sábado, junio 14, 2014

O de Santiago, sen ser Gomorra, é de Roberto Saviano

Definitivamente a evolución política que experimenta o Concello de Santiago está pedindo a gritos que lle apareza pronto un mago do sainete. Pero xa non abondaría coa hipotética aparición dun Carlos Arniches ou algún irmán Álvarez Quintero que paseasen polas rúas de Compostela. Tería que ser un auténtico Armando Discépolo dos nosos días o que lle puxera mollo de “grotesco criollo” á “jamás vista ni oída aventura que con más poco peligro fue acabada” no non se sabe se máis heroico que leal pazo de Raxoi.
Se todo o sucedido nos últimos tempos –cun alcalde condenado pola Xustiza, outro máis implicado, nove concelleiros tamén condenados pola Xustiza e algúns máis imputados– xa constituía unha auténtica Babilonia que podía cantar Morodo, agora a solución que lle acaban de dar á crise municipal santiaguesa Alberto Núñez Feijóo e Agustín Hernández parece talmente unha volta de rosca practicada con desparafusador de Ikea. Foise para a súa casa unha concelleira condenada por prevaricación, pois sustituímola polo seu home que debe saber pola familia o que compre facer no Concello e xa el propio é sabedor de como se desenvolveron determinadas cousas que deron precisamente lugar a varias actuacións da Xustiza. Ou impórtase de Boiro a quen xa deixou a súa voz marcada –e rexistrada– en indagacións xudiciais. E, se non abonda con todo isto, recupérase algún tarro de Chanel número 5 sen reparar na data de caducidade.
E todo porque Agustín Hernández buscou “o equipo” que considerou “mái axeitado en defensa dos intereses de Santiago"? É o que vai ser novo goberno municipal un equipo “cohexionado” e elaborado “con total liberdade” deixando dentro a un Ánxel Currás que foi o que desencadeou a crise e que pode ser precisamente agora o concelleiro con máis poder de goberno pola sinxela razón de que o seu voto pode significar o alcance da maioría nos plenos?
Realmente parecería todo de sainete, pero de sainete arxentino, grotesco crioulo, se non fora porque se cadra o que está sucedendo é máis propio do ensaio ca de calquera outro xénero literario. A triloxía Conde Roa-Anxel Currás-Agustín Hernández quizais lle quedase algo ancha a Discépolo e habería que encargarlla a Roberto Saviano.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Esta vez si, unha imaxe vale máis ca 1000 palabras. Onde está tomada a foto? Á porta do Pazo de Raxoi?

Luisfoz dijo...

Perfecto: Eu penso que quem melhor poderia escrever desta história havia ser Valle Inclán, o inventor dos esperpentos e que ademais conhecia bem Santiago. O da Barbie não é fosse o máximo -aqui não se sabe até onde podem chegar- mas é a última notícia que recebi

Unknown dijo...

O sainete continuará.O BNG anuncia un recurso contra a elección de alcalde.Se vai pola vía de vulneración de dereitos fundamentais ten unha tranitación preferente e pode saír a sentenza nuns meses antes de que finalice o mandato.O precepto da lei electoral que permite completar os concelleiros foi introducido para que no País vasco non quedasen corporacións sen conceleiros pero diso a que poidan participar na elección de Alcalde hai un longo treito.Máxime cando o dimitido por vontade propia forma parte da corporación.Toda unha tesina para os mantes do dereito aplicado.