jueves, abril 30, 2009

Os atallos de Feijóo

Mal atallo está pillando o presidente da Xunta con iso de lanzar a treboada sobre a polémica lingüística e outros temas dende os púlpitos da Cope e da Antena 3, emisoras que lle son tan afins como lle era o xornal Arrriba a Franco. Por outra parte, se se confirma o que onte publicou Faro de Vigo sobre unha inmediata intervención súa nos centros educativos, encol da elección de idiomas, a que lle pode caer enriba dende aquí ao outono, por parte dos sindicatos, profesionais do ensino e outros sectores da sociedade, pode rematar sendo das que marcan época. Para empezar, xa está aí a data do 17 de maio, día no que haberá manifestación en Santiago para protestar contra a política antigalega do PP en materia lingüística.
Publicou onte Faro de Vigo, e non foi desmentido por ningún voceiro da Xunta, que Núñez Feijóo tomou a decisión de “repoñer os dereitos civís” nas aulas e dar total liberdade aos alumnos para que, agás nas asignaturas de Lingua Galega e Lingua Española, podan dirixirse aos profesores e realizar os exames no idioma que elixan, galego ou o castelán. O presidente fala de repoñer dereitos como se acabásemos de saír dunha ditadura.
O citado xornal engade que o presidente da Xunta xa se dirixiu á Inspección Educativa para que traslade estas novas ordenanzas a todos os centros. Chama a atención que o presidente da Xunta se dirixa directamente á Inspección Educativa para darlle ordes pasando por riba da propia Consellería de Educación que, aínda así, terá que ser o organismo que faga chegar aos centros as medidas anunciadas. O Faro publicou que tal comunicación vaise facer por medio de circulares enviadas “de forma inmediata”, pero a primeiras horas do día de hoxe tales comunicacións non chegaron aínda aos centros que puido consultar Croques.
Segundo a fonte xornalística citada, as novas instruccións darán liberdade para elixir idioma tanto aos profesores coma os alumnos e, aínda que segundo parece na contorna de Feijóo considerase, logo de consultar xuristas indeterminados, que esta medida non implica incumprimento do decreto vixente regulador do ensino, o ambiente que pode crear parece estar lonxe dese conformismo e xa non faltan os que anuncian que Feijóo ou quen tome oficialmente estas medidas incorrirán supostamente en incumprimento da lexislación vixente. A tronada está cerca de escachoar en novos episodios que agudicen aínda máis o desencontro lingüístico que aportou a chegada do goberno de Feijóo á Xunta.
Se a todo isto se engade a orden que lle deu Feijóo á directora xeral da Función Pública para que, nas próximas oposicións que se leven a cabo, os opositores tamén podan elixir entre o galego e o castelán, todo se complica aínda máis. Como ao presidente da Xunta lle pete seguir gobernando por riba dos seus conselleiros e anunciando as medidas a tomar mediante interrogatorios feitos por Jiménez Losantos e Pedro J. Ramírez, ha pasar pouco tempo sen que poda tomar novas medidas para reducir os gastos. Polo de agora xa empezan a sobrarlle outros dous conselleiros, a de Facenda e o de Educación. Se é el quen vai administrarar e non eles as súas competencias, aforraranse polo menos dous Citröen que tamén se poden vender no lote dos Audi.
Xa hai quen fala (Bieito Lobeira dixit) de que o que está a facer Feijóo “conculca directamente a legalidade e atenta contra os dereitos lingüísticos dos administrados”. Algo pode haber de verdade, e seguramente o presidente da Xunta facería ben en ser máis respectuoso coa lexislación vixente. Se non lle gusta, que a cambie. Agora tén maioría lexislativa e pode facelo. Pero, mentres tanto, debería cumprir o Plano de Normalización Lingüística que promoveu e fixo aprobar un goberno galego precisamente presidido por Manuel Fraga Iribarne. Quere pasar Núñez Feijóo á historia como o revisionista do galeguismo de Fraga? Como o político que decide devolver o idioma galego á cladestinidade? Aló el, se ese é o seu gusto.

miércoles, abril 29, 2009

Os Audi de Agustín Hernández

Dificilmente se pode escoitar algo tan inmoral comas declaracións que lle fixo Alberto Núñez Feijóo a Jiménez Losantos na Cope (premer aquí para escoitalas). Falando dos Audi que tanto o obsexionan e que tanto redimento lle deron na súa inexcrupulosa campaña electoral, Pedro J. Ramírez faille pronunciarse sobre o número destes coches que hai na Xunta. “No lo sé, pero calcule usted que unos 25”, responde o presidente galego. “Que afán tenían estos señores!”, retruca Jiménez Losantos referíndose aos do bipartito, e Núñez Feijóo non se tomou a molestia de aclarar que fundamentalmente non foron eles os que compraron este tipo de coches senón os anteriores gobernos de Fraga, nun dos que el foi vicepresidente.
Curiosamente, hoxe podemos ler na edición galega de El País unha interesantísima información que tamén se refire aos Audi da Xunta. Agustín Hernández, agora conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, daquela presidente de Augas de Galicia, comprou tres Audi que custaron 262.000 euros e que se incorporaron ao parque móvil dunha sociedade da Xunta que só tiña cinco traballadores e que se atopaba en perdas. O primeiro destes coches saíu por 53.374 euros e o derradeiro por 133.128. Os tres foron parar á Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, que dependía de Augas de Galicia, daquela presidida por Agustín Hernández.
O Consello de Contas de Galicia fiscalizou esta entidade instrumental durante os anos en que Hernández presidiu Augas de Galicia (dende setembro de 1998 a febreiro de 2002). O primeiro Audi comprado foi un A-8 de 260 cabalos, adquirido a unha entidade bancaria en outubro de 1999 mediante leasing por un prezo de 53.274 euros. No contrato figuraba unha duración de 36 meses, cun interese do 5 por cento e cuota anual de 18.926 euros. Case un ano despois modificouse o contrato respectando as condicións anteriores, pero acordando cambiar ese coche por outro Audi, un S-8 4,2 V8 Quatro trip tronic, que era daquela o coche máis caro da marca alemá e custaba 75.460 euros. A finais do 2001, a mesma empresa de Agustín Hernández asinou unha terceira adquisición coa marca Audi, un A-8 largo 4,2 Quatro trip tronic, outra vez o modelo máis caro, pagando por el 133.128 euros. Respecto a esta compra, o Consello de Contas ditaminou o seguinte: “Mantivéronse o resto das condicións inicialmente pactadas, tanto no que se refire ao tipo de interese como ao vencemento do contrato, o que conlevou a modificación da contía das cotas abonadas, de xeito que non garda a máis mínima proporcionalidade co resto das cifras da sociedade”.
Estes tres Audi convertérenose no maior ben que tiña a empresa compradora. “O maior saldo do ativo do balanzo de situación –ditaminou o Consello de Contas– está constituído polos dereitos sobre bens en réxime de arrendamento financeiro dun vehículo”.
Mentres que a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos levaba a cabo estas compras en coches de luxo a súa situación económica rexistraba abondosas perdas. No 2000 tivo resultados negativos de explotación por importe de 226.994 euros. Cando foi constituída, no ano 1993, baixo a tutela de Agustín Hernández, só estivo a cargo dunha soa obra, a mellora da rede do saneamento do río Lagares en Vigo.
Segundo publica El País, fontes da consellería afectada sosteñen que Agustín Herández nunca fixo uso deses Audi senón que daquela utilizaba un Passat asignado á Dirección Xeral de Obras Públicas. Segundo esas fontes, os Audi fron comprados por decisión da consellería que dirixía o agora falecido Xosé Cuíña. Botarlle a culpa aos mortos sempre foi un recurso dos que non teñen outra cousa que dicir.

