martes, septiembre 30, 2008

Reixa borroso

Só unha ignorancia supina ou algunha mala fe poderían explicar que Antón Reixa nin sequera cite o libro Galicia borrosa, do psiquiatra galego Santiago Lamas, no artigo que publica hoxe en El País sobre La galleguidad borrosa. O poeta, narrador, músico, cantante e cineasta nacionalista confesa que descubríu, “a través dunha magnífica reportaxe de Javier Sampedro publicada en El Pais, que o máis avanzado en computación aplicada á robótica e á intelixencia artificial é o concepto e metodoloxía da ‘lóxica borrosa'”.
Lamas pubicou o seu libro (Edicións do Castro) no 2004. Menos mal que a Reixa lle abríu os ollos, catro anos máis tarde, un xornalista de Madrid. E logo han seguir dicindo que somos os “xacobinos” os que vemos o mundo a través do centralismo.

lunes, septiembre 29, 2008

Caballero estragador?


Debería ser grave que se lle diga a un alcalde que deixou sen xustificar o gasto de máis de 540.000 euros en publicidade cando oupaba o cargo público inmediatamente anterior. Abel Caballero, alcalde de Vigo, non parece inmutarse porque tal noticia apareza hoxe nalgún medio de comunicación. Non procurou nin a máis mínima explicación.

Segundo leo hoxe en A Nosa Terra, como presidente da Autridade Portuaria de Vigo, gastou máis de 849.000 euros en publicidade no ano 2006. Un 263 por cento máis que no ano anterior. Poucos meses despois, a comenzos do 2007, tiveron lugar as eleccións municipais que levaron a Caballero á Alcaldía de Vigo.
A escusa oficial de que se duplicase tal gasto baséase en que se celebrou o 125 aniversario do Porto deVigo, pero aínda hoxe, dous anos máis tarde, seguen sen xustificar máis de 540.000 euros que foron gastados en publicadidade, malia que o PP xa preguntou en tres veces distintas por este asunto no Parlamento de Galicia e nas Cortes do Estado.
Entre as empresas máis beneficiadas polos contratos publicitaros que deron lugar a este gasto, está a consultora Torres y Carrera, firma que organizou a entrega de medallas do aniversario por un importe que pasou dos 76.000 euros, en novembro de 2006, e que meses máis tarde pasou a xestionar a publicidade da candidatura de Abel Caballero á Alcaldía.
Deuse a circunstancia de que unha parte dos anuncios que fixo publicar o PSOE nas municipais de Vigo empregaron a mesma tipografía e as mesmas cores que a publicidade do aniversario do Porto, e nos gastos recoñecidos pola Autoridade Portuaria figuran máis de 67.000 euros en publicidade e patrocinios con xornais e televisións de Vigo.
A axencia Torres y Carrera gañou o contrato para organizar o 125 aniversario do porto mediante un procedemento negociado que só se podía aplicar en contratos inferiores a 30.000 euros, segundo denunciou o senador do PP Carlos Mantilla. O secretario xeral do Ministerio de Transportes, Pablo Taboada, respondeulle que non había ningunha “anormalidade”, e xustificou os gatos dicindo que foron para “mellorar as relacións coa cidade, cos usuarios, que padecen os incómodos tráficos dos camións”.
Ignacio López Chaves, deputado autonómico do PP, pensa que se están “ocultando datos” da xestión de Abel Caballero e califica de “auténtico escándalo” o que está a suceder. Na súa opinión, o PSOE impediu que o Tribunal de Contas analizase os gastos da Autoridade Portuaria de Vigo.
Por tratarse de cartos e comportamentos públicos, o actual alcalde de Vigo debería dar unha explicación máis convincente das que aportou ata agora. Por aquilo de que a muller do Cesar, ademáis de honrada, tamén debe parecelo.

viernes, septiembre 26, 2008

Poesía e ciclismo


Seguín totalmente dende fóra e con máis preguiza que emoción a polémica orixinada entre a Deputación da Coruña e dous autores galegos por mor dun quítame aló esas pallas dun preemio de poesía. Alén do debate legalista a que puidera dar lugar o caso, o máis salientábel é o mal exemplo que se pode dar polo barato prezo de 6.000 euros.
Evidentemente, o libro que foi despoxado do premio, escrito por Eduardo Estévez, é de supor que será mellor co que finalmente foi empoleirado despois da reclamación de Xabier Lama. A fin de contas, foi orixinalmente considerado gañador polo xurado encargado de dilucidar o premio Miguel González Garcés. E por algo sería.
Está logo a cuestión de se era inédito ou non. O caso lémbrame aquelas brincadeiras que acostuman facer os alumnos de Bacharelato mandando aos concursos narracións ou poemas copiados de García Márquez ou de Pablo Neruda, e que xuris pouco avezados na materia que se atreven a xulgar deron varias veces por orixinais dándolles o premio. Non digo que os membros do González Garcés tivesen que estar ao tanto de se Eduardo Estévez publicaba ou non os seus poemas nun blog, pero non estaría mal que lles sonase de algo o tema.
Por outra parte, e xa postos a teren que envaiñala, ocúrreseme pensar que puideron declarar deserto o premio cando emitiron a segunda sentencia. Atrévome mesmo a pensar que o beneficiado pola burocracia, Xabier Lama, perdeu unha ocasión magnífica para quedar ben sen gastar máis ca 6.000 euros que aínda non eran seus, se renunciase ao premio. Facendo o que fixo, hanlle acabar chamando o Óscar Pereiro da poesía galega. Sen que queira isto dicir que Estévez sexa o Floy Landis nin o Miguel González Garcés igual ao Tour de Francia.

