lunes, junio 20, 2011

Por que?


Pois, xa sabes.

viernes, junio 17, 2011

Carrefour e Banco de Santander

Nas últimas 48 horas producíronse dúas noticias que seguramente non están a ser abondo valoradas dende o punto de visto social e político. En Francia, un dos deominados Tribunais de Police –son os que se encargan de xulgar as contravencións de quinta clase–, neste caso o de Evry, condenou a cadea de gran distribución Carrefour a pagar 1.830 multas que suman, en total, 3,66 millóns de euros por non respetarlles o salario mínimo interprofesional a preto de 1.200 dos seus traballadores. A outra ntocia é de España e refírese á investigación xudicial do coñecido banqueiro Emilio Botín e a maior parte da súa familia por un presunto delito fiscal.
No caso francés, unha inspección de traballo estabreceu que Carrefour deixou de pagarlles a cada un dos traballadores afectados entre 4,53 e 45,148 euros cada mes, dependendo das categorías salariais. Agora o tribunal tamén condenou á famosa cadea de distribución e venda, no caso do almacén de Uzès (Gard), a pagarlles entre 10.000 e 15.000 euros a cada unha das federacións sindicais que presentaron as reclamacións, e entre 300 e 1.000 euros a cada un dos dez asalariados que reclamaron de forma independente.
No tocante ao caso do patrón do Banco de Santander, Emilio Botín, a totalidade dos seus fillos, irmáns e sobriños, veremos en que dá a cousa. De momento non parece precisamente exemplar que o clan familiar máis representativo do capitalismo bancario español apareza empapelado entre os que defraudan o fisco.
Calquera das dúas noticias deberían producir polo menos algo de repugnacia social.

miércoles, junio 15, 2011

A fin do mundo

Bugarach é unha aldea do sur de Francia, a 254 quilómetros de Barcelona, na rexión do Languedoc-Rousillon, que non chega a douscentos habitantes. Acaba de tocarlle o premio da atracción turístico-esotérica porque, segundo algunhas prediccións, será o único lugar do mundo que sobrevivirá á apocalipse que vai suceder o 21 de outubro de 2012. Consecuencia, que os que teñen cartos e gañas de rascarlle a barriga á alma xa están comprando casas e reservando prazas para a segunda quincena do Nadal dese ano a prezos que por agora só son catro veces máis caros do normal. En principio sería de supoñer que algúns dos millonarios que de repente se sentiron solidarios do 15M, Rosalía Mera, poño por caso, xa estarán pensando en comprar algun cabanonciño ao pé do monte que leva o nome da aldea e que algúns consideran que é un “garaxe de ovnis”.
O tal lugar, polo visto, é unha cidadela calcárea que pode resistir calquera hecatombe. Agora mesmo xa hai quince casas á venda, ou sexa, que poden aproveitar os dinosaurios que queiran sobrevivir o seu propio diluvio. Todo é cuestión de pagar.
Eu, por se acaso, vou chamar ao alcalde do lugar, Jean-Pierre Delord, pra que me vaia buscando un acoguiño aínda que sexa nalgunha das covas que acolle o seu monte sacro. Total, entre as ondas á que me expón a parafernalia electrónica actual e as magnéticas do pico de Bugarach, maloserá que non me acaian ben os ares  do Aude, que é o país no que está a suceder a última parvada do mundo.

lunes, junio 13, 2011

Ana Liste

Dende algún lugar dos mares do Sur escríbeme Ana Liste para dicirme que viu en Croques “unha cadela que tinha un certo ar contigo”. Ana anda por Mozambique hai xa varios anos, e alégrome saber dela aínda que sexa co gallo de que me morreu a miña amada Mara, a tal cadela que se parecía a min.
E xa me empeza a dar voltas o conto por que non é só Ana Liste quen estabreceu esa semellanza. Remi Parmentier, a última vez que estivo na miña casa, tamén dixo algo semellante, e eu claro que fico encatandísimo. Xa me gustaría ser como era ela. Mara era boa, lista, educada, xenerosa, noble, solidaria... Era unha cadela, pero era máis persoa ca media das persoas que andan pintando algo polo mundo adiante.
A Ana Liste coñecína hai moitos anos, cando empezaba a voar como muller independente, aventureira e incapaz de estar parada maís de vinte minutos. Procedía dalgún faro da costa galega e viña disposta a comer o mundo a cachos. Seguramente moitos dos seus amigos non soubemos entendela todo o ben que ela merecía e ata é probábel que algunha vez lle fixeramos algunha trasnada. O seu corazón é tan grande que nunca no lo tomou a mal. No fondo, Ana tamén se parece a Mara. Ten os ollos grandes, coma os tiña Mara, e olla de fronte ata espir o cerebro do que ten de fronte. Oxalá que lle vaia moi ben polos mares do Sur.

lunes, junio 06, 2011

miércoles, junio 01, 2011

Deus créaos e eles xúntanse

De vez en cando hai que ler El Correo Gallego. Hoxe, por exemplo, para enterarse de que Nupel fichou un alto cargo de Industria do bipartito. Trátase de Xoán Manuel Bazarra, agora xerente da empresa de Xurxo Dorribo en Andorra e anteriormente xefe do gabinete do daquela conselleiro de Industria e dirixente nacionalista Fernando Blanco.
Que casualidade, ademais, que Fernando Blanco fose bastante frecuentador da compañía do empresario lugués agora detido, con visitas á sede da súa empresa no Ceao, participación nalgún dos saraos organizados polo empreario e copartícipe das súas copas noturnas por pubs e bares da cidade amurallada. A min  sempre me pareceu que Blanco, político máis ligado á UPG que a outra cousa, é dicir, teoricamente preto do radicalismo de esquerdas, non era máis ca un desclasado que nunha das súas enésimas vidas lle encataría ser conde das forzas eléctricas do noroeste, por exemplo. Habería que debullar o seu paso polo goberno bipartito, eólicas incluídas, para decatarse de se levo razón ou non no que estou dicindo.
O asunto de Lugo, ou sexa, o caso do empresario Dorribo, está aínda sen coñecerse en todas as súas circunstancias e consecuencias. Empezou sendo unha simple investigación de Vixianza Aduaneira sobre un suposto caso de lavado de diñeiro do narcotráfico e veremos onde vai parar. E, por certo, o lavadoiro de diñeiro negro vixiado ocupa unha instalación comercial de Vilaxoán sobre a que as distintas afministracións galegas (local e autonómica) levan facendo a vista gorda dende hai moitos anos. É outro dos aspectos curiosos do caso Dorribo (Colombia mar polo medio).