viernes, diciembre 31, 2010

Polos que saben resistir

Aos seus 93 anos, Stéphane Hessel, un alemán naturalizado francés dende 1937 que lle axudou a De Gaulle a facer a resistencia contra os nazis, dirá nun discurso que vai dirixir hoxe aos franceses que “a primeira década do noso século remata cun fracaso. Un fracaso lamentable para Francia, un fracaso grave para Europa, un fracaso inquietante para a sociedade mundial”.
Hessel lembra os obxectivos para o desenvolvemento que se procalamaron na Conferencia Mundial das Nacións Unidas do ano 2000, coa proposta de reducir á metade o número de pobres en 15 anos. Para a mesma data debería emprenderse unha nova negociación que rematase o vello conflito de trinta anos que afecta ao Próximo Oriente, e tería que haber un máis equitativo reparto de todos os bens común esenciais, que son a auga, o ar, a terra e a luz. Lonxe de cumprírense eses obxectivos, rematamos a primeira década do século XXI cun absoluto fracaso. Como apunta Hessel, con máis ricos muy ricos e con máis pobres muy pobres ca nunca.
Abondan, polo tanto, os motivos de indignación. En primiro lugar, como sinala o prestixioso intelectual francés, un dos mellores embaixadores que tivo Francia en todos os tempos, pola complicidade entre os poderes políticos e os poderes económicos e financeiros, demasiado ben organizados a nivel mundial para satisfacer a codicia e a avideza dalgúns dos seus dirixentes, divididos e incapaces de entendérense para dominar a economía en beneficio dos pobos. “Mesmo cando teñen  á súa disposición a primeira organización verdadeiramente mundial da historia, esas Nacións Unidas ás que poderían ser confiadas de común acordo a autoridade e as forzas necesarias para porlle remedio ao que vai mal”, salienta Stéphane Hessel.
Polo menos aínda nos queda unha conquista democrática esencial, segundo Hessel, resultado de dous séculos de loita cidadá: “A que nos permite reivindicar o dereito de escoller para que nos dirixan mulleres e homes que teñan unha visión clara e entusiástica do que se pode e se debe conseguir na segunda década que se abre mañá... Que tomen respiro sobre autores animosos que se expresaron estes últimos meses, sobre Susan George e o seu bonito libro Leurs crises, nos solutions, sobre Edgar Morin e o seu último tomo de L’Ethique, sobre Claude Alphandéry e as súas propostas para unha economía social e solidaria. Con eles, sabemos o que é posíbel conseguir”.
Con estes ánimos de Stéphane Hessel, eu tamén ergo a copa polos cidadán e cidadás que saben resistir. Faranos falta facelo no 2011.

miércoles, diciembre 29, 2010

O sátrapa Alonso

Un sátrapa anda solto polas rúas de Boiro. Chámase Xesús Alonso, e é o patrón dun grupo conserveiro que leva o seu propo nome (Jealsa). Na festa de Nadal que lles ofreceu aos seus traballadores aproveitou para levar a uaga aos seu muíño político. Veremos que fariña lle sae.
Dixo este nada escrupuloso patrón de empresa que “se nas próximas eleccións (referíndose ás municipais) estes señores (facendo alusión ao alcalde nacionalista que goberna a vila e aos seus coaligados munícipes) repiten mandato, eu voume de Boiro”. E aínda algo máis ameazante: “Se as cousas andan mal, moitos de vós perderiais os postos de traballo”, soltoulles aos traballadores no medio do turrón.
Non serei eu quen lle negue o dereito de libre expresión a un intrépido mesturador da politíca e os negocios como é o coñecido empresario boirense, pero non estaría de máis algo de cordura na súa cabeciña. Aproveitar, como aproveitou el, unha festa de empresa navideña para facer un mitin político parece propio unicamente dos tempos nos que Alonso mamou de Franco a arte de manipular as conciencias. Especialmente lamentábeis son as seguintes palabras tamén pronunciadas nesta ocasión: “Non só vos pido o voto para el (para Xoán Xosé Dieste, precandidato do PP) senón que lle axudemos na campaña. El é un economista, con prácticas na nosa empresa, que non ten nada que ver co filósofo ou os dous pinpantes que o acompañan no goberno”.
Realmente parece que o túnel do tempo devolveu a alguén de Boiro ao pasado. Pois non pense ninguén que Xesús Alonso se arrepinte do que dixo. Hoxe publicou o seu discurso íntegro nunha paxina de publicidade que fixo insertar en El Correo Gallego.