Ruínas

Teño un amigo que, non sei se por quererme ben o todo o contrario, sempre me está dicindo que teño que escribir máis e sobre máis cousas. Menos mal que non lle fago caso. A ver como me ía ir se escribise todo o que penso sobre que Touriño califique de "ruínas" os tramos de ferrocarril que lle reclama o BNG a Fomento, acerca de como vai indo a Cidade da Cultura (último episodio: a posibilidade que lle custe a Santiago a perda da súa condición de Patrimonio da Humanidade) ou encol da indemnización superior a 200.000 euros que lle dan ao xubliado que fixo de Silleda o outro gran saco roto de Galicia. Confeso que me volven a entrar as ganas de desaparecer.

miércoles, septiembre 24, 2008

Tingitania

Estes días falouse polo míudo da ignorancia que demostrou George Steiner sobre a literatura de Galicia e a cultura galega en xeral. Lévame a min o caso a pensar no mal fado que acostuman ter as nosas cousas cando caen nas mans de determinadas persoas. Parecería que non remata de extinguirse nunca unha vellísima tradición caracterizada polo deporte intelectual de denigrar ou polo menos deformar a nosa realidade.
Conta Xosé Luís Pensado, en EL gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos, p. 336), o caso do sivillano M. Fernández de Enciso, que publicou en 1519 unha Suma de Gegrafía na que se pode ler o seguinte: "Está Bayona en 42 grados. Aquí entra el Río Marino, que pasa por Puerto Marín, y recoge la mayor parte de las aguas de Galicia. En las riberas de este río está la ciudad de Lugo, a do hay nabos tan grandes que pesa uno cincuenta libras. Desde Bayona entra luego un golfo en do están Padrón y Pontevedra, y tiene este golfo dos isleos delante y luego está Muros”.
Como deixou escrito Pensado, “é dificil condensar tanta ignorancia en tan poucas liñas como fai este cosmógrafo”, que di que Galicia chamábase nos tempos pasados Tingitania e que a “gente della es bien dispuesta, belicosa, inclinada a latrocinios y disensiones; son feroces”.

martes, septiembre 23, 2008

Botafumeiro Hawking

Mostraba o outro día as miñas dúbidas acerca de que a visita do científico inglés Stephen Hawking non puidese rematar nun vulgar remake de vellas estratexias publicitarias que se distinguen por faceren calquera cousa con tal de levar o seu gato á auga. Definitivamente, a Universidade e o Consorcio de Santiago están máis empeñados en que o paso do especialista en buratos negros lles sirva de desencadeante de propaganda dos seus intereses turísticos, respectábeis coma calquera outra actividade mercantil, que en faceren del o estandarte de encomiábeis esforzos intelectuais como os que ten levado a cabo o autor de La clave secreta del universo.
Abonda con ver a foto que publica hoxe El País da súa visita á catedral de Santiago para decatarse por onde vai a película. Un Xurxo Mira (aspirante a convertirse no Carl Sagan de Galicia) un deán “mano al pecho” da Catedral e o alcalde de Santiago escoltando a un Hawking que seguramente xa está empezando a pensar cando vai rematar esta representación. Que lonxe pode ficar esta imaxe de calquera das que ofreceu Albert Einstein ao longo da súa vida!
Paréceme a min que, se Hawking non tivese xa asegurado un posto na historia contemporánea, non ía conseguilo por vir a Santiago para pronunciar a frase na que di o seguinte: “É unha grande honra seguir a Paulo Coeho e aceptar esta placa no meu nome”. Di o xornal citado que, durante a visita, todo está calculado e que non hai lugar a imprevistos. Debe ser verdade porque ata apareceu Zapatones entregándolle unha desas pamplinas que inventou el para sobrevivir tamén á costa do turismo.
E o espectáculo non fixo máis que comenzar. A Hawking aínda lle quedan cinco días en Galicia, con visita a Fisterra incluída. Agardemos que non vaia dar por alí coas áspides que gardan o lugar onde xace a meiga Orcabella, que non deixa de ser tamén un pequeno burato do universo. Non lle vaia pasar a el o que lle ocorreu ao cabaleiro navarro Julián Íñiguez de Medrano cando, estando en Salamanca entregado ao traballo das musas, como ben escribíu Xosé Luís Pensado, tomou un descanso para visitar Galicia e recoller epitafios, e aló foi tamén a Fisterra.
Por este camiño non vaia ser que alguén remate preguntando por que todo o que custa traer a Hawking e o seu séquito non se investíu en mellorar algunha das investigacións que se están levando a cabo entre nós. E iso que os organizadores tampouco se pasaron en dispendios, polo que se ve. Trouxeron o convidado nunha compañía áerea low cost e fixéronlle aterrar na Coruña. Se aínda fose alcalde Paco Vázquez, xa non o deixaba pasar dalí.

