lunes, febrero 25, 2013

O Papa e Méndez Ferrín

No sei cal das dúas demisións me sorprendeu máis: a do Papa ou a do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín. Salvas as distancias, en ámbalas dúas me parece que hai algunhas concomitancias. De Benedito XVI dixo o presitixioso xornal romano La Repubblica que tomou a decisión de dar un portazo despois de ler o voluminoso informe de case 300 páxinas que lle fixeron os cardeais Juan Herránz, Salvatore De Giorgi e Josef Tomko sobre a non observanza do sexto e do séptimo mandamentos por parte dunha rede transversal supostamente implantada na Igrexa Católica contra a que o Papa dimisionario se viu incapaz de loitar.
O denominado escándalo Vatileaks non parou de medrar nos útimos tempos e xa levou por diante polo menos a dous dos seus protagonistas: Paolo Gabriele, mordomo do Papa, e Ettore Gotti Tedeschi, director do Instituto Para as Obras de Relixión (IOR), o Banco do Vaticano. Tamén ocasionou que o Papa alonxase de Roma o subsecretario de Estado para as Relacións cos Estados con Nunciatura, Ettore Balestrero, que foi mandado de nuncio a Colombia. Tarsicio Bertone, o poderosísimo secretario de Estado do Vaticano, cardeal sobre o que pode haber máis dunha referencia na Relationem que lle fixeron chegar ao Papa os tres cardeais que formaron a comisión investigadora, pode ter os días contados. Entre os seus máis directos colaboradores hai un arcebispo galego, monseñor Francisco Javier Froján, natural de Caldas de Reis e licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago.
No tocante a Ferrín, non é que teña o seu propio Ferrileaks, pero parece evidente que na súa decisión de renunciar non só á presidencia da Academia Galega senón tamén á súa condición de membro numerario da mesma, non están ausentes nin moito menos as loitas e, sobre todo, as intrigas internas que periódicamente peneiran a cultura galega oficial. Así se desprende da moi significativa entrevista que hoxe publica La Voz de Galicia co secretario da RAG, Xosé Luis Axeitos, para o que parece claro que “O Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura queren colonizar a Academia”.
Axeitos tirou os pelos da súa lingua nesta entrevista para denunciar que “hai determinadas institucións culturais de gran potencia que a ocupan e a colonizan (a Academia). Pasou coas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, que entraron masivamente na Academia. Pasou con Galaxia, que secuestrou a Academia durante gran parte da postguerra. E pasa agora mesmo coa Universidade de Santiago, co ILG. Hai tres universidades en Galicia, pero a única representada é a de Santiago. Hai un desequilibrio evidente”.
Na propia carta que lles mandou Ferrín á Comisión executiva e aos membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega, para anunciarlles a súa renuncia, deixa ben claro que o seu “Papado” tamén tivo a súa propia rede transversal de non observanza dalgún mandamento. “Outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”, escribiu nesa carta –con máis pólvora que magnolias– o prestixioso escritor galego.
En resume, que a Academia Galega e o resto das institucións culturais galegas non son o Vaticano pero seméllanse algo. Polo menos nas intrigas palacianas. Alguén terá que dicirlles algunha vez que a realidade galega, cultural e a que fose, non é precisamente como queren eles que sexa. Non está o forno para cocer tantas empanadas.

9 comentarios:

marcel swann dijo...

Ao fío dun artigo de Sarille publicado hoxe no Correo de Santiago, e a cousas que teño comentado noutro blog hai algúns anos. A saber, en Galicia temos, ademáis da Consellería de Cultura:

- A RAG
- O ILG
- O Ramón Piñeiro
- O Consello da Cultura Galega
- E tres departamentos de Filoloxía Galega

Todos están a facer o mesmo ou cousas semellantes. Todos controlados por case os mesmos persoeiros (aínda que os que dan o callo son os bolseiros, en moitos casos). Todos a facer estudos sobre temas ignotos, cando non promovendo ese neopiñeirismo merendiñas e vellote que se refocila na propia autocontemplación.

E, con todo, despois de todos estes anos de arduos traballos e publicacións que só eles len, aínda non foron capaces nin en conxunto nin por separado en publicar un dicionario de galego comme il faut, un dicionario etimolóxico e unha gramática da lingua.

Anónimo dijo...

–E, se o Papa é Ferrín, quen é Tarsicio Bertone?
–Pois será Ramón Villares.
–E logo quen é Vítor Freixanes?
–Monseñor Guerra Campos polo menos.

Anónimo dijo...

Eefectivamente o xuntaliñas deste blog deu no cravo, como acostuma facelo.
Ferrín, coa súa renuncia, ceibou un proceso moi similar ao do Papa: púxolles o cú ao aire a todos e a cada un dos apóstolos da Cultura galega. A ver o que fan agora.

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

So hai que ler os ataques a Ferrín En Sermos Galiza.

Anónimo dijo...

golden goose
kevin durant shoes
goyard bags
kobe basketball shoes
GGDB
yeezy 350 v2
kobe sneakers
off white
goyard
off white jordan