jueves, julio 30, 2009

A deriva de Xornal de Galicia


A propósito de Manquiña, un amábel comunicante tivo a ben mandarme parabens por ser este blog o que aventurou a “velocísima deriva do Xornal de Galicia” que supostamente se está levando a cabo. Eu non vou reiterar agora os argumentos que me levaron a sospeitar que podía estar empezándose a producir esa deriva co recente nomeamento de Miguel Ánxel Souto para o cargo de conselleiro delegado e xerente do periódico do construtor Xacinto Rey, dono do importante Grupo San José.
O que si vou facer, porén, é reparar algo na recente entrevista que publicou este xornal, durante dous días, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Grandiosa entrevista, por certo, e dígoo polo menos pola enorme extensión que ocupou nas súas dúas entregas: dúas primeiras páxinas case enteiras e seis páxinas interiores, sen contar os nove artigos de opinión a que deu orixe o evento só neses dous días. En total, 7,849 metros cadrados de papel, a superficie que ocupan por término medio os cuartos de baño dos lectores do xornal, WC e bidet incluídos. Nin a Franco lle facían tanta e tan boa propaganda no Arriba.
Calculo que desta volta e aínda que fose só por dous días, La voz de Galicia debeu perder varias ducias dos seus habituais lectores que tanto lles gusta ver loado o líder conservador. Ándase dicindo que Feijóo é moi listo, e debe selo porque soubo aproveitar ben a ocasión que lle deu Xornal para presentarse como un gobernante caído do ceo para resolver as astracanadas cometidas polos que o precederon nas responsabilidades gobernantes, Fraga e el mesmo incluídos, aínda que o entrevistado se refira só aos definitivamente apestados do PSdeG-PSOE e do BNG.
Di o presidente que xoga cun equipo que “aterrou nunha pista de xeo e aínda segue con vida”. Realmente esta frase é moi oportuna, pronunciada case nos mesmos días en que La Voz publicaba os resultados dunha sondaxe que lle resultou extraordinariamente favorábel para os seus primeiros cen días de goberno.
Quizais o que máis me sorprende desta entrevista é o repentino fervor que mostra Feijóo por Castelao, figura qu ata agora nunca fora reivindicada pola dereita. "Castelao foi Feijóo non di “é”– o apóstolo da palabra e o apóstolo da idetidade galega e do orgullo de ser galego. Castelao, igual que Brañas, Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas, é patrimonio dos galegos. Eu non teño un busto de Castelao no despacho. Hai outros políticos que si o teñen e paréceme moi ben, pero que non se esqueza ninguén que Castelao non é patrimonio de ningún partido político. Castelao é patrimonio de Galicia”.
Xosé Luis Gómez, director de Xornal, e Xabier R. Blanco, adxunto á dirección, fíxeronlle unha moi boa entrevista, na que poucas cousas deixaron sen preguntar por elas. Neste sentido, o seu traballo foi xornalísticamente impecábel, pero canta moito que a entrevista que nunca lle fixeron a Touriño, mentres que foi presidente da Xunta, a Feijóo fixéronlla quilométrica nos primeiros cen días do seu mandato. Conta Gómez que foi porque o presidente socialista nunca lles quixo concedela. E será verdade, pero aínda así segue cantando a extraordinaria atención que lle está prestando ao líder do PP un xornal que, ata agora, entrevistas de sábana só llas otorgaba ao nacionalista Anxo Quintana.
Coincidindo, ademais, que este periódico lle deu cancha estes días ao fato de Manquiña, para que botase veleno badoco pola boca, quizais é lícito seguir pensando que Xornal de Galicia anda movendo a brúxula. Xa se verá.

miércoles, julio 29, 2009

Manquiña non é facha, é fato

Manuel Manquiña, actor galego que sen dúbida está querendo emular o catalán Albert Boadella sen percatarse de que aínda hai clases, mostra hoxe a súa incontinencia verbal nunha entrevista que publica Xornal de Galicia, na que di que non se molesta “porque algún gilipollas piense que soy un facha. Además, si yo soy un facha, ellos son unos hijos de puta. Así de claro. No me preocupo absolutamente nada; más bien estos temas me cansan. El anterior Gobierno del BNG y del PSOE intentaron imponer una realidad que no existe, una especie de Matrix y, como se pasaron, la gente los mandó a tomar por culo. Yo siempre digo que soy un español nacido en Galicia y las personas que se escandalicen con esto están al margen de la realidad. Ya me aburren con tanta Galicia, con tanta patria y con tanta tontería”.
Pois agora a min si que me parece un facha, un tonto de baba e un analfabeto este Manquiña. ¿Serei eu tamén un fillo de puta? O que hai que facer para gañar a vida facendo o fato.

martes, julio 28, 2009

Galego de rebaixas

Hoxe fun de rebaixas e percateime de que o que está realmente rebaixado é o idioma galego. Na tenda de Adolfo Dominguez no centro de Santiago nin unha soa dependenta me respondeu en galego cando eu me dirixen a elas neste idioma. Na que ten este modisto un pouco máis abaixo, só unha se dirixiu a min na lingoa na que lle falei de entrada. No Corte Inglés, un desastre. Á parte de que un vendedor se empeñou en dicirme que eu era moi pequeno para atopar a prenda que buscaba na súa sección de tallas grandes, á que previamente me mandaran as dependentas que atendían as estanterías de Burberry, non atopei a ninguén que me contestase en galego unha soa vez. Menos mal que no restaurante deste estabrecemento comercial os camareiros son xente distinta. Alí daba gusto. Das tres ou catro persoas que me atenderon, todas me falaron en galego. E moi amablemente, por certo.
Xa me ten pasado máis veces isto no Corte Inglés. Se un vai mercar un perfume, unha escuma de afeitar, un after shave ou un vestido de marca, o normal é que a dependenta ou dependente mire o cliente por riba do ollo cando lle fala en galego. Nesta rede comercial aínda deben pensar que os que falamos nesta lingua somos algunha especie de atrasados que baixamos do Courel ou da Fonsagrada (ai, se soubesen como son os de por alí enriba, nótase que non len a Novoneira) sen decatármonos de que existe a civilización harmónica que preconiza o presidente da Xunta. No tocante a isto do idioma propio, debe ser o único no que o cliente nunca leva razón. Aínda hei ter que ir ao Corte Inglés de Lisboa para que me respondan en galego.
En fin, que se todo isto é o bilingüismo amábel de Feixóo, eu xa rezo para que volva o bilingüismo simplemente bilingüe do bipartito.

viernes, julio 24, 2009

A fenda de Galicia


Hoxe avanza La Voz de Galicia que mañá empeza-
rá a publicar os resultados dunha sondaxe na que se interpreta que “o PP abre unha fenda de 15 puntos en intención de voto sobre PSOE e BNG”. Se isto responde verdadeiramente á realidade, habería que ir pensando en que nos pasa algo preocupante que debería ser tratado de imediato polos “menciñeiros” sociolóxicos.