Reventa caixas de colete branco

Diranme que son un pesado, pero volvo a manifestar a miña admiración polos artigos que escribe Raúl del Pozo, a quen teño a honra de contar entre os meus amigos de hai moitos anos. O xornalista de Cuenca publica hoxe na súa columna da contratapa de El Mundo, lugar que merecidisimamente herdou de Francisco Umbral, un artigo titulado Bozales no que reconfirma a súa crenza de sempre acerca de que “o diñeiro substituíu a relixión, a pasta é sagrada, o novo credo é o crédito; xa non se recoñece outro milagre que o económico e outro pecado que o do crash. Agora, ademais, a todos os chorizos que nos levaron ao bordo do corralito cómpranlles os pufos, transforman o seu vicio en virtude”.
Di Raúl que aos columnistas non se lles pedíu corrección cando foi o de Clinton porque daquela só estaba en perigo o presidente, non estaba en risco a lepra branca, a morteirada do capitalismo. “Aos columnistas doutros séculos –escribe–, cando os templos de Deus aínda non eran tan impresionantes como os templos dos xudeus ou os dos lombardos ou os dos Rothchild, donos do Banco de Inglaterra e do de Francia, metíaselles no cárcere se escribían que as primeiras felacións foron practicadas aos sacerdotes polas prostitutas sagradas”.
Hoxe o diñeiro é o derradeiro tabú, como di o articulista, e impón, polo tanto, restriccións á linguaxe. Pero con Raúl del Pozo que non conten, que non ve “financeiros senón reventa caixas de colete branco”. E comigo que non conten tampouco, porque eu tanpouco lles "direi aos parados que tomen as casas que lles quitaron, nin que entren nos restaurantes dando patadas e pedindo ostras e champán, pero que saiban que a gran quebra é produto do roubo”.
“Estes bribóns non son os Medici –remata o autor–. Os bancos empezaron a desafiar as catedrais dende que Cosme de Medici, que tiña hipotecada a mitra do Papa, fixo poñer no máis outo da cidade as súas esferas dentro dun escudo”. As pelotas dos Medici, dicían os florentinos.
Eu, coma Raúl, “gan parte da miña vida loitei equivocadamente para que caera o capitalismo, e agora que está feito unha braga e chega o postcapitalismo, non vou caer na trampa dos que manipulan o medo para restrinxir os dereitos”.

lunes, septiembre 22, 2008

Steiner e Suso de Toro

Quizais aínda non se decatou, pero Suso de Toro publica hoxe en El País o mellor artigo de toda a súa vida. Títúlao Steiner y nosotros, e constitúe a máis lúcida e intelixente resposta que se lle ten dado a ese ignorante das linguas románicas dende que foi entrevistado por Juan Cruz. Meteu dedo na chaga escribindo que Steiner atribúese a potestade de decidir que linguas deben ser eliminadas. Estivo maxistral esta vez o novelista galego amigo de Zapatero.

Ciencia mediatizada

L
a
v
o
z


Non teño nada contra a mediatización da ciencia como fenómeno imprescindíbel e promisorio do mundo actual. Paréceme ben que xornais, radios e televisións falen dela e dos científicos e difundan os seus avances, que están a ser menos do que nos cumpriría a todos para lograr un mundo máis xusto, máis san e máis sustentábel. Pero empézanme a parecer preocupantes as mostras que estamos a dar de frivolización dalgunhas das menifestacións relacionadas coa ciencia.
De tanto sabermos que Stephan Hawking aterrou en Alvedro para hospedarse no hotel Puerta del Camino de Santiago, acompañado por sete persoas, ás que se suman hoxe a súa filla e outro acompañante máis, para que o científico inglés recolla o premio Fonseca que lle concederon a Universidade e o Consorcio de Santiago, se cadra rematamos esquecendo ou non sabendo nunca en que consiste e que significa para humanidade a obra científica do homenaxeado. E iso que chega onda nós presentado por un científico autóctono que comparte espazo televisivo con Iolanda Castaño na Televisión de Galicia.
Visto o que se ve, un incrementa o seu aprezo por Madame Curie e por Fleming. E por todos os que traballaron na discreción e na sinxeleza para que o mundo chegase a onde chegou e poda seguir existindo.

viernes, septiembre 19, 2008

Dreyfus y las vieiras: del "j'accuse" al "je mange"

