miércoles, abril 22, 2015

O cantoso caso de Cantoria

Antonio Cerrillo con Susana Díaz
Sostén María Dolores de Cospedal que no Partido Popular traballouse moito para “saquear o noso pais”, e se cadra é verdade, aínda que fixese tal consideración dende algunha parte segreda do seu subconsciente. O caso, ademaís, é que acto seguido engadiu que o van seguir facendo. Ha ser divertido se algunha vez algún sociolingüista ou psicoanalista, mellor aínda, decide recopilar e analizar este tipo de manifestacións subconscientes dos que mandan nas nosas vidas.
Están a chegar as primeiras eleccións das varias que van ter lugar este ano e o panorama xa comenza a ser máis arrepiante que divertido. No municipio almeriense de Cantoria, un dilixentísimo e oportuno garda civil rexistrou a Antonio Cerrillo Peña, candidato do PSOE á alcaldía dese lugar, cando saía dun deses prostíbulos que tanto balizan as estradas e barrios periféricos da xeografía española. Atopoulle unha “papelina” de cocaína, polo que posteriormente lle foron requisadas as armas e a licenza de caza que poseía, segundo se deu présa en facer público o Partido Popular mediante a emisión dun comunicado de Prensa.
Tamén hai que ver como elixen os do PSOE a algúns dos seus candidatos! O de Cantoria non lles abondou con que fose cazador e propietario de armas. Tamén tiña que ser “putero” e consumidor de cocaína. E, postos a coleccionar coincidencias, tamén é casualidade que o garda civil de marras se puxese a facer rexistros cando saía do “puticlub” o candidato socialista, e aparecese case de inmediato un comunicado do Partido Popular negándolle “catadura moral para representar os veciños de Cantoria”.
Por certo, Cantoria é un concello do Val do Almanzora (Almería) no que todos parece que teñen moito que rascar. O anterior alcalde, Pedro Llamas, do PP, tivo que dimitir, en xuño do 2013, para cumprir a condea de dous anos de cárcere e 23 meses de inhabilitación que lle impuxo o Tribunal Supremo por cometer o delito de falsidade documental. O candidato que agora presenta o PP, José María Llamas, é irmán do ex alcalde inhabilitado e tamén foi condeado a prisión por construir vivendas en chan non urbanizábel, segundo informou a responsábel de Política Municipal do PSOE en Almería, Adela Segura, cando se fixo pública a renuncia de Antonio Cerrillo a consecuencia do escándalo político que se armou. Curiosamente ao candidato socialista non o denunciaron por ir de putas (catadura moral que aínda segue sendo legal) senón por levar unha “papelina” de cocaína no peto. Cantoso –ou “cantorioso”– é o caso de Cantoria.

No hay comentarios: