miércoles, abril 30, 2008

Rosalía, cantada no Xapón


Onte, 29 de abril, no Kammerssal Hall de Toquio, a soprano xaponesa Haga Miho, acompañada ao piano por Nishikawa Rica, interpretou tres cancións compostas por Antón García Abril cos poemas de Rosalía de Castro “Cando vos oio tocar”, “Todo é silencio” e “Coita”, nun concerto que axudou a que se fixera o galeguista xaponés Take Asaka.
A cantante Haga Miho estudiou ópera en Milán e asistíu aos cursos de Música en Compostela, onde coñeceu o compositor español Antón García Abril. Os versos de Rosalía, cantados por ela con música de García Abril e piano de Nishikawa Rica, recibiron unha grande ovación na súa primeira interpretación en Xapón. O próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, este mesmo recital terá lugar na cidade xaponesa de Yokohama.

martes, abril 29, 2008

A bicicleta de Xerardo Moscoso

Recibín un correo electrónico de Xerardo Moscoso que me deixou pensativo. Como vexo que nos foi enviado a unha morea de correspondentes seus, coido que non transgredo ningunha intimidade reproducindo o texto que nos mandou o cofundador de Voces Ceibes. Di o seguinte:
“Despedida… Quiero vivir de nuevo… Es una decisión… Es mi decisión… No les digo ¡Hasta luego! Este es mi último mensaje, mi último e-mail. He culminado una etapa más de mi vida. Les agradezco por todas las experiencias que compartimos. Tengo una cierta pena de anunciarles mi decisión, este es mi último e-mail y mi última conexión por el Outlook: Mi vida ha estado complicada, demasiado para mi gusto, y tengo cada vez menos tiempo, día tras día. Les informo que: CAMBIÉ MI COMPUTADORA POR UNA BICICLETA. VOY A APROVECHAR MIS HORAS LIBRES HACIENDO DEPORTE CON UN GRUPO DE GENTE QUE HACE CICLISMO. No se preocupen por mí, estoy bien, y este grupo parece ser gente buena y servicial. ¡Amigos! Fue muy divertido enviarles y recibir tantos e-mails. Pero llegó la hora de decirles: ¡¡¡ADIÓS!!! PD: les mando unas fotos del grupo.”
Por certo, polo menos a min non me chegaron esas fotos. E como fago agora para reclamarllas a Moscoso? Xerardo, por favor, repórtate como decides polo norte de México. O da bicicleta enténdoo perfectamente. Mágoa que lle acabe de regalar a Ana a miña Specialized Stumjumper, coa que debín dar preto de 3.000 voltas ao parque madrileño do Retiro e da que me tiven que retirar por culpa das insoportábeis costas que hai no Instrumento. Se no fose por iso, aínda volvía a collela e presentábame contigo en México despois de tirar o iMac ao lixo.

domingo, abril 27, 2008

Piratas


Léoo en Le Monde, pero a noticia procede do New York Times e do Washington Post. A administración Bush dixo no Congreso que os axentes de información americanos poderían recorrer a métodos de interrogación prohibidos polo dereito internacional. O Ministerio de Xustiza norteamericano mandou cartas ao Congreso pronunciándose a favor desta interpretación xurídica dos convenios de Xenebra que regulan o trato que debe darse aos presos de guerra. Sosteñen os xestores da política de Bush que os límites dun interrogatorio poden variar en función de quen ou como sexa o detido.
Brian Beczkowski, viceministro de Xustiza, nunha carta datada o 5 de marzo, tratou de indicar que “o feito de que unha acción sexa emprendida para evitar un atentado e non para buscar a humillación ou abusar, sería aceptábel para un observador razoábel encargado de medir o grado de aldraxe cometida”. O xornal New York Times precisa, a partir destas palabras, que a administración Bush non definíu que métodos de interrogación poderían constituír as “aldraxes á dignidade persoal” que proscriben as convencións de Xenebra. Segundo cita o Washington Post, a carta de Benczkowski tamén di que “certas prohibicións, coma que afecta á dignidade, convidan a considerar as circunstancias que envolven as accións”.
Foi o senador demócrata Ron Wyden, membro da Comisión de Información, o que deu a coñecer as cartas procedentes do Ministerio de Xustiza logo de recibir información confidencial que lle fixo preguntar oficialmente polo asunto. O propio presidente George Bush vetou, o pasado mes de marzo, un texto que trataba de prohibir os interrogatorios mediante a tortura, como o que bota man da simulación de afogamento, por exemplo, que foron denunciados polos seus detractores. O Congreso norteamericano, no que son maioría os demócratas, adoptou en febreiro pasado unha disposición obligando aos servicios de información a conformárense con aplicar as regras de interrogatioio impostas aos militares.
Dirame algún lector por que reactivo este blog, que estivo calado durante máis dunha semana, con esta noticia e non coa piratería á que foron sometidos os nosos pescadores. Postos a elixir piratas, hainos que escoller entre os máis grandes.