Se tiene, en general, a Émile Zola, con su célebre J'accuse, como el pionero de lo que llegará a ser la figura del intelectual comprometido con su tiempo. El 13 de enero de 1898 publicaba Zola en el periódico L'Aurore una carta al presidente de la República Francesa denunciando la inicua condena de Dreyfus -un militar judío acusado de un delito de traición que no había cometido- y proclamando la complicidad obscena del Gobierno con su infame proceso criminal.
Tratando quizá de remedar al maravilloso novelista, un fracasado candidato a la presidencia de la Xunta y un grupo de profesionales de las artes salieron hace pocos días en defensa de una conocida cocinera, presunta autora de un acto delictivo. Los congregados en el ágape cambiaron el J'accuse (Yo acuso) por el Je mange (Yo como).
Toñi Vicente, cuyo quehacer profesional la llevó a ganar una estrella Michelin para el restaurante que regenta en Compostela, había sido detenida con las manos en la masa, una semana antes, por comprar a furtivos vieiras sin garantías sanitarias, lo que suponía poner en grave riesgo la salud de sus clientes dada la conocida peligrosidad de ese marisco si no es tratado de la forma establecida. De hecho, ayer confirmaba la Xunta la grave amenaza que suponían las vieiras incautadas en la operación en la que se detuvo a la cocinera santiaguesa: el nivel de toxicidad de los mariscos casi triplicaba el legalmente permitido.
Pese a serlo mucho, lo más escandaloso de esta historia no es la irresponsabilidad de unos cocineros a quienes se les supone una profesionalidad que han probado no tener. Resulta triste, pero algunas personas son así: capaces de echar ciento por la borda, ante la posibilidad de ganar tres. No, lo verdaderamente increíble es que un grupo de personas que se consideran a sí mismas intelectuales de prestigio salgan en defensa de quien ha sido detenida in fraganti por la presunta comisión de un delito que implica poner en riesgo la salud de cientos de personas.
Los Zola de este astracán arguyen, en defensa de la pintoresca conversión de la solidaridad privada con su amiga -ante la que nada hay que decir, pues cada uno es libre de escoger a sus amigos- en un acto público de desagravio, que los medios sometieron a la señora Vicente a un linchamiento. ¿Qué linchamiento? ¿O es que constituye un linchamiento informar al público de lo que acontece cada día y dar a las noticias una relevancia proporcional a la importancia de las personas implicadas? Curiosa vara de medir esa que exige el máximo relieve informativo cuando se trata de informar de que uno ha ganado una estrella Michelin y el mínimo relieve cuando la noticia es que uno, por su avaricia, se ha estrellado.

Nota.– Non son eu o que escribíu este artigo. O autor é Roberto L. Blanco Valdés, catedrático da Universidade de Santiago, e aparece hoxe publicado en La Voz de Galicia.

miércoles, septiembre 17, 2008

Rojos de mierda

Gonzalo Durán, alcalde conservador de Vilanova (Pontevedra), acaba de escribir o seu nome con letras de barro no museo da escatoloxía galega. En declaracións á Radio Galega sobre o conflito que enfrontou o mércores pasado os bateeiros da Ría de Arousa coas forzas de orde público, resucitou unha maneira de falar que non se escoitaba dende os tempos duros do franquismo: a de chamar “rojos de mierda” aos que non pensan coma el.
Cando se estaba criticando o subdelegado do Goberno en Pontevedra e defendendo actuación da Policía Local no conflito, Durán referíuse a el dicindo que “aparte de inútil, es un mentiroso”, e rematou incluíndoo no que definíu como “maldita pandilla de rojos de mierda”, unha maneira de falar en público que ben merece que mandemos o alcalde de Vilanova á última palabra da súa frase. Con persoeiros así, o PP vai camiño de converterse na forza política máis educada de Galicia. E, sobre todo, na que tén unha idea máis real das cousas. Pero non quedaramos en que Franco morrera hai 33 anos? Hai a quen lle sae a vea facha cando menos se pensa.

Galiziar facendo mesa galega

Ando relendo un marabilloso libro de ensaios que publicou o falecido profesor galego Xosé Luís Pensado na Editorial La Voz de Galicia, colección Biblioteca Gallega (Serie Nova), no ano 1985, co título El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos. “Tomados al siesgo –escribíu Gonzalo Torrente Ballester no prólogo do volume– algunos de sus trabajos pudieran parecer desmitificadores, y aun me atrevería a decir que lo son, mírense cómo se miren. José Luis Pensado, es un gran lingüista, y cuanto dice viene refrendado por conocimientos sólidos y serios. No es un partidista político, ni un comprometido con lo transitorio, ni un demagogo: trabaja por amor a la lengua en cuyo seno nació y aprendió a quejarse. Por nacimiento, cada uno pertenece a un ambiente, a una lengua, a una historia, a un destino”.
Como un xa non está par mudar de muller, de casa ou de coche cada cinco anos, a min deume estes días por cambiar o lugar que ocupan algúns dos meus libros na biblioteca da miña casa e por iso atopei o libro de Pensado. Bendito encontro. Cada noite na cama, antes de caer nos brazos de Morfeo, repaso varios capítulos e redescubro “esa Galicia de frailes lingüistas y de pliegos de cordel” que tanto lle sorprendeu a Torrente e pregúntome, como se preguntaba el, como foi posíbel que Pensado morrese ausente da Universidade de Santiago e da Real Academia Española.
A noite pasada, por exemplo, lin varias páxinas sobre charros e panxoliñas, papeis derrocadeiros, marxinalismos en galego, pícaros en Compostela, Galicia, Galaxia e Galilea, semántica de galego e de Galicia, o curioso verbo galiziar e a mesa galega.

"Galiziar quiere el brone

y dize la chulama;

Si la çica no clama

no será esta chone.

Si no ven mis manos
quinas plateadas
cobas estimadas
o pillados granos,
aunque más pregone
que me quiere y ama,
si la zica no clama
no será esta chone”.

Pensado toma estes versos da colleita de poesías xermanescas que publicou en 1949 o hispanista e lexicógrafo norteamericano John M. Hill. O sabio profesor galego, que tiña casa aquí preto da miña no val da Mahía, aínda recorre a outros versos colleitados por Hill nos que aparece unha forma máis do verbo galiziar:

“muflamos de godería
el blancante y y el cotón
y del picaño el ropón
que me galizia este día”.


