lunes, febrero 24, 2014

Jordi Évole e a trangallavisión


Confeso de entrada a miña admiración polo traballo profesional que veu desempeñando ata agora Jordi Évole, auténtico “animal” televisivo que soubo conquistar en pouco tempo un privilexiado posto no mundo da comunicación actual. Manifesto tamén que vin con moito interese ese remedo de Operación Lúa, con algo de Orson Wells, que emitiu onte A Sexta co título de Operación Palace.
Non quero presumir, pero fun dos que nos decatamos axiña de por onde ían os tiros e escoitei e lin con atención as advertencias finais de que todo se trataba de pura ficción. Aínda así, a min quedoume un extraño sabor de boca que non sei explicar moi ben. Sorprendeume que un dos adalides do realismo xornalístico español dos nosos días, como é Évole, e toda unha morea de políticos e ata un cineasta e un historiador, se prestasen a montar a trangallada que emitiu A Sexta o día no que se cumpría o 33 aniversario do golpe militar que quixeron levar a cabo Miláns del Bosch, Antonio Tejero e Alfonso Armada.
Por se había aínda algunha dúbida de que as televisións actuais son todas tributarias do puro espectáculo, Jordi Évole, A Sexta e Operación Palace despexáronas todas na noite do 23 de abril. Non acaba de parecerme mal que se fagan este tipo de brincadeiras televisivas sobre calquera acontecemento da nosa historia recente, pero non acerto a despexar ben a incógnita de cales poden ser as súas consecuencias ou os seus efectos colaterais máis significativos. Por exemplo, comprometeu Jordi Évole a súa fiabilidade e a do propio xornalismo facendo de saltimbanqui que vai da escada do xornalismo ao trampolín da ficción chistosa? Que papel xogaron os coñecidos políticos que se prestaron á montaxe de Operación Palace?
Quizais é precisamente o papel dos políticos o que máis me desacougou. Sorprendéronme moito as descoñecidas virtudes interpretativas de todos eles contando e repetindo a mentira da ficción como se fose a cousa máis seria. Aínda vai ser verdade iso de que a política é teatro e máis nada nos tempos que corren. Pola contra, será só realismo puro o que respiran os destinatarios e consumidores desa política? En caso afirmativo, non me extrañaría que nas próximas eleccións lles pregunten se o que poñen nos seus programas é verdade ou é ficción. E o mesmo lles podía dicir aos xornalistas que participaron na “trangallavisión” de Jordi Évole.
Non é por nada ou se cadra é porque eu vou pola vella, pero a min os xornalistas gústanme facendo xornalismo, os políticos política e a ficción que a faga quen ten que facela: os ficcionistas. Así como no seu tempo non me gustou que os xornalistas se convertisen en axentes de publicidade agora tampouco me fai feliz ver como queren emular a Orson Wells. Son un antigo, definitivamente.

4 comentarios:

Voz en off dijo...

Estou totalmente de acordo!Se quere ficcionar que faga unha novela. Eu senteime a velo pensando que íamos coñecer algunhas claves reais do 23f, para ver ficción poño unha película. Unha estafa informativa!

Teodomiro Cardalda dijo...

De acordo con Perfecto, cada quen que interprete con realismo a súa profesión de xornalista,os contos llos deixamos para os cuentistas xa vivimos nestes tempos unha ficción e caricatura política. Aínda agora temos que estar salvando aos "salvadores" de patrias da Casa Real e outras hervas.

Manolo dijo...

Que toda a tv serxa tan trangallada coma a fai Jordi Évole.....poña a tv polo serán mais teñame a man 2 de albariño ( como anestesia natural); saude Perfecto.
Atentamemte Manolo

Ana Bande dijo...

Hai tempo xa que estouraron as fronteiras do real e a ficción, atopámonos nun magma non sei se primixenio onde para orientarse hai que inventarse taxonomías novas. O xogo que prantexa o periodista non é orixal (sería moito que fosemos aquí na leira de inventar un novo paradigma de algo) pero si divertido e desacougante xusto na medida para que algúns dos alienados espectadores espertes e fagan unha pouca ximnasia neuronal, estou co Manolo ese, poña calquera outra cousa de calquera tv pública ou/e privada e trate de quedar quieto escointando sen pastillas, alcol ou lsd. Saúdos.