Javier Ortiz

Fun a Bertami-
ráns comer os churros á de Alba. Abrín El Mundo e púxenme a miralo. De repente, os ollos craváron-
seme nunha tristeza. Javier Ortiz, un dos poucos xornalistas críticos que nos quedaban do franquismo e da transición, finou onte dunha parada cardiorespiratoria nun hospital de Madrid. Era amigo meu. Dos de verdade. Non dos que che din que te queren moito e, en canto viras as costas, pregúntanlle ao primeiro que pasa onda eles como é posíbel que o que se acaba de ir aínda ande vivo pola rúa.
A derradeira vez que o vin esbardallamos durante dúas horas seguidas tomando unhas copas nos Reis Católicos de Santiago. El estaba coma sempre. Cheo de bo humor e de atitude crítica sobre todo o que nos arrodea. Daquela aínda escribía no diario en El Mundo, antes de pasarse a Público.
Javier Ortiz, como o canario José Luís Morales, o murciano Ignacio Fontes e poucos máis, era dos xornalistas da miña xeneración que souberon e quixeron aguantar o tipo contra Franco e contra os vicios da transición e da democracia. Ortiz era o máis alegre de todos. Sabía rirse ata de si mesmo. “Te acuestas siendo un triste socialdemócrata –escribiu hai poucos días en Públicoy, por la mañana, cuando te levantas, resulta que te has convertido en un peligroso izquierdista. Como el tiempo transcurrido te ha pillado en la cama y durmiendo, deduces que la metamorfosis no puede ser cosa tuya, sino de los demás”.
A Javier gustáballe tanto escribir que ata escribiu o seu propio obituario porque non quería que llo escribise “calquera gacetillero inútil” que arruinase a súa morte “cunha necrolóxica burocrática de circunstancias”. Parece como se adiviñase cal ía ser o seu final: ”Y todo para acabar con algo tan vulgar como la muerte. Por parada cardiorespiratoria, como queda dicho. En fin, otro puesto de trabajo disponible. Algo es algo”.
Fóisenos un dos mellores. O home que unha vez militou en ETA, de onde rematou fuxindo como do inferno. O que tivo que refuxiarse en Burdeos primeiro e logo en París, e, grazas a iso, acabou enamorándose de Leo Ferré, de Barbara, de Juliette Greco,de Brel, de Brassens e de todos os cantantes que tamén me gustan a min. Non falamos disto ultimamente, pero estou seguro que agora tamén lle gustaba Madeleine Peyroux. Formou parte do Movemento Comunista de España e fundou a revista Saida, que dirixiu. Ortiz morreu pensando que a transicición española foi un fracaso porque a esquerda cedeu demasiado ante a dereita. Javier era iso, un crítico incorrutíbel. Ciao, amigo, permíteme que che diga, coa voz de Ferré, que "avant de passer l'arme à gauche, avant que la faux ne me fauche, tel jour tel heure en telle année, sans fric sans papier sans notaire, il est bien maigre l'inventaire de ce que que je mis de côté".

Feijóo goberna dende Madrid

Lois Blanco escribe hoxe, no seu blog Ciendiasfeijoo de La Voz de Galicia, que “a mellor forma de respecto cara os asuntos lingüísticos sería reservando os detalles das reformas para o Parlamento, en vez de facelo en cadeas estatais que, por distancia ou ideoloxía, teñen unha querencia igual a cero máis cero cara a nosa lingua propia, que non é outra máis co galego”.
O autor fai este comentario en relación co feito de que o presidente da Xunta só se veña referindo, ata agora, a algún dos seus proxectos importantes cando fala dende medios de comunicación de fóra de Galicia, a Cope e Antena 3, por exemplo, nos que falou recentemente da reforma do decreto do galego e da lei da función pública.
Eefectivamente, a Núñez Feijóo parece térselle contaxiado o cosmopolitismo militante do seu conselleiro de Cultura, e quizais abre a boca de máis cando lle acercan un micrófono de Madrid e de menos cando debería falar para a súa propia casa. Se cadra, como lle reprocha Blanco, mesmo avanza neses medios de fóra detalles que deberían ser coñecidos antes no Parlamento. Deus nos libre de que lles dea á BBC ou á CNN por vir entrevistalo. Daquela saberemos como vai gobernar vía Londres ou Atlanta.

martes, abril 28, 2009

Vaise o rector de Santiago?