E que significaba o verbo galiziar? Pensado, logo de descartar por dubidosamente arriscado o sentido que lle dá Hill de “regalar” ou “regalarse, entreterse”, a non ser que se tratase dunha delicada eufemización, decántase polo significado que lle atribúe José Luis Alonso Hernández, profesor da Universidade de Groninga, no seu Léxico del Marginalismo del Siglo de Oro, no sentido de que galiziar quere dicir foder. Ou sexa, que eu galizio, ti galizias, el galizia…Todos galiziamos o que podemos, aínda que só sexa galiziar aos demais.
Podería contarlles que onte durminme cando estaba a piques de facer mesa galega nunha imaxinaria partida de póker contra algún tahúr tan dificil de vencer como é Raúl del Pozo ou era Francisco Umbral. A Raúl xa lle gañei eu unha vez. Xustamente o día que me ensinou a xogar. E, dende entón, non me atrevín a desafíar a ninguén máis.
Como explica Xosé Luis Pensado no libro que lles comento, hacer mesa gallega é expresión nada menos que autorizada por Cervantes en La Ilustre Fregona, dentro dun contexto tahuresco: “Llegó una mano de echar todo el resto, y si uno no diera partido a otro, él hiciera mesa gallega”, é dicir, qu lle tería gaño todo o diñeiro deixándoo sen branca.
Claro que o egrexio lingüísta galego, que foi profesor en Salamanca, remata advertíndonos de que non fai falta ser moi agudo ou malicioso para decatarse de que o adxectivo gallega, como era regular daquela e non rematou de selo agora, aínda asociado a unha mesa, non constitúe un timbre de groria nin contribúe a magnificala. “Hay motivos para pensar –dinos Pensadoque estamos ante un caso más de gallego, usado en el más despectivo de los sentidos”. E logo alporizámonos porque en Buenos Aires se publiquen chistes de galegos. Como se fose a primeira vez que nos denigran por aí adiante. Deberiamos afondar máis no coñecemento das razóns para que nos pasase o que nos pasou e como nos ocorreu.
E, por certo, o cultivo de xermanías que se distinguen polas súas tendencias despectivas cara aos galegos ou Galicia non é un deporte que morrese no Século de Ouro. Se vostedes repasan un pouco o que anda por ese xa case inconmensurábel YouTube, decataranse de que cada vez son máis frecuentes as astracanadas das que nos fan obxecto os novos creadores de xermanías: Perro gallego, Secretaria gallega, Policía gallega, Gallego bruto, Bromas gallegas, Los nazis gallegos, son só algúns exemplos do que se pode atopar na rede. Para que Paco Rodríguez só mace nas costas do meu amigo arxentino Ricardo Parrotta por publicar un libro que se chama Superchistes de gallegos.

Yankis go home

Teño unha amiga venezolá que, cando vén ver a súa filla que vive en Santiago, sempre nos visita no Instru-
mento. É unha muller encantadora a quen lle debo, entre outras cousas, o terme decuberto o magnífico ron Santa Teresa e algunha desas versións optimistas da vida que só saben dar os latinoamericanos. Ás veces, porén, discuto algo con ela porque é unha teimosa antichavista que non atopa máis que maldades e burramias na política do actual réxime do seu país.
Se estivese agora aquí xa sei que non lle ía gustar nada o que vou decir, pero sei que respectaría a miña opinión como procuro respectar eu a súa cando se producen os nosos encontros. Non son eu un deses forofos do milico venezolano que cambiou a a cor terrosa do seu uniforme militar polo vermello berrón desa camisa que pon para saír na súa TV de Prensa del Movimiento cando quere acirrar as masas, pero estou convencido de que, se Hugo Chávez non existise, Latino América tiña que inventalo algunha vez aínda que só fose para parárllelos pés aos imperialistas norteamericanos que encabeza George Bush.
Ninguén coma el, case nin sequera Fidel Castro, tivo a afouteza de responderlles tan directamente á súa prepotencia coa mesma medicina. Que o outro día lles berrara cunha frase tan rotunda coma de que “xa abonda de tanta merda de vostedes, ianques de merda”, poderalle parecer a alguén unha astracanada, pero a min paréceme que é a liberación dialéctica necesaria que algunha vez tiña que saír da boca dun gobernante latinoamericano democraticamente elixido. Non é preciso ser un lector empedernido de Eduardo Galeano para decatarse de que a actual política de Washington é a máis interesada en que sigan abertas a veas de América Latina. Extrapolando aquela frase que tanto se repite en México, pobres países das Américas que non son a do Norte por estaren tan lonxe de Deus e tan preto dos Estados Unidos, potencia que segue querendo facer desa parte do mundo o seu patio traseiro.
Chavez, que mantén negocios millonarios de petróleo cos Estados Unidos, tampouco pechou as portas do futuro. Botou fulminantemente o embaixador de Bush, Patrick Dddy, e mandou regresar o seu, Bernardo Álvarez, pero tamén dixo que mandará un embaixador “cando haxa un novo goberno en Estados Unidos”, en clara referencia as eleccións que van ter lugar dentro de pouco. Engadíu que “cando chegue un goberno que respecte os pobos de América Latina”. A ver se ían ser só os nortemaericanos os que inxiran na política interior dos demais. Hugo Chávez tamén tén dereito a remedar á súa maneira a inxerencia “democrática” dos neocons do Norte. ¿Ou non?
Os que seguramente deben estarlle moi agradecidos a Chávez son os portugueses. ¿Sabía alguén que do Miño para abaixo se fabricasen os ordenadores portátiles máis “duros” do mundo? Ademais de seren duros son unha “beleza”, segundo o presidente veezolano, que mandou comprar un millón deles para que sexan usados por rapaces de cinco a 11 anos. Son da marca Magalhâes e poden ser equipados con sistemas operativos de Windows ou baseados en Linux. Chávez mostrou un destes ordenadores no seu programa televisivo Aló Presidente, e ata o deixou caer dende unha altura considerábel para mostrar a súa dureza, que agora falta por saber se é só de hardward ou támen de memoria.
Os portugueses da marca Magalhâes terían que convidar a Chávez co mellor viño do Porto pola enorme propaganda que lles fixo. Mellor campaña, imposíbel. E Chávez que corresponda con ron Santa Teresa. Ou Santa Isabel, como se confunde un amigo meu cando o pide, e os camareiros sempre se percatan do que quere dicir.

