viernes, febrero 04, 2011

Galicia –e xustiza– profunda

Un dos poucos lectores que me van quedando escribiume dicindo que o que publiquei sobre o crime de Sober “parece que o firma Belén Esteban”. Lamento non poder contradicilio pola sinxela razón de que eu case non sei quen é Belén Esteban. Non sigo nin de cerca nin de lonxe o que tal esperpéntico personaxe da mediocridade mediática española representa nin quero sabelo. Un, a certas alturas da súa vida, ten o privilexio de escoller a auga bendita coa que quere confirmarse.
Tamén me pregunta dito comunicante que entendo eu por Galicia profunda. E que vou entender? Pois talmente o que é. Os homes e as mulleres, as cousas, as paisaxes e as circunstancias que foron deixadas pola man de tódolos deuses aquí e acolá. En Galicia, en Castela, en Arizona, na Alsacia, na Bretaña, en Baviera, en Catania e no Chan de Amoeiro.
Eempezaba a ter claro que o caso do Chucán era un síntoma máis do que nos pasa –diga Xosé Luís Barreiro o que lle pete dicir nos seus artigos maxestosos de La Voz de Galicia–, pero aínda me faltaba por saber que pasaron tres anos de instrucción xudicial deste caso que vai camiño da fama sen que ninguén lle fixese un informe psiquiátrico a Xosé Carnero, agora xa definitivamente carne de retelladores mentais. Tivo que intervir un xornalista botado para diante –o que lle fixo a entrevista que obriga a revisar o seu caso– para que andemos replantexándonos o que andamos replantexándonos. A Barreiro pódelle parecer un caso máis de libro, pero a min polo menos o que me parece é un alarmante síntoma da mala administración de xustiza. Se cadra non ten importancia. Se cadra hai tantos...
Sexa como for, a min chócanme as palabras do fiscal que se ocupou do caso, Javier Rey. Analicen a seguinte frase pronunciada por el: “Non teceu nin catro respostas seguidas; non serve para aclarar nada, pero está na normalidade de coeficiente intelectual porque razona perfectamente”. En que coeficiente intelectual andaremos os que acertamos a dar catro respostas seguidas que serven para aclarar algo? Que non mo responda o fiscal, que mo diga a administración da xustiza en pleno exercizo das súas funcións públicas. Non vaia ser que, ademais dunha Galicia profunda, tamén haxa unha xusitiza tan fonda que non haxa deus que a entenda.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Hai sentenzas que son difíciles de dixerir, certamente.