jueves, febrero 28, 2008

O Hitler dos gatos







Un, que sabe que hai xente para todo, non se acostumará nunca a ver o delirante espectáculo de crueldade e infamia que practican algunhas persoas contra os animais. Xaime Ferrero Ávila, 24 anos, natural e veciño de Talavera de la Reina (Toledo), e Xoán Carlos Vázquez, da mesma localidade, acaban de seren fulminantemente expulsados de Nuevas Generaciones, organización xuvenil do Partido Popular, por practicaren malos tratos e asañamento contra varios gatos que esfolaron ata a morte e cos que logo se fotografa-
ron.
Este par de indecentes torturadores foron previamente denunciados por Xosefa Sánchez Marín, en nome e representa-
ción da Asociación Protectora de Animais e Plantas “Arca de Noé” de Albacete, por presunto mal trato inxustifi-
cado e con asaña-
mento de animais domésticos. O comité executivo provincial de Nuevas Generaciones de Toledo anunciou a expulsión “directa e automática” destes dous preas “ante a evidencia irrefutábel de imáxes e testemuños que non deixan lugar a dúbidas sobre a crueldade e insensibilidade” da que fixeron gala Xaime Ferrero Ávila e Xoán Carlos Vázquez.
Dase a casualidade de que Xaime Ferrero formou parte da candidatura municipal do PP por Talavera de la Reina nas eleccións municipais que tiveron lugar no 2006. Ocupaba o número 24 da lista.
Aínda que dá arrepío e asco mirar as fotos nas que se ve parte das fazañas destes aprendices de Hitler, cómpre botarlles unha mirada para ir sabendo a que límites pode chegar a estupidez humana.

miércoles, febrero 27, 2008

A nena de Raxoi

Queren saber en que se inspirou Mariano Raxoi para estabrecer a súa célebre metáfora da nena-España? Premendo aquí despexarán a incógnita.

martes, febrero 26, 2008

My generation

Un amigo meu estivo nesta romaría (ver video), e non víu a Quintana nin a Fraga. Que raro!

O debate


Nin Obama nin Hillary Clinton. O debate Zapatero-Rajoy foi outra cousa. Menos mal que TVE nos ofreceu o marujeo típico dunha retransmisión previa ao que parecía que podía ser un puxilato e se quedou nunha pequena regueifa de escolares de Malpica. E que, despois do verso, nos colocou o Aristóteles da dereita actual, Miguel Ánxel Rodríguez, e outras musas e musos do peloteo político do momento. Coido que non debe ser previsíbel ningún cambio porque a presentadora Ana Pastor non contou con ningún profeta do chaqueteo e todos torearon coa súa capa de sempre.
Cústame admitilo, pero o gañador –se houber tal cousa– foi Mariano Rajoy. Zapatero estivo esmorecido e falto de iniciativa. O do PP levou a auga ao seu muíño e ata tivo algún momento de brillantez dialéctica. Dame a min que Rajoy pescou algunha troita en caneiro alleo e que ZP ficou coa miñoca sen chantar no anzó varias veces. Haberá que ver que pasa na segunda volta destes encontros televisivos. Se se repite o de onte, os socialistas poden pasar un apuro o 9 de marzo. De pouco servíu que Solbes mallara no lombo de Pizarro como se fose un fole de viño.

lunes, febrero 25, 2008

Vieiros, tece que doce

Os de Vieiros levan doce anos tecendo, como din eles, o día a día. E non é mal tecido o que fan. Ás veces ata tén algo de encaixe de Camariñas. Sobre todo, dende que teñen os seus amigos no goberno. Hai moitos anos, cando gañou François Mitterand as primeiras eleccións que o levaron ao “palais de l'Elysée”, os do semanario satírico Le Canard Enchainé titularon a cinco columnas na portada: “Gañaron os nosos. A pesar de todo, seguiremos falando mal do goberno”. Estou seguro de que os que fan Vieiros síntense moitas veces a piques de caer na mesma tentación e, se cadra, teñen que facer números para non romper as pernas na caída.
Brincadeiras aparte, congratúlame ver que a singradura que soñou e levou a bo mar Lois Rodríguez se reproduza cada vintecatro horas percorrendo o camiño de Galicia. Lois e a súa escudería merecen ser felicitados. Mereceríano só por teren salvado do esquecemento o sagrado nome do Vieiros de Luis Soto e Carlos Velo, pero aínda máis por convertéreno no que é hoxe a súa publicación: un vieiro aberto a realidade galega e á esperanza de todos. Que sigan tecendo o día a día moitos máis anos.