martes, septiembre 16, 2008

O furor intransixente de Prisa

Basilio Baltasar, director da Oficina do Autor do Grupo Prisa, vicepresidente da Fundación Jannick e Ben Jakober e algunha outra cousa máis, é lento pero seguro. Durante quince días debeu estar pensando se pagaba a pena responderlles aos do Pen Glub de Galicia polo atrevemento que tiveron os seus directivos de arremeter contra as parvadas que vomitou o sabio sapientísimo George Steiner nunha entrevista que lle fixo Juan Cruz e na que, como todo o mundo sabe, confesou a atrevida ignorancia que padece sobre o idioma galego e a súa cultura.
Baltasar publica hoxe en El País un longo artigo de opinión, titulado El furor intransigente de los clérigos, no que conclúe que “algúns galeguistas dan á súa lingua rango sacramental e consideran sacrílega calquera crítica”. O xornalista de orixe balear que sucedeu a Juan Cruz na dirección da Oficina do Autor de Prisa sostén que os autores do manifesto do Pen Club galego “non perciben ningunha contradicción entre a súa airada requisitoria e os principios proclamados por unha sociedade internacional de escritores que dende 1921 non deixou de lamentar e denunciar a censura e a persecución padecida por escritores de todo o mundo”.
Sen estar de acordo co célebre manifesto, que supoño inspirado e ata redactado polo famoso Che (Luís González Tosar) deixándose levar, como é costume nel, polas aprehensións de tipo persoalista, non vexo eu que sexan comparábeis o “legado relixioso dos nosos fanáticos ancestros” ou o "furor intransixente dos clérigos” co “enfado colérico dos autores do manifesto”. Podería ata darlle algo de razón a Basilio Baltasar cando albisca algunha forma de sectarismo nos escritores galegos que “se erguen ufanos no medio do estropicio español”. E, dende logo, doulla toda cando protesta porque tentaran converter a Juan Cruz, persoa que aprezo ata máis aló do estritamente profesional, en chivo espiatorio da ignorancia atrevida de Steiner. Xa se sabe que o de matar o mensaxeiro é unha cacería que non somentes se practica nas ditaduras, e a min tamén me alarman ás veces certos conatos de intransixencia que se permiten practicar determinados persoeiros e persoeiriños da cultura oficial galega.
Pero o malo é que Baltasar cae de fociños na lameira que tenta atravesar. Explícome, comete el os mesmos vicios de intolerancia e de predicación amonestatoria que critica nos que, segundo el, embestiron contra Juan Cruz. Ou sexa, os do Pen Club tiñan que estar caladiños ou dicir o que a el lle gustase, pero o columnista en nómina de Prisa pode dicir o que lle peta. Home, isto é xogar con cartas marcadas. E non digo que Basilio Baltasar sexa un tahúr do Mississippi, que era como lle chamaba Alfonso Guerra a Adolfo Suárez.
O caso tén máis importancia porque o artigo de marras aparece firmado por un membro do staff directivo do Grupo Prisa, circunstancia que pode levar a algún lector a pensar que a posición ideolóxica e cultural que rezuma o texto corresponda ou coincida coa que mantén o grupo mediático da familia Polanco. Se esta coincidencia fose certa, estariamos ante un chamativo caso de redundancia do xacobinismo que acostuma practicar o xornal madrileño. Resulta curioso que un mallorquino, o autor do artigo, apareza aquí como improvisado látigo que xostrega sobre a periferia. Ai, se Josep Pla –o menorquino, non o de L’Ampurdà– erguera a cabeza! O que lle podía ensinar a Basilio Baltasar.
O furor intransixente dos clérigos non se colaría tamén entre os directivos de Prisa? Se Beiras defende a Toñi Vicente só por ser amiga súa, hai que admitirlle a Baltasar que defenda como lle dea a gana o seu amigo Juan Cruz. A fin de contas, herdou o posto que deixou Cruz en Prisa, pero a diferenza é que o que lle xostrega ao Che galego manexa a vara dende un alto cargo do xornal máis influínte de España.

