lunes, enero 17, 2011

Banqueiros na picota

Hoxe leo dúas noticias ben significativas en cada un dos dous xornais madrileños máis importantes. Para empezar, El Mundo abre a súa primeira páxina, a catro columnas, coa noticia de que o Tribunal Supremo endureceu a pena imposta ao número dous do grupo bancario Santander, Alfredo Sáenz, condenándoo a oito meses de prisión, multa e inhabilitación especial para calquera emprego relacionado coa banca, por delictos de presentación dunha acusación falsa e de estafa procesal.
A noticia ocupa logo toda a páxina 32 do xornal, con titular e desenvolvemento a cinco columnas, explicando como Alfredo Sáenz, cando foi presidente do Banesto intervido polo Estado en 1993, presentou unha demanda por estafa e alzamento de bens contra catro accionistas do Grupo Harry Walker a sabendas de que eran completamente inocentes. O caso foi instruído polo polémico xuíz Pascual Estevill, que meteu na cadea os demandados por Sáenz embargándolles, ademais, bens por valor de 4,5 millóns de euros.
En 1996, o Supremo condenou a Estevill por estes feitos e botouno da cerreira xudicial. Máis tarde, a Audiciencia de Barcelona condenou a Alfredo Sáenz, ao director xeral de Banesto para Cataluña e Baleares, Miguel Ángel Calama, e ao avogado Rafael Jiménez de Parga a seis meses de prisión con multa, estimando que promoveron a demanda “co único propósito de recuperaren os créditos da forma que fose, sen empacho ningún en formulala contra persoas físicas que non debían nada, como artificio de presión, de amedrentamento para que respondesen polo que nunca avalaran". Agora, o Tribunal Supremo agravou esa condena nos termos antes expostos.
O caso é, dende logo, moi relevante pois non é moco de pavo que o segundo mandamáis dun grupo bancario tan importante e influínte como é o Santander sexa especialmente inhabilitado para exercer calquera emprego relacionado coa banca. Resulta, ademais, moi intsrutivo observar como o xornal dirixido por Pedro J. Ramírez é case o único que lle dá a importancia que merece a esta noticia. Non así, El País, por exemplo, que por agora ignora totalmente o asunto.
O outro banqueiro que me chama atención é o suízo Rudolf Elmer, que será xulgado esta semana en Suiza por romper a regras do segredo bancario. Esta noticia si que aparece destacada nas páxinas de El PaísElmer facilitoulle á web de Julian Assange, a xa famosísima Wikileaks, dous discos informáticos que conteñen nomes, transaccións e detalles de preto de 2.000 clientes de bancos que mandaron os seus cartos ao estranxeiro para conseguiren beneficios fiscais. Entre eles, importantes homes de negocios, artistas e arredor de 40 políticos.
Elmer, que foi despedido en 2002 da oficina do banco privado Julius Baer das illas Caimán, apareceu recentemente a carón de Assange nunha roda de prensa que tivo lugar en Londres para formalizar a entrega dos datos procedentes de varias contas segredas, que agora van ser publicados por Wikileaks logo de seren estudiados por un equipo profesional que se encargará de protexer algunhas fontes informativas. Elmer dixo que, como banqueiro, ten o dereito de plantarsee se hai algo que está mal. “Estou en contra do sistema –engadiu–. Sei como funciona o sistema e coñezo o día a día do negocio. Dende ese punto de vista, quería facer saber á sociedade o que eu sei",
Dous banqueiros na picota. Un español e outro suízo, e dúas maneiras diametralmente opostas de comportárense. Ía sendo hora de que os banqueiros deixasen de seren intocábeis.