domingo, febrero 24, 2008

Cen anos de Laxeiro





De éxito total habería que calificar a homenaxe que Lalín lle ofreceu ao seu fillo máis predilecto, o xenial pintor Laxeiro, o 23 de febreiro, co gallo de cumprírense cen anos do seu nacemento. O alcalde do Concello que ocupa o quilómetro cero de Galicia, Xosé Crespo, e o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa, alma mater da celebración, ben poden estar contentos e satisfeitos de lograren xuntar no Auditorio Municipal máis de duascentas persoas procedentes de todas as sensibilidades artísticas, políticas e culturais galegas.
O máis aplaudido foi o pintor Lamazares, que lle dedicou a Laxeiro un magnífico poema. Moi acertada tamén estivo a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, ofrecendo do pintor unha sentida semblanza. Execelente tamén a intervención de Crespo, o alcalde de Lalín, que falou dende o corazón e dende unha sinceridade total de orgulloso veciño do pintor. Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, leu un discurso circunstancial e o ministro de Cultura, César Antonio Molina, pelexou todo o que puido co idioma galego para explicarnos a todos quen era e que significa Laxeiro. A súa intervención pareceume máis propia dunha sesión que tivese lugar en calquera real academia de bellas artes ou diante dun tribunal que tivese que xulgar algunha tese doctoral, pero o Jack Lang de Zapatero esforzouse tamén por ensalzar a figura do homenaxeado. Din que lle escribíu o discurso o catedrático Antón Castro e que lle colou nel unha autocita para disimular a autoría. Aos outros oradores (Isaac Díaz Pardo, Luís Caruncho e Ramón Villares) sempre da gusto ouvilos.
Referencia aparte, polo ben que estiveron, merecen o gaiteiro Xosé Manuel Budiño e a cantante Uxía Senlle. Só unha chata. Que a todos nos soubo a pouco o tempo que nos deleitaron coas súas interpretacións.
Había moito que eu non saudaba o meu amigo Carlos Príncipe, ex alcalde de Vigo, ou o poeta Carlos Oroza. O primeiro atopeino politicamente máis inspirado que nunca e a Oroza co seu xenial malxenio de sempre. Díxome que seguía estando ata os mesmísimos de ver como se ningunea o uso do idioma castelán en Galicia e mandoume ao carallo cando lle mintín dicíndolle que me contou Raúl del Pozo que Carlos xa non se poñía cachondo. Pero se era unha brincadeira!
Molina foi o primeiro en erguerse da mesa que presidíu no pazo de Bendoiro, no que todos compartimos un cocido dos que tanto lle gustaban ao pintor que se consideraba a si mesmo un anarquista insolente. Tivo que presidir a inauguración das xornadas arredor da camelia que teñen lugar na cercana Santa Cruz de Ribadulla, onde estivo a piques de coincidir co veciño desta localidade pontevedresa e (a)sonado xeneral, Alfonso Armada y Comin. Vaia foto que darían os dous se se xuntasen neste quentísimo comenzo de campaña electoral.

