miércoles, septiembre 25, 2013

Delincuencia interclasista


Antes de facerme maiano (non estou seguro de que se diga así o xentilicio da Maía) fun lugués durante 16 anos, outros 16 fun madrigalego, dous anos francés da Lorena e vivín 14 anos en Santiago. Coido que ata cheguei a sentirme picheleiro auténtico e a considerar que a actual capital de Galicia era o sitio no que me gustaría pasar os derradeiros anos da miña vida. Cheguei a ter, xa que logo, o que seguramente é un bo coñecemento do que son a vida e as xentes dunha Compostela que foi a miña cidade en tres etapas do meu paso por este mundo, dúas delas marcadas polo franquismo e por parte da súa longa noite de pedra.
Poucas veces observei, porén, algo semellante ao que parece estar acontecendo nos últimos tempos na cidade do Apóstolo e da burocracia política. En menos de dous anos estamos vendo como ao xuíz novelista Vázquez Taín lles están caendo de punta casos que lle poden seguir inspirando a súa carreira literaria e enriquecendo experimentalmente a súa profesión forense. De confirmárense as hipóteses de traballo que hoxe manexan as forzas de orde pública que investigan a morte da mociña de Santiago Asunta Basterra, seguramente estamos a piques de que o caso do roubo do Códice Calixtino, diñeiro e outros obxectos da catedral compostelá pase a moi segundo plano da historia recente da criminoloxía local.
Eu lembro que, hai só tres décadas, por exemplo, en Santiago a penas se falaba máis ca das gamberradas dun célebre Alejo que atemorizaba as mentes política e relixiosamente correctas do Ensanche. O tal Alexo, a quen eu coñecín bastante ben, no fondo non era máis ca un raposo domado que, de vez en cando, asaltaba o galiñeiro chupándolle a xema aos hovos, pero sen matar nin sequera mancar moito as pitas do curral. Agora é moi diferente. Quen roubou na catedral foi un propio “home de igrexa e sacristía”, e toda unha avogada de moitísima sona remata engaiolada como suposta implicada na morte da súa propia filla.
Será que os tempos avanzan unha barbaridade. Agora xa non son só os pobres de solemnidade ou os desarraigados de sempre os que engrosan a estatística da delincuencia. Aí están os Bárcenas, os Urdangarín, os Souza e tantos outros que pertenecen ás mellores camadas da boa sociedade actual. Santiago non podía ser menos en darlle que facer aos xuíces. A nosa delincuencia tamén é interclasista.

2 comentarios:

Carqueixa dijo...

Xa crin que non ía escribir outro post; benvido a vida dixital.
Ben, ao caso. Imaxínese vostede, don Perfeuto, unha xuntanza investigadora entre o seu amigo, o ínclito García Mañá e o outro ínclito, Sr. Vázquez Taín. A que sería un bo cóctel? Co que lle gusta as fotos nos xornais, a entrevista nas teles ou que falen deles a todas horas, non habería mellor espectáculo nos "mass media".
O problema está niso, en que lles gusta máis as cámaras e as gravadoras máis que un pirulí a un neno, e se lle engadimos que están dirixidos políticamente, dá o resulado que vemos.
Saúdos, e escriba máis polo miúdo.

Anónimo dijo...

O Bárcenas creo que era de xente do común e a súa actual dona, tamén. Por iso fixo o que fixo, para alcanzar ós outros.