Asegura o xornal de Santiago Rey que a enquisa levada a cabo por Sondaxe, que se publicará o sábado e o domingo, reflicte que o 36 por cento dos galegos declaran que votarán polo PP nas próximas eleccións autonómicas, resultado que situaría o partido de Núñez Feijóo 22 puntos por riba dos socialistas (14,4 por cento) e a 29 puntos de vantaxe respecto aos nacionalistas (6,9 por cento). O propio xornal sinala que “estes resultados contrastan co desenlace dos comicios do 1 de marzo, cando a pesar de perderen a maioría absoluta socialistas e nacionalistas rebasaron en 34 décimas o PP”.
A primeira sondaxe que se leva acabo dende que cambiou o Goberno tamén revela que o PP sería o máis favorecido polo trasvase de votos, conseguindo o 16 por cento dos abstencionistas do 1-M, o 6,5 por cento dos que votaron en branco, o 5,1 dos que apoiaron o PSOE e o 4,9 por cento dos que votaron BNG. O 84,6 por cento dos que votaron polo PP manteñen a mesma intención de voto, fidelidade que lles baixa aos socialistas ata ficar no 62,4 por cento e que se desmorona no voto nacionalista ata o 59,3 por cento. O 19,3 por cento dos que votaron socialista e o 13,6 por cento dos que apoiaron o nacionalismo manifestan agora que non saben se votarán nas próximas autonómicas ou que ignoran a que partido lle darán o seu voto. Oito de cada dez consultados din que, de saberen de antemán os resultados, votarían polo mesmo partido que votaron o 1 de marzo. O 8,6 por cento dos votantes do Bloque manifestan que votarían de distinta maneira.
Con todo o que está a chover enriba de nós, e non o digo polo clima, que tamén, senón pola guerra do idioma, as ameazas ao territorio e o medioambiente, etc., etc., que a inmensa maioría dos que vivimos para acó do Telón de Grelos (dos que parecen dispostos a ir ás urnas, que vaia abstención prevista) anden pensando que o que nos acae é o que di a enquisa de La Voz de Galicia podería ter “memoles”, como diría un asturiano. Se fose verdade, andariamos cerca de precisarmos unha rápida asistencia psiquiátrica.
E, como tan tolos aínda non me parece a min que andemos, haberá que ir empezando a por en solfa todo este invento das enquisas, sondaxes e outras vainas de interesada socioloxía de quiosco. Os franceses, máis cartesianos ca nós, xa o fixeron. A súa Cour de Comptes, equivalente ao noso Consello de Contas, mellor dito, ao tribunal de Contas do Estado, alertou o pasado 16 de xullo sobre a política de encargos de sondaxes de opinión preguntando, sobre todo, por un contrato que se firmou en xuño do 2007 con un gabinete de enquisas que lle encargou logo ao instituto de sondaxes e de estudios OpinionWay varias enquisas por importe de 1,5 millóns de euros. Sondaxes que foron pagadas polo Estado francés e que, porén, os seus resultados tamén foron publicados polo xornal Le Figaro e por LCI-TF1.
A presidencia de Sarkozy tamén pagou 392.288 euros por sodaxes realizadas cada dúas semanas cando estas enquisas estaban disponíbeis nos dous medios de comunicación citados. “Os informes facturados ao Elysée estaban totalmente disponíbeis en liña de forma gratuíta”, declarou o maxistrado da Cour des Comptes Yves Rolland, segundo publicou Le Monde. Quince dos 35 estudios que foron pagados pola Presidencia foron igualmente publicados pola prensa, o que leva a “por en dúbida o interese de tales encargos”, segundo Philippe Séguin, presidente da Cour de Comptes.
Boa parte destes encargos foron feitos a Publifact, propiedade de Philippe Buisson, director da Cadea Historia (grupo TF1) e conselleiro de Sarkozy durante a campaña presidencial. A Cour de Comptes salientou que o contrato con Publifact levouse a cabo sen a concurrencia pública que lle era obrigatoria e xenerou 130 facturas no 2008, aparte dos honorarios mensuais fixos de 10.000 euros asignados ao gabinete, que dispoñía de total liberdade de apreciación no canto dos estudios e sondaxes a levar a cabo e facturar.
Non quero que me interprete mal o lector. Non digo que estea pasando, entre nós, algo parecido ao de Francia. Só apunto que a “sondaxe” de Sondaxe quizais é unha redundancia. Ou unha metáfora do que nos pasa. Se falasen algúns concellos, a metáfora se cadra se volvía linguaxe directa.

jueves, julio 23, 2009

A Xubia de Vicente Araguas


Luis Foz e máis eu fuximos do mal tempo santiagués e viaxamos a Xubia para aceptar o convite que nos fixo o gran poeta, bo narrador e coinventor de Voces Ceibes Vicente Araguas na vella Casa Paco, antigo Hispano-Argentino. Chovía a cachón cando nos fomos e seguían caendo de punta cando regresamos pola tardiña.
Tamén nos acompañou o noso amigo Ramón Loureiro, que volveu a exercitar as súas boas maneiras fotográficas retratándonos co dono do veterano restaurante, hoxe pechado ao público, Pacucho Fernández Cagiao. Loureiro, gran xornalista e bo escritor (aí están as súas novelas Morgado, O corazón portugués e As galereas de Normandía), é un dos xornalistas ilustrados que aínda van quedando co cerebro e o corazón enfocados ás cousas galegas e sempre dá gusto falar con el.
De Araguas, como esta vez foi o anfitrión, non vou dicir nada. Non vaia ser que alguén entenda que lle estou pagando o convite, que ben merecía que llo agradecese polo menos. Ademais, os lectores saben de sobra da súa enorme valía e da súa indiscutíbel importancia na Galicia cultural dos últimos corenta anos.
Do local onde comemos e do seu actual propietario quero lembrar algunhas cousas. Casa Paco foi un dos restaurantes de Ferrolterra que máis sona e recoñecementos tivo durante varias décadas. Antigamente chamábase Hispano-Argentino, nome que lle puxera Manolo Casal, o seu primeiro propietario, que fora emigrante en Arxentina. Nos anos corenta pasou a mans de Paco Fernández Lago, que foi quen o rebautizou como Casa Paco. O actual dono do local, Pacucho Fernández Cagiao, medrou coa sona deste restaurante que foi referencia –xunto con Casa Tomás, tamén de Xubia– da gastronomía ferrolterrá durante moito tempo. Aínda lembramos o seu txangurro, as súas vieiras, salpicón, vitela, pescada do pincho e o seu magnífico souflé os que hai varias décadas tivemos a sorte de comer neste restaurante, que tamén foi “boite” e logo discoteca para noctámbulos. Como me di Araguas, do Paco aínda saíron unhas cantas parellas de xente da zona. Rematou sendo, antes de pechar, lugar de banquetes de toda caste e por alí pasaron Fraga, Adolfo Suárez, Alfonso Guerra e cantos pintaron algo na Transición.
Pacucho Fernández foi tetracampión de España de Motonáutica e organizou competicións que tiveron lugar na ría de Ferrol. Os lectores da novela A canción do verán, de Vicente Araguas, atopamos un aire do Pacucho Fernández real no Pacho Fontenla da ficción araguana.
No Entroido do ano 1949, case na porta de Casa Paco, os guerrilleiros mataron a un famoso tenente da Garda Civil que se chamaba Torres. Levaba sempre un gardaespaldas e ese día os executores berráronlle: “Apartate, Julio, que non vai contigo”. E apartouse. O tenente ficou cribado.

