford ou Julia Roberts.
Di López, o meu humorista de cabeceira, que se a Mariano Rajoy non lle importaría ser presidente do goberno só durante dous mandatos, el tampouco regañaría o dente por ter que saír só dúas noites con Claudia Schiffer. E digo eu que me conformaría tamén con non padecer nunca máis o terrorismo salvapatrias dos iluminados nin as parvadas en lata que poñen en circulación determinados políticos sobre os que pode dar a impresión de que pouco lles quedaría por dicir se a desexada pacificación norteña chegase por fin. Non comprenderán nunca que esta película non é de indios?
Algo que tamén ten o seu aquel é o empecinamento das autoridades eclesiátiscas –bispos, arcebispos, cardenais e todo o gotha católico– acerca dos, segundo eles, enormes abismos que está abrindo o suposto laicismo de Zapatero. O inteletual orgánico do xornal El País, Juan Luis Cebrián, revestido el tamen coa tiara de cardeal laico que tanto lle gusta poñer de vez en cando, arréalles hoxe unha boa cun artículo que titula El honor de dios (así, con minúscula, e coido que non é unha errata). Debería ser de letura obrigatoria para os que pensamos que este mundo aínda pode ter algún amaño. Citándose a si mesmo, Cebrián –ex enfant terrible do franquismo– remata a súa perorata con estas palabras: “A este respecto recordaba yo, en un reciente artículo para el semanario Expresso de Lisboa, el refrán de que en España siempre hay que ir detrás de los curas o con un palo o con una vela. Viene al pelo para coronar este artículo. Aunque, a fin de escapar de tan horrible dilema, los Gobiernos democráticos han preferido mostrar a los clérigos la zanahoria. Parece que el experimento no funciona”. E tanto que non funciona. Pero quen vai agarrar o pau?

lunes, enero 07, 2008

De espías e deputados


Anda a filla dun coronel e sobriña doutro militar da mesma graduación, Mari Cruz Perote Suárez-Rivero, metida en leas de espionaxe. O seu tío, Juan Alberto Perote, espía coma ela, tamén pasou por trances complicados que mesmo o levaron a cumprir pena de cárcere por determinados feitos que tiveron relación con polémico ex banqueiro Mario Conde.
A Mari Cruz resulta que a botaron do destino que ocupaba en Alemania e, segundo di o seu pai, que foi membro da antifranquista Unión Militar Democrática, ata foi “interrogada, expedientada e sancionada sen ningunha garantía constitucional”.
Resulta que está casada cun alemán que, segundo os seus superiores, ten intereses no sector industrial que comercia con España e iso faría a espía española incompatíbel ata o punto de que a súa función de agregada na embaixada española en Berlín podería verse exposta a situacións de conflitos e lealdades nas que quizais Mari Cruz Perote non sería quen de defender os intereses de España.
En realidade, segundo a familia da afectada, no caso ten un peso enorme a circunstancia de ser sobriña do coronel Juan Alberto Perote e o feito de estar casada cun estranxeiro non parece ser unha excepción. De feito, houbo un director xeral do centro de espionaxe ao que pertenece ela, o Centro Nacional de Intelixencia, Emilio Alonso Manglano, que estaba casado cunha norteamericana e a circunstancia de que o actual ministro de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, estea casado cunha francesa non o fai sospeitoso de servir máis que nada os intereses gabachos.
Postos a buscarlle cinco pes ao gato, os superiores de Mari Cruz tamén a acusaron de formar unha sociedade limitada co seu home que, segundo a parella, foi constituída para comprárense unha casa de veraneo en Galicia. Tamén é verdade que isto debe ser propio dos espías. Queren comprar unha casa nunha praíña calquera do noso país? Pois van e constitúen unha sociedade limitada ad hoc no canto de faceren coma calquera mortal dos que imos ao notario a escriturar a compra-venda motu propio. Este asunto eu non diría que lle merecese a pena a John Le Carré fixarse nel, pero algo ten de morbo celtibérico polo menos.
Máis enxebre e de menos misterio é o dos deputados que acampan na rúa do Hórreo, O xornal La Opinión ocúpase hoxe de lembrarnos o mal pagadas que están as súas señorías. Os que teñen dedicación exclusiva cobran un mínimo de 4.200 euros ao mes, viaxes aparte. E os que forman parte da mesa da Cámara, outros 3.500 máis por varios complementos. Iso si, tributar tributan só pola metade do que perciben estes adalides da igualdade que cobran ata trece veces máis do fixado como salario mínimo e ata oito veces o que levan para as súas casas a inmensa maioria dos “mileuristas”.
En fin, Le Carré non o sei, pero algún Gómez Carrillo debería empezar a escribir sobre estas cousas. Do que estou seguro é de que nunca o farán Manuel Rivas, Suso de Toro ou Alfredo Conde. E excusen as comparanzas.