Nos medio universitarios de Santiago corre cada vez máis a versión de que o rector, Senén Barro, seguramente non rematará o seu mandato. Fálase de que mesmo pode ser en maio cando abandone o cargo para pasar a dirixir a Fundación Banesto Sociedad y Tecnología, un desempeño polo que podería percibir un salario superior a 12.000 euros mensuais.

lunes, abril 27, 2009

Gobernar con suspicacia

Foi Núñez Feijóo a Madrid e dixo que non ten sentido parcelar nin repartir Galicia en provincias. Aínda ha ser el quen acabe suprimindo as Deputacións (non caerá esa breva). Foi o seu conselleiro de pontes e calzadas a Ourense e anunciou o inicio dunha nova xeira “sen personalismos” co gallo de inaugurar un treito da AG-53 cunha placa que só lembra aos que o deseñaron e construíron. O do impersonalismo, xa se sabe, non ía por na placa que a obra se fixo sendo presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e conselleira do ramo María Xosé Caride, e sería demasié pintar os nomes dos que chegaron ao poder dez días antes da inauguración.Veremos o que din as placa das seguintes inauguracións
Prometeron gobernar con eficacia, pero ata agora só deron mostras de facelo con suspicacia. Entrevistas a eito nos medios de comunicación, moita toma de posesión, pero nada concreto aínda do que van facer coa educación, coa Cidade da Cultura, cos problemas do rural, coa sanidade, etc. Os fracasados do bipartito, na primeira semana de goberno, xa tiñan anunciadas un feixe de medidas.

sábado, abril 25, 2009

Un falanxista na Xunta


El País informa hoxe de que o conselleiro de Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, escolleu como director xeral de Administracuón Local a un ex candidato de Falanxe Española Independente que concorreu ás eleccións europeas do ano 1994. Xosé Norberto Uzal Tresandi, ex asesor xurídico do Concello de Cambados e ex directivo da Federación Galega de Municipios e provincias (Fegamp), parece ser, por outra parte, un bo seguidor das series de televisión. O 8 de marzo e 2009, na edición electrónica de Todotele, el ou alguén que utilizou o seu nome e apelidos completos, deixou a seguinte mensaxe para protestar porque Telecinco retiraba A ver si llego e devolvía Aída aos domingos. Todo un intelectual o que escribiu o texto da mensaxe, que dicía o seguinte: “Me parece una absoluta falta de respeto la actuación de Telecinco. Con esta actuacón muestra el poco respeto que le merecen los telespectadores, máxime si tenemos en cuenta que la nueva serie era mucho más entretenida que una “Aída” en declive tras el abandono de la serie por parte de su protagonista”.
É de supoñer que ao ex candidato falanxista poñeranlle un televisor de plasma no seu despacho de San Caetano e outro no coche oficial para que poda proseguir coa súa afección ás series. Seguramente tamén ve Matalobos, que se cadra lle soa de algo.

viernes, abril 24, 2009

Os que deseñan e constrúen


Ás 9 da mañá do sábado, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraes-
truturas porá en funciona-
mento o treito da AG-53 que conecta coa autovía das Rías Baixas. Complétase así unha conexíon que é de titularidade estatal entre Santiago e Dozón (AP-53) e autonómica entre Dozón e Ourense (AG-53).
Esta vez non caeron as autoridades na tentación de colocar a típica placa que se acostuma poñer dicindo que se inaugurou esta obra sendo tal e cal presidente da Xunta ou do que sexa. Simplemente vai dedicada aos “que participaron no seu deseño e construcción”. Podían engadir tamén algo referido aos que pagamos impostos para que haxa obras públicas. Tendo en conta que o conselleiro do ramo é un enxeñeiro de Camiños que procede do mundo empresarial da construcción, parece como se se ortorgara a placa a si mesmo.

Cosmopolita Feijóo


Quizais non significa máis ca unha coinci-
dencia temporal, pero a primeira inaugu-
ración que presidiu ata agora Alberto Núñez Feijóo trátase dunha exposición internacional de pintura. Concretamente a dos 56 óleos e 16 acuarelas que trouxo Caixanova a Vigo e agora á Coruña para expoñelos na mostra A Escola da Haia, obras mestras do Rijksmuseum, da que é comisaria a experta holandesa Renska Snijver, inaugurada o xoves no Palexco da cidade herculina.
Alí acudiu o presidente acompañado nada menos que polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña; a conselleira de Traballo e Benestar, Betariz Mato; a de Sanidade, Pilar Farjas; o alcalde da Coruña, Xavier Losada, e outras uatoridades. Pintura universal para un presidente que escolleu un conselleiro do ramo moi cosmopolita.

Parida de paridas sobre paridades

Di Manuel Ruíz Rivas, voceiro parlamen-
tario do PPdeG, que o PSdG-PSOE pretende basear a súa estratexia opositora en “paridas sobre a paridade” e outras cuestións irrelevantes. Considera que, en lugar de plantexar cuestións menores, o PSOE debería valorar e analizar as ofertas de diálogo e de consenso efectuadas por Feijóo.
Só un día antes de dicir todo isto, a nova lingua afiada do PP –emérito sucesor de Xaime Pita– xa manifestara que “nun intento de derivar a atención sobre a convulsión interna que atravesan as filas socialistas, nos días previos ao seu congreso sucesorio e ante o temor de que poidan saír á luz datos comprometedores sobre as persoas chamadas a dirixir esa formación política, o PSOE galego lanzou un ataque inconsistente contra a composción do novo executivo autonómico”.
Non é a primeira vez que se amagan dende o PP crochets contra a figura do que político socialista que vai suceder a Emilio Pérez Touriño na dirección do PSOE de Galicia. Ata agora son sempre palabras pronunciadas a medias. Ameazas veladas. Tiros de pedra con escondemento de mans. Política encanallada. Paridas de paridas sobre paridades e sobre todo o que faga falta. De seguir así, imos ter un curso político que rematará merecendo algunha crónica de Callejeros.

jueves, abril 23, 2009

Ferrín, poeta de cabeceira da cultura da Xunta

Avisei de que o novo conselleiro de Cultura ía dar que falar. E acertei. Hoxe, M. Cheda entrevístao en La Voz de Galicia, e a que non saben quen é o seu escritor de cabeceira? Véxase a resposta:
–Non sei se o debería dicir, porque é totalmente radical de esquerdas. É Méndez Ferrín. Tódalas noites leo poemas del.
Agárrate a esa, Organicísimo Presidente Feijóo.
Roberto Varela non pensa fomentar a cultura galega en Cuba como facía Ánxela Bugallo: “Non, definitivamente, non. Absolutamente non. Non, por varias razóns. Aquilo foi un erro. Non entendo cal é a rendabilidade de gastar unha cantidade tan grande nun país coma Cuba. Comercial non, porque os cubanos non poden saír de Cuba a mercar e deixar os cartos aquí. E política tampouco, porque estás apoiando a un réxime que mete aos gais na cadea”. E logo dicían que os do non eran os do BNG. De 61 palabras, sete son para dicir que non.
Do que non di nada novo é da Cidade da Cultura. Polas palabras que pronuncia podería parecerse a Ánxela Bugallo cando tomou posesión hai catro anos: “O primeiro que hai que facer é darlle a coñecer a Galicia o que vai custar de verdade a Cidade da Cultura. Antes que nada imos avaliar iso e, de seguido, determinaremos un calendario, sempre en función dese custo, para continuar o proxecto e ilo terminando por fases. A clave de todo é que vai xerar uns gastos de mantemento moi importantes. Non teño a cifra agora”.
Segundo Varela Fariña, adiós Galiza e welcome Galicia: “Non, non, non, non. De Galiza, nada de nada. Galicia” (maís exhibición de nons). Tamén veñen malos tempos para lírica enxebre: “No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa”. Imos ver como aínda van emigrar os biosbardos onda nós. Agora que imos ser trilingües…

Foto tomada de La Voz de Galicia.