martes, febrero 19, 2008

Fidel


“Fidel, Fidel, qué tiene Fidel, que los americanos no pueden con él”. Coma moitos máis, eu acompañei esta cantarea de Carlos Puebla moitas ducias de veces. Igual que cantei e celebrei que chegara o comandante e mandara parar, aprendín a querer o Che Guevara dende a súa histórica altura e dende o sol da súa brabura para dicirlle ata sempre, comandante, e bailei rumbitas ata caer de cú no Sal si puedes madrileño e en moitos máis sitios. Todo acompañado, ademais, por incansábeis lecturas de Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, Lezama Lima, Cabrera Infante e algún máis. Sen esquencer as proveitosas conversacións que mantiven con Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda ou co meu irmán de Cuba Roberto Pego, cineasta.
Logo aterrei un día na Habana, volvendo da Suiza de América, que era Costa Rica, e da revolución inconclusa nicaraguana, e estiven a piques de pasarme ao inimigo. Empezaron a gustarme máis as bailarinas do Tropicana que os discursos de Fidel e pasei a ser adorador do “my mojito in Bodeguita” e do “my daiquiri in Floridita”, anos despois de que Hemingway estivera a piques de rematar con todo o ron que había para facelos. Viaxei ao val de Viñales, onde descubrín que chovía tanto e había tantos piñeiros como en Galicia e alí rendinme definitivamente a ser fumador de puros, que en Cuba lles chaman cigarros.
A segunda desilusión fidelista chegoume cando o líder da revolución máis emocionante que houbo nos últimos cen anos foi hópede de Manuel Fraga nunha viaxe case surrealista que transcorreu por varios puntos de Galicia hai varios anos. Aínda conservo a foto na que se ve a Castro laiarse porque queimou o dedo co que tentou remexer a queimada que lle ofreceu Fraga na aldea luguesa onde naceu o seu pai, preto de Sarria. Non cheguei a convertirme, nin me convertirei nunca, nun anticastrista, pero hai xa moito tempo que deixei de adorar o becerro das barbas longas que non parecía ser de ouro senón de titanio.
Celebro, polo tanto, que Fidel tomara a decisión de non morrer na cama do poder. En algo tiña que diferenciarse de Franco. E desexo que os cubanos saiban e podan empedrar o camiño do seu futuro democrático. Ben o merecen.

domingo, febrero 17, 2008

Galicia non se vende
















Se cadra, dende hoxe, o bipartito xa tén o seu propio Nunca Máis. Os manifes-
tantes reunidos en Santiago encol da idea de que Galicia non se vende, case encheron a praza da Quintana, rebautizada por eles como praza Bipartita, tanto como a enche o BNG nun bo Día da Patria. A pre-
senza de re-
pre-
sen-
tantes do mundo do teatro e do cine contrastou, eso si, coa total ausencia de intelectuais orgánicos. Algún alcalde nacionalista e a participaciçon de Xosé Manuel Beiras e de Camilo Nogueira deu testemuña de que na organización que agora lidera Anxo Quintana aínda queda xente que sae á rúa a pasearse a corpo limpo.
Gustoume o ambiente de alegría e desenfado no que se desenvolveu a manifestación, que transcorreu sempre inspirada pola defensa da terra e do ambiente galegos. Por primeira vez, unha parte importante dos que no seu deu berraron contra o desastre do Prestige e contra a insolencia dos que daquela gobernaban España e Galicia, non tiveron hoxe legañas nos ollos que lles impedisen cantarlles as corenta os que agora mandan na Xunta. A súa idea constantemente repetida de que, goberne quen goberne, Galicia non ha venderse seguramente significa que está volvendo a espertar a conciencia crítica dunha parte da sociedade galega. Eu, se fose Touriño ou Quintana, procuraría tomar boa nota de que algo está volvendo a empezar a cambiar outra vez.
A presenza de sendibilidades políticas e sociais moi diversas, dende independentistas, anarquistas, nacionalistas, sindicalistas, etc. non implicou en ningún momento desvío algún sobre a idea central da protesta. Nin sequera constituíu un incidente o feito de que un independentista se encarmase na fachada da Casa da Parra e retirase do seu mástro a bandeira de España. Só os que o seguían repararon no que el fixo. O resto ignorárono completa-
mente, que seguramente é a mellor maneira de de tratar estes casos.
Tiveron especial protagonismo os ferrolterráns que volveron a dar batalla contra a instalación de Reganosa dentro da ría de Ferrol. Carmelo Teixeiro, que se foi para o outro mundo a semana pasada, seguramente estivo aplaudín-
dolles dende o ceo.

jueves, febrero 14, 2008

Ganditolandia

Poñamos un país que se chame Ganditolandia. Á súa Universidade vai dar unha conferencia, en tempo de carnestolandia electoral, a líder dun partido conservador que está ameazada por un grupo armado de salvapatrias que moi ben podería chamarse Etacal ou, se cadra, mesmo Etagal. Preséntase acompañada por varios escoltas, aos que alguén lles chama gardacostas nun claro eufemismo marítimo-armamentístico.
O señor rector pensa que o tén todo controlado porque se fía do que lle din os responsábeis da facultade na que vai falar a líder conservadoresa. Coida saber que, dentro do centro universitario, ademais da seguridade privada da institución e dos escoltas da política, hai polo menos catro policías nacionais e mesmo dous axentes da seguridade públca do país de orixe da visitante (aínda se lle ha ocorrer a alguén preguntar con que competencias actuaban estes últimos, estando como poderían estar fóra da súa xurisdición).
Aínda así, armouse a de San Quintín. E se todo fose unha artimaña electoral montada por quen podería tirar proveito dela? E se a primeira provocación á violencia procedera de onde non se di que procede? Neste caso, alguén preguntarase cal foi o papel dos enragés que propiciaron a marimorena. Pois a de tontos úteis, meus, ou cal ía ser?
Insisto, isto só ocorre en Ganditolandia, que non é un país real. A ver se me van confundir con eses outros que non paran de latricar con algo que, segundo contan, aconteceu na Facultade de Económicas de Santiago.

Babecadas

Prohibinme a min mesmo escribir unha soa palabra sobre os lamentábeis sucesos protagonizados nunha Facultade de Santiago por un grupo de supostos estudiantes e os que lle gardan as costas á política conservadora vasca María San Gil. E coido que fixen ben. Agora pregúntome se eu tamén sería capaz de analizar un feito coma ese coa frivolidade e a simpleza que desbordaron a maior parte dos comentaristas que se ocuparon do asunto en prensa, radio e demais parafernalia mediática. Dá arrepío ver como sesudos representantes do pensamento politicamente correcto, supostos sabios de Universidade, políticos, altos cargos, etc. non dixeron e escribiron máis que babecadas das que se venden en calquera todo a cen do establishment. E o máis curioso foi observar como esa febre de simplismo afectou máis aínda a algúns agiornatos dos que parece que esquenceron que aínda foi onte cando andiveron eles nas barricadas.

miércoles, febrero 13, 2008

Revisarase o Concordato?


Non pasou desapercibido o artigo que publicou Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia criticando o intento de manipulación política posto en marcha pola Conferencia Episcopal respecto ás eleccións do 9 de marzo. A valente e razonada posición que defendeu o escritor vigués foi obxecto de moitos comentarios durante as últimas 24 horas. Non faltou quen se descatase da importancia que tén o feito de que quen argumentou de tal maneira non é precisamente un comecuras nin un enemigo do cristianismo ou un ateo declarado.
Porén, nos medios da curia estabrecida en Galicia, as teses de Franco Grande sentaron como se a algunhas autoridades eclesiásticas lles fixesen respirar unha bafarada procedente do inferno. Houbo bispos que levaron as mans á cabeza e pensaron que habería que tomar medidas se chegase a proliferar este tipo de análises sobre a dirixenza da Igrexa Católica. O efecto que pode xenerar a posición da Conferencia Episcopal sobre o futuro das súas relacións co Estado é algo que está aínda sen valorar, pero xa tén preocupadas a varias autoridades eclesiásticas o ruxe-ruxe que se estendeu pedindo que se revise o Concordato.

martes, febrero 12, 2008

Franco Grande cántalle as corenta á Igrexa Católica

Ben que dá no cravo Xosé Luís Franco Grande no artigo que publica hoxe en La Voz de Galicia. O escritor que alporixou recentemente a toda a plana maior da actual intelectualidade orgánica galega, argumentando que a narrativa do país non é tan boa como acostuman a pensar os seus autores e críticos, pon no seu sitio a mesmísima Santa Sede porque pensa que "é desavido dar 'orientacións' morais a unha sociedade cando a asociación que as pretende dar nega os máis elementais dereitos humanos universalmente aceptados por todos os estados do mundo". E di Franco Grande "aceptados, non sempre observados, que é outra cousa".
Resulta chocante ver como "entre os algo máis de cen tratados internacionais sobre dereitos humanos, a Santa Sede só se adheríu a dez, máis ou menos intranscendentes, pero non á Convención de Dereitos Humanos de 1948, nin sobre a eliminación de discriminacións sexuais, nin as relativas á protección de pobos indíxenas, dos dereitos dos traballadores, das mulleres, defensa da familia e do matrimonio. Está por embaixo de Cuba, Irán ou Ruanda".
Por se houbera dúbidas, Franco Grande aínda lle canta máis as corenta ao Vaticano: "Tampouco ratificou as convencións contra xenocidios, crimes de guerra, crimes contra a humanidade e contra o apartheid. Nin as que se refiren á escravitude ou a traballos forzados. Nin a que prohíbe a tortura e a pena de morte, eles tan defensores da vida e da 'alma' do feto. Nin sequera entre eles aceptan os dereitos humanos: a liberdade de pensamento é unha das teimas do actual Santo Oficio, que actúa con ferocidade impoñendo silencio, condenando ao ostracismo e perseguindo a intelixencia".
Todas estas cousas fan que a Franco Grande lle custe admitir que "alguén, en circunstancias tan inhumanas, se poida sentir lexitimado para dar leccións morais á sociedade", e dilles aos dirixentes da Igrexa Católica que as garden para si, "que boa falta lles farán". Podíase dicir con máis palabras, pero non mellor do que o di o autor do artigo.

lunes, febrero 11, 2008

Superpiñeiro non é Frank Capra

Parece ser que Suso Iglesias dixo que o medio de comunica-
ción público que dirixe “non organiza cousas así” (véxasse El País de hoxe) referíndose a unha caravana de mulleres que estaba previsto que chegaran ao concello da montaña luguesa de Cervantes. Iglesias chamou por teléfono ao inefábel descomunicador Superpiñeiro para prohibirlle participar na organización da caravana como presentador do programa Acompáñenos.
Ata aquí, tudo bem, como diría un carioca. Dificilmente se entendía que unha televisión pública, que agora está controlada por un goberno socialista-nacionalista, que non é igual que nacionalsocialista, estivese minguando o seu xa devaluado prestixio e gastando os cartos de todos os contribuíntes na súa incomprensíbel participación nun evento que só parece digno dun Playboy cutre e terceiromundista.
O malo é que Iglesias, persoa a quen estimo e respecto entre a nómina dos meus máis queridos amigos, foi máis lento na súa reacción que un sapoconcho que tentase gañar o próximo Xacobeo subindo pola cloaca do Sar dende Padrón. Di que se enterou pola prensa de que Superpiñeiro estaba metido no fregado de Cervantes, no que por certo tamén se meteu ata as cachas o alcalde socialista local, Benigno Gómez, e que espera que o programa Acompáñenos pida hoxe desculpas. Boto de menos que Suso Iglesias non tivera esta reacción varios días antes, cando fomos moitos os que levamos as mans á cabeza ao vermos que a TVG respaldaba unha carallada coma que lles montaron aos solteiróns dos Ancares. A lentitude coa que axíu o director da televisión pública galega pode suxerir aos malpensados que agardou a que as mulleres do BNG, encabezadas pola candidata luguesa Paz Abraira, erguesen a voz contra esta maneira de tratar as mulleres como se fosen “ganado”.
Será quen, por outra parte, Superpiñeiro de decatarse de que nin sequera el é dos que valen tanto para un roto como para un descosido? Unha cousa é facerlle de monaguillo a Quintana, presentando merendiñas cos xubilados, como lle facía antes a Fraga de opio do pobo, e outra ben diferente é ir de cupido cutre un mes antes das eleccións de marzo.
Touriño e Quintana deberían quedar para tomar uns “caldiños zapaterianos” un día destes. Suxírolles que traten de concretar dunha vez o rol que debe xogar a TVG. Nos derradeiros anos de Franco e nos primeiros da democracia o programa estrela da televisión pública era La Clave e o xornalista-presentador de prestixio José Luis Balbín. Négome a admitir que, trinta anos despois, os galegos teñamos que comer da man dun recreador migalleiro de Westward the women. A película que ideou Frank Capra e dirixíu William Wellman é unha obra de arte. A caravana dos Ancares, só podía constituír un indisimulado insulto ás mulleres e unha tomadura de pelo aos montañeses de Lugo que aínda non pasaron pola vicaría.

