viernes, mayo 10, 2013

Xavier Vence non é Meendiño


Xavier Vence é todo un catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago que parece inclinado a sumarse ao corifeo vociferante no que se convertiu a política galega dos últimos tempos. Chegou a ser o mandamáis do BNG cando xa quedaban poucos para merecer –ou para aceptar– ese cargo e agora anda buscando, polo que parece, un lugar no que luza o sol da polémica rachada e maleducada.
A Vence non lle gustou o que dixo recentemente Xesús Alonso Montero, ao ser entrevistado en Voz Televisión por Fernanda Tabarés, acerca de que “se hai unha formación política comprometida co idioma esa é o BNG, pero son como esas nais que queren tanto aos nenos pequenos e aprétanos tanto que os abafan”. Era moi libre de gustarlle ou non esta análise, e o que debeu facer é rebatela con argumentos e non con insultos. Falando no Foro Cívico da Coruña, o líder do BNG chamoulle “bocazas” e “botarate petulante” a Alonso Montero, que mesmo podía ser seu pai. Nisto non se diferencia en nada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non se recatou en ofender a Beiras, que tamém podía ser seu pai.
O novo practicante do “maldizer” galego –nada a ver coas Cantigas de Meendiño nin de Airas Nunes– referiuse ao presidente da Academia Galega con esta frase: “Alonso Montero evidenciou un complexo clasista en relación ao galego, con conceitos de home rancio e anticuado. É un auténtico bocazas, un botarate petulante que destila certa misoxinia ao facer eses simis”.
Isto é o que se chama botar a lingua a pacer. Un señor catedrático da alma mater compostelana, que aspira a gobernar Galicia, arremete contra o presidente da Academia chamándolle “bocazas” e “botarate”. Nen sequera utilizou o idioma galego para insultalo, no que debería dicir bardallas, barafustán, baralleiro ou barallocas, en vez de “botarate”; ou linguateiro, deslinguado, lercho, lerchán, lingoreteiro, falabarato ou badueiro, en vez de “bocazas”. Non. O destinguido –non confundir con distinguido ou sobranceiro– Xavier Vence apuntouse á linguaxe insultante coa que hoxendía certos políticos parecen sentirse a gusto. A min o único que me inspira Xavier Vence con esta verborrea son unhas inmensas ganas de mandalo á merda. Para falarlle dende o seu propio nivel de educación.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

O problema dos do Bloque é que case sempre identifican o país con eles. Ou eles ou a españolización. o BNG ou o colonialismo. E non soportan que ninguén lles critique nada.
O malo de todo isto é que gastan máis forzas en combater aos que, a fin de contas, teñen moito que ver co que eles queren representar que en loitar contra a dereita que está matando Galicia.
O curioso é que sexa agora Xavier Vence o novo Paco Rodríguez destas liortas. Por este camiño hai pouco que facer.

Teo Cardalda dijo...

Moi bo sr. Conde. Que falta de respeto a un home da talla de Alonso Montero. Un home loitador de toda unha vida. Onde estaba este Vence do carallo cando o profesor as tiña duras naquela longa noite de pedra?
Quixera ver a este hoxe defendendo Galicia en Castrelo de Miño. Non sei se tería os collóns suficientes. Hai que ser un grande "gilipuertas" para insultar desa maneira a un persoeiro como Xesús. Ou estaba drogado ou é un inconsciente. Non encanto, se o dixo conscientemente, eu tamén mándoche a merda Sr. Vence.

varela dijo...

Perfecto, señor Perfecto.
Vence dixo o que dixo e pode gostar ou non, pero así o entendeu el e moitos máis.
Teño 50 anos e só perciben defensa do meu direito a que o galego sexa lingua de uso cotian nesa organización e algunhas persoas comprometidas.
Na entrevista do presidente da RAG, tiven a sensación de ver un videoclip de VH1,materia dos 80 e 90.

Hildegart Canido dijo...

Xa se armou outra vez. Xa andan a ouvear os lobeznos do BNG arredor da carnaza que lles botou Alonso Montero. E, mentres tanto, o PP e Núñez Feijóo mortos de risa.
Empezo a dubidar se neste país se pode desenvolver unha actitude razonablemente crítica cando a política se mete polo medio. E o nacionalismo sui generis do Bloque é particularente responsable desta incapacidade para encarar os problemas de maneira científica e razonable. Saben máis de insultos e de intemperancias que sistemas de interpretación racional.

Aturuxo dijo...

O que está claro é que o Bloque abriu a veda para dar caza e captura a Alonso Montero. Non hai máis ca ver o último número de Terra e Tempo, digo de SermosGaliza, para decatarse. Dúas entrevistas dirixidas con esta filanidade. E que fai Rivas prestándose de munición?
Pobre país o que vai tragando os seus fillos un a a un!

Anónimo dijo...

No SermosGaliza, un tal Foz xa insultou antes a Alonso Montero chamándolle sipaio. Os nacionalistas de esquerda son igual de malfalados –e pior falantes– cos de dereitas. Sexan catedráticos ou picapedreiros. Neso son iguais Beiras ou Xavier Vence ca moitos do PP. Entre todos están volvendo a traballar para o PP e para o PSOE. E o caso é que o fan por simple amor á arte (de esncangallalo todo).

Anónimo dijo...

Lo de insultarse unos a otros se está convirtiendo en costumbre nefasta.Se dirigen entre sí como si estuvieran en el bar de la esquina. Pero no es así como deben comportarse. Nunca me acostumbro a esto.Que vuelvan las buenas maneras y que se haga política de una vez. Vaya circo!!!

Anónimo dijo...

Recomiéndole al señor catedrático del BNG una dosis mediana de Tranquimazín, y que se acueste leyendo alguna noche algún tratado de urbanidad. ¿Botarate? ¿Bocazas? ¿No será el pretendido líder nacionalista quien se manifiesta como un auténtico botarate y un insuperable bocazas?
¡Vaya carrera! ¡Pero si no hizo más que llegar a la política y ya ganó un puesto de macarrismo orgánico! ¡Válganos San Paco Rodríguez!

Anónimo dijo...

O de Vence mal, pero tampouco vexo por que Alonso Montero ten que xogar a criticar ao único partido (é un dicir) que polo menos ata a chegada de AGE, apoiou ao galego sen dubidalo. Son ganas de facer máis dificil aínda o prestixio da Real Academia.