lunes, diciembre 27, 2010

Luis Mariñas


Morrer é inevitábel, pero canta dor nos pode traer a morte cando nos leva un ser querido. Acabo de enterarme do pasamento de Luís Mariñas, 63 anos, e sinto como se me encolle o corazón diante da perda dunha persoa tan querida.
Nalgún tempo Luís e maís eu fomos case inseparábeis. Sabiamos de memoria as pedras da vella Compostela e procurabamos non tropezar nelas máis ca cando era absolutamente inevitábel. Nunca esquecerei aquela etapa na que Marías Teresa Navaza, Xosé María Palmeiro e eu mesmo traballamos ilusionadamente con Luís Mariñas na difícil e comprometida posta en marcha dunha pretelevisión galega (véxasenos na fotografía cando faciamos Panorama de Galicia dende un piso da compostelá rúa do Vilar).
Mariñas era unha das mellores persoas que pasaron non só pola miña vida profesional senón tamén pola privada. Era un amigo insobornábel, un compañeiro, un auténtico camarada no sentido vital do substantivo. Coido que, coma tantos outros, a vida non lle deu todo o bo que merecía e, dende logo, el deulle aos outros máis do que lle deron a el os demais porque Luís era, entre outras cousas admirábeis, un dos bós e xenerosos. Botarémolo moito de menos.

domingo, diciembre 26, 2010

O mundo feliz de Feijóo: dentro de pouco non haberá doentes nin farán falta os médicos

Pois parece que Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE e médico de profesión, non andaba tan descarrilado cando lle preguntou no Parlamento ao presidente da Xunta se se pagaba máis aos médicos por daren altas sen probas complemenetarias polas tardes.  Algunhas almas cándidas, que nos lles importou faceren de acólitos do alarmante proceso de privatización posto a andar sobre a sanidade pública galega, puxeron daquela o grito no ceo: que escándalo, dicían, que un médico diga o que está dicindo.
Agora resulta que non é só Pachi Vázquez. Outro Vázquez, neste caso Francisco Vázquez Vizoso, responsábel da agrupación médica da CIG, acaba de manifestar que o documento do Sergas que intenta regular as xornadas dos hospitais é talmente confuso e que cada centro médico interprétao ao seu xeito. Hai hospitais nos que, se o doente sae dunha destas consultas dado de alta pola tarde, o seu médico cobra máis. En vez dos 20 euros que cobraría por unha consulta ordinaria fóra do horario habitual, 35 euros se no resultado final vai comprendida a alta médica do doente.
Sanidade dixo que non é obrigatoiro que se produza a alta médica, pero agora o respresentante médico da CIG tamén pon en dúbida a medida aplicada polo goberno de Núñez Feijóo. “A falta de claridade do documento e o seu carácter cladestino está provocando unha gran variabilidade na súa aplicación práctica”, sostén o responsábel médico do sindicato nacionalista.
O problema vai ser cando xa consigan darlle a alta a todo quisque. Canto e por que van cobrar os médicos daquela? Dá a impresión de que Feijóo e a súa conselleira Pilar Farjas van camiño de conseguir o mundo feliz dunha Galicia sen doentes. O que será igual tamén a unha Galicia sen médicos. Ata poderemos volver a fumar e todo.