sábado, enero 05, 2008

As cousas a medias


A penas minutos despois de que este blog contase como funcionan os gobernantes locais de Ames, un policía local deste concello coruñés e unha brigada de servizos básicos composta por tres homes procedeu a tronzar e retirar o piñeiro que durante quince días ameazou a seguridade vial da estrada que vai de Bertamiráns ao Instrumento e que rematou caendo sobre os tendidos eléctrico e telefónico. Maior rapidez e dilixencia demostrou nesta ocasión a compañía eléctrica Fenosa que, avisada do que estaba pasando ás 13,30 horas de hoxe, menos dunha hora máis tarde xa tiña no lugar unha empresa subcontratada para arranxar o problema.
Ademais de alegrarme de que, por fin, os do Concello de Ames decidisen resolver esta incidencia, que puido orixinar desgrazas persoais e deixar sen luz e teléfono unha poboación na que viven polo menos 30 persoas, teño que volver a sinalar que continuamos no reino da chapuza xeneralizada. Os que retiraron a árbore caída deixaron a estrada no estado que mostran as fotografías. Con ramas e tocos do piñeiro caído invadindo a calzada de forma altamente perigosa para os que circulen de noite, por exemplo, e non alcancen a ver tales osbtáculos. Sería tan difícil mostrarse algo máis responsábel e rematar a obra coa retirada de toda impedimenta sobre a estrada? Polo visto, isto non é Alemania aínda. E, moito menos, Suíza.