viernes, febrero 08, 2008

Paco del Riego

Pasei a mañá do martes de Entroido con Francisco Fernández del Riego, o espléndido petrucio da cultura galega que, se fose norteamericano ou francés, estaría sendo venerado polos seus contemporáneos, magnificamente pagado por calquera fundación ou institución pública e constantemente buscado e consultado polos historiadores.
Mostroume os case 30.000 libros e as ducias de pinturas e debuxos que donou á Casa da Cultura de Vigo (cadros de Seoane, Laxeiro, Souto, Colmeiro, Díaz Pardo…, cartas e manuscritos de egrexios persoeiros, documentos diversos, etc.). Foron case tres horas de insquecíbel conversación coa maravillosa persoa que é don Paco del Riego, que cumpríu 95 anos o 7 de xaneiro e segue fumando un Montecristo do 4 e bebendo un “güisquiño” todos os días. Só coñecín outro home que foi quen de facer outro tanto: o pintor asturiano Nicanor Piñole, que morreu aos 103 anos e fumou comigo dous Coronas de Cohíba o día que cumpríu 98.

miércoles, febrero 06, 2008

Finou Carmelo Teixeiro, dos bos e xenerosos


Finou Carmelo Teixeiro, ferrolán dos bos e xenerosos. Descanse en paz a súa figura, que é a dun loitador incansábel pola xustiza, a paz, a liberdade e o respecto á natureza. Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Carmelo deu a vida por librar a súa cidade do perigo insensato que representa a instalación da planta de gas de Reganosa no lugar que foi imposto polos intereses privados e a condescendencia irresponsábel dos políticos da Xunta de Fraga e de Touriño.
Como lembra a Asociación Fuco Buxán na súa nota necrolóxica, Carmelo Teixeiro empezou a formarse como político e sindicalista nas Xuventudes Obreiras Cristianas (JOC), fundou logo a Unión Sindical Obreira (USO) en Ferrol e pasou despois a ser dirixinte da Unión Xeral de Traballadores (UXT). Dende 1978 formaba parte da dirección local do PSdeG-PSOE. Coñecino ben e mantiven moito trato con el durante a miña estadía ferrolá, que transcorreu de 1999 a 2003. Por iso sei que era unha das mellores persoas polas que un debe magoarse cando nos abandonan.

lunes, febrero 04, 2008

O pizarro esgallado do PP


Unha cousa é ser tiburón dos business e outra candidato a deseñar a política económica da dereita. Manuel Pizarro, ex capo de Endesa e representante máximo do quenllismo económico español, depois daquel desaparecido amigo de Aznar que ocupou a presidencia de Telefónica, estrenouse na política dicindo que quería ver como era unha praza de abastos. Debeu ser toda unha emoción para el, que nunca pisara un sitio así pola sencilla razón de que sempre tivo quen lle fose comprar o peixe e os bistés. Dame a mi que este non é coma Fraga que sabía canto custaba o kilo de garavanzos. E de ceonomía seguramente sabe abondo menos ca Pedro Solbes.
O seguinte paso deste mago do efímero capital dos outros foi dicir que el o que lle compraría a Zapatero é “a voz da súa señora, que canta nun coro”. Retratouse o gachupín tal como debe ser, un bo machista retrógrado. Xa llo lembrou o PSOE: “Ao PP cústalle aceptar a igualdade das mulleres, pero o que non sabiamos é que o seu número dous seguise considerando as mulleres obxectos do patrimonio dos homes”. A voz de Sonsoles propiedade de ZP? Amos, anda, Pizarrito!