miércoles, diciembre 22, 2010

Cada un a súa vela

Nin me tocou a lotaría nin teño moitas gañas de seguir escribindo chorradas neste blog, pero débolle a algúns amigos unha explicación e esa explicación vóullela dar. Un xa non está para trotes. “Caballo le dan sabana porque está viejo y cansado, pero no se dan ni cuenta que un corazón amarrado cuando le sueltan las riendas es caballo desbocado”, como escribíu María Teresa Chacin para a famosa canción colombiana Caballo viejo (a mesma que Julio Iglesias estragou con moito éxito para a súa carteira).
Repasando só moi pola tona a actualidade política galega, observo que Pedro Arias volve a espirse –agora no Parlamento Galego– deixando ao ar do inverno o seu cú de político-intelectual reconvertido dende unha esquerda de cartón pedra a unha dereita de lixiviado urxente. Realmente hai que seguir vivindo para ver, como dicía o Séneca taurino.
Unha cousa é que Zapatero e a súa cohorte, cada vez máis disminuída, foran capaces de levarnos cara o abismo ao que nos levaron, e outra moi distinta é que Pedro Arias, Miguel Cancio e unha ducia máis de gaitas en fole pretendan interpretarnos a decadencia do reino das malas artes.
Como sigan así, claro que amenazo con volver a escribir en Croques. E que cada pao aguante a súa vela. ¿Ou non?

lunes, diciembre 06, 2010

As uvas están tristes






Este vaise i aquel vaise, e todos, todos se van. Aínda non sairamos da orfandade na que nos deixou Paco Del Riego, e fóisenos agora Marcos Valcarcel. Estamos na outonía e caen as follas dos grandes carballos. Quen vai coidar agora as uvas? En que solaina imos catar o viño novo?

jueves, diciembre 02, 2010

A Estreñida

Algo me di que non andaron moi acertados os padriños da nova caixa de aforros galega. Bautizar cun nome tan enormemente longo e falto de imaxinación como Novacaixagalicia algo que se podía chamar, por exemplo, Novagalia ou Galinova, ou ata se cadra A Nova a secas, paréceme a min que é manexar o hisopo con impericia.
E, para máis inri, reparen no acróstico derivante: Nova Caixa Galega (NOCAGA). Adiviñen como lle van chamar ao neófito: A Estreñida, sen dúbida.

Que lles dean aos bancos

Éric Cantona é un futbolista francés que triunfou no equipo inglés Manchester United despois de levar unha carreira deportiva marcada por varios actos de releldía no seu país de orixe. Nos 432 partidos que xugou ao longo da súa vida deportiva marcou 161 goles e tamén interpretou algúns papeis en varias películas e documentais franceses.
O seu nome saltou otra vez á actualidade internacional como promotor da idea de que hai que facer algo para enfrontarse contra o perverso poder dos bancos. “O sistema está construído sobre os bancos, polo tanto, pode ser destruído a través deles –dixo–. En vez de que haxa tres millóns de persoas manifestándose na rúa, estes tres millóns de persoas van ao banco e retiran os seus cartos, e os bancos quebran. Aí radica a verdadeira ameaza, unha verdadeira revolución”.
O que en principio puido parecer unha simple boutade dun futbolista francés xa se concretou nun movemento internacional de protesta contra o intervencionismo dos bancos nas nosas vidas e na actual crise económica. Cantona chamou a que o próximo 7 de decembro os que compartan esta idea acudan aos seus bancos para retirar os fondos que teñan nas súas contas. El, dende logo, vai ser un dos que tomen esta medida.
Dunha primeira reacción de restarlle importancia ao asunto, a curiosa proposición do futbolista francés xa motivou que hoxe reaccionase Baudoin Prot, director de BNP Paribas, un dos bancos franceses máis poderosos, dicindo que “a recomendación de reitirar os depósitos é totalmente insecuritaria” e “completamente contraria ao que pode asegurar o funcionamento da economía”.
A verdade é que a un éntralle a tentación de facer esta vez o que indica un famoso xogador de fútbol.