Mario Conde


Lémbranse de Mario Conde? Tén un blog. O Blog de Mario Conde. O 21 deste mes comenzou así a súa reflexión: “Ayer estuve todo el día por Galicia en vuelto (sic) en ciertos asuntos”. Non di cales foron eses asuntos. Se cadra foron persoais. Ou non.

miércoles, abril 22, 2009

Entrar de costas

Dous personaxes con cargos públicos, homosexuais os dous, están na praia da Lanzada. Un deles (X1) métese no mar, e, acto seguido, mantén co outro (X2) o seguinte diálogo:
X1.– X2, ten cuidado. Está a auga tan fría que fode.
X2.– Pois apártate que vou entrar de costas.

O presidente da Xunta é un órgano

“O Goberno galego aclara que o presidente e o Consello da Xunta son órganos diferenciados pola Constitución polo que a composición do Executivo cumpre coa Lei de igualdade

Santiago, 22 de abril de 2009.- O Goberno galego aclara que o presidente da Xunta e os conselleiros do Goberno galego son órganos diferenciados. Así, o presidente da Xunta foi elixido polo Parlamento galego e, a continuación, e, de acordo coa Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, o presidente nomeou os conselleiros. O Executivo autonómico lembra que o artigo 152 da Constitución española establece claramente que o Consello de goberno e o presidente son figuras diferenciadas, xa que asumen competencias distintas e, entre outras cousas, o presidente da Xunta é o representante do Estado en Galicia.”

Está é a nota infomativa que acaba de transmitir a Xunta de Galicia. Debe ser que eu son moi burro e eles moi listos, ou se cadra só é consecuencia da tecnocracia que se apoderou do goberno, pero eu non entendo nada. O presidente é un órgano? Por un momento pensei que era unha persoa. Os conselleiros son órganos? Han ter que explicarme se son órganos dunha igrexa, órganos sexuais, administrativos, periféricos ou simplemente orgánicos, valia a redundancia. É curioso, tanto organicismo a min hame acabar lembrado a democracia orgánica de Franco.
Co doado e ata interesante que sería que o presidente fose unha persoa, mesmo ata unha boa persoa, agora resulta que é un órgano. Haberá que dirixirse a el tratándoo de Organicísimo Presidente? E como imos dirixirnos aos conselleiros? De Orgánica Tecnocracia? Pode haber notas de prensa que parezan redactadas por calquera orgánico xuntaletras.

martes, abril 21, 2009

Mister Depende

O 27 de agosto de 2005, La Voz de Galicia publicou unha breve reseña sobre Roberto Varela Fariña, novo conselleiro de Cultura, cando había pouco tempo que se instalara en Nova York como cónsul de asuntos culturais. Contaba daquela que se fixo diplomático en 1989 “un chisco por casualidade, porque saíron unhas oposicións”, e decrarábase “100 por cento galego”. Aprobou á segunda volta, despois de licenciarse en Filosofía en Barcelona e de estudiar Ciencias Políticas en París.
Nesa entrevista contaba o que lle pasou cando estaba destinado en Kuwait e foron alí de visita oficial os Reis de España. As autoridades locais quixeron descubrir unha placa conmemorativa e non se lles ocorreu mellor cousa que gravar nela a seguinte dedicatoria: “Ás súas maxestades os Reis da República de España”. Roberto Varela foi corrrendo a que a cambiaran, e pasouno mal.
Parece ser que Varela, dende neno, estaba chamado á diplomacia, unha profesión que define como a “función de saber transmitir ideas sen ofender a ninguén” e para o que considera un mérito ser galego. “Sobre todo cando estás no medio dun conflito –sinala el mesmo– Sempre queda moi ben saír á galega, dicindo depende”. Na vila onde naceu (Dena, Meaño, Pontevedra) corría tras dos visitantes extranxeiros para facerlles de intérprete e mostrarlles as cousas.
O novo conselleiro é amigo do gran (e grande) escultor cambadés Paco Leiro, outro neorquinés de sona. Agora mister Depende ha ter que concretarse algo máis para tirarse ao pozo sen fondo da Cidade da Cultura. Oxalá que non remate afogándose nel.

Os buldogcer avanzan de novo

A brigada móvil dos buldógceres avanza de novo. Aínda non comenzou Feijóo a quentar a cadeira de 2.000 euros de San Cateano e xa lle reclamaron que suspenda as Normas do Hábitat para poderen construir como e onde queiran. Son insaciábeis os coroneis do morteiro. Impórtalles un pito que Europa ande anotando o noso nome no taboleiro dos menos respectuosos coa paisaxe e co medio ambiente. Se por eles fose, apedrarían con ladrillo a costa galega erguendo unha muralla de cemento que nos separase de Inglaterra, mar por medio.
Conta Roberto Saviano, no seu magnífico Gomorra, que hai empresarios da súa terra que só teñen un credo que se resume neste evanxeo: “A economía tén un arriba e un abaixo. Nós entramos por abaixo e saímos por arriba”. Aquí, por moita culpa que se lle bote á crise, está empezando a pasar algo parecido. Dise que a xente non compra casas ou que só paga menos por elas agora, pero os do morteiro están empeñados en acantilarnos (de cemento) o litoral dende Ribadeo á Garda. Pobres de nós, agora que xa teñen a un dos seus facendo que garda o medio ambiente galego.
E menos mal que o novo presidente tivo a precaución de marcar algunha distancia con eles non lles asistíndo á ceremonia na que oficiaron a misa laica de consagrar os intereses do ladrillo. Nisto, como en moitas outras cousas, Feijóo soubo ser prudente.

lunes, abril 20, 2009

O ourela negra de Feijóo

Se a esperanza branca da gobernanza de Feijóo pode estar no novo conselleiro de Cultura, a ourela negra (lémbranse daquela canción?) vai ser delimitada polo enxenñeiro de camiños Agustín Hernández, titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura, ex do goberno de Fraga, ex das empresas Sercoysa e Grupo Puentes e personaxe que accede ao goberno baixo a sospeita lanzada pola oposición de ter incorrido en incompatibilidades.
O que non se lle pode negar a Hernández é valor. Chegando ao goberno como chega, baixo a sospeita de ser o gurú dos intereses dos empresarios de obras públicas que actúan en Galicia, hai que ter os congojos no seu sitio para asumir dende a mesma cadeira o goberno de tantas e tan importantes competencias como a ordenación territorial, a vivenda, as infraestruras e, de paso, o medio ambiente. Habería que saber que uso fai agora Xosé Luís Baltar das metáforas que tanto lle gustan acerca do raposo gardián do galiñeiro ou do rato que fai de segurata do queixo.
A decisión tomada por Feijóo de centralizar nun único departamento tamañas competecias, a cargo dun enxeñeiro que sen dúbida sabe máis de resistencia de materiais e cotas de inclinación do terreo que de bioloxía e de ecoloxía, seguramente só atopa explicación na necesidade que tivo o líder do PPdeG de compracer o grande empresariado galego que tanto lle axudou a cambiar o Audi por un Citröen. Co paso do tempo veremos se o sucesor de Touriño é ou non refén dos xenerais que comandan as brigadas de bulgdóceres, pero de entrada canta moito que lle encomenden a salvación das augas, da fauna e da paisaxe galegas a quen vai ter moito interés en que se extendan o cemento e o alcatrán. Aínda non dixeron nada os ecoloxistas, pero seguramente tardan pouco en abrir a boca.
No relativo ao resto do goberno, sigo pensando que está composto por “peeneenes”, pero tamén era desta condición o primeiro goberno de Adolfo Suárez e contribuiu enormemente a implantar a democracia en España. Eso si, os de Feijóo son “peeneenes” con moitas matrículas de honra. Por exemplo, Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda, agora sen Economía. Coma Manuel Fraga, é número un de cantas oposisicións se presentou, que son varias. A última que gañou foi contra Margarita Rodríguez Rama, apoiada por Xosé Antonio Orza para ocupar a Consellería. Ten sona de independente e ata debe selo porque foi directora xeral no bipartito perdedor das eleccións e tivo que dimitir, segundo algunha versión antes de que lle chegase o cesamento que lle tiñan preparado.
Hai algún conselleiro que fixo figurar no seu currículo o feito de representar en España a marca da roupa que viste o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, e, na súa maioría, son xente que milita no PP e se formou política e administrativamente nos gobernos de Fraga e José María Aznar. Segundo escribiu Domingos Sampedro, cronista político de La Voz de Galicia, tamén hai un conselleiro que "mostra abertamente a súa condición homosexual", precisamente o de Educación. Anda que non ía armala a dereita española se a Zapatero ou a Touriño se lles ocorrise un nomeamento tan avanzado. Serán os mellores que atopou Alberto Núñez Feijóo, pero agora han ter que pasar a reválida todos.

A esperanza branca de Feijóo

Ollo ao piollo con este home. O da fotografía. Chámase Roberto Varela Fariña. É licenciado en Filosofía, diplomático de carreira e tén 50 anos. Vivíu en Bonn, Kuwait e Nova Iork. Non é do PP. Fala ben o galego e ten ideas claras sobre o que é a cultura e a súa posíbel difusión polo mundo. O novo presidente da Xunta nomeouno conselleiro de Cultura e Deporte. Con el non vai haber “mojitos” na Habana, pero ha dar moito que falar. E, senón, o tempo. Se cadra é a única esperanza branca do goberno de "peeneenes" que acaba de formar Núñez Feijóo.

viernes, abril 17, 2009

O portelo do gato

Se me obrigasen a escribir algo máis sobre a sesión de investi-
dura, salientaría a penosa estampa que configuraron o presidente e o vicepresidente da Xunta saíntes, agochado un no silenzo das bancadas e camuflado o outro no artificio prebendado de sentarse na mesa da presidencia do Parlamento.
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana non deron precisamente a impresión de seren na derrota aqueles dous egrexios príncipes que quixeron parecer na vitoria. Máis ben agocháronse –ou agocháronos?– despois do 1 de marzo coma aqueles nenos que saben perfectamente que a súa nai vainos coller nas patacas e non saben onde meterse. Cada un na súa banda do río co que atravesaron o goberno dos catro últimos anos, ámbolos dous deberían ser os que desen a cara –aínda que fose para que lla partisen outra vez, como lle la partiu Ruíz Rivas a Leiceaga e a Aymerich– e tivesen que chorar, coma Boabdil, a perda de Granada.
Lonxe diso, xa digo, agocháronse na burocracia. Ou agocháronos. Perderon a ocasión de morrer politicamente con dignidade. Pasaron á historia polo portelo do gato.

jueves, abril 16, 2009

Bienvenu, monsieur le Président

Monsieur le Président, soyez le bienvenu! Comme vous l’avez bien dit en campagne électorale, il nous fallait réchanger notre horizon politique en l’óuvrant á l’spéculation inmobilière côtière et en le refermant au sujet de perverses impositions idiomatiques. Il nous était bien nécessaire de comencer à parler une langue universalmente comprensible et non de continuer en parlant un dialecte local seulment digne de paysans et de irgnorants. C’est vrai, si les chiens de la Bretagne, de la Patagonie et de la Chine parlent la mème langue, pourquoi nous, des êtres humaines, aprés tout, n’allons pas nous exprimer dans un langage universalment comprenssible par tout le monde? Voilà la question!
Allons’y! Je vous espére en 2013.

Castelao naceu en "Rianjo"

Alfonso Rodríguez Castelao naceu en Rianjo (sic). Non son Gloria Lago nin Paco Vázquez os que o din, senón o propio autor de Sempre en Galiza, segundo aparece reflectido da súa propia man na solicitude de ingreso no Centro Republicano Español que cursou en Buenos Aires no ano 1943. Daquela, Castelao non se refería á súa patria como Galiza senón como Galicia, segundo tamén se pode observar no citado documento, que acaba de ser publicado na web galiciaaberta.com da Secretaría Xeral de Emigración.
Como lugar de nacemento, Castelao escribíu da súa propia man “Rianjo (Coruña)”, como País puxo “Galicia (España)”, de profesión “Dibujante y escritor” e como filiación política “Galleguista de siempre”. Tamén respondeu poñendo un “No” á pregunta de se actuou nalgún outro centro republicano, e, como cota mensual, marcou a mínima estabrecida, dous pesos, aínda que o boletín de afiliación indicaba que os asociados podían fixar outras cotas superiores voluntariamente con carácter extraordinario, permamente ou circunstancial.
En realidade, a cota mínima foi á que se acolleron a maior parte dos asociados do Centro Republucano Español (Antonio Alonso Pérez, Antonio Baltar, José Blanco Amor (non confundir con Eduardo), Daniel Calzado Poceiro, Arturo Cuadrado Moure, Rafael Dieste, Segundo Pampillón Rodríguez, Gumersindo Sánchez Guisande, Elpidio Villaverde Rey), e só algúns (Rodolfo Prada e Manuel Puente, por exemplo) se comprometeron a abonar cotas superiores de 3 e 5 pesos, respectivamente.

miércoles, abril 15, 2009

Galicia aberta


Os galegos de acó e os de acolá temos hoxe un motivo de ledicia. A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia puxo a andar unha web (www.galiciaaberta.com) na que, entre outras cousas, se ofrece a posibilidade de acceso e consulta do Patrimonio dos Centros Galegos no Exterior. A obra artística, documental, bibliotecaria e hemerotecaria de doce dos máis importantes destes centros espallados polo mundo xa pode ser consultada na rede.
Máis de 80.000 páxinas que reproducen libros de actas, de sinaturas, rexistros de socios e de efemérides, así como publicacións periódicas e outros documentos. Máis de 1.500 fotografías de arquitectura, escultura, pintura e outro patrimonio artístico. Videos e fotos a 360 grados. Nunca como agora foi posíbel “viaxar” a través do inmenso mundo da emigración galega sen erguerse da cadeira de diante do ordenador. As entidades galegas de Buenos Aires, Avellaneda, Rosario, Montevideo, Lisboa e Barcelona ao alcance dun clip.
Entre todo este material, constituído en boa parte por documentos orixinais manuscritos, aparecen pezas que nin sequera estaban catalogadas ata agora. Por exemplo, dúas obras pictóricas de Castelao que figuran no Centro Galego de Rosario (Arxentina). Non somos só os curiosos ou afeccionados os que nos imos beneficiar deste rico patrimonio cultural e histórico que agora se pon ao alcande do público. Tamén os historiadores se van beneficiar por esta derradeira aportación da Sceretaría Xeral de Emigración do goberno saínte da Xunta, a cuxo titular en funcións, Manuel Luís Rodríguez González, cómpre ofrecerlle parabens por esta iniciativa aínda que non se entenda ben por que motivo non a fixo operativa ata os derradeiros minutos do seu mandato.
O traballo de campo desta realización foi levado a cabo pola empresa Xestión Bibliotecaria e Documental, S.A. que dirixe o empresario galego Alexandre Diéguez. Á vista dos resultados, compriría desexar que os que agora van rexer a Xunta continúen este labor ampliando a colleita do patrimonio da emigración extendendo os contidos de Galiciaaberta ao resto do asocianismo galego, no que houbo centros como o da Habana, por exemplo, que tanto contribuíron ao desenvolvemento da nosa historia.

martes, abril 14, 2009

Welcome, sir Feijóo

Lin de cabo a rabo o discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo e fiquei como se acabase de saír dun dos seus mitins da campaña electoral. Dun total de 13.590 palabras, 45 follas, 85.971 caracteres con espazo, 503 párrafos e 1.930 liñas, máis dunha cuarta parte está adicada a comernos aínda máis a moral lembrando o mal que anda todo na nosa terra. Faino, iso si, coa desculpa de serlle fiel a aquelas palabras que ponunciou Vaclav Havel cando se dirixíu, como presidete de Chequia, á súa nación: “Supoño que non me propuexeron para este cargo para que vos minta”.
Se mentíu ou non Feijóo hase saber co tempo. A min o que quizais me sorprende e ver como se pode “describir” o mal estado da sociedade galega esquecéndose, como se esquece Feijóo, de que só pasaron catro anos dende que saíron do poder os que que ocuparon a Xunta durante tres décadas e un ano. Entre eles estaba o que agora vai ser presidente de Galicia. A sanidade, o ensino, as obras públicas… todo está patas para riba. Será só por culpa do pobre bipartito?
De calquera maneira, tranquilos todos. Chegou o PP renovado de Feijóo e onde había, segundo el, enfrontamento e imposición lingüísticos agora vaise instaurar a “amabilidade”. Xa verán, erguerémonos todos pola mañá e sairemos á rúa saundando o resto dos transeuntes con estas palabras: “Buenos días, simpático congénere, como le va?”, “Bos días, aprezado concidadán, que tal pola casa?”, “Good morning, dear brother, as will you?”. Porque esa é outra. Non imos ser só bilingües. Trilingües (en inglés, of course) é o que imos ser.
Está ben. Tampouco hai que darlles moita importancia aos discursos de investidura que xa se sabe como van rematar. Están para o que están. Que é para pouco máis que para saír na tele pública. O de Feijóo foi o que compría agardar. Tecnócrata e comedido. De circunstancias. Como se ao seu autor o pillase de sorpresa ter que ponuncialo, aínda que dixese que o 14 de abril (Día da República, repare o lector) é o día máis importante da súa vida.

lunes, abril 13, 2009

Ímola virando

Teño un bo amigo que nunca se esquence de nada do que pode facerlles ben ás persoas que apreza. Chámase Manuel Lara e é unha das persoas máis intelixentes e responsábeis que circulan por Galicia. Acaba de alegrarme o día lembrándome que hoxe cumpro anos (66, dígoo eu, non el) e dicíndome que non me deprima, que un 13 de abril de 1499 fundouse a Complutense de Alcalá de Henares, no mesmo día de 1570 naceu Guy Fawkes, o pertardista inglés que tentou dinamitar o Parlamento Británico para protestar contra as persecucións que padecían os católicos, que Thomas Jefferson naceu o 13 de abril de 1743 e que Samuel Beckett chegou a este mundo nese día de 1906.
Por se todo isto fose pouco, onte, persoas ás que quero moito convidáronme a xantar a mellor lamprea que comín na miña vida e hoxe chamoume un amigo del alma que xa tiña algo esquencido, Luis Mariñas. Non son guapo nin listo nin teño diñeiro, pero de que que carallo me ía queixar se me chamase Baldomero? De nada, digo eu. Se acaso, do de sempre. Que o mundo non me gusta nin eu lle gusto moito ao mundo, pero estar para contalo xa é un mérito. Grazas a Deus. En fin, que ímola virando, como din os de terra a fóra.

miércoles, abril 08, 2009

Inefábel Berlusconi

Xa con 250 mortos, 1.500 feridos e máis de 17.000 persoas sen fogar, e sen saber aínda nin por que non aguantou de pé o hospital principal de L’Aquila, onstruído hai pouco tempo, ao primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi non se lle ocorreu mellor cousa que dicirlles aos sobreviventes que collan a súa traxedia “como unha fin de semana de acampada”.
Horas antes xa tivera a ocorrencia de dirixirse ao presidente de Estados Unidos, Barack Obama, pedíndolle que se fixese cargo da reconstrucción da igrexa de L’Aquila e de todos os bens culturais que resultaron danados polo terremoto que padeceu a rexión italiana dos Abruzos. “Se os Estados Unidos queren dar un sinal tanxíbel da súa proximidade con Italia –díxolle Berlusconi a Obama por teléfono– poderían tomar a responsabilidade de reconstruír os bens culturais e da Igrexa”.
Hai por aí adiante cada gobernante de sona internacional que nunca deberon pasar de presidir a corporación municipal de Morteiro dos Cocerellos.

Feijóo tropeza antes de porse a andar

Mal está empezando o que ía ser o rexenerador da vida pública galega, Alberto Núñez Feijóo. Se é verdade o que indica o conselleiro en funcións da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, e que hoxe publica El País, o caso de Agustín Hernández “está flagrantemente incurso” na Lei de Incompatibilidades de 1996.
Romeu mesmo mandou que se abrira un expediente informativo para determinar as responsabilidades de Hernández, candidato de Feijóo para desempeñar o cargo de conselleiro de Política Territorial, en relación á fichaxe da que foi obxecto por parte das empresas Puentes y Calzada e Secoysa despois de terlles adxudicado contratos por valor de 30 millóns de euros. Estas presuntas incompatibilidades son anteriores ao decreto que aprobou o bipartito endurecendo as condicións nas que os altos cargos públicos poden incorporarse ás actividades privadas do mesmo sector, pero os aínda responsábeis da Consellería de Presidencia sosteñen que a lei de 1996 xa vetaba o ingreso que levou a cabo Agustín Hernández nas citadas empresas. Se a Hernández se lle aplicase o artigo 3.5 da lei en vigor, estaría incurso nunha responsabilidade grave ou moi grave que podería levar parella unha inhabilitación comprendida entre tres e cinco anos.
A empresa Puentes y Calzada contratouno en setembro de 2006, quince meses despois de que Política Territorial, consellería na que desempeñaba o cargo de director xeral de Obras Públicas, lle adxudicase o 30 por cento da construcción e explotración por 30 anos da Autoestrada do Salnés. Só dous meses despois de deixar a Consellería, na que estivo ás ordes de Xosé Cuíña primeiro e do propio Núñez Feijóo despois, Hernández xa se incorporou á empresa Sercoysa, á que lle adxudicara dende a Consellería a realización dunha vía alternativa en Ponte da Barca por importe de 106.514 euros. Entre 2003 e 2004, Sercoysa recibiu encargos por valor de 1,2 millóns de euros.
Segundo o voceiro parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, Agustín Hernández tén “intereses claros e recoñecidos con importantes empresas relacionadas coa construcción” que resultan contraditorios coa defensa dos intereses xerais.
Eis, pois, o rexenerador rexenerábel. Feijóo empezou escandalizándose de que Touriño comprase cadeiras de 2.000 euros e coches de luxo de 480.000, mentres ocultaba que el andaba en coches regalados pola multinacional francesa Citröen. Dixo montes e moreas de mellorar a vida pública e racionalizar os custos da Administración. E agora, quen vai rexenerar o rexenerador?

martes, abril 07, 2009

Mexar sangue

Empezamos a estarmos tan obsesionados pola crise económica que quizais corremos o risco de perder de vista o privilexio que nos supoñía pertencer a unha sociedade na que estabamos tratando de normalizar o respecto aos dereitos humanos. Casos coma o que conta hoxe El País, ocorrido en Tavernes Blanques (Valencia) e protagnizado por dous gardas civís e un vixiante de seguridade privada que maltrataron a un cubano, alertan preocupantemente acerca da posibilidade de que andemos dando dous pasos para diante e un e medio para atrás. Véxase a información aquí.

lunes, abril 06, 2009

Le temps d'un soupir

Publica hoxe Ferrín un desacougante artigo, en Faro de Vigo e La Opinión, titulado Himno Nacional de Nós, no que caracteriza a constitución do “novo Hórreo (Parlamento) como “máis canastro ca nunca: máis cabaceiro”. A súa lectura dá que pensar, sobre todo cando, lebrando a Alain Badiou, remata atopando a métafora da “forma burguesa do estado totalitario fascista”. Ou cando, coa axuda de Gérard Philippe, acaba relacionando o lapsus linguae de Pilar Rojo co temps d’un soupir no que o Parlamentiño se puido converter nun Parlamento.
Agora ben, se desacougar desacouga Ferrín, máis desacouga aínda observar a realidade que nos está vindo enriba. Aínda non tomou posesión a dereita e xa na sociedade galega volve a agromar a prepotente incivilidade dos que pensan que son deuses de si mesmos, únicos amos do mundo con dereito de pernada. Non lle faga sinais a un motorista que vai a noventa por hora por unha estrada que atravesa unha aldea na que viven nenos e vellos, entrando na curva que dá acceso a unha ponte, para indicarlle que vaia máis amodo, porque corre o risco de que o túzaro se deteña, baixe da máquina e se lee a trompadas con vostede. Pasoume a min hai poucos días. Debe ser o novo esprit sportif dos motards galegos, algúns dos que agora acostuman a circular en máquinas de potente cilindrada sen matrícula.
Non trate tampouco de de discutir (debater) sobre cuestións relacionadas co idioma galego ou co concepto de país, xa non digamos de nación, con determinadas persoas que xa volven a mirar por riba dos ombreiros a quen lles fala destas cousas antes de rematar pronunciándolle a frase sagrada de que se sinten españois antes ca nada e “españolito-hablantes de toda la vida”. Non se decatan de que case todos eles teñen un abó, ou se cadra un pai, que fixo callos nas mans agarrando a rabela dun arado romano ou o volante du tractor de segunda man. Témome que avanza polo noroeste unha nova fronte de aoutoodio e de desprezo á nosa esencia.
Non pasaron máis ca cinco semanas e media do fracaso do bipartito e xa están collendo folgos determinadas maneiras que conseguira aplacar algo o frustrado cambio galego. Os lobos volven a oubear. Aínda cabe agardar que Núñez Feijóo os reduza á reserva na que non rematen sendo perigosos, pero de momento só se pode lamentar, unha vez máis, que a incompetencia dos que non souberon gardar o reino de Granada sexan agora Boabdiles sen bágoas de autocrítica. Eles son os principais responsábeis do que vai pasar agora. Non lle lo perdonaremos nunca.

sábado, abril 04, 2009

Cidade da Cultura (cara)

Entre os cinco puntos (cinco puntos, cinco son, ni uno menos ni uno más, si quieren me los aceptan y sino chirrís chirrás) que lle mandou Núñez Feijóo a Touriño para concretar o traspaso de poderes, non se ve nada que se refira á Cidade da Cultura, a megalomanía de Fraga que arruinou os orzamentos da cultura galega e ao que o bipartito non foi quen de poñer no seu sitio (as cinzas da realidade).
Será que lle parece todo ben feito neste tema polos que lles toca desaloxar o poder? Non sería de extrañar. Realmente a política dos que se van sobre a insaciábel obra do monte Gaiás foi igual ca dos que inventaron o invento de que Galiia é tan rica que pode correr con todos os gastos que lle boten enriba.

viernes, abril 03, 2009

Cinco puntos

Se me dese por facerme o gracioso seguramente ao aínda non presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo alcumaríao de Albert The Fast. Polas enormes presas que se empeña en mostrar percorrendo o camiño que aínda lle queda para sentarse nas luxosas cadeiras de San Caeteno. Ou será por subirse ao Audi do medio millón de euros?
A última é un comunicado despachado a través da Secretaría de Comunicación do PP de Galicia (pódese ler completo premendo sobre a ilustración). Agustín Hernández e Pedro Puy, os negociadores designados por Feijóo para negociar o traspaso de poderes, entregaron ese documento, que non tén desperdicio. Recollidas en cinco puntos, os populares formulan as solicitudes que lles parecen oportunas. Só falta que lle poñan a música de Carlos Puebla e lle canten a Touriño aquilo de "cinco puntos, cinco son, ni uno menos ni uno más. Si quieren me los aceptan y, sino, chirrís chirrás". Serán castristas, como era Fraga, estes do póximo goberno?
Moito me temo que os que van desaloxar San Castano van ter que traballar día e noite se queren atender todas e cada unha das peticións que lles formulan os que van sucedelos: Estado de execución orzamentaria a data máis recente posíbel na administración xeral e nos organismos autónomos, nos entes, sociedades públicas, consorcios e similares, situación da tesourería e previsións de emisións de débeda pública e os movementos orzamentarios. Situación en materia administración xeral, organismos autónomos, entes sociedades públicas, consorcios… Relacións institucionais e exteriores relacionadas coa presidencia e a vicepresdencia da Xunta. Asuntos en curso. Estado das negociacións e da posición do goberno galego en relación coa reforma do sistema de financiamento autonómico. Funcionamento e estado da situación en relación co dispositivo antiincendios forestais. Situación na que se atopa o Plan de Ordenación do Litoral, do sector lácteo, das liñas de actuación do Igape, do concuso eólico. E aínda máis.
Lendo esta requisitoria poderíase pensar que o equipo gobernante que vai chegar estivo ausente de Galicia ultimamente e precisa que teña lugar agora unha especie de Estado da Nación, digo da Autonomía, para ver se así se vai tecendo un programa de goberno executábel de inmediato. Como se na Citröen, polo feito de que acaben de cargarse o pedexé Christian Streiff, non soubesen como seguir fabricando coches porque na empresa non quedase ninguén capaz de apretar parafusos. Na Xunta quedará algún “mecánico”, digo eu, que lle explique a Feijóo como se quenta o asento de atrás do Audi blindado ou do C6, se cumpre a promesa electoral de cambiar de coche oficial.
Dáme a impresión de que Feijóo segue comportándose como se aínda estivese en campaña electoral, gobernando para os xornais a golpe de declaracións, comunicados e axitación-propaganda. Fomos xa varios os que lle pedimos que acougase algo, pero non debe lernos. Ou non nos fai puñetero caso. Porque segue erre que erre. Mesmo utilizou a súa primeira persoa para indicar que regulará os traspasos “de forma clara para que, dende o día seguinte ás eleccións e se outra forza política as gañara, os consellos da Xunta serán previamente notificados en canto ao seu contido á forza política gañadora”. Se cadra é para liberar os mebros do Goberno da obrigación de gardar segredo sobre as deliberacións. E será só cousa de que el, en persoa, regule todo isto ou terá que contar algo co Parlamento para facelo? Non hai como subirse á biclicleta do inminente poder para entrar en perigo de atropelar a alguén ou esnafrarse na gábea se non se agarra ben o guiador.

jueves, abril 02, 2009

Quedar para setembro tén premio

Se cadra somos dos poucos sitios nos que, logo de que unha forza política perda por goleada as eleccións, o seu máximo líder sexa recompensado con alto cargo e prebendas que conlevan chófer e coche oficial. Refírome, claro está, a Anxo Quintana, que foi nomeado vicesecretario do Parlamento grazas a unha interesada maneira de exercer a xenrosidade política por parte do PSOE.
Non tería o BNG outra figura máis ilusionante para sentala na Mesa parlamentar? Dándolle nota a quen o levou a perder a cogobernación, 45.000 votos e un deputado parece como se o de quedar para setembro tivese premio.

miércoles, abril 01, 2009

A Pilar Rojo esvaroulle a lingua

Os discípulos de Sidmund Freud, se é que aínda lle queda algún en Galicia, a estas alturas estarán todos estudiando o caso de Pilar Rojo, flamante presidenta do Parlamento de Galicia que anunciou hoxe, no acto de constitución da nova lexislatura, que se ía escoitar o”Himno Nacional” cando en realidade era o “Himno Galego” o que tiña que soar.
A Pilar Rojo esvaroulle a lingua. Cometeu un lapsus linguae dos que pasan á historia. Non foi o cálamo o que lle esvarou na casca de banana da súa inauguración parlamentar. Foi a lingua, e tamén quizais algo a memoria. Freud e os psicoanalistas en xeral acostuman explicar estas cousas como un afloramento do reprimido, producido case sempre en situacións de estrés, ansiedade, angustia ou falta de atención. É algo que ocorre cando se relaxan as represións conscientes. Estaba estresada, ansiosa ou angustiada a nova presidenta do Parlamento? Ou será que non lle prestou abonda atención ao que estaba facendo?