martes, julio 21, 2009

O revisionismo do PP

Somos un país condenado a aturar gobernantes revisionistas, e que me perdonen Antonio Gramsci, Palmiro Togliatti, Enrico Berlinguer e Santiago Carrillo que non vai por eles senón pola desenfreada afección que está mostrando todo o equipo que preside Alberto Núñez Feijóo. Aínda non levan tres meses na Xunta e xa puxeron patas parra riba case todo o que –ben, regular ou mal– fixo o bipartito.
Primeiro foi a cuestión do idioma, logo a a ordenación do territorio, despois a pesca e as famosas piscifactorías, a enerxía hidroeléctrica e varias cousas máis, e agora a revisión das concesións eólicas. Todo é revisábel dende que chegou o bulldogzer destrutivo do PP a Raxoi-San Caetano. O único que non lles parece revisábel senón simplemente desculpante, é o aparato de loita contra os incendios, que xa andan dicindo que é unha herencia dos gobernantes anteriores. Debe ser unha maneira de porse o casco ante unha previsíbel oleada de lumes favorecidos pola lóxica canícula de agosto. Pois que non se queixen, que ata gora choveulles abondo ao seu favor.
Postos a revisar, revisan papeis, contas, contratos, encomendas e todo o que se lles pon por diante. A última revisión, a do conselleiro de Cultura que descubre agora que a Xunta comproulle libros a Alonso Montero e a non sei cantos máis, pero oculta que tamén llos comprou a Basilio Losada e a algún outro. E non foron precisamente os do bipartito os que fixeron esas compras, boas ou malas, senón os da súa propia corda política, é dicir, aqueles gobernantes que staban mandados por Fraga Iribarne, entre os que non só estaba Pérez Varela senón tamén Núñez Feijóo.
Dentro dese andazo revisionista ata ameaza o sucesor de Ánxela Bugallo con tirar da manta e levar ao Parlamento convenios, encargos e contratacións levados a cabo polo bipartito en condicións que a el lle parecen sospeitosas. Está no seu dereito sempre e cando non remate confundindo o seu papel de gobernante da cultura galega co que lle podería resultar máis acaído ao Consello de Contas que a el mesmo. Xa puxo un exemplo, a edición en galego do Codice Calixtino contratada á editorial d’A Nosa Terra por 178.000 euros. Unha edición, segundo di o diplomático metido a conselleiro, que ía saír a 118,7 euros por cada exemplar publicado. El que é un home cultivado nos cosmpolitismos neoiorkinos, non sei por que se alarma tanto. Dependerá do tipo de edición que lle fose encargada a A Nosa Terra, que despois de todo tamén comprende a traducción e que, tratándose do que se trata, non se lle iría encargar a un manzanillo de 20 euros a folla traducida, digo eu. Ademais, como se fose a primeira vez que lle saen a ese prezo os libros á Xunta... En fin, está ben que investigue o conselleiro Maigret, pero veremos senón queda en fume de carozo a súa pescuda.
A min o que me parece é que xa empeza a cheirar a podre tanto revisionismo ideolóxico, histórico e, polo camiño que vamos rematará sendo tamén revisionismo ficcional. Menos mal que non temos Holocausto, que senón… O perigo de certos revivisionistas é que adoitan caer doadamente no puro negacionismo case por deporte. Habería que dicirlles que se fixesen algo máis situacionistas e que se puxesen, dunha vez, a crear situacións en vez de negalas. A ver se agora van ser eles os do non, e non os do Bloque.

sábado, julio 18, 2009

O delegado da Xunta en Uruguai está na lista de operadores que pescan ilegalmente


Manuel Barros Rivadulla, novo delegado da Xunta de Galicia en Uruguai, empresario e consigna-
tario de barcos en Montevi-
deo, figura na Internatio-
nal Blacklist
, que relaciona barcos e compañías comprometidas en pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. O seu nome está relacionado co pesqueiro Taruman, apresado en setembro do 2005 por forzas australianas cando pescaba irregularmente ao sur da capital de Tasmania. Barros Rivadulla representaba este barco dende un primeiro andar do número 1590 da rúa Misiones da capital de Uruguai.


No comunicado de prensa que daba conta do Consello da Xunta que tivo lugar o xoves pasado despachousese a designación de Manuel Barros Rivadulla como novo delegado autonómico en Montevideo dicindo que “leva case trinta anos en Uruaguai, onde se ten labrado unha exitosa carreira como empresario”. Diciase del que foi “oficial e capitán de buques de Pescanova” e “xerente dunha empresa mixta da compañía en Uruguai e, desde a súa chegada a Montevideo, implicouse de cheo nas actividades da diáspora galega no país, foi directivo do Centro Galego e do Club Español durante dez anos e do Fogar Español durante quince anos”.
Na reseña oficial non se contaba que Barros tamén foi presidente do Partido Poular en Uruguai e dúas veces candidato por esta formación política nas eleccións autonómicas de Galicia. Moito menos aínda que este empresario da emigración teña tras do seu nome a sospeita de participar en actividades de pesca supostamente ilegais. Barros, natural da aldea de Vinseiro (A Estrada, Pontevedra), nacido en 1945, casado e pai de un fillo, leva máis de trinta anos na República Oriental do Uruguai, a onde emigrou para traballar primeiro como oficial de barcos de pesca da compañía viguesa Pescanova, logo como capitán deses buques e máis tarde como xerente dunha empresa mixta montada por Pescanova en Uruguai.
Posteriormente converteuse el mesmo nun importante empresario e consignatario de buques de Montevideo e formou parte da propiedade e representación do barco pesqueiro Taruman, que foi arrestado o 6 de setembro do 2005 por pesca ilegal de bacallao cando se atopaba a 1.200 quilómetros ao sur de Hobart, capital de Tasmania, preto da illa Macquarie (Australia).
Aínda que tanto os operadores do barco como o seu capitán e o patrón de pesca eran españois, o Taruman navegaba con bandeira de conveniencia de Camboia e levaba a bordo un total de 31 tripulantes, catorce de nacionalidade chilena e o resto españois, rusos, ucranianos e peruanos, que permaneceron máis dun mes detidos primeiro en Tasmania e logo en Sidney, despois dunha abordaxe levada a cabo por funcionarios autralianos armados dende o buque Oceanic Wiking que atoparon a bordo 130 toneladas de bacallao de profundidade e diversa documentación. Cando foi abordado, o Taruman estaba dentro da Zona Económica Exclusiva de Australia.
Casos como o do Taruman e outros máis graves aínda como o Maya V ou o Amur (que naufragou no Océano Austral despois de pescar bacallao ilegalmente na Zona Económica Especial francesa das illas Kerguelen, causando a morte de cinco pescadores chilenos) e empresarios pouco escrupulosos como Florindo González Corral, Florindo González Otero, Antonio Vidal, Manuel Antonio Vidal Prego e Xesús Puente, todos eles galegos e propietarios ou dirixentes de empresas como Bajamar, Pesqueras Piñeiro e Armadores Vidal, S.A. (Arvisa), ocasionaron daquela que algunha publicación latinaomericana, como o quincenario chileno Diagonal, denunciaran a existencia de “mafias pesqueiras capitaneadas dende Galicia” dicindo, ademais, que “durante máis de dez anos armaron e desarmaron empresas ‘maletín’ con nomes como Pecsa Cisne en Chile, Navalmar en Uruguay, Pac Fish en Panamá, Ocean King en Estados Unidos, Thalasa en Islas Mauricio e outras ducias de compañías que nacen e morren sen deixar rastro para as investigacións xudiciais”.
Organizacións sindicais chilenas calculan que hai preto de 2.000 tripulantes chilenos embarcados neste tipo de barcos, e unha proba disto foi precisamente o pesqueiro relacionado co novo delegado da Xunta en Uruguai, o Taruman, que levaba a bordo catorce traballadores de Chile cando foi apresado en Australia. O caso deu motivo para que o nome do agora delegado autonómico en Montevideo, Manuel Barros Rivadulla, pasase a figurar na International Blacklist, unha base de datos na que figuran barcos e compañías que se viron comprometidos en activdades de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Manuel Barros figura nesa lista como propietario da empresa armadora do Taruman, que antes de chamarse así levou os nomes de Polar Saattuaq e Polar Princess e, antes de ser abandeirado en Camboia, levou bandeiras de Panamá e de Groenlandia.

viernes, julio 17, 2009

Ganditolandia do Medio

Imaxine o lector que o goberno que presidiu Emilio Pérez Touriño fixese unha enquisa preguntándolle aos pais dos alumnos en que idioma queren que reciban o ensino os seus fillos, e pasasen logo semanas e semanas sen que a Consellería de Educación dese a coñecer os resultados. O PP de Feijóo, daquela na oposición, estaría botando lume pola boca, fume polas orellas e raios e centellas polos ollos, e o espelido Ruíz Rivas non pararía de preguntar que clase de amaño estaría facendo a daquela conselleira Laura Sánchez Piñón.
Instalados en San Caetano e no pazo de Raxoi –a Feijóo, coma Fraga, non lle abonda cun só despacho–, un mexeriqueiro conselleiro de Educación que se chama Xesús Vázquez –como o presentador de televisión– leva a cabo esa singular consulta, sen as máis mínimas garantías de control da enquisa, garda logo os resultados nalgún caixón do seu departamento e limítase a dicir que facer o cómputo está resultando máis complicado do que se previu inicialmente. Ou sexa, que parece o escrutinio electoral dunha república bananeira das que xa, por sorte, case non existen.
Pois non será por falta de cadro de persoal, porque hoxe mesmo La Voz de Galicia dá conta de que Educación xa supera o cento de asesores, a maioría elixidos a dedo, que nalgún caso nen sequera teñen a “cualificación acaída”, segundo denuncia o Movemento pola Igualdade no Emprego Público, que sitúa entre estes asesores a “docentes que cansos de traballar nas aulas deciden cambiar de aires por unha temporada, unha modalidade especial de excedencia voluntaria pero pagada”.
Se os modos e os tempos desta famosa enquisa correspondesen a unha consulta electoral de Ganditolandia de Arriba, medios de comunicación e políticos de Ganditolandia de Abaixo –no caso de que esta fose libre e democrática– estarían sospeitando do cocido que se estaría facendo en Lalín coas respostas dos consultados. Aquí, que ven sendo Ganditolandia do Medio, o caso vai camiño de converterse simplemente nunha máis das chocalladas que se lle ocorreu a Feijóo poñer en marcha para inaugurar o seu mandato. ¿Ou equivócome moito?