Bispos que manchan a casulla


Confeso que son lector diario de Raúl del Pozo. Este “castellano viejo” de Cuenca fíxome probar hai case trinta anos a auga do seu pobo, que daquela aínda non era famosa, mentres que el bebía whisky a esgalla e xogaba ao póker, e, dende entón, a Solán de Cabras tenme refrescado moitas securas. Case todos os seus artigos tamén me refrescan a memoria e axúdanme a que non se me oxide demais a cabeza.
Di hoxe en El Mundo que “ZP echa de menos el estrabismo luminoso de Sartre, que condenó a Flaubert porque hablaba de los ruiseñores cuando ardía la Comuna. Sartre decía: ser espectador es ser traidor. A pesar de su engagement, los estalinistas le llamaron chacal con bolígrafo”. A Raúl algunha vez tamén lle chamaron o mesmo os estalinistas e non precisamente cando traballaba no xornal Pueblo que dirixía Emilio Romero.
Engade Del Pozo que “a ZP no le gusta el síndrome Pilatos, columnistas lavándose las manos mientras obispos toman partido hasta mancharse la casulla. En otras épocas había anticlericales que decían que los curas trabajaban media hora al día y con vino. Baroja saludaba con más respeto a un perro de aguas que a un cura. Hoy, con un 16 por ciento de clientela, han dejado de ser poder fáctico; tal vez por eso ser anticlerical es arcaico. Claro que, si como dijeron los enciclopedistas, esto funciona como un reloj, habrá un relojero; si el universo está escrito en términos geométricos, en algún lado debe estar el cadáver del Gran Geómetra, si es que la ha palmado”.
E, cando andaba nestas reflexións, a Raúl del Pozo chamouno un amigo de México, Domingo Muguira, ludópata coma o autor do artigo e de dereitas (non coma el), para soltarlle esta filípica: “Te llamo consternado por esa derecha espantosa que tenéis allá y por los obispos que se pronuncian contra un partido de izquierdas. Eso afortunadamente no pasa en mi país después de la revolución que tuvimos. Pienso que España puede terminar muy mal. Un abrazo”.
Adiantóuseme Muguira porque eu tamén ía chamar a Raúl para dicirlle algo parecido. Por desgraza, non podía dicirlle iso da “revolución que tuvimos”, pero en todo o demais íamos coincidir plenamente. Aínda que matizaría iso de que o PSOE sexa de esquerdas.

domingo, febrero 03, 2008

Curas trabucaires outra vez?


Hai 200 anos invadíronnos os fanceses. Un rei froxo, un príncipe comido pola ambición e un valido inescrupuloso puxéronlle a alfombra a Napoleón. O feito orixinou un dos capítulos máis emocionantes da histora de España coa aparición da resistencia gerrilleira e a plasmación de abondantes xestas de heroicidade patriótica protagonizadas polos distintos pobos ibéricos.
Daquela os curas, bispos e demais compoñentes da igrexa católica non sentiron noxo polo nacionalismo (español, claro), e moitos deles puxéronse á fronte da loita pola independencia. Outros, máis interesados en non perderen privilexios que por liberar as terras invadidas, empuñaron eles mesmos as armas, moitas veces acompañados por bandoleiros e auténticos asesiños que ás veces eran simples soldados desertores do inimigo. Foron os chamados curas trabucaires, sacerdotes que levaban o trabuco nunha man e o rosario na outra. A súa influenza servíu para que España tardase demasiado tempo en incorporarse ao respecto polas libertades e á normalización democrática. Ramimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, foi unha das vitimas da reacción contra os que se deu en chamar afrancesados.
Vendo o que fan e escoitando o que din agora a maior parte dos membros da Conferencia Episcopal Española parece como se estivera renacendo algunha clase de trabucairismo sen trabuco. Non falta nin un bispo que teña o mal gusto de suxerir que pode volver a guerra civil. Sucede, ademais, que Rouco Varela non é precisamente o cura de Fruime por moito alemán e teoloxía pouco liberadora que pratique.

