miércoles, julio 20, 2011

Pois se cadra

Algo moi grave esta a pasar en España. E en Europa. E no mundo. Dende que caeu o muro de Berlín, é dicir, dende que quebrou o chamado socialismo real, non é que foramos para menos mal, é que fomos de precipicio en precipicio. Quere isto dicir que eu son nostálxico de calquera vello réxime? Non. Todo o contrario. O que pasa é o que pasa. Que, cada vez máis, non invade e nos reduce non a vella escola de Chicago de Milton Friedman, que agora mesmo case sería un respiro, senón o pior de todo o pior do liberalismo ecomómico internacional. Os ricos, cada vez máis ricos e os pobres a cumprir o seu papel cada vez con menos proteínas.
Que un puñado de anónimos funcionarios do pior capitalismo, como é o caso das poderosas axencias calificadoras do mercado internacional, manden moito máis que calquera elección democrática, país por país, ou por agrupación de países, como é caso de Europa, que calquera decisión soberana só representa que estamos no pior dos escenarios posíbeis do mundo mundial. Estase a ver todos os días. Por este camiño non hai Europa que resista tanta agresión das forzas reaccionarias globalizadas. Ou despertamos nós, os europeos, ou se remata para moito tempo o mellor que foi capaz de inventar Europa, o sistema de benestar e a igualdade social. A Revolución francesa está a piques de fracasar definitivamente e adiós lberdade, fraternidade e igualdade despois de máis de cen anos de magnífica influenza universal. Os de Nova York xa poden ir apeando a súa estatua da Liberdade.
Se todo isto o concretamos en España, e máis localmente en Galicia, vaiámonos preparando. Se Rajoy é a España o que Reagan ou a Tatcher foron a Estados Unidos ou á Gran Bretaña, Feijóo non é máis ca unha reducida miniatura municipal e espesa do que foi para a Baviera alemana Franz Johan Strauss, con perdón de Fraga Iribarne. Non nos chamemos a sorpresas e empecemos a sabermos o que nos vai caer enriba: o pior do capitalismo moribundo internacional. É dicir, preparémonos para traballarmos mais das 48 horas semanais polas que perderon a vida Sacco en Vanzetti e vaiámonos amañando para vivirmos moi por debaixo do mileurismo cunha seguridade social cada vez menos eficiente e cun benestar definitivamente tullido e desmontado. E, senón, tempo ao tempo.
Cun pronóstico como o que estou a facer, diranme algúns de vostedes, mais nos valera volver a emigrar. Pois se cadra.

3 comentarios:

Se Moncho dijo...

Emigrar cara onde?

Pasaba por aqui dijo...

Leume o pensamento que diría a tía Andrea, pois neso matinamos moitos. E tamén coincido con se Moncho cara onde emigramos?

Anónimo dijo...

Unha crise tan gorda do capitalismo como a que provocaron nestes ultimos anos o neoliberalismo salvaxe, ten dúas solucións: ou toda a esquerda cos socialdemócratas europeos tratan de virar esta desfeita, ou temos sangre a esgalla, tempo ao tempo.
¡Emigrar!, só quédanos a Lúa e non deixar que veñan aos que están desfacendo este planeta, senón quedamos sen o nos satélitem rematan con el en menos de tres anos.