Así funcionan algúns gobernantes locais. Os de Ames, por exemplo






En Ames (A Coruña), se alguén lle pide ao Concello que coloque unha farola de horripilante feitura diante dunha casa de pedra que a vostede lle custou un riñón rehabilitar, seguramen-
te lla poñen en 48 horas, se a petición se fai cando falta pouco para que teñan lugar unhas eleccións. Se o que se pide é moito máis sinxelo e se trata de salvagardar a seguridade pública, o caso pode ter un percorrido moi diferente.
Tres ou catro días antes da Noiteboa, alguén –o propietario do monte ou o madeirista que lle puido comprar os piñeiros– practicou unha tala nun monte que bordea a estrada que vai de Lapido a Instrumento. Unha das árbores tronzadas deu cun piñeiro que estaba á beira da estrada e partíuno a menos dun metro da súa base. O causante do estropicio foise sen sinalizar o lugar nin informar a ninguén da falcatruada. Milagrosamente, o piñeiro ficou enganchado na ramaxe doutra árbore cercana e non rematou sobre ás liñas de tendido eléctrico e telefónico que discorren polo lugar.
Aproveitando que unha empregada municipal de Medio Ambiente chamada Silvia estaba aquel día no Instrumento dirixindo os imprescindíbeis e atrasados labores de limpeza das beiras do río Sar, os veciños puxérona ao tanto do que ocorría. Ela prometeu chamar inmediatamente ao concelleiro de Servizos para que se ocupase de retirar a árbore caída antes de que puidera deixar a zona sen luz e sen teléfono ou mesmo causar unha desgraza persoal se o piñeiro remataba esnafrándose contra viandantes ou coches que pasasen pola estrada.
Dende mediados de Nadal, tal concelleiro de Ames, Gustavo Nieto, non fixo absolutamente nada e a árbore continou ameazando a seguridade e a integridade física dos que pasaban polo citado lugar. Finalmente, a unha hora ideterminada da noite pasada, o piñeiro tronzou definitivamente derrubándose sobre o cables da luz e do teléfono que deron conta del impedindo que se precipitase sobre a estrada. Un garda municipal di que acodíu ás oito da mañá sinalizar a situación. A verdade é que tal sinalización limitouse ao tendido, de rama a rama, dunha cinta sen máis elementos de visibilidade que o letreiro de Policía Local sobre fondo branco. Nin triángulos de alerta nin cortes de tránsito nin nada que se pareza a unha auténtica aplicación de medidas de seguridade. De feito, aos poucos minutos, a cinta xa fora tronzada por algún coche que se espuxo a pasar por debaixo do piñeiro.
Cando escribo estas liñas son as dúas e media da tarde do sábado 5 de xaneiro, e a situación non variou en absoluto. A única comunicación que se pode estabrecer co Concello, sábados, domingos ou feriados en xeral, é co número de teléfono da Policía Local –un móvil, por certo– onde se limitan a contestar que eles xa deron conta do suceso e que non depende deles restaurar a seguridade do lugar.
Así funcionan algúns gobernantes locais, que só se preocupan de ser puntuais na recadación dos impostos e non dubidan en cobralos dúas veces, se cadra o caso. Gustavo Nieto, concelleiro de Urbanismo, Obras e Servizos Básicos era sabedor do que pasaba e do que podía pasar e non fixo nada por evitar o que puido ser unha desgraza. Supostamente isto chámase atentado contra a seguridade pública e podía constituír un delito, pero ninguén o denunciará probabelmente. Se o que acabo de contar pasa nun concello que está rexido por Carlos Fernández, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, que pode estar pasando en lugares de menor rimbombancia? Pobre contribuínte, algunha das variadísimas administracións hache xear o corazón, e secar a carteira!, con permiso de Antonio Machado.

viernes, enero 04, 2008

Laramiño


Vive vostede nun lugar onde hai que amañar a estrada, colocar unha farola ou levantar un cabanón? Agora é o momento. En marzo hai eleccións e non hai alcalde, conselleiro, ministro ou director xeral que resista o embate. Pídalles calquera cousa que, con tal de inaugurala antes de que vaiamos ás urnas, tolearán por facela.
Un exemplo son as presas coas que están tratando de rematar o tramo da autoestrada AC-522 que vai de Santiago a Brión. Colocan os tabiques mitigadores da contaminación acústica antes de encher de cemento as bases nas que son asentados. Consecuencia mínima, que logo fican como se pasaran por eles un feixe de recebadores de paredes.
O máis significativo, porén, ata agora, son varios paneis indicadores de dirección que colocaron onde a AC-522 pasa enriba do río Sar. Para sinalar a saída número tres, dirección Noia-Santiago, que dá acceso ás localidades de Biduído, As Galanas, Pardiñas e Larañiño, o "filólogo" da CPTOT, da empresa constructora ou do que sexa, no canto de Larañiño, puxo "Laramiño", curioso neoloxismo sen dúbida procedente da mitoloxía romana na que lara ou lala, a lareteira, ten que pasalas putas por culpa de Xúpiter e Mercurio, e do topónimo correspondente ao pai Miño. Digo eu que, en vez de Laramiño, puideron poñerlle Larasar. A fin de contas o río de Rosalía, podre ata as cachas por mor da contaminación, é o que pasa a poucos metros do letreiro.