lunes, septiembre 15, 2008

Intelectuais a 35 euros

Falo de oídas e pola ollada que lle acabo de botar á carta do restaurante de Toñi Vicente na súa web. Se un non é intelectual da vieira, non hai maneira de comer alí por menos de 70 euros, e iso sen pasarse co viño nin ir con fame abonda para precisar comer peixe e carne. Un menú degustación custa 78 euros máis Ive.
Porén, a partir da homenaxe que lle tributaron á cociñeira a semana pasada, encabezada por Xosé Manuel Beiras, existe a posibilidade de encher ben a panza no restaurante da rúa compostelá de Rosalía de Castro pagando moito menos. Abondorá con pedir o Menú Intelectual da Vieira, que só custa 35 euros e está composto por salmón marinado, gazpacho, atún en escabeche e vieiras regadas con Albariño. Disque un grupo de lúcidos esculcadores da realidade galega está redactando un manifesto no que se regulamentarán as normas para comer en Toñi Vicente a este módico prezo.
Intelectuais a 35 euros. Contábase que Pérez Varela pagábaos a 1.200. A crise é a crise.

sábado, septiembre 13, 2008

Os intelectuais da vieira


Parece que se vai sabendo por que os “intelec-
tuais da vieira”
–así os bautiza hoxe El País– andan tan abraiados co que lle pasou a Toñi Vicente. Para eles, o grave non é que a restauradora presuntamente irrespetase a lexislación vixente en materia de comercio e saúde pública senón o feito de que a amiga dos homenaxeadores “fose esposada e detida no restaurante e trasladada a comisaría e que non se procese a quen contamina a ría, a quen colocou alí a bomba de Reganosa ou os que causaron o paro que obriga a desempregados de 50 anos a buscarse a vida” (Beiras dixit).
Agora descubrimos, ademais, que o importante do asunto é que a homenaxe tributada onte a Toñi Vicente foi “unha reacción cívica de repudio á lapidación que se fixo dende un determinado medio de comunicación”, ao que Beiras se referíu con todas as palabras, La Voz de Galicia, e do que dixo que “non é propio dun xornalismo de calidade e de respecto aos cidadáns o converter en chivo espiatorio unha persoa non sei ben por que”.
José Precedo, o xornalista de El País que conta os feitos como hai que contalos, na súa crónica de de hoxe, lémbralle a Beiras que “ese non sei ben por que, en realidade, é un presunto delicto contra a saúde pública que o xuíz lle imputou á restauradora por comprar a furtivos vieiras presuntamente contaminadas”. Precedo engade que “polo mesmo caso, catro mariscadores ingresaron esta semana no cárcere de Teixeiro”.
A teima de Beiras con La Voz de Galicia vén dende hai moito tempo e ata pode que teña razóns persoais para alimentala, pero o que non debería facer un home tan supostamente ilustrado e lúcido coma el é confundir o cu coas témporas. O xornal de Santiago Rey, que ten moitas chatas pero tamén moitas virtudes, polo tratamento que lle deu ao caso das vieiras de Toñi Vicente, non merece a análise lapidaria e irresponsábel que lle dedica Xosé Manuel Beiras para defender a súa amiga Toñi Vicente. En toda a información que foi dando La Voz de Galicia dende que estalou o escándalo, eu non apreciei absolutamente nada que faga acreditar na análise intempestiva que fai o ex líder do BNG. Beiras, ademais, é inxusto porque aplica esa análise única e exclusivamente ao xornal coruñés e non alude para nada a ningún dos numerosísimos outros medios que trataron o caso exactamente da mesma maneira. Non é que queira eu defender especialmente La Voz de Galicia, pero se o que quería Beiras era salvar a Toñi Vicente contra vento e vieira, debería abondarlle con facelo pola súa conta. E punto.

Nota.– Observo, pola foto que publica Galicia Hoxe, e que me tomo a liberdade de reproducir, que entre os homenaxeantes hai algúns –realmente poucos– amigos meus que aprezo de verdade. Lamento non coincidir con eles neste tema, e agardo que eles podan entender a miña discordancia .