martes, abril 08, 2008

A política do super

Pagar ou cobrar por todo. Diso se trata no mundo no que vivimos. Uns pagan agora e cobran despois. E á "veciversa" como dicía o máis letrado de Penacova.
Non estou a falar das relacións comerciais, laborais, etc. da sociedade da abondancia. Que tamén. Estou a referirme a esa especie de perversión galopante da práctica política que converte a escena social nunha especie de enorme supermercado no que todo está sempre de rebaixas. De rebaixa moral, fundamentalmente.
Véxase a que acaba de armar Touriño coa famosa televisión dixital. O apagón ese que din que se vai producir e que aínda non sei ben se nos vai deixar sen a luz ilustrativo-deformante daquilo que Manuel María tentou, sen ningún éxito, bautizar como televexo, ou en que diaños consiste. O apagón eléctrico de Nova Iorque servíu para que a xente se puxese a pasalo ben e, por conseguinte, a facer fillos, pero ten algunha idea alguén do que pdería pasar se houbese de verdade un apagón televisivo? Coido que a ninguén lle interesa probalo. E menos ca ninguén aos millóns de mediocres que viven –algúns a corpo de rei– de encherlle a barriga a ese monstro.
Touriño, quería dicir, foi á Fonsagrada como ían os predicadores españois ás Indias Occidentais, cargado de avalorios que lle fabricou Televés. Non foi porta por porta preguntando se querían ver a televisión dixital. Limitouse a mandarlles o aparello polos de Protección Civil, como se dunha emerxencia calquera se tratase. Quizais pensou que consistía en poñer a vacina contra a indiferencia ou, sobre todo, contra o individualismo atroz de non querer seguir o mundo que se impón dende enriba. En realidade, o que fixo o presidente da Xunta non foi máis ca unha sinxela operación de mercadeo, unha promoción como as que fan Carrefour ou Mercadona. Eu regálolles o trebello e vostedes estanme moi atentiños ás mensaxes que vou botar pola televisión. De mestre de ceremonias, ademais, un director comercial –ou sexa, un alcalde– da corda. Como no Corte Inglés. Iso é agora a política.
Claro que non ha faltar quen lle diga que tal discriminación positiva exercida cos da Fonsagrada podería ter o seu tal de discriminación negativa dos que non son dese concello lugués. Poño por caso, por que han ter decodificadores gratis os da terra de Antón Fraguas –por certo, o seu parente Antonio Fraguas exerceu de sumo sacerdote no apagón dixital da Fonsagrada– e os de Taramundi ou A Pontenova, que están ao lado, terán que pagalos? E os de Cotá dos Queixos? Os do Instrumento de Abaixo? Supostomante, pagar pagan todos os seus impostos e a Constitución aínda segue dicindo que somos todos iguais.
Está logo esa idea que lanzou o ínclito nacionalista Bieito Lobeira para que se lles pague unha subvención a todos os comerciantes que decidan empregar o idioma galego na súa actividade. Os cataláns hai xa tempo que foron máis lonxe multando os seus botiguers por non rotularen as súas tendas no idioma de Salvador Espriu. Son dúas maneiras, a de facer pagar ou a de facer cobrar, que no fondo tratan de conducir á mesma cousa: a iso que o cartesianismo francés de Anne-Marie Thiesse chamaría creación das identidades nacionais.
Contra a proposta de Lobeira saíu Touriño dicindo que hai que andar co cuidado de non caer en ningún tipo de discriminación. Eu, se fose o do BNG, xa lle tería saído ao paso replicando que para discriminación a que fixo el co apagón dixital da Fonsagrada. Lobeira non, pero eu si tamén lle engadiría que a política actual case sempre é unha discriminación en si mesma. Igualiños si, pero a vaquiña polo que vale, aínda dicimos por terras de Miranda.
O que tamén pensamos algúns dos de Miranda e de moitos sitios do mundo é que as cousas deberían –e poderían– ser moito máis sinxelas. Hainos que falamos e escribimos en galego sen que nos paguen e que compramos ou deixamos de comprar decoficadores dixitais segundo nos conveña. Non precisamos da teta do diñeiro público para estas menundencias. Pola contra, precisamos doutras que ninguén nos facilita e que o noso capital non abonda para pagalas. Máis xustiza, igualdade, educación, sanidade, ecoloxía… Será que aínda non chegaron aos andeis do super.

sábado, abril 05, 2008

Gabear palabras

Xosé Lastra Muruais, Pepe d’Eladio, como lle chamamos aínda agora os amigos na Pontenova (Lugo), que é onde naceu, é un profesor de Ferrol que durante moito tempo andivo na política do BNG. Era, por exemplo, concelleiro-delegado de Urbanismo cando se levou a cabo a remodelación da praza de España retirando a estatua do ditador Francisco Franco.
Herdou do seu pai unha enorme afección polos coches. É un condutor case de rally, e da súa nai un aínda maior apego á música. Dende o centro escolar que dirixe na cidade departamental, o CEIP Manuel Masdías, hai anos que ven promovendo un grupo musical denominado Ledicia no que participan alumnos, profesores, pais de alumnos e algunha xente máis relacionada coa música e co folklore. Lastra, ademais, é presidente de Nova Escola Galega.
O Grupo Ledicia (www.grupoledicia.org) acaba de sacar un novo disco que merece a pena. Chámase Endiñada e leva o selo de Edicións Xerais. Como din eles, sirve “para que as nenas e os nenos sigan gabeando polas notas e polas palabras”.

viernes, abril 04, 2008

Venceremos nós

Logo dunha semana de apraza-
mento na data do peche inicialmente marcado, rematou a exposicón sobre as mobiliza-
cións estudiantís do 68 en Compostela que estivo aberta no pazo de Fonseca da Universidade de Santiago. Ricardo Gurriarán, comisario da mesma, está negociando agora que esta mostra se poda ver tamén nas cidades de Ferrol, Vigo e Lugo proximamente.
O acontecemento acadou a máxima audiencia de visitantes e tratamento mediático. Durante cinco semanas, máis de 10.500 persoas visitaron a mostra e moitas delas demóraronse horas contemplando o importante material (fotográfico, documental, sociolóxico, etc.) presentado. Foron moi numerosos os colexios da capital galega que levaron os seus alumnos ver como eran, e como se revoltaban, os estudiantes galegos de 1968. O Catálogo editado para a ocasión, auténtico corpus dunha etapa moi importante da vida galega, esgotouse varias veces e aínda agora os organizadores da exposición seguen recibindo moreas de peticións.
Entre as anécdotas a que deu lugar a celebración, hai varias de distintas persoas que se recoñeceron nas fotos correndo diante dos policías da época e que agora viron pasar diante dos seus ollos secuencias dunha vida que xa non lembraban nidiamente. Especial lembranza deixou nesta efeméride o presidente do goberno asturiano, VicenteÁlvarez Areces, un dos protagonistas máis importantes daquela época, nas dúas ocasións que acudíu a Compostela para conmemorar o maio do 68. A súa frase de que aquela foi “a epoca máis frutuosa” da súa vida impresionou a máis de un. Para que aprenda Touriño. E non só a falar galego.

O galego, a Cope e a Garda Civil


A cadena de radio Cope, esa que depende dos bispos e interpreta a España ultramontana e reaccionaria que se empeña en seguir nos tempos de Luis Candelas, representada por avogados que non se atreven a sacar os seus nomes nos xornais, acusa a xuíza compostelá Ana López-Suevos de “sectarismo e partidismo” por emitir en galego unha sentenza que lles é desfavorábel.
Que a emisora na que predican profetas tan ígnaros da realidade española coma Federico Jiménez Losantos, César Vidal, Alberto Recarte ou Pío Moa reparta diplomas de “sectarismo e partidismo” resulta francamente chocante (o advervio que acabo de utilizar xa saben que raíz ten neste caso). Pero o que choca máis aínda é o motivo polo que a Cope se puxo a repartir hostias consagradas co marchamo desa especialidade tan súa que é, precisamente, o sectarismo e mailo partidismo máis incendiarios e badocos.
Resulta que a Cope arremetu contra a maxistrada López-Suevos, por certo, filla daquel catedrático da Universidade de Santiago que tanto protagonismo tivo na época das catacumbas do actual nacionalismo galego e descendente ela mesma, polo tanto, da rama familiar dun egrexio falanxista que protagonizou non poucos episodios chocantes do franquismo, a Cope arreoulle digo a esta xuíza do Social por ter sentenciado –en idioma galego, ademais– que unha das súas empregadas foi improcedentemente despedida do seu posto de traballo en Santiago por emparellar cunha muller e por ser militante do BNG.
De entrada, a min o que me parece é que a quen tiña que despedir a Cope é ao seu xefe de persoal, eses que agora se fan chamar directores de recursos humáns. Como se os humáns fósemos un mero trámite e os trámites puidesen andar a dous pés. E a el, cunha carta de despido escrita en sánscrito para que molara. Porque anda que deixar que se lle colara entre os seus “recursos” unha lesbiana separatista, xa é de libro. Nunha empresa coma dos bispos de Rouco Varela… Por la señal de la cruz, amén.
E logo hai que ver o lizgairos que andan estes avogados da Cope na práctica auténtica do concepto de recurso. Durante todo o proceso xudicial non lles importou que a xuíza e a parte demandante falasen e escribisen en galego, nin lles ía importar un pito que ese fose o idioma da sentenza se lles resultase favorábel, pero, hostias Pedrín, como se “arrechan” –este verbo ensinouno un amiga caraqueña que me trae botellas de Santa Isabel, un excelente ron que lles recomendo aos bispos e aos avogados da Cope para que lles vaia sendo máis dixeríbel o idioma de Castelao e de monseñor Arauxo Iglesias– por recibir da xuíza unha sentenza en contra. Nin sequera discuten o feito sentenciado de que botaron da emisora unha traballadora por mor das súas ideas políticas e das súas perferenias sexuais e amorosas. Non, o que poñen en solfa é que a xuíza fala e sentencia en galego. Nin o cardeal Herrera se atrevería a tanto co cura agrarista Basilio Álvarez.
E iso que xa non teñen a Aznar para dicirlles que “España va bien”. Vai ben fodida con bispos e avogados así, e con gardas civís que empregan o diñeiro dos contribuíntes en fichar os que levan o GZ nos seus carros, en perseguir clínicas abortivas ou pasando polo forro dos uniformes as ordes que recibiron de varios maxistrados (Sobre isto último léase o que publica hoxe El País).

miércoles, abril 02, 2008

Na Administración aínda hai quen traballa amabelmente


Hai algún día na vida dunha persoa que significa inmensamente máis co resto da súa existencia. Por exemplo e para min, o de hoxe. Tocoume ir á Seguridade Social iniciar os trámitres para a miña xubilación que, se San Pedro Fiz –santo milagreiro da miña terra– me axuda, será o próximo 13 de deste mes.
Hai varias semanas xa fun a outra oficina do mesmo organismo administrativo e, daquela, tiven a mesma sensación ca de hoxe. Aínda quedan algúns departamentos da administración pública nos que o contribuínte se pode atopar con funcionarios –no meu caso, funcionarias– que, ademais de seren eficaces, resultan atentos e garimosos co público ao que lle deben o seu traballo. Refírome, para que o lector saiba de que falo, tanto aos funcionarios que traballan na rúa de San Pedro de Mezonzo de Santiago como aos que prestan os seus servizos na Azabachería da mesma cidade. Como podía referirme, con igual consideración positiva, aos franceses que traballan na Caise Regionale d’Assurance Vieillesse D’Alsace-Moselle, que tamén depende deles a miña xubilación.
Tanto uns coma outros, polo menos no meu caso, están a demostrar que aínda hai xente nas administracións públicas europeas que están ao que deben estar, é dicir, a resolver os problemas da xente e non a perder o tempo en lerias e pamplinas de aquí e de aló. Dá gusto chegar onda eles e comprobar que non só saben do que vai a vaina senón que están dispostos a porse a traballar coa vista posta na resolución dos problemas. Na miña opinión, isto é xustamente o que debería ser a administración pública: eficacia e amabilidade.
Non sei se o meu caso ten algo de especial, cousa que dubido, pero en 65 danos de administrado –pagando impostos, pondo ao día as miñas obrigacións cidadáns de saldar multas, renovar documentos, solicitar atencións médicas ou asistenciais, etc.– nunca observei un grado tan alto de atención e de eficacia como o que agora estou recibindo na tramitación do meu paso do mundo laboral ao limbo do xúbilo. Dirá alguén que esta etapa da vida dunha persoa está doadamente protocolarizada e que non ten ningún segredo a súa resolución. Tampouco debería telo a resolución dun contencioso calquera no Concello de Ames, poño por caso, ou que sei eu que outro exemplo podería poñer, pero que diferenza hai entre unha cousa e a outra na realidade “real”.
Outra cousa máis difícil vai ser enfrontar a “realidade” real da vida dun xubilado. Pero xa llelo irei contando. De momento, chapeau aos que traballan no Ministerio que se encarga das xubilacións. Que supoño que será o da Mocidade.