jueves, julio 16, 2009

A "rentrée" de Quintana

Pois debe ser verdade que volve Anxo Quintana. A unha recente entrevista con el, publicada en Xornal de Galicia, sucédea outra que aparece hoxe nas páxinas de El Correo Gallego, asinada por Xaime Leiro. Nela manifesta o ex líder do nacionalismo galego que se sente “moi ilusionado para traballar ao servizo de Galicia e do BNG”.
Estaba claro que Quintana nunca tivo a itención de abandonar definitivamente a política activa. A estas alturas da súa vida, o ex alcalde de Allariz e ex vicepresidente da Xunta –no seu caso, eu estaría máis satisfeito polo primeiro rol que polo segundo– xa non sabe ser máis ca un político profesional. Superados, pois, parte dos problemas de saúde que padeceu ultimamente e os atafegos que se derivaron para el da derrota electoral do 1 de marzo, Quintana está disposto a seguir facendo o que máis lle gusta: política. Non todos os traballadores teñen esa sorte de facer o que máis lles gusta. Hai que felicitalo, polo tanto.
Dito isto, a min ocórrenseme algunhas reflexións sobre a súa volta. A primeira é que boto de menos, en todo o contido das súas últimas manifestacións, a máis leve mostra de autocrítica porque non se pode tomar por tal que se limite a dicir que “cometemos o erro político de non saber interpretar a realidade do país e non darlle á crise a dimensión real para o cambio na apreciación dos electores” cando, só unha columna máis atrás, sostén que “despois de tres anos e medio o capital político do nacionalismo queda multiplicado por cen”. Xa será en ilusións porque, o que é en votos, o que ficou é baldado.
Tamén di que lle queda o desgusto de “non poder culminar un labor que estaba sendo moi positivo para Galicia e moi positivo para nacionalismo”, advertencia que non casa nin de lonxe co resultado das últimas eleccións e que fai pensar que Anxo Quintana non foi quen de aprender case nada das últimas experiencias políticas rexistradas en Galicia, porque reducir a explicación do fracaso electoral nacionalista a que se debe "a algunhos erros políticos nosos e tamén a acertos dos nosos adversarios, aínda que ises acertos foran executados con algunhas mañas pouco recomendables”, non é máis ca unha preguizosa maneira de voar enriba das cousas sen pousar nunca nelas, algo que non fan as bolboretas aínda que gocen de vidas moi cortas.
Xa que logo, non me sorprende en absoluto o desexo de voltar que mostra Anxo Quintana, un político ao que se lle meteu na cabeza que pode ser o Felipe González da “transición” galega que agora está a facerse. O que me sorprende enormemente é que poda pensar que a súa volta é posíbel coa bagaxe política que está mostrando. A xulgar polo que está a dicir nas entrevistas da súa rentrée, non hai nada novo na súa mensaxe. Nin sequera nas formas coas que se expresa, que son outra vez as dun pragmatismo de baixo nivel que é de supoñer que non vaian despertar grandes entusiasmos –nin sequera pequenos– arredor da súa figura.
Está claro que o BNG segue orfo de líderes que podan erguelo do lameiro ao que foi arrastrado polo fracaso do bipartito. En realidade, carece deses líderes a xeito dende que a formación nacionalista botou pola borda a experiencia acumulada polo histórico Xosé Manuel Beiras. Agora, ou Quintana carga unhas pilas que de momento non usou, ou é probábel que non teña diante de si mesmo un percorrido político moi importante. Se cadra, ha ter ocasión de pensar nisto no laboratorio de ideas que vai montar dirixindo o Instituto Galego de Estudios Europeos e Autonómicos.

miércoles, julio 15, 2009

Será Molina o seguinte alcalde da Coruña?

César Antonio Molina pode ser o que encabece a candidatura do PSdeG-PSOE ao goberno local da Coruña nas próximas eleccións municipais. Segundo fontes consultadas por Croques, o ex ministro de Cultura e un dos mellores poetas galegos deste momento, está sendo animado por determinados poderes fácticos coruñeses a que se decida a suceder a Xavier Losada no despacho principal do pazo consistorial da praza de María Pita.
Un dos seus padriños nesta iniciativa está sendo o ex alcalde coruñés e actual embaixador de España na Santa Sede, Francisco Vázquez, con quen xa se encontrou varias veces Molina no Palazzo di Spagna da praza de España de Roma. O escritor coruñés, que ademais de ministro tamén foi director xeral do Instituto Cervantes, contaría igualmente co apoio do editor do xornal máis influínte de Galicia e, dende logo, da Coruña, Santiago Rey, co que Molina mantén moi boa relación e con quen acostuma ter frecuentes encontros. O propietario de La Voz de Galicia, sempre amigo de influír na política galega sen participar directamente nela, xa lle tería prometido ao ex ministro o seu decidido apoio para que puidese chegar á alcaldía coruñesa mesmo sen que precisase do concurso dos nacionalistas do BNG, polos que Rey non oculta case nunca o seu radical desentendemento.
Claro que, de aquí ás eleccións municipais, aínda falta un cacho e a aparición dun neovazquismo coruñesista pode atoparse con varios atrancos.

martes, julio 14, 2009

Armas que quitan os ollos ou paran o corazón



Segundo publica Le Monde, o pasado día 8, arredor de trinta persoas xuntáronse nunha rúa peatonal de Montreuil para facer unha cea festiva como acto de protesta contra o peche dun local cultural e o desaloxo dos seus ocupantes. A Policía disparou con Flash-Ball, armas consideradas de baixa letalidade, e feriu a cinco persoas. Unha delas, Joachim Gatti, realizador-camarógrafo, neto do escritor Armand Gatti, foi alcanzado nun ollo. Segundo o seu pai, o documentalista Stéphane Gatti, “perdeu un ollo debido á brutalidade policial”.
O caso motivou que Le Monde publicase un editorial moi contundente sobre este tipo de armas, que aínda non usan a Policía española nin a Garda Civil. A Flash-Ball foi desenvolvida polo fabricante francés Verney-Carron e está disponíbel en dúas versións. A Super-Pro, de canóns apilados verticalmente, fabricada en aleación metálica, que é a que usa a Policía francesa. E a versión Compact, de canóns en doble fila horizontal, fabricada con materiais compactos lixeiros e que ata se anuncia por Internet e se vende nas armarías francesas. Ámbalas dúas poden utilizar distintos tipos de munición, pero a máis frecuente é unha pelota de goma de 44 milímetros que ten un poder semellante ao dun revólver calibre 38, aínda que é pouco probábel que penetre no corpo dunha persoa vestida, debido á súa menor enerxía cinética por centímetro cadrado. Porén, son armas con rangos de ata sete metros que acostuman causar graves lesións cando alcanzan os ollos.
De feito, en Francia, o país que máis as usa e onde foron autorizadas cando Nicolas Sarkozy era ministro de Interior, xa deixaron cegas a varias persoas, case sempre mozos. En xullo de 2005, un dolescente de 14 anos perdeu un ollo en Mureaux. Pasoulle o mesmo a outro mozo de 16 anos, no ano 2006, en Clichy-sous-Bois. Un rapaz máis, de 17 anos, tamén perdeu un ollo, en novembro de 2007, en Nantes. Neste mesmo ano, pasoulles o mesmo a un mozo de 25 anos en Toulouse e a outro de Neully-sur-Marne. Como di Le Monde no seu editorial de onte, “a Flash-Ball non mata: mutila de por vida. Balanzo: seis vidas quebrantadas e que nunca lles debeu pasar tal cousa”.
En realidade non é só a Flash-Ball a nova arma que preocupa. Está tamén a Taser, unha pistola que ten un aspecto parecido a unha arma de fogo convencional e que proxecta dous pequenos dardos que penetran na roupa arredor de dous centímetros arrastrando algúns fíos polos que se transmite unha descarga eléctrica procedente dunha pila que vai gardada na empuñadura da pistola e que ten características moi parecidas a dunha cámara de fotos profesional. A descarga é dunha intensidade de 1,5 xulios e dura arredor de cinco segundos, prorrogábeis todas as veces que queira o que usa a Taser. Provoca unha sobrestimulación muscular que ocasiona agarrotamento e desequilibrio, de maneira que a persoa alcanzada polo disparo non pode moverse nen reaccionar. Fica, polo tanto, inmediatamente paralizada. O malo é que tamén pode causar a morte cando o alcanzado é unha persoa que padece do corazón, por exemplo.
Ata agora, o Ministerio de Interior español veu rechazando facer uso deste tipo de armas que algúns supostos expertos consideran indispensábeis para modular o uso da forza policial entre as súas propias mans e unha arma letal. A Flash-Ball empezouse a experimentar en Francia no 1995 como arma de “pacificación”. Sarkozy, daquela ministro de Interior, presentouna como algo capaz de “impresionar”. O malo é que de impresionar pasou a quitar ollos e xa deixo cegas a seis persoas, polo menos.

lunes, julio 13, 2009

Malos tempos para o xornalismo

Para a lírica quizais non corren malos tempos en Galicia, pero o que é para o xornalismo están a piques de seren pésimos. Redaccións cheas de mileuristas, becarios que fan traballos que antes se encargaban a encalecidos mestres do oficio, e, o qué aínda é máis preocupante, despidos e máis despidos cando se tercia.
Cando eu era un rapazote case ninguén quería ser xornalista. Era cousa de mortos de fame que tiñan que poñer nos papeis o que lles mandaba o franquismo. Despois a profesión prestixiouse e, no tardofranquismo, a transición e a primeira democracia, os xornalistas fomos respectados, ben pagos e mellor mirados. Daquela falábase do “Parlamento de papel”, e era certo: nos xornais era onde ardía a leña da lareira democrática.
Agora volvemos a ser o que fomos hai medio século ¿De quen é a culpa? De todos, incluídos os xornalistas.

sábado, julio 11, 2009

Nova e vella literatura

Tucho Calvo e Carmela González Bóo, responsá-
beis de Biblos Club de Lectores, e Xavier Goyanes Vilar, presidente de Pazos de Galicia, xuntáronos onte na casa Grande do Bachao, a 9 quilómetros de Santiago, a un cento de persoas galegas que seguimos pensando que o galego é un idioma que merece polo menos as mil primaveras que lle auguraba Cunqueiro. Tratábase de dar a coñecer o gañador da quinta edición do premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou no transcurso dunha cea e que resultou ser un xornalista arzuano ben mozo aínda –naceu en 1985–, Pablo García Martínez (na foto), polo seu proxecto de novela Relato dun estalido xordo que redactará definitivamente contando coa titoría de Manuel Rivas e que se publicará, en galego e castelán, cara a fin de ano.
A xove promesa da literatura galega sorprendeunos a todos coa súa precisión de palabra e o seu radical compromiso co idimoma galego cando se dirixu a nós falando con total decisión e claridade de ideas. Pablo García estudiou na Universidade do País Vasco e nas de Santiago e Coimbra, e, dende xullo de 2008, traballa na redacción do xornal electrónico Vieiros. Como premio recibiu unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil e a estancia no mes de outubro na Casa Grande do Bachao, onde vai ultimar a súa novela baixo a tutela do escritor Manuel Rivas. Con el foi finalista Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre (A Coruña). As catro edicións anteriores deste premio foron gañadas por Iria López Teijeiro, tutelada por Xosé Luís Méndez Ferrín, e autora da novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo de titor da súa obra Dor pantasma a Darío Xohán Cabana; Patricia Casas, axudada por Helena Janeiro na súa novela Teselas de cidade; e Berta Dávila, que foi guiada por Agustín Fernández Paz para rematar a súa obra Bailarei sobre a túa tumba.
O xurado considerou que o proxecto de Pablo García é potencialmente moi interesante e que o texto inicial anuncia unha novela que pode reflectir o mundo dos adolescentes nunha pequena vila do interior de Galicia. Un lugar que podería ser a Arzúa natal do autor. A acción proxectada desenvólvese dentro da cultura pop e o grupo de protagonistas son mozas e mozos sumidos na transformación da adolescencia. A trama novelística válese, como fio condutor, dunha noite de troula na que se debuxan as múltiples miserias que acompañan esa idade, chea de inseguridades que os protagonistas partillan unhas veces falando e outras sen conseguir facelo. Segundo o xurado, os pensamentos que secundan cada un dos seus inseguros xestos ansiosos de aprobación dan forma a un mundo propio e singular. Podemos estar diante do descubrimento dunha nova figura no panorama das promesas literarias galegas.
Foi unha noite singular e de irmandade arredor do idioma galego, na que salientou tamén a magnífica interpretación que fixeron de varias pezas musicais os compoñentes do Cuarteto de Clarinetes Xerión, e na que estiveron presentes escritores como Alfredo Conde e Xosé Carlos Caneiro, músicos como Carlos Núñez, profesores da Universidade, algún académico, etc.
Na noite anterior e na casa da Cultura de Neda (A Coruña), a literatura tamén foi protagonista. Os nedenses, nedeses ou como se diga –todo menos nedeiros–, fixeron fillos predilectos do Concello a Fernando Esquío, o gran poeta medieval, autor do inigualábel "¿Qué me queres amor?", entre outras exelentes cantigas, e a Román Vázquez Sandes, prestixioso xurista ex valedor do Pobo. Por aquela beira da ría de Ferrol ainda resoan hoxe as voces de Vicente Araguas e dos alumnos do IES Fernando Esquío recitando aquelas fermosuras de "Amor, a ti me venh’ora queixar”, “A un frade dizen escaralhado”, “A vos, dona abadessa” e “Vaiamos irmana, vaiamos dormir”. En Neda tamén estivo presente a música, con interpretacións de varias pezas de Ástor Piazzola e Leo Ferré, por exemplo.

viernes, julio 10, 2009

A crise chega aos medios de comunicación galegos

A crise económica tamén peta nas portas das empresas de comunicación afincadas en Galicia. Hai dous días, Faro de Vigo despedeiu con malos modos a sete traballadoras, entre elas, unha delegada sindical e unha recepcionista con 48 anos de permamencia no posto de traballo. A delegada sindical negouse a abandonar o posto debido a que non se lle abriu o expediente previo que estabrece a regulamentación vixente. A outra despedida de recepción estaba negociando unha saída da empresa que incluíse a súa prexubilación.
Segundo informa no seu blog un xornalista que traballou en Faro (www.mcshuibhne.com), cinco das sete despedidas denunciaron a empresa hai un ano por supostas “situacións de irregularidade que finalmente se solventaron”. Este xornalista fala dunha “decadencia interna” do xornal de Prensa Ibérica “acelerada dende febreiro de 2006 co relevo nos altos mandos do xornal”. Daquela o xerente Fernando Fernández Núñez foi substituído por Xaime Abella Fernández e o director Pedro Pablo Ayuso por Xoán Carlos Dasilva, e pouco máis tarde, ao xubilarse o director xeral Ceferino de Blas, foi remprazado por Isidoro Nicieza.
Outro medio de comunicación no que tamén hai problemas é o no xornal electrónico Vieiros, que pasa por unha difícil crise económica que está obrigando ao seu editor, Lois Rodriguez, a reestruturar o cadro de persoal.
Polas noticias que me chegan, no próximo outono vanse producir varias remodelacións nas estruturas directivas e nos cadros de persoal de máis medios de comunicación galegos. A crise económica é como o gripe, remata metendo na cama a quen se lle pon diante.

