viernes, octubre 07, 2011

Capitalismo

Escribe hoxe Fermín Bouza, en El País, sobre a expectativa de que podan estar a desenvolverse cambios na cultura política, e parece sorprenderse de que hai agora “amas de casa acogotadas pola crise (que) falan de capitalismo coma os líderes revolucionarios”. Paréceme a min que esta vez o noso sociólogo de cabeceira peca algo de optimismo de máis. A que líderes revolucionarios se refire? Será aos clásicos porque o que é agora onde é que están? O único revolucionario actual morreu hai dous días, chamabase Steve Jobs e era un empresario.
Polo que se le no artigo, a Bouza a palabra “capitalismo” parecíalle “unha expresión decimonónica que xa non tiña sentido a día de hoxe”. O sociólogo descúbrenos nada menos que “a parte da poboación que mantén a súa ubicación en cuadrículas de esquerda e centro-esquerda... debate na barra dos bares, na porta das igrexas e nas esquinas da rúa, sobre o ditoso capitalismo, palabra de moda nos mentideiros populares, coa que enchen a boca tamén as amas de casa nas conversacións de mercado”. Realmente non sei a que mercados vai Fermín Bouza porque eu no Carrefour, no Mercadona, no Froiz ou no Gadis de Bertamiráns nunca lles observei tales recursos dialécticos a estas señoras.
Atribúe a recolocación da palabra capitalismo “nos diccionarios non escritos do debate da rúa” á “capacidade de seducción que exerceu o 15-M sobre unha parte importante da poboación”, e sostén que “iso é algo que está cambiando a cultura das élites”. Bouza non conta ningún conto chinés dicíndonos todo isto, pero se cadra debería afondar máis no asunto tentando respondernos á pregunta de por que chegou a pasar tanto de moda falar de capitalismo ata que nos chegaron as vacas fracas. El mesmo nos dá como “expresión decimonónica” a palabra de marras.
Non ocurriría, quizais, que as élites intelectuais dos últimos tempos –dende a caída do comunismo, para sermos exactos– deixaron de seren críticas e pasaron a ser meros acompañantes do rampante proceso liberal que se adueñou do mundo e que nos levou a onde estamos agora? Para min está claro: hai cincuenta anos, o filósofo francés era Jean-Paul Sartre. Agora din que é un tal Bernard-Henri Lévy.
O capitalismo, diga agora o que queira Fermín Bouza, nunca se viu reducido a unha expresión decimonónica. Sempre foi o que foi e o que sigue sendo: un sistema de explotación do home polo home (e da muller pola muller tamén). Por iso estamos na crise na que estamos e por iso hai antisociais coma esa media ducia de sinvergonzas que meteron nos seus petos o 22 por cento de todo o que vale agora Novacaixagalicia.