jueves, septiembre 11, 2008

Toñi Vicente e os intelectuais galegos*


Acaba de despachar Efe a noticia de que “un grupo de intelectu-
ais prepara un manifesto de apoio a Toñi Vicente”
. Engade que está composto tamén por profesionais da restauración e por un gaiteiro. Di a axencia informativa estatal que “entre os que promoven o acto, no que se lerá un manifesto de apoio a esta recoñecida cociñeira, figuran o dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, o escritor Miguel Anxo Fernán Bello, o adegueiro Emilio (Efe chámalle Alfonso) Rojo, outras persoas vencelladas á gastronomía galega e o gaiteiro Xosé Manuel Budiño.
Tamén se indica na noticia que esta xuntanza de intelectuais vai ter lugar mañá no propio restaurante de Toñi Vicente, en Santiago, para expresarlle unha mostra de “cariño” á persoa que eles consideran que foi maltratada durante o proceso das vieiras clandestinas. É de supoñer que tal reunión manifestaria estará alimentada por boas viandas (vieiras hepatopancreáticas quizais?) e por bos viños do país. Se é así, a min gustariame saber se os comensais van pagar o que coman e o que beban do seu peto ou convidados pola homenaxeada.
Digo parte disto porque me empeza a soar a coña mariñeira o algareo que están erguendo os que defenden a Toñi Vicente como se fose a María Pita de non se sabe que clase de invasión inxustísima. Como acaba de dicir o biólogo Victoriano Urgorri, director da Estación de Bioloxía Mariña de A Graña (Ferrol), “se os furtivos collen a vieira é porque alguén a compra”, e Toñi Vicente aínda non desmostrou que non sexa ela unha dos que efectúan esas compras, segundo sospeita e denuncia a Garda Civil e investiga un xulgado de Ferrol. Pasados varias días da súa detención, a famosa cociñeira non se dignou comparecer mediante entrevista, roda de prensa ou comunicado negando as imputacións ou, de non poder facelo, tratando de explicalas e, se preciso for, pedindo desculpas aos seus clientes, entre os que debe andar moito máis da metade da clase política e unha boa parte de todo o Who’s Who de Galicia.
Agora vai resultar que comprar vieiras incontroladas e perigosas para a saúde a sesenta céntimos, para cobrárllelas aos clientes do restaurate a 24 euros, pode merecer o apoio dun feixe de intelectuais galegos. Pois se isto hai que pagalo con “cariño”, que haberá que darlles aos mariscadores furtivos que xa foron parar ao cárcere de Teixeiro? A fin de contas, eles lucrábanse moito menos e eran os que que tiñan que mollar o cú.
E logo que, por riba destas e outras consideracións que se poden facer arredor deste caso, que non fixo máis que empezar a esbarar nunha lameira, se cadra cumpriría pedirlles aos intelectuais galegos un chisquiño máis de prudencia. O caso acaba de abrirse diante dun xulgado de Ferrol e están aínda por facer moitas pesquisas policiais e xudiciais que deben conducir a un definitivo e legal escrarecemento das responsabilidades presumidas. Queren Beiras e o resto dos intelectuais que se apuntaron a comer con Toñi Vicente adiantar sentencias e suplantar tribunais de xustiza? Non parece isto demasiado propio de quen aspirou a ser a máxima autoridade gobernativa de Galicia.
Polo despacho de Efe, sábese que van presentar un manifesto defendendo a cociñeira porque coidan que foi “maltratada durante o proceso”. Maltratada por quen? Pola Garda Civil? Polo xulgado? Polos medios de comunicación por publicaren o seu nome? Joder, Beiras, un intelectual formado no materialismo dialéctico coma ti, explícase mellor. Está ben que anden nos xogos florais cociñeiros, adegueiros, os eternos convidados pola cara nos restaurantes de postín, e mesmo algunhas irmandades e sociedades ás que ata pertenezo eu e que non me preguntaron que me parecía o verso, pero a que parecía a cabeza máis lúcida do nacionalismo galego, despois de Castelao, que coño fai compartindo merendiñas?

* E que non sirva de precedente esta debilidade miña de romper o silencio que me impuxen en Croques. Esta vez non me podía calar.

miércoles, septiembre 03, 2008

Non lles digo adeus, pero polo menos ata logo


Queridos lectores (algúns, mesmo amigos):
Teño que avisalos de que me rindo. A partir de hoxe, e non podo dicirlles se para sempre ou ata cando, non volverei a escribir neste blog. Sei que lles debo unha explicación e vou procurar ofrecérllela. Estou canso de predicar no deserto. Se critico aos tirios, apláudeme troiano e medio e se digo o que fan mal os troianos a penas hai un tirio que me mande unha folla de loureiro. Porén, os de todas as bandas parecen facer o mesmo cando me teñen que bater nas costas.
Non quero dicir que sexa culpa nin dos de Laíño nin dos de Lestrove. Sei que só é culpa miña por non aprender, despois de tantos anos, que hai que ir cos da sega e volver co panadeiro. Pero que queren que lles diga? Eu non estou afeito a ser prebe de todos os pratos e prefiro retirarme aos meus cuarteis de inverno –que tamén os teño– antes de convertirme no “pepitogrilo” dunha pradeira sen herba.
Confésolles que xa tira máis de min xogar con Mara (a miña cadela) e con Bianca e Forito (os meus gatos) –e non digamos procurar levarme ben con Cristina (a miña compañeira)– que enganarme pensando que o xornalismo é o mesmo que cando eu fun xornalista de verdade. Teño, ademais, algún compromiso que cumprir (rematar a traducción dun libro de Anne-Marie Thiesse e escribir outro sobre Paco del Riego) e a eles vou dedicar os meus inmediatos quefaceres.
Gustaríame que os que me aprezan entendan isto non como un desplante senón como unha elemental medida de hixiene coa miña conciencia. Sinceramente, no panorama actual, case non teño nada máis que contar. Non me gusta case nada do que vexo ao meu redor, pero non sei por que teño que ser eu o que molle o cú pola graza de Deus. Un ten vocación de heroe, pero non tanta.
Admito que, como di a frase cinematográfica de Manquiña, tal como lles digo unha cousa podíalles contar a contraria –eu preferiría citarlles o verso de Alfonsina Storni que di que “entre as cousas seguras, a máis segura é a dúbida”-, e, se cadra, dentro de pouco, boto de menos estar cos catro gatos que me escoitan e volvo a abrir esta xanela, pero de momento vou recuperar o valor do silencio.
Saiban, logo, desculpar a miña saída polos cotarelos da Terra Chá –xa me gustaría irme polos tesos cumes do Courel– e acepten a miña despedida como unha mostra de humildade chea de agradecemento a todos os que me leron e participaron en Croques, título que me acompaña dende os lonxanos tempos da revista Chan (1969), aprezadísimo regalo que me fixo o meu mestre Borobó, e ao que procurarei serlle fiel ata que morra.
Foi un prazer estar en contacto con vostedes. Saúde e liberdade.