jueves, julio 09, 2009

Escándalo en Lugo

Menuda lea armada en Lugo a respecto do que está a pasar coa Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, fundada no seu día polo daquela presidente da Deputación Provincial Francisco Cacharro Pardo. Durante os últimos días, tanto en La Voz de Galicia como no xornal lugués El Progreso, veu aparecendo información detallada sobre un asunto que parece tirado directamente da Italia berlusconiana.
Viaxes a Tanzania e Namibia por importe de 20.000 euros, un coche de alta gama desaparecido, multas de tráfico impagadas por valor de 1.490 euros, reparación dun coche particular que custou 2.206 euros e pagou a Fundación, venda de madeira por valor de 725.000 euros en 50 das 200 hectáreas de terreo que compoñen a finca de San Xoán de Tor, danos causados nos camiños por importe de 288.000 euros, prácticas furtivas de caza, abandono ata a inanición e a morte de varios dos animais residentes na finca, débedas sen pagar, etc.
A dirección xeral desta Fundación foi exercida por Francisco García-Bobadilla Prosper (na foto con Cacharro), que desempeñou altos cargos en distintos gobernos de Manuel Fraga (secretario xeral de Turismo, director xeral de Conservación da Natureza, director xeral de Comercio) e tamén foi presidente de Paradores de Turismo de España e do Consello Regulador de Orujo de Galicia.
O que máis me chama a atención é a presencia nesta Fundación do prestixioso biólogo Xavier Castroviejo, un dos mellores coñecedores da fauna ibérica. Precisamente foi el quen acompañou a Cacharro Pardo e a García-Bobadilla na viaxe que fixeron a varios países de África.
A Deputación de Lugo, dende que stá presidida polo socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, investigou a fondo este asunto, que vai rematar nas mans da Fiscalía por se puideren recaer resposabilidades sobre alagúns dirixentes da Fundación. Todo o contrario do que está facendo a Xunta de Galicia, que nin sequera respondeu á comunicación oficial do caso que lle foi transmitida pola Deputación de Lugo.
Como exemplo curioso, pódese contar que a Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia gastou, no ano 2007, 30.000 euros en alugarlle por dez anos ao propio secretario da entidade, Carlos Rodríguez de Valcácel y de Ribed, conde de Rodríguez de Valcárcel, vello amigo de Bobadilla, co que veranea dende hai moitos anos en Bueu (Pontevedra), a súa colección privada de caza que a penas consiste nun puñado de inconsistencias que comprenden algunha cana de bambú de pescar salmón, outras de troita, unha ballesta de madeira do século XVII e unha caveira consignada como de lobo, pero que hai quen pensa que é a dun can.

miércoles, julio 08, 2009

O PP está polo galego... no Bierzo

Resulta algo curioso e ata chocante que a mesma Consellería de Educación –na que está incluída a Secretaría Xeral de Política Lingüística– ande acometendo a maior arremetida contra o idioma galego dende os tempos de Franco, e, ao mesmo tempo, estea levando a cabo unha política que, se o PP estivese na oposición, os de Núñez Feijóo non tardarían nin un minuto en calificar de interferencia nos asuntos internos de outros gobernos autónomos.
Esta mañá, o conselleiro Xesús Vázquez e o titular de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuníronse en Santiago –eso si, nun despacho de segunda– coa directiva da Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta”, unha organización nacida no ano 2005 para promover a presenza da lingua galega na zona galegófona da comarca leonesa do Bierzo.
Segundo a nota oficial emitida pola Consellería, os gobernantes galegos tomaron “en consideración as propostas de Xarmenta para o vindeiro curso” e tamén analizaron cos visitantes “a situación actual do galego no Bierzo e a posibilidade de continuar coa liña de colaboración establecida ata o de agora co goberno da Xunta de Galicia”.
Non está mal que o equipo de Vázquez admita que algo se fixo ben nos gobernos anteriores, incluído o de Fraga, que foi quen introduciu un programa de ensino do galego nos centros bercianos xa no curso 2001-2002. Logo dunha preocupante etapa de botar abaixo todo o que se foi facendo a favor do idioma de Galicia, anunciar unha certa continuidade neste tema resulta tranquilizante. Mesmo ata pode que aprendan algo aplicábel á propia Galicia administrativa xa que Xarmenta, segundo informa a mesma Consellería, “conta con docentes de galego, castelán, filosofía ou matemáticas, tanto desta comarca leonesa como de Valdeorras”.
Vese que no Bierzo aínda non sentou praza Gloria Lago, pero Vázquez e Lorenzo deberían andar con coidado. Non vaia ser que tamén acuda en defensa dos castelán-falantes bercianos o eurodeputadísimo Marcelino Oreja.

Será Souto un mago das finanzas?

Miguel Ánxel Souto (na foto del que hoxe publica Xornal) xa é oficialmente conselleiro-delegado e xerente da empresa editora de Xornal de Galicia. Relevou a Xavier Martínez Cobas, que regresa á Universidade de Vigo. Xosé Luís Gómez continúa no seu posto de director do periódico, pero nunha posición menos favorábel ca que veu mantendo ata agora. O xerente substituído era amigo seu e mantiña con el relacións moi estreitas. Pola contra, todo indica que Souto é un home que foi catapultado por determinados altos directivos do Grupo San José para reordenar a difícil situación económica pola que atravesa o xornal co que o empresario da construcción Jacinto Rey cortexou co grupo nacionalista de Anxo Quintana mentres que o BNG estivo na Xunta.
Concretamente, a Miguel Anxo Souto levouno ao cargo que agora ocupa o seu cuñado Santiago Martínez Carballal, un dos responsábeis máximos das contas do Grupo San José que preside algunhas das empresas que foi creando ou comprando Jacinto Rey, entre elas, Constructora San José Argentina, S.A. Segundo determinadas fontes, a Souto puxéronlle enriba da mesa un borrador de contrato co espazo da cifra salarial en branco para que a marcase el, xenerosidade que tampouco se entende moi ben tendo en conta que o contratado non figuraba nas listas de supostos grandes expertos na dirección fnanceiro-empresarial. A experiencia de Souto, ata agora, limitouse a responsabilizarse da delegación de La Voz de Galicia en Ferrol, e a súa formación académica non é precisamente a económica, aínda que levou a cabo un master Executive MBA na Escola de Negocios de Caixanova.
Para asistir a este master, durante case dous anos, La Voz de Galicia deulle permiso para faltar ao traballo dous días á semana e na delegación de Ferrol era moi coñecida a liberdade horaria e diaria coa que Miguel Ánxel Souto desenvolvía o seu traballo. Na cidade departamental, na que traballaba dende o ano 2002, tamén era sabido o seu aparente apego incondicional á empresa que representaba e igualmente por algunha das súas manías persoais. Un escritor galeguista moi coñecido foi vítima deste comportamento e a penas logrou que aparecese agunha vez o seu nome no xornal de Santiago Rey. Souto encargábase sempre de atopar algunha maneira de ocultar calquera actividade súa.
A súa intempestiva marcha de La Voz de Galicia (case da noite para a mañá) acendeu algunhas alertas no xornal coruñés, no que foron moitos os que empezaron a abrir interrogantes ¿Quen levou a Souto a Xornal de Galicia? ¿Por qué o levaron? ¿Tiñamos entre nós un mago das finanzas en non nos decatáramos? ¿Fichárano para saber cousas de La Voz de Galicia? ¿Ata onde sabe algo que pode beneficiar a competencia? ¿Xa era antes un espía, dadas as relacións familiares que mantén co núcleo directivo de San José?
Todo isto hai que enmarcalo nas pésimas relacións que manteñen Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia, e Jacinto Rey, editor de Xornal. O patrón de San José é case seguro que daría un ollo da cara por meterlle algún gol a Santiago Rey, e este último tampouco se quedaría corto lanzando a pelota contra o tellado do editor de Xornal. Non é decartábel, polo tanto, que algunha freudiana razón participase no asunto.
Por outra parte, a chegada de Souto a Xornal tamén se pode interpretar como un movemento empresarial cara a un posíbel aggiornamento cos novos poderes estabrecidos na Xunta coa chegada do PP de Alberto Núñez Feijóo. Miguel Ánxel Souto, que sempre tivo un mal entendemento co nacionalismo galego e que mantivo boas relacións co Opus Dei, por exemplo, podería ser agora o xestor que tentase abrir pontes coa dereita galega. O que falta por saber é cal sería, a partir deste momento, o papel de Xosé Luís Gómez, que aínda sendo o director do periódico, non soubo da chegada de Souto ata que xa era inminente e estaba todo cociñado.