viernes, febrero 01, 2008

Bispos neocons


Será a actual igrexa católica española unha potencial aliada de Zapatero? Dígoo porque, como sigan facendo o que está facendo os bispos, imos ser moitos os que non nos vai quedar máis remedio que votar polo PSOE. Confeso que, ata agora, só votei dúas veces por este partido. En 1982, cando non quedaba máis remedio que apoiar o cambio político, e no 2004 porque había que saír como fose da escalada belicista e neoconservadora na que nos metera Aznar. Seguramente non hai dúas sen tres, e a terceira vez que vote socialista acabará sendo a deste ano por culpa da oleada de nacionalcatolicismo español coa que nos queren invadir os executivos do Vaticano.
Din os bispos que non se debe votar por quen teña negociado algunha vez con Eta, aprobado o matrimonio homosexual, introducido a educación para a cidadanía ou aberto a porta de ampliar a lei do aborto. Como se non fose algún deles quen negociou con Eta durante o goberno de Aznar. E no tocante ao resto, fraco favor lle debe estar facendo a igrexa católica á dereita española civilizada e moderna que xa debería existir indo xustamente á contra do que vai a sociedade europea en xeral e a española en particular dende hai moitos anos. Vivín dous anos en Francia durante o goberno do xeneral Degaulle e frecuentei moitos outros países europeos e americanos posteriormente e sei do que falo. Contrariamente ao que nos pasaba nos derradeiros anos do franquismo, o catolicismo oficial español está deixando de practicar a relixión liberadora e conciliar que inspirou Xesucristo para converterse nunha maquinaria política de extremadereita. Resulta que ata desubren agora os bispos o perigo dos nacionalismos. Polo camiño que van, dentro de pouco, non lles vai gustar nin dicir misa máis que en latín. No caso de que aínda se lembren deste idioma, que non sempre aprenderon ben.
Hai moitos anos que deixei de ser católico. Rematei farto do dogmatismo interesado e adormecedor dos papas, bispos, curas e outros sectarios que non souberon e non quixeron suceder a Xoán XXIII. Se me quedase algo desa miña antiga condición relixiosa, perderíao inmediatamente vendo como se está comportando a xeraquía católica española.
Durante moito tempo seguín respectando a moitos bispos, arcebispos e cardenais. Na miña memoria estarán sempre Tarancón, Araújo Iglesias, Romero, Setién, Casaldáliga, ata o mesmo Quiroga Palacios, e non digamos xa aquel homiño brasileiro, monseñor Hélder Cámara, a quen hai moitos anos tiven o pracer de mostrarlle o paseo da Ferradura e as rúas de Santiago mentres me emocionaba escoitando e observando unha auténtica reencarnación de Cristo. O meu alonxamento da igrexa católica non magoará nunca esa memoria, pero lamento dicir que a maioría dos que hoxe rexen esta organización relixiosa, que cada vez é máis católica e menos cristiana, xa só me parecen vulgares executivos de calquera formación política ultraconservadora. Non digo que non teñan dereito a seren e a faceren o que lles peta, a pensar e a extender as ideas que máis lles gusten, pero deberían ser consecuentes e, se queren replegarse ás trincheiras do neoconservadurismo, ser quen de facelo unicamente cos seus propios medios. Que renuncien a todos os privilexios concordados con gobernos e institucións e que volvan, coma Cristo, a predicar no deserto. Só así podería eu volver a respectalos.
Mentres tanto, limitareime xustamente a facer o contrario do que están dicindo eles agora. Non lles gusta Zapatero. Abóndame con iso para que o político socialista teña o meu voto. Danlles noxo os nacionalistas. Pois idem de lenzo. Amén.