lunes, junio 13, 2011

Ana Liste

Dende algún lugar dos mares do Sur escríbeme Ana Liste para dicirme que viu en Croques “unha cadela que tinha un certo ar contigo”. Ana anda por Mozambique hai xa varios anos, e alégrome saber dela aínda que sexa co gallo de que me morreu a miña amada Mara, a tal cadela que se parecía a min.
E xa me empeza a dar voltas o conto por que non é só Ana Liste quen estabreceu esa semellanza. Remi Parmentier, a última vez que estivo na miña casa, tamén dixo algo semellante, e eu claro que fico encatandísimo. Xa me gustaría ser como era ela. Mara era boa, lista, educada, xenerosa, noble, solidaria... Era unha cadela, pero era máis persoa ca media das persoas que andan pintando algo polo mundo adiante.
A Ana Liste coñecína hai moitos anos, cando empezaba a voar como muller independente, aventureira e incapaz de estar parada maís de vinte minutos. Procedía dalgún faro da costa galega e viña disposta a comer o mundo a cachos. Seguramente moitos dos seus amigos non soubemos entendela todo o ben que ela merecía e ata é probábel que algunha vez lle fixeramos algunha trasnada. O seu corazón é tan grande que nunca no lo tomou a mal. No fondo, Ana tamén se parece a Mara. Ten os ollos grandes, coma os tiña Mara, e olla de fronte ata espir o cerebro do que ten de fronte. Oxalá que lle vaia moi ben polos mares do Sur.