lunes, julio 06, 2009

Miguel Ángel Souto, La Voz e Xornal de Galicia


“Miguel Ángel Souto, delegado de la Voz de Galicia en Ferrol desde el año 2002, abandonó ayer sus responsabilidades al frente de la edición de la ciudad departamental. El periodista solicitó poner fin a su relación lavoral con La Voz”. Así despachaba, o pasado 1 de xullo, o xornal de Santiago Rey a saída voluntaria do responsábel dunha das súas delegación máis importantes.
¿Qué paosu? Dous días antes, o xornalista que deixou La Voz presentouse na central da Coruña dicindo que quería librarse das súas obrigacións contractuais coa empresa na que traballaba dende había máis de dez anos. “¿Cando te queres ir?”, preguntáronlle. “Mañá mesmo”, respondeu el. “Sabes que tes un prazo de preaviso”, retrucáronlle. “Éme igual, quérome ir xa”, insistiu. ¿Non marcharás a outra empresa xornalística?”, indagaron aínda. “Si, pero non podo dicir cal é porque me pediron que non dixese nada”, contestou el.
Nos dous días que pasaron antes da súa marcha definitiva, rematou confesando que se ía para ocupar o cargo de director xerente en Xornal de Galicia, directamente fichado polo propietario do periódico, Jacinto Rey, do que tamén dixo que lle anunciou que, se por casualidade Xornal de Galicia non tira para diante, que non se preocupase pois sempre podería ter continuidade laboral en calquera das empresas do Grupo San José.
De Jacinto Rey tamén dixo Miguel Ángel Souto que, coa súa fichaxe, andaba buscando un “espía con despacho” que o manteña ao tanto do que vaia ocorrendo en Xornal, incluído todo o que respecta á actual dirección do periódico.
Por outra parte, dase a circunstancia de que Miguel Ángel Souto está casado con Ana Enma Martínez Carballal (foto da voda arriba), filla do empresario pontevedrés Luciano Martínez, propietario do Talaso Hotel Louxo da Toxa e de outros estabrecementos hosteleiros, entre os que figura o Hotel Palace Galicia de Pontevedra, no que comparte propiedade co Grupo San José. Luciano Martínez empezou tendo un clásico da hostelería viguesa que foi o Hotel Galicia. Precisamente no hotel do que é propietario na Toxa, o Louxo, tivo lugar hai dous anos unha polémica relacionada co idioma galego ao descubrirse que había unha norma interna de persoal na que se impoñía “mantener posturas correctas delante del público, no hablar de temas personales con los compañeros y no hablar galego” (foto de abaixo). Luciano Martínez mantén relación persoal e de negocios co presidente de San José.
Pola súa parte, Miguel Ángel Souto é un xornalista que estivo ligado durante algún tempo ao Opus Dei e que gozou da confianza da alta dirección de La Voz de Galicia, xornal que causou unha gra sorpresa e enorme malestar a súa marcha á un periódico da competencia e no que este asunto está a piques de desencadear unha reestruturación xornalística.
Segundo información de última hora, o caso está tamén a piques de producir movementos internos en Xornal de Galicia.O que non se sabe aínda é que está tratando de reorganizar Jacinto Rey neste periódico. Miguel Ángel Souto non é precisamente un galeguista e moito menos aínda nacionalista, polo que de aterrar na alta dirección de Xornal podían abrirse incógnitas sobre a futura orientación da publicación de Jacinto Rey ¿Estará virando Xornal de Galicia cara a dereita que gañou as eleccións do 1 de marzo e reemprazou o bipartito? Nos próximos días hase saber.

viernes, julio 03, 2009

Espionaxe de despacho

Un empresario galego do cemento, que está emerxendo no mundo da comunicación, botouse de repente ao monte. Saiu cazar en couto alleo. Ansioso de competir cos grandes do mercado actual, abateu peza disparando contra un xornal que vende arredor de cincuenta veces máis exemprares ca cabeceira que el edita.
É de supoñer que a golpe de talonario, fichou un responsábel local desa publicación para incorporalo á súa empresa editora con cargo de director xerente. Segundo sabe Croques, a operación deste novo Citizen Kane galego vai con segundas, terceiras e ata pode que cuartas e quintas. Pretende rendabilizar a fichaxe exprimindo todo o que poda saber a peza cazada sobre a empresa que acaba de deixar e na que o fichado tivo acceso a algunha información sensíbel polo feito de que o cargo que desempeñaba permitialle asistir a unha parte dos consellos e coñecer a estratexia informativa e publicitaria do medio do que se despediu tan precipitadamente que nin sequera quixo cumprir o prazo de preaviso.
Segundo fontes solventes coñecedoras do asunto, o editor contratante tamén actuou movido polo seu desexo de controlar e, se cadra, reorientar a dirección do seu xornal, que de momento non destaca precisamente polo éxito de vendas nin pola abondancia de publicidade. Parece ser que a súa intención é a de contar cun “espía con despacho” no que despositar unha confianza que quizais xa perdeu respecto a algún dos seus actuais executivos.
A manobra deixou inmenso mal sabor de boca no medio de procedencia do mudante, cuxo responsábel máximo montou en auténtica cólera e non sería raro que o asunto desencadee consecuencias no futuro inmediato. O que está claro é que o caso vai dar sen dúbida que falar e xa está voando moito a palabra “traizón”. Volvemos sobre este affaire.

