miércoles, noviembre 30, 2011

Oscar Wilde segue sen pene

“Cando Oscar Wilde morreu en Paris, en 1900, estaba sen un penny”, segundo reza o comunicado da celebración do 111 cabodano da súa morte, que tivo lugar hoxe no cemtiterio Père-Lachaise de Paris. O xornal Libération rexouba con isto dicindo que “maintenat il est sans un pénis, ce qui n’est pas terrible non plus” (agora está sen un pene, o que tampouco é terríbel). Refírese a que o anxo asirio que adorna a súa tumba foi desprovisto do pene orixinal co que fou esculpido polo artista Jacob Epstein.
A realidade é que o autor do Retrato de Dorian Gray estaba sen un can cando finou na capital francesa en 1900. Os amigos pagáronlle daquela un enterro de sexta clase en Bagneux, e logo compraron unha concesión no famoso camposanto parisino de Père-Lachaise cando os seus libros comenzaron a venderse máis. Precisamente coa doazón de 2.000 exemplares deses libros puideron encargarlle ao escultor Jacob Epstein a execución dumba tumba apropiada que, no ano 1912, foi moi aclamada pola prensa inglesa, pero cando o artista foi ao cemiterio para darlle o derradeiro toque atopouna cuberta por unha lona negra e vixiada pola policía. O gobernador e o director da Escola de Belas Artes, alarmados polos órganos sexuais do anxo asirio da sepultura, fixérona tapar con escaiola e pedíronlle a Epstein que puxera unha folla de vide tapando aquelas vergonzas. O escultor negouse, e a tumba seguiu tapada ata 1914. O caso é que agora nin ten folla de vide nin sexo nin escaiola, e é un absoluto misterio a data de cando lle foron arrincadas eses elementos.
Sobre este particular correron os rumores máis diversos que van dende que serviu para facer tremendas bacanais, que a folla de viña foi retirada por estudiantes rebeldes no 1913 ou que foi unha muller a que lle rompeu os collóns ao anxo cun paraugas nos primeiros anos sesenta. Esta muller despois tiraría o pene nun corredor do cemiterio, onde foi recollido por un empregado que llo entregou ao director do camposanto, que o utilizou de pisa papeis no seu escritorio.
O famoso anxo eunuco e a tumba de Oscar Wilde sobreviviron así, con algunha pintada, ata o ano 1999, no que empezaron a aparecer sobre o monumento funerario pegadas cada vez máis abondantes dos bicos que moitos visitantes foron depositando sobre as pedras. As grasas e outros produtos utilizados nos cosméticos utilizados como pintalabios foron empapando a pedra e deixando sobre ela pegadas indelébeis. En cada limpeza que se facía houbo que utilizar produtos que foron gastando a pedra e volvéndoa máis porosa, polo que, co gallo da celebración do 111 aniversario da morte de Wilde, o goberno de Irlanda sufragou unha última limpeza da tumba, monumento histórico dende 1997, e mandou colocarlle unha protección de vidro para impedir que continúen os célebres bicos.
Hoxe precisamente, conmemorouse ese aniversario a as reformas da tumba de Oscar Wilde. Merlin Holland, o único neto do famoso escritor irlandés, decidiu que non se lle restituira o pene ao anxo asirio, argumentando que esta carencia case fantasmática do órgano sexual do que foi desposeído xa forma parte da historia do monumento. Se cadra ninguén pode volver a facerlle unha foto coma que lle fixen eu na miña última visita ao Père-Lachaise á tumba de Oscar Wilde (reproducida arriba á esquerda).

No hay comentarios: