viernes, enero 31, 2014

Pedro J. Ramírez


Non sei case nada a que se dedican as facultades de Xornalismo, pero se algún dos seus responsábeis actuais me preguntara acerca de algo urxente que houbese que facer nelas, non dubidaría en responderlle que se estudiase a fondo o fenómeno Pedro J. Ramírez, ese todopoderoso xornalista que acaba de ser derrotado polo seu propio exército.
Con Pedro J. pódese estar de acordo, en desacordo ou as dúas cousas á vez, pero o que non encaixa co personaxe é calquera forma de neutralidade. O a piques de converterse en ex director de El Mundo é máis de dereitas ca José María Aznar e Mariano Rajoy xuntos, pero aos de esquerdas pode gustarnos máis algunhas veces ca un pack formado por Felipe González, Cayo Lara e Xosé Manuel Beiras. Pedro J. é o que se di un cabrón con pintas, pero é imposíbel interpretar ben a sociedade española dos últimos cuarenta anos sen a súa concurrencia intensísima no xornalismo contemporáneo.
Por todo isto cáusame certa desazón, algunha tristeza e moita carraxe comprobar, unha vez máis, que os omnipresentes e omnipotentes garfios da dereita económica e política que se apoderou do mundo remate sempre afogando os seus propios fillos cando pensa que se desvían do camiño a seguir. Con Pedro J. non puideron nin Felipe González, nis os GAL nin a ETA, pero rematou descabalgándoo un político de tan irrisoria importancia coma Mariano Rajoy. O caso é triste e dá moito que pensar.

martes, enero 28, 2014

We shall overcome, Pete Seeger

Pete Seeger con Bruce Springteen.

Para os da miña xeneración –e non só– hoxe é un día triste. E non é porque morrera Blas Piñar senón porque quen nos acaba de deixar orfos é Pete Seeger. A lenda universal do folk americano e da canción protesta que tanto inspiraron as xuventudes dos que nacemos hai máis de cinco décadas.
O pai espiritual de varias xeneracións de artistas coma Bob Dylan, Joan Baez ou Bruce Springsteen morreu onte en Nova York cando xa tiña 94 anos. Foi un pioneiro da loita polos dereitos humáns e contra a guerra do Vietnam. As súas cancións, tomadas como bandeira polas loitas obreiras de todo o mundo, tamén inspiraron a traxectoria artística de cantantes de varias culturas: dende Claude Freançois en Francia, a Víctor Jara en Chile, Graeeme Allwrigt, Marlene Dietrich, etc. Seeger popularizou o himno do movemento pola defensa dos dereitos cívicos en Estados Unidos, We Shall Overcome, unha canción que chegou a ter unha enorme importancia tamén na revolta estudiantil que caracterizou a Universidade de Santiago no ano 1968.
Co seu grupo The Weavers ou soamente acompañado po unha guitarra de doce cordas ou polo seu famoso banllo, Pete Seeger sempre seduciu enormemente a un público principalmente de esquerdas que hoxe chora pola súa morte. Na década dos 60 foi o gran mentor de Bob Dylan, de Joan Baez, de Peter, Paul and Mary e ata da incipiente Nova Canción Galega, principalmente de Voces Ceibes. Bruce Springteen, no ano 2006, dedicoulle un magnífico disco: We Shall Overcome: the Pete Seeger Sessions. O mesmo Bruce que, hai catro anos, presentou a Seeger no Madison Square Garden de Nova York dicindo del que era a “lenda viva da música e da consciencia de América, un testemuño do poder da canción e da cultura para darlle pulo á historia”.
Como home de esquerdas que foi toda a súa vida, Pete Seeger foi unha das vítimas da caza de bruxas organizada polo Maccartismo, debido ao compromiso do cantautor co Partido Comunista Americano, do que foi membro durante os anos 40 e 50. Sempre andou tamén á cabeza das loitas polos dereitos dos negros e pola defensa do medio ambiente. Morreunos un dos máis grandes. We shall overcome, Pete Seeger!