jueves, julio 02, 2009

Baltasar Porcel

Onte finou en Barcelona Baltasar Porcel. Xornalista, narrador, ensaísta, articulista, intelectual… Abarcaba todas as ramas do pensamento, como ben sinala hoxe EL País, que tamén di del que foi bilingüe de obra e de palabra e que abrazou o nacionalismo sen estridencias.
Hai moitos anos, nos primeiros días de marzo de 1970, fíxenlle unha longa entrevista que foi publicada pola revista Chan no seu número 24, correspondente a primeira quincena de de marzo de 1970. Porcel acudira a Madrid para dar unha sonada conferencia no Club Pueblo, que dirixía Emilio Romero, e alí estivo a piques de armar a marimorena. Un home con moita calva e poucas ideas na cabeza, de aspecto “tan funcional como funcionario”, segundo me contou o propio Porcel, non parou de facerlle acenos xirando un dos seus dedos apoiado na testa e unha señora “barrio de Salamanca” insistiu en preguntarlle por que non escribía en castelán. Baltasar díxome daquela que “estas cousas dos que exercen a súa ignorancia son moi divertidas”.
Na entrevista falamos tamén da cultura galega. “Non sei moito dela –respondeume–. Coido que ten un grave problema. É o da lingua, unha lingua rural, de campesinado pobre. Resulta, logo, que nas cidades a xente da burguesía alta e media e todo iso fala castelán e non galego, o que, xunto a unha non excesiva tradición cultural escrita, reduce a vosa lingua a uns límites moi precarios. Todo isto, engadido a unha presión histórico-soiolóxica-política que non fixo máis que acentuar o antedito. A falta de escolas, de medios de difusión en xeral, confinaron o galego. Por outra banda, creo que os galegos facedes un plantexamento lingüístico non de todo útil. Eu aínda non comprendín, por exemplo, como non hai un acercamento da cultura galega coa portuguesa e a brasileira. Coido que o galego –ou o portugués, o brasileiro ou o que sexa, porque non quero agora intervir en cuestións internas dos distintos dialectos da fala galego-portuguesa– debe adaptarse a unha unificación ortográfica para evitar no posíbel esa tendencia de ir un pouco ao socairo da gramática castelá, con formas mesmo castelás, mentres que o portugués e o brasileiro seguiron a súa propia meta. O futuro da lingua galega está nos galego-falantes e nos portugueses-brasileiros-falantes e non nun bastión ortográfico do Noroeste da peninsula”.
Cando daquela lle preguntei sobre o papel da burguesía na normalización do uso do idioma catalán, Porcel respondeume o seguinte: “Esta burguesía cumpriu unha misión histórica. A Mancomunidade de Prat de la Riba, a primeirra Lliga Regionalista, todo iso está moi ben e cumpre unha misión, pero despois da guerra, cando se suscitan os grandes problemas obreiristas en Cataluña e en España e cando o problema do Estado español entra en crise –unha crise aguda que comenza coa ditadura de Primo de Rivera–, esta burguesía xa queda desfasada e, fronte aos problemas obreiros, non se lle ocorre máis que pedir protección á forza pública e facer lock-out. A burguesía catalá é unha burguesía débil que só sabe facer calzóns e camisetas e puñetas desas. Durante moito tempo viviu da sopa boba, coas fronteiras pechadas para que non puidese entrar nada. Cunha maquinaria atrasada e infecta ía producindo porque tiña aquí un mercado que consumía todo canto facía pois eles eran os amos. No canto de reformar as súas fábricas e adaptalas ás modernas necesidades industriais, foron meténdo os cartos no peto e comprando diamantes e cadros, pagando audicións de sardanas ou regalando lámpadas votivas á Virxe de Montserrat. E agora atópanse con que as súas industrias non poden sufrir unha competencia europea ¿Qué farían diante dun caso crítico? Xa podes supoñelo, aliarse outra vez con quen lles garantise, sen importar como, ningún problema laboral e unha protección aduaneira”.
Daquela, Porcel tiña unha idea clara acerca da sempre polémica unificación lingüística ou da súa diversidade: “Iso son puras mandangas. En Mallorca ou en Valencia tamén existe esa idea. Cataluña xa a ten superada. O escritor novo galego debe asumir este problema e escribir un galego literario, unitario, sen caer en dialectalismos que, ao longo do tempo, non farían máis ca facerlle retroceder. Ademais, unha cousa son os problemas ortográficos ou gramaticales e outra, moito máis importante, o xenio da lingua que sempre esta por riba de todo iso. Os dialectalismos son anacrónicos actualmente, resultan decimonómicos. Claro está que ás veces pode parecer que isto leva o escritor a unha máis doada comunicación. Case sempre isto é mentira e, por outra parte, non se deben plantexar os problemas actuais estritamente en termos de éxito ou de fracaso. Debemos fuxir desta carreira medieval de chegar primeiro, deste mundo burgués barato. Coido que debemos xogar a perder política e literariamente, pero tratando de que esa perda signifique sempre unha autocreación nosa. O home debe aspirar a autocrearse continuamente e nós, os das pequenas culturas, temos unha vantaxe fronte ao mundo tecnolóxico. No futuro haberá linguas de tipo usual, funcional (o chinés, o ruso, o inglés; pode que tamén o castelán se isto de Hispanoamérica deixa de ser un niño de víboras). Haberá logo as pequenas língoas que, fronte á tecnificación masiva, teñen o mesmo sentido ca arte, linguaxe da liberdade, da personalidade e da creación. Eu creo que o futuro é noso, nese aspecto. O que non hai é que proporse ao mesmo tempo ter tres casas con dez piscinas e trinta criados. Eu creo moito neste pensamento de tipo contestario e no anarquismo anterior porque é un peixe que morde no rabo e que nunca pode gañar. Isto a mín, asegúrocho, prodúceme unha inmensa satisfacción, saber que non podo gañar. Ser catalanista para min é algo moi importante porque sei que o teño todo perdido. Paréceme importante no aspecto en que todo o que fagas, falo para crearte a ti e para provocar uns cambios e non para o teu beneficio. Que todo isto é a longo prazo, dá igual. Paga máis a pena vivir a utopía que creas cada día que vivir a utopía da vida eterna”.
Como titula hoxe El País en Cataluña, “o Mediterráneo chora a un gran escritor”. Paz e utopía para Baltasar Porcel.

miércoles, julio 01, 2009

Novoneira versus Carvalho Calero

Son dos que apoiei –mediante a miña firma– para que Uxío Novoneira fose a persona-
lidade cultural galega homena-
xeada no próximo Día Das Letras, é dicir, no que lle corresponde ao ano 2010. Estou, polo tanto, conforme co que decidíu a Real Academia Galega para que sexa o poeta do Courel quen reciba esas follas de loureiro. Dito isto, tamén digo o seguinte: mal anda unha cultura que enfronta a Novoneira con Ricardo Carvalho Calero e a Ricardo Carvalho Calero con Novoneira.
Reitero as miñas simpatías persoais. A min Uxío parecíame un tío cabal, simpático, progresista, ilustrado e, sobre todo bo poeta e mellor persoa. A Carvalho trateino moito menos e nunca pasou de parecerme un ser teimudo, algo recalcitrante, aburrido e renqueante nas súas posicións ideolóxico-culturais, incluído o de pasar unha parte da súa vida apelidándose Carballo e outra aportuguesándose en Carvalho. Recoñezo, porén, que o pasei ben lendo a súa Xente da Barreira e aprendín moito consultando a súa Historía da Literatura. Como lle recoñezo –faltaría plus– a súa condición insobornábel de home apegado ás súas ideas e de prócer indiscutíbel do galeguismo de esquerdas.
No canto de Novoneira ¿qué vou dicir eu? O teso cume da sua alma poética, cidadá e revolucionaria xa o dixo todo. Parabéns, polo tanto, aos egrexios académicos que votaron por el. Por unha vez e sen que sirva de precedente, estiveron á altura dos tempos nos que viven e souberon respirar na auga na que vive o peixe da cultura galega. Postos a escoller, eu tamén escollería Uxío Novoneira. O que non sei é por que houbo que someter aos rancios patricios da RAG a unha escolleita tan difícil.
Explícome. Se non me equivoco, a candidatura de Novoneira leva circulando varios anos nos corredores do Día das Letras Galegas. Coido que tamén a de Ricardo Carvalho Calero ¿Por que había que confrontalas? Ámbolos dous son sobranceiramente merescentes da designación. Foi, logo, un erro maiúsculo poñelos a aprobar a mesma oposición.
¿Quen ten a culpa? Para empezar, un BNG que nunca sabe dar o brazo a torcer. E, especialmente, ese conxunto de concelleiras ágrafas de cultura –encabezadas pola miña parente Socorro García Conde– que se empeñaron en ler mal a Ramón J. Sender cando dixo que toda forma de cultura é algunha maneira de política. Esas concelleiras facerían mellor o traballo que lles encomendamos os electores se se ocuparan de adecentar a casa ferrolá na que naceu Carvalho Calero, no Ferrol Vello, que está caendo a cachos, e deixaran para a sociedade galega no seu conxunto o labor de dedicidir quen debe ser cada ano o galego ou a galega merescente do Día das Letras Galegas. E non digo isto para que tome nota Feijóo, agora tan amigo de enquisas pret-à-porter, e decida poñer en marcha un mecanismo de elección de personaxes encargábel a Sondaxe ou a Metra Seis, que xa non sei se segue existindo.
Menos mal que tanto Novoneira coma Carvalho mataríanse de risa e levarían as mans á cabeza se vivisen para ver estas cousas. Facelos competir a eles nun Gran Irmán de pacotilla ¡